Unha lauda medieval e unha estela romana na igrexa de Santa María de Cornanda, Brión


Xeira polo occidente brionés

Nesta ocasión achegámonos ás terras de Brión para visitar as antigas Terra de Luaña e Couto de Cornanda,  vinculadas desde a alta Idade Media ó mosteiro de Touxosoutos.

image_editor_output_image1312184725-1622706607312.jpg

Na parroquia de Luaña, no occidente do municipio, consérvase a maior concentración de cruceiros, espallados nos antigos camiños e nas encrucilladas dos diferentes lugares que engloban esta histórica parroquia. Son cruces sinxelas, mais tamén cruceiros de varal e de capela. 

Cruceiro de Saramagal, Vioxo de Abaixo, Luaña

Se cadra o máis antigo de todos eles date do século XVI. É o cruceiro de Saramagal, na aldea de Vioxo de Abaixo en Luaña. É este un cruceiro de capeliña no que salienta, no centro do seu pequeno varal, o relevo dun bispo recollido nunha pequena fornela. Segundo Clodio González Pérez, un dos grandes investigadores da historia e patrimonio deste municipio, trátase de San Martiño de Tours, santo de grande devoción naqueles tempos.

Cruceiro da Amañecida, Luaña

Curiosamente esta figura do bispo bendicindo coa man dereita e sostendo o báculo coa esquerda repítese noutros cruceiros próximos, como o da aldea da Amañecida, tamén en Luaña, ou no cruceiro de Vilachán no veciño concello de Rois.

San Martiño de Tours no cruceiro da Amañecida en Luaña

Visitamos o templo de San Xián de Luaña que conserva boa parte da súa fábrica románica, obra do século XII, cunha impresionante capela maior con dobre arco triunfal e decorada con pinturas de estilo gótico no eixe central da ábsida.

Igrexa de San Xián de Luaña. Pinturas da ábsida

Rematamos a xeira dominical e matinal na igrexa de Cornanda onde mantivemos interesantes conversas coa veciñanza e sorprendeunos a inesperada presenza de dúas interesantes pezas arqueolóxicas das que non tiñamos novas.

A forte vinculación da parroquia de Cornanda co mosteiro de Toxosoutos está ben testemuñada polos numerosos documentos conservados dende o século X, e especialmente do século XII na época do arcebispo Diego Xelmírez. Mesmo a aldea da Granxa, debe o seu nome a presenza dunha pequena explotación agrícola vinculada ó citado mosteiro.

Igrexa de Santa María de Cornanda. Fachada

A fisonomía actual da igrexa semella datar do século XVII. É de planta rectangular coa sancristía acaroada ó muro sur e unha sinxela portada barroca que remata nunha espadana de dobre campá.

No seu interior salientan os retablos do presbiterio, obras do século XVIII e inicios do XVIII, cunha boa talla da Inmaculada Concepción que algúns historiadores atribúen a Gregorio Fernández e datan no último terzo do século XVIII. Os veciños e veciñas que se achegaron faláronnos do roubo da peza máis destacable e antiga do templo, unha virxe gótica que presidía o retablo e que foi roubada nos anos setenta do pasado século.  

Vista aérea do Casal da Granxa e a igrexa de Cornanda

Porén, revisando de vagar o adro e o exterior da igrexa localizamos dous interesantes elementos procedentes de épocas pretéritas que nalgún momento foron reaproveitados.

Unha lauda altomedieval

En fronte á entrada principal do templo chamounos a atención un improvisado banco feito polos/as fregueses/as. Voltearan a tampa dun antigo sartego medieval para acondicionar este asento de pedra que  apoiaron sobre dous pés de pedra.

É preciso axeonllarse para contemplar a parte inferior da tampa onde podemos ver, non sen dificultade, os detalles da dobre estola que decoraban esta antiga lauda sepulcral. É unha peza monolítica que mide 240 cm de longo por 58 cm de ancho.

Lauda de dobre estola de Cornanda

Trátase dun novo exemplo destes elementos propios da antiga Gallaecia de época altomedieval, prerrománicas,  coñecidas como de “estola” ou “dobre estola”, así nomeadas xa no s. XVIII por Frei Martín Sarmiento que asociou esta característica moldura coas prendas litúrxicas dos eclesiásticos.

IMG-20210601-WA0014

Fotogrametría parcial do lado oculto da estola

Estas formas, que parecen representar os brazos e pernas dos orantes, delimitan as catro vertentes da tampa. É dicir, unha representación da figura humana bastante abstracta que estaría en posición frontal ou erguida coas pernas abertas e os brazos elevados. Neste caso, en vez da habitual representación circular da cabeza, figura un relevo en forma de frecha entre os que serían os brazos da estola.

Localización da estola-banco no adro da igrexa

É a primeira tampa dun sartego destas características da que temos novas neste concello, mais estes sartegos, sexan de tipoloxía “antropomorfa” ou de “bañeira”, son habituais noutros templos das terras de Compostela e do Sar (Iria Flavia en Padrón, Seira e Herbogo en Rois, Ameixenda en Ames, Rarís e Vilariño en Teo, na Catedral e a Colexiata de Sar en Compostela, etc…).

Detalle da estola

Logo de preguntarlle á veciñanza comentaban que non deran importancia á peza e descoñecían a súa procedencia. Non obstante, un veciño especulou que podería ter relación coas obras de reforma do adro realizadas nos anos noventa do século pasado.

Unha estela romana

Aínda máis sorprendente foi atopar unha estela como aparello construtivo no exterior da ábsida do templo. Está a rentes do chan, en horizontal no centro da base da ábsida, e aínda que parcialmente soterrada conserva boa parte do seu tamaño orixinal.

Ten un bo porte, duns 108 cm de longo e 31 cm de ancho. Unha peza moi sinxela cun rexistro epigráfico na que figuran as iniciais IOM  nunha primeira liña, e P F ? nunha segunda. É dicir, o epíteto de “Iovi Optimo Máximo”, Xupiter o mellor ou o máis grande. O campo epigráfico enmárcase entre sucos, dous paralelos na parte superior e un na inferior. Outro suco perpendicular na parte superior da ara de características semellantes ás anteriores.

Estela romana de Cornanda

O culto á principal deidade do panteón romano (o pai dos deuses) está ben testemuñado noutras inscricións epigráficas romanas localizadas en diferentes puntos da nosa xeografía, moitas delas datadas no século II d.C.

Non é o único caso nesta zona pois a reutilización de estelas ou aras romanas documéntase noutras igrexas de concellos próximos como en Herbogo en Rois ou Rubín no da Estrada.image_editor_output_image1312184725-1622706607312.jpg

Esta descuberta achega interesantes datos para afondar no estudo do proceso de romanización desta zona e do proceso de aculturación das xentes que habitaban estes territorios antes da chegada dos romanos.

Ara romana de Herbogo en Rois ( ERBO/ ERBIE/BO. LS / EX VOT/ S.T.T.L (Sit Tibi Terra Levis) )

Conclusión

O topónimo “Cornanda”, de procedencia prerromana, alude a súa localización nunha zona elevada. O achado destes singulares restos arqueolóxicos testemuña a máis que probable existencia no lugar da actual igrexa dun templo prerrománico cunha pequena necrópole asociada e que probablemente puido cristianizar unha zona sagrada desde antigo, dende polo menos a época romana.

Fotogrametría da estela romana IOM /PF?

Como é habitual, procedemos a notificar a súa descuberta ás autoridades competentes na xestión do noso patrimonio para que procedan a súa catalogación e inclusión no inventario patrimonial autonómico e municipal.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Ventá románica da igrexa de Luaña

Agradecemos á veciñanza os datos achegados. Comentábannos que antes da misa dominical amosarían ó cura as novas descubertas pois é un bo afeccionado á “estas cousas antigas”, sinal de que a eles tamén lles chamou a atención.

Bibliografía

  • González Pérez, Clodio. “Brión, Historia, economía, cultura e arte”, Editorial Toxosoutos, 1999

O castelo altomedieval de Rubial no monte Oleirón (Brión-Rois)


O pasado 21 de maio a entidade “Alianza Fragas do Sar”, integrada por un grupo de veciños e veciñas dos concellos coruñeses de Brión e Rois, solicitáronnos información sobre o patrimonio cultural na zona afectada pola instalación do futuro Parque Eólico do Monte Oleirón que promove Norvento Ingeniería. Código do proxecto: 11E02.

Castelo de Oleirón, vista xeral

Acordamos facilitar os datos que figuran no arquivo do Colectivo A Rula á entidade peticionaria en relación con dous bens que non constan no preceptivo Estudo de Impacto sobre o Patrimonio Cultural deste proxecto de parque eólico realizado en 2011 polo equipo do Laboratorio de Patrimonio do CSIC baixo a dirección da arqueóloga Elena Cabrejas Domínguez.

1.1.- O castelo de Rubial / Coto do Castelo / Castelo do Oleirón

Concello: Brión e Rois (no linde entre ambos concellos)

Parroquia:  Bastavales (San Xulián) / Sorribas (San Tomé)

Núcleos próximos: O Rubial (Brión) / Vilar de Abade (Rois)

Localización: Coto do Castelo / Monte do Oleirón

Adscrición cultural: Medieval

Coordenadas: UTM 29 T 524635 4740337 (Datum WGS 84)

Altura: 451 m.s.n.m.

Cod. de inventario DXPC: Xacemento non catalogado, non consta no PBA (Plan Básico autonómico) e tampouco figura no citado estudo de impacto do parque eólico do Monte Oleirón.

Titularidade: Montes Veciñais en Man Común de Vilar de Abade e propietarios particulares.

Descrición:

O denominado Castelo de Oleirón, Coto do Castelo ou Castelo do Rubial é unha atalaia altomedieval de forma circular localizada nun rechán na ladeira leste do Monte do Oleirón, a 452 m.s.n.m. Unha torre ou pequeno castelo levantado para cumprir unha dobre función, servir de refuxio e, asemade, permitir o control dun amplo territorio do val da Maía, da súa antiga rede viaria e da bacía do Ulla, territorio baixo o dominio da sede de Iria en época tardoantiga (V-VIII) e posteriormente da sede compostelá (s. IX – XI) dende a Alta Idade Media.

Mapa coa localización dos castelos da Maia

Concordamos coa teoría exposta por varios investigadores (M. Gago Mariño, 2012 & J.C. Sánchez Pardo e C.J. Galbán Malagón, 2015) no que inclúen esta “fortificación en altura” nunha rede ou sistema de fortificacións de semellante tipoloxía emprazados en lugares de grande visibilidade a ambos lados do val, cun horizonte visual amplo que permitía a conexión visual entre as diferentes atalaias que formarían esta rede de vixilancia e control do val.

Castelo do Oleirón e outros castelos próximos

Sánchez Pardo e C.J. Galbán Malabón sinalan ata 14 fortificacións en altura nun radio duns 30 km2 dende a contorna de Compostela ata á foz do Ulla.

Teñen estas fortificacións certas características comúns, como o seu emprazamento en cotas elevadas sobre o contorno, ou as técnicas construtivas empregadas, normalmente cachotería en seco aproveitando e apoiándose nos afloramentos rochosos.

Muro no sector NO

A escaseza de estudos e intervencións neste tipo de xacementos non permite chegar a conclusións claras, mais, sen dúbida, desempeñaron un papel esencial nun contexto social e económico conflitivo marcado polo poderío da sede compostelá.

Material de derrubo e muro no sector SE

Flanqueando a zona do grande afloramento central atopamos un grande anel pétreo de derrubo do que semella foi unha muralla ou bastión, apoiada e acaroada ás diferentes penedas, algunhas con marcas de rebaixes, furados circulares e acanaladuras que deberon servir de suxeición e alicerces de diferentes estruturas, posiblemente de madeira. Son fragmentos de murallas de pedras pequenas sen labrar seguindo a técnica tradicional de construción coa pedra en seco. O ancho deste material de derrubo chega nalgunhas zonas ós 4 metros e esténdese formando un arco dende o lado N ó SE que bordea ó grande rochedo central.

Vista cenital do afloramento e o anel de derrubo

O derrubo e amoreamento dos cachotes pétreos é realmente significativo o que fai pensar na potencia orixinal destas murallas que lamentablemente non chegaron ós nosos días polo efecto continuado dos axentes erosivos naturais e sobre todo polo grande desnivel que presenta o terreo.

Furados e rebaixes no SE do recinto

Este “anel pétreo” desaparece ou é moito máis estreito no lateral NE – E, precisamente na zona onde o terreo presenta un menor desnivel e a caída non é tan pronunciada como na zona S.

Material de derrubo na zona norte

Descoñecemos a función desta posible muralla pero puido ter unha misión defensiva mais tamén de contención dos diferentes niveis do terreo que presenta a accidentada contorna deste castelo. É evidente que esta torre vixía e murallas deséñase e articúlase aproveitando a configuración das diferentes rochas que forman este grande afloramento granítico.

Cómpre destacar tamén dous muros que parten dende o grande penedo central cara lados opostos, un en dirección sueste (14 m de largo x 1 m de altura) e outro en dirección noroeste (15 m e 1,30 m de altura) de difícil adscrición cronolóxica, se ben os investigadores J.C. Sánchez Pardo e C.J. Galbán Malagón, consideran que son muros modernos dunha división forestal realizada a principios do s. XX aínda que é moi probable que reaproveitaran as pedras do xacemento como material construtivo.

Muro e material de derrubo

As imaxes do voo americano semellan confirmar esta teoría e reflicten que as dimensións destes muros eran moito maiores, o muro NO chegaba ó camiño que percorría a parte superior do monte e o muro SE remata no camiño que descendía en dirección á desaparecida capela de Santa Cecia, documentada no s. XII no Tombo de Toxosoutos. A probable entrada deste recinto fortificado situaríase na zona NO.

Castelo de Oleirón na imaxe do voo americano

A posible conexión entre o Castelo e a desaparecida capela, sinalada por algúns investigadores (M. Gago, 2012), sería outro aspecto a ter en conta nun proxecto de valorización xeral da zona.

A mesta vexetación da zona dificulta a descrición do xacemento. Non obstante, as visitas realizadas permítenos falar dun gran afloramento granítico central de planta trapezoidal orientada en dirección NO-SE. Ten unhas dimensión duns 35 m no eixo SO-NE por uns 26 m no eixe NO-SE en dúas alturas. Unha primeira terraza formada con grandes bloques verticais de pedra de grandes dimensións con fondas fendas entre eles no lateral NE e unha segunda plataforma máis baixa no lateral S-SE que podería proporcionar un interesante rexistro arqueolóxico. Esta segunda terraza presenta un importante desnivel cara ó S en relación co lateral oposto.

Dende o cume do afloramento gozamos dunha excelente vista das montañas doutro lado do val, sobre todo do chamada Pena de Angueira ou Casa das Meigas onde se catalogou outra destas atalaias situada case en liña recta seguindo dirección SE. Tamén son facilmente localizables na paisaxe as fortificacións en altura do Castelo Redondo e do Castro Valente e mesmo a do Pico Sacro se ollamos cara o NE.

Entre os materiais localizados en superficie destaca a presenza de cuantiosos restos de tella. Foron localizados en diferentes zonas do recinto, máis son numerosos os fragmentos achados no interior e na entrada dunha pequena cova emprazada na zona oeste do afloramento, cunha entrada duns 2,15 metros de altura por 1,50 de ancho e apenas 3 metros continuidade cara o interior pois está tapada por numerosos bloques de pedra desprendidos. Os restos de tella, tanto plana como curva, son grosos, de ton alaranxado e con abundante desgrasante que denotan a súa antigüidade.

Fragmentos de tella atopados no castelo

1.2.- Abrigo do Coto da Cabana

Concello: Rois (no linde entre ambos concellos)

Parroquia: Costa (San Miguel) / Sorribas (San Tomé)
Núcleos próximos: O Pazo, O Casal, Ferreiros (Costa) / Reibó (Sorribas)

Localización: Coto da Cabana / Monte do Oleirón
Adscrición cultural: Indeterminada

Coordenadas: UTM – 29 T 524640 4738283 (Datum WGS 84)

Altura: 408 m.s.n.m.

Cod. de inventario DXPC: Xacemento non catalogado, non consta no PBA (Plan Básico autonómico) e tampouco figura no citado estudo de impacto do parque eólico do Monte Oleirón.

Titularidade: M.V.M.C. San Miguel

Descrición:

Abrigo natural empregado polo home situado na zona SE dun gran afloramento rochoso de granito situado no linde entre as parroquias de San Miguel da Costa e San Tomé de Sorribas no Concello de Rois. Fica a só 125 m dos restos dunha cabana (incluída no estudo de impacto arqueolóxico do parque) que dá nome a esta zona do Monte Oleirón.

Abrigo, localización

A presenza doutros abrigos da mesma tipoloxía nos Montes do Oleirón contribúe a incrementar a súa relevancia, sendo interesante a súa inclusión no inventario patrimonial pois son unha tipoloxía de bens culturais singulares, propios deste monte e non figuran nos catálogos de Bens Culturais Municipais (PXOMs) nin da Xunta (PBA). Non obstante, outro xacemento similar, o abrigo da zona de Caídas Externeiros, si aparece recollido no estudo do impacto arqueolóxico do Parque Eólico do Monte Oleirón.

Restos da cabana do Coto da Cabana

Trátase dunha cavidade baixo un saínte en forma de viseira na parte inferior e central dun grande afloramento que permite o refuxio de varias persoas no seu interior. Ten uns 4 metros de longo por dous metros e medio de altura. A presenza dos alicerces dun muro constituído por varios perpiaños labrados e semisoterrados, coa intención de pechar un dos laterais do abrigo, denota a acción antrópica e o seu uso posiblemente de pastores ou cazadores. Sería preciso unha limpeza do abrigo e do seu contorno e unha pequena intervención arqueolóxica para poder documentar a posible utilización deste abeiro na Prehistoria. Non se localizaron materiais en superficie.

Membros do Colectivo no interior do abrigo

1.3.- Conclusións

Os bens culturais achegados deberán ser incluídos no estudo do impacto arqueolóxico do parque eólico, proceder a súa catalogación e adoptar as medidas de protección e cautela necesaria para súa preservación. Son dous elementos de grande interese para afondar no contexto histórico e cultural desta serra do Oleirón.

A presenza de ambos elementos abre a porta á máis que probable existencia de máis elementos culturais, polo que sería recomendable unha prospección máis intensiva da zona durante máis xornadas e unha actualización do estudo de impacto arqueolóxico que data do ano 2011. A densa vexetación en determinados sitios, toxo e mato baixo, pode ocultar novos xacementos polo que será imprescindible o control e seguimento arqueolóxico de calquera obra na área afectada pola construción do futuro parque eólico.

Abrigo de Caídas Externeiros

Bibliografía

  • 2011. Cabrejas Domínguez, E. et al. Laboratorio de Patrimonio del CSIC. “Estudo de impacto sobre o Patrimonio Cultural do Parque Eólico de Oleirón”
  • 2015. Sánchez Pardo, José C. & Galbán Malagón, Carlos J.: “Fortificaciones de altura en el entorno de Santiago de Compostela. Hacia un primer análisis arqueológico comparativo”. En: Nailos: Estudios Interdisciplinares de Arqueoloxía, ISSN 2341-1074, núm. 2, 2015, p. 125-161. https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=6329758 [Consulta: 13.07.2020]