A Poza do Crego en Vedra II


51139701887_ae10cc17de_h

Inscrición da Poza do Crego no ano 2000. Fotografía de Henrique Neira

Hai un par de semanas publicamos neste blog e informamos á Dirección Xeral de Patrimonio da situación de risco dunha poza situada no lugar de Galegos, Vedra provocada pola actividade forestal que se está a desenvolver na zona. Como sinalamos a relevancia deste elemento etnográfico sen catalogar é enorme. Estas construcións populares son boas mostras dos sistemas agrícolas tradicionais desta comarca, sistemas hidráulicos que garantían reservas de auga esenciais para os cultivos, prados e veigas que caracterizaban esta paisaxe vedresa das abas do Pico Sacro. O abandono progresivo dos usos agrarios tradicionais durante as últimas décadas do século XX levou parello o abandono destes bens que, porén, debemos preservar como legado, costume e tradicións xenuínas da Galicia rural.

En compaña de vari@s veciñ@s, do historiador Henrique Neira e de representantes do grupo municipal do BNG, realizamos unha segunda visita para analizar o estado actual da poza e da súa contorna.

51129104367_8258f56e24_k

O primeiro que chamou a nosa atención foi o forte impacto que está a producir o movemento de maquinaria pesada por todo o val, a deforestación de toda a ladeira por onde transcorre o camiño de Santiago e a construción de enormes muros de contención. Só pequenos illotes de monte, propiedade d@s veciñ@s que se negaron a vender ou ceder as súas propiedades ós novos propietarios, rompen a visión dunha paisaxe monocroma que mudará coa plantación de miles de vides. A veciñanza alertounos, con razón, do enorme perigo que suporá para a veciñanza das casas da aldea de Outeiro a chegada da época de choivas. Xa non hai vexetación que ampare e logre frear as posibles enxurradas. Só observando os danos recentes provocados pola auga nos noiros e cunetas ás beiras do camiño podemos entender a súa preocupación.

51140601553_6cf15b1253_k

Alén disto, aledounos observar que a situación da Poza do Crego é a mesma que hai un par de semanas e que non se desenvolveron novos traballos na súa redonda. A publicación no noso blog, tivo tamén resposta e difusión noutros medios e así, tanto La Voz de Galicia como El Correo Gallego informaron desta situación recollendo non só a información do noso blog senón dando voz ó resto dos implicados.

Queremos agradecer a ambos xornais polo axeitado tratamento da nova, mais cómpre aclarar algunhas cousas sinaladas, principalmente na nova publicada en “El Correo Gallego” do pasado domingo.  Por unha banda, seguimos sen ter novas da Dirección Xeral de Patrimonio, algo que xa non nos sorprende, mais reconfórtanos ler que o goberno municipal de Vedra tivo interese en coñecer a situación, que falara cos adegueiros e puxeran tamén en coñecemento os feitos á Dirección Xeral de Patrimonio.  Non obstante, ata agora non se adoptou ningunha medida para preservar o citado ben nin os outros elementos da zona.

51140601288_8144762bf4_k

Ó respecto do sinalado polo seu antigo propietario, Manuel Lobato,

“quen aclarou que a inscrición que se atopa tallada sobre unha pedra non é nin moito menos do século XVII, senón que foi obra do seu pai, que fixo o gravado hai seis ou dez anos”,

queremos indicar que este Colectivo limitouse a sinalar a presenza da inscrición epigráfica e a súa transcrición. Non obstante, non desbotamos que sexa coetánea á poza, pois temos documentados outros corgos da zona construídos nese período. Ademáis, a tipografía e estilo coinciden coas inscricións da época, só é preciso comparala coas inscricións que conserva a capela de Santiago situada a uns cincocentos metros para ver a súa similitude.

51129291798_fc0edf4d3f_k

Inscrición da Capela de Santiago. Século XVII

Malia todo, serán os especialistas neste ámbito os que deberán valorar a súa antigüidade. O que non é certo é que  esta inscrición teña entre 6 e 10 anos pois Henrique Neira facilitounos fotografías antigas da poza, de hai máis de vinte anos, nas que se  pode ver a mesma inscrición na mesma situación, o que evidentemente contradí o sinalado pola familia. Unha visita á poza fai evidente o valor patrimonial deste importante elemento etnográfico.

51129124404_354c72408c_k

Continuamos a nosa xeira polas pistas da concentración parcelaria que rodean os terreos deforestados para visitar ás dúas mámoas catalogadas que hai nesta zona, probablemente os derradeiros vestixios dunha importante necrópole existente nesta penichaira, na parte superior das ladeiras que foron deforestadas para as novas plantacións. As dúas están situadas en liña seguindo unha orientación SE-NE en dirección ó Pico Sacro e á beira da pista de concentración que substituíu ó antigo camiño preexistente. Ambos xacementos figuran no inventario patrimonial vedrés e no Plan Básico Autonómico da Xunta. O tamaño tamén é similar, uns 20 m de diámetro, porén o seu estado de conservación é moi desigual. A mámoa de “Penas Pardas”, o nome semella ter relación cunha penedía que sobresae na contorna con esa tonalidade de cores, atópase en moi bo estado de conservación nunha zona de monte na que non houbo actividade forestal nos últimos anos.

51130180055_2099ca7063_k

Mámoa Penas Pardas co Pico Sacro ó fondo

Pola contra a outra mámoa, nomeada “Quenlla das Medas”, está moi alterada. Atópase na mesma parcela que a Poza do Crego na parte oposta, na zona norte do terreo. O nome “Quenlla das Medas” pode ser un indicador ilustrativo que nos informa das características da zona, pensamos que “quenlla” fai alusión ás antigas canles da poza ou canais de rega. “Meda” é un dos nomes tradicionais para referirse ós túmulos. O paso da maquinaria por riba da mámoa e a tala intensiva de árbores por toda a parcela sen ningún tipo de control provocou evidentes danos na mámoa que fica moi achanzada e que reduciu de forma significativa a súa altura orixinal.

51129276333_4104493539_k

Mámoa Quenlla das Medas

Como xa sinalamos na anterior achega, consideramos que estes bens culturais deberían enriquecer a paisaxe moi desvirtuada e alterada polo novo monocultivo que mudará a súa fisionomía. Cómpre ter en conta que xustamente esta zona constitúe un dos referentes do último treito do Camiño da Prata con elementos tan relevantes como a capela e a Fonte do Santiago e situado preto de Galegos e do Pazo de Galegos onde pasou os seus últimos anos de vida o ilustre sacerdote, arqueólogo, historiador e arquiveiro, Antonio López Ferreiro.

Curiosamente neste pazo consérvase unha cepa da variedade “cascón” de máis de 400 anos de antigüidade segundo recolle Henrique Neira no seu libro “Vedra, una historia visual”.  Na actualidade está tamén a sufrir unha profunda reforma tanto no exterior coma no interior. Pensamos que a nova cor rosa do seu exterior non é a mais axeitada para un edificio histórico destas características no medio dunha aldea tradicional, agardemos polo menos que a reforma interior sexa respectuosa cos importantes bens que posúe, como a súa capeliña e o seu antigo mobiliario.

51129120337_442db61d08_k

Pazo de Galegos. Fotografía de Henrique Neira

Queremos agradecer ás persoas que nos acompañaron nesta visita por toda a información achegada, en especial,  e unha vez máis, a Henrique Neira. Agardamos que estas pequenas publicacións axuden á difusión destes elementos patrimoniais tan descoñecidos e contribúan a garantir a súa preservación.

A Poza do Crego de Galegos en risco (Vedra)


O pasado ano visitamos un dos elementos etnográficos máis interesantes do concello de Vedra guiados polo noso amigo, o investigador e xornalista, Henrique Neira, autor do libro “Vedra. Unha historia visual”(2017).

A Poza do Crego é unha excepcional mostra dun complexo hidráulico que foi fundamental na agricultura tradicional para garantir boas colleitas. As pozas ou corgos, do latín “corrugus”, fan referencia aos sistemas de regadío dos antigos predios e, en ocasións, tamén relacionados co subministro de auga para muíños e lavadoiros. Son sistema hidráulicos formados por canles ou levadas que conducen a auga dende o manancial ata os corgos ou pozas que a acumulan para, a continuación, distribuila polas fincas da contorna de forma organizada, seguindo as directrices e normas consuetudinarias fixadas pola comunidade ou polos propietarios afectados. A propia veciñanza realizaba periodicamente os labores de mantemento e acondicionamento para evitar que o mato ou sedimentos impediran a circulación da auga pola canle.

Inscrición da Poza do Crego

As pozas son, basicamente, estruturas escavadas no chan,  normalmente de planta ovalada. Son vestixios dunha actividade vinculada ás formas de vida e cultura tradicional do pobo galego que recolle a documentación notarial dende, polo menos, o s. XVII e ata mediados do s. XX.

Podemos atopar corgos por toda a xeografía galega, mais presentan especial significación nesta zona do val do Ulla e principalmente na bacía do río Santa Lucía. Tanto no concello de Teo como no de Vedra consérvanse bos exemplos destas construcións que, por desgraza, son case descoñecidas e a maioría delas están sen catalogar e, por tanto, desprotexidas. Cómpre salientar o labor da Asociación Trinxidoiro de Penelas (Teo) que logrou recuperar e valorizar o chamado “Rego de Moldes” a través dunha ruta de sendeirismo que integra varios destes corgos, alén de levadas, muíños e lavadoiros.

A Poza do Crego

A Poza do Crego sitúase nas proximidades da aldea de Outeiro na parroquia de San Pedro de Vilanova, Vedra. Coordenadas UTM:  29 T 546102 4738326, altitude: 358 m.s.n.m.

Poza do Crego en xaneiro de 2020

Non está catalogada, non consta nin no PBA (Plan Básico Autonómico) da Xunta nin no inventario patrimonial do PXOM de Vedra (2007). Non obstante, está moi preto da área de protección da denominada mámoa da Quenlla das Medas (a 220 m) e a só 470 m da estrema co municipio de Boqueixón. A poza dá nome a parcela onde se localiza.

Plano de situación cos bens patrimoniais catalogados próximos

Trátase dun corgo de tamaño medio de forma ovalada no que se deposita a auga que procede dun manancial do monte a través dunha canle de polo menos 200 metros de lonxitude. O estado de conservación da canle é malo pero a poza atópase en moi boas condicións, sendo preciso unha pequena pero axeitada restauración para súa posta en valor.

Poza do Crego na actualidade. Fotografía Henrique Neira

O feito diferencial desta construción é a presenza dunha inscrición epigráfica en galego que dá conta da data de construción e do seu propietario, e que podemos transcribir do seguinte xeito: “POZA DO CREGO / PROPIEDA / LOBATO DE GALEGOS / AÑO 1620”. Esta data concorda coas primeiras referencias documentais que tiñamos doutros corgos da zona, mais é o único destes bens que conserva unha datación in situ.

Poza do Crego en xaneiro de 2020

A poza ameazada

Os traballos de deforestación que se están a executar na parcela na que se localiza poñen en risco a preservación deste singular elemento. Non temos constancia de que exista ningún tipo de control nin seguimento das tarefas por técnicos cualificados, nin observamos os balizados preventivos na poza do Crego nin da mámoa da Quenlla das Medas. A empresa está a empregar maquinaria pesada na tarefas de tala e limpeza nas proximidades de ambos xacementos e imaxinamos que o seguirán a facer no proceso de plantación das vides.

Poza do Crego, estado actual logo da tala das árbores. Fotografía Henrique Neira

Cómpre lembrar que a ribeira do Ulla forma parte, dende maio de 2000, dunha nova subzona da Denominación de Orixe “Rías Baixas”. Teo e Vedra convertéronse así nunha importante zona de expansión da produción deste viño que medra ano tras ano ata o punto de transformase nun sector importante na economía da zona, que produce viños con personalidade propia e boa calidade, tal como avalan os premios recibidos en varios concursos nos últimos anos.

Henrique Neira comunicou ó concello de Vedra a situación de desprotección que ameaza a integridade da Poza e agardamos que os seus técnicos velen pola súa protección. De igual xeito, poñemos en coñecemento deste ben e da preocupante situación á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, para que se proceda a súa urxente catalogación e adoite as medidas precisas que garantan a súa preservación.

Maquinaria na parcela da Poza do Crego

Tanto o noso colectivo como Henrique Neira defendemos unha viticultura que respecte estas manifestacións materiais da nosa paisaxe tradicional, integrándoas nas novas explotacións vitícolas. Estes elementos lonxe de ser obstáculos deberían enriquecelas. O recoñecemento do seu valor patrimonial e inmaterial e as características singulares desta poza centenaria constitúen un atractivo máis para a potenciación futura dun turismo etnolóxico que está a agromar con forza no val do Ulla.

Corgo do Cura no Rego de Moldes en Penelas. Visita guiada coa Asociación Trinxidorio de Teo

Estamos a tempo de preservar un lugar de grande valor histórico e etnolóxico como recolle a propia Lei de Patrimonio cultural de Galicia 5/2016 (artigo 10f).