Os montes de interese patrimonial e ambiental: atrancos e tendencias na súa ordenación multifuncional


1) Enfocando ás Terras de Compostela

O monte de Villestro-Ventosa, nos concellos de Ames e Santiago, acolle unha destacable concentración de arte rupestre prehistórica, constituíndo un dos núcleos rupestres das terras de Compostela, xunto a outra área similar no concello de Teo, no Monte Piquiño – Rio Loureiro.

Nos montes con arte rupestre destes concellos non existen apenas repoboacións forestais plantadas e xestionadas axeitadamente, sendo na súa inmensa maioría matogueiras inzadas de eucaliptos descontrolados tras incendios recorrentes. Non existe aquí monte comunal xa que toda a superficie forestal está en mans de pequenos propietarios. A actividade agro-gandeira é residual e practicamente inexistente e os propietarios das pequenas parcelas de monte están maiormente desincentivados, cando non simplemente ausentes, cesantes ou desaparecidos. O territorio caracterízase por un carácter eminentemente rururbano e periurbano no que os ingresos, as actividades económicas e as expectativas cidadáns están moi afastadas dunha xestión eficaz e sustentable dos montes, vivindo na práctica de costas a eles.

Cando ardeu a Devesa da Rula no ano 2016, afectando a varios gravados, denunciamos o seu abandono e solicitamos amparo ás distintas administracións sen obter resultado ningún (quen o diría?).

Os Cortellos 4 – Villestro – Compostela. Petróglifos e eucaliptos

Ninguén dos distintos departamentos e servizos consultados asumiu responsabilidades no asunto, chegando a Dirección Xeral de Montes a alegar que non se trataba dun “monte” senón de parcelas separadas pertencentes a diferentes propietarios individuais. Medio ambiente tampouco se sentiu aludida, pois a zona non queda baixo amparo de figura de protección ningunha (parque, rede natura ou similar). Pola súa parte Patrimonio atende exclusivamente ás pedras, sen preocuparse da súa contorna inmediata. Por último, os concellos semella que non teñen competencias nin capacidades neste ámbito.

En definitiva, ninguén asume responsabilidades e parece non existiren alternativas para afrontar esta problemática.

Con posterioridade, asumindo as demandas e traballo do noso colectivo, no ano 2018 os concellos de Ames, Santiago e Teo impulsaron xunto coa Deputación da Coruña o proxecto Compostela Rupestre. Cun orzamento de ata 500.000 € anuais durante dous períodos lexislativos preténdese recuperar, conservar e divulgar a arte rupestre da comarca de Compostela. Tras 4 anos as inversións e resultados realizados están aínda baixo mínimos, centrados polo de agora en obxectivos maiormente teóricos ou virtuais, e limitando a acción directa no mellor dos casos á contorna inmediata das “pedras”. Á falta de resultados finais, ata o de agora cremos que está a seguirse un enfoque que podería cualificarse como “arqueolóxico-turístico”, cun evidente risco de renuncia a incidir con mínima efectividade sobre estes espazos de xeito integral.

Sabedores de que o reto é considerable cremos necesaria a revisión de toda unha serie de condicionantes primarios que deben formar parte dunha reflexión inicial pausada, necesaria para poder asentar unhas bases sólidas para o futuro.

2) Subsistencia e ruína ecolóxica dos montes

Na mentalidade galega o monte, por definición, é “aquelo que está a monte”, ou sexa a parte do territorio non sometida a un manexo directo, interpretándose por tanto que está abandonado.

Na nosa sociedade tradicional, o monte cumpría unha función de complementariedade do sistema agrario: pasto para a gandaría extensiva, a oportunidade de colleitas ocasionais de cereais nas estivadas (para os labregos máis desposuídos), e, sobre todo, subministrando os estrumes imprescindibles para a fertilidade dos labradíos, para o que se precisaba dispor da biomasa de dúas a cinco veces da superficie cultivada. É este un dos motivos polos que, historicamente en Galicia, a superficie agraria útil nunca sobrepasou porcentaxes moi superiores ao 30%.

Fronte a idea habitual de que “antes non había incendios” o monte neste sistema tradicional manexábase fundamentalmente por medio do lume, pois xunto coas rozas, sementeiras e pastoreos, este gran espazo territorial só podía controlarse axeitadamente co seu emprego. Mercede a súa vizosa produtividade as matogueiras sementábanse e abandonábanse para logo medrar “a monte” en curtos ciclos de menos de dez anos, o que impedía o crecemento dos bosques.

O crecemento demográfico, que en Galicia supuxo triplicar a poboación entre finais do século XVI e finais do XIX, sostívose pola expansión dos cultivos e a mellora da produtividade agraria, como consecuencia da adopción dos cultivos do millo e a pataca. Unha vez acadados os límites de capacidade de carga humana do ecosistema este boom demográfico desembocou nunha “crise malthusiana”, que aquí non chegou ao dramatismo da “Gran fame irlandesa” de mediados do século XIX, grazas á maior variedade do policultivo galego, cunha menor dependencia exclusiva na pataca. Porén, desencadeáronse vagas de fame e calamidades, denunciadas e retratadas na literatura por autores como Rosalía e Valle-Inclán.

De non ser polas emigracións e a revolución industrial a poboación tería quedado “ecoloxicamente cercada”, no final do ciclo de expansión, intensificación e rendementos decrecentes, que desemboca irremediablemente en dúas alternativas: colapso ou a substitución no sistema de produción.

A natureza fragosa de Galicia foi recollida por numerosas testemuñas. Paulo Orosio (c. 383- c. 420) definíaa como “montibus silvisque”, e aínda no século XII o Codex Calixtinus describíaa:

“pasada a terra de León e os portos do monte Irago e monte Cebreiro atópase a terra dos galegos. Abunda en bosques, é agradable polos seus ríos, os seus prados e os seus riquísimos pomares, as súas boas froitas e as súas clarísimas fontes…”.

Os bosques nativos que xa sufriran o impacto antrópico da neolitización, maiormente nas partes altas das serras, mantiveron a súa preponderancia ata aproximadamente o século IX (nos inicios da era Compostelana), ocupando máis da metade do territorio. De aí en adiante os rexistros polínicos reflicten un predominio do pole de especies propias de espazos abertos (matogueiras, pastos e cereais), paralelamente á crecente adecuación do terreo en socalcos e bancais como resposta á expansión dos cultivos e a conseguinte necesidade de control da erosión.

No século XVI os relatos de viaxes amosan, aínda, a presenza de áreas ben provistas de arborado (o licenciado Molina, Fernando Colón, etc), pero na Idade Moderna xa se fala de comarcas onde o monte pelado é dominante, o que explica a profusión de medidas de protección de determinadas especies e paraxes. No XVII a deforestación e peches de anacos de monte para ampliar a superficie das explotacións, en especial no litoral e vales prelitorais, reduciu os compoñentes silvo-pastorais da paisaxe. A incesante demanda de madeiras (entre outras cousas para a construción naval), xunto ao incremento demográfico, conduciron. na segunda metade do século XVIII. a que o monte deixara de estar arborizado. O crego J.A. Posse plasmou nesa época o contraste entre a súa terra galega e León:

“En lugar de que en mi país los montes son calvos, sin árboles, éste abundaba de robles, manzanos, perales y cerezos silvestres, de matas espesas, de avellanos; abunda de torcaces y aves monteses de todo género; jabalíes, lobos, osos, corzos”.

E a  principios do XVIII o Marqués de Sargadelos denunciaba que por todas partes houbera “valles talados y montañas decepadas”, concluíndo de isto a ruína dos portos cantábricos debido á erosión dos solos que “atoraban las rías”. Situación que concorda co acontecido en tódolos portos históricos do fondo das rías galegas, como Viveiro, Noia, Pontevedra, etc.

A crecente e constante demanda de terras e recursos desembocou no mínimo da ocupación dos bosques a comezos do século XX. Previamente, no século anterior, extinguiríase a gran fauna bioindicadora de bosques autóctonos galegos, desaparecendo os cervos, os últimos osos da Dorsal galega e outros grandes mamíferos como a cabra montesa no Xurés.

A mediados do século XX xa non quedaba practicamente nada das ricaces comunidades animais e vexetais dos antigos bosques galegos, quedando substituídas pola paisaxe que lembran os nosos maiores, unha vexetación arbustiva de toxeiras e breixos que era controlada mediante rozas e pequenos lumes recorrentes.

Unha característica propia do noroeste peninsular é que o abandono do sistema agrario tradicional sucedeu máis tarde que no resto da Europa atlántica. Co colapso deste sistema nos anos 60 do século pasado os montes pasaron a cumprir unha función case que exclusiva como produtora de madeiras de especies pirófitas e invasoras, fundamentalmente pinos e eucaliptos. Como é ben sabido, este proceso de abandono e expulsión dos usos e actividades tradicionais nos montes foi impulsado con métodos coercitivos durante o franquismo.

3) A responsabilidade forestal

Co cambio de milenio ata hoxe foi consumándose outra nova fase, aínda en curso, de degradación ecolóxica da paisaxe e o territorio galego. Os bosques nativos e moitas terras agrarias afrontan agora unha nova expansión e intensificación da eucaliptización produto tanto da masiva reforestación deste monocultivo, coa introdución de novas especies de eucaliptos, como do seu indiscutible carácter invasor.

Como poden explicarse os datos dos inventarios forestais que indican que cando menos un terzo da superficie ocupada polos eucaliptais aparece en formacións mixtas con outras especies?

Non existe repoboación forestal de eucalipto que non sexa planificada como monocultivo polo que a súa aparición fora de masas xestionadas para a produción de madeira demostra o seu carácter invasor. Por lóxica isto conduce a unha pregunta pertinente: a quen debería atribuírse a responsabilidade de indemnización polos gastos derivados da custosa necesidade de deseucaliptizar os montes inzados de eucaliptos ventureiros? Á industria, ao goberno ou aos propietarios das terras abandonadas? En calquera caso, está ben probado que ademais de prosperar cos incendios os eucaliptos reducen a dispoñibilidade hídrica e afectan á biodiversidade das terras onde se instalan.

Dolmen de Zarramacedo en Bando. Compostela. É o único dolmen coñecido no concello de Santiago. Nesta parcela realízanse labores de corta e replantación de eucalipto sen ningún tipo de control, a última no ano 2014

Sen afondar polo miúdo na nefasta política forestal galega compre lembrar que máis de dous terzos do noso territorio (os nosos montes) están fundamentalmente orientados á produción de madeira barata, aportando só o 0,5% do P.I.B. Galego, ou sexa 300 millóns de €. Aínda que producimos o 51% do volume de madeira do estado, isto só aporta o 35% do valor total da madeira cortada no total español, pois segundo o anuario de estatística forestal do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), o valor total das cortas de madeira en España no ano 2018 estímase en 852,8 millóns de euros, o que evidencia o baixo prezo da madeira producida en Galicia. Esta especialización en madeira barata, fundamentalmente piñeiro e eucalipto, responde á elevada produtividade dos montes da Cornixa Cantábrica. Aquí con taxas de 12 a 24 metros cúbicos/hectárea/ano, sen parangón no continente europeo, e o 15% da superficie arborizada, prodúcese o 70% da madeira española.

Deste xeito, o vizoso e produtivo carácter de estes ecosistemas oriéntase normativa e case exclusivamente a este tipo de produción.

Desafortunadamente, o feito é que o modelo forestal vixente apenas considera a produción de madeiras de calidade con árbores autóctonas, nin suficientemente outros tipos de aproveitamentos non madeirables, como os cogomelos, a gandería extensiva, etc., Nin moito menos a multifuncionalidade dos montes, que implicaría atender tamén ás funcións ecolóxicas e sociais, ademais das produtivas. Entre elas estaría a protección do patrimonio arqueolóxico e cultural, xunto co lecer cidadán e a calidade de vida, paralelamente coa conservación da biodiversidade, a protección do ciclo hidrolóxico (coidando das brañas, regatos e cabeceiras das cuncas hidrográficas) a prevención dos incendios e a loita contra o cambio climático.

Non obstante, o custe do noso dispositivo autonómico de loita contra o lume ascende á dous terzos do valor da madeira cortada anualmente en Galicia, con 200 millóns de € anuais, que en definitiva serven para manter a viabilidade dun modelo forestal notoriamente disfuncional.

A combinación da maior produtividade forestal de Europa xunto á existencia dunha seca estival de entre un e tres meses (establecida nun gradiente norte-sur) produce a acumulación de biocombustibles durante o ano, que logo seca estacionalmente, para arder ciclicamente cada 6 ou 7 anos ciclicamente. Non asumir este cóctel explosivo sen parangón noutras terras, atlánticas, nórdicas ou mediterráneas, resulta irresponsable.

Pedra da Nave de Mourigade – Ames. Petróglifos, agro e monte

Para cando entón a heteroxeneización e diversificación da paisaxe intercalando, mantendo e respectando formacións pouco incendiables de bosques autóctonos, brañas, regatos e pasteiros? Pero polo visto aquí todo é susceptible de eucaliptización.

A externalización dos custes ambientais e sociais do modelo forestal vixente non é o único factor que incide na problemática dos nosos montes. O monte galego presenta, ademais, outros graves problemas de raíz histórica. A estrutura da propiedade é un factor ben coñecido que repercute non só na capacidade de produción senón tamén nas posibilidades de ordenación multifuncional dos montes. En realidade apenas existen datos e estudos específicos sobre isto. Se cadra porque nas últimas décadas interesara esta situación que, en definitiva, contribuíu a manter a situación e as perspectivas inalterables. Como podería explicarse se non tan pouco interese institucional?

4) O inaxeitado marco vixente

Os datos dispoñibles informan que en Galicia o 68% da superficie dos montes pertence a aproximadamente dous terzos de millón de propietarios individuais, posuidores de entre dúas e unha hectárea e media repartidas en pequenas parcelas dun tamaño medio de 2.300 m2, superficie completamente insuficiente para unha explotación forestal racional (danse casos de parcelas menores a 2.000 m2 nos que o propietario chega a ter que pagar para que lle corten as árbores).

Ademais, estímase que ata un 20 ao 30% de propietarios son absentistas ou “desaparecidos en combate”, sen poder coñecerse a propiedade real. O resto da superficie forestal repártese entre comunidades de montes veciñais en man común, que ocupan un 30%, xunto a un insignificante 2% de montes públicos sobre a superficie total.

Neste panorama, bótanse en falta estudos pormenorizados por comarcas, concellos e parroquias, que permitan coñecer a situación local, diferenciando aos propietarios habitantes de zonas urbanas dos rurais, aos que realizan actividades agrarias dos que non, e incluso saber das súas capacidades, perspectivas e intencións produtivas, de conaservacióm ou asociativas.

A solución non pasa por acometer masivas campañas de concentración parcelaria nos montes galegos, xa que este caro e radical instrumento, con nidias repercusións ambientais, resérvase prioritariamente para promover explotacións rendibles nas terras agrarias, condición necesaria que os montes non cumpren. Antes ben, a alternativa pasaría por facilitar a colaboración e asociación, paralelamente ao desenvolvemento dun rexistro efectivo de propietarios.

Ambos obxectivos son practicamente inabordables baixo a normativa actual. Neste senso as vixentes Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) demostráronse claramente desapropiadas para a maioría dos casos, debido ao seu carácter societario mercantil. Isto maniféstase no feito de que, tras máis dunha década desde a súa creación, estas sociedades abranguen menos do 1% da superficie do monte galego. Por outra banda a recente exixencia, derivada do artigo 77 da Lei 7/2012, que obriga aos propietarios de montes menores de 15 ha (en couto redondo), a adherirse a un determinado tipo de modelo silvícola para poder realizar aproveitamentos comerciais no seu monte (en vigor desde o inicios deste ano), poderá ir creando co tempo un rexistro efectivo de ditos propietarios, aínda que non producirá efectos directos sobre as parcelas abandonadas (as maiores de 15 ha requiriran da elaboración de plans de ordenación forestal a partires de 2028) nin obrigará a transparencia ao comezo do aproveitamento outorgando, de feito, décadas de opacidade.

A normativa actual carece incluso de instrumentos operativos que faciliten xestionar axeitadamente as exixencias impostas polas faixas de control de biomasa e exclusión de pirófitas na interface urbano-forestal, vías e outras infraestruturas. Deste xeito, os propietarios e administracións locais atópanse coa responsabilidade traspasada, sen dispoñer de ferramentas e alternativas efectivas de xestión. Menos aínda se afonda na necesidade de protexer e garantir a integridade do patrimonio histórico e arqueolóxico dos montes, que requiriría tamén do establecemento de faixas similares para a protección de petróglifos, mámoas, castros e outros elementos. Con todo resulta imposible conservarse axeitadamente estas “pedras”, se non se conserva e xestiona a contorna natural onde se atopan, particularmente naqueles lugares de especial valor, concentración e/ou dimensións, onde estas “faixas de protección” non abondan para preservar coherentemente estas paisaxes culturais.

Localización do petróglifo de Areosa. Continuidade de plantacións de eucalipto no entorno de Montouto – Teo

Noutro senso, as novas normativas transversais derivadas de instrumentos como a nova Lei da paisaxe ou a vindeira de recuperación de terras agrarias e forestais semellan insuficientes. Lamentablemente, a estratexia galega da paisaxe (coas súas directrices, normativas e planificación) non considera específicamente este tipo de espazos que conxugan o interese patrimonial, ambiental e social (pese a que no seu día participamos en mais dunha convocatoria da fase do “pretendido” debate e participación pública establecidos no desenvolvemento da propia lei (outra sorpresa?). En canto á recuperación de terras está por ver a súa concreción final, aínda que polos antecedentes non poden albergarse moitas esperanzas, cun risco evidente de obviar ou deturpar as necesidades de ordenación multifuncional dos montes.

Vistas as nulas ou escasas posibilidades de abordar a multifuncionalidade que requirirían os montes de interese ambiental e/ou patrimonial resulta patente o atranco da súa non consideración como bens públicos ou comunais. Os montes veciñais en man común representarían en Galicia unha das escasas oportunidades de ordenación multifuncional. Circunstancia que comezou xa a materializarse nalgunhas comunidades comprometidas, tendencia que foi impulsada tras a vaga de lumes de 2017 con algúns exemplos sobranceiros na provincia de Pontevedra, particularmente nas áreas mais poboadas. Convén entón reflexionar para coñecer un pouco polo miúdo as orixes da propiedade nos montes galegos. A continuación. A continuación centrarémonos nisto nos tres seguintes apartados.

5) As raíces inmemoriais do procomún

Procomún é un concepto derivado de “proveito” e “común”, sinónimo de “ben comunal”, que atribúe a propiedade dun lugar as persoas que o habitan. Os montes veciñais en man común derivan dun tipo de propiedade “xermánica” e están presentes aínda en Galicia en 2.835 comunidades cunha extensión media de 237,5 ha. Por superficie estas comunidades distribúense cun 6,5% na provincia da Coruña, 31,7% na de Lugo, 41,8% Ourense e 20,0 % Pontevedra. Este modelo de titularidade indivisible, inalienable, imprescritible e inembargable resulta característico do noroeste peninsular, aínda que con diferenzas debidas á diverxencia dos procesos históricos, a propiedade comunal dos montes tamén está estendida por outras áreas xeográficas.

Para os romanos a propiedade derivaba da ocupación ou “tenza” das cousas, mediante o “usu fructus”, ou sexa o dereito de usalas e desfrutalas, que non equivalía exactamente a un dereito de propiedade sobre a súa “esencia”. Así, os membros dunha familia tiñan dereito a gozar da propiedade familiar, pero estaban obrigados, mesmo o Pater familias, de mantela para as futuras xeracións. Isto constituía o “patrimonio”, termo que provén de “patri” (pai) e “monium” (recibido), co significado do “recibido por liña paterna”. Segundo o tipo da propiedade os romanos distinguían entre as cousas sagradas, “res sacrae” (de aí os “loca sacra”, ou lugares sagrados propiedade dos deuses); as cousas públicas, “res publica”, pertencentes ao estado ou á “civitas” (a cidadanía); as cousas comúns ”res communis”, non susceptibles de apropiación individual porque que o seu uso pertence a todos; e finalmente as cousas privadas dos individuos “en familia”. Para aquelo non posuído por ninguén falábase de “res nullius”: as augas correntes, os animais salvaxes, os peixes no mar, etc., diferenciándose das cousas que foran abandonadas polos seus donos: “res derelicta”, aínda que ámbalas dúas categorías podían ser apropiadas sen máis requisito que a vontade e e a posesión.

A aldea de Loureiro en Teo rodeada de eucaliptos

En España na Alta Idade Media a propiedade común das terras foi establecida sobre as bases do dereito xermánico. No feudalismo, no que a terra era propiedade da realeza, os bens comunais eran concedidos polo señorío para a súa explotación a través dos feudos, o contrato de vasalaxe que outorgaba a terra aos vasallos. No século XIII a codificación do común cristalizou nas Sete partidas do rei Afonso X o Sabio, que clasificaba diferentes categorías: as cousas que comunalmente pertencen a tódalas criaturas do mundo (o ar, as augas de chuvia, e o mar e a súa ribeira); as cousas que pertencen a tódolos homes comunalmente (ríos, camiños públicos, portos); e as cousas que pertencen comunalmente a unha cidade ou vila (fontes de auga, prazas onde se fan os mercados, lugares de reunións de concellos, areais dos ríos…, e os:

«montes et las dehesas et todos los otros logares semejantes destos que son establecidos para pro comunal de cada una cibtat, o villa, o castielo o otro logar»

6) O desartellamento do comunal

Tras a progresiva desaparición do feudalismo os bens comunais quedaron regulados por foros, quedando unha parte en propiedade exclusiva dos antigos señores e o resto como patrimonio común da poboación. Posteriormente desenvolveuse un proceso de desmantelamento que os levou á privatización, provocando que en Galicia se pasara da existencia de practicamente un 100% de montes veciñais en 1800 ata o 30 % actual. Este proceso, impulsado coa instauración do liberalismo e a xeneralización do sistema capitalista en España, comparte similitudes co acontecido nas illas Británicas ata o século XVII coas “enclosure acts”, ou sexa actas de cerramento que significaron a abolición do sistema de campos abertos e o desposuimento dos aldeáns que accedían ao uso da terra subsistindo grazas aos “dereitos consuetudinarios” sobre as terras comúns. Neste proceso coñecido como “gentrificación” a aristocracia terratenente (“gentry”) arrebatou ás comunidades locais os seus escasos recursos a fin de implantar novos modos de produción mediante a mercantilización, o que máis adiante favoreceu a mecanización tras a revolución industrial.

Mámoa de Agro de Calvos en Teo alterada por traballos forestais realizados sen tela en conta en 2020

En Galicia o desmantelamento dos comúns foi un proceso de ruptura do comunal no que as dúas maiores forzas impulsoras foron a administración e o sistema de mercado, que buscaban o aproveitamento económico dos recursos pasando por alto a función dos montes no sistema agrario tradicional. A liberalización e privatización dos montes foi artellada polas desamortizacións do XIX, baixo o paradigma da instauración do estado liberal no que a administración (sempre necesitada de recadación) consideraba estes montes como susceptibles de ser vendidos, de xeito que entendéndoos como públicos (ou sexa, pertencentes ao Estado) facilitaba a posibilidade da intervención administrativa.

A desamortización formou parte desta reforma agraria liberal vinculada a supresión dos señoríos, do “diezmo” eclesiástico, do paso das augas ó dominio público, e parcialmente do libre uso da propiedade. Porén, non cumpriu co obxectivo de transformar a natureza da propiedade e os foros sobreviviron aos procesos de desamortización eclesiástica.

Paralelamente, da segunda metade do século XIX en adiante, a consolidación do municipalismo implantado polo estado liberal fixo derivar o proceso cara dúas direccións diverxentes e paralelas. Por unha banda un modelo “castelán”, no que parte destes montes quedaron absorbidos no patrimonio municipal orixinando aos actuais montes comunais municipais, e pola outra un modelo galego diferente. Aquí a falta de identificación coa nova estrutura municipal liberal percibida como allea pola dispersa poboación rural impediu, na maioría dos casos, que os concellos chegaran a controlar estes montes, prevalecendo polo contrario o vínculo veciñal parroquial.

7) A privatización dos montes

A individualización da propiedade veciñal foi un longo proceso que, primeiramente, consumou a desnaturalización xurídica dos montes veciñais en 1848, e logo desencadeou unha privatización auspiciada pola lei xeral de desamortización de 1855, que afectaba a tódolos montes públicos e por conseguinte tamén aos legalmente inexistentes. Con todo o fracaso en Galicia desta estratexia reflectiuse no feito de que os catálogos de montes imprescindibles para as vendas indican que a administración só chegou a coñecer unha fracción da súa totalidade (304.980 ha, cando en realidade eran uns 2 millóns), e que tan so o 1% da superficie chegara a venderse. Isto non só foi consecuencia da ineficacia administrativa senón tamén ao desinterese dos posibles compradores por unha terras marxinais de escasa produtividade agraria (agás aquelas poucas arboradas, que podían cortarse para o retorno do capital), e aínda moi por riba de todo á oposición unánime da sociedade galega, incluídos concellos e deputacións.

En 1862 un informe da Deputación de Lugo afirmaba en defensa dos labregos:

¿Es esta la ocasión oportuna para desposeer al primero de la única propiedad que le cupo en suerte, de esa propiedad consagrada, a la vez, por el respeto de todos los gobiernos, por el asentimiento de cien generaciones, y por el transcurso de los siglos?… No se harán nuestros labradores propietarios … sino proletarios, como ha sucedido en Inglaterra …

Pois tal como explican Balboa & Artiaga:

“Os poderes locais galegos, representantes maioritariamente dos sectores rentistas, fan causa común coas comunidades rurais na defensa dos montes; para eles significaba a continuidade do sistema que permitía detraer en forma de renda parte da produción agraria. Para os campesiños, simplemente supoñía defender a súa propia reprodución”.

As vendas foron por tanto ben escasas e, incluso, as que se levaron a cabo atopáronse coa resistencia das comunidades que impediron en moitas ocasións que os compradores exercesen a posesión efectiva das leiras adquiridas. Deste xeito, a única posibilidade viable foi a individualización do desfrute e, ao cabo, da propiedade do monte veciñal. A individualización comezou a xeneralizarse como alternativa tras a elaboración do Catálogo de 1862 que impoñía novas condicións para que un monte fora exceptuado da venda. Así, a partir dese momento aceleráronse os acoutamentos individuais. As reparticións estendéronse desde finais do século XIX e xa durante as tres primeiras décadas do XX consumouse a desaparición da meirande parte das terras colectivas, proceso que foi paralelo á supresión dos foros, atendendo ás demandas históricas do campesiñado galego. En definitiva, a fin de garantir a continuidade do sistema de agrario tradicional, dentro do posible, os labregos fixéronse coa propiedade de múltiples pequenas parcelas dos seus montes inmemoriais. Nesta estratexia de defensa, mantívose o acceso de cadaquén aos diferentes tipos de zonas de monte subministradores de estrumes, pasteiros, e tódolos tipos de vocacións e recursos, algo que por definición só pode facerse dispoñendo de diversas pequenas leiras espalladas polo mesmo monte.

Eucaliptos ventureiros na Devesa da Rula , Compostela, 2019

O resto é historia máis ou menos coñecida: a intervención do estado franquista, o colapso e estertores do sistema agrario tradicional (ata a década dos 60 do pasado século), o posterior abandono masivo do rural, coa eucaliptización aínda en curso. Como dixo unha vez un reputado arqueólogo galego: ”asistimos ao final da prehistoria”.

Por múltiples razóns, algunhas explicadas previamente e outras que non teñen aquí cabida, a alternativa ao final do sistema milenario de aproveitamento dos montes non debería recaer no monocultivo de especies pirófitas e invasoras. Nin tampouco pretenderse a práctica agrícola en terreos non aptos ou pensar que resulta viable económica e ecoloxicamente “limpar todo o monte” controlando a biomasa con rozas xeneralizadas. A medio e longo prazo a única alternativa sostible é a multifuncionalidade, que require da ordenación dos montes e, por conseguinte, resolver previamente o problema da estrutura da propiedade.

8) Hai outros mundos, pero non aquí

Lamentablemente, catro décadas de democracia apenas serviron para avanzar na ordenación multifuncional e a conservación dos montes, máis ben ao contrario. Polo tanto deberíase ollar por riba das estreitas miras e fronteiras actuais por ver de atopar algúns exemplos inspiradores. Neste sentido unha pregunta elemental sería: como adaptar, reformular ou xestionar unha estrutura da propiedade dos montes herdada dunha lóxica e funcionalidade obsoleta que só resposta a necesidades xa inexistentes e dificulta abordar á problemática actual, Prevención de megaincendios de quinta e sexta xeneración, cambio climático e crise ambiental planetaria incluídos xa que vai nelo a nosa supervivencia?

Aínda que semelle o contrario e pese as nosas propias particularidades, na realidade, non temos problemas tan diferentes aos que xa outros veciños máis avanzados afrontaron antes que nós. Afondando en como resolveron o dobre reto da xestión do territorio tras o abandono do sistema de vida tradicional e a instauración dunha silvicultura racional poden atoparse situacións que nos resulten máis ou menos familiares. Aínda que con condicións ambientais e sociais diferentes, países menos montañosos, con menor seca estival, maior superficie agraria, maior industrialización, diferente modelo de asentamento poboacional, etc., tiveron que asumir o mesmo problema básico. Por cuestións de espazo revisaremos aquí brevemente só dous exemplos: os modelos sueco e o francés.

O chamado modelo sueco de Silvicultura sustentable partiu, a finais do século XIX, dun estado de extrema degradación das áreas forestais. En 1903 promulgouse a que se considera unha das primeiras lei modernas de “forest mangement” que obrigaba a replantar o que se cortaba estipulando a súa porcentaxe. Instaurouse tamén unha administración forestal efectiva no cumprimento das regulacións, inventariado e asesoramento. O obxectivo a longo prazo foi dispoñer de amplos bosques con árbores de tódalas clases de idade en quendas de rotación de ata 100 anos. Posteriormente, nos pasados anos 70, este modelo produtivista foi cuestionado polas reclamacións ambientais da sociedade civil, orientándose a normativa dos 90 en adiante cara unha planificación máis multifuncional. A superficie forestal sueca cobre actualmente o 70% do territorio e conta cuns 300.000 propietarios privados individuais , que posúen o 50% da mesma, repartíndose o resto entre un 25% propiedade de empresas e outro 25% publico. A tódolos propietarios destes espazos requíreselles a planificación e formación para a posesión das terras e a súa explotación e xunto coa obriga de reforestar o cortado considerando tamén aspectos como o lecer, o turismo, a preservación dos bens patrimoniais existentes e a conservación ambiental. Con todo, nesta potencia mundial en produción forestal, a sociedade civil segue a demandar máis biodiversidade e bosques protectores cuestionando a preponderancia produtiva que ameaza a conservación do bosque boreal. Como vemos, aparte dun clima moito mais severo que impide o cultivo de especies exóticas invasoras como o eucalipto e dilata as quendas, outra gran diferencia é a maior dimensión das propiedades, como mínimo dunha orde 10 ou máis veces superior.

Val de Figueiras desde Os Cortellos, Villestro. O eucalipto xa case é a única especie arbórea

Nunha situación máis achegada a nosa e cun punto de partida aínda máis semellante o modelo francés resulta interesante na medida en que os problemas e a estrutura da propiedade da terra resultan máis similares. A maior diferenza reside en que alí a transformación cara unha sociedade urbana e industrializada comezou moitas décadas antes. En Francia, xunto a un sector agro-alimentario considerado un dos mais robustos do mundo, o forestal oriéntase pola súa propia conta dun xeito máis estruturado que transversal que o noso.

Aínda que tamén aquí existan demandas ecoloxistas, repararemos unicamente nun par de diferenzas significativas. Primeiramente, a existencia do Centro Nacional da Propiedade Forestal (CNPF), un organismo público exclusivamente dedicado a xestionar o 74% de bosques e montes da Francia metropolitana ,que están en mans privadas con preto de 11 millóns de hectáreas sobre un total de 15 millóns en toda Francia. Contabilízanse neles 3,5 millóns de propietarios privados, repartidos nun 96% de persoas físicas, dous terzos dos cales posúen menos dunha hectárea. A propiedade das terras derívase nas súas 3/4 partes de herdanzas, das que só o 12% son agricultores en activo. As funcións principais deste organismo son tres: 1) orientar e planificar o manexo dos bosques privados, 2) asesorar e capacitar para elo e 3) Agrupar a propiedade privada para o desenvolvemento de proxectos de servizos, mobilización de montes, agrupación por sitios de talla, mancomunar custes, etc.

Como mostra do marco legal, o Art. L112-1 du Code Forestier establece que:

“Os montes, bosques e árbores colócanse baixo a protección da nación, sen prexuízo dos títulos, dereitos e usos colectivos e individuais. A protección e valorización dos bosques e montes, así como a reforestación no marco da xestión sostible, son recoñecidas como de interese xeral … “.

E a lei de orientación forestal de 2001 consagra a multifuncionalidade establecendo que:

“a xestión sostible dos montes e bosques baséase en tres compoñentes interdependentes: a dimensión económica, ambiental e social …./… Ademais, …a integración destes temas na xestión de bosques e montes deberá considerarse a diferentes escalas, espaciais e temporal, tomándose en conta con igual importancia en asuntos de ordenamento territorial”

9) Conservación e auténticos conservadores

Con calquera matización ou atranco que poda sinalarse nos exemplos anteriores resulta evidente que a normativa e xestión dos montes galegos está moi lonxe de corresponderse cao de países máis avanzados. O mesmo acontece no que a estrita política de conservación se refire. O territorio declarado protexido apenas chega ao 12% da superficie galega, incluindo a Rede galega de espazos protexidos (integrado por parques naturais, paisaxes protexidas e outras figuras de protección) xunto coas zonas pertencentes á Rede europea natura 2000 (LICs e ZEPAs). Esta porcentaxe déixanos moi por baixo do 18% da superficie total española, e convértenos na comunidade autónoma con menor porcentaxe de territorio protexido. Respecto de Francia (24%), Alemaña (31%) e Reino unido (36%) a comparación resulta aínda mais desfavorable.

Polo demais, nin sequera podemos dicir que a efectividade real das políticas de protección específicas ou sectoriais sexa algo comparable con outras latitudes, como resulta público e notorio nas continuas ameazas, agresións e deterioro dos enclaves supostamente protexidos. Abonda comprobar as eucaliptizacións, os parques eólicos e outras intervencións planificadas, toleradas, ou executadas acotío. Aquí o listado sería tan interminable como desmoralizador. Comezando pola ineficacia da planificación, control e protección das áreas de respecto do patrimonio arqueolóxico podería citarse casos recentes como a Serra do Iribio (zona oseira, Camiño de Santiago, candidata a reserva da biosfera Ribeira Sacra-O Courel, e futuro parque natural da montaña lucense Ancares-Cebreiro-Courel), ou os Penedos de Pasarela e Traba, onde se proxecta un parque eólico nunha zona declarada paisaxe protexida.

Visto o desleixo das administracións estatal e a autonómica, as locais tamén levan a súa parte de responsabilidade. Máis alá dos plans xerais de ordenación municipal (PXOM), a figura existente dos Espazos naturais de interese local (ENIL) resultaría axeitada para a consolidación efectiva dunha auténtica ordenación territorial. Os ENILs, malia non estar considerados por lei como integrantes da “Rede galega de espazos protexidos” (outra eiva máis derivada dunha estratexia de traspaso de responsabilidades), teñen que ser promovidos polos concellos, aprobados pola Xunta de Galicia e contar cuns mínimos requisitos e planificacións de declaración e xestión. Non obstante, a día de hoxe en Galicia, os ENILs existentes non chegan á decena cando, en realidade, unha estratexia racional de ordenación territorial debería aspirar a un mínimo dun 10 a un 20 % deste tipo de espazos en calquera concello ou incluso parroquia.

Petróglifos de Gargamala tras o lume de 2018

Resta por comprobar a capacidade de compromiso e participación cidadán. As iniciativas de custodia do territorio representan outra alternativa, malia que en Galicia son aínda proxectos incipientes e minoritarios, salvando os sobranceiros casos de pioneiros como “Ridimoas” en Ourense e outros máis novos como a “Agrupación Galega de Entidades de Custodia do Territorio”. Este tipo de iniciativas están moito máis desenvolvidas noutros territorios, como por exemplo comunidades autónomas como Cataluña ou Andalucía. A parte do maior dinamismo social noutras comunidades estes dous casos exemplifican tamén a confluencia e sinerxías que poden establecerse entre a cidadanía e as administracións. En Andalucía, que conta coa maior extensión estatal de superficie baixo custodia do territorio, o maior impulsor é a propia Junta de Andalucía, que aquí conta coa vantaxe comparativa da existencia de grandes propietarios cos que consorciarse. En Cataluña pola súa parte, moitos concellos sosteñen iniciativas de custodia aproveitando que alí a propiedade dos montes é preferentemente municipal.

Outros países como o Reino Unido resultan paradigmáticos. Alí, aínda que existan moitas outras organizacións ambientalistas ou culturais implicadas nisto, abonda reparar no “National Trust” (National Trust for Places of Historic Interest or Natural Beauty) como referencia abraiante. Fundado en 1895, esta ONG promove a preservación e acceso público a sitios de carácter histórico, arquitectónico e natural en Inglaterra, Gales e Irlanda do Norte (en 1931 fundouse a organización paralela National Trust for Scotland.) Con 5,6 millóns de socios, 65.000 traballadores voluntarios e 4,8 millóns de horas de traballo anual xestiona máis de 500 enclaves e espazos, constituíndo un dos maiores propietarios de terras do Reino Unido, con máis de 248.000 hectáreas de terra e 1.255 km de costa (datos de 2019).

Aplicada aos montes galegos a estratexia da custodia do territorio podería ou debería ir máis alá dunha simple e habitual adquisición ou alugueiro de fincas nos enclaves máis estratéxicos. A constitución dun modelo de “Asociación cidadán de xestión do monte” resultaría idónea para favorecer a multifuncionalidade. Con diferentes tipos de membros individuais (propietarios e non propietarios) e colectivos (outras asociacións, institucións públicas e privadas, empresas, patrocinadores…), unha asociación deste tipo podería mediar entre propietarios e administración, xestionando paralelamente diferentes tipos de situacións segundo os casos e circunstancias (unha xestión máis directa nas zonas estratéxicas de conservación combinada co mero consorcio nas reservadas para produción). Semellante a como fai en Galicia a industria papeleira que consorcia con propietarios privados a posta en explotación de eucaliptais asumindo as inversións e o manexo a cambio dunha porcentaxe dos beneficios. Deste xeito facilitaríase a agrupación de superficies para poder apoiar, tutelar e financiar os traballos precisos, dando como resultado unha mediación efectiva entre propietarios e administracións. Isto, en definitiva, representaría a reconstrución das comunidades de montes veciñais perdidas que proporcionarían uns beneficios lexítimos a tódalas partes: ambientais e sociais á cidadanía habitante en cada concello ou parroquia e económicos e de seguridade xurídica aos propietarios.

10) Abrindo unha porta de exemplo

O feito de estar a día de hoxe tan lonxe de calquera posibilidade factible (por mínima que sexa) de reconciliar o pasado, o presente e o futuro dos nosos montes non implica abdicar da procura de ferramentas de xestión operativas. Nisto, como en calquera outro asunto importante, o principal trunfo dun sistema que esnaquiza a terra, compromete a supervivencia, e deturpa as identidades é facer pensar que non existen alternativas.

Ata aquí pretendeuse expoñer minimamente o marco de referencia dos principais procesos históricos, ecolóxicos e socio-económicos que conflúen na problemática dos nosos montes. Contribuír a remediar en parte a ruína do noso patrimonio natural e cultural pasa primeiramente pola reflexión e o coñecemento. As opcións de cadaquén na súa xestión poden ser holísticas e comprometidas ou ben basearse na ignorancia, o descoñecemento, o fatalismo, o desinterese, a irresponsabilidade, a hipocrisía ou a cobiza.

Queremos aportar en positivo e por iso compartimos finalmente un exemplo de ordenación multifuncional nun monte de carácter peri-rur-urbano de interese patrimonial na comarca de Compostela. O Monte de Villestro- Ventosa, no límite municipal entre Santiago e Ames, por onde pasa o camiño de Santiago a Fisterra, pletórico dunha das mellores mostras de arte rupestre galaica por estas terras. Este exemplo, que podería tamén ser aplicado noutros moitos lugares, é provisional. Precisaríanse estudos e planificacións máis pormenorizadas para a ordenación e planificación axeitada de espazos coma este, en función da existencia dos elementos arqueolóxicos, a conexión ecolóxica e a produtividade segundo a calidade dos solos e a cuberta vexetal existente.

Neste exemplo resérvase un 55% da superficie do espazo para a produción de madeira, con castiñeiros nas mellores zonas e unha mestura de pino do país e bidueiro nos sitios con condicións máis limitantes. As áreas de interese natural con mellores solos dedícanse á restauración ecolóxica de devesas con diferentes especies autóctonas (carballos, castiñeiros, pradairos, cerdeiras, etc.). Nas patrimoniais, polo xeral con solos que presentan limitacións, restrinxiríase a diversidade de especies ás máis tolerantes (como son os carballos e bidueiros). A súa vez o obxectivo de manter estes espazos abertos para a protección dos elementos arqueolóxicos aprovéitase para a plantación de árbores e arbustos produtores de froitos silvestres (como son espiños brancos, acivros e outros) a fin de favorecer a fauna silvestre.

A Penichaira superior dedicaríase a corredor ecolóxico de conexión de tódalas áreas de conservación natural e patrimonial, circunstancia que se aproveita para o establecemento dun itinerario de conexión de todo o espazo onde desfrutar das magníficas vistas e miradoiros dispoñibles. Aquí as especies son elixidas en función de criterios paisaxísticos e de promoción da fauna silvestre.

Finalmente, na conexión entre as dúas vertentes do monte, no límite entre os dous concellos, proponse a modo de exemplo unha intervención paisaxística que articule todo o espazo, que en todo caso podería ser calquera outra alternativa. Para elo, e aproveitando a particular estrutura vertical de faias e sequoias, deséñase unha catedral arbórea orientada cara o Pico Sagro, que aquí coincide co solsticio de inverno. Trátase da paganización dunha simboloxía que evoca un templo natural nunha tentativa de reconexión coa antiga sacralidade que se oculta nos petróglifos de Ventosa e Villestro.

Porque, cal outra sería a razón da existencia de toda esta concentración de arte rupestre, con representacións abstractas de posibles divindades femininas? A beira do camiño de Santiago a Fisterra, con vistas ao pazo da Raiña Lupa no cumio do Pico Sagro, a señora e soberana do territorio nas Terras de Compostela…

11) Afondando

11.1) Bibliografía

BALBOA LÓPEZ X.L. & ARTIAGA REGO M.A. 1992. “La individualización de la propiedad colectiva: aproximación e interpretación del proceso en los montes vecinales de Galicia”. Agricultura y sociedad, Nº 65. ISSN: 0211-8394. pp 101-120

BELAND LINDAHL, KARIN & STÉNS, ANNA & SANDSTRÖM, CAMILLA & JOHANSSON, JOHANNA & LIDSKOG, ROLF & RANIUS, THOMAS & ROBERGE, JEAN-MICHEL. 2015. “The Swedish forestry model: More of everything?”. Forest Policy and Economics. 77. 10.1016/j.forpol.2015.10.012.

CORBELLE RICO E. & CRECENTE MASEDA R. 2009. “Evolución histórica de la Superficie Agrícola Utilizada en Galicia (1962-2006). Integración de fuentes estadísticas y cartográfica”. Economía Agraria y Recursos Naturales. ISSN: 1578-0732. Vol. 9, 2. pp. 183-192

GARCÍA QUIROGA F. 2013. “Desde la desarticulación al presente de los montes vecinales en mano común en Galicia”. Teknokultura, Vol. 10, Nº. 1 ISSN-e: 1549-2230, pp155-176

GRUPO DE MONTES VECINALES EN MANO COMÚN DEL INSTITUTO UNIVERSITARIO DE ESTUDOS E DESENVOLVEMENTO DE GALICIA (IDEGA). 2013. “La política forestal gallega en los montes vecinales en mano común”. Ambienta: La revista del Ministerio de Medio Ambiente. ISSN: 1577-9491, Nº. 104, pp 114-125

HARRIS M. 2011. “Caníbales y reyes”. Alianza editorial. ISBN: 9788420674315. 368 pp

MANUEL VALDÉS C.M. & GIL SÁNCHEZ, L. 2002. “La transformación histórica del paisaje forestal en Galicia”. Ed. Icona (Organismo autonomo parques nacionales. ISBN: 788480144308. 473 pp.

MARTÍNEZ-CORTIZAS A. & COSTA-CASAIS M. 2016.“A paisaxe: síntese da historia ambiental e cultural “. (Capítulo 2, Atlas arqueolóxico da paisaxe galega). Ed. Xerais. ISBN: 9788491210481 336 pp.

O´FLANAGAN P. 1995. “Xeografia histórica de Galicia”. Ed. Xerais. ISBN: 9788475079691. 220 pp.

PIÑEIRO MACÍAS J. 2013. “Las últimas noticias de los osos galaico-portugueses. Argutorio: revista de la Asociación Cultural “Monte Irago”, ISSN: 1575-801X, Año 16, Nº. 30, pp 25-32

11.2) Ligazóns forestais

CENTRE NATIONAL DE LA PROPRIÉTÉ FORESTIÈRE (CNPF):

https://www.cnpf.fr/

https://www.foretpriveefrancaise.com/n/observatoire-de-la-foret-privee/n:29

CONFEMADERA GALICIA (CONFEDERACIÓN GALLEGA DE EMPRESARIOS DE LA MADERA. 2015. “Informe resultados Confemadera Galicia –Universidade de Vigo”

http://maderasdegalicia.com/wp-content/uploads/2018/11/Informe-de-resultados-Confemadera-Galicia-2015-1.pdf

MINISTERIO DE AGRICULTURA, PESCA Y ALIMENTACIÓN. 2018. <“Anuario de Estadística Forestal”

https://www.mapa.gob.es/es/desarrollo-rural/estadisticas/forestal_anuario_2018.aspx

11.3) Ligazóns custodia

HERITAGE PROTECTION GUIDE:

https://historicengland.org.uk/advice/hpg/

THE NATIONAL TRUST:

https://historicengland.org.uk/advice/hpg/publicandheritagebodies/NT/

PLATAFORMA CUSTODIA DEL TERRITORIO (Ministerio transición ecológica y reto demográfico):

https://custodia-territorio.es/

REDE GALEGA DE CUSTODIA DO TERRITORIO:

https://www.custodiadoterritorio.org/agect

Arte esquemática no monte Xiabre – Vilagarcía de Arousa


A localización nos últimos anos de novos gravados zoomorfos de carácter esquemático apartados do canon tradicional dos petróglifos galaicos, mais convivindo con eles e, incluso, compartindo os mesmos paneis cos gravados de estilos clásicos, lévanos a desbotar vellas teorías de fronteiras de estilos, que se esvaecen coa localización de novos motivos esquemáticos ó norte da Provincia de Pontevedra e, tamén, na comarca de Compostela.

Son motivos localizados recentemente en laxes rexistradas deficientemente ou en novas estacións. Moitos deles seguen inéditos polo escaso interese que amosan as administracións públicas e posiblemente tamén polo desinterese dende o ámbito profesional e académico por afondar no seu estudo, mentres seguen a defender postulados e interpretacións que as novas descubertas deixan en evidencia.

O petróglifo de Xiabre II

Foi precisamente trala vaga de lumes do ano 2006 cando se produciu a descuberta da maioría das estacións que atinxen á chamada área arqueolóxica da bacía do río Salgueiro integrada por 14 estacións protexidas nunha mesma área e outras 17 en diferentes sitios arqueolóxicos na súa contorna inmediata (Ver Plan Básico Autonómico).

Xiabre II. Pormenor das combinacións circulares e serpentiforme

O achado destes petróglifos xorde a raíz dos labores de prospección, control e seguimento da zona afectada pola ampliación do parque eólico do Xiabre desenvolvida polas arqueólogas Rocío Varela Pouca e Elena Cabrejas Domínguez. Posteriormente, os traballos de seguimento das obras produciron novas descubertas que implicaron medidas de corrección específicas que fixeran compatible a protección da área arqueolóxica co proxecto técnico, feito que se logrou grazas á aprobación dun trazado alternativo.

A documentación e rexistro final das rochas en 2007 deuse a coñecer nun artigo titulado “A descuberta dos petróglifos da bacía do Río Salgueiro no Monte Xiabre” asinado por Elena Cabrejas, Yolanda Seone e Rocío Varela publicado na revista do Museo de Pontevedra do ano 2008.

Plano de situación dos petróglifos da Bacía do Río Salgueiro no Xiabre

Non obstante, o chamado petróglifo do Monte Xiabre II era un dos poucos que xa figuraban no arquivo de xacementos arqueolóxicos de Galicia da DXPC co código GA36060037. Coordenadas UTM: X: 523400,8107 Y:4719172,1759 (Datum ETRS 89), incluído no PBA o 26/07/2018 (Obj: 53266).

Achegamos a descrición que recolle o citado artigo:

Trátase dunha rocha granítica cunha das súas caras horizontal e con superficie irregular. De E a W aparecen moi preto do borde da rocha unha combinación circular e unha espiral. A espiral (33 cm) componse de 5 círculos (algún incompleto por causa de escunchados) e coviña central (5 cm). A combinación (30 cm) presenta tres aneis e coviña central (3 cm ). Ao W destas últimas aparece un círculo (11 cm ) con coviña central (2,5 cm Ø).

A 20 cm ao W aparece outro círculo (10 cm ) cunha coviña central (2,5 cm) e apéndice de 13 cm de lonxitude. Cara ó SW atópamos unha combinación con dous aneis (30 cm), un deles completo e os outros afectados pola erosión e por placas. Presenta coviña central (2,5 cm). Cara ao N sae un suco que arranca do primeiro anel e remata no último, que mide 11, 5 cm de lonxitude. Ao NE aparecen dúas posibles coviñas moi alteradas debido ás placas (3,5 cm e 4 cm). Ao SE da anterior combinación, aparece un suco semicircular, e preto deste outra combinación de dous círculos (18 cm) e coviña central, cuxos dous aneis están unidos mediante un suco. Os motivos poden continuar debaixo do sedimento da zona N.

Xiabre 2. Calco de Cabrejas, Seoane e Varela

A descrición remata falando da súa delicada situación nese intre (2008) e da necesidade de adoptar medidas urxentes para a súa preservación.

“O seu acusado estado de deterioro fixo inescusable o seu relevamento, pois as placas que presenta o soporte poden provocar en pouco tempo a perda de parte das figuras, en concreto dunha espiral e unha combinación circular”.

A visita desta estación en maio de 2018 veu motivada polo convite ó Colectivo a unha xeira polo Xiabre que guiaron as arqueólogas Elena Cabrejas e Beatriz Comendador. A actividade foi organizada polo grupo das Mareas de Vilagarcía e resultou moi interesante polas explicacións das guías mais, tamén, foi evidente certo desencanto entre os asistentes pola imposibilidade de contemplar moitas das estacións debido ó estado de abandono no que se atopaban. Non obstante, aproveitamos a viaxe para nesa mesma tarde, e non sen dificultade, contemplar varios dos petróglifos desta ladeira do Xiabre vilagarcián, algúns deles xa coñecidos por varios dos nosos socios.

Xiabre 2. Reconstrución fotogramétrica do petróglifo do Monte Xiabre 2 onde se aprecian novos motivos non rexistrados como un cuadrúpede e un serpentiforme. Alex Negreira, 2018.

A realización dos modelos fotogramétricos e fotografías con luz rasante permitiunos comprobar a presenza de novos motivos que non figuraban nas descricións dos rexistros oficiais. Entre eles cómpre destacar por unha banda, un curioso deseño serpentiforme pegado á combinación circular de maior tamaño formada por 5 aneis e coviña central, situada no bordo da rocha. E, por outra banda, tamén resultou sorprendente a presenza dun cuadrúpede esquemático na parte central da laxe.

A diferenza dos zoomorfos localizados noutras laxes desta área realizados coa tradicional técnica do dobre suco nesta ocasión emprégase unha simple liña para a cabeza, corpo e cola á que se engaden pequenos trazos verticais para as extremidades, orellas / cornos e posiblemente o falo. As dúas patas dianteiras están lixeiramente adiantadas o que proporciona certa sensación de movemento. É esta unha forma de representación de cuadrúpedes que pasou desapercibido nesta zona mais que con certeza atoparemos en máis laxes despois dun estudo e rexistro máis detido destas estacións.

Cuadrúpede na Peneda Negra – Ames

Arte esquemático no grupo galaico

Este tipo de gravados naturalistas esquemáticos foron localizados en laxes do Sur de Galicia coma nos petróglifos do Outeiro dos Lameiros en Sabarís (Baiona), Baixada da Barca (Arbo), A Coutada en Taboexa (As Neves), O Sobral (Gondomar), A Tomada da Regueira dos Barreiros en Couso (Gondomar), Portaxes (Tomiño), etc. E tamén do Norte de Portugal como A Pedra Escorrega, A Telheira ou na Fonte Formosa na Freguesía de Verdoejo (Valença do Minho), na Praia de Fornelos en Carreço (Viana de Castelo), no Petróglifo da Breia 1 en Cardielos (Viana do Castelo), por citar algúns dos máis representativos.

Fonte Formosa – Verdoejo – Valença do Minho

Porén, e mentres que certos investigadores seguen a subliñar a presenza deste tipo de representacións esquemáticas de zoomorfos, principalmente équidos, exclusivamente no Sur da Provincia de Pontevedra e norte de Portugal cada vez é maior o número de laxes con gravados realizados con esta técnica localizados noutras áreas do país. Nestes últimos anos temos rexistrado só na comarca de Compostela a presenza deste tipo de cuadrúpedes naturalistas en laxes como a Peneda Negra (Ames), Río Angueira 2 (Teo), Casa do Frade 1 e Os Gorgulliños (Santiago de Compostela). Todos eles moi lonxe desa fronteira galaico – portuguesa e, especialmente, desa área do Baixo Miño, onde se teñen efectuado interesantes achados nestes últimos anos, máis non podemos esquecer que non foron os únicos.

Cuadrúpedes do Río Angueira – Teo

Como sinalamos, estes motivos de tradición esquemática destacan pola súa enorme sinxeleza, un simple trazo define a liña cérvico – dorsal do animal á que se engaden pequenos sucos para definir as extremidades. Presentan, por tanto, un aspecto moi semellante ós chamados pectiniformes (en forma de peite) que caracterizan á arte esquemática peninsular, moitos deles pintados. Todas estas novas descubertas reflicten o posible achegamento e presenza de ambos grupos artísticos na arte rupestre galaica.

Baixada da Barca – Arbo

Tampouco consideramos que o emprego deste tipo iconográfico teña relación co emprazamento destas estacións na paisaxe ou de determinadas formas de asentamento do territorio destas comunidades pois estes motivos figuran en laxes de diferentes formas, pequenas e grandes, tanto en paneis verticais como horizontais, en laxes situadas na cima de outeiros como a media ladeira con amplos horizontes de visualización.

A modo de exemplo podemos sinalar que o zoomorfo desta estación do Xiabre 2 presenta grandes similitudes estilísticas co cuadrúpede do petróglifo dos Gorgulliños (Compostela) pero o zoomorfo do Xiabre fica nun panel horizontal e nunha rocha de tamaño medio a rentes do chan mentres que o cuadrúpede dos Gorgulliños localízase nun panel moi inclinado dunha enorme peneda que salienta sobre a paisaxe da súa contorna.

Fonte Formosa 2 – Verdoejo – Valença do Minho

É hora de rachar vellas crenzas e reformular cuestións que xa dabamos por sentadas para iniciar novos estudos que permitan afondar no coñecemento destes gravados esquemáticos espallados por boa parte da fachada atlántica das provincias da Coruña e Pontevedra, así coma no Norte de Portugal.

As novas técnicas de rexistro co emprego dos modelos fotogramétricos facilitan arestora a súa localización, pois na maioría dos casos son moi difíciles de ollar a simple vista debido as súas condicións de conservación.

A falta de investimentos para estudos pormenorizados en determinadas áreas explica que a maioría destas descubertas sexan obra de asociacións ou grupos de afeccionados. A experiencia nestes anos demostrounos que cómpre coidarnos de aseveracións categóricas no tocante ós petróglifos galegos, xa que nunca deixan de sorprendernos.

Os Gorgulliños. Compostela

 

Vista previa(abre en una nueva pestaña)

Monte Castelo 4. Un novo petróglifo na contorna do Castro de Monte Castelo, Ames


A localización de laxes con arte rupestre nos castros galegos non é, nin moito menos, un feito inusual. Tanto é así que uns dos petróglifos que primeiro chamaron a atención dos eruditos, a principios do século pasado, foron os localizados no castro de Santa Tegra [1], gravados que serviron de base para a elaboración de diferentes propostas cronolóxicas para esta manifestación cultural da nosa prehistoria por parte de distinguidos investigadores neste ámbito.

No heteroxéneo conxunto de petróglifos conservados en castros, ou no seu contorno inmediato, destaca cuantitativamente o  grupo de paneis compostos só por coviñas. A estes, en boa parte pola súa simplicidade, sempre lles acompaña unha indeterminación cronolóxica que levou ós especialistas a centrar a súa atención noutros conxuntos máis “académicos” para focalizar os seus estudos.

A imposibilidade de realizar sobre estes petróglifos de coviñas análises tipolóxicas complexas obriga a que o esforzo investigador se teña que concentrar no estudo de determinados aspectos tales como os soportes elixidos, a súa distribución territorial das laxes así como a distribución destas coviñas pola propia superficie das laxes. Porén, o valor achegado é, en moitas ocasións, de gran importancia pois permítenos afondar na  identificación de posibles patróns de comportamento, tanto no que se refire a elección dos soportes a gravar como na distribución interna dos motivos na superficie pétrea.

Monte Castelo 4. Detalle coa laxe mollada.

Consideramos que sería preciso avanzar unha necesaria terceira vía de investigación que aborde o estudo das posibles relacións entre os distintos soportes con motivos de distinta tipoloxía nos grupos rupestres conformados por varias laxes. Un bo exemplo é o do conxunto da Devesa da Rula en Villestro, onde, nun espazo moi reducido, atopamos laxes con motivos naturalistas, laxes con motivos xeométricos “complexos” e laxes só con coviñas producindo a sensación de estarmos diante dunha especie de “santuario” rupestre onde as distintas laxes teñen significados diferentes pero complementarios á súa vez.

Outro motivo polo que prestarlle a debida atención a laxes desta tipoloxía é que estamos a visibilizar só fragmentos, partes de afloramentos graníticos  como o que agora presentamos, no que boa parte da súa superficie permanece oculta. Deste xeito moitos petróglifos que inicialmente só rexistramos como “laxe con coviñas” (foi o caso do recentemente publicado petróglifo de Ventín,) posteriores traballos confirman a presenza dun repertorio maior de gravados. Debemos sinalar polo tanto que o feito de ter un coñecemento tan parcial de moitos dos petróglifos galegos catalogados fai que a clasificación tipolóxica dos motivos presentes nelas teña que ser aceptada só como provisoria e deba ser revisada.

Mais, para poder chegar a todo isto, é preciso comezar pola realización dunha descrición dos xacementos o máis detallada posible, notificar e solicitar a súa óptima valoración previa e posterior catalogación por parte da Dirección Xeral de Patrimonio e garantir a súa correcta conservación. Na procura do seu cumprimento é polo que agora presentamos unha nova laxe que localizamos hai uns días nas proximidades do castro de Monte Castelo, na parroquia amiense de Santo Estevo de Covas.

Localización

Coordenadas UTM 29 T 529888 4748608. Altitude 114 msnm. [2].

Sitúase no lugar de Castelo, na aba do monte onde se conserva o castro de Monte Castelo, na ladeira sur que descende cara o leste, ó encontro do Rego Luceiro, e a  escasos 200 metros da croa do xacemento.

Castro de Monte Castelo. Debuxo de Enrique Campo, xuño de 1909. Museo de Pontevedra.

Este poboado é un xacemento con características tipolóxicas propias da Idade do Ferro. Nunca foi obxecto de traballos arqueolóxicos, mais por desgraza sufriu graves alteracións polas obras de diversas construcións levantadas na segunda metade do século pasado (con posterioridade a 1957), concretamente varias vivendas con xardíns e edificacións auxiliares e ata un campo de fútbol, elementos que teñen modificado a súa fisionomía.

Plano Lidar no que destaca a presenza do castro. Sinalados o castro e os petroglifos de Monte Castelo 1 e a Peneda Negra

Na súa ficha de catalogación  faise a seguinte descrición:

Presenta una croa de forma tendente a circular situada  no punto de inflexión dun rechán bastante amplo, o que  ocasiona que aquela estea lixeiramente inclinada de norte a sur. O parapeto defensivo que delimita a croa amosa una altura máxima, na face interior, de 2 m na zona noroeste, onde presenta unas mellores condicións de conservación. No norte e nordés foi profundamente alterado por medios mecánicos no  transcurso dos traballos de planta de eucalipto, mentres que no sur padeceu o achandado nas obras de construcción dunha casa. Ao oeste da croa, e a uns 40  de distancia do parapeto delimitador, existe un terraplén de forma semicircular, disposto concéntricamente a ela, que constitúe unha superficie aterrazada que ben poidera  corresponder a un antecastro.

A pouco máis de 400 metros ó norte atópase o petróglifo de Monte Castelo 1.

O petroglifo localízase nun espazo de terreo ocupado por unha plantación de árbores froiteiras. Consultando os distintos mapas do PNOA vemos que ata a remoción de terra para realizar a plantación, executada entre os anos 2010 e 2011, o terreo estaba ocupado por un piñeiral. Nas imaxes do voo americano de 1956-57 podemos ver a zona era  monte baixo ou pradaría e preto una ampla zona de prados e terreos de labranza. Tamén se pode apreciar a croa do castro, moi ben conservado naqueles tempos.

Imaxe do voo aéreo americano de 1956 onde se ve a localización do petroglifo e a muralla da croa do castro

Na actualidade é un dos petróglifos, desta área, máis próximos ás terras baixas do val, a tan só 114 metros de altitude sobre o nivel do mar.

Descrición

Consérvanse nun afloramento granítico de grandes dimensións situado a ras de chan. Trátase dunha laxe de gran fino e superficie horizontal moi homoxénea que se atopa cuberta de terra en máis de dúas terceiras partes da súa superficie.

Monte Castelo. Reconstitución fotogramétrica

Nas poucas superficies visibles localizamos un total de máis de 40 coviñas de distintas dimensións e distribuídas sen orde aparente, aínda que unha observación máis detida permite adivinar varias posibles aliñacións. Algunhas destas coviñas ordéanse seguindo as diáclases naturais (tamén cabe a posibilidade de que se trate de sucos antrópicos  moi alterados pola erosión que as unían).

Monte Castelo 4. Imaxe aérea

Consideramos provisoria esta descrición posto que si analizamos a morfoloxía do afloramento pódese intuír que máis de dúas terceiras partes da laxe está tapada por unha fina capa de terra vexetal. Cremos que non é moi aventurado pensar que na superficie oculta se conserven máis motivos.

De todos modos esta apreciación debe ser collida coa debida cautela pola súa subxectividade, pois, por outra banda, a laxe presenta tamén evidentes danos que poden ser derivados dos subsolados executados con maquinaria pesada produto dos traballos de plantación das froiteiras.

Esperamos que no futuro os traballos de rexistro e posta en valor desta área arqueolóxica nos permitan saír de dúbidas.

Monte Castelo 2. Deseño de Enrique Campo no 1909.

Por que Monte Castelo 4?

Pois porque, como xa contamos noutra ocasión, na excursión que realizaron aló polo ano 1909 Henrique Campo Sobrino e Henrique Mayer guiados por Óscar Lojo Batalla o excelente debuxante da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra debuxou dúas laxes con gravados, a redescuberta no ano 2015 e unha segunda que segue a estar perdida a día de hoxe. Esta laxe desaparecida, á imaxe da descrita neste post, estaría composta só por coviñas.

Por último está catalogada Monte Castelo 3 (GA 15002065), localizada  no ano 2016 no contorno inmediato de Monte Castelo 1, durante as tarefas de limpeza e restauración da estación número 1. Conserva dúas coviñas.

Unha alternativa que valoramos para a identificación da laxe é a posibilidade de que estivésemos diante de Monte Castelo 2, ou o que é o mesmo, que a laxe agora presentada fose a mesma que localizaron naquela mítica expedición Campo e compaña a principios do século pasado. Mais polos datos que dispoñemos (debuxos e descricións antigas) pensamos que son dúas estacións diferentes.

Notas.

[1]  Calvo, 1924; Jalhay, 1934; Mergelina, 1944.

[2] Datum WGS1984. Segundo consta no catastro sitúase no denominado “Agro das Leiras”.

Bibliografía.

 

Trece novos petróglifos localizados no concello de Ames


Achegamos, a continuación, unha primeira aproximación a un total de 13 novas estacións de gravuras rupestres localizadas neste último ano no concello de Ames, e queremos iniciar este breve relatorio agradecendo ós nosos informantes ás súas achegas e xenerosidade:

Pilar de Aldea nova  a información relativa ós achados de Monte Grande e a Cruz do Monte da Costa, ó compañeiro Moncho Pereira pola información sobre os petróglifos de Agrón, ó concelleiro David Santomil e ós técnicos municipais de Ames para o petróglifo de Balindo, e a Luis do Río Pena, a través de APATRIGAL, para o de Agro da Chán.

Tamén queremos agradecer a súa amabilidade  e facilidades ó profesor Federico Silva Cobas propietario do terreo onde se sitúa o petróglifo do Rego das Pías.

Para todas as localizacións empregamos o Datum WGS84.

A distribución por parroquias dos petróglifos localizados é a seguinte:

4 localizados na parroquia de Ortoño: Os petróglifos do Porto, Agro da Chán, Monte Grande e a Cruz do Monte da Costa, nas proximidades de Aldea Nova.

2 situados na parroquia de Piñeiro: O petróglifo de Balindo e o petróglifo da Casa do Pereiro en Fernande.

1 na parroquia de Covas: O petróglifo de Capeáns.

4 na  parroquia de Agrón: Os petróglifos do Rego das Pías 1, 2, 3 e 4.

1 na parroquia de Biduido:  O petróglifo de Ventín ou “do Colexio”.

1 na parroquia de Bugallido: O petróglifo da Fonte das Buceleiras.

Petróglifo do Agro da Chán. Panel 2. Vista parcial.

Case a totalidade dos motivos representados nestas estacións son coviñas, conformando en ocasións agrupacións de grandes dimensións con un bo número de motivos,  como é o caso das de Balindo, Capeáns ou Agro da Chán.

As estacións rupestres compostas únicamente por coviñas non adoitan ser as máis “populares” entre aqueles que investigan a arte rupestre prehistórica galega e en poucas ocasións teñen sido obxecto de estudos monográficos.

Petróglifo de Balindo, detalle.

As obras de síntese da arte rupestre galega adoitan referirse a elas destacando a imposibilidade de determinar unha cronoloxía probable, plausible para elas senón aparecen acompañadas por outros deseños tales como combinacións de círculos concéntricos, zoomorfos,… aducindo que debido á súa simplicidade teñen sido gravadas en diversos períodos da prehistoria e da historia, sen, na maioría das ocasións, afondar moito máis na súa análise.

Mais consideramos que non poden seguir sendo esquecidas nin postergada a súa investigación por máis tempo, toda vez que entendemos necesario avanzar no seu estudo para podermos acadar, a longo prazo, unha aceptable visión de conxunto desta tipoloxía de estacións rupestres.[1]. 

Seguindo iste convencemento é que presentamos estas laxes.

Petróglifo de Balindo, vista xeral.

PARROQUIA DE ORTOÑO.

Petróglifo do Porto ou da Pena Marela.[2]

Localízase no lugar do Porto (coordenadas UTM 29 T 529746 4745868, a unha altitude de 108 msnm.), no extremo suroeste do Monte de Vilastrexe, podendo accederse a ela doadamente si collemos un desvío que atopamos á dereita xusto antes de chegar, desde Santiago, á rotonda de acceso a Bertamiráns na estrada AC-543. Deixamos o vehículo na pista asfaltada e seguindo o camiño de terra, a uns 200 metros, atoparemos a laxe á súa marxe dereita.

Petróglifo do Porto. Vista xeral.

Os gravados sitúanse nunha laxe granítica de gran medio e pequenas dimensións (4,60 m por 3,20 metros) situada a rás de chan. Localízase no bordo do camiño de terra que conflúe no lugar con unha liña eléctrica de alta tensión.

Os motivos conservados son un total de 5 coviñas distribuidas sobre a superficie conformando un polígono irregular. O seu estado de conservación é malo.

Petróglifo do Porto. Detalle.

Na última visita que realizamos á laxe, a finais de setembro, atopamos que a súa superficie fora danada probablemente pola maquinaria pesada que levou a cabo os labores de roza da liña de alta tensión nos últimos meses do pasado verán.

Petróglifo do Porto. Vista xeral.

Únese esta estación á listaxe de xacementos rupestres da nosa comarca en permanente perigo por situárense en camiños ou en terreos afectados polo trazado de liñas eléctricas, debido ó paso de venículos de motor e ós traballos de mantemento de rozas periódicas realizados sen a información e  coidados necesarios poñendo en risco a súa conservación. Conforman esta relación os petróglifos de Correxíns, Revolta da Palla, O Pinal I, Agro do Campo I  e os tamén aquí presentados petróglifo de Ventín e petróglifo de Capeáns.

É obriga das administración competentes garantir a súa conservación coordinando e informando debidamente ás empresas que explotan as liñas, ás brigadas rurais de limpeza e, tomando todas aquelas medidas correctoras que permitan garantilo (desvío de trazados, balizamentos, etc.).

Petróglifo de Agro da Chán ou de Monte Grande.[3]

Localízase no lugar dos Batáns e Pontiach (coordenadas UTM 29 T 530458 4746639, a unha altitude de 166 msnm.), accedéndose a ela a través dun camiño de terra que parte desde o nordeste de Aldea Nova cara a Portela de Villestro. Un pequeno sendeiro, que parte a nosa esquerda, comunica esta pista co afloramento onde se conservan as gravuras.

Petróglifo do Agro da Chán. Vista parcial do panel principal.

Trátase dun afloramento de grandes dimensións e superficies moi irregulares de granito de gran fino. Os gravados distribúense en catro paneis pertencentes ó mesmo afloramento pero ben delimitados polas formas naturais da pedra. O panel 1 é o máis destacado en altura, ten forma de crista alongada e nel se conservan o maior número de motivos. Nun dos extremos destaca a presenza dunha pía de orixe natural rodeada de multitude de coviñas.

Petróglifo do Agro da Chán. Panel 2. Vista parcial.

Os paneis 2,  3 e 4 son laxes planas situadas a rentes do chan. A case totalidade dos motivos representados en todas elas son coviñas de distintas formas e profundidades. Ademais, no panel 3 apréciase un suco trazado no medio dun conxunto de coviñas.

O seu estado de conservación é regular.

Petróglifo do Agro da Chán. Vista parcial do panel 3.

Pode que o máis salientable desta estación sexan as formas das dúas prominencias máis destacadas en altura do afloramento granítico, e que nos fan preguntarnos si puideron ter sido escollidas porque as súas formas naturais aseméllanse a dúas figuras humanas xacentes?

Petróglifo do Agro da Chán. Vista parcial do panel 2.

Petróglifo de Monte Grande.

Localízase nun afloramento granítico, de grandes dimensións e superficie moi irregular, ó pé dun camiño de terra.  Consérvanse 3 coviñas profundas  en tres petóns destacados da peneda e que conforman unha aliñación en dirección Este/Oeste.

Petróglifo de Monte Grande.

A cruz do Monte da Costa.

Nunha laxe de pequenas dimensións a rentes do chan, que forma parte dun gran afloramento granítico moi alterado por actividades extractoras de cantaría, consérvase unha cruz con triplo brazo e pedestal, elaborada cun útil metálico atendendo ó  perfil en V do seu suco. (coordenadas UTM 29 T 530320 4747141 e unha altitude de 226 msnm.). O seu estado de conservación é bo.

Cruz dos Batáns.

PARROQUIA DE PIÑEIRO.

O petróglifo de Balindo.

Esta estación foi localizada pola Brigada Aprol Rural do Concello de Ames. Os gravados rupestres localízanse no cumio dun batolito granítico de grandes dimensións situado ó pé dunha pista de terra, a poucos metros das casas da aldea de Balindo e da estrada AC-453 que comunica Roxos con Portomouro (coordenadas UTM 29 T 528668 4755861 e unha altitude de 242 msnm.).

O val do Tambre dende Balindo.

O penedo granítico, de gran medio – groso, sobresae aproximadamente dous metros sobre o terreo circundante, unha pequena fraga de frondosas. Consérvanse cando menos 30 coviñas, distribuidas principalmente pola superficie máis lisa e uniforme do cumio. Nesta superficie chaman a atención as longas cristas lineais de seixo que cruzan boa parte da superficie.

Petróglifo de Balindo. Detalle.

As dimensións e as formas das coviñas son variables. Pódense apreciar cando menos 3 aliñacións, dúas de 6 e unha de 4 coviñas. Algunhas das coviñas únense entre sí por medio de pequenos sucos rectos. Dúas das coviñas de maiores dimensións semellan conservar parte dun círculo simple extremadamente erosionado apenas perceptible.

O seu estado de conservación é bo.

Petróglifo de Balindo. Vista xeral.

O petróglifo da Casa do Pereiro. 

Cando visitabamos Balindo, advertidos polo concelleiro David Santomil da localización do petróglifo, chamounos a atención a última casa da veciña aldea de Fernande, unha casa levantada con boa pedra situada ó inicio do camiño que leva ó penedo insculturado.

Petróglifo de Fernande.

A casa foi edificada sobre un enorme afloramento granítico e boa parte do penedo segue a ser parcialmente visible na finca anexa. Os propietarios amablemente permitíronnos  acceder á leira e e facer unha comprobación visual rápida na que localizamos 4 coviñas máis unha coviña no interior dun círculo moi erosionado apenas perceptible. (coordenadas UTM 29 T 528670 4755721, e unha altitude de 236 msnm.).

O seu estado de conservación é malo.

PARROQUIA DE COVAS.

Petróglifo de Capeáns.

Petróglifo de Capeáns. Vista xeral do afloramento.

Localízase nunha peneda de grandes dimensións de granito de gran groso, destacada no terreo e situada ó pé dunha liña eléctrica de alta tensión (coordenadas UTM 29 T 529565 4747443 e unha altitude de 92 mnsm).

Petróglifo de Capeáns.

Os gravados distribúense na cima do afloramento, ó redor dunha gran pía de orixe natural con forma de améndoa. As insculturas conservadas son coviñas de distintas formas e dimensións, algunhas con forma de bacilos e outras unidas entre si por sucos rectos. Tres das coviñas unidas por sucos conforman un vistoso triángulo.

No lateral do penedo, na superficie máis vertical e regular, consérvase unha cruz con forma de bésta, elaborada con instrumentos metálicos atendendo ó perfil en V do seu estreito suco.

Petróglifo de Capeáns. Detalle do cruciforme.

O seu estado de conservación é regular.

Noutra laxe do concello de Ames, a Laxe da Estivada de Abaixo podemos contemplar, como ocorre nesta estación, a distribución das coviñas ó redor de pías naturais. Outros exemplos nos que podemos observar esta distribución son a estación do Pinal 3 (parcialmente conservado) no veciño concello de Santiago e o tamén aquí presentado petróglifo do Agro da Chán.

PARROQUIA DE AGRÓN.

Petróglifo do Rego das Pías 1.

Petróglifo do Rego das Pías 1. Reconstrución fotogramétrica.

Localízase a media ladeira dunha suave lomba nas inmediacións da necrópole megalítica de Rañalonga (coordenadas UTM 29 T 523842 4747166 e unha altitude de 272 msnm.). Tratáse dun afloramento granítico case completamente cuberto polo terreo circundante. Nas poucas superficies visibles consérvanse gran cantidade de coviñas de diversas formas e dimensións.

Petróglifo do Rego das Pías 1.

As coviñas localízanse en dous conxuntos, un na superficie de maiores dimensións conformado por oito coviñas, dúas delas máis profundas e unidas entre sí, e o outro nunha segunda superficie de menores dimensións onde boa parte das coviñas (22) se intercomunican a través de tres sucos que parten do extremo superior dereito. A superficie de esta última está gravada case na súa totalidade.

Neste sector apréciase que a rocha foi partida con posterioridade a ter sido gravada xa que unha das coviñas está incompleta.

O seu estado de conservación é regular.

Petróglifo do Rego das Pías 1. Pormenor.

Petróglifo do Rego das Pías 2.

Localízase moi próxima a anterior estación, no cumio da suave lomba que cae cara o Rego das Pías. Consérvanse 2 aliñacións de 2 e 3 coviñas e unha coviña exenta, sobre 3 petóns diferentes próximos entre sí. Os petóns apenas destacan uns centímetros sobre o terreo (coordenadas UTM 29 T 523848 4747210, e unha altitude de 276 msnm.).

O seu estado de conservación é bo.

Petróglifo do Rego das Pías 2.

Petroglifo do Rego das Pías 3.

Sitúase a escasos metros ao norte da anterior. Localízase nunha pequena laxe situada a rentes do chan na que se conservan tres coviñas inscritas nun círculo irregular, e outras catro coviñas exentas de menores dimensións(coordenadas UTM 29 T 523784 4747240 e unha altitude de 278 msnm.).

O seu estado de conservación é regular.

Petróglifo do Rego das Pías 3.

Petróglifo do Rego das Pías 4.

Localízase a escasos metros das anteriores, nunha laxe de pequeñas dimensións situada a rentes do chan na que se conserva unha coviña.

Petroglifo do Rego das Pías 4

PARROQUIA DE BIDUIDO.

Petróglifo de Ventín ou “do Colexio”.

Localízase no lugar de Ventín (coordenadas UTM 29 T 533404 4744411, e unha altitude de 214 msnm.), nas proximidades do Colexio de Primaria de Ventín (a menos de 50 metros ao noroeste do edificio), nunha lomba cun afloramento granítico moi alterado no seu cumio, xa que foi o lugar elexido para situar nel unha torreta da liña eléctrica que cruza o lugar. O afloramento tamén foi  parcialmente alterado polo peche do campo de fútbol inmediato ó norte.

Petróglifo de Ventín. Paneis 1 e 2.

O afloramento atópase case totalmente cuberto polo asfalto e a terra  sendo visibles poucas superficies pétreas na actualidade. Nelas podemos visualizar ata un total de 13 coviñas. en 4 paneis/superficies diferentes.

O seu estado de conservación é malo.

Petróglifo de Ventín. Paneis 3 e 4.

PARROQUIA DE BUGALLIDO.

Fonte de Buceleiras.

No lugar de Buceleiras, ó pé da estrada que leva a Guimaráns (coordenadas UTM 29 T 531114 4743638, e unha altitude de 126 msnm.), na fonte lavadoiro de Buceleiras compre prestar atención á pedra que preside o cano. Trátase dun monolito de forma irregular, aparentemente non traballado, que ten na súa cima 3 coviñas de considerable profundidade comunicadas entre sí por sucos igual de profundos.

O seu estado de conservación é bastante bo.

Petróglifo da Fonte de Buceleiras.

A modo de pequena conclusión.

Poucos datos podemos extraer desta análise inicial máis si podemos indicar varias características dalgunhas destas estacións nas que se diferencian de boa parte das laxes do Corpus de arte rupestre galaico, daqueles con combinacións circulares ou con motivos naturalistas.

É o caso da selección do soporte a gravar, escolléndose penedas moi destacadas e visibles na contorna inmediata, a diferenza da elección máis habitual de laxes apenas sobresaíntes no terreo. [4]

Tamén nestas o granito escollido difire do habitualmente preferido granito de gran fino, optándose nestas ocasións por granitos de grans grosos (nos lugares onde se sitúan escasea o granito de gran fino) que dificultan o poder gravar neles motivos máis elaborados. Exemplos  deste tipo de estacións entre os aquí presentados son os petróglifos de Capeáns e Balindo.

Notas:

[1] Esta tendencia ten sido parcialmente correxida  na actualidade gracias ó altruista  labor de catalogadores espallados por todo o territorio galego, como J.A. Gavilanes ou Bruno Rúa que teñen recollida e publicada na provincia de Ourense una inxente cantidade de información sobre este tipo de xacementos rupestres, ou o traballo de Jorge Fernández no concello da Estrada.

[2] Denominación recollida da ficha catastral da finca onde se atopa.

[3]Denominación recollida da ficha catastral da finca onde se atopa.

[4] Lóxicamente con isto non queremos afirmar que entre as máis de 3.000 estacións catalogadas na actualidade en Galicia non existan multitude de soportes destacados no terreo e de gran groso no que se gravaron arte rupestre xeométrica ou naturalista.

As faixas de protección do patrimonio no monte: a transformación dunha debilidade nunha oportunidade para unha infraestructura verde(social e ecosistémica)


Os incendios forestais do verán de 2016 afectaron gravemente a moitas áreas de petróglifos galegos. Este rico patrimonio cultural está en serio risco de desaparición, así como os miles de castros e mámoas espalladas polos nosos montes, que tamén están nun estado de abandono case xeralizado.

28102898554_98b09f532b_k

Vista xeral da Devesa da Rula tralo lume deste verán

A arte rupestre galega ao ar libre pode datarse entre o inicio da idade do bronce ata principios da idade do ferro. Estes gravados aparecen preferentemente a media altura, en torno a brañas e lugares favorables para o aproveitamento estacional da gandería, ou en pequenos outeiros penedíos das serras litorais e prelitorais. Considerados a nivel macro territorial, adoitan distribuírse ao longo de vellos camiños e rutas históricas que conectan a costa co interior, a través dos grandes vales e depresións que estruturan o relevo da Galicia occidental.

_utf-8_b_tw9udgvzigrlienhyw1h77-9bybkzxnwb2lzigrvigk_-_utf-8_b_bmnlbmrpbybkzsbbz29zdg8gzgugidiwmtyuanbn_

Vista xeral tras os lumes deste verán en Porto do Son

Descoñecemos practicamente a súa función e significado, aínda que podemos interpretalos como un xeito de apropiación do territorio, pois se adscriben ao período da nosa historia no que a tecnoloxía metalúrxica consolidou unha agricultura sedentaria mais intensiva que a previa do megalitismo, que conduciu finalmente ao xurdimento dos primeiros núcleos de habitación permanentes.

A conservación dos petróglifos galegos, ao igual que a das mámoas, castros e outros elementos, corresponde loxicamente ao ámbito e competencias do patrimonio, pero calquera esforzo pretendido ou realizado neste eido enfróntase a un problema sistémico de difícil solución: localízanse maioritariamente no monte, e o monte representa un fabuloso reto pendente para a sociedade galega do século XXI.

propiedademonteGalicia é un pais de montes, dado que mais de dúas terceiras do seu territorio son monte (68%) e unicamente existe un 30% de superficie agraria útil, onde se instalan os solos profundos, chans e produtivos. Aínda hoxe os cidadáns galegos, tanto urbanos como rurais, teñen interiorizado que os montes rozábanse para fertilizar aos cultivos permanentes (precisándose de dúas a cinco hectáreas de monte para manter unha hectárea de cultivo). Ademais disto servían para o pastoreo extensivo e o cultivo de cereal en “estivadas” (alternancias de cereal con barbeitos de toxos ou xestas durante varios anos) que practicaban os mais desfavorecidos, mediante a roza, queima e sementeira de parcelas de matogueira. mapaforestal

As vellas fames non só quedaron marcadas na mentalidade galega, pois deixaron tamén a súa pegada na paisaxe debido ás crises malthusianas, que desencadearon intensos procesos migratorios expulsando habitantes por centos de miles durante os séculos XIX e XX.

Sabemos por estudos paleobotánicos que un gran bosque atlántico primixenio cubriu Galicia ata o megalitismo. Nel prosperaban especies actualmente desaparecidas ou moi diminuídas, árbores como os teixos, as ulmeiras, os tilos, as faias e os pradairos, que se acompañaban de especies menos vigorosas como as abeleiras, os acivros, espiños, abruños, capudres, loureiros e outras. Estas formacións cheas de biodiversidade, e dominadas por inmensos carballos, rebolos e sobreiras de ata  500 ou incluso mil anos de idade, comezaron a ser desprazadas polos cultivos e matogueiras durante o neolítico.

petrosmasterplan-1Os nosos primeiros gandeiros vagaron polas serras atrás do gando, abríndose paso co lume e os machados de pedra, para sementar o cereal e fundar as primeiras agras e lugares habitados. A ocupación do territorio espallouse polas alturas, mais doadas de controlar polo lixeireza dos solos e a facilidade de desprazamento, en contraste coa selva impenetrable acantonada nos fondos de val. Cada unha das seguintes etapas históricas representou un renovado avance colonizador, baixando das alturas e ocupando os vales, expandíndose progresivamente como testemuñan os castros da segunda idade do ferro ou as fundacións baixomedievais.

A explosión demográfica inducida pola introdución do millo e a pataca desembocou no mínimo histórico de extensión dos bosques naturais a principios do século vinte. Previamente no século anterior extinguírase practicamente toda a gran fauna bioindicadora de bosques nativos que nos quedaba. Por volta dos procesos desamortizadores e a privatización e división dos montes comunais do século XIX, desapareceron os cervos de Galicia e os últimos osos dos montes de Oseira e o Candán. A mediados do século XX xa non quedaba en Galicia practicamente nada das comunidades animais e vexetais nativas dos bosques antigos.

Despois do colapso do sistema agrario tradicional nos anos sesenta, o xeneralizado abandono do rural no cambio de século deixou unha paisaxe ecoloxicamente desestabilizada e altamente inflamable. A desaparición das rozas tradicionais, da gandería extensiva e a ausencia de grandes herbívoros silvestres, combinadas coa maior produtividade forestal de Europa e unha seca estival de un a tres meses (o gradiente de norte a sur) fai medrar o mato vizosamente durante o ano para logo arder ciclicamente cada 6 ou 7 veráns, producindo un cóctel explosivo sen parangón noutras terras atlánticas ou mediterráneas.

cortasmadeiraA política forestal das últimas catro décadas continuou coa repoboación forestal practicamente exclusiva de especies pirófitas, promovendo o cultivo dos eucaliptos sen límite ou control efectivo. O sector forestal determina absolutamente todo que se fai nos nosos montes, sen outro criterio real que o produtivo, orientando toda a normativa vixente á madeira de baixa calidade.

Galicia produce o 50% das cortas anuais de España, o 43% da madeira serrada, o 33% dos taboleiros e o 35 % de pasta de papel. Segundo a Confederación de Empresas da Madeira (Confemadera) en 2014 cortáronse en Galicia 7,5 millóns de metros cúbicos por valor de 280 millóns de euros. Incluíndo a primeira e segunda transformación, o total do sector representou o 3,25 % do PIB galego, creando 20.000 empregos directos.

xestionmonte-conservacionpatrimonio-5Segundo o Consello de Contas, durante o quinquenio 2008-12 a Xunta gastou cada ano uns 150 millóns de euros na súa política forestal, dos que 100 millóns foron destinados á extinción de incendios. Isto entre en contradición co vixente Plan Forestal de Galicia (1992-2032), que tiña previsto un 13,20% para extinción fronte ao 86,80% para fomento das políticas forestais (ordenación, prevención e industria). Asemade incumpre o obxectivo de dedicar o 3% do orzamento autonómico ao sector, cando realmente estase a investir o 1,44%.

A propiedade dos montes galegos repártese nun exiguo 2% de titularidade pública, un 30% de montes veciñais en man común e un 68% de propiedade privada, que corresponde a 672.000 propietarios particulares, dos que se estima que entre un 30% e un 20 % son absentistas (ao non realizar ningún tipo de xestión).

Así, o tamaño medio da explotación forestal oscila entre 1,5 e 2,0 hectáreas  (Xunta de Galicia, 1992), sendo a parcela forestal media de 2.300 m2 (MMA, 2002), o que representa un atranco, pois as superficies inferiores a un terzo de hectárea adoitan ser rexeitadas polas empresas de tala e compra de madeira debido a súa insuficiente rendibilidade.

petrosmasterplan-2Unha política forestal correspondente a unha sociedade suficientemente civilizada e desenvolvida  perseguiría unha xestión sostible do monte, garantido o uso múltiple integrado das tres funcións fundamentais que este pode desempeñar: a ECONÓMICA, coa produción de madeira, froitos, pastos, cortizas, caza, pesca, cogomelos, plantas aromáticas, etc.; a AMBIENTAL coa regulación do ciclo da auga, a conservación dos solos, o sumidoiro de CO2 e a conservación da biodiversidade de fauna e flora; e finalmente a SOCIAL, orientada ao ocio, a educación, o turismo, e por suposto a conservación do patrimonio.

A realidade actual é que a administración gasta mais de 100 millóns de euros anualmente para protexer unha colleita anual de madeira que apenas alcanza os 300 millóns de euros, resultando que os custos de extinción non se corresponden coa contraprestación dun uso múltiple do monte, que atenda as funcións ambientais e sociais ademais das económicas.

petrosmasterplan-3Por tanto a pregunta obvia sería: se a industria e propietarios se benefician dun aporte público que pode alcanzar o 40% do valor do cultivo, non debería a cidadanía recibir a cambio o manexo ecolóxico e social dunha certa porcentaxe de superficie do monte?

Tal vez un quinto ou unha décima parte da porcentaxe do gasto, correspondéndose a entre un 10 ou un 20 % da superficie do monte? Porque os mais de dous millóns de cidadáns que non son propietarios teñen que sufragar cada ano os gastos de extinción? Resulta evidente que debido a que ninguén quere que o seu pais arda polos catro costados, pero se cadra vai sendo hora de equilibrar un pouco a balanza e recibir algo a cambio mais alá de evitar que ardan as vivendas espalladas polo territorio.

_utf-8_b_umv4zw5lcmfjae-_vw4gzg9zigv1y2fsaxa_-_utf-8_b_d__-___filename_1__g9zigrlc3bvaxmgzg8gsw5jzw5kaw9fra_-_utf-8_b_zxrhbgxlicbk__-___filename_2__bybwzxry77-9z2xpzm8gzg8_-_utf-8_b_ien

Pirófila retoñando na súa salsa

Na Galicia mais oceánica, entre o Miño e o Eo, os lumes poden correr de punta a punta atravesando un continuo de eucaliptais, pinares e matogueiras, sen apenas atoparse con bosques nativos de caducifolias que os deteñan. A rede hidrográfica de ríos e regatos xunto coas brañas e turbeiras do monte (actualmente afogadas por especies pirófitas) deberían empregarse para intercalar un mosaico heteroxéneo no tapiz vexetal, aproveitando as frondosas autóctonas para limitar o crecemento do mato e dificultar a facilidade de transmisión de lumes de copas.

A introdución dunha nova especie de eucalipto, o nitens, amplía o problema as áreas situadas por riba dos 500 metros, ata o de agora libres desta praga, pois o 90% do noso territorio sitúase baixo os 1.000 de altitude. A moderna silvicultura mecanizada e cada vez mais intensificada estraga cada vez mais xacementos arqueolóxicos coa práctica do subsolado profundo previo ás plantacións.

_utf-8_b_u2luywwgzgegcnv0ysbkb3mgcgv0cu-_vwdsr2w_-_utf-8_b_bwiztwdar1vnutjgagjxserzvzh1yw5cbj89_

Porto do Son 2016

O cultivo de madeira de rápido crecemento é sen dúbida lexitimo, e incluso representa unha oportunidade económica para o pais, pero esta realidade debería equilibrarse co cultivo de madeiras nobres de calidade, aínda que hoxe en día isto é case inapreciable. A especialización económica que polo visto nos toca no mercado capitalista globalizado favorece á madeira de rápido crecemento. Poren resulta inadmisible que isto se realice sen ningún tipo de control ou ordenación efectiva.

anexo2leimontesA Lei de Montes ignora absolutamente o patrimonio histórico e arqueolóxico, sen considerar unhas faixas de protección como as establecidas para outros elementos (aínda que insuficientemente), como as vivendas (con 30 metros de exclusión de pirófitas), vías de comunicación, gasolineiras e outras instalacións. O caso dos cursos de auga resulta paradoxal pois, ademais de ignorar os que non chegan a dous metros mínimos de anchura de canle, declara unicamente unha faixa de exclusión de pirófitas de 15 metros (a contar desde o dominio público).

_utf-8_b_rgvjb2xvcmfjae-_vw5zigrlc3bvaxmgzhvuigluy2vuzglvli__-___filename_1__bqzxq_-_utf-8_b_cu-_vwdsawzvigrhicbccmvpysaovmlhbmegzg8gq__-___filename_2__2fzdgvsbykuanbn_Os petróglifos galegos son particularmente sensibles aos lumes, por coincidir a súa área de distribución coa área de cultivo dos eucaliptos. Os danos provocados derívanse tanto dos fenómenos de termoclastia, que escachan a superficie das pedras polas altas temperaturas, como dos traballos de extinción con maquinaria pesada, que trituran todo o que atopan por diante.

Efectos do lume sobre o granito

Efectos do lume sobre o granito

O simple establecemento dun perímetro de protección de 5 metros desbrozados arredor  (limpo de mato), xunto a outros 20 mais de exclusión de pirófitas, significaría unha faixa de protección de 2.000 a 2.500 metros cadrados en cada un destes bens de interese cultural (ao radio de 25 metros compre sumarlle unhas mínimas dimensións da pedra).

Se calculamos que existen 3.000 petróglifos en Galicia, resultarían necesarias menos de 675 hectáreas para protexer toda a arte rupestre galega. Considerando que algunhas pedras son bastante grandes, pero que moitos gravados agrúpanse en distancias menores a 50 metros (e consecuentemente as súas faixas solaparíanse), e por último que dificilmente quedarían por descubrir outros tantos petróglifos como o número actualmente coñecido, poderíamos supoñer entón que unhas 1.000 hectáreas abondarían para todo o conxunto.

pedraquefala-1

A Pedra que Fala, Vista xeral despois do lume deste verán

Facendo un cálculo similar para as mámoas e considerando un radio medio de 15 metros, resultan 5.000 metros cadrados de faixa media (engadindo o núcleo da mámoa), que multiplicados por 6.000 unidades darían un total de 3.000 hectáreas de protección. No caso dos castros o cálculo sería dunha hectárea de media por castro multiplicada por 6.000 unidades, o que sumaría outras 6.000 hectáreas.

Engadindo mais elementos como círculos líticos, castelos altomedievais, poboamentos neolíticos ou calquera outro tipo de xacementos, aínda que coa salvedade de que só se pretende incluír aos que estean no monte (excluíndo aos correspondentes as terras agrarias ou solos urbanos), podemos supoñer que 10.000 hectáreas de faixas abondarían para protexer todo o patrimonio nos nosos montes.

14963427_1312796372088329_37169149_o

Mallos 2, Teo, despois da limpeza

Deste xeito, se xuntáramos todo o patrimonio espallado e actualmente perdido polos montes, agrupándoo coma aos pobos indíxenas derrotados dunha reserva india, precisaríamos unicamente dun cadrado de 10 x 10 quilómetros. Eses 100 km2 representarían o 0,5% da superficie de monte en Galicia, e aínda que pensáramos que nos quedamos curtos dificilmente superaríamos o 1% da superficie en caso de ter que ampliala. De verdade pode sosterse que xestionar ou manexar o 1% da superficie dos montes para protección do patrimonio resultaría excesivo, inapropiado ou imposible de levar a cabo?

Proceso de limpeza do entorno da Peneda Negra

Vista xeral da Peneda Negra trala súa recente limpeza

A institución das faixas de protección do patrimonio na lei de montes representaría un primeiro paso imprescindible para a creación dunha auténtica “INFRAESTRUTURA VERDE” nas zonas periurbanas, rururbanas e rurais de Galici, que proporcione servizos sociais e ecosistémicos (actuando como auténticos “SANTUARIOS DE BIODIVERSIDADE”, ao servir de focos de dispersión e colonización das especies silvestres).

14954347_1312792718755361_1172168152_o

Pedra da Loba despois do lume

Concretar as mellores vías para desenvolvelas, mediante sancións, compras, subvencións, compensacións, expropiacións agrupacións, concentracións, asociacionismo, esponsorización, certificacións forestais, custodia do territorio, ou calquera outra ferramenta que puidera empregarse é a cuestión metodolóxica a resolver.

Pero xa estamos tardando en afrontar entre todos: cidadanía, propietarios, industria, gobernos e oposicións, o deterioro do patrimonio cultural dos nosos montes, que ademais de irreversible, supón a perda de múltiples oportunidades de desenvolvemento social, económico, turístico, cultural e de proxección exterior.

Sen esquecer que un verdadeiro uso múltiple do monte, orientado á unha auténtica protección do medioambiente e a biodiversidade que compense xusta e democraticamente o modelo forestal actual, debería acadar un mínimo dun 10% da superficie do monte de utilidade pública, necesariamente distribuída por todas e cada unha das parroquias galegas. Pois a estratexia mais acaída para xestionar un territorio tan intensamente antropizado como o noso debe basearse na conxunción da conservación da natureza e a protección do seu patrimonio.3uso-negro

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Petróglifos e lumes forestais


xxxO pasado mércores día 26 tivemos a ocasión de participar nunha interesante xornada organizada por “Compostela Aberta”, co título de “Petróglifos e lumes forestais: xornadas sobre o Patrimonio Cultural do Concello de Santiago de Compostela”.

14963513_1312792212088745_870474263_o

Devesa da Rula 3. Marcas das orugas mecánicas

Logo da terrible vaga de lumes do pasado verán, con lamentable incidencia na área arqueolóxica da Portela de Villestro no termo municipal compostelá, a organización desta actividade semellaba non só interesante senón tamén moi necesaria. Dende o Colectivo felicitamos os organizadores do acto, en especial a Raquel López e María José Boveda,  as que queremos agradecerlle o ternos convidado a participar.

14970992_1312792215422078_2072676174_o

Mouromorto 2 . Antes e despois do lume de 2015

Foi unha honra poder expor as nosas ideas ó carón de profesionais como Iñaki Vilaseco ou o especialista Manuel Santos Estevez. A xornada serviu para pór en común interesantes visións da problemática situación do noso patrimonio e sinalar posibles medidas de actuación dende diferentes perspectivas, o eido profesional e institucional, o lexislativo e mesmo o asociativo. A charla rematou cun intenso debate co público asistente e consideramos que resultou enriquecedora para todos os presentes.

14971484_1312791772088789_1525270088_o

Cruciforme. Pedra Mencía

De seguido resumimos a nosa pequena contribución na xornada.

Na nosa exposición partimos dunha premisa fundamental,  na actualidade a nosa arte rupestre atópase seriamente ameazada.

14923009_1312792582088708_204643720_o

Porto do Son. 2016

Trátase duns bens culturais moi sensibles e fráxiles, en grave risco fronte non só ós factores ambientais senón tamén a propia acción do home. O uso da maquinaria pesada en labores forestais e de extinción, os lumes e outras actividades ameazan seriamente a súa conservación e alteran de xeito irreparable a súa contorna.

30597365435_829315c9b5_oEsta situación vese agravada pola actual situación de abandono do rural galego e as desacertadas políticas forestais que configuraron unha paisaxe desestabilizada e altamente inflamable onde atopa acubillo a nosa arte rupestre.

Nos últimos anos o ritmo de destrución do noso patrimonio é alarmante polo que faise preciso adoitar xa unhas mínimas medidas que garantan a protección e conservación do noso patrimonio.

14954347_1312792718755361_1172168152_o

Pedra da Loba

Na procura de protexer o que consideramos un patrimonio singular, único e irrepetible, o Colectivo A Rula presentou hai preto dun ano unha proposta de traballo ós concellos de Ames, Teo e Compostela e a Dirección Xeral de Patrimonio na que se incluían unha serie de medidas de carácter preventivo a adoptar as que consideramos esenciais para protexer estas manifestacións artísticas da nosa prehistórica.

Pretendíamos e pretendemos con esta proposta que lles servise de ferramenta de traballo, de análise inicial e debate entre os diferentes axentes implicados na preservación do noso patrimonio e na procura do seu aproveitamento e a súa rendibilidade social a través de diferentes medios e canles.

28435867930_9bc95d9268_k

Devesa da Rula

Nesta proposta incluíamos unha serie de medidas mínimas de urxente aplicación para evitar as consecuencias directas que os lumes forestais teñen sobre a nosa arte rupestre, entre elas:

  • A catalogación de todos os petróglifos e a súa inclusión nos diferentes Plans Xerais de Ordenación Municipal dos Concellos da Comarca. É evidente que non podemos protexer aquilo que non se coñece.
  • Eliminación das plantas arbóreas e arbustivas nun radio duns 5-10 m. arredor das laxes insculturadas.
  • Mantemento periódico dunha cinto de protección mediante rozas periódicas na contorna dos petróglifos (antes do verán).
  • Establecemento de canles de colaboración cos propietarios e as comunidades de montes procurando a súa “complicidade” nesta loita pola protección do noso patrimonio e o medio ambiente.
  • Divulgación, con especial insistencia no ámbito do ensino.

28720263715_865a5dca74_kUnha serie de medidas preventivas básicas que acompañamos doutras que podiamos considerar más técnicas ou concretas como:

  • Establecemento dunha carta de riscos que determinara os factores que poidan incidir negativamente na conservación dos xacementos.
  • Esixir unha maior coordinación entre as diferentes entidades e organismos que xestionan o noso patrimonio e os nosos montes.
  • Intervencións puntuais naqueles conxuntos que, en razón do seu valor histórico, artístico, estado de conservación ou localización, demanden un tratamento individualizado para asegurar a súa conservación futura.
  • Establecemento de áreas de protección xeral nas zonas arqueolóxicas máis relevantes que preserven os restos arqueolóxicos e a súa contorna inmediata (ex. Monte Piquiño, Devesa da Rula, etc…).

Proceso de limpeza do entorno da Peneda Negra

Proceso de limpeza do entorno da Peneda Negra. 2016

É certo, que estas medidas supoñen a asunción de certo esforzo orzamentario mais consideramos que o seu custo é socialmente asumible, e incluso podemos afirmar que é socialmente demandado. Trátase, desde o noso punto de vista, máis de lograr certa vontade e compromiso por parte das entidades e administracións competentes na conservación e protección do noso patrimonio, sexa cal for a súa cor política.

14963427_1312796372088329_37169149_o

Mallos 2. Limpeza preventiva no verán de 2016

Logo dun ano de presentarmos a nosa proposta podemos sinalar que os resultados acadados foron en xeral positivos. A implicación dos Concellos de Teo,  Ames e a Dirección Xeral de Patrimonio plasmouse en diferentes proxectos que contribuíron a mellorar significativamente o estado xeral dos petróglifos e a súa contorna inmediata, ao tempo que as conversas mantidas coa Dirección Xeral de Patrimonio e o Concello de Compostela nos últimos meses auguran un futuro máis prometedor para os petróglifos de Santiago, que arestora seguen en situación moi preocupante, e da comarca en xeral.

Desde o colectivo seguiremos loitando e contribuíndo, dende as nosas posibilidades, a que isto pronto sexa unha realidade. Poucos días despois tivemos outra fructífera xuntanza en Compostela da que tamén daremos conta na maior brevidade.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Visita nocturna ó petróglifo do Monte Castelo en Ames. Últimas prazas !!!


Comprácenos anunciar que o vindeiro sábado 16 de xullo visitaremos a recentemente “redescuberta” estación de arte rupestre prehistórica do Monte Castelo na parroquia de Covas, Ames.

Será a primeira ruta nocturna nas terras amienses organizada polo Colectivo A Rula e o Concello de Ames pero agardemos que só sexa a primeira de futuras colaboracións.

A actividade abrirase cunha pequena charla introductoria sobre os petróglifos da Comarca de Santiago, con especial atención aos petróglifos de Ames. De seguido, visitaremos o petróglifo do Monte Castelo 2.

Por razóns técnicas e de seguridade só podemos convidar a un pequeno grupo (60 persoas) mais prometemos repetir novas xeiras nocturnas para que todos aqueles que o desexen poidan coñecer este xacemento situado na  área arqueolóxica de Ventosa que esta semana inicia a súa valorización social.

Se queredes acompañarnos só tedes que enviarnos un correo electrónico e agardar a nosa confirmación. A actividade é, como sempre, totalmente de balde.

Deixámovos o “teaser” que preparamos para ocasión….

 

ANOTÁDEVOS AXIÑA en colectivoarula@gmail.com !!!

Ligazóns relacionadas

 

A redescuberta do Monte Castelo. Unha excursión ó ano 1909.


A localización do Petróglifo de Monte Castelo despois de 60 anos en paradoiro descoñecido.

Entre as laxes esquecidas e consideradas como desaparecidas nos montes da comarca compostelá figuraba en letras maiúsculas a case lendaria laxe dúas do Monte das Pedras ou do Monte Castelo descuberta por Oscar Lojo Batalla a principios do século XX na parroquia amiense de Santo Estevo de Covas.

Deseño de Enrique Campo dos motivos do Monte Castelo 2. Museo de Pontevedra

Dicimos lendaria xa que o impresionante deseño realizado polo ilustre Enrique Campo no ano 1909, o gran debuxante da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, tíñanos cativados pola súas suxestivas formas e plasticidade, pero as poucas novas existentes sobre o xacemento nas últimas décadas dábano por desaparecido como consecuencia das labores extractivas de cantería practicadas na zona no século pasado.

Mapa-Monte-Castelo-corrixido v2

Plano de situación

Nas fichas incorporadas ó Catálogo de Bens Patrimoniais do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ames só figura como unha referencia, proporcionando unha situación aproximada dentro da zona de cautela do achegado Castro de Ventosa ou Castro do Castelo. [1]

Logo de varios intentos frustrados de dar coa laxe chegounos o éxito cando menos o agardabamos. Como acontece ás veces a persecución dun determinado obxectivo lévate a atopar nese traxecto outro ben distinto, mais de igual ou maior relevancia. Iso si, como recolle o saber popular convén “que a inspiración te colla traballando”.

Algo así sucedeu hai un par de semanas, cando nunha revisión máis dos vellos sendeiros que do lugar do Castelo conducen á zona da grande laxe con gravados da Peneda Negra, localizamos máis de sesenta anos despois a laxe dúas do Monte das Pedras. A nosa intención inicial era a procura de novos vieiros de acceso ó magnífico e pouco valorado petróglifo da Peneda Negra e a constancia levounos a dar con outra mostra non menos excepcional da nosa arte máis primixenia, unha xoia perdida. [2]

A laxe do Monte Castelo na Historia.

Como xa sinalamos, as dúas laxes do Monte Castelo, unha delas permanece en paradoiro descoñecido, foron descubertas na primeira década do século XX por un dos persoeiros máis relevantes da historia recente de Ames, Oscar Lojo Batalla Sampedro (Vilouta, 1873-1963), sobriño de Castro Sampedro, o que fora presidente e fundador da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra. Apaixoado pola arqueoloxía, a súa figura será lembrada pola súa labor política como alcalde do Concello de Ames durante o periplo republicano (1931-1936)

Busto adicado aOscar Lojo Batalla en Tapia

Busto adicado a Oscar Lojo Batalla en Tapia

e polo cariño e respeto dos seus veciños, sobre todo da súa parroquia natal de Tapia, cos que mantivo sempre unha estreita relación. Estes veciños e amigos realizaron varias homenaxes póstumas para honrar e lembrar ó “señorito” como alcumaban ó seu veciño máis distinguido. Amigos e veciños dedicáronlle no ano 1969, poucos anos despois do seu pasamento, un busto nun pedestal que se conserva diante da antiga escola de Tapia que el mesmo sufragara persoalmente e mandara construír.

Oscar Lojo guiaría en 1909 a expedición integrada por Enrique Mayer, afamado acibecheiro e gravador compostelá, e por Enrique Campo que se achegarían ata as laxes da Peneda Negra e do Monte Castelo. Durante a visita E. Campo elaborou os magníficos deseños que posteriormente se exporían na Exposición Rexional de Compostela de 1909, segundo a información achegada por Ángel Núñez Sobrino, custodio e divulgador do importante arquivo da familia Núñez – Sobrino.

Na actualidade a obra deste primeiro gran debuxante da Sociedade Arqueolóxica, pioneiro do debuxo artístico e arqueolóxico en Galicia, consérvanse no Museo de Pontevedra. Enrique Campo inclúe no debuxo a seguinte lenda:

“Monte do Castelo. Próximas al Castro de Castelo, al N. También se llama Monte de Pedras. Sobre el muro de una gran cerrada, bajo el Monte de Ventosa. Frente a Lombao” e a data do “21 de setembro de 1909”.

Varias décadas máis tarde, no ano 1948 Ramón Sobrino Lorenzo Ruza en compañía doutro ilustre arqueólogo, Luís Monteagudo, e guiados unha vez máis por Oscar Lojo repetirían a visita á Laxe do Monte das Pedras e á Peneda Negra. Na axenda persoal de Ramón Sobrino, publicada por Ángel Núñez Sobrino, figura a seguinte nota ó respecto:

“Salimos Luis Monteagudo y yo hacia Pena Negra (Ventosa. Ames). Dibujo la peña y la dejo fotografiada. Comemos y a la tarde vemos el castro y descubro yo el segundo petroglifo, dibujado ya por Enrique Campo. De este solamente obtengo un dibujo. Día magnífico”. [3]

Deseño de Sobrino Lorenzo de Monte Castelo 2

Deseño de Sobrino Lorenzo de Monte Castelo 2. Arquivo Ángel Núñez Sobrino – Museo de Pontevedra.

Estas visitas repetiríanse en varias ocasións nestes anos de finais da década dos corenta e principios dos cincuenta, tal como recollen outras notas desta mesma axenda persoal.

“10 de Julio de 1949. Voy a la peña, cerca del castro de Ventosa. Saco 6 fotos. Salen todas bien, Regreso. Gasto 65 pesetas”. [4]

Ramón Sobrino Lorenzo Ruza complementa esta información nun dos seus apuntamentos recollidos no Noticiario Arqueolóxico do ano 1953 dedicado ás laxes do Concello de Ames onde sinala:

“Los de esta zona, a saber: éste de Laxe Negra, el de Laxe de Monte de Pedras (frente al castro de Ventosa), el de Liñaredo, el de los montes de Tapia y el de Penedo do Toutón en Monte Pedroso (coñecido actualmente como o petróglifo de Correxíns en Figueiras) fueron todos ellos desbiertos por D. Oscar Lojo Batalla quien nos acompañó y nos dió las referencias para su localización”. [5]

Nesta mesma publicación recolle esta breve descrición da estación:

“Ames (La Coruña). Parroquia de San Juan de Cobas. Laxe del Monte de Pedras. (Próxima al castro de Ventosa) – Petroglifo. Lám. LX.2. Se ha obtenido dibujo y fotografías del mismo, para su publicación con otros de esta zona que se citan. Está constituído por motivos de complicada morfología unidos entre sí, en una piedra pequeña, de unos 2 x 3 m. A 100 metros de él se encuentra el Castro de Ventosa, con un solo recinto y bien conservado. Este petroglifo está sin publicar, si bien existe un dibujo del mismo, debido a E. Campo Sobrino, en la Sociedad Arqueológica de Pontevedra, cuya colección está actualmente en el Museo de Pontevedra. 10-VII-1949” .[6]

19502122766_bd807992d7_k

Fotografía de R. Sobrino Lorenzo do Monte Castelo. Noticiario Arqueológico Hispánico.

Achega o autor tamén unha fotografía da laxe que figura neste interesante noticiario arqueolóxico que, sen dúbida, constitúe unha fonte fundamental para pescudar os primeiros achados de arte rupestre na comarca de Compostela.

Ata os anos oitenta non localizamos máis novas sobre a laxe do Monte Castelo. Nun dos epígrafes da interesante tese doutoral de María José Soto Barreiro recóllese unha descrición dos diferentes motivos baseados no debuxo de E. Campo e subliña as semellanzas con algúns dos motivos da Peneda Negra, mais a citada investigadora sinala:

“lamentablemente este interesante petroglifo ha desaparecido a causa de las extracciones de cantería que se realizaron. Una vez más se pone de manifiesto la falta de protección que se viene dispensando a estas manifestaciones de arte rupestre”. [7]

Sen quitarlle razón en relación coa segunda parte do seu comentario, feito que por desgraza sigue vixente tres décadas máis tarde, por sorte a laxe atópase in situ e en bastante bo estado de conservación. É certo que nas súas proximidades hai abundantes evidencias da actividade extractiva que quizais levaron a autora e a nós mesmos a sospeitar da súa perda definitiva.

A descrición dos motivos e os seus peculiares deseños.

18445311890_2079508a30_k

Monte Castelo 2

A laxe ten unhas dimensións de 4,36 x 4,10 metros. Sitúase nun amplo cavorco no tramo medio-inferior da aba do monte das Pedras. Localizase próxima ó castro de Ventosa (a uns douscentos metros da súa croa) e ficaba entre as matogueiras e toxos nunha ampla parcela de monte baixo na paraxe de “Monte de Castelo”.

A laxe apenas sobresae do chan, o que dificultaba a súa localización a pesar de atoparse preto dun antigo camiño que cruza o monte. O seu estado de conservación é en xeral bo, só afectado polos liques que figuraban xa nas fotografías dos anos cincuenta.

Os gravados distribúense por case toda a superficie do penedo que presenta unha pronunciada inclinación dende a zona central á zona inferior orientada cara o val ó sur. A temática dos gravados é exclusivamente xeométrica.

Os catro motivos principais, aínda que con variantes no seu deseño, gardan en xeral certa similitude entre sí sendo ó situado no sector inferior da laxe o mellor conservado. Trátase de curiosos motivos formados polas características combinacións de círculos concéntricos aínda que irregulares e incompletas unidas na parte inferior con diferentes formas cuadrangulares e rectangulares de bordes redondeados, círculos simples ou dobres, lóbulos, etc… todos eles divididos e seguindo un trazo central que parte do primeiro anel, conformando complexos conxuntos con unha certa unidade.

Estes motivos principais presentan pequenas coviñas agrupadas no interior do primeiro círculo e constan de entre tres e seis aneis. Todos figuran entrelazados e unidos por diferentes sucos. Na parte periférica do panel cara o Noroeste figuran tamén outras combinacións circulares de dous e tres círculos, nesta ocasión si figuran completos e varias coviñas illadas.

Debemos destacar que esta tipoloxía de motivos gardan evidente parecido con varios dos motivos da Peneda Negra, tamén recollida nun dos deseños de 1909 de Enrique Campo. Isto lévanos a pensar nunha posible mesma autoría para ambos casos. Tamén as características coviñas no interior das combinacións circulares figuran no petróglifo de Campo Redondo situado a uns 270 m ó Noroeste da Peneda Negra e a uns 650 m. da Laxe do Monte das Pedras. Este petróglifo foi localizado polo Colectivo a principios do ano 2013 e comunicado ó concello de Ames e á Dirección Xeral de Patrimonio meses despois.

Petróglifo de Campo Redondo

Petróglifo de Campo Redondo

19976696188_5dc44d013b_o

Chousa do montañés - Vilarmaior

Chousa do montañés – Vilarmaior

Estas figuras realizadas en base á conxunción de diferentes formas xeométricas semellan perfilar a forma dun corpo humano. Neste senso, e sempre coa debida cautela, podemos establecer certa relación coas representacións presentes noutros petróglifos do chamado Grupo Galaico da Arte Rupestre interpretadas nestes últimos anos como posibles idoliformes e “deusas / deusas – nai” asociadas a ritos de fecundidade.

Unha das máis relevantes é o petróglifo do Outeiro do Filladuiro en Mallou (Carnota) pero tamén figura noutros xacementos como a propia Peneda Negra, un dos petróglifos da Rega Pequena en Meira (Moaña), o Petróglifo portugués de Bouça do Colado en Parada – Lindoso (Ponte da Barca), o Petróglifo da Pedra Redonda no monte Churumel de Carballedo (Cotobade), en varias estacións dos Petróglifos do Monte da Calvela e Chousa do Montañés no Concello de Vilarmaior, etc.

Un dos motivos semellantes da veciña Peneda Negra

Un dos motivos semellantes da veciña Peneda Negra

Dos deseños de Enrique Campo á fotogrametría 3D da Rula.

Para o estudo inicial do petróglifo partiamos do deseño de Enrique Campo. As fotografías diurnas ó abrente e ó solpor da estación non permitían unha descrición precisa dos motivos, polo que decidimos empregar as ferramentas xa tradicionais como a fotografía nocturna pero tamén achegarnos as novas ferramentas de fotogrametría e virtualización 3D aplicadas á arte rupestre.

Monte Castelo 3ds-2

Fotogrametría do Monte Castelo 2

Por unha banda a fotografía nocturna proporcionounos imaxes de maior detalle que revelaron o excepcional estado de conservación do xacemento e, por outra banda, os modelos xerados en 3D confirmaron a mestría dun dos mellores debuxantes do noso país. Enrique Campo recolleu no seu deseño de 1909 a case totalidade dos motivos representados na laxe. A súa precisión xunto, coa súa atractiva execución, confirman as verbas de Ramón Sobrino Buhigas sobre o seu predecesor na Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra:

Monte Castelo 3d 5

Fotogrametría do Monte Castelo 2

“era tal a forza do lapis de Enrique Campo que os seus debuxos de pedras que el trazou ousamos proclamalos os mellores e os máis fieis”.[8]

As demandas do colectivo.

En resumo, esta profusión de deseños iconográficos con formas tan singulares, sumada ó xeito tan particular á hora de distribuír os diferentes motivos converten o petróglifo do Monte das Pedras nun dos xacementos da Idade do Bronce máis interesantes da comarca de Compostela.

Tras comunicar a súa localización á Dirección Xeral de Patrimonio e ó Concello de Ames, o Colectivo seguirá a demandar ás autoridades competentes a protección deste xacemento arqueolóxico no contorno natural e cultural que o rodea. O punto de partida sería a modificación da actual ficha patrimonial do PXOM amiense para incluír a súa localización exacta, establecer unha área de protección da que carece na actualidade e establecer unha nova área de cautela axeitada. Dende o noso punto de vista a continuación debería considerarse a creación dunha área arqueolóxica que protexa os catro xacementos da zona, o Castro de Ventosa e os petróglifos de Monte das Pedras, Peneda Negra e Campo Redondo e que poderían ter continuidade cos próximos petróglifos da Portela de Villestro.

Lembremos que estamos ante unha das primeiras áreas de estudo da arqueoloxía galega. Por outra banda, seguiremos coa nosa teima de demandar unha ruta que permita á veciñanza e á cidadanía en xeral a visita destes importantes xacementos inaccesibles na actualidade. Neste senso consideramos que cómpre iniciar os traballos de limpeza dos xacementos, analizar a situación da súa titularidade e deseñar un sendeiro aproveitando os vellos camiños que permitan o acceso a estes bens culturais. Finalmente, a súa posta en valor deberá incluír a súa correcta sinalización, plans de mantemento a longo prazo e o correspondente labor de divulgación por medio de folletos, charlas, visitas, obradoiros, etc.

Agardemos que nuns anos a veciñanza amiense e galega poida visitar estas extraordinarias mostras de arte rupestre que consideramos merecedoras da súa consideración e inclusión na relación de BIC de Galiza, tanto pola súa excepcionalidade como pola relevancia que tiveron nas primeiras investigacións da nosa arte rupestre.


Notas.

[1] O petróglifo do Monte das Pedras figura a uns cen metros da referencia aproximada que aparece nas fichas do PXOM de Ames aprobado no ano 2002.

[2] As coordenadas UTM son 29 T 529929 4749037 (Datum WGS84).

[3] Núñez Sobrino, A. 2006

[4] Núñez Sobrino, A. 2006

[5] Sobrino Lorenzo-Ruza, R. 1953. Noticiario Arqueológico Hispánico.

[6] Sobrino Lorenzo-Ruza, R. 1953. Noticiario Arqueológico Hispánico.

[7] Soto Barreiro, M.J. 1986.

[8] No Corpus petroglyphorum Gallaeciae.


Bibliografía.

  • Núñez Sobrino, Ángel. (2006). “Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza (1915-1959). El trayecto vocacional de un arqueólogo” . Pontevedra, 21. Revista de estudios provinciais. Deputación de Pontevedra.
  • Núñez Sobrino, Ángel. (2015). “Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, eximio arqueólogo”. Tendencias. El Correo Gallego.
  • Sobrino Buhigas, Ramón.(1935). Descubrimiento prehistórico. Petroglifos compostelanos de la edad del Bronce”. Faro de Vigo de 1/8/1935.
  • Sobrino Lorenzo-Ruza, Ramón. (1951-1955). Diversas entradas en los cuadernos 1 a 4 del Noticiario Arqueológico Hispánico.
  • Soto Barreiro, M. J. (1986). “Los petroglifos prehistóricos de la Comarca de Santiago”.  Tese de Licenciatura inédita.

Villestro esconde la mayor muestra de arte rupestre de Compostela. (La Voz de Galicia. 14/4/2014)


Villestro esconde la mayor muestra de arte rupestre de Compostela

El colectivo A Rula ha descubierto más de 20 petroglifos en la zona

Los petroglifos de San Miguel tienen dibujos circulares y también rectangulares. a rula
Los petroglifos de San Miguel tienen dibujos circulares y también rectangulares. a rula
Miembros del colectivo A Rula muestran parte del legado prehistórico de A Portela. sandra alonso

La historia está llena de hallazgos en los que la casualidad ha tenido mucho que ver. Este es el caso, en parte, del descubrimiento que el colectivo cultural A Rula ha hecho en la parroquia compostelana de Villestro, en el lugar de A Portela, cerca del Camino de Fisterra.

Por esta zona, de la que ya tenía constancia de su importancia prehistórica, paseaba Luis Leclere, presidente de A Rula, con su perra Loba, que eligió una piedra para descansar. Y esa roca, ahora catalogada por la asociación como uno de los petroglifos de San Miguel, forma parte de al menos una veintena de piedras con símbolos de arte rupestre en una concentración tal que según sus descubridores es el conjunto neolítico más importante de Santiago, y posiblemente también de toda la comarca.

Tras este hallazgo, al que la asociación A Rula llegó tras localizar otros restos en una zona cercana, los arqueólogos del colectivo se pusieron en contacto con otros expertos, que confirmaron la trascendencia del hallazgo.

Este grupo cultural resalta que parte del patrimonio prehistórico de la zona permanece oculto por la maleza y hasta por los escombros. Y para el que se ve, lo cierto es que es necesaria una mirada mínimamente experta, aunque cuando cae la noche los dibujos se perciben con muchísima más nitidez.

En las piedras de A Portela abundan desde los diseños más toscos, a diseños de etapa de la dominación romana e incluso la Edad Media. Una de las particularidades son los dibujos rectangulares, que no son muy habituales en el arte rupestre.

Concentración parcelaria

La asociación resalta que el monte que esconde tamaño legado está ahora en proceso de concentración parcelaria, lo que podría permitir que el monte en cuestión quedase catalogado como una masa común para preservarlo y darlo a conocer como un elemento histórico más.

El colectivo A Rula ha notificado su hallazgo al Ayuntamiento de Santiago para que tome las medidas necesarias para frenar el deterioro de una zona por la que recientemente se organizó una ruta en bicicleta de alta montaña, que pasó a escasos metros de una de las piedras «inzada de motivos prehistóricos» y que bien pudo haberse estropeado.

Ante la falta de respuesta, A Rula notificó su descubrimiento a Patrimonio que sí les contestó agradeciendo su trabajo, pero sin que hasta la fecha sepan si las administraciones implicadas en la preservación del patrimonio han tomado medidas. El nombre de A Rula procede, precisamente de la zona del hallazgo, A Devesa da rula, en A Portela de Villestro.

Os petróglifos de Ames. Premio nacional de Educación


A Peneda Negra. Ames

A Peneda Negra – Ames

Esta fin de semana pasada soubemos a través das redes sociais da concesión por parte do Ministerio de Educación e Ciencia ao Instituto de Educación Secundaria de Ames dun dos Premios nacionais de Educación a Centros Docentes, polo seu traballo Os Petróglifos de Ames  no que tivemos a oportunidade de colaborar co aporte dalgunha imaxe e uns pequenos consellos.

Desde aquí queremos felicitar aos alumnos e docentes polo bo traballo feito e especialmente a súa coordinadora Eva Garea.

Desexamos que este premio sirva para animalos a continuar realizando tan interesantes propostas. Desexamos tamén que sirva para que o Concello de Ames faga unha eficaz difusión e valorización da súa moi interesante arte rupestre prehistórica.  Fai xa un tempo tivemos un primeiro contacto co concello para proporlles o establecemento dunha ruta a algunha das súas estacións rupestre máis interesantes e a posterior realización dunha andaina, así como o ofrecemento da nosa colaboración no estudo e catalogación de outras laxes inéditas situadas no seu concello. As nosas propostas foron naquel momento ben recibidas.  Animámolos pois a  facer realidade estas propostas.

Para saber mais: