A derradeira mámoa do Montouto – Teo


No termo municipal de Teo existen máis de 75 mámoas catalogadas, destacando a grande necrópole megalítica do Monte Piquiño que integra 33 túmulos, ou mámoas como a de Trasellas que constitúen elementos de referencia na paisaxe emocional teense. Porén, nesta ocasión, imos falarvos dunha mámoa “case urbana”, moito menos coñecida e que segue resistindo á presión urbanística da súa contorna.

Mámoa núm 4 de Montouto

Falamos de “urbana”, pois sitúase nunha rúa e non, como é habitual, no medio dunha parcela de monte, concretamente no que sería o número 6 da rúa do Camiño da Cova da Pereira no lugar da Póboa, parroquia de Cacheiras. Inventariada no catálogo patrimonial municipal como a “Mámoa 4 do Montouto” (GA15082001), está nunha parcela (R.C. 15083A515002830000KY) á beira do Camiño Xacobeo dos Arrieiros, fronte a unha das naves industriais do polígono da Póboa – Montouto e a escasos metros da urbanización de San Sadurniño. Coordenadas UTM: X: 536747 Y: 4742955

Plano de situación da mámoa núm 4

É case un milagre poder ollala no medio dunha pequena carballeira illada entre naves industriais, eucaliptais e parcelas de montes abandonadas.

Plano de situación da necrópole

Esta “mámoa 4” é o último túmulo desta chaira situada na zona alta do Montouto – A Póboa – San Sadurniño que ten continuidade na necrópole do Monte da Busía polo SO, xa pertencente ó lugar de Vilar de Calo composta por 8 mámoas máis.

Recentemente localizamos outro novo túmulo, aínda non catalogado, na zona do Outeiro (xa na parroquia do Castiñeiro no termo municipal de Santiago), bastante alterado polas continuas repoboacións forestais e tamén ó pé do chamado Camiño dos Arrieiros e da Geira. Esta última descuberta permítenos aventurar a expansión da necrópole de Montouto ata esta área ó NE, unha zona aínda máis alterada pola actividade humana.

Mámoa núm 4 de Montouto. Cono de violación

Regresamos ó Montouto, pois preto desta mámoa 4, existiron ata finais da década dos setenta do século pasado outros tres túmulos (GA15082031; GA15082032 e GA15082033) intervidos no ano 1966 polos tres discípulos do académico e xurista Fermín Bouza Brey que coordinaba o traballo que realizaron os daquela investigadores mozos José Manuel González Reboredo, Manuel Carlos García Martínez e Fernando Acuña Castroviejo, integrantes da chamada “Sección de prospecciones antropológicas, etnográficas y prehistóricas” adscrita ó Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento (IEGPS). Tamén participaron neste proxecto varios alumnos da Universidade.

As primeiras referencias á necrópole do Montouto datan dos anos trinta, L. Pericot (1934) e F. López CuevillasF- Bouza Brey (1931), efiguran no plano arqueolóxico da comarca de Compostela realizado por Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza no ano 1953 co gallo do Congreso Nacional de Arqueoloxía (Arquivo Sobrino – Núñez e Arquivo do IEGPS). Hoxe só fica como lembranza de tempos pasados o nome da Rúa “Mámoas de Montouto” no lugar onde estiveron aqueles xacementos megalíticos xa desaparecidos.  Lamentablemente tamén desapareceu unha “cruz de pedra” situada ó outro lado da estrada C-541 que constituía un bo fito de referencia para localizar a necrópole do Montouto. Esta cruz perdeuse no ano 1983 segundo recolle unha nova de prensa da Voz de Galicia (10/02/1984).

Segundo o artigo publicado polos citados investigadores no Cuaderno de Estudios Gallegos (1968, t. XXIII) durante as intervencións realizadas na mámoa 1 e 3 do Montouto atopáronse numerosos fragmentos cerámicos que permitiron deducir a presenza de dous “cacharros” na mámoa 1 e outro “maior e máis perfecto” na mámoa 3. Dous “tipos cerámicos diferentes”, o primeiro moi habitual nos enxovais de moitos enterramentos megalíticos (citan como exemplo os restos cerámicos atopados nas mámoas da Mourela nas Pontes de García Rodríguez) e un segundo máis groso, de cor vermella na cara exterior e negro na externa que presentaba o vaso localizado na mámoa 3. Os investigadores destacaban que as tres mámoas foran espoliadas e non localizaron restos do dolmen.

Polas dimensións dos túmulos sinalan a hipótese de que foran enterramentos directos baixo o túmulo ou nunha pequena cista da que non se conservaban os esteos. En canto á súa cronoloxía propoñen unha datación no Bronce final. As 3 mámoas desaparecidas posuían menor tamaño e altura ca única mámoa que conservamos na actualidade, situada a uns 400 m ó NO do grupo anterior. O diámetro deste trío de túmulos oscilaban entre os 11 e 14 m, todos con furado central e apenas chegaban ó metro de altura.

Porén, a mámoa que chegou ata os nosos días mide uns 26 metros de diámetro e supera ós 2 metros de altura. O seu aspecto máis significativo é, sen dúbida, o gran furado central de 1,5 m de fondo e 6 metros de diámetro aberto nunha gabia cara o leste. Imaxinamos que nesta ocasión o túmulo si debeu contar cun dolmen no seu interior. Polas dimensións do túmulo poderiamos encadralo na fase de apoxeo dos grandes túmulos megalíticos do NO peninsular entre o 3500 e 2700 a.C.

O seu estado de conservación é moi bo tendo en conta a súa localización nunha zona intensamente antropizada e coñecendo a sorte que tiveron as outras mámoas.

Na súa contorna, a uns 500 m ó SO, figura tamén outro interesante elemento patrimonial, o petróglifo da Estivada do Vilar (GA15082109) (Coordenadas UTM: X: 536450 – Y: 4742454) localizado en 2007 por Fernando Hermida e catalogado en 2017 durante os traballos de catalogación das localizacións rupestres da comarca recollidas polo colectivo e realizados pola empresa de arqueoloxía Horizonte Norte. Presenta un gran panel de 7,60 m no eixe N-S por 8,90 no eixe E-W con posibles gravados prehistóricos, varias agrupacións de coviñas – cazoletas, e motivos históricos, media ducia de cruciformes de diferentes tamaños que poderían estar relacionados co paso de persoas viaxeiras e peregrinas, pois están a rentes do camiño que conducía á desaparecida Ermida no Alto de San Sadurniño, punto onde divisaban por primeira vez a catedral compostelá.

Estivada do Vilar. Cruciformes

Arestora nin o petróglifo, nin a mámoa, nin o camiño xacobeo están valorizados como merecen, xa que son ao noso entender un dos enclaves patrimoniais de maior interese da zona norte do municipio, totalmente descoñecido pola cidadanía e ignorado polas administracións públicas que  o deberían protexer e dar a coñecer.

Estivada do Vilar. Coviñas

Por que non comezar a facelo con esta derradeira mámoa do Montouto? De seguro sería un bo destino para a numerosa veciñanza da zona nos seus “paseos desconfinados”.