Unha custodia ó pé do camiño


O pasado mes de febreiro, tralo aviso de dous veciños de Laxe: Mónica Pérez Rivera, da Asociación Medioambiental Contramínate e José Manuel Barcia Mira achegámonos ata o concello de Laxe para visitar dous novos conxuntos rupestres que poderían ter certo interese, segundo os datos achegados previamente. Neste concello salienta o excepcional petróglifo da Pedra Xestosa, na Biqueira en Nande, con varios paneis de motivos figurativos, un deles no interior dun abrigo, e unha singular escena de caza.

Porén, son escasas as estacións rupestres catalogadas neste concello da Costa da Morte polo que estes novos gravados constitúen elementos de grande interese que enriquecerán o inventario patrimonial municipal.

Mapa de localización dos gravados

Os gravados no Muíño do Gaspar

Ó carón da levada do chamado “Muíño do Gaspar”, no rego de Lourido, localízase unha pequena laxe situada a rentes do chan preto do muro que delimitaba o vello camiño de acceso ó muíño. Coordenadas UTM: 29 T 500763 4783957(Datum: WGS84). Alt: 49 m.s.n.m.

A peneda está dividida en dúas partes por unha fenda central e posúe unhas dimensións de 150 cm no eixo N-S por 167 cm no eixo E-O. Os gravados concéntrase na parte inferior da rocha, á dereita do espectador, e o repertorio insculturado comprende catro coviñas formando un arco de pequenas dimensións, 3 delas de diámetro parello, uns 4 cm, e 0,5 de profundidade e unha de maiores dimensións, no bordo oriental, de 7 cm por 3 de profundidade. Tamén constan dous aneis de 7 e 11 cm, respectivamente, e un deseño elíptico moi erosionado.

Finalmente, o motivo principal, apenas perceptible con luz natural polo acusado desgaste, ten forma de trevo duns 10 cm, seccionado á metade por un suco central. Estes aneis e símbolos semellan marcar o inicio da canle do muíño e poderían ter unha finalidade apotropaica.

As diferentes formas circulares foron feitas cunha ferramenta metálica, tal como reflicte o perfil en do seu suco en V, por tanto, son gravados históricos vinculados a un dos muíños de maiores dimensións dos situados na ribeira deste regato, tal como amosan as numerosas inscricións da súa fachada principal, ata 11 perpiaños gravados a ambos lados da porta principal con datas, nomes ou simples iniciais, que informan dos seus antigos propietarios, como “Juan Pazos”, nome que figura nunha das xambas da porta.

Os gravados da Agra de Agoeiros

A continuación, achegámonos ata o sitio nomeado como a “Agra de Agoeiros” para visitar unha segunda estación de gravados rupestres situada á beira da estrada que dende o Cabo da Area en Laxe se dirixe ós lugares da Romea e Trasfontáns na parroquia de Serantes. Entre esta estrada e o antigo camiño, que quedou en desuso, localízase unha laxe situada sobre o propio noiro da estrada, con unhas dimensións de 360 cm de longo por 175 cm de ancho.

O antigo camiño, que podemos ollar nos primeiros planos topográficos do IGN (ca. 1940), enlazaba Lourido con Trasfontáns e presentaba neste punto un cruce con outro vieiro. Aínda hoxe podemos ollar as antigas rodeiras da antiga corredoira ó carón da referida rocha. Pensamos que os gravados localizados nesta laxe, media soterrada no ribado da actual estrada, teñen relación directa con esta antiga senda.

Coordenadas UTM: 29 T 500450 4783676 (Datum: WGS84). Alt: 21 m.s.n.m.

Trátase de dous paneis, por nunha banda, figuran 4 coviñas de diferentes dimensións, a maior 8 cm de diámetro e a máis pequena apenas 1 cm. Por outra banda, no lado oposto, ollamos nun panel vertical orientado cara o camiño un interesante gravado dunha custodia, o motivo alegórico da fe cristiá representado en moitos cruceiros barrocos espallados pola nosa xeografía pero poucas veces empregado como fito viario, como neste caso.

Arestora, os citados gravados figuran case a rentes do chan froito do paso do tempo e pola afectación dun recheo con terra procedente da escavación da gabia da estrada actual. O antigo camiño, hoxe soterrado, estaría moitos centímetros por debaixo do nivel actual. Esta icona da simboloxía relixiosa presenta as seguintes dimensións: 37 cm de alto, 18 cm de diámetro da forma circular que representa o “ostensorium” da sagrada forma e 16 cm da peaña, que conta cunha base de 4 cm de ancho.

Sobre a rocha dos gravados apóiase un bloque granítico procedente das obras da estrada, que non nos permitiu revisar toda a superficie da laxe, sendo posible que exista algún outro motivo baixo esta pedra. Tampouco descartamos a presenza doutras figuras que sigan soterradas.

Este tipo de gravados históricos de iconografía cristián acostuman ser datos entre o século XVII e XVIII pola súa presenza noutros elementos, como é o caso dos citados cruceiros. Deseños que recibían o respecto e a devoción dos camiñantes destas antigas sendas. Porén, presenta maior dificultade a datación das coviñas das que non é doado precisar unha adscrición cronolóxica clara.

Conclusións

Como é habitual procedemos a dar traslado destas descubertas á Dirección Xeral de Patrimonio para a súa revisión e posterior catalogación. Consideramos que son dúas interesantes mostras de gravados históricos vinculados a dous elementos tan significativos como é o caso dun camiño tradicional e dun antigo muíño fariñeiro, bens que definen a paisaxe e a vida tradicional da Galiza rural.

Queremos agradecer ós nosos informantes Mónica Pérez, no caso do gravado de Agoeiros, e José Manuel Barcia, en relación cos gravados e inscricións do Muíño do Gaspar, por lembrarse do Colectivo A Rula para dar conta destas descubertas e por compartir con nós unha xornada tan especial percorrendo estes recunchos máxicos da Costa da Morte. Finalmente agradecer a Otilia, da Casa do Ferreiro en Serantes, os datos sobre o antigo camiño do Agro de Agoeiros.

Emociónanos coñecer a persoas así, sempre co sorriso nos beizos mentres nos falaba doutros tempos vividos.

Graciñas a todos eles e ata a próxima visita por terras laxenses.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.