Novas estacións rupestres en Montouto, Teo


Comeza o ano 2021 e queremos facelo con renovadas arelas e ganas de mudar as cousas. E non concibimos mellor maneira que achegando información sobre estes novos petróglifos localizados na comarca compostelá, descuberta que nos enche de ledicia.

Petróglifo de Agro Grande. Fotografía nocturna

O alto de Montouto, enclave paisaxístico e histórico

O alto de Montouto e a súa aba constitúen un dos enclaves históricos e paisaxísticos máis relevantes do concello de Teo. Este cumio situado a unha altitude de 339 m.s.n.m. é un dos miradoiros naturais do municipio teense desde o que se pode contemplar unha das mellores panorámicas do sur da capital compostelá e do val do Santa Lucía, co grande faro da xomarca, o Pico Sacro, como protagonista. Nos días claros pódense divisar cara o leste os principais picos das serras centrais galegas os Carrio, Farelo, Candán, Chamor ou San Sebastián e, ollando cara poñente e ó sur, os cumes do Xesteiras, Meda, A Grela, Castelo Redondo, Xiabre …

Panorámica de Compostela dende o Alto de Montouto

É tamén un enclave histórico de referencia pois foi un dos escenarios dunha batalla que mudou a nosa historia, a Batalla de Cacheiras do 23 de abril de 1846, o penúltimo episodio dunha fracasada revolución que, porén, permitiu dar paso á Galiza contemporánea.

Esta zona norte da parroquia de Cacheiras é un lugar de paso e encrucillada de camiños á entrada da capital xacobea. Dende o medievo os peregrinos que accedían as terras de Compostela polo camiño de Pontevea divisaban por primeira vez a catedral Compostelá á beira da desaparecida Capela de San Sadurniño, que cristianizaba este antigo milladoiro no linde do Xiro da Cidade. No sitio de “A Tenencia”, entre Montouto, Penelas e Cobas o Cabido Catedralicio contou con importantes posesións durante o Antigo Réxime e mantívoas ata ben entrado o século XX.

Vértice xeodésico do alto de Montouto

Novas descubertas de petróglifos en Montouto

Neste rico contexto cultural, as recentes descubertas evidencian agora que tamén foi unha zona de certa importancia na Prehistoria. Ós xacementos xa documentados nos anos cincuenta do pasado século, como as mámoas da necrópole megalítica do alto de Montouto, da que hoxe só se conserva a chamada Mámoa da Cova da Pereira / Mámoa 4 do Montouto (GA15082001) e da que falamos nunha entrada previa neste blog, temos que engadir agora varias estacións de petróglifos.

Mapa de localizacións dos petróglifos e mámoas de Montouto, da Pena Escorredía e do trazado da ruta da Batalla de Cacheiras

O primeiro deles, o petróglifo da Estivada do Vilar, localizouno no ano 2007 Fernando Hermida, veciño da parroquia de Cacheiras, e catalogouse a finais de 2016 (GA15082109). Localízase ó oeste da estrada AC-841, entre as aldeas da Póboa ó norte e Pedrousos ó sur. Conta con varios paneis con agrupacións de coviñas, cazoletas e media ducia de cruces, probablemente medievais, situadas na parte superior da “Peneda da Estivada do Vilar”.

Petróglifo da Estivada do Vilar. Cruciformes

Hai só unhas semanas, Tamara Sánchez, veciña dos Tilos, localizaba dúas novas estacións ao leste da estrada AC-841, na aba do cumio de Montouto na pendente orientada ó sur, a que mira ó Pico Sacro. Mentres apañaba cogomelos preto da súa vivenda, daba coas dúas primeiras estacións de arte rupestre na faldra da Pena Escorredía, situadas ó carón de antigos camiños, hoxe convertidos en pistas da concentración parcelaria polas que transcorre a ruta da Batalla de Cacheiras sinalazadas polo Concello en 2008.

Mapa IGN coas localizacións dos petróglifos e mámoas de Montouto e Os Tilos

Varias circunstancias propiciaron estes novos achados. En primeiro lugar, nas dúas parcelas onde se sitúan os gravados realizáronse recentemente traballos de roza. Na parcela de Agro Grande realizáronse traballos de eliminación de eucaliptos e limpeza do mato. No segundo predio, no sitio da Areosa, realizouse unha replantación de eucaliptos. En segundo lugar, Tamara non só é afeccionada a micoloxía senón que posúe estudos de Historia da Arte e tamén é boa coñecedora do patrimonio teense, polo que logo se decatou da excepcionalidade destes gravados.

Localización dos petróglifos de Montouto

Logo de realizar varias visitas puidemos confirmar os dous novos conxuntos arqueolóxicos.

Días despois a propia Tamara identificou dúas novas estacións de coviñas na contorna da urbanización dos Tilos onde reside. A primeira delas na aldea de Cobas, moi preto do linde coa urbanización dos Tilos, e a segunda nun espazo público á beira das escaleiras que comunican dúas rúas desta urbanización.

Petróglifo de Agro Grande

Localízase nunha parcela de piñeiros situada á beira dunha das pistas de concentración parcelaria que substituíron ó antigo camiño tradicional que baixaba en dirección a aldea de Penelas. Coordenadas N 42 49.767, W 8 32.292 (Datum WGS84) e a unha altitude de 290 m.s.n.m.

Petróglifo de Agro Grande. Vista cenital do conxunto

O panel con gravados atópase a rentes do chan, nunha grande peneda que presenta evidentes marcas da actividade dos canteiros nesta zona. A rocha sitúase na parte central e inferior dunha parcela onde existen numerosos afloramentos graníticos empregados tradicionalmente para a extracción de pedra para as aldeas da parroquia de Cacheiras e o val de Santa Lucía: Penelas, Tras do Eixo e Cobas.

Tornarratos sen extraer nunha das laxes de Agro Grande

De feito, moitas delas presentan marcas de extracción e pegadas desta actividade. Nunha das laxes aínda se aprecia unha forma circular duns 58 cm de diámetro, posiblemente traballada para unha capa ou tornarratos dun hórreo, que por algunha razón non se chegou a extraer. Curiosamente noutras rochas quedaron as pegadas da extracción de elementos semellantes que si foron rematados. Todas elas son de diámetros similares, polo que pensamos que foron arrincadas nun mesmo momento e empregadas para a mesma finalidade.

Petróglifo de Agro Grande. Pegadas de extracción

O panel insculturado mide 4,35 x 1,96 m e localízase no lateral sur da rocha. Os motivos representados son 24 coviñas de diferentes dimensións, a maior de 9 cm de diámetro e 3 cm de profundidade, e a máis pequena de 3 cm diámetro e 1 cm de profundidade. Distribúense de xeito irregular pola parte central do panel que ten unha disposición E-O.

Petróglifo de Agro Grande. Vista cenital

Figura tamén unha combinación circular incompleta composta por 3 aneis e coviña central. Ten 33 cm de diámetro.

Petróglifo de Agro Grande. Detalle con luz natural

Logo da realización de diferentes modelos fotogramétricos e fotografías nocturnas con luz rasante, apreciamos restos moi erosionados de ata dúas combinacións máis (unha delas de ata 3 aneis), outros sucos indefinidos e posibles aneis con coviñas centrais distribuídos por todo o panel.

Petróglifo de Agro Grande. Fotogrametría

Os motivos foron gravados nun soporte pouco habitual pois trátase dun granito de gran moi groso que dificulta os traballos de tallado das diferentes figuras. Asemade, é habitual que os gravados neste soporte presenten maior degradación. Non obstante, tendo en conta a situación das laxes da contorna e a intensa actividade dos canteiros podemos dicir que o estado de conservación dos gravados é boa.

Petróglifo de Agro Grande. Interpretación

Petróglifo de Areosa

Sitúase no bordo exterior dunha parcela de monte cunha plantación de eucaliptos, a rentes da ruta da Batalla de Cacheiras. É esta unha zona chaira antes do ascenso ó alto de Montouto. Coordenadas N 42 49.753, W 8 32.533 (Datum WGS84), altitude de 260 m.s.n.m. Atópase a 480 m ó sur da emblemática “Pena Escorredía” no cumio de Montouto e a uns 350 m ó oeste do petróglifo de Agro Grande.

Petróglifo de Areosa. Panel 1. Detalle

Distinguimos dous paneis insculturados. O principal sitúase na parte superior dunha peneda moi alterada pola actividade dos canteiros, que sufriu enormes fracturas pola extracción de pedra nos laterais, sobre todo ó norte, sur e parte do bordo que dá ó camiño. O panel gravado consérvase, case milagrosamente, na parte central da peneda, a única zona que non sufriu o abate dos canteiros.

Petróglifo de Areosa. Localización dos paneis

Mide 3,30 x 3,70 m e está dividida por unha grande diáclase central. A ambos lados desta fenda natural distribúense un total de 23 coviñas / cazoletas, a maior delas de 10 cm de diámetro e a máis pequena de 2 cm, en xeral, bastante fondas e visibles.

Petróglifo de Areosa. Fotogrametría indicando os motivos

Na parte superior, a máis prominente do panel aproveitando a protuberancia natural da laxe figura unha combinación circular (1) de 20 cm de diámetro formada por 3 aneis con coviña central, ó seu carón dous aneis simples unidos (2), formando unha especie de 8 con coviña central, de 14 e 12 cm de diámetro cada un.

Na parte central, a carón da cazoleta de maior tamaño, obsérvanse restos dunha combinación de dous ou tres aneis con coviña central de 16 cm de diámetro (3).

Petróglifo de Areosa. Interpretación

Pegada á fenda, na parte sur do panel, hai tamén un segundo “petón” con unha combinación circular moi erosionada de dobre anel e adaptada á morfoloxía da rocha, ten uns 15 de diámetro (4), a carón apreciase outro anel con coviña central tamén moi degradado (5).

Petróglifo de Areosa. Panel 1. Fotografía nocturna

Como aconteceu co petróglifo do Agro Grande, nos modelos fotogramétricos apreciamos restos doutras combinacións ou círculos simples, imperceptibles a simple vista polo seu mal estado de conservación. Entre elas destaca unha combinación circular incompleta de dous aneis e coviña central (6).

Petróglifo de Areosa. Panel 1. Fotogrametría parcial

Na parte inferior do afloramento, case a rentes do chan localizamos un segundo panel formado por dúas cazoletas aliñadas en dirección O-E de 6 cm de diámetro e 3 de profundidade, e 7 cm de diámetro e 4 de profundidade, respectivamente.

Petróglifo de Areosa. Panel 2

A extracción de bloques da peneda por parte dos canteiros impídenos saber se este petróglifo posuía máis figuras pero sería bastante probable.

O soporte empregado é, como no caso anterior, un granito de gran groso. O estado de conservación dos gravados é regular. Os diferentes motivos presentan maior deterioro que os localizados no petróglifo do Agro Grande.

Petróglifo de Areosa. Fotogrametría

Petróglifo da Leira da Viña

Este petróglifo atópase detrás do pavillón da urbanización Os Tilos, nun afloramento de xisto situada na parte sur-leste dunha parcela dedicada a prado que linda coa coñecida Casa da “Leira da Viña” da aldea de Cobas. Coordenadas N 42 50.464, W 8 32.285 (Datum WGS85), altitude 209 m.s.n.m.

Petróglifo da Leira da Viña. Localización

Nunha rocha de xisto de forma alongada, de 3,50 x 1,10 m, no seu extremo sur figura un panel composto por 5 coviñas agrupadas ó carón dunha pía natural. As coviñas son fondas e posúen diferentes tamaños entre os 10 e 6 cm. Na parte inferior da laxe hai outra coviña illada de 8 cm.

Petróglifo da Leira da Viña. Vista xeral

Petróglifo dos Tilos

Trátase de tres coviñas localizadas no extremo dunha peneda de xisto moi alterada polas actividades antrópicas na zona e que arestora fica nunha zona pública, ó carón da escaleira que comunica as rúas Loureiro e Ameneiro desta urbanización teense. Coordendas N 42 50.599, W 8 32.479 (Datum WGS84), altitude 262 m.s.n.m.

Petróglifo dos Tilos. Localización

Dende a laxe temos unha vista privilexiada do Pico Sacro case en liña recta mirando en dirección sur. O petróglifo conta con tres únicas coviñas, de 8 cm de diámetro e 4 de profundidade, de 5 cm e 1,5 a mediana e unha terceira de 4 cm de diámetro e 1 cm de profundidade.

Petróglifo dos Tilos

Consideracións xerais

Estes novos petróglifos presentan características semellantes a outras estacións de arte rupestre xa catalogadas en Teo. Un conxunto de estacións con gravados de tipo xeométrico, localizados a unha altitude entorno ós 250 m.s.n.m, nunha zona media – alta do val, sitios chans con fácil acceso a mananciais de auga, ó carón de antigos camiños e de grande visibilidade sobre a súa contorna próxima.

Porén, o aspecto máis significativo destas novas estacións é a súa localización nunha zona onde non se tiñan documentado ningún tipo de xacementos con arte rupestre que, probablemente, daten de inicios da Idade do Bronce. Estes petróglifos testemuñan a ocupación dende a Prehistoria desta área da aba da Pena Escorredía / Montouto que dá acceso ó val do Santa Lucía.

Alto de Montouto

De igual xeito, cómpre sinalar que, a diferenza da maioría dos petróglifos teenses, estes gravados empregan soportes pouco habituais, o granito de gran moi groso no caso dos petróglifos de Montouto e o xisto nas dúas estacións na redonda dos Tilos. Soportes que dificultan a súa conservación ó longo do tempo e aumentan a singularidade destes petróglifos. De feito, as dúas estacións dos Tilos son as primeiras que temos rexistradas na comarca que empregan este tipo de soporte.

A nova área arqueolóxica da Pena Escorredía

Estas novas descubertas testemuñan a ocupación destas chairas, previas ó alto de Montouto, polas primeiras sociedades prehistóricas que habitaron esta zona do concello de Teo. Gravados relacionados con actividades de carácter ritual, relixioso ou se cadra simples fitos espaciais en lugares de tránsito empregados dende a Prehistoria ata os nosos días.

Martín Almagro na Pena Escorredía, Xuño de 2019

Esta zona é coñecida pola súa famosa pena escorregadiza chamada a “Pena Escorredía”, un enorme macizo granítico que presenta unha forte pendente nun dos laterais que foi empregada como tobogán dende tempos inmemoriais pola veciñanza da contorna. Esta curiosa formación natural foi examinada o pasado ano polo estudoso Martín Almagro Gorbea que a incluíu nun inventario das grandes rochas, que el designa como “peñas sacras”, realizado en diferentes rexións españolas.

Pena escorredía de Montouto. Vista aérea

Segundo estes investigadores estas laxes espalladas por toda a xeografía penínsular con diferentes denominacións, arrastraculos en Toledo, “resbalinas” ou “resbaladeras” en Zamora, “pandero de las mozas” en Ávila, etc, están asociadas a antigos rituais de fertilidade dende a Prehistoria.

Nalgúns casos ó valor etnográfico e antropolóxico destas penedas hai que engadir a presenza de gravados prehistóricos como acontece noutras “Penas Escorredías” teenses: o petróglifo da Laxe da Estivada de Mallos na parroquia de Teo e o petróglifo do Chan do Pouso ou Pena Escorredía na área arqueolóxica do Monte Piquiño (Luou – Rarís), en ambas existen gravados de tipo xeométrico. Todas elas presentan unha importante zona desgastada e case lisa polo rozamento das miles de persoas que teñen descendido por esta superficie.

Pena escorredía de Montouto

No caso da Pena Escorredía de Montouto consérvanse fotografías antigas da rapazada deslizándose pola peneda pero tamén xente adulta, que se achegaba a ela logo de asistir á romaría das Cabezas do Raxó. Durante a visita en 2019, Martín Almagro prognosticounos a máis que probable aparición de laxes gravadas na contorna da Pena Escorredía, tal como acontecería só un ano despois. Probablemente no futuro debamos procurar maior atención a esta zona teense que ata agora tiñamos bastante esquecida.

Pena Escorredía de Montouto. Revista Unión de Teo y Vedra. 1965

Como é costume, o Colectivo A Rula achegará un informe detallado á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e ó Concello de Teo que agardemos marque o inicio dos trámites precisos para a catalogación destas xoias do noso patrimonio.

Agardamos que os datos facilitados sirvan para a inclusión destes e todos os petróglifos que seguen sen catalogar no desenvolvemento práctico do Plan Director de Compostela Rupestre. Só a catalogación de todos os petróglifos permitirá achegar unha visión xeral e real de conxunto deste importante foco do Grupo Galaico da arte rupestre que arestora integran máis de 150 estacións, máis de 30 delas pendentes de catalogación.

Dende o Colectivo A Rula pensamos no interesante que sería incluír a posta en valor destes novos elementos patrimoniais conxuntamente co resto de bens da ruta da Batalla de Cacheiras. A Pena Escorredía e os novos petróglifos enriquecerán este vieiro que vertebra unha área emblemática na historia teense. Se é así, contarán coma sempre, coa nosa colaboración.

Petróglifo de Agro Grande

Rematamos agradecendo a Tamara a súa paixón, descubertas e confianza en nós. Tamén temos que dar as grazas a José e Elena, propietarios da parcela do petróglifo do Agro Grande, pola súa colaboración e amabilidade para acceder ó petróglifo, pero sobre todo polo seu interese en coñecer mellor este interesante ben cultural. O seu traballo nesta parcela exemplifica como se pode coidar o monte e, á vez, o noso patrimonio en perfecta harmonía.