O alquerque de tres da Capela do Carme de Abaixo de Compostela


Alquerque do 3-3Queremos comezar o ano empregando as renovadas forzas e ilusións neste pequeno aporte xa que a poderosa preguiza está sempre á procura das nosas mentes e só coñecemos un antídoto para facerlle fronte, o traballo. Imos logo.

No adro da Capela do Carme de Abaixo localízase, nunha das laxes da fachada do templo, un gravado de época histórica. Trátase dun taboleiro de xogo coñecido como alquerque de tres, pai fillo nai ou tres en raia conformado por nove coviñas organizadas en 3 aliñacións de 3 conformando un deseño rectangular.

É un elemento pouco coñecido aínda que xa foi publicado por Hidalgo Cuñarro no ano 2008 na súa publicación sobre os xogos de taboleiros medievais da Catedral de Ourense onde expón:

En la provincia de A Coruña, sólo tenemos constancia de un “alquerque de cinco” o de los denominados “tres en raya”, en una edificio religioso en Santiago de Compostela. La novedad aquí, radica que el diseño nos viene dado por pequeñas cazoletas colocadas en línea recta, formando tres grupos de tres. La información de este inédito juego de tablero, se la debemos a D. Fernando Alonso Romero, a quien le damos las gracias por su colaboración.1

Alquerque do 3-2Hidalgo Cuñarro completa esta descrición nunha entrada do seu moi recomendable blogue Juegos de Tableros romanos y medievales no que sinala a inexistencia de sucos ou liñas e o mal estado de conservación do elemento.2

Agora ben, trátase dun taboleiro de xogo medieval que se sitúa nunha construción barroca. A causa desta aparente incongruencia poderiamos atopala se indagamos nas orixes deste templo que é sé da Confraría da Nosa Señora do Carme. Entendemos que o perpiaño onde se atopa o gravado foi reaproveitado e provén dunha construción anterior e  podería ser esta a capela coa que comparte nome que se atopaba máis arriba seguindo o camiño cara a Figueiras a coñecida como Capela da Nosa Señora do Carme de Arriba e que lle emprestou o nome o actual Convento do Carme de Arriba fundado tamén no século XVIII.

En el informe que emite el cura ecónomo de San Fructuoso a petición de la Cofradía y con la finalidad de poder construir la capilla leemos: “el sittio en que se quiere fundar -la capilla- hes comodo y a propositto exseptto que mas arriva y en el camino que ba para la feligresía de Santa María de Figueiras ay ottra capilla de Nuestra Señora del Carmen, y el suplicante y por oviar cabilacionles con el dueño de dicha capilla pueden a ttittular la misma ymaxen del Carmen a ymbocación de la puente por estar sitto el rosario en el varrio del mismo nombre y estto hes lo que quedo yn formar a V. S …. Maio honce de mili settecienttos. zinquenta”. A.P.S.F.S.: Fondos de la cofradía … , mazo con papeles sueltos.3

Alquerque do 3Non dispoñemos de mais datos sobre esta antiga capela do Carme de Arriba, descoñecemos tanto a súa configuración como a súa data de fundación, mais tendo en conta que no mesmo século XVIII fúndase en Compostela o convento que leva o mesmo nome podería ser bastante factible que a desaparición da capela coincidise mais ou menos no tempo ca construción desta capela do Carme de Abaixo e a fundación do Convento do Carme de Arriba. A proximidade xeográfica entre ambas capelas do Carme é un elemento moi interesante á hora de valorar a posibilidade de que se reaproveitasen elementos desta na construción da actual Capela do Carme de Abaixo.

Mais con este aporte só pretendemos presentar esta hipótese e divulgar a existencia deste gravado xa que somos conscientes de que a procedencia deste elemento pode estar en calquera fábrica medieval compostelán xa arruinada cando se levantou a actual capela.

__________________________________

1 Hidalgo Cuñarro, J.M. “Los Juegos de tablero de medievales de la Catedral de Ourense”. pax. 119 en Porta da aira: revista de historia del arte orensano, ISSN 0214-4964, Nº. 12, 2008 , págs. 107-158.
2 http://juegosdetablerosromanosymedievales.blogspot.com.es/2008/06/tablero-de-juego-de-cazoletas-de-la.html
3 Fernández Castiñeiras, E.  Arte y religiosidad popular. La cofradía de Nuestra Señora del Carmen de Santiago de Compostela.  pax. 349. en Porta da aira: revista de historia del arte orensano, ISSN 0214-4964, Nº. 11, 2006 , págs. 331-370.

__________________________________

Para saber máis:

Unha idea sobre “O alquerque de tres da Capela do Carme de Abaixo de Compostela

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.