Os taboleiros do Hospital de San Roque. Un novo conxunto de taboleiros de xogo barrocos composteláns


A localización nos últimos anos de máis de 200 taboleiros de xogo gravados nas rúas de Compostela revela o destacado lugar que ocupaba o lecer e este tipo de xogo no día a día dos composteláns do período barroco, ata parecer que calquera recuncho da cidade era axeitado para gravar estes taboleiros que aínda se conservan espallados por toda a améndoa da cidade de Santiago.

Nesta ocasión presentamos un conxunto de taboleiros localizado recentemente no edificio do Hospital de San Roque. Queremos agradecer ao persoal da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e ao persoal do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento a súa amabilidade e as facilidades prestadas para a visita, estudo e rexistro deste novo conxunto de taboleiros.

Localizado ao norte da cidade, ao carón da porta da muralla do mesmo nome e desaparecida en 1822, o hospital é unha construción de finais do século XVI de formas renacentistas. Fundado no ano 1577 a iniciativa do arcebispo Francisco Blanco para o coidado dos enfermos de lepra nos séculos XVII, XVIII e XIX sufriu diversas reformas que configuraron a faciana que conserva na actualidade.

Das moitas reformas interésanos a datada no ano 1760 por ser a que afecta á zona con gravados. Nela intervense en:

“toda la pared que da a la calle y mucha parte de la que mira a las Ruedas, estaba muy indecente y poco segura para resistir los temporales, pues hacia las Ruedas estaba muy indecente, se reparan los cimientos descubiertos y de dentro a afuera amenazaba ruina.”

Delgado Lomba, Mª del Pilar, 1971, El hospital y la capilla de San Roque en Compostela (Tese de licenciatura inédita). Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela, páxs. 72-76.
Fachada sur do Hospital de San Roque

E sobre todo as obras que se realizaron na vivenda do administrador, información recollida nos acordos do Libro de Actas Capitulares do Cabido do 11 de setembro de 1781:

“En este cavildo se ha visto memorial del Señor don Antonio Bustamante administrador del Hospital de San Roque presentando un plano de la obra que quiere hacer en dicho ospital y mudar la entrada para la avitación del Señor Administrador y mejor comodidad de los enfermos. Y se aprovó dicho plano y concedió facultades a dicho Señor Administrador para que se aga la expresada obra”.

Singul, Francisco, 2001, La Ciudad de las Luces. Arquitectura y urbanismo en Santiago de Compostela durante la Ilustración. Santiago: Consorcio, Páx.164 -nota 248

Nesta última data foi na que se realizou a entrada independente para a vivenda do administrador e presumiblemente un pequeno espazo exterior situado nesa fachada sur que debeu servir como patio auxiliar da vivenda do administrador e tamén como solaina, como lugar no que aproveitar os beneficios do sol dada a súa orientación sur.

Trátase dun pequeno recinto rectangular pechado por un peitoril de pouca altura. O espazo resultante sitúase a maior altura que o nivel da rúa. Na actualidade, unha porta de forxa pecha a súa porta de acceso.

No seu interior un banco corrido en pedra acaroado ao muro de peche foi o lugar escollido para gravar os taboleiros. Contabilizamos un total de 8 exemplares de 9 coviñas, así como diversas coviñas soltas ao carón destes.

En dous casos das tres aliñacións de tres coviñas que conforma cada taboleiro atópanse en dous perpiaños diferentes, algo non habitual nesta tipoloxía de taboleiros.

A pedra do banco e recinto teñen sufrido nos últimos tempos unha, ao noso entender, agresiva limpeza que ten erosionado a pátina da superficie dos perpiaños acelerando procesos erosivos da superficie da pedra e poñendo en perigo a conservación dos taboleiros. Ademais, varias das coviñas que os conforman están tapadas con cemento, algo que por desgraza acontece en bo número destes taboleiros composteláns.

O taboleiro da casa de San Lourenzo número 26

Grazas aos propietarios deste inmoble, aos que agradecemos a súa amabilidade, soubemos da existencia dun taboleiro de xogo localizado no interior da planta baixa da vivenda, no que serían as antigas cortes dos animais, pegada ao lenzo da fachada que da á rúa. Atópase parcialmente cuberto polo muro. O feito de atoparse no interior da vivenda e estar parcialmente tapado polo muro débese a un pequeno recuamento da fachada realizado na primeira metade do século XIX, información facilitada polos propietarios.

O novo taboleiro de San Lourenzo

Este exemplar é o terceiro localizado no entorno da carballeira de San Lourenzo, localizándose os outros dous na fachada da igrexa do convento e na plataforma do cruceiro próximo, unha das principais vías de acceso ao burgo de Compostela desde a Idade Media.

Conclusión

Procedemos a comunicar as administracións estes exemplares, así como a insistirlles na necesidade da súa catalogación e sinalización para garantir a súa conservación e coñecemento. Trátase dun fenómeno singular que chama a atención da veciñanza e visitantes. Dignificándoo e valorizándoo estamos seguros que contribuiría a enriquecer o grande conxunto monumental da capital xacobea.

Bibliografía

Compostela Rupestre. Breve resumo de resultados


A principios deste mes un comunicado de prensa, asinado polas asociacións Umia Vivo, A Forneiriña, Irmandade illa de Tambo e o Colectivo para a defensa do territorio Anovaterra, recollía unha valoración non moi positiva do acadado, ata o momento, no marco do Proxecto Compostela Rupestre. Somos da opinión de que toda crítica razoada e construtiva é benvida e moi necesaria nestes tempos nos que a exclusión da participación cidadá na xestión dos asuntos públicos é a práctica máis habitual, polo que agradecemos enormemente a implicación destes colectivos no control da xestión das nosas administracións

Neste comunicado sinálase a falta de actuacións encamiñadas a garantir a conservación deste bens tan vulnerables, fundamentalmente a súa sinalización e limpeza e, cualifican o realizado ata o de agora como “catro anos perdidos” e “120.000 euros gastados en burocracia e propaganda” e, en resumo, dunha “política errada da Deputación da Coruña limitada á propaganda virtual”.

Ruta dos petróglifos de Teo. Edición do 2019

Como promotores desta iniciativa e membros do órgano asesor deste proxecto cremos de interese facer pública a nosa valoración do realizado no marco deste proxecto. Pensamos que a principal diferenza entre o recollido no comunicado de prensa e a nosa valoración estriba na diferenza de obxecto analizado, xa que para nós Compostela Rupestre non é algo que se inicia no 2018 senón cando menos 4 anos antes.

A finais do ano 2014 realizamos unha exposición fotográfica do mesmo nome para o Concello de Santiago sobre os petróglifos do concello. Pouco despois, no ano 2015, presentamos un amplo documento no que presentamos unha proposta de traballo conxunto a prol da conservación e promoción da arte rupestre da comarca de Santiago por parte das administracións con competencias na materia. Ese mesmo ano presentamos a nosa proposta aos concellos de Santiago, Ames e Teo, á Dirección Xeral de Patrimonio e á Deputación da Coruña.

Analicemos agora brevemente que é o que se ten feito ata o momento en canto á limpeza e a conservación dos xacementos rupestres na nosa comarca:

Para a nosa sorpresa o primeiro destinatario que promoveu algunha das iniciativas incluídas na nosa proposta foi a Dirección Xeral de Patrimonio que no ano 2016 a través do Servizo de Arqueoloxía da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais executou, en colaboración co Concello de Ames, traballos de limpeza, retirada de vexetación e documentación dos petróglifos da Peneda Negra e Monte Castelo. Estes traballos, reforzados con limpezas puntuais posteriores (Concello de Ames en 2018 e 2020), teñen garantido o acceso a estes bens nos últimos anos (No ano 2020 o concello de Ames procedeu á sinalización preventiva dos accesos a ambos petróglifos coa finalidade de evitar a realización de actividades na súa contorna que poñan en perigo estes bens patrimoniais).

Devesa da Rula trala limpeza de 2018

A finais do ano 2018 o Concello de Santiago de Compostela executou a primeira limpeza na súa historia realizada sobre a arte rupestre do concello. En total limpáronse un total de 29 paneis gravados así como os seus accesos e contornas. O esforzo para levalo a cabo do por entón concelleiro Jorge Duarte garantiu o acceso a estes bens nestes últimos anos.

Desde o ano 2013 o Concello de Teo ven realizando anualmente a limpeza e mantemento dos accesos e a contorna dun bo número das súas estacións rupestres. No ano 2018 inaugurou a súa exitosa ruta dos petróglifos PR-G 238, un importante avance para a promoción e conservación dos petróglifos da comarca, converténdose na primeira homologada de carácter arqueolóxico da comarca de Compostela. Na última reunión de Compostela Rupestre aprobouse a limpeza e adquisición dos terreos que permitirán continuar coa valorización do patrimonio cultural deste ruta.

En novembro de 2021 a Consellería de Cultura encargou a prospección, estudo e documentación da ruína da Capela de Novais no concello de Val do Dubra que publicaramos dous meses antes.

No que respecta á divulgación son ben coñecidas as rutas que realizamos tódolos anos en colaboración co concello de Teo desde o ano 2013 e nas que xa teñen participado máis dun milleiro de persoas. Algo menos coñecidas son as visitas que realizamos tamén con este concello cos alumnos dos centros escolares e que só a Covid ten limitados nos últimos anos.

Cartel da primeira visita aos petróglifos de Monte Castelo en Ames

Tamén en colaboración co Concello de Ames realizamos varias visitas guiadas aos seus petróglifos (2016, 2018 e 2020), así como co Concello de Santiago realizamos xa hai uns anos visitas ao Castriño de Conxo (2018), a Devesa da Rula co FICRURAL e aos taboleiros de xogo co FICRURAL, o programa Boas Noites 2018 e os centros socioculturais.

Este é un resumo apresurado das principais accións desenvolvidas a prol da arte rupestre da nosa comarca nas que participaron as administracións públicas e que non están recollidas nese documento económico de execución do Proxecto Compostela Rupestre incluído na nota de prensa.

No referente á catalogación das estacións rupestres localizadas nestes anos de funcionamento de Compostela Rupestre só queremos indicar que o corpus de xacementos catalogados acadou a cifra de 150 elemento fronte a media centena inicial.

Todos estes datos que aquí expoñemos non implican que consideremos que a actual situación de conservación e divulgación da arte rupestre da comarca sexa a desexada, a óptima. Cando somos convidados a participar no órgano consultivo incidimos na necesidade de garantir a conservación dos petróglifos realizando unha primeira limpeza xeral da contorna de tódolos xacementos e os seus accesos, o que facilitaría a execución de traballos posteriores, así como a elaboración dun protocolo e un calendario periódico de limpezas. Desde o inicio insistimos na necesidade de promover desde o proxecto unha labor investigadora multidisciplinar con continuidade no tempo co obxectivo de acadar un mellor coñecemento do fenómeno rupestre na nosa comarca.

Recentemente o Consello de Compostela Rupestre informou dunha asignación orzamentaria para a limpeza dos xacementos. Esperamos que a execución destes traballos non se dilaten no tempo e sirvan tamén para establecer as pautas e tempos para un mantemento eficiente dos petróglifos a longo prazo.

En resumo, aínda que compartimos certas inquedanzas sobre o desenvolvido e acadado ata o de agora polo proxecto Compostela Rupestre quixemos expor brevemente que, na nosa opinión, tense avanzado algo máis que o recollido na nota de prensa referida e, queremos confiar en que este ano se acaden algúns dos obxectivos prioritarios que nos marcamos cando no ano 2014 discutimos, acordamos e redactamos unha ambiciosa proposta de traballo chamada Compostela Rupestre.