Outeiro dos Furados, novos petróglifos no Concello de Muros. A arte rupestre muradá, un patrimonio ameazado


Xeira en Muros

O pasado día 13 de agosto Avi Formoso, veciño de Muros, comunicábanos a localización dunha posible nova estación de arte rupestre no seu Concello, situada na paraxe dos “Furados” á beira do Regato de San Xoán, na parroquia de Serres.

Avi é un gran coñecedor dos montes deste concello pois é un apaixonado do ciclismo de montaña e asemade un gran afeccionado á arqueoloxía. As súas colaboracións ocasionais co Colectivo foron esenciais nestes últimos anos para a localización e recoñecemento do estado actual de moitos dos petróglifos muradáns.

Alquerque do 9 do Monte Meán (2014)

Como logo analizaremos, moitos deles atópanse, na actualidade, en  estado de total abandono, algúns sen catalogar e mesmo algúns dos catalogados figuran mal situados, tanto no inventario patrimonial do PXOM de Muros (Aprobado o 10/12/2010) como no recentemente aprobado PBA (Plan Básico Autonómico da Xunta, aprobado o pasado día 26/07/2018).

Localización do alquerque

Ó día seguinte, outro veciño de Muros, informounos dun pequeno incendio que se producira no Monte Meán, situado a pouco máis de medio quilómetro ó NO da coñecida Laxe das Rodas, na parroquia de Louro, pero tamén na contorna inmediata do taboleiro de xogo medieval que demos a coñecer ó Concello de Muros e á Dirección Xeral de Patrimonio no ano 2014 para tentar garantir a súa protección. Un excepcional alquerque de 9 ó ar libre que consideramos un dos motivos coñecidos desta tipoloxía máis antigos e mellor conservados do noso país, trátase dun dos escasos exemplos de taboleiros de xogo na provincia da Coruña relacionados coa actividade pastoril no medievo.

Logo das novas recibidas, o día 15 achegámonos ó concello de Muros para analizar o estado do gravado do Monte Meán e con posterioridade contemplar o novo petróglifo da parroquia de Serres.

O taboleiro de xogo do Monte Meán

Guiados poro Avi Formoso comezamos a expedición polo Monte Meán debido a nosa preocupación e inquedanzas xurdidas en relación ó estado do taboleiro de xogo que descubrira hai só catro anos o amigo Domingo Rama, o carpinteiro muradán afeccionado a fotografía e ós petróglifos. Daquela un incendio permitira a súa localización entre o mato queimado e agora outro incendio poñía en serio risco o petróglifo.

Fotogrametría do alquerque (agosto de 2018)

Ó chegar á zona observamos con abraio que o incendio fora consecuencia dos traballos de roza e limpeza do monte con maquinaria pesada e que por un descoido ocasionara un pequeno incendio forestal no entorno do petróglifo. A nosa preocupación ía en aumento ben coñecedores dos efectos destrutivos desta maquinaria pesada.

Distancia entre a zona afectada polo lume e o alquerque

Seguindo o propio camiño aberto polos tractores achegámonos ó petróglifo. As máquinas pasaran por riba do gravado ocasionando varios impactos na propia laxe onde está insculturado. Por sorte, o deseño principal non sufriu danos salvándose por só 40 centímetros dos efectos devastadores destes grandes enxeños forestais que esnaquizaron as laxes contiguas e incluso os muros lindeiros das fincas e camiños ó seu paso. O lume tampouco afectou a laxe, pois a zona afectada polo incendio distaba uns 80 metros do petróglifo.

Distancia coa zona de impacto das máquinas

Ó día seguinte puidemos comprobar que a pesar das nosas publicacións nos xornais e no noso blog resaltando a singularidade do gravado e das comunicacións ó Concello e á Dirección Xeral de Patrimonio o gravado continúa sen catalogar e, por tanto, carece de calquera tipo de protección.

Os novos petróglifos do Outeiro do Furados

Logo do susto no Monte Meán, achegámonos á parroquia de Serres para visitar o novo xacemento descuberto uns días antes polo noso guía durante unha xornada de sendeirismo cos seus amigos.

Localización das estacións

Deixamos o coche no novo camposanto de Serres, onde na súa contorna figuran catalogadas unhas coviñas que non logramos localizar, para ascender pola pista que conduce ó Casarío da Cova do Gato. Logo duns 300 metros deixamos a pista para continuar á beira do regato de San Xoán e acceder, non sen certa dificultade, ó cumio do Outeiro dos Furados cercado por antigos muros e onde as laxes situadas a maior altitude presentan numerosas pías naturais que imaxinamos poideron dar nome a este outeiro granítico situado a 190 m.s.n.m.

Plano de situación dos petróglifos

Só a 30 metros da cima en dirección Norte figura unha ampla zona de laxes planas situadas a rentes do chan ó carón dun muro de pedra de cachotería que constitúe o linde superior dunha extensa parcela nomeada da “Costa Grande” (R.C. 15054A020003400000IF). Na parte central desta acrópole rochosa figura o petróglifo (29 T 493670 4738228) localizado por Avi.

Emprazamento da estación principal do Outeiro dos Furados

Trátase dunha rocha de 310 cm de longo por 260 de ancho con presenza de múltiples gravados de carácter xeométrico. O motivo principal é unha combinación de tres aneis concéntricos de que rodean unha agrupación de microcoviñas situadas na zona central do deseño. Acorada á combinación principal figura unha segunda combinación formada por dous aneis, tamén con coviñas no seu interior. Esta segunda combinación de aneis semella formar coa combinación principal un deseño único. Os aneis da combinación principal fusiónanse coa segunda combinación, mentres que na parte central e no lateral dereito (dende o punto de vista do observador) a figura prolónganse uns 25 cm cara o SE ata pechar o deseño formando unha especie de rectángulo pegado ás combinacións que fica divido por varios radios que prolongan os aneis da combinación principal. Esta especie de apéndice contén no seu interior máis coviñas de pequeno diámetro.

Pormenor do motivo central da estación 1 do Petróglifo dos Furados

Á marxe desta figura orientada nunha diagonal NO-SE, existen outros riscos que rodean pequenas agrupacións de coviñas e outros deseños de difícil descrición debido ó seu elevado grado de erosión o que dificulta tamén a súa visualización durante o día. As coviñas presentan pequenas dimensións, entre 1 e 4 cm, e teñen formas diversas, a maioría circulares ou ovaladas pero tamén hai algunhas de forma cadrada e outras rectangulares.

Todo o conxunto presenta unha grande plasticidade artística e garda certos parecidos estilísticos cos deseños localizados noutras áreas arqueolóxicas de Galiza, como os petróglifos da Bouzabadín (Dodro) ou os petróglifos de Ventosa en Ames (petróglifos de Monte Castelo e Peneda Negra), con combinacións entrelazadas con agrupacións de coviñas no seu interior e varios sucos de saída que conforman curiosas figuras de difícil interpretación. Porén, chamounos a atención as diferenzas estilísticas en relación cos outros petróglifos que coñecemos no Concello de Muros.

Estación 1. Reconstitución fotogramétrica

O estado de conservación do gravados é bo, aínda que certos sucos atópanse moi erosionados polo paso do tempo e acción combinada dos diferentes axentes.

A segunda estación do Outeiro dos Furados

Durante a visita tamén poidemos localizar unha segunda estación situada na parte máis alta do Outeiro dos Furados, a 22 m ó SE da estación principal (29T 493683 4738211). Trátase tamén de gravados de carácter xeométrico e presenta características formais semellantes á estación principal. Non obstante, o estado de conservación é malo pois o grado de erosión dos gravados é maior.

Estación 2

Os modelos 3D realizados amósanos a presenza de tres aneis moi irregulares (o exterior incompleto) que se adaptan á forma da laxe nun único “petón” que sobresae da superficie case plana da rocha. Na parte central apréciase unha coviña situada na zona máis prominente do “petón”, dende onde parte un radio de saída cara o SE. Pegado ó último círculo desta irregular combinación figura outro pequeno anel no extremo sur do panel.

Estación 2. Reconstitución fotogramétrica

Unha familia de descubridores

Dende o Colectivo A Rula queremos agradecer a Avi Formoso os datos facilitados durante estes anos que nos permiten avaliar a evolución e estado dos petróglifos muradáns nos últimos anos. De igual xeito, queremos agradecerlle o tempo empregado das súas vacacións guiándonos polos vellos camiños e montes de Muros, así como a confianza no Colectivo para tratar de rexistrar e posteriomente tentar divulgar a existencia deste novo petróglifo. Só resta darlle novamente os parabéns polo seu interesante achado.

Curiosamente Avi Formoso é irmán doutra pioneira no estudo da arte rupestre do Concello de Muros, Pepa Formoso Romero. Pepa formaba parte dun pequeno colectivo cultural nos anos setenta chamado “Odisea” que descubriron e deron a coñecer varias estacións de arte rupestre en Muros.

Os principais xornais galegos (“El Correo Gallego” e “La Voz de Galicia”) publicaron varias novas dos seus primeiros achados nos meses de xuño e agosto de 1975. Nunha delas o polifacético pintor ortigueirés afincado na comarca de Compostela, Paz Camps, falaba do traballo deste Colectivo e describe por primeira vez os pormenores do petróglifo da Morosa do Paso en Serres que visitou guiado polas integrantes deste grupo cultural.

No ano 1980, a propia Pepa Formoso en colaboración con Julián Costa Calderón, tamén veciño de Muros, publicaban o primeiro artigo (Revista Brigantium de 1980) sobre a “estación rupestre de San Pedro”, na actualidade coñecida como Petróglifo da “Cova da Bruxa”, un dos gravados máis relevantes e estudados da provincia da Coruña.

Ambos petróglifos foron incluídos posteriormente na “Guía de los Petróglifos de Muros” dos profesores J.J. Eiroa e Pepa Rey de 1984, considerada unha das precursoras das guías arqueolóxicas de Galicia.

Pepa Formoso na Cova da Bruxa no ano 1977 (Arquivo da familia Formoso).

Os petróglifos de Muros e o desleixo institucional

Non podemos concluír esta entrada no noso blog sen alertar ás institucións públicas competentes do estado de total abandono que presentan a práctica totalidade dos xacementos arqueolóxicos deste termo municipal e dos conxuntos de arte rupestre en especial. Semella que as tarefas de protección e valorización da arte rupestre deste Concello pasan unicamente pola protección e divulgación dos petróglifos da Laxe da Rodas e da Cova da Bruxa, despreocupándose pola situación xeral do resto dos xacementos.

Situación actual de 3 estacións do Alto do Cruceiro (Serres)

Deste xeito petróglifos tan singulares como Naraío 2, A Laxe do Depósito, Sistamares, Alto do Cruceiro, Pedra da Chula, Morosa do Paso, etc… seguen esquecidos para a veciñanza e totalmente abandonados a súa sorte. Ningún dos mencionados figuran nas diferentes guías e folletos turísticos do concello.

Gravados da Morosa do Paso entre o mato

Por outra banda, os petróglifos localizados nos últimos anos como o petróglifo das Pedragueiras no Monte Areal con diversas publicacións especializadas que dan contan das súas características, ou o mencionado taboleiro medieval do Monte Meán, seguen pendentes da súa catalogación máis de catro anos despois da súa descuberta co risco que iso supón ante calquera acción antrópica na zona, tal como puidemos comprobar no Monte Meán.

Morosa do Paso. Fotogrametría

A pesar das diferentes promesas do executivo local para abordar o seu estudo e protección (tal como  recolleron no seu día en diferentes medios de comunicación) e das notificacións realizadas polo Colectivo tanto ó Concello como á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a realidade é que os citados petróglifos seguen sen figurar no inventario patrimonial do Concello e tampouco constan no recente Plan Básico Autonómico da Xunta de Galicia. Agardemos non haxa máis incidencias como a mencionada, mais ambas administracións non poderán alegar descoñecemento dos diferentes achados.

Laxe das Rodas

Esperamos que os novos petróglifos descubertos no Outeiro dos Furados e os feitos sinalados no petróglifo do Monte Meán, constitúan un sinal de advertencia e acicate suficiente para que as administracións responsables poñan freo a esta situación de indefensión dos conxuntos de arte rupestre nesta comarca e emprendan con urxencia proxectos ou plans para establecer medidas que garantan a protección e conservación real destes bens culturais.

A propia veciñanza muradán, a cidadanía en xeral e os miles de turistas que acoden a Muros deben ter a oportunidade de coñecer este legado patrimonial único que constitúe o derradeiro vínculo cos nosos antepasados. Por desgraza, a situación de Muros é só unha mostra representativa da situación do estado xeral das manifestacións da arte rupestre galaica espalladas por todo o noso territorio, seriamente ameazadas por factores ambientais mais fundamentalmente antrópicos.

Bibliografía

  • Alonso Romero, F. “El Calendario ritual del Laxe das Rodas (Louro, Muros)”. Primera Reunión Gallega de Estudios Clásicos. Santiago de Compostela: 32-45, 1981.
  • Formoso Romero, M.J. & Costa Calderón, J. “Estación rupestre de Muros de San Pedro”, Brigantium, p. 71-81. 1980.
  • Monteagudo, L. “El petroglifo de Lage das Rodas”. Primera Reunión Gallega de Estudios Clásicos: 37 e ss. 1981.
  • Rey J.& Eiroa J.J. “Guía de los petroglifos de Muros”. Concello de Muros, 1984.

O Petróglifo das Pedragueiras. Primeira publicación do Colectivo a Rula


Cumpriranse o próximo mes de abril os dous anos dende que iniciáramos a nosa constitución como asociación. O último empurrón que nos axudou a tomar esta decisión foi o propiciado pola “descuberta” da estación de arte rupestre de As Pedragueiras no concello de Muros.

Foi tamén a nosa primeira comunicación realizada tanto á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia como ó Concello de Muros informando deste novo Ben de Interese Cultural e solicitando a súa catalogación.

Laxe I. As Pedragueiras

Laxe I. As Pedragueiras

Do Concello de Muros  , a día de hoxe, non recibimos ningunha resposta. Si contestou a Dirección Xeral de Patrimonio aínda que a resposta é certo que non cumpriu coas nosas expectativas. Nela indicaban que procedían a comunicar ó Concello de Muros a información que lles facilitaramos para que procedesen a súa inclusión no Catálogo de Bens Patrimoniais do PXOM muradano.

Unha vez realizadas as notificacións pertinentes ás administracións públicas con obrigas na xestión e conservación do patrimonio só nos quedaba pola nosa parte tratar de publicar un breve artigo sobre este conxunto arqueolóxico. Deste xeito achegamos, case dous anos despois, a nosa primeira publicación en soporte convencional, un sinxelo apuntamento sobre o xacemento das Pedragueiras no número 7-8 da revista Estrat Critic, da Universitat Autònoma de Barcelona que saíu do prelo o pasado mes de decembro.

Lamentablemente non podemos dicir que a situación de desleixo descrita no artigo teña mudado e as laxes das Pedragueiras seguen ocultas entre o mato e os toxos, complicando achegarse ós petroglifos.

Rematamos agradecendo de novo a Domingo Rama e ó resto de veciños de Muros ternos amosado esta fermosa paraxe. Pola nosa parte só sinalar que continuaremos a instar ás administracións públicas a cumprir as súas obrigas en relación co patrimonio de todos nós.

Por se a alguén lle pode interesar deixamos aquí as comunicacións e unha ligazón ó artigo en PDF: Pedragueiras Estrat Critic 2014

Achegamos ademais unha ligazón ó artigo na nosa conta de Calameo coas imaxes en cor.

Copia envio a patrimonio

Envío a Patrimonio (15/1/2014)

Remisión Pedragueiras concello de Muros

Remisión ó Concello de Muros (15/1/2014)

Resposta patrimonio Pedragueiras

Resposta da Dirección X. de Patrimonio (17/2/2014)

O alquerque do Monte Meán


Unha vez máis o Colectivo a Rula achegouse ó Concello de Muros para visitar un novo xacemento inédito convocado por Domingo Rama. O noso amigo e colaborador volveu a sorprendernos co achado dun interesante gravado situado no Monte Meán[1]. Infatigable camiñante dos montes e vellos sendeiros da parroquia de Louro, sempre na compaña da súa cadela Moura, localizou o pasado mes de marzo este singular taboleiro de xogo.

 A laxe atópase a media ladeira dun outeiro granítico no chamado Monte Meán a só uns centos de metros da coñecida Laxe das Rodas e do petróglifo das Pedragueiras que o noso Colectivo deu a coñecer hai uns meses seguindo as indicacións do propio Domingo e outros veciños da parroquia.

Deseño xeral dos alquerques e colocación fichas

 O monte sufriu no mes de agosto do pasado ano un importante incendio, feito que facilitou ó noso amigo localizar o gravado, xa que a mesta vexetación dificultaba ata entón o acceso á zona.

 O gravado, moi ben conservado e de doada visualización, fica na parte central e máis chá dunha laxe de formas irregulares e lixeira pendente duns 3,70 m (orientación SO-NE) por 4,03 m (cara o NE-SO). O motivo do alquerque mide 35 x 35 cm. e componse de tres formas cadradas concéntricas que se unen entre si por liñas rectas as cales se cruzan na zona central nos catro lados con outras liñas verticais que parten do cadrado interior, estando a parte central mais rebaixada que a exterior. A anchura dos sucos oscila entre os 2 e 3 cm. Os sucos malia presentar unha evidente erosión conservan o seu perfil en V sen que se poidan apreciar arestas vivas

Alquerque Mean-3

 Este deseño xeométrico coñecido como alquerque de nove, “xogo do muíño”, “xogo do triplo recinto” ou “xogo da danza dos nove homes” é un xogo de estratexia para dous xogadores moi popular na Idade Media[2] e antecedente do actual xogo das damas. Mesmo Alfonso X O Sabio menciona o alquerque e as súas tres variantes (alquerque de tres, de nove e de doce) na súa obra “O libro dos xogos”.

Malia que en Galiza case todos os motivos coñecidos ata o momento adscríbense á Idade Media, na Península Ibérica existen exemplos máis antigos vinculados a xacementos romanos, como os de Conimbriga en Portugal ou os de Penadominga en Bendilló, Quiroga, Lugo e Santa María Do Castro de Petín na Rúa, O Barco de Valdeorras, Ourense, en Galicia.

alquerque_ilustración del siglo XIIII en el libro de los juegos de alfonso X_pablo

O alquerque de IX no libro dos xogos de Alfonso X o Sabio. Século XIII

 Segundo os nosos datos o Alquerque do Monte Meán sería o primeiro gravado desta tipoloxía en todo o Concello e na comarca. Non obstante, na península ibérica e no noso país existen numerosos gravados desta mesma tipoloxía, aínda que xeralmente asociados ás grandes edificacións relixiosas medievais (hai alquerques de IX na catedral de Ourense e Tui, nas igrexas de Gomariz, San Xurxo de Touza, San Salvador de Poio,  etc.) ou ben ós castelos e atalaias medievais (Castelo da Rocha de Santiago, Monte Lobeira en Vilanova de Arousa, Raíña Loba no Concello dos Blancos, etc).

Tamén relacionado cun antiga atalaia medieval debemos mencionar o pequeno alquerque de nove do chamado Castelo de Esteiro ou da Laxe no Concello de Outes pero preto do linde con Muros. Este xacemento figura catalogado no PXOM de Outes, sendo o alquerque ó ar libre máis próximo ó do Monte Meán.

Os arqueólogos F. J. Costas Goberna e J. M. Hidalgo Cuñarro levan anos estudando e catalogando estes antigos taboleiros contabilizando máis de 60 en Galiza. J. M. Hidalgo Cuñarro recompila esta información  no seu interesante blog “juegos de tableros romanos y medievales”.

Alquerque Mean-2

 Pero quizais o feito máis singular do gravado do Monte Meán é que semella que nada teña que ver con estas antigas institucións do Medioevo. A nosa hipótese é que posiblemente o gravado estea relacionado coa actividade pastoril. A súa localización nunha zona de gran dominio visual a media ladeira, preto de mananciais de auga e antigas parcelas de prados que conservan aínda os vellos muros lindeiros de pedra, fainos pensar que os autores do gravado se dedicaran a estes labores e pasaran as horas neste lugar xogando mentres vixiaban o gando. Gravados ó ar libre moi semellantes figuran noutras zonas de Galicia, como os alquerques da Portela (Burgueira) ou As Cerradiñas (Mougás) no Concello de Oia.

 Por último é oportuno sinalar que na propia parroquia de Louro existen catalogados outros petróglifos de cronoloxía medieval como as estacións de Sistamares II (Laxe das Cruces) ou o Abrigo das Cruces con interesantes gravados de cruciformes. Na actualidade non é doado a súa visita pois fican esquecidos entre a vexetación que os agocha como consecuencia do desleixo das administracións.

Laxe das Cruces - Sistamares II

Laxe das Cruces – Sistamares II

[1]Coordenadas UTM: 29 T 493205 4735437 (Datum wgs 84)

[2]As súas orixes remóntase no tempo, é coñecido en Exipto, Troia, Grecia e no Imperio Romano onde foi un dos pasamentos preferidos dos lexionarios.

Pra saber mais:

  •  COSTAS GOBERNA, F. J. e FERNÁNDEZ PINTOS, X. 1985/86: Diseños cuadrángulares a modo de tableros de juego en los petroglifos del N.W. de la Península Ibérica. Revista Pontevedra Arqueológica del “Grupo de Arqueoloxía Alfredo García Alén”, Pontevedra, tomo II, pp. 257-271.
  • COSTAS GOBERNA, F. J. e HIDALGO CUÑARRO, J. M. 1997: Los juegos de tablero en Galicia. Aproximación a los juegos sobre tableros en piedra desde la antigüedad clásica hasta el medievo. Artes Gráficas Vicus, S.L. Vigo. 62 p.
  • COSTAS GOBERNA, F. J. 2009: “As pedras e os xogos. A orixe dos taboleiros de xogo galegos”. Instituto de Estudios Vigueses. ISBN. 978-84-89599-42-0.

A memoria das pedras


Pedragueiras

Loba, a nosa Presidenta Honoraria facendo a primeira valoración.

Fronte a desmemoria das nosas administracións os gravados inscritos en moitas das laxes espalladas polos nosos montes actúan como obstinados garantes da fráxil memoria do noso pasado. Unha destas laxes é a de As Pedragueiras no concello de Muros. No mes de abril deste ano tivemos coñecemento da súa existencia. A Voz de Galicia fíxose eco da nova e os dirixentes do concello non tardaron en afirmar que farían todo o posible por catalogala e instar á Dirección Xeral de Patrimonio ao seu estudo. Pouco despois a RTVG tamén recolleu a nova. Semellaba que as bases para a súa recuperación estaban afianzadas.

Medio ano despois, ó non ter ningunha nova ao respecto, procedimos a informar ao concello vía carta certificada aportando os datos e imaxes que recompilaramos sobre a estación. Pasou de novo mais dun mes e seguimos sen ter novas polo que non desesperamos e seguimos a traballar para que as administracións cumpran coas obrigas que a lei lles impón en relación ao noso patrimonio.

Na maior brevidade posible publicaremos ampliada esa información que remitimos ao concello. De momento adiantamos a ruta a seguir desde a Laxe das Rodas para visitar o petróglifo das Pedragueiras co obxecto de que non permaneza por mais tempo no esquecemento e que todo aquel que desexe coñecela o teña mais doado. Publicámola en wikiloc e animamos a todos a visitala e a facer o posible para que se inicie o seu estudo e posta en valor facendo asequible aquelo que por dereito nos pertence a todos.

Aquí tedes a ligazón á ruta: De Laxe das Rodas ás Pedragueiras