O derrubo do Marco da Eira de Mouros en Cenlle


Hai tan só uns meses, o 13 de marzo, publicamos un artigo no noso blog onde dabamos conta do perigo que entendíamos corría o Marco da Eira de Mouros, xacemento non catalogado situado no concello ourensán de Cenlle, así como das comunicacións que realizabamos tanto ao concello como á Dirección Xeral de Patrimonio pedindo a súa catalogación así como a súa protección.

Estado no que se atopaba o Marco da Eira de Mouros – Cenlle hai 15 días


Hai 15 días recibimos imaxes do marco derrubado, presuntamente durante os traballos de limpeza desa parcela de monte. Unha semana máis tarde procederon a erguela de novo mais no proceso comprobamos a perda definitiva de boa parte da espiral de maiores dimensións.

Fotogrametría do Marco da Eira de Mouros antes e despois do seu derrubo onde se aprecia a perda de boa parte da espiral inferior

O acontecido superou as nosas peores previsións. Nestes últimos días son numerosas as noticias sobre desfeitas patrimoniais e as consecuencias do incumprimento constante da lexislación vixente por parte das administracións públicas.

Marco da Eira de Mouros. Fotografía: Megaliticia. 2017

Un camiño tradicional arrasado en Teo, 2 mámoas no concello de Teo repoboadas con eucaliptos, 1 mámoa tamén “eucaliptizada” no concello de Santiago, o petróglifo da Revolta da Palla en Villestro danado por maquinaria pesada e de novo o Castriño de Conxo agredido por indesexables visitantes (no mes de xuño pasado), son probas moi próximas a nós que amosan o intenso proceso de destrución do patrimonio que está a producirse en todo o país ante a inacción e desleixo das incompetentes administracións.

Castriño de Conxo. Danos en maio de 2019

Ante o silencio destas administracións procedemos a denunciar os feitos ante a Brigada de Patrimonio Histórico da Policia Nacional así como ao Servizo de Protección da Natureza da Guardia Civil.

Castriño de Conxo. Danos en xuño 2020. Foto: María Soledad Pintos Peñaranda

 

Impotencia!

Os danos ao patrimonio galego repítense xornada tras xornada, e, case sen decatarnos cada día somos un país máis pobre. O patrimonio galego é, sen dúbida, o activo económico, cultural e social máis importante do país. Moitos países europeos saben ben o valor do seu patrimonio, pois conseguiron saír de fondas crises ao potencialo. Porén, que acontece neste recuncho da vella Europa?. Semella que só unha pequena parte da cidadanía e algúns colectivos sociais son conscientes da importancia de preservar un legado cultural que nos identifica como pobo e nos singulariza co resto da Península e da Europa. A lingua e o patrimonio cultural, alicerces de calquera nación, son inxustamente os máis esquecidos.

Revolta da Palla – Villestro – Compostela. Perda de superficie rochosa presumiblemente sucedido durante a última limpeza da liña eléctrica inmediata

As administracións e entidades públicas responsables do noso patrimonio semellan só lembrar e investir en certos monumentos destinados ao turismo de masas, cando a lóxica actual nos indica que debe primar o contrario, a diversificación, a desestacionalización e a desconcentración do turismo. Pero semella que só o interese económico rexe as políticas de xestión patrimoniais.

E ante isto…impotencia.

Os colectivos sociais denunciamos os feitos, pero pouco máis podemos facer sen medios e sen capacidades legais. A lei que debe “protexer, conservar, acrecentar, difundir e fomentar o patrimonio cultural” incúmprese e non se aplican as disposicións sancionadoras que deberían frear esta situación. É todo un paradoxo o desleixo que amosan as administracións cara ao seu propio ordenamento xurídico e que sexa a propia cidadanía a que solicite e demande o seu cumprimento.

Marco da Eira de Mouros. Detalle dos gravados antes da perda de boa parte da espiral inferior

Xa é hora de erradicar dos titulares da prensa galega os verbos arrasar, danar, “vandalizar”, agredir, lixar, estragar, roubar, etc. Desexamos louvar calquera acción das entidades públicas en prol dos nosos bens patrimoniais que son os piares da nosa cultura e da nosa historia. É bo momento para lembrar ao noso persoal político que o patrimonio de todas as persoas debe prevalecer ao interese económico dunhas poucas.