Arte esquemática no monte Xiabre – Vilagarcía de Arousa


A localización nos últimos anos de novos gravados zoomorfos de carácter esquemático apartados do canon tradicional dos petróglifos galaicos, mais convivindo con eles e, incluso, compartindo os mesmos paneis cos gravados de estilos clásicos, lévanos a desbotar vellas teorías de fronteiras de estilos, que se esvaecen coa localización de novos motivos esquemáticos ó norte da Provincia de Pontevedra e, tamén, na comarca de Compostela.

Son motivos localizados recentemente en laxes rexistradas deficientemente ou en novas estacións. Moitos deles seguen inéditos polo escaso interese que amosan as administracións públicas e posiblemente tamén polo desinterese dende o ámbito profesional e académico por afondar no seu estudo, mentres seguen a defender postulados e interpretacións que as novas descubertas deixan en evidencia.

O petróglifo de Xiabre II

Foi precisamente trala vaga de lumes do ano 2006 cando se produciu a descuberta da maioría das estacións que atinxen á chamada área arqueolóxica da bacía do río Salgueiro integrada por 14 estacións protexidas nunha mesma área e outras 17 en diferentes sitios arqueolóxicos na súa contorna inmediata (Ver Plan Básico Autonómico).

Xiabre II. Pormenor das combinacións circulares e serpentiforme

O achado destes petróglifos xorde a raíz dos labores de prospección, control e seguimento da zona afectada pola ampliación do parque eólico do Xiabre desenvolvida polas arqueólogas Rocío Varela Pouca e Elena Cabrejas Domínguez. Posteriormente, os traballos de seguimento das obras produciron novas descubertas que implicaron medidas de corrección específicas que fixeran compatible a protección da área arqueolóxica co proxecto técnico, feito que se logrou grazas á aprobación dun trazado alternativo.

A documentación e rexistro final das rochas en 2007 deuse a coñecer nun artigo titulado “A descuberta dos petróglifos da bacía do Río Salgueiro no Monte Xiabre” asinado por Elena Cabrejas, Yolanda Seone e Rocío Varela publicado na revista do Museo de Pontevedra do ano 2008.

Plano de situación dos petróglifos da Bacía do Río Salgueiro no Xiabre

Non obstante, o chamado petróglifo do Monte Xiabre II era un dos poucos que xa figuraban no arquivo de xacementos arqueolóxicos de Galicia da DXPC co código GA36060037. Coordenadas UTM: X: 523400,8107 Y:4719172,1759 (Datum ETRS 89), incluído no PBA o 26/07/2018 (Obj: 53266).

Achegamos a descrición que recolle o citado artigo:

Trátase dunha rocha granítica cunha das súas caras horizontal e con superficie irregular. De E a W aparecen moi preto do borde da rocha unha combinación circular e unha espiral. A espiral (33 cm) componse de 5 círculos (algún incompleto por causa de escunchados) e coviña central (5 cm). A combinación (30 cm) presenta tres aneis e coviña central (3 cm ). Ao W destas últimas aparece un círculo (11 cm ) con coviña central (2,5 cm Ø).

A 20 cm ao W aparece outro círculo (10 cm ) cunha coviña central (2,5 cm) e apéndice de 13 cm de lonxitude. Cara ó SW atópamos unha combinación con dous aneis (30 cm), un deles completo e os outros afectados pola erosión e por placas. Presenta coviña central (2,5 cm). Cara ao N sae un suco que arranca do primeiro anel e remata no último, que mide 11, 5 cm de lonxitude. Ao NE aparecen dúas posibles coviñas moi alteradas debido ás placas (3,5 cm e 4 cm). Ao SE da anterior combinación, aparece un suco semicircular, e preto deste outra combinación de dous círculos (18 cm) e coviña central, cuxos dous aneis están unidos mediante un suco. Os motivos poden continuar debaixo do sedimento da zona N.

Xiabre 2. Calco de Cabrejas, Seoane e Varela

A descrición remata falando da súa delicada situación nese intre (2008) e da necesidade de adoptar medidas urxentes para a súa preservación.

“O seu acusado estado de deterioro fixo inescusable o seu relevamento, pois as placas que presenta o soporte poden provocar en pouco tempo a perda de parte das figuras, en concreto dunha espiral e unha combinación circular”.

A visita desta estación en maio de 2018 veu motivada polo convite ó Colectivo a unha xeira polo Xiabre que guiaron as arqueólogas Elena Cabrejas e Beatriz Comendador. A actividade foi organizada polo grupo das Mareas de Vilagarcía e resultou moi interesante polas explicacións das guías mais, tamén, foi evidente certo desencanto entre os asistentes pola imposibilidade de contemplar moitas das estacións debido ó estado de abandono no que se atopaban. Non obstante, aproveitamos a viaxe para nesa mesma tarde, e non sen dificultade, contemplar varios dos petróglifos desta ladeira do Xiabre vilagarcián, algúns deles xa coñecidos por varios dos nosos socios.

Xiabre 2. Reconstrución fotogramétrica do petróglifo do Monte Xiabre 2 onde se aprecian novos motivos non rexistrados como un cuadrúpede e un serpentiforme. Alex Negreira, 2018.

A realización dos modelos fotogramétricos e fotografías con luz rasante permitiunos comprobar a presenza de novos motivos que non figuraban nas descricións dos rexistros oficiais. Entre eles cómpre destacar por unha banda, un curioso deseño serpentiforme pegado á combinación circular de maior tamaño formada por 5 aneis e coviña central, situada no bordo da rocha. E, por outra banda, tamén resultou sorprendente a presenza dun cuadrúpede esquemático na parte central da laxe.

A diferenza dos zoomorfos localizados noutras laxes desta área realizados coa tradicional técnica do dobre suco nesta ocasión emprégase unha simple liña para a cabeza, corpo e cola á que se engaden pequenos trazos verticais para as extremidades, orellas / cornos e posiblemente o falo. As dúas patas dianteiras están lixeiramente adiantadas o que proporciona certa sensación de movemento. É esta unha forma de representación de cuadrúpedes que pasou desapercibido nesta zona mais que con certeza atoparemos en máis laxes despois dun estudo e rexistro máis detido destas estacións.

Cuadrúpede na Peneda Negra – Ames

Arte esquemático no grupo galaico

Este tipo de gravados naturalistas esquemáticos foron localizados en laxes do Sur de Galicia coma nos petróglifos do Outeiro dos Lameiros en Sabarís (Baiona), Baixada da Barca (Arbo), A Coutada en Taboexa (As Neves), O Sobral (Gondomar), A Tomada da Regueira dos Barreiros en Couso (Gondomar), Portaxes (Tomiño), etc. E tamén do Norte de Portugal como A Pedra Escorrega, A Telheira ou na Fonte Formosa na Freguesía de Verdoejo (Valença do Minho), na Praia de Fornelos en Carreço (Viana de Castelo), no Petróglifo da Breia 1 en Cardielos (Viana do Castelo), por citar algúns dos máis representativos.

Fonte Formosa – Verdoejo – Valença do Minho

Porén, e mentres que certos investigadores seguen a subliñar a presenza deste tipo de representacións esquemáticas de zoomorfos, principalmente équidos, exclusivamente no Sur da Provincia de Pontevedra e norte de Portugal cada vez é maior o número de laxes con gravados realizados con esta técnica localizados noutras áreas do país. Nestes últimos anos temos rexistrado só na comarca de Compostela a presenza deste tipo de cuadrúpedes naturalistas en laxes como a Peneda Negra (Ames), Río Angueira 2 (Teo), Casa do Frade 1 e Os Gorgulliños (Santiago de Compostela). Todos eles moi lonxe desa fronteira galaico – portuguesa e, especialmente, desa área do Baixo Miño, onde se teñen efectuado interesantes achados nestes últimos anos, máis non podemos esquecer que non foron os únicos.

Cuadrúpedes do Río Angueira – Teo

Como sinalamos, estes motivos de tradición esquemática destacan pola súa enorme sinxeleza, un simple trazo define a liña cérvico – dorsal do animal á que se engaden pequenos sucos para definir as extremidades. Presentan, por tanto, un aspecto moi semellante ós chamados pectiniformes (en forma de peite) que caracterizan á arte esquemática peninsular, moitos deles pintados. Todas estas novas descubertas reflicten o posible achegamento e presenza de ambos grupos artísticos na arte rupestre galaica.

Baixada da Barca – Arbo

Tampouco consideramos que o emprego deste tipo iconográfico teña relación co emprazamento destas estacións na paisaxe ou de determinadas formas de asentamento do territorio destas comunidades pois estes motivos figuran en laxes de diferentes formas, pequenas e grandes, tanto en paneis verticais como horizontais, en laxes situadas na cima de outeiros como a media ladeira con amplos horizontes de visualización.

A modo de exemplo podemos sinalar que o zoomorfo desta estación do Xiabre 2 presenta grandes similitudes estilísticas co cuadrúpede do petróglifo dos Gorgulliños (Compostela) pero o zoomorfo do Xiabre fica nun panel horizontal e nunha rocha de tamaño medio a rentes do chan mentres que o cuadrúpede dos Gorgulliños localízase nun panel moi inclinado dunha enorme peneda que salienta sobre a paisaxe da súa contorna.

Fonte Formosa 2 – Verdoejo – Valença do Minho

É hora de rachar vellas crenzas e reformular cuestións que xa dabamos por sentadas para iniciar novos estudos que permitan afondar no coñecemento destes gravados esquemáticos espallados por boa parte da fachada atlántica das provincias da Coruña e Pontevedra, así coma no Norte de Portugal.

As novas técnicas de rexistro co emprego dos modelos fotogramétricos facilitan arestora a súa localización, pois na maioría dos casos son moi difíciles de ollar a simple vista debido as súas condicións de conservación.

A falta de investimentos para estudos pormenorizados en determinadas áreas explica que a maioría destas descubertas sexan obra de asociacións ou grupos de afeccionados. A experiencia nestes anos demostrounos que cómpre coidarnos de aseveracións categóricas no tocante ós petróglifos galegos, xa que nunca deixan de sorprendernos.

Os Gorgulliños. Compostela

 

Vista previa(abre en una nueva pestaña)

A Devesa da Rula. No camiño cara a destrucción


A descuberta da área arqueolóxica da Devesa da Rula tivo lugar cando este colectivo daba os seus primeiros pasos. Daquela pareceunos oportuno adoptar o nome daquela ladeira do monte San Miguel na Portela de Villestro como un xeito de reivindicar a súa relevancia no contexto da arte rupestre da nosa comarca.

Convencidos da necesidade de conservar esta área arqueolóxica xorde un colectivo que reunía a vontade dun grupo de persoas que procuraban un xeito novo de concibir a relación co noso patrimonio rupestre en harmonía co medio natural da súa contorna.   Cando comezamos confiábamos nas posibilidades reais de erradicar, coa axuda das administracións competentes, os elementos que facían perigar a súa conservación e impedían o adecuado acceso ás estacións con gravados

Devesa da Rula. Onde se xuntan os camiños. Dentro do triángulo a estación 4

Oito anos despois tivemos experiencias dabondo para decatarnos de que o camiño que escollemos é máis difícil do que imaxinábamos. Porén, non fomos quen de sospeitar que, a día de hoxe, seguiríamos a camiñar como o caranguexo.

Para explicarvos mellor a situación empregaremos unhas imaxes PNOA da zona dispoñibles en liña na cartografía da Xunta de Galicia nas que poderedes ver a evolución da zona desde o ano 2002 ata o 2017.

(Ver a pantalla completa). Fonte: http://mapas.xunta.gal

Nestas imaxes (recomendamos abrilas en máxima resolución para unha mellor visualización) podemos ver como desde o voo americano do ano 1954-55 ata o PNOA do ano 2010-1 non se observa a existencia de ningún camiño que cruzase pola zona da Devesa da Rula onde se sitúan as estacións rupestres, existindo só un camiño ao sur que discorre en dirección leste – oeste, e outro camiño que discorre en dirección norte – sur situado ao oeste da zona con gravados.

No PNOA do ano 2014 pode verse xa a consolidación dun estreito sendeiro que cruza a zona de gravados en dirección norte – sur, e que é a senda que tradicionalmente empregamos nas nosas visitas e actividades divulgativas.

A finais dese ano e principios do ano seguinte comezaron a circular por este sendeiro bicicletas o que provocou o paulatino deterioro do firme, e se chegou incluso a organizar unha ruta btt na zona con numerosos participantes que conseguimos non se celebrase máis.

No PNOA do ano 2017 faise evidente que o sendeiro xa non é tal, senón que xa ten o ancho dun vehículo de catro rodas e se evidencia un uso cada vez máis asiduo por vehículos motorizados, o que producíu un aceleramento do deterioro do chan, do entorno e dos xacementos.

Durante todos estes anos instamos en múltiples ocasións ao Concello de Santiago e a Dirección Xeral de Patrimonio para que tomasen medidas axeitadas para corrixir esta mala utilización da Devesa da Rula que está a deteriorar sensiblemente o xacemento e as estacións rupestres que alberga. Recibimos comprensión e atención mais, en todo este tempo, non se adoptou ningunha medida efectiva que paliase os efectos nocivos destes usos de xeito descontrolado.

Estas foron as nosas loitas ata o de agora, xa que este aciago ano 2020 tíñanos reservado outra mala nova. Nunha data indeterminada deste verán alguén abriu un camiño novo desde o primeiro treito do camiño tradicional que discorre dirección N/S ao oeste da zona con gravados, e comunica co camiño “novo” N/S da Devesa cruzando a zona dos gravados.

PNOA do 2017 co trazado dos novos camiños, laranxa o de 2020 e vermello o de 2013-20

Este novo camiño abriuse pasando por enriba da estación Devesa da Rula 5 e pasa a carón da estación da Devesa da Rula 4 antes de comunicar co camiño da Devesa. Un pouco máis adiante, seguindo a senda da Devesa abriron un camiño que parte á dereita e se bifurca en varias rúas que adoitan empregar os cazadores para disparar ás pezas.

Devesa da Rula. Imaxe do último tramo do novo camiño ao seu paso pola Devesa da Rula

Semella que o lugar elixido para dar a volta os vehículos é a propia Devesa da Rula conformándose un trazado en forma de triángulo no interior do cal quedou a estación da Devesa 4

Descoñecemos quen está detrás da apertura deste novo camiño. O evidente é que foron abertos sen empregar ningún tipo de criterio racional toda vez que o camiño pasa por enriba da estación 5 e invade as zonas de protección máis inmediatas doutras dúas estacións.

Devesa da Rula. O novo camiño. En primeiro plano a estación 5, no medio do trazado

O pasado 22 de outubro comunicamos estes feitos a David Santomil que ostenta a Presidencia de Compostela Rupestre que llo comunicou á concelleira compostelá Mercedes Rosón. Mercedes comunicoullo á súa vez á Dirección Xeral de Patrimonio. Uns días máis tarde acompañamos a un técnico enviado pola Dirección Xeral de Patrimonio ata o lugar co obxecto de que recompilase información para elaborar un informe.

Devesa da Rula. Vista cenital da estación 4 na encrucillada de camiños e a estación 5 á esquerda no medio do trazado do novo camiño

O deterioro acelerado que está a sufrir a zona está a vista de todos. Se non se toman medidas que o corrixan estamos convencidos que o deterioro da zona vaise acelerar moito máis toda vez que o paso de vehículos a motor é, na actualidade, habitual.

Devesa da Rula. Trazado do novo camiño

Xa temos dúas estacións na zona atravesadas por un camiño Agro do Campo 1 (danada pola maquinaria de extinción do lume do ano 2015) e agora a da Devesa da Rula 5, e unha boa parte dos afloramentos próximos amosan pequenas fracturas producidas polo paso de vehículos.

No Colectivo A Rula traballamos en prol da multifuncionalidade dos nosos montes, así como pola accesibilidade dos xacementos rupestres, claro que nunca imaxinamos esta multifuncionalidade nin esta rede de accesos.

Nas conversas mantidas estes días tanto con Rosón como con Santomil indicaron a súa intención de esperar á contratación e elaboración do plan director de Compostela Rupestre para adoptar as medidas que este indique.  Mercedes tamén nos informou da súa intención de enviar as fins de semana unha patrulla ao lugar para controlar a actividade de cicloturistas e motoristas. De verdade que é preciso un plan director para actuar nestes casos? 

Cústanos asumir que a realización dun camiño cruzando unha zona inzada de xacementos catalogados e coa máxima protección legal contemplada para o patrimonio vaia a quedar impune.

Moi ao noso pesar RECOMENDAMOS por MOTIVOS DE SEGURIDADE NON VISITAR OS PETRÓGLIFOS DA DEVESA DA RULA OS DÍAS HÁBILES DE CAZA (XOVES, DOMINGOS e FESTIVOS) dada a proximidade das rúas de disparo cos xacementos.