Novos petróglifos no val de Folgoso, Compostela.


Pouco a pouco imos completando o catálogo da arte rupestre da nosa comarca. Cremos firmemente que a elaboración dun catálogo o máis completo posible é a base imprescindible para afrontar con garantías estudos de conxunto [1] que aporten luz ás moitas incógnitas que, a día de hoxe, seguen a rodear a estes símbolos gravados na pedra.

Localización dos petroglifos no Val de Folgoso

Presentamos a continuación dúas novas estacións de petróglifos localizadas no Concello de Santiago, así como outros exemplos de gravados de factura recente.

Panorámica da aldea de Folgoso

Na actualidade constan catalogadas na parroquia de Figueiras un total de 6 estacións de arte rupestre prehistórica (Correxíns, O Pedroso, Souteliños, Chan de Figueiras, Codeseda e o petróglifo do Campo).

Plano de Figueiras ca situación dos petróglifos e mámoas catalogadas

De estes, no lugar de Folgoso, só o denominado petróglifo do Campo ou de Folgoso, no que Fernando Alonso Romero e Milagros Torrado Cespón afirman se conserva parcialmente unha representación da constelación de Orión.[2]

Petróglifo do Campo 1. Panel 1

Na ficha do Catálogo de Bens Patrimoniais do actual Plan Xeral de Ordenación Municipal descríbese do seguinte xeito:

Sobre un soporte granítico de pequeno tamaño, cunhas dimensións de 3,75 metros no senso norte – sur e 9 metros no senso leste-oeste, sitúase un conxunto de 6 cazoletas dispostas sen patrón aparente.

O diámetro das mesmas oscila entre os 4 e 7 centímetros e a súa profundidade entre 3 e 5 centímetros, presentando algunhas delas un perfil bastante anguloso e profundo, polo que non se descarta a súa orixe en datas recentes.

O alto grao de afección do soporte como consecuencia da extracción de pedra tradicional impide o coñecemento do conxunto dos gravados en orixe.

Vista do paso do rego desde o petróglifo do Campo 1. Panel 2 en primeiro plano

Ademais deste panel xa coñecido localizamos dous novos paneis. O panel 2 cunha soa coviña e o panel 3 con dúas coviñas. Pese á simplicidade dos motivos estes aportan información de interese xa que evidencian unha maior complexidade dos deseños orixinarios desta estación. Debe recordarse que a peneda está moi alterada por labores tradicionais de cantaría.

Ademais, estes motivos semellan recalcar a interrelación entre esta estación e o paso do rego así como a estación do Rego do Porto Marelo (que logo analizaremos), xa que si nos situamos no panel 1 a visualización dos paneis 2 e o 3 oriéntanos cara eses elementos.

Petróglifo do Campo 1. Panel 2.

A esta estación únense agora outras dúas localizadas nas proximidades, no pequeno val, e que comparten varias características en común, como veremos a continuación.

Petróglifo do Campo 1. Panel 3

Polo que respecta ao denominado Petroglifo do Chans de Figueiras só sabemos o que consta na ficha dos bens catalogados do actual PXOM de Santiago de Compostela. Na propia ficha fálase de unha referencia non localizable na actualidade. Atendendo á descrición é moi probable que se trate de unha confusión con algunha das moitas laxes con múltiples “picadas e tanteos” de canteiros na súa superficie que se distribúen por toda o Chan de Figueiras.

Laxe con marcas dos canteiros no Chan de Figueiras

O petróglifo do Rego do Porto Marelo.

Localízase nun penedo granítico de grandes dimensións situado nunha pequena lomba á beira do regato que lle da nome. As coordenadas UTM son 29 T 532881 4749038 (altitude: 269 m.) O penedo forma parte dun afloramento granítico que descende ata o rego. Un camiño de carro cruza o afloramento quedando o penedo con insculturas ao lado oposto do rego.

Rego do Porto Marelo

A parte situada á beira do regato atópase moi alterada polas actividades extractivas. Polo contrario o penedo no que se conservan as insculturas semella terse librado da acción dos canteiros. Isto puido deberse a que  na súa composición presenta gran cantidade de seixo feito polo que posiblemente tería sido descartado xa que faría que a extracción de pedra con fins económicos non resultase o suficiente rendible.

Petróglifo do Rego de Porto Marelo. Vista xeral do soporte

Descrición dos motivos.

Todos os motivos representados pertencen ao grupo xeométrico. Dividiremos a estación en 3 paneis para facilitar a descripción.

Panel 1. Zona superior

Panel 1. O panel ten unhas dimensións de 9,5 m de longo por 4 m de ancho. Na parte máis alta do penedo consérvanse ata 3 agrupacións de coviñas de diferentes dimensións gravadas nas protuberancias do penedo.

Panel 1. Sector central

O seu diámetro oscila entre os 7 cm e os 9 cm e unha profundidade de entre 1,5 cm e 2 cm. Presentan un alto grao de erosión. Contabilízanse neste panel un total de 20 coviñas e dúas cazoletas cun diámetro de 14 cm e unha profundidade de 5 cm.

Panel 1. Sector inferior

Panel 2. Nun petón próximo ao panel 1. dúas coviñas con unhas dimensións de 7 e 4 cm e  unha profundidade de 0,5 e 1,5 cm.

Petróglifo do Rego do Porto Marelo. Panel 2.

Panel 3. Na zona central da peneda, a máis regular, unha sóa coviña con un diámetro de 4 cm e unha profundidade de 1 cm.

Panel 3

O petróglifo do Campo 2.

Localízase nunha penedía granítica de gran fino que destaca sobre o terreo circundante, dedicado na actualidade a pastos, pese a estar moi alterada por labores extractivas de cantaría. As coordenadas UTM son 29 T 532878 4749543 (altitude: 284 m)

Petroglifo do Campo 2. Vista xeral

A laxe con insculturas se sitúa no cumio do afloramento que en gran parte permanece oculto baixo a terra e a vexetación. Trátase de unha laxe de gran fino de medianas dimensións (4,20 m x 2,80 m) que destaca sobre o nivel do solo. A superficie é bastante regular e horizontal caendo en altura cara ao suroeste consonte á orografía do terreo.

Detalle da combinación co suco radial de saída

Descrición dos motivos.

Todos os motivos representados pertencen ao grupo xeométrico. Componse dun total de 4 coviñas con suco en U moi aberto e unha combinación de dous círculos con coviña central e pequenos trazos radiais pegados á parte exterior do círculo.  Semella un motivo “soliforme”.

Vista xeral con luz artificial rasante

No medio destas figuras hai unha pía con forma de ril aparentemente natural cunha coviña/picada no interior. A combinación circular ten un diámetro de 22 cm, a coviña central 5 cm de diámetro e 2 cm de profundidade, do círculo interior parte un radio de saída. As coviñas exentas teñen un diámetro de 7 e 9 cm e unhas profundidades de 1,5 e 2 cm.

Petróglifo do campo 2

A paixase do Porto Marelo.

Os petróglifos do Folgoso – Porto Marelo, atópanse, como o propio nome evidencia, nun pequeno “porto”, é dicir, nun paso ou acceso no val que orixinou o pequeno “Rego do Porto Marelo”.

Son petróglifos que semellan sinalizar as vías de tránsito naturais a ambas beiras deste regato, cun amplo dominio visual sobre a súa contorna inmediata dominada por amplas zonas de pastos, “As Cortiñas”.

Val do Rego do Porto Marelo

Por outro lado, os petróglifos marcan tamén a liña de transición entre o val e o monte. Resulta significativo que os gravados figuren en afloramentos de bo porte, sendo aínda destacados puntos de referencia na paisaxe, a pesares da significativa perda de volume derivadas da acción extractiva dos canteiros, tal como reflicte a peneda do Petróglifo do Campo 1.

Son, polo tanto, fitos que articulan o territorio desde tempos inmemoriais, e que inevitablemente ollamos o ascender ao monte ou cando baixamos ao val.

Situación dos petroglifos en relación ao rego

Este pequeno chanzo natural no relevo marcaría tamén, en boa medida, a vida cotiá dos poboadores da Idade do Bronce, con poboados situados nas zonas altas ou a media altura, mentres as zonas máis baixas e húmidas do val ficarían deshabitadas e aproveitadas para o pastoreo. Unha pequena bacía fluvial esencial no día a día destes poboados situados na súa redonda inmediata.

Esta mesma disposición entre os petróglifos e a paisaxe repítese noutras zonas da comarca como acontece, aínda que a maior escala, nos petróglifos da Portela de Villestro. Gravados que contribúen a marcar unidades territoriais na Idade do Bronce, un xeito de “humanizar” a paisaxe, e mostra da capacidade do home para apropiarse do medio natural. [3]

Gravuras modernas de Folgoso.

Na entrada ao lugar de Folgoso pola estrada de Figueiras, a man esquerda destaca un penedo granítico de grandes dimensións de gran groso. Na superficie central, a máis horizontal, aprécianse uns deseños cun suco fino elaborados cunha ferramenta metálica que representan un corpo feminino espido sen cabeza nin brazos e pernas incompletas e os órganos sexuais destacados.  Dúas frechas rodean a parte inferior do corpo e sinalan á cintura. A esquerda do corpo un rudimentario corazón. Á dereita 2 peitos “exentos”.

A “venus” de Folgoso

Si seguimos a estrada que nos trouxo ata aquí, aos poucos metros, atopamos na aldea unha especie de praciña asfaltada case na súa totalidade. No centro, nunha laxe de pequenas dimensións a rás de chan, un corazón con siglas no seu interior elaborado con sucos grosos.

Nos penedos situados ao norte da estrada que leva a Folgoso localízanse dous corazóns máis e un laberintoide xunto con unha combinación de círculos concéntricos dos mesmos autores.

Gravado moderno. Corazón

Bibliografía.

  • Alonso Romero, F. e Torrado Cespón, M., “Orión en un petroglifo de Folgoso. Significado simbólico y práctico de los astros”. 2014. Andavira Editora.
  • Bradley, R., Criado, F. e Fábregas, R., “Los petroglifos como forma de apropiación del espacio: algunos ejemplos gallegos”, Trabajos de Prehistoria Vol. 51, 2. 1994. CSIC.
  • Lombao Vázquez, D.“Petroglifos da Comarca de Santiago”. 2014. TFG, Universidade de Santiago de Compostela.
  • “Inventario, catalogación e proposta de delimitación planimétrica dos petróglifos inéditos na comarca de Compostela” realizado polas empresas “Horizonte Norte” e “UAV Galicia” en colaboración co Colectivo a Rula entre novembro e decembro de 2016. Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Notas.

[1] Apenas existen na actualidade estudos sobre o conxunto dos petróglifos da comarca, a excepción do TFG “Petroglifos da Comarca de Santiago”, presentado no ano 2014 polo membro do Colectivo Diego Lombao na Facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Para o Concello de Teo a publicación do ano 2008 do Colectivo Ollarte, “Petroglifos do Concello de Teo”.

[2] Alonso Romero, F. e Torrado Cespón, M., “Orión en un petroglifo de Folgoso. Significado simbólico y práctico de los astros”. 2014. Andavira Editora.

[3] Son Bradley, Criado e Fábregas os que máis teñen estudado esta función dos petróglifos galaicos. De gran interese é “Los petroglifos como forma de apropiación del espacio: algunos ejemplos gallegos”, en Trabajos de Prehistoria Vol. 51, 2. 1994 para unha mellor comprensión.i