Novos taboleiros de xogo composteláns


Xa pasaron 2 anos dende que publicamos a nosa primeira aproximación ao interesante conxunto de taboleiros de xogo de época barroca que se conservan nas rúas e prazas de Compostela.

Durante este tempo organizamos un bo feixe de visitas dirixidas a todos aqueles interesados, que foron moitos, e os difundimos a través dos numerosos medios de comunicación que co seu bo quefacer incrementaron o interese neles. Moitos foron os que se achegaron a eles, en ocasións aportando pequenos datos e algunhas novas localizacións.

Fotogrametría de 3 dos taboleiros da Facultade de Historia

A continuación queremos facer unha pequena descrición destes novos taboleiros de xogo. E é que xunto ao bo recibimento ao noso primeiro artigo, este tamén contou coa habitual apatía das administracións con competencias na xestión do noso patrimonio, e así nestes dous anos non coñecemos de ningunha iniciativa promovida por estas administracións (Concello de Santiago e Xunta de Galicia) encamiñada a conservación ou divulgación destes elementos.

E é polo que apelamos a nosa sociedade como custodio dos vestixios da vida dos nosos devanceiros, que sexa quen de valorar na súa debida medida a singularidade destes taboleiros de xogo composteláns.

Os taboleiros na fachada oriental da Facultade de Historia

Na nosa primeira entrega contabilizáramos 4 taboleiros na fachada occidental á esquerda da porta principal de acceso ao edificio da actual Facultade de Historia. Pouco antes de que o publicásemos Fernando Alonso Romero xa nos advertira da existencia destes taboleiros existentes na fachada oposta, máis un erro noso na interpretación da información recibida levounos a confundilos cos da fachada principal.

Fotogrametría de 2 dos taboleiros da Facultade de Historia

Na soleira ou bancal corrido que recorre toda a fachada que mira cara o leste localízanse outros 7 exemplares. Sobre esta bancada instalouse unha canalización de aluminio, para a condución eléctrica, que está fixada        directamente na pedra e impide visualizar ben os taboleiros. Por iso é que para rexistralos recorremos á fotogrametría fronte á fotografía con luz artificial menos eficiente nesta ocasión.

Fotogrametría dun dos taboleiros da Facultade de Historia

Tódolos taboleiros presentan as tres aliñacións de tres coviñas conformando un cadrado habituais nos taboleiros composteláns, con algúns engadidos ao deseño básico, como sucos rectos de unión entre dúas coviñas. É posible que haxa máis taboleiros nesta bancada, algunhas zonas están moi cubertas pola sucidade e parte da fachada non é accesible pois unha reixa metálica impide o acceso.

Fotogrametría dun dos taboleiros da Facultade de Historia

O taboleiro da rúa de Vite de Abaixo, 34

Agradecemos a Miguel Ángel Trigo Amado a referencia deste fermoso taboleiro. Localízase nun pequeno espazo axardinado en fronte da casa núm. 34 da rúa de Vite de Abaixo. É, sen dúbida, o taboleiro de todo o conxunto compostelán que se localiza nun entorno máis rural. Tamén pode que sexa un dos poucos taboleiros que se poden ver desde a aplicación Google Street.

Localización do taboleiro de Vite de Abaixo, 34. Fonte Google Street

Consérvase na superficie dunha laxa de lousa situada no camiño de acceso á vivenda co habitual deseño de nove coviñas. É a lousa o elemento pétreo presente case de xeito uniforme nas construcións da contorna.

O taboleiro da rúa do Espíritu Santo, 30

O último en ser localizado, nesta ocasión por nós. Sitúase na soleira da ventá da casa número 30. Consérvanse parcialmente só 6 das nove coviñas habituais.

A excesiva substitución de pedra no pavimento desta rúa é un bo exemplo do que xa apuntabamos no artigo anterior, e que estamos convencidos foi o principal factor en contra para que máis taboleiros tivesen chegado ata os nosos días.

Taboleiro da rúa Espíritu Santo, 30

Queremos rematar agradecendo a Miguel e a Fernando a valiosa información que nos proporcionaron. Estamos convencidos de que quedan aínda moitos taboleiros por descubrir na cidade de Compostela. E, por iso, pedímosvos que prestedes atención nos vosos paseos, cando todo isto pase, e compartades con nós as vosas descubertas, seguros de que entre todos podemos ir completando o conxunto.

Consello das pedras, paciencia e resiliencia!!!