Compostela Rupestre. Breve resumo de resultados


A principios deste mes un comunicado de prensa, asinado polas asociacións Umia Vivo, A Forneiriña, Irmandade illa de Tambo e o Colectivo para a defensa do territorio Anovaterra, recollía unha valoración non moi positiva do acadado, ata o momento, no marco do Proxecto Compostela Rupestre. Somos da opinión de que toda crítica razoada e construtiva é benvida e moi necesaria nestes tempos nos que a exclusión da participación cidadá na xestión dos asuntos públicos é a práctica máis habitual, polo que agradecemos enormemente a implicación destes colectivos no control da xestión das nosas administracións

Neste comunicado sinálase a falta de actuacións encamiñadas a garantir a conservación deste bens tan vulnerables, fundamentalmente a súa sinalización e limpeza e, cualifican o realizado ata o de agora como “catro anos perdidos” e “120.000 euros gastados en burocracia e propaganda” e, en resumo, dunha “política errada da Deputación da Coruña limitada á propaganda virtual”.

Ruta dos petróglifos de Teo. Edición do 2019

Como promotores desta iniciativa e membros do órgano asesor deste proxecto cremos de interese facer pública a nosa valoración do realizado no marco deste proxecto. Pensamos que a principal diferenza entre o recollido no comunicado de prensa e a nosa valoración estriba na diferenza de obxecto analizado, xa que para nós Compostela Rupestre non é algo que se inicia no 2018 senón cando menos 4 anos antes.

A finais do ano 2014 realizamos unha exposición fotográfica do mesmo nome para o Concello de Santiago sobre os petróglifos do concello. Pouco despois, no ano 2015, presentamos un amplo documento no que presentamos unha proposta de traballo conxunto a prol da conservación e promoción da arte rupestre da comarca de Santiago por parte das administracións con competencias na materia. Ese mesmo ano presentamos a nosa proposta aos concellos de Santiago, Ames e Teo, á Dirección Xeral de Patrimonio e á Deputación da Coruña.

Analicemos agora brevemente que é o que se ten feito ata o momento en canto á limpeza e a conservación dos xacementos rupestres na nosa comarca:

Para a nosa sorpresa o primeiro destinatario que promoveu algunha das iniciativas incluídas na nosa proposta foi a Dirección Xeral de Patrimonio que no ano 2016 a través do Servizo de Arqueoloxía da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais executou, en colaboración co Concello de Ames, traballos de limpeza, retirada de vexetación e documentación dos petróglifos da Peneda Negra e Monte Castelo. Estes traballos, reforzados con limpezas puntuais posteriores (Concello de Ames en 2018 e 2020), teñen garantido o acceso a estes bens nos últimos anos (No ano 2020 o concello de Ames procedeu á sinalización preventiva dos accesos a ambos petróglifos coa finalidade de evitar a realización de actividades na súa contorna que poñan en perigo estes bens patrimoniais).

Devesa da Rula trala limpeza de 2018

A finais do ano 2018 o Concello de Santiago de Compostela executou a primeira limpeza na súa historia realizada sobre a arte rupestre do concello. En total limpáronse un total de 29 paneis gravados así como os seus accesos e contornas. O esforzo para levalo a cabo do por entón concelleiro Jorge Duarte garantiu o acceso a estes bens nestes últimos anos.

Desde o ano 2013 o Concello de Teo ven realizando anualmente a limpeza e mantemento dos accesos e a contorna dun bo número das súas estacións rupestres. No ano 2018 inaugurou a súa exitosa ruta dos petróglifos PR-G 238, un importante avance para a promoción e conservación dos petróglifos da comarca, converténdose na primeira homologada de carácter arqueolóxico da comarca de Compostela. Na última reunión de Compostela Rupestre aprobouse a limpeza e adquisición dos terreos que permitirán continuar coa valorización do patrimonio cultural deste ruta.

En novembro de 2021 a Consellería de Cultura encargou a prospección, estudo e documentación da ruína da Capela de Novais no concello de Val do Dubra que publicaramos dous meses antes.

No que respecta á divulgación son ben coñecidas as rutas que realizamos tódolos anos en colaboración co concello de Teo desde o ano 2013 e nas que xa teñen participado máis dun milleiro de persoas. Algo menos coñecidas son as visitas que realizamos tamén con este concello cos alumnos dos centros escolares e que só a Covid ten limitados nos últimos anos.

Cartel da primeira visita aos petróglifos de Monte Castelo en Ames

Tamén en colaboración co Concello de Ames realizamos varias visitas guiadas aos seus petróglifos (2016, 2018 e 2020), así como co Concello de Santiago realizamos xa hai uns anos visitas ao Castriño de Conxo (2018), a Devesa da Rula co FICRURAL e aos taboleiros de xogo co FICRURAL, o programa Boas Noites 2018 e os centros socioculturais.

Este é un resumo apresurado das principais accións desenvolvidas a prol da arte rupestre da nosa comarca nas que participaron as administracións públicas e que non están recollidas nese documento económico de execución do Proxecto Compostela Rupestre incluído na nota de prensa.

No referente á catalogación das estacións rupestres localizadas nestes anos de funcionamento de Compostela Rupestre só queremos indicar que o corpus de xacementos catalogados acadou a cifra de 150 elemento fronte a media centena inicial.

Todos estes datos que aquí expoñemos non implican que consideremos que a actual situación de conservación e divulgación da arte rupestre da comarca sexa a desexada, a óptima. Cando somos convidados a participar no órgano consultivo incidimos na necesidade de garantir a conservación dos petróglifos realizando unha primeira limpeza xeral da contorna de tódolos xacementos e os seus accesos, o que facilitaría a execución de traballos posteriores, así como a elaboración dun protocolo e un calendario periódico de limpezas. Desde o inicio insistimos na necesidade de promover desde o proxecto unha labor investigadora multidisciplinar con continuidade no tempo co obxectivo de acadar un mellor coñecemento do fenómeno rupestre na nosa comarca.

Recentemente o Consello de Compostela Rupestre informou dunha asignación orzamentaria para a limpeza dos xacementos. Esperamos que a execución destes traballos non se dilaten no tempo e sirvan tamén para establecer as pautas e tempos para un mantemento eficiente dos petróglifos a longo prazo.

En resumo, aínda que compartimos certas inquedanzas sobre o desenvolvido e acadado ata o de agora polo proxecto Compostela Rupestre quixemos expor brevemente que, na nosa opinión, tense avanzado algo máis que o recollido na nota de prensa referida e, queremos confiar en que este ano se acaden algúns dos obxectivos prioritarios que nos marcamos cando no ano 2014 discutimos, acordamos e redactamos unha ambiciosa proposta de traballo chamada Compostela Rupestre.

Os petróglifos da Pedra dos Miralles ao carón da Pedra que Fala en San Xoán de Fecha, Compostela


A monumental Pedra que Fala é, hoxe en día, unha estación rupestre coñecida, en boa medida grazas á publicación, no ano 1968, do excelente estudo monográfico de Carlos García Martínez. Foi o intelectual compostelán un destacado investigador da nosa arte rupestre, cun dilatado número de publicacións sobre a materia no seu haber, felizmente recollidas na súa coidada Obra Completa, editada no ano 2020 polo seu querido Museo do Pobo Galego.

No seu artigo, García Martínez sinala a riqueza de xacementos arqueolóxicos conservados na súa contorna, de gran interese, como o castro/castelo de Portomeiro ou o Castromaior, coa súa enigmática Pedra do Parágoas. Nos últimos anos incorporouse a este grupo o petróglifo de San Xoán de Fecha, un cruciforme localizado polo equipo encargado dos traballos de catalogación do ano 2016 para o proxecto Compostela Rupestre. E por último, no ano 2019, publicamos o conxunto rupestre de Fonte Matanzas, na aba sur do Monte Espiñeira.

Petróglifo de San Xoán de Fecha

Pero tamén chegou, por desgraza, a ameaza na intención de transformar as canteiras abandonadas próximas, as concesións mineiras Blanquita 1 e 2, nun vertedoiro de lixo, intención contra a que están a mobilizarse os veciños afectados, organizados na Asociación A Pedra que Fala, aos que, desde aquí, desexamos éxito no seu empeño. As canteiras localízanse a poucos metros ao oeste do castro de Castromaior.

Plano de localización dos petróglifos da Pedra dos Miralles (en vermello) e dos bens culturais catalogados máis próximos. Fonte Visor PBA

No ano 2018, sufragados pola Xunta de Galicia, realizáronse por todo o país traballos de actualización e corrección das fichas de rexistro dos bens patrimoniais recollidos no “Catálogo” da Dirección Xeral de Patrimonio. Lamentablemente, o resultado destes esperados traballos non se incorporaron ao visor web do Plan Básico Autonómico e, tan só figuran as súas áreas de protección no visor web de aproveitamentos forestais, sen máis información.

Un dos froitos destes traballos na nosa comarca foi a incorporación ao catálogo dunha nova estación rupestre, o petróglifo de Pedra dos Miralles (GA15078197), localizada a escasos 200 metros ao leste da Pedra que Fala. Esta nova estación ten acaroada no seu lado este outra explotación mineira, a Concesión Fecha – Pedra dos Miralles, a uns escasos 100 metros de distancia, que aproveita o mesmo campo filoniano de Fecha que desde Portomeiro chega ata Miramontes.

A paisaxe na que se integra está formada por pequenas veigas, terras chas e montes rochosos de mediana altura ocupados por eucaliptos e monte baixo de toxos e breixos.

Trátase dun afloramento granítico que ocupa o cumio dun outeiro que domina as terras máis chairas da contorna. É un conxunto de rochas de superficies irregulares que alcanzan alturas de máis de 3 metros nos seus lados norte, sur e oeste, sendo menor as alturas acadas no lado leste. Nestas superficies destaca a presenza de numerosas pías naturais de formas diversas, boa parte delas conectadas entre si por medio de pequenas canles.

Pedra dos Miralles 1

Nunha das pequenas superficies horizontais do cumio, que ocupa unha posición central no lado oeste, localízase o panel catalogado cunha pequena combinación de dous círculos concéntricos incompletos e coviña central. Ten un diámetro de 22 cm. A escasa distancia deste motivo un pequeno suco recto e unha coviña. A superficie ten unhas dimensións de 240 por 180 cm.

Pedra dos Miralles 1. Fotografía con iluminación artificial

A combinación ten unha feitura irregular e está incompleta. A superficie gravada presenta un suave rebaixe en forma de rectángulo coas esquinas redondeadas, quizais realizado polo gravador quizais para acadar unha superficie máis homoxénea na que gravar os motivos.

Pedra dos Miralles 1. Fotogrametría

Pedra dos Miralles 2

Na nosa visita á estación recentemente catalogada localizamos unha segunda superficie con gravados a poucos metros da primeira, no lado sur da cima rochosa do outeiro. ten unhas dimensións de 400 por 130 cm. É unha superficie regular inclinada cara o sur/suroeste, cruzada por unha diáclase que a divide en dous. Conserva un conxunto de motivos moi erosionados que dificulta a súa visualización.

Pedra dos Miralles 2. Fotogrametría

Contabilizamos 23 cruciformes de diferentes tipoloxías, catro ferraduras, unha coviña e algún suco indeterminado. Unha das ferraduras (F2) prolonga un dos seus brazos chegando a conectar cunha cruz grega potenzada (C6).

Pedra dos Miralles 2. Extremo norte

Os sucos destas figuras, que tipoloxicamente fainos pensar en datas históricas, curiosamente non difire moito das características dos sucos da combinación circular de Pedra dos Miralles 1, de clara adscrición prehistórica, todas elas presentan sucos estreitos e pouco profundos que dificultan a súa visualización.

Pedra dos Miralles 2. Extremo sur

A tipoloxía máis repetida nestes cruciformes é a de cruz de brazos iguais, as máis delas con remates potenzados.

O conxunto rupestre Pedra que Fala – Pedra dos Miralles

Estas dúas estacións rupestres teñen varias características en común. A máis evidente a súa localización en posicións dominantes sobre un cruce de camiños, elemento que vertebra as comunicacións deste territorio. Desde ambas, o control visual do cruce e a súa contorna é total, só limitado cara o oeste polo Castromaior.

Por outra banda, tanto as cruces e ferraduras como as combinacións circulares están presentes en ambas estacións. Na Pedra dos Miralles a superficie coa combinación circular está orientada cara o oeste, cara a Pedra que Fala.

A Pedra que Fala. Cruz e ferraduras

A riqueza patrimonial da contorna do Castromaior faise máis evidente con esta nova estación. Malia todo, o estado de conservación destes bens é regular, con gravuras moi desgastadas pola erosión e a actividade antrópica. Ningún dos bens teñen accesos habilitados para a súa visita.

A Pedra que Fala. Cruciformes

No caso da Pedra que Fala, o recentemente elaborado Plan Director de Compostela Rupestre propón unha serie de intervencións tendentes a garantir a súa boa conservación e a facilitar a súa visita. Esperamos que non se dilate no tempo polo menos a limpeza de eucaliptos que enchen as proximidades da peneda gravada e impiden a súa correcta visualización, e quen sabe se con bos coidados a peneda recupera co tempo a voz perdida.

Procedemos a notificar á Dirección Xeral de Patrimonio os datos desta segunda superficie con gravados, así como a solicitarlles a súa valoración e catalogación.