Nas terras da Raíña Lupa. O petróglifo do Faramello, un petróglifo aos pés do Castro Lupario


Segundo a tradición, ten a Raíña Lupa case os mesmos fogares que casas tivo Rosalía espalladas por toda Galicia. Pero iso si, estes non tiveron igual sorte. Así como as da ilustre poeta convertéronse, ás veces, en coidados museos nos que perpetuar a súa memoria, os fogares da Raíña Lupa quedaron baixo o coidado dos sempre presentes mouros mitolóxicos que habitan baixo a terra.

30524666898_7d0c44a5e3_k

Vista aérea da croa “A Eira dos Mouros” despois das limpezas

Os galegos collemos por costume deixar ao seu coidado boa parte da nosa memoria colectiva máis serodia. Un bo exemplo disto é o caso do castro Lupario, un poboado de rexas murallas que ocupa o cumio dun monte destacado entre os vales, a rentes do antigo camiño real que enlazaba Padrón e Compostela.

43484252845_888b250a71_k

Vista aérea do castro

A pesares da súa monumentalidade, evidente pese o paso do tempo, e a ser un dos escenarios principais das lendas xacobeas, só se ten realizado nel unha única pequena intervención arqueolóxica a principios dos anos 70 do século pasado, a cargo dos profesores universitarios Fernando Acuña Castroviejo e Milagros Cavada Nieto.

241186875_572325223957645_8206897782500339624_n

Petróglifo exento do Castro Lupario no Museo do Pobo Galego

Como resultado destes traballos recolléronse numerosos fragmentos cerámicos, unha pequena pedra exenta cun petróglifo de círculos concéntricos, que apareceu reaproveitado nun muro, unha cabeza de pedra (localizada no muro do Pazo de Faramello), un tesouriño de moedas romanas datadas entre os séculos II e IV d.C. que estaba en mans dunha familia de Texexe, e un medallón. Algunhas destas pezas consérvanse na actualidade no Museo das Peregrinacións (cabeza) e no Museo do Pobo Galego (petróglifo).

241301590_1008587839899980_237929596482772890_n-1

Cabeza do Castro Lupario no Museo das Peregrinacións

Despois de que o xacemento se vise afectado polas limpezas con maquinaria pesada realizadas pola Dirección Xeral de Montes no ano 2010, nestes últimos anos, 2018, 2020 e 2021, parece que por fin ten chamado o interese das administracións e, así, os concellos de Rois e Brión procederon á limpeza da broza de boa parte da súa superficie deixando de novo ao descuberto ás súas ben conservadas defensas e, incluso, o concello de Rois e a Xunta recentemente veñen de celebrar un campo de traballo voluntario con xoves, no que se centraron no estudo dos restos e a limpeza do exterior das murallas.

241419900_190231019844813_8625811506286998056_n

Medallón localizado no castro Lupario. Arquivo Municipal de Teo. Doazón Fernado Acuña Castroviejo

Pero, por desgraza, o castro tamén é obxecto doutros intereses, os económicos: a Rede Eléctrica de España escolleu o lugar para instalar no seu limite oeste a liña eléctrica que precisa para transportar os 22.000 voltios que xerarán os parques eólicos proxectados na Costa da Morte, proxectados tamén con similar falta de sensibilidade.

240579169_1488979868167177_4435132206589554037_n

Moeda do tesouriño. Arquivo Municipal de Teo. Doazón Fernado Acuña Castroviejo

Como é lóxico os veciños de Angueira estanse a mobilizar contra uns intereses que non son os seus e procuraron a principios do ano 2020 a máis que xusta declaración de Ben de Interese Cultural para o castro e o conxunto patrimonial espallado pola súa contorna. Malia os múltiples apoios recibidos, entre eles os do Consello da Cultura Galega, o concello de Rois ou a Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, en febreiro de 2021 o voto en contra do Partido Popular imposibilitou o inicio do expediente de declaración e, a pesares de que a propia Xunta xa anunciara, aló polo ano 2009, o inicio do procedemento para a declaración como BIC a 19 castros dos máis senlleiros do país, e entre eles, como non, este noso Castro Lupario.

E despois deste estraño periplo, na actualidade, o futuro do castro Lupario segue a pender dun fío. Queremos desde aquí apoiar publicamente a tódolos afectados por estas megaestruturas supostamente proxectadas para o noso beneficio común.

A principios do verán recibimos unha amable misiva de Jorge Guitián, un dos nosos admirados investigadores da nosa arte rupestre, que ten traballado moito e ben, entre outros moitos lugares, nas Terras de Santiago. Na actualidade, Jorge ten deixado aparcada, esperamos que temporalmente, a investigación rupestre e quixo achegarnos unha serie de xacementos non publicados que formaron parte da súa inédita Tese de Doutoramento do ano 2001 que permanecen inéditos.

51378020959_a51fbeb963_k

Vista cenital do petróglifo do Faramello

Entre estes conxuntos figuran dúas laxes gravadas localizadas no entorno inmediato do Castro Lupario. Sabedores do difícil futuro deste senlleiro xacemento decidimos primeiramente concentrar a nosa atención na localización destas dúas laxes. E despois de dúas xornadas pescudando no terreo seguindo as instrucións de Jorge dimos cunha das laxes gravadas que agora presentamos.

51298764130_cf651df5f7_k

Uns poucos días despois soubemos que os veciños de Angueira e o concello de Rois tamén estaban na procura destes petróglifos. Acompañámolos ata o xacemento e especulamos sobre a localización da segunda laxe que aínda permanece desaparecida.

51378020959_a51fbeb963_k

Vista cenital do petróglifo do Faramello

O petróglifo do Faramello

É unha laxe horizontal de boas dimensións situada a rentes do chan e localizada ao pé da ladeira sur do Castro Lupario a uns 15 metros do camiño que baixa cara a aldea de Angueira de Castro (Rois). Coordenadas xeográficas 42.812334573450954, -8.629572611490259.

A súa superficie, bastante regular, está dividida por varias diáclases. En moitas partes da súa superficie son evidentes os procesos de meteorización activos produto dos lumes que están a desfacela. Pese a todo, conserva varios motivos, unha combinación de círculos concéntricos e unha pequena inscrición.

51298464239_60c9a2ac87_k

Combinación de círculos concéntricos

A combinación está formada por tres círculos concéntricos e carece de coviña central. 

Os outros motivos son uns alfabetiformes de complicada lectura: “D N”. Encima do D unha figura con forma de E invertida e dous pequenos trazos verticais no seu interior.

51378450615_88da651320_h

Fotogrametría da inscrición

Tódolos motivos presentan sucos pouco profundos e cun perfil en U moi aberta que advirten da súa antigüidade.

Os círculos concéntricos propios da Arte Atlántica alertan da importancia deste enclave desde tempos remotos. Xa vai sendo hora de estudar os nosos mitos desde a perspectiva da ciencia e de protexer aquilo que nos distingue e dota de identidade propia.

Bibliografía

Acuña Castroviejo, Fernando e Cavada Nieto, Milagros. “Noticias arqueológico-numismáticas del Castro Lupario (Rois-Brión, La Coruña), Cuaderno de Estudios Gallegos, nº 80, 1971, páxs. 265-277.

Alonso Romero, Fernando, “Hallazgo de un petroglifo con representaciones esquemáticas de la Edad del Bronce”, en Zephyrus, XXV, 1974, páxs. 295-308

Calo Lourido, Francisco. “Castro Lupario, un fito no camiño”

Pereira García, Elisa, Costa Goberna, Fernando e Hidalgo Cuñarro, José Manuel. “Petroglifos en los castros gallegos”, en Revista de Guimaraes, 1999, páxs. 793-818.

Sáenz-Chas Díaz, Belén e Rodríguez Calviño, Manuel. “La colección arqueológica del Museo do Pobo Galego”, Boletín del Museo Arqueológico Nacional, 35/2017, páx 1536-1544

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.