As primeiras letras teenses


No ano 1988 máis de catro mil persoas participaron en Lampai na “I Festa da Cultura de Teo”. O pregoeiro daquela multitudinaria festividade foi o profesor e arqueólogo Fernando Acuña Castroviejo. Na súa intervención resaltou o importante pasado histórico desta parroquia do suroeste teense, fronteira natural coas Terras de Iria. Os acontecementos presentes fixeron que as entidades asociativas e o tecido cultural teense volvan a unirse para celebrar unha “I Festa virtual das letras teenses” na que “homenaxear e valorizar as letras de Teo”. Queremos aproveitar o convite para reivindicar os “primeiros escritos teenses” e outros vestixios culturais desta parroquia de Santa María de Lampai, tal como antes fixera o desaparecido e admirado profesor vedrés afincado en Teo.

Marco de Porto, Lampai

Dende a súa orixe, as terras que actualmente forman o concello de Teo estiveron ligadas á historia da cidade de Compostela e a súa mitra, sendo protagonistas de antigas crónicas e lendas xacobeas. Foron escenarios de batallas contra os viquingos, acubillo para raíñas e relixiosos e encrucillada de antiquísimos camiños que recollen os trobadores composteláns nas súas cantigas (Cancioneiro de Joan Airas).

Porén, a parroquia de Lampai como a revista “Unión de Teo y Vedra” (UTV) sinalaba hai xa case un século

“es la feligresía de Teo de más tradiciones históricas que pueden contribuir al esclarecimiento del pretérito de Galicia”.

Boa mostra da fonda pegada que deixou o Medievo nesta parroquia son algunhas construcións espalladas polo seu territorio: a fermosa igrexa románica e mosteiro agostiño de Santa María de Lampai, construídos en tempos de Xelmírez; a residencia dos arcebispos composteláns no lugar de “Vilar do Bispo” nomeada nas memorias do Cardenal del Hoyo (1609); ou o desaparecido convento de San Paio na aba do Monte Beitureira, no que os Condes de Altamira recadaron os seus impostos ata ben entrado o século XVIII.

Vista aérea da aldea de Mosteiro en Lampai_AMT_F. UAVGalicia

Entre os primeiros escritos teenses destacamos, con “letras maiúsculas”, os caracteres gravados nos marcos da antiga “villae” de Pedrouso – Lampai, que delimitaban os terreos doados en 1156 polo monarca Afonso VII (1105 – 1157) ao seu vasalo Sancho Eanes en agradecemento aos seus servizos. Esta doazón foi confirmada nun documento do 29 de novembro dese mesmo ano incluído no Tombo B (folio 222) que conserva o Arquivo – Biblioteca da Catedral de Santiago de Compostela.

O marco 1 do Couto de Lampai é o máis representativo deste excepcional acoutamento medieval. É o único dos catro coñecidos que está gravado por tres das súas caras. Foi a principios deste século cando varios investigadores deron a coñecer estes marcos no ámbito académico, mais as “excursións” ás beiras do Rego do Tarrío e dos seus muíños da veciñanza de Lampai para visitar esta pedrafita xa se documentan nos anos vinte e trinta do pasado século. Non coñecían o seu verdadeiro significado pero eran fitos importantes na paisaxe da parroquia

“hay vestigios de que por esta feligresía atravesaba una importante vía romana, en la línea divisoria del ayuntamiento de Teo con el de Padrón existe un miliar con inscripciones al parecer, visigóticas, que dan fe de esta vía” (UTV 1935, núm. 300)

A veciñanza de Lampai nunha excursión ao marco de Lampai, 1935. UTV, núm. 300

O ano pasado o goberno municipal de Teo conectou nunha ruta arqueolóxica os principais elementos patrimoniais das parroquias de Calo e Luou. Agora propoñémoslles a creación dunha nova ruta que conserve, recupere e dea coñecer o importante legado medieval que atesouran estas cinco aldeas de Lampai.

Alédanos poder participar neste programa que recoñece a obra dos escritores teenses e lembrar estes primeiros textos teenses do marco de Lampai, herdanza dun monarca galego (Compostela, 1111) e posterior “imperator totius Hispaniae” (León, 1154).

Localizada unha nova mámoa no concello de Teo, a mámoa da Cruz de Angueira


Nestes estraños días que estamos a vivir un dos nosos socios localizou nun dos seus desprazamentos laborais habituais unha mámoa situada no sitio nomeado da Cruz de Angueira, na parroquia de Lucí (concello de Teo), unha vez que os seus propietarios fixeron tarefas de limpeza e roza deste terreo de monte de 24.288 m2

Mámoa da Cruz de Angueira. Plano de situación

Datos de localización da mámoa e descrición somera

Coordenadas UTM:  29 T 535979 4738821 (Datum: WGS 84)

Parcela: R.C. 15083A515017600000KH – Polígono 515 P.1760

Altitude: 169 m.s.n.m.

Descrición

Logo da limpeza deste terreo chairo de monte situado á beira da estrada CP-0205 (Ramallosa – Luou) a visualización da mámoa é sinxela. O túmulo, na zona central e leste da parcela, ten uns 26 m de diámetro, cunha elevación dun metro e medio e con cono de profanación moi colmatado. Non observamos restos de coira visibles nin estruturas pétreas.

Situación mámoa da Cruz de Angueira sobre planos catastrais e datos PBA

Logo de revisar o inventario patrimonial do pxom teense e a planimetría do PBA (Plan Básico Autónomico) comprobamos que este elemento patrimonial non figura catalogado e, aínda que moi próximo, figura tamén fóra da área de protección e amortecemento doutros elementos patrimoniais situados na contorna, concretamente dos xacementos do Monte do Pego 1 e 2 ó leste e do xacemento da mámoa da Lagoa e mámoa do Agro do Muiño ó oeste. A mámoa localizada estaría situada xusto no centro desta área arqueolóxica, mais non consta nas fichas nin nos planos consultados.

É significativa a súa proximidade co xacemento do Monte Pego 1 que foi localizado durante os traballos de sondaxes previos ó inventario patrimonial teense (2006).  Os técnicos da empresa Adobriga localizaron nesta área ata 85 fragmentos de cerámica de clara adscrición prehistórica, probablemente da Idade do Bronce. Este xacemento localizado como consecuencia da apertura dunha pista de concentración parcelaria esténdese a ambas marxes da sinalada pista durante más de 150 metros do punto establecido na actual planimetría do inventario patrimonial do PXOM e PBA (Plan Básico Autonómico). Neste sentido, cremos que podería haber unha relación entre ambos xacementos.

Achegamos este informe urxente á Dirección Xeral de Patrimonio e ó concello de Teo para que procedan a súa pronta valoración para a súa inclusión no inventario patrimonial, o mesmo tempo que ordenen a paralización preventiva das obras de repoboación forestal iniciadas esta semana en canto non se estremen as medidas de cautela necesarias e se garanta o seguimento dos citados traballos por parte dun técnico cualificado.

O marco da Potra, novo ben patrimonial do inventario de Bens Culturais de Galicia


Alédanos comunicarvos que esta semana a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura estimou a nosa solicitude para incluír o Marco da Potra (Teo – Vedra) no Inventario de Bens Culturais de Galicia.

Como sinala o técnico de Patrimonio, Juan Naveiro Seoane, este elemento ten un “notable interese” no só como ben arqueolóxico, un posible miliario romano anepígrafo asociado a unha vía de comunicación romana, senón tamén como elemento vinculado ao patrimonio inmaterial e folclore do concello de Teo.

Entendemos que a catalogación destes bens é esencial para súa preservación pero, en moitas ocasións, estas incoacións de novos bens patrimoniais non son atendidas polas administracións competentes, polo que é esta nova supón un importante incentivo e respaldo ao noso labor. Agardamos poder anunciarvos canto antes a inclusión de novos bens dos que temos solicitado a súa valoración.

De igual xeito, achegamos este informe de Patrimonio ao concello de Teo para que procedan a súa inclusión no inventario patrimonial do seu PXOM conforme aos preceptos legais.

Agradecemos a inestimable colaboración do mestre e investigador teense, Guillermo González Raviña, e a veciñanza da parroquia de Bamonde polos datos achegados sobre este singular ben cultural.