Os xinetes de Bouza Badín. Arte rupestre do concello de Dodro



Nun rechán dunha bouza da aba do monte Carboeiro, a uns 200 metros do lugar de Imo, parroquia de San Xoán de Laíño, no concello coruñés de Dodro, atópase a estación do Grupo Galaico da Arte Rupestre máis relevante da comarca do Sar.

Esta grande peneda granítica que sobresae na paisaxe localízase nun monte veciñal en man común, propiedade da Comunidade de Montes da Cruz do Avelán. Configúrase como un miradoiro natural único da bacía do Ulla e das brañas de Laíño que, como sinala o mestre M. Lorenzo Baleirón,

“foron a despensa dos pobres, unha terra de fartura nun tempo agre e miserento”.

Brañas de Laíño

Hoxe, o gando deixou de pastar nas antigas campías, e as brañas son agora unha grande xunqueira de carrizos e pasteiros onde aniñan as aves acuáticas e serven de refuxio ós xabarís. Son estes humidais naturais do esteiro do Ulla de grande valor ecolóxico e foron loados por moitos autores, como o ilustrado bieito Martín Sarmiento ou a grande poetisa do Sar, Rosalía de Castro.

“ As neniñas de Laíño,

Eu direi quen elas son:

Collen o xunco na braña

Vano vender a Padrón”

(copla popular que reflicte a importancia das brañas de Laíño na economía doméstica tradicional).

Bouza Badín. Vista xeral

Próxima a esta verde veiga do Ulla localízase a peneda da Bouza Abadín, a unha altitude de 139 m.s.n.m. , coordenadas UTM: 29 T 521793 4728717 (Datum WGS 84). Trátase dun afloramento granítico de máis de 50 metros de diámetro conformada por múltiples chanzos de superficies planas e por paredes case verticais nas que se acubillan un total de 14 paneis insculturados con gravados de tipoloxía xeométrica e naturalista.

Antecedentes

O petróglifo foi catalogado no ano 1986 (GA15033008  – clave PBA: 15083_53895), mais dende entón ten sido obxecto de diferentes intervencións, anos 1991, 1999, 2006, 2009 e 2011. Maioritariamente, estes consistiron en traballos de limpeza e acondicionamento do petróglifo e a súa contorna inmediata, así como o posterior rexistro dos diferentes paneis. Deste xeito, dos cinco primeiros paneis sinalados nas primeiras fichas que custodia o arquivo da Dirección Xeral de Patrimonio pasamos ós 14 actuais.

Áreas de protección dos bens catalogados sobre plano do IGN dos anos 40

Ata a nosa revisión os dous últimos paneis (8 e 10) foron localizados en 2011 durante os traballos dirixidos pola arqueóloga Beatriz Pereiras Magariños que contou cun “singular” equipo de traballo integrado por voluntarios da zona que realizaron unha grande e modélica labor a pesar dos recursos limitados cos que contaban.

Bouza Badín en xullo de 2012

As novas técnicas de rexistro, principalmente a fotogrametría, permítenos, arestora, afondar no coñecemento deste excepcional petróglifo. Damos conta de dous novos paneis (12 e 14) así como a presenza de novos motivos e escenas que non constaban nas fichas e memorias consultadas.

Bouza Badín. Voluntarios na intervención de 2011

Unha “peneira” lendaria

As primeiras novas de prensa e fichas descritivas desta estación datan de finais dos anos oitenta. Non obstante, este conxunto arqueolóxico, tan destacado na paisaxe, era ben coñecido pola veciñanza dende tempos inmemoriais. Lonxe dos datos e rexistros de técnicos e arqueólogos, a poboación local interpretou os gravados dende a visión da cultura e tradicións populares. É lóxico, pois se trata dun afloramento granítico de grande visibilidade, á beira dun pequeno cavorco onde “nunca crecía a vexetación” e do vello camiño que dende Paradegua cruzaba o Monte Carboeiro, polo que constituíu desde sempre un fito espacial e vivencial para a poboación local.

Bouza Badín. As peneiras do panel 1

Deste xeito, a superficie central da rocha era para os veciños a “peneira”. As grandes combinacións circulares con ducias de coviñas no seu interior lembraban a forma deste instrumento tradicional con furados empregado para cribar certos materiais como sementes, fariña ou area.

As crenzas tradicionais sinalan que os gravados eran obra dos “mouros”, mais tamén hai outras que os relacionan coas lendas xacobeas de fonda pegada na comarca. Neste senso, cómpre sinalar os datos recompilados no proxecto de investigación e inventario do patrimonio etnográfico da parroquia de San Xoán de Laíño realizado entre os anos 1992 e 1993 por un amplo equipo técnico da asociación veciñal baixo a coordinación dos arqueólogos Carlos García Martínez e Fernando Acuña Castroviejo. Na ficha do petróglifo de Bouza Badín recollen:

“… resulta curioso todo o cúmulo de lendas xacobeas que nacen en contacto cos outeiros de Bouzabadín. Unhas falan de que aquí predicaron Santiago e unha caterva de mouros. As pías representan lugares onde o apóstolo desenvolvía as súas necesidades de comer, durmir e defecar. Hai unha lareira, pías da auga, tixolas, a corte do cabalo…”.

Outra lenda conta:

“Un día, Santiago, véndose perseguido, montou no seu cabalo deu un brinco por riba do Ulla e foi dar as laxes de Cordeiro. Os pezuños do cabalo quedaron gravados para sempre na rocha de Bouza Badín”.

Preto do petróglifo existen tamén

“dous asentos de pedra no que estiveron descansando o apóstolo e unha muller”.

Outras crenzas tradicionais fálannos dos gravados como “portas ó averno”. A veciñanza tamén deu testemuño do emprego da rocha como canteira tradicional, feito que aínda evidencian os furados dos “grillos” feitos para cravar as cuñas de madeira, así como os cortes e grandes fendas en moitas laxes produto desta intensa actividade extractora dos canteiros noutrora.

Plano de localización dos xacementos rupestres no concello de Dodro

En relación ó topónimo, este figura referido nos informes e fichas de diversas formas: Bouza Badín / Bouzabadín / Bouza Abadín. Segundo os lingüistas fai relación a un terreo de monte non vexado (non traballado) situado nun predio dependente dun mosteiro (abadía), probablemente de San Martiño Pinario. Na contorna do petróglifo localízase tamén o topónimo de Agro do Crego que poida que teña relación coas antigas propiedades ou xurisdición deste cenobio.

Descrición dos gravados

A peneda de Bouza Badín posúe un amplísimo repertorio de gravados, tanto de tipoloxía xeométrica (combinacións de aneis, coviñas, cazoletas, círculos, sucos lineais) como naturalista (cabalos, cervos e outros cuadrúpedes). A grande maioría dos motivos insculturados pódense adscribir grosso modo á Idade do Bronce.

Tamén existen gravados históricos, fundamentalmente  cruciformes, que figuran dentro de paneis prehistóricos ou como elementos illados. Cruciformes coa tradicional función de “cristianizar” o conxunto arqueolóxico, nalgúns casos tallados por riba dos propios deseños antigos. Porén, algúns destes cruciformes, os máis illados, como os dos paneis da parte superior da peneda (13 e 14) poderían ser cruces de termo. Outros, pola contra, non temos tan claro que non se traten realmente de representacións ultraesquemáticas de antropomorfos de estilo esquemático, similares aos localizados polo Instituto de Estudos Miñoráns no sur da comunidade autónoma e no norte de Portugal nos últimos anos. Estes motivos son por iso ben merecentes dun estudo máis profundo que non incluímos neste artigo.

Para facilitar a descrición pormenorizada dos diferentes motivos do petróglifo propoñemos a súa división en 14 paneis:

Bouza Badín. Distribución dos paneis

Panel 1

Na parte central da peneda destaca un panel que integra dúas combinacións circulares. A maior composta por cinco aneis e 78 cm de diámetro, unha ducia de cazoletas no interior do primeiro círculo e 14 coviñas na parte central da combinación. Por cima da diáclase que divide en dous o panel figura a segunda combinación de catro aneis e uns 55 cm de diámetro. Acaroado a outra diáclase podemos ver un círculo incompleto cunhas vinte microcoviñas no seu interior.

Bouza Badín. Panel 1

Completan este panel outros dous círculos simples con coviñas no interior, varios sucos que agrupan varios grupos de coviñas e outras coviñas illadas distribuídas por diferentes zonas do panel.

Panel 2

Nun chanzo inferior e inmediato ó panel anterior conserva unha interesante escena con motivos naturalistas. Ocupan unha superficie cunha certa verticalidade, na que se distribúen nunha disposición triangular ata 6 cuadrúpedes e posibles restos dalgún outro animal incompleto.

Bouza Badín. Panel 2

Podemos distinguir tres cabalos con representación dos seus xinetes de xeito moi esquemático. O mellor conservado figura nun canto do panel, un cabalo de longa cola con xinete representado con dous pequenos trazos paralelos e un pequeno círculo que representan o corpo e a cabeza. Un trazo que parte do corpo podería representar o brazo e algún tipo de arma. Un deseño moi simple o do animal, pois un mesmo trazo horizontal configura o lombo, anca e chega ata a cola do cabalo. As extremidades dianteiras flexionadas cara adiante proporcionan sensación de movemento, representándoo a galopar. É tamén o único dos cuadrúpedes da escena que conserva ben representada a cabeza.

Bouza Badín. Panel 2

O segundo xinete posúe unha representación similar, dous trazos verticais e un pequeno círculo mais a diferenza do anterior non ten brazos. O terceiro xinete, na parte superior esquerda do panel, é o máis esquemático, dous pequenos trazos en forma de cruz semellan representar o cabaleiro situado sobre a cruz do cuadrúpede cun brazo esquerdo con certa flexión cara arriba. Tres zoomorfos moi erosionados e tamén sen cabeza completan o conxunto de motivos de corte naturalista na franxa inferior do panel.

Bouza Badín. Fotogrametría do panel 2

Cabe destacar que tódolos animais camiñan na mesma dirección de E a O, agás o primeiro xinete que marcha en dirección oposta. Os zoomorfos deste excelente panel presentan un deseño e tamaños similares, entre 35 e 30 cm de lonxitude por 14 e 21 de ancho (incluíndo o xinete). Á marxe dos gravados naturalistas podemos observar unha cazoleta na parte inferior do panel e varios cruciformes de sucos profundos, un deles con peaña en forma circular situada sobre un dos cuadrúpedes. É significativa a superposición dunha das cruces sobre a cabeza dunha das montas, sen respectar o gravado prehistórico.

Panel 3

Atópase ó carón do panel 2, a un metro ó oeste, nun chanzo inferior ó panel 1. Conserva dous motivos ben diferenciados, un de tipo naturalista e outro xeométrico. No extremo este, figura outra monta cunha representación moi semellante ás do panel anterior, mais nesta ocasión o cabalo semella estático, a representación non produce sensación de movemento no espectador.

Bouza Badín. Fotogrametría do panel 3

O xinete represéntase tamén con dous pequenos sucos verticais en paralelo e un horizontal e un pequeno óvalo. O dinamismo obsérvase no que semella ser o seu brazo en alto que suxeita o que podería ser algún tipo de fusta ou arma. O cabalo posúe colo longo e inclinado cara adiante, e unha cabeza pequena individualizada mediante un lixeiro engrosamento. As catro extremidades sen torsión proporcionan un marcado carácter estático en contraposición á sinalada monta do panel anterior. O tallista inclúe un trazo horizontal entre as extremidades superiores e inferiores para marcar a posible liña do chan.

Bouza Badín. Panel 3. Xinete a cabalo

Á dereita da escena da monta figura unha combinación circular de 42 cm de diámetro e catro aneis, os tres maiores incompletos, con catro coviñas no interior do primeiro círculo. A figura adáptase a morfoloxía convexa dun petón da rocha.

Bouza Badín. Panel 3. Combinación de círculos concéntricos

Panel 4

Situado nunha zona prominente por encima do panel 1. Varias combinacións de varios aneis (12 e 16 cm de diámetro) con coviñas no interior e cunha combinación de dobre círculo (26 cm de diámetro) con suco de saída que comunica cun círculo simple con coviñas no seu interior. Tamén podemos observar agrupacións de coviñas e microcoviñas e polo menos tres cruciformes/antropoides, un deles cunha peaña triangular incompleta (ou extremidades). Ocupando unha posición central un zoomorfo que mira cara a combinación principal.

Bouza Badín. Panel 4. Fotogrametría

Panel 5

Localízase na parte inferior da rocha ó carón dun grande bloque extraído polos canteiros de máis de 2 metros de lonxitude por 58 cm de ancho.

Bouza Badín. Panel 5

No extremo inferior do panel figura un agrupación dunhas vinte coviñas e, repartidos sen orde aparente polo resto do panel, varios cruciformes e unha forma cadrada divida en catro partes con dous sucos de saída duns 20 cm de lado.

Bouza Badín. Panel 5. Fotogrametría

Panel 6

Tamén situado á beira do sinalado bloque extraído polos pedreiros, rexistramos un curioso e estraño zoomorfo de 35 cm de lonxitude por 38 de ancho. Para o deseño do corpo emprégase o dobre suco, lombo estreito, longas extremidades -as dianteiras flexionadas á altura dos xeonllos-, colo e non ten cabeza. Acaroado ó colo e na parte superior do lombo figura un suco vertical rematado nunha pequena coviña que representan un xinete.

Bouza Badín. Panel 6. Xinete a cabalo

É este un deseño singular que se separa do aspecto xeral do resto de zoomorfos representados no petróglifo.

Bouza Badín. Panel 6. Fotogrametría

Panel 7

Na parte Sur do grande afloramento de Bouza Badín, figura un bloque de pedra illado de forma triangular pousado sobre a rocha de 2,20 m de lonxitude, 1,95 m de ancho e 0,90 m de alto. É probable que fora extraído polos canteiros do propio afloramento mais por algunha razón que descoñecemos non o levaron.

Bouza Badín. Panel 7

Destaca a presenza dunha grande combinación circular de 1,20 m de diámetro, a maior deste conxunto arqueolóxico, formada por 9 aneis que se adaptan a forma da laxe dende a zona máis prominente. Conta con varias coviñas moi erosionadas no interior do primeiro anel e tres sucos que parten da parte central e superior da combinación e percorren boa parte do panel ata chegar ós extremos da pedra. Na parte baixa, zona sur, localízanse outros sucos indefinidos e posibles restos de aneis con coviñas no interior. Completa o panel un cruciforme/antropoide.

Bouza Badín. Panel 7. Fotogrametría

Panel 8

Foi un dos paneis descubertos logo da limpeza do petróglifo en 2011. Atópase nunha zona a rentes do chan na esquina SE do petróglifo.

Bouza Badín. Panel 8

Consta dunha combinación circular de 40 cm de diámetro que integran dous aneis con coviñas no interior, un suco curvo que bordea a combinación por un dos seus laterais e unha pequena agrupación de 9 coviñas no outro extremo da pedra.

Bouza Badín. Panel 8. Fotogrametría

Panel 9

Situado na zona máis occidental do afloramento e a rentes do chan, consta dunha combinación de dous aneis con coviñas no interior de 27 cm de diámetro e radio de saída cara o leste e o seu carón dos cérvidos, un orientado ó norte e outro ó Sur.

Bouza Badín. Panel 9. Fotogrametría

O primeiro deles ten 24 cm de longo por 11 de largo, posúe unha cornamenta en V moi sinxela realizada con dous trazos, unha cabeza pequena pero ben proporcionada con respecto ó colo e lombo do animal deseñado coas habituais dúas liñas paralelas. Carece dos cuartos traseiros e as extremidades superiores están orientadas cara diante proporcionando certo dinamismo. Acaroado ao colo un suco vertical rematado en coviña pode ser representación dun xinete, similar as observadas noutras montas desta estación.

Bouza Badín. Panel 9

O segundo cervo, situado á dereita (segundo o observador) dunha diáclase que divide o panel en dúas partes, ten características semellantes, tamén en base a dobre liña en paralelo para deseñar cabeza, corpo e extremidades. Mide 25 cm de longo por 13 de ancho e posúe unha cornamenta coas hastas en forma de “L” invertida que tenden a unirse e cos candís cara o interior. A diferenza do anterior permanece estático.

Panel 10

Foi unha das últimas descubertas na intervención realizada en 2011, un panel cun único motivo separado dos anteriores e localizado na parte NO do afloramento granítico. Nun espazo vertical, case unha parede, figura o cervo de maior tamaño e mellor representado do xacemento. Un veado macho de 30 cm de longo por 48 de alto situado na parte superior dun panel ó carón dunha fenda da rocha.

Bouza Badín. Panel 10

No seu deseño predomina a liña recta, como é habitual nos cuadrúpedes representados no petróglifo. Presenta certa desproporción no seu deseño pois represéntase cunha grande cornamenta en forma de V pouco proporcionada en relación co tamaño do resto do corpo e cabeza máis equilibrados. Un recurso habitual dos gravadores dos petróglifos galaicos para resaltar o poderío destes grandes cervos machos.

Chama tamén a atención a posición das extremidades superiores flexionadas cara diante dende a altura dos xeonllos para plasmar a sensación de que o cervo está a brincar. Porén as traseiras deséñanse mediante a simple prolongación dos cuartos traseiros cara abaixo, aínda que cunha pequena inclinación cara diante cunha pequena flexión na parte final. Ten tamén unha pequena cola e un pequeno falo case imperceptible a simple vista.

Panel 11

Situado a rentes do chan e ó carón do panel 7. Aprécianse restos dunha combinación de dobre anel moi erosionada e outros motivos moi esvaecidos de difícil interpretación, posiblemente a representación dun cuadrúpede.

Bouza Badín. Panel 10. Fotogrametría

Panel 12

Anel con catro coviñas no seu interior situadas no penúltimo chanzo do afloramento antes de chegar o cume.

Bouza Badín. Panel 12. Fotogrametría

Panel 13

Cruciforme de 18 x 11 cm con brazos rematados en pomos e peaña triangular. Está situada no bico do afloramento coa intención de ser visto a certa distancia.

Bouza Badín. Panel 13

É un gravado histórico, posiblemente unha cruz de termo, deseñada cunha ferramenta metálica.

Bouza Badín. Panel 13. Fotogrametría

Panel 14

Dúas novas cruces de termo situadas nun pequeno chanzo da plataforma superior, encima do panel 2. Cruces latinas de 27 x 12 e 17 x 12 cm. Motivos insculturados nun bordo da parte superior da rocha, mais para poder ser observados cómpre situarse no nivel inferior.

Bouza Badín. Panel 14. Fotogrametría

Riqueza e diversidade das gravuras da Bouza Badín

Resulta significativo o importante número de paneis desta estación de arte rupestre, e aínda máis se temos en conta que a comarca do Sar móstrase, polo momento, como un foco secundario en termos de densidade de petróglifos en relación con outras zonas próximas como pode ser o termo municipal de Rianxo co que linda polo oeste. No inventario patrimonial de Dodro rexístranse nove petróglifos, a maioría laxes con coviñas como único elemento representado, coas únicas excepcións do petróglifo da Bouza Badín e o da Devesa dos Mouchos en Vilachán na parroquia de San Xoán de Laíño cunha combinación de 5 círculos concéntricos. Motivos tallados coa técnica tradicional mediante percusión e abrasión con instrumentos de pedra empregando a técnica do dobre suco habitual na meirande parte dos petróglifos galegos sobre o característico soporte granítico de gran fino.

Bouza Badín. Vista xeral

Por outra banda, a presenza de gravados prehistóricos de diversa tipoloxía e técnica de elaboración e históricos fálanos dunha longa tradición gravadora neste grande penedo que preside a paisaxe da súa contorna.  A presenza de varios paneis con cruciformes en varias zonas de boa visibilidade na parte superior desta grande peneda lévanos a pensar en posibles cruces de termo vinculados á demarcación dun antigo couto ou señorío ó que pertenceu este monte.

A elección deste rochedo tamén pode estar vinculada coa presenza dunha grande veta de seixo que percorre de oeste a leste a superficie da rocha e a divide en dúas partes.

Xacementos próximos e areas de protección

Xacementos próximos a estación de Bouza Badín e áreas de protección

Gravados xeométricos

Son os máis numerosos, aneis simples, sucos lineais, círculos con coviñas no interior, agrupacións de coviñas, cazoletas illadas e combinacións circulares de diferentes tamaños todas elas con coviñas e agrupacións de coviñas no seu interior, feito que lembra a outras estacións da contorna como o petróglifo dos Mouchos en Rianxo ou incluso da comarca de Compostela como é o caso da Peneda Negra.

Outro aspecto significativo son as diferentes combinacións adaptadas ás protuberancias da superficie da rocha, algunhas delas de grande tamaño como acontece no panel 7. Unha perfecta conxunción entre o soporte e o gravado presente tamén noutras estacións da comarca de Compostela como é o caso do petróglifo da Nave de Mourigade en Ames ou na Laxe da Estivada de Mallos en Teo.

Entre os diferentes paneis con motivos xeométricos debemos subliñar a plasticidade do panel 1 situado no centro da peneda. Gravados unidos e entrelazados por diferentes sucos, unha especie de “horror vacui” prehistórico na que os diferentes motivos distribúense pola practica totalidade da superficie do panel.  Unha “peneira” prehistórica que presenta un excelente estado de conservación e fácil visualización. A combinación central de cinco aneis con esa aliñación de covas no interior do penúltimo anel recordan a citada laxe da nave de Mourigade e mesmo a un dos motivos principais da famosa Laxe das Rodas en Muros, interpretados por varios especialistas como posibles calendarios.

Gravados naturalistas

A presenza de máis dunha ducia de motivos naturalistas simboliza a primeira grande achega desta temática á arte rupestre na comarca de Sar. Cervos, cabalos e mesmo escenas de monta con deseños que lembran a moitas das estacións da península do Barbanza e algunhas da comarca de Compostela (Pena Bicuda de Loureiro en Teo, Pinal 1, Revolta da Palla e Cortellos 2 en Santiago de Compostela).

Presentan unha homoxeneidade xeral tanto en tamaños como nos deseños, sendo o cervo do panel 10 o de maiores dimensións. Unha tipoloxía de zoomorfos que se definen pola habitual dobre liña recta en paralelo para representar o lombo e a zona ventral do animal, mais tamén acostuma a ser empregada no deseño dos colos e extremidades. Un aspecto formal habitual nas estacións de arte rupestre no norte do Barbanza, con numerosos petróglifos de motivos naturalistas que seguen estas características, afastados dos cuadrúpedes da zona do Lérez, cunha liña dorsal curva e lixeiramente elevada na parte traseira.

Bouza Badín. Panel 10. Zoomorfo

A pesar de certo esquematismo nalgúns pormenores (extremidades, cornamentas) tampouco son deseños ultraesquemáticos, case pectiniformes, como os de certas estacións do Baixo Miño ou Norte de Portugal nos que se emprega unha simple liña para representar cabeza, corpo e cola ós que se suman uns trazos verticais para recrear as extremidades. Esta figuración de cérvidos na provincia da Coruña só a localizamos, polo momento, na comarca de Compostela, entre eles o cérvido que preside o panel central do Petróglifo dos Gorgulliños preto da aldea de Pardaces de Abaixo en Santiago de Compostela.

Escenas de monta

As 6 escenas de monta figuran en tres paneis, tres delas no panel número 2, un cabaleiro illado no panel número 2,  unha monta sobre cervo no panel número 9, e a posible monta no estraño zoomorfo representado no panel 6. Os cabalos montados non presentan diferenzas estilísticas notables cos restantes cuadrúpedes e seguen os mesmos parámetros formais. Nalgúns casos, como o cabalo no extremo leste do panel 2, podemos distinguilos ben pola presenza dunha cola longa, algo habitual tamén na representación destas montas noutras laxes da comarca como é o caso do petróglifo dos Cortellos 2 da Portela de Villestro (Santiago de Compostela).

Bouza Badín. Panel 2

A erosión dos diferentes motivos e esquematización na representación dos xinetes, con pequenos trazos e coviñas ou círculos, dificulta enormemente a súa visualización e rexistro. Unha das posibles causas de que ata agora non figuren documentados nas fontes consultadas. Grazas á fotogrametría podemos confirmar arestora a presenza destes équidos de pequenas dimensións, longa cola (en relación co resto do corpo) e con antropomorfos esquemáticos ós lombos dos cabalos. O estilo iconográfico dos xinetes é semellante con representación frontal, ausencia de pernas e brazos abertos que rematan nun trazo que podería reproducir algún tipo de arma.

O panel máis significativo neste senso, é o número 2. Os cuadrúpedes aparecen distribuídos nunha disposición en frecha, cos 3 xinetes na parte superior. Todos seguindo a mesma orientación camiñando cara o poñente, agás o primeiro dos xinetes que marcha en dirección contraria. A forte erosión dos gravados da parte inferior impídenos saber que tipo de animais se tratan polo que é complicado poder conxecturar o significado desta singular composición. A diferenza doutras estacións con escenas de equitación do grupo galaico, os deseños coas montas non forman paneis autónomos senón que se integran nunha composición. Estas escenas de monta / equitación son interpretadas como mostra do prestixio social dunhas elites guerreiras e de grandes cazadores que deixan pegada na arte rupestre.

Bouza Badín, observatorio astronómico-calendárico?

No horizonte do petróglifo de Bouzabadín, aberto ao leste sobre o río Ulla, asómase agochada ó fondo a silueta do Pico Sagro, que se recorta ao lonxe enmarcada polas elevacións do Monte Meda, á esquerda, e o Castro Valente, á dereita, dúas das principais cotas desta vista. Resulta chamativo comprobar que nesta dirección establécense aliñacións xeoastronómicas ben interesantes, pois a posición alcanzada polo sol ao nacer no seu máximo do solsticio de verán prodúcese na valgada da intersección entre as abas do Monte Meda e o Castelo Redondo (a súa esquerda), configurando un marcador do horizonte relativamente rechamante, aínda que por suposto, isto podería ser algo simplemente irrelevante e froito da casualidade.

Non obstante, o que xa resulta máis chamativo é o feito de que 40 días despois deste evento (o solsticio de verán) o Sol vaia saír exactamente no cumio do Pico Sacro, precisamente na data da festividade céltica de media estación do Lugnasad. Aínda que esta “festa das colleitas” (celebrada con grandes asembleas, adicadas ao deus Lug e a súa nai nutricia), resulte tradicionalmente identificada co primeiro de agosto, en realidade o período de corentena que a determina tras o solsticio, cómprese mais exactamente na alborada do 31 de xullo no noso calendario actual. Xunto a isto, compre considerar que a excepcional singularidade desta data refórzase polo feito de que esta posición acadada polo Sol neste día correspóndese coa mesma que a da Lúa cando chega o momento do lunasticio menor, no particular ciclo de oscilación de 18,61 anos nos que o noso satélite acada os seus valores extremos (BOUZAS SIERRA A., 2015).

En resumo, visto desde Bouzabadín o orto solar correspondente ao Lugnasad poderá contemplarse a 65,2º de acimut,  0,8º de elevación e 25.821 m. de distancia, xusto no cumio do Pico Sagro. Do mesmo xeito, nesta mesma posición do petróglifo, poderá contemplarse tamén o nacemento da Lúa no lunasticio menor.

Bouza Badín en xullo de 2012

En definitiva, e pese a que todo isto mereza de estudos más amplos aínda por facer, entre os que prestaría buscar unha explicación convincente a intrigante existencia dun “marcador do horizonte dunha data do calendario tipicamente céltico” nun petróglifo datado na idade de bronce, esta dobre constatación referente ao Sol e a Lúa non debería ser desbotada sen mais, xa que semella en principio demasiado pouco casual. Máxime considerando que outro importante petróglifo da comarca, o do Castriño de Conxo en Santiago, establece tamén outra aliñación de carácter arqueoastronómico co cumio do Pico Sagro, no seu caso marcando o orto do solsticio de inverno (BOUZAS SIERRA A., 2016)

Asuntos este que cumpriría relacionar tamén coas crenzas populares recollidas neste mesmo lugar de Bouzabadín, como as relativas as pegadas dos cascos do cabalo do Apóstolo nas cazoletas do petróglifo, cando Santiago brincou desde aquí ata Cordeiro saltando por riba do río Ulla (LORENZO BALEIRÓN M. 2008), ou as que identifican xunto ao petróglifo

“dous asentos de pedra no que estiveron descansando o apóstolo e unha muller”

(ASOCIACIÓN VECIÑAL SAN XOÁN DE LAÍÑO, 1991), e moitas outras que foron citadas nun apartado anterior. 

A falta de todo isto, esperamos que cando menos algún día poidamos realizar observacións “in situ” destes atractivos eventos astronómicos, a fin de poder rexistralos convenientemente.

O futuro de Bouza Badín

Esperamos con estas liñas ter demostrado que a estación de Bouza Badín é un “gran museo ao ar libre” merecente dun aproveitamento e consideración moito maiores das que ten recibido ata o de agora. Desexamos que esta pequena achega a un dos petróglifos máis interesantes da provincia sirva de punto de partida para futuras intervencións que poñan en valor este conxunto arqueolóxico. O traballo realizado nestes últimos meses polo novo goberno municipal e, en especial, pola Concellaría de Cultura e Patrimonio que dirixe Xoán Xosé Vicente, cunha aposta clara pola divulgación dos principais bens culturais do concello, augura a vontade de iniciar un proxecto para acadar a urxente protección deste petróglifo.

A sinalización dos principais recursos turísticos, do seu patrimonio relixioso, etnográfico e de rutas literarias e arqueolóxicas, entre elas esta primeira ruta nocturna ó petróglifo de Bouza Badín, que terá lugar o vindeiro día 18 de setembro, son boa mostra desta nova vontade do goberno dodrense.

Neste mesmo sentido, hai apenas un mes o goberno municipal iniciou conversas coa Deputación Provincial para a financiación dun proxecto “ambicioso” que contemple a limpeza, sinalización e revalorización deste conxunto rupestre esencial no estudo da arte rupestre galaica. Agardemos que as vontades amosadas se materialicen o mais axiña posible e este pequeno artigo do Colectivo A Rula axude.

Finalmente, queremos agradecer a Concellaría de Cultura e Patrimonio de Dodro, en especial ó seu concelleiro Xoán Xosé Vicente, ternos convidado a colaborar neste ilusionante proxecto.

As gravuras de Bouza Badín xa son iconas de Dodro, Animádevos a coñecelas!.

Bibliografía

    • AA.VV. San Xoán de Laíño. Inventario do patrimonio etnográfico de San Xoán de Laíño. 1991

    • Bouzas Sierra, A. Etnoastronomía del calendario céltico en Galicia, en Anuario Brigantino, 38.  páx. 67-90. 2015.

    • Bouzas Sierra, A. : Aliñamentos arqueoastronómicos nos petróglifos de armas da Idade do Bronce. Anuario Brigantino, 39: 45-72. 2016.

    • Carré Aldao, E. Geografía del Reino de Galicia. Provincia de La Coruña, Ayuntamiento de Dodro. P. 786 -791. Ed. Alberto Marín. Barcelona, 1936

    • Lamas Bertolo, Jorge. Memoria Técnica. Revisión do catálogo de xacementos arqueolóxicos do concello de Dodro para o PXOM (Plan Xeral de Ordeación Municipal). Agosto de 2009

    • Lorenzo Baleirón, M.  Toponimía de Dodro e de Laíño: os nomes na agua. Concello de Dodro, 2011

    • Pereiras Magariños, B. Proxecto de limpeza e acondicionamento do Petróglifo de Bouza Abadín, 2011

    • Inventario patrimonial da D. X. de Patrimonio. Fichas de 1986, 1991, 1999 (Pilar Prieto Martínez) e 2005

    • Guía turística do Concello de Dodro, 1995

    • Ficha do petróglifo de Bouza Badín no Plan Básico Autonómico – catálogo do patrimonio cultural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. (2019).

    • Referencia na web Patrimonio galego. (04/06/2011).

Anexo. Breve repaso ao catálogo de arte rupestre do concello

As terras do concello de Dodro sitúanse na vertente dereita do río Ulla, preto da súa desembocadura, nunha zona prelitoral da Depresión Meridiana. A súa orografía é unha mestura das terras baixas do val do Ulla e unha zona montañosa, a das estribacións da Serra do Barbanza. Tendo en conta a súa localización presumiríamos a presenza neste concello de arte rupestre en cantidade e calidade salientables.

Lindes parroquiais e xacementos rupestres na zona

Mais isto non se reflicte, coa excepción da magnífica estación de Bouza Badín, no catálogo de xacementos catalogados que recolle un total de 9 xacementos con arte rupestre, mais unha boa parte deles só conservan un tipo de motivos, o máis simple, as cazoletas, un total de 7 (algúns deles incluso posiblemente non sexan petróglifos senón formacións de orixe natural) e só 2 presentan outros tipos de motivos tanto xeométricos como naturalistas.

Débese isto a unha eiva na investigación? Posiblemente.

Os xacementos catalogados son os seguintes:

Petróglifo da Devesa dos Mouchos (GA15033023)

Xacemento situado ao carón dun camiño no Monte das Pinas de Castro, no lugar de Vilachán, parroquia de San Xoán de Laíño. Coordenadas xeográficas: 42.7254323092 -8.73203873634. Datum WGS84.

Devesa dos Mouchos. Imaxe MEGALITICIA

Foi localizado no ano 2015 durante unha xornada micolóxica. Nunha superficie horizontal regular dun afloramento de granito de gran fino de tamaño medio e pouco destacado sobre o terreo consérvase unha combinación de 5 círculos concéntricos e coviñas no seu interior. Presenta un alto grado de erosión que dificulta a súa visibilidade.

Petróglifo do Padronelo 1 (GA15033018)

Trátase dun xacemento catalogado situado no lugar de Imo, na parroquia de San Xoán de Laíño e a uns 500 metros da estación de Bouza Badín. Coordenadas xeográficas: 42.712855916 -8.74007551544. Datum WGS84.

É unha pedra granítica de pequenas dimensións situada nun terreo de monte con abondosos pequenos afloramentos. De granito de cores moi claras que  indican o forte proceso de meteorización activo nela.

Padronelo 1

Está catalogada describindo un conxunto de seis coviñas. Unha vez visitamos o xacemento descartamos sen moitas dúbidas que se trate dun petróglifo, toda vez que a pedra apenas conserva pátina e toda a súa superficie está desfacéndose e conformando pequenas formas cóncavas que poden ser confundidas con coviñas de orixe antrópica. Pode observarse que estas concavidades presentan distintas profundidades e formas irregulares que apoian a máis factible orixe natural das mesmas que defendemos.

Petróglifo de Padronelo 2 (GA15033019)

Segundo o catálogo do PXOM trátase de 2 coviñas situadas nunha rocha no cumio do Monte Carboeiro.

Petróglifo de Lombo das Pozas 1 (GA15033014)

Supostas 3 coviñas segundo os datos do catálogo do PXOM.

Petróglifo de Lombo das Pozas 2 (GA15033015)

Segundo a ficha do Pxom, é un gravado rupestre con forma de ferradura, duns 15 centímetros. O ancho do suco é de 1 cm e a súa fondura de 0,5 cm.

Petróglifo da Carga (GA15033016)

O catálogo do PXOM indica 3 coviñas nunha laxe situada a rentes do chan no medio dun camiño de carro.

Petróglifo do Outeiro dos Corvos (GA15033020)

7 cazoletas nunha laxe situada a rentes do chan segundo indica o catálogo do PXOM.

Petróglifo da Cabaña – Bouza Nova (GA15033017)

Laxe dada por desaparecida, situábase ó carón da vía rápida do Barbanza. Segundo a descrición do catálogo do PXOM conservaba un total de 17 coviñas de diferentes formas.