Novas estacións de arte rupestre no Val de Vimianzo. Prado da Cruz, O Campo, Prado Vello, Prado Vello de Arriba, Somontemio e Prado de Trasariz


Contexto da arte rupestre nas Terras de Soneira

Como ben recolle a mostra expositiva do castelo de Vimianzo, a comarca da Terra de Soneira é terra de Castelos, de Castros, de Románico e de Megálitos. Non obstante, esquecen tamén que é un territorio de especial significación na arte rupestre prehistórica.

O historiador e arqueólogo Ramón Barros Sivelo (1828 – 1903) na súa obra “Antigüedades de Galicia” (1875) reproducía un debuxo da chamada Pedra dos Letreiros en Carnés, posiblemente a primeira referencia coñecida dun petróglifo na Costa da Morte. Lamentablemente non chegou ós nosos días pois, tal como recolle o arqueólogo Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza no seu diario (1952),

“un veciño da aldea a desfixo”

O propio Sobrino Lorenzo – Ruza localizou e publicou no Noticiario Arqueológico Hispánico outra estación de arte rupestre en Carantoña, as “pegadas humanas de San Antonio de Monso” Aínda que descoñecemos o seu paradoiro, conservamos fotografías, deseños e planos que poden axudar a súa localización e que figuran no libro-catálogo “Ramón Sobrino – Lorenzo Ruza: memoria e legado dos petróglifos (2020)”, que recentemente publicamos e que recompila gran parte do legado deste arqueólogo pontevedrés.

51485593188_5bbfeb81f8_k

Pedra dos Letreiros en Carnés, segundo Barros Sivelo

Temos que dar un amplo salto no tempo ata o ano 1997 cando un cazador, Manuel Soto Caamaño, localizaba o petróglifo do Outeiro do Recosto en Boallo e uns días despois Roberto Mouzo, outro dos grandes investigadores e catalogadores do patrimonio soneirán, localiza as gravuras da “Pedra Mosqueira” a escasos metros do primeiro petróglifo. 

A finais do ano 2003, uns veciños de Berdoias localizan a primeira estación do Outeiro de Pedrouzos en Berdoias e só uns días despois, tamén Roberto Mouzo, localiza a segunda peneda gravada neste sitio. Na nosa publicación “Na espiral dos círculos concéntricos: o Colectivo A Rula, un vínculo social co patrimonio rupestre” (2019) tedes unha ampla información destes petróglifos situados na contorna das históricas aldeas de Berdoias e Boallo que hoxe fican unidas pola Ruta do ”Vieiro Fidalgo”, unha ruta etnográfica, histórica e arqueolóxica perfectamente sinalizada que recomendamos a tod@s @s visitantes que se acheguen pola Costa da Morte.

Froito dos traballos de campo realizados por diferentes empresas de arqueoloxía para o catálogo municipal e do Plan Básico Autónomico contamos arestora con 11 petróglifos catalogados coa súa correspondente área de protección integral e de amortecemento, incluíndo a referencia á zona onde estivo o petróglifo da Pedra dos Letreiros de Carnés. Porén, o catálogo de petróglifos vimianceses é moito maior é ascende na actualidade ata 25 laxes insculturadas.

Este incremento significativo é produto dos achados recentes do mozo e veciño David Roget, un afeccionado á arqueoloxía que localizou nestes últimos anos 14 rochas situadas en 7 enclaves no val de Vimianzo, boa parte deles situados na ladeira do monte que dende a aldea de Tendín ascende ata o sitio da Cruz do Loureiro.

51484502052_80c9ac6ac0_k

Plano de situación dos petróglifos do Concello de Vimianzo

Relación de Petróglifos catalogados (Fonte PBA)

Petróglifo da Devesa – Padreiro de Arriba – Baíñas

Petróglifo de Pedra da Vela – Manlle – Baiñas

Petróglifo do Outeiro do Recosto – Boallo – Berdoias (Falta a segunda estación)

Petróglifo de Pedra Mosqueiro – Boallo – Berdoias

Petróglifo da Chan da Ínsua – Carnés – A Casiña

Petróglifo de Outeiro Cornado – Cubes – Tines 

Petróglifos de Outeiro de Pedrouzos – Berdoias – Berdoias

Petróglifo de Vilaseco – Pedra do Frade – Berdoias

Petróglifo do Alto da Laxe – A Fonte – Castrelo

Petróglifo do Monte Vadalama – O Foxo – Calo

Petróglifo da Pedra dos Lestreiros – Carnés (Referencia)

 Relación de Petróglifos descubertos por David Roget e visitados polo Colectivo A Rula

Petróglifos do Prado da Cruz (2 estacións)

Petróglifos da Cruz de Loureiro (3 estacións)

Petróglifos de Padro Vello (3 estacións)

Petróglifo de Padro Vello de Arriba (1 estación)

Petróglifos de O Campo (3 estacións)

Petróglifo de Somontemio – Monte da Casa das Eugas (1 estación)

Petróglifo do Prado de Trasariz (1 estación)

51485519418_84851fb8db_k

Plano de situación dos petróglifos do Val de Vimianzo localizados por David Roget

A finais de agosto do pasado ano a Voz de Galicia informaba de novas descubertas que viñan a aumentar o interesante corpus da arte rupestre soneirán. Como non podía ser doutro xeito quixemos achegarnos a coñecelas e tivemos a sorte de visitalas co seu descubridor, David Roget.

David Roget na estación de Prado da Cruz. Foto: Jesús Roget

Soubemos polo xornal da súa xuventude, 19 anos, e da súa precocidade a hora de afrontar con éxito as dificultades que trae consigo o estudo da nosa arte rupestre. Pola súa conta adquiriu os coñecementos teóricos necesarios para o seu empeño, ao mesmo tempo que, tamén sen axuda, prospectou os montes da contorna do val de Vimianzo e rexistrou as descubertas no seu caderno de campo.

O detallado caderno de campo de David

Nesa libreta non só hai espazo para as pedras gravadas. Tamén pousou a súa curiosidade nas mámoas e castros ou no estudo dos hábitos dos últimos lobos, animais que a duras penas sobreviven neste entorno natural viciado, alterado por unha desafortunada xestión forestal e o progresivo abandono da gandaría e agricultura tradicional que puxo en perigo a escasa diversidade da fauna e flora que aínda se conserva.

Prado de Cruz. Panel 3. Motivo circular

Ollando de vagar o seu traballo confirmamos as nosas sospeitas, David posúe unha desas raras vontades que debemos coidar, apoiar e potenciar. Iniciativas como a súa parécennos fundamentais para comezar a desviarnos como sociedade do camiño trazado e iniciar novas formas de relación co noso degradado entorno natural, máis respectuosas, racionais e sostibles.

David é un bo exemplo para a rapazada, polo seu empeño por afondar no coñecemento e na historia da súa vila e da súa contorna. A educación transmitida por país e mestres contribuíron a espertar neste mozo inquedanzas e actitudes que nos permiten contemplar un futuro esperanzador. Aledounos moito que a prensa local e o goberno municipal souberan valorar e recoñecer o seu traballo. Porén, coido que para David a mellor recompensa foi poder ollar arestora as laxes limpas e sinalizadas.

Prado da Cruz. Panel 1. Sección superior

Tan pronto chegamos á vila puxémonos en marcha coa pretensión de visitar as dez estacións que leva descuberto o noso anfitrión. No camiño compartimos inquedanzas, anécdotas e ata nos permitimos algúns consellos.

Achegamos a continuación unha breve descrición das estacións que visitamos en dúas xeiras inesquecibles na compaña de David e vellas amizades da Rula que dun xeito silencioso exercen un papel esencial na vida social e cultural desta comarca.

Prado da Cruz

O primeiro conxunto que visitamos foi o de Prado da Cruz, localizado nas pendentes meridionais do alto da Cruz do Loureiro, ao leste da vila de Vimianzo e a quiñentos metros ao norte do castro de Trasouteiro. Localización.

A uns 600 metros ao nordés do xacemento localízase a necrópole megalítica de Prado Garrido composta por ata 5 mámoas, algunha delas como a número 1 conserva esteos da cámara. A pouco máis dun quilómetro ao leste sitúase a fortificación do monte de San Bartolomeu de cronoloxía descoñecida, elemento non catalogado. A estación rupestre máis próxima catalogada é o petróglifo de Outeiro Cornado, a unha distancia de 1700 metros en dirección surleste do xacemento.

51207021716_a36c089c2f_k

Prado da Cruz. Vista cenital

Sen dúbida, a estación máis significativa das novas descubertas de David, por dimensións e cantidade de motivos, é esta de Prado da Cruz 1. Este conxunto está formado por dous petróglifos situados nun mesmo afloramento de grandes dimensións e formas redondeadas, nun terreo en pendente.

Prado da Cruz 1. Panel 1. Vista xeral

A estación 1 é unha laxe de grandes dimensións situada a rentes do chan e con lixeira inclinación cara o suroeste, a favor do terreo. A súa superficie é regular e nela obsérvase un bo número de motivos xeométricos en aceptable estado de conservación. Probablemente o número de motivos sexa maior, toda vez que parte do panel está tapado con terra que oculta parcialmente algúns posibles motivos. Varias diáclases cruzan a súa superficie, unha delas a divide aproximadamente en dúas metades norte e sur

Prado da Cruz 1. Panel 1. Fotogrametría con indicación dos motivos

Identificamos un total de 9 combinacións circulares de tipoloxías diversas. A situada máis ao sur (A) esta a formada por dous círculos e varias coviñas no interior. Ten 50 cm de diámetro. De ela parten varios sucos irregulares de distintas lonxitudes. Superposto parcialmente a esta combinación un posible escaleriforme de difícil lectura por estar formado por sucos moi diluídos. Semella rematar en punta no seu extremo sur que se introduce na combinación, polo que non desbotamos a posibilidade de que se trate da representación dun puñal, impresión acrecentada polo estreitamento observable no extremo norte e que podería representar o enmangue da arma. Próxima a esta ao norleste un círculo  pequenas dimensións (B) con coviña interior, e do que parte outro suco irregular que a comunica cunha combinación máis grande situada ao norte (F).

51207225543_0bdbbf15da_k (1)

Prado da Cruz 1. Panel 1

No bordo suroeste unha combinación (C) de 4 círculos, o exterior incompleto, e coviña central de bo diámetro, da que parte un radio de saída. Mide a figura 45 cm de diámetro. Ocupando unha situación central unha pequena combinación (D) de dous círculos e coviña central. Ao norte desta un círculo simple (E) parcialmente rodeado por un suco irregular. No centro do panel, no lateral oriental unha combinación (F) de 3 círculos e coviña central do que parte un suco que comunica co motivo B. Ten 50 cm de diámetro.

51208091215_6d81570c79_k

Prado da Cruz 1. Panel 1

Por encima da diáclase que divide o panel, no lateral oeste, unha combinación (G) de dous círculos e gran coviña central de forma oval. Superpostos parcialmente a esta combinación 3 cruciformes feitos con sucos de arestas vivas que delatan a súa elaboración con útiles metálicos, e polo tanto a súa cronoloxía histórica. Ao leste desta combinación outra combinación (H) formada por 4 círculos e coviña central da que sae un radio en dirección este. Ten 48 cm de diámetro. Do círculo exterior parten dous sucos irregulares que comunican con outros motivos. Ao norte desta unha combinación (I) de tres círculos concéntricos de boa feitura cruzada por un suco. Un terceiro suco parte do centro cara o leste interrompéndose no círculo exterior. No extremo noroeste do panel, aproveitando unha prominencia da superficie unha combinación (J) formada por ata 4 círculos e unha pequena coviña central. Mide a figura 38 cm de diámetro.

Prado da Cruz 1. Membros da Rula co descubridor

No lateral noroeste da superficie gravada, onde se acumula o maior número de coviñas, boa parte de estas aparecen inscritas dentro dun rectángulo. As coviñas e cazoletas teñen formas e diámetros diversos. Algunhas comunícanse con outros motivos por medio de sucos irregulares, outras parecen agrupadas dentro de sucos incompletos. Destacan algunhas coviñas polas súas formas alongadas e a súa profundidade. Entre elas outra cruz de suco con sección transversal en V.

Prado da Cruz 1, panel 2. Coviñas

Inmediato ao 1 atópase o segundo panel no que se conservan 3 coviñas, a de maiores dimensións de formas irregulares, e unha combinación de dobre anel moi erosionada.

Prado de Cruz 1. Panel 2. Fotogrametría

A segunda estación localízase ao suroeste da 1, nun penedo de forma irregular que destaca sobre o terreo. Parte da súa superficie ten unha forte inclinación e unha pátina que fai pensar que poidese ter sido empregada como pena escorregadoira. Os motivos concéntranse na zona superior. A acción da escorrentía e/ou a acción de escorregar pola súa superficie ten acelerado o proceso de degradación dos motivos gravados facendo desaparecer algúns case completamente, o que dificulta o seu estudo.

Prado da Cruz 2. Sección superior

Identificamos dúas combinacións circulares, unha primeira moi erosionada formada por 3 círculos concéntricos e, unha segunda mellor conservada situada no centro do panel formada por dous círculos concéntricos, coviña central e 3 coviñas situadas sobre o círculo interior, con dous sucos de saída que descencen cara parte inferior da rocha. Completan a composición coviñas illadas ao redor das combinacións.

Prado de Cruz 2. Fotografía con iluminación artificial

O Campo

O conxunto do Campo é un grupo de laxes gravadas distribuídas nos últimos tramos de pendente inmediatos á zona de terreo cultivado. Localízanse próximos ao conxunto de Prado da Cruz, a menor altura, no lado oposto da estrada que cruza o lugar.

David no Campo 1

Esta distribución de laxes gravadas é similar á observada noutros conxuntos, como o da Devesa da Rula en Compostela, onde ao redor dos paneis de maiores dimensións e maior variedade de motivos dispóñense outros paneis cun número máis reducido de motivos, ao mesmo tempo que se reduce a súa variedade tipolóxica. Esta simplificación dos paneis é máis evidente nos terreos situados a menor altura dos considerados como paneis principais. Son un total de 4 laxes con gravados que se sitúan próximas entre sí no limite entre as terras de labranza e de monte.

O Campo 1. Fotogrametría

O Campo 1 é unha laxe de medianas dimensións, que destaca aproximadamente un metro sobre o terreo e cunha superficie horizontal e regular onde se conserva unha aliñación irregular de 7 coviñas de pequenas dimensións, unha delas en posición central rodeada por un anel. Completa o conxunto unha coviña illada.

O Campo 2, Fotogrametría

O Campo 2 localízase nunha pedra inmediata á estación 1. Trátase dunha laxe cunha superficie horizontal homoxénea na que se conservan un total de 5 coviñas de diferentes dimensións.

O Campo 2. Fotografía con luz artificial

Cruz de Loureiro

Esta enigmática cruz de pedra de 2,26 m de altura preside un sitio de grande beleza, un miradoiro natural excepcional de todo o val de Vimianzo. Descoñecemos a súa orixe e cronoloxía pero chama a atención a localización nun canto dun outeiro ben visible dende o propio castelo de Vimianzo ou tamén dende o Capela de San Bartolomeu, ó pé do antigo camiño que unía ambos enclaves polo que podemos conxecturar que era un importante fito de referencia desta antiga senda. Alén disto, unha lenda recolle que a cruz marcaba o emprazamento onde executaron ós lideres da Revolta Irmandiña.

51485499638_0d02ff77d6_k

Cruz de Loureiro e Val de Vimianzo

Na contorna da Cruz de Loureiro localizamos 3 pequenas estacións. Nunha primeira peneda antes de chegar á plataforma onde está a cruz de pedra hai un gravado dunha cruz latina (38 x 15 cm) realizada cunha ferramenta metálica, posiblemente unha cruz de termo que podemos ollar a certa distancia. A escasos metros figura outra cruz de feitura semellante aínda que máis pequena de 13 x 8 cm. Finalmente na propia laxe onde se asenta a Cruz de Loureiro figuran dúas pequenas cruces nos cantos da peneda. No propio brazo da cruz de pedra hai cicelada outra cruz.

51486027119_d666cc5889_k (1)

Cruciforme na contorna da Cruz de Loureiro

A escasos metros da Cruz de Loureiro que coroa o Monte da Cruz consérvanse nunha superficie inmediata a da cruz un conxunto de tres coviñas. Un suco moi esvaído as rodea parcialmente. Localización

Cruz de Loureiro. Fotogrametría

Sinalar, por último, que na plataforma superior deste outeiro da Cruz de Loureiro, xusto no lateral oposto á cruz e orientado o leste figura unha enorme espiral realizada recentemente e que podemos observar dende o camiño que bordea este cotarelo. A pesar do bo deseño realizado pensamos que non é o sitio máis axeitado para súa realización.


Prado Vello de Arriba

A uns 30 metros ao leste do cumio localízase unha penedía formada por penedos de grandes dimensións. Un deles adopta unha forma moi especial. Localización.

50399676998_336b007780_k

Prado Vello de Arriba

A erosión formou un pequeno abrigo en altura (a uns 180 cm sobre o terreo). Baixo a viseira unha pequena superficie convexa conserva varias coviñas de distintas dimensións.

50965620042_10aebe87e2_k

Prado Vello de Arriba. Vista xeral

Contamos un total de 5 coviñas de distintos diámetros. Tres destas coviñas preséntanse en liña unidas entre sí por pequenos sucos rectos.

51160468347_83a4b161bf_k

Prado Vello de Arriba. Imaxe de grupo na visita de maio de 2021

Prado Vello

A uns 200 metros ao norte da estación de Prado da Cruz localízanse 3 estacións.

51161915394_f6f0ee6020_k

Prado Vello 1

Prado Vello 1 é unha laxe a rentes de chan, de 3,61 m de longo por 1,52 m de ancho, de superficie horizontal bastante homoxénea na que se conservan unhas 15 coviñas de distintas dimensións. Localización

51484500877_0b93901972_k

Prado Vello 1 . Esbozo

A uns 30 metros ao norte desta localízase a segunda estación, nunha peneda de grandes dimensións cun cumio cunha superficie amesetada perforada por múltiples pías de grandes dimensións e formas diversas.

51212280366_5db1f34a2d_k

Prado Vello 2. Vista xeral cenital

Ao redor dalgunhas destas pías e incluso no interior dunha das máis monumentais consérvanse coviñas de diferentes diámetros. Localización.

51484500852_9e5ecb5b72_k (1)

Prado Vello 2. Esbozo do sector central

A uns 15 metros ao noroeste desta laxe localízase Prado Vello 3. Localización. É unha pedra pouco destacada sobre o terreo. Na súa superficie consérvase un círculo con coviña central.

51152112770_41fc422d17_h

Prado Vello 3. Fotogrametría

Somontemio

Localízase a un 600 metros ao surleste da Cruz de Loureiro, nun monte con pendentes suaves. Situación. Laxe situada a rentes do chan (3,6 x 1 m), de superficie horizontal e regular só parcialmente visible. Na escasa superficie visible consérvase unha gran combinación de 6 círculos concéntricos e coviñas no seu interior de 106 cm de diámetro. A escasa distancia desta un círculo simple con sete coviñas no seu interior.

50400376496_fa30c900b0_k

Gran combinación circular do petróglifo de Somontemio

É moi posible que se conserven máis motivos non visibles por estar cubertos pola vexetación e terra.

50400276541_ab7a26e4ba_k

Somontemio. Fotogrametría

Prado de Trasaríz

A última estación que visitamos sitúase a uns 200 metros ao norte do Castelo de Vimianzo nunha zona de monte de suave orografía. Localización.

Prado de Trasariz. Vista cenital

Nunha penedía pouco destacada sobre o terreo consérvanse dous paneis con arte rupestre. Polo xeral os motivos presentan un mal estado de conservación, o que dificulta a súa visualización. Diferenciamos dous paneis con gravados, os dous en laxes a rentes do chan con superficies horizontais regulares.

No panel 1 observamos ata 6 coviñas de diferentes dimensións distribuídas sen orde aparente.

Prado de Trasariz. Panel 2

No panel 2 consérvanse dúas combinacións formadas por círculo e coviña central e dúas coviñas. No modelo fotográmetrico realizado percíbense restos doutros motivos moi esvaecidos.

Conclusións finais

A descuberta destas novas estacións de arte rupestre contribúe o significativo incremento no número deste tipo de manifestacións artísticas no municipio vimiancés, multiplicando a presenza de petróglifos rexistrados que converten a zona do val de vimianzo nunha nova referencia para o estudo da prehistoria recente na Costa da Morte.

Os petróglifos do val de Vimianzo achegan interesantes datos sobre o emprazamento e iconografía dos motivos representados. Trátase de gravados clásicos da arte atlántica de tipoloxía xeométrica ou abstracta, “cups and rings”, como denominan os británicos. Porén, cómpre destacar a presenza de estacións excepcionais tendo en conta o número dos motivos rexistrados, Petróglifo do Prado do Cruz, ou de figuras de gran tamaño como acontece na combinación circular que preside o panel da estación de Somontemio. Feitos pouco habituais na arte rupestre da Costa da Morte.

Esta grande concentración de gravados na aba do Monte da Cruz de Loureiro fálanos da importancia que tivo este “santuario rupestre” dende a Idade do Bronce, unha área arqueolóxica nun emprazamento privilexiado sobre o val vimiancés.

51485532488_2c87bcea86_k

Prado da Cruz 1

A localización destes xacementos volve pór de manifesto o importante papel de diferentes colectivos e afeccionados á arte rupestre que permitiron acrecentar de xeito significativo o corpus de petróglifos, mesmo na Costa da Morte, onde ata hai unha década estas manifestacións artísticas era practicamente descoñecidas. Estas achegas dende a veciñanza, en particular, e da cidadanía, en termos xerais, son esenciais para fornecer o traballo dos especialistas, abrir novas liñas de investigación e involucrar á sociedade na defensa deste patrimonio tan singular. Lembrar que en 2011 os especialistas na materia falaban de só “15 xacigos rupestres de clara cronoloxía prehistórica” (Fabregas, Rellán et al.). A Costa da Morte deixou de ser ese “territorio baleiro” do que falaban as publicacións sobre a arte rupestre galaica hai só uns anos. Conxuntos arqueolóxicos como este do Monte da Cruz de Loureiro en Vimianzo, do promontorio do Corme en Ponteceso, do Fragoso en Dumbría ou do Monte Vadalama en Laxe poñen de manifesto a singularidade e diversidade no repertorio iconográfico deste recuncho do país.

51485498748_7405bef4fb_c

Interpretación do panel 1 de Prado da Cruz 1

Como é habitual o Colectivo A Rula solicitará ós organismos competentes a urxente catalogación destas novas áreas arqueolóxicas como procedemento esencial para protexer e garantir a súa preservación. Non obstante, debemos subliñar o importante labor realizado dende o goberno municipal para garantir non só a protección destes bens coa roza e limpeza dos camiños e da súa contorna senón tamén por iniciar a súa valorización e divulgación, mesmo sen estar aínda catalogados. Pensamos que é un caso sen precedentes pero que pon de manifesto o importante papel que deberían xogar os concellos na defensa do noso patrimonio. A colaboración dos propietarios das parcelas dos petróglifos, a implicación veciñal e, sobre todo, o labor dos técnicos municipais permitiu a inclusión destes petróglifos nunha ruta circular perfectamente sinalizada que percorre o val de Vimianzo e que permite ós sendeiristas e visitantes descubrir non só o patrimonio cultural da zona senón paisaxes naturais moi diferentes de grande beleza como a ribeira do Río Cambeda, do Rego de Cubes e os diferentes miradoiros naturais sobre o val.

51486071479_fbe80c4a98_k

Panel da ruta “Os segredos do Val de Vimianzo”

O próximo sábado día 18 colaboraremos na primeira “noite de petróglifos” percorrendo o Monte da Cruz de Loureiro seguindo un pequeno treito da “Ruta dos segredos do Val do Vimianzo”. Agardamos que esperte o interese da veciñanza pois descubrir estes sitios incribles guiados por David Roget e Víctor Santos, técnico de deportes de Vimianzo, foi para nós toda unha experiencia. Agradecer, unha vez máis,o convite ó concello de Vimianzo e felicitalo pola organización destas actividades en prol da divulgación do seu patrimonio. Oxalá nunha próxima visita ó castelo, @s oleir@s de Buño non só decoren as súas fermosas pezas cos deseños dos petróglifos de Mogor (Marín), de Tourón (Pontecaldelas) ou Fentáns (Cotobade) senón tamén cos motivos dos petróglifos do Monte da Cruz de Loureiro.51485318611_06499fbe9e_b

Ruta da “noite de petróglifos”: https://cutt.ly/3Et3Rmr