Arte rupestre en Catoira, de Sobrino Lorenzo Ruza ós nosos días


O pasado domingo 3 de abril, 67 anos despois da visita de Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza, seguimos os seus pasos nunha pequena ruta familiar organizada pola ANPA As Lombas de Catoira e Cristina Conde Escaloni.

Segundo recollen os datos da súa axenda persoal e apuntamentos diversos o arqueólogo pontevedrés comezou aquela xornada primaveral de 1955 cun paseo pola zona marítimo fluvial da Balastrera, na compaña do propietario da papelaría “El Sol”, na procura de cunchas e minerais. Sobrino Lorenzo era moi afeccionado á malacoloxía e a mineraloxía, unha actividade de lecer que herdou do seu pai. Posteriormente, localizaba e documentaba as dúas mámoas da necrópole do Monte das Mámoas na parroquia de Santa Baia, e mesmo alegrábase de que unha delas, a pesar de que fora saqueada como é habitual, conservaba parte da súa cámara megalítica.

Mámoa número 1 do monte das Mámoas

Malia as continuas repoboacións forestais da zona nas últimas décadas ambas mámoas aínda se conservan en aparente bo estado e eses esteos que ollou Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza na mámoa 1 fican na mesma posición.

Por outra banda, grazas á recuperación do arquivo persoal de Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza, contamos con diversos apuntamentos manuscritos, debuxos e fotografías que nos proporcionaron importantes datos sobre o proceso de rexistro dos cinco petróglifos estudados polo citado arqueólogo e que ata hai apenas 15 anos eran os únicos coñecidos nesta vila pontevedresa, famosa polas súas Torres de Oeste, chave e selo de Galiza, como sinalan as antigas crónicas.

Sobrino Lorenzo Ruza no monte das Mámoas

Precisamente, estes 5 petróglifos: petróglifo de Aragunde, petróglifo de Pinar do Rei ou As Lombas, petróglifos de Outeiro de Barral (2) e petróglifo da Torre de Oeste, son, xunto as citadas torres, os seis Bens de Interese Cultural do concello que figuran na lista consultable na Web da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Bens culturais que entraron na relación actual grazas ó seu previo recoñecemento como monumentos históricos – artísticos mediante o Decreto 3741/1974, do 20 de decembro, (BOE núm. 59 do 10 de marzo de 1975) do Ministerio de Educación y Ciencia, xunto con preto de duascentas laxes con gravados prehistóricos coñecidas nese intre na provincia de Pontevedra. O número actual de petróglifos coñecidos na provincia multiplicouse por dez.

A Tallariña por RSLR

Debido ó seu prematuro pasamento, Sobrino Lorenzo – Ruza só tivo tempo para publicar un breve apuntamento sobre os citados gravados no “Noticiario Arqueológico Hispánico” (1956 – 1961, p. 263), que foi esencial para a súa incorporación nas adicións arqueolóxicas á “Carta Arqueológica de Pontevedra”, que realizaron os seus colegas do Museo de Pontevedra, J. Filgueira Valverde & A. García Alén. En décadas posteriores estes petróglifos de Catoira foron recollidos nas publicacións doutros estudosos como Ángel del Castillo, Antonio de la Peña Santos ou José Manuel Vázquez Varela.

Na actualidade, o número de petróglifos catalogados no concello ascende a 15. Despois dos 5 petróglifos estudados por Sobrino Lorenzo localizáronse os da Pedra das Tixolas na parroquia de Abalo e, froito dos traballos de prospección en 2008 despois dos incendios de 2006, os arqueólogos Mª Carmen Álvarez García e Manuel Lestón Gómez, da empresa Arkaios S.L., rexistraron outros nove nas ladeiras do Xiabre, entre eles os conxuntos rupestres de maior plasticidade e singularidade. Destacan polo grande repertorio e tamaño dos gravados, o petróglifo das Lagoas 1, o petróglifo da Redondiña, o Petróglifo da Busta e o Petróglifo dos Campiños, este último o único con gravados de tipoloxía naturalista. Recentemente, na visita realizada a estes conxuntos, localizamos novos motivos non recollidos nas fichas da Dirección Xeral de Patrimonio e dos que falaremos en futuras achegas.

Enlace maps

Relación dos Petróglifos de Catoira:

NOME PARROQUIA -LUGARCLAVE IDENT
Petróglifo das Lagoas 1 S. Miguel de Catoira – AragundeGA 36010018
Petróglifo das Lagoas 2 S. Miguel de Catoira – AragundeGA 36010019
Petróglifo da Busta Dimo – CoaxeGA36010017
Petróglifo dos Campiños Abalo – BustoGA36010023
Petróglifo de Morosos Abalo – FreixeiroGA36010020
Petróglifo do Muíño dos Portugueses Dimo – PortocanlesGA36010016
Petróglifo da Redondiña Abalo – O BustoGA36010024
Petróglifo de Riba do Pinal Abalo – FreixeiroGA36010022
Petróglifo da Xesteira Abalo –  FreixeiroGA36010021
Petróglifo das Tixolas Abalo – O Souto da VilaGA36010004
Petróglifo do Outeiro do Barral (2) S. Miguel de Catoira – BarralGA36010003
Petróglifo do Pinar do Rei / As Lombas S. Miguel de Catoira – O ProgresoGA36010012
Petróglifo Torres de Oeste S. Baia de Oeste – O RegueiroGA36100006
Petróglifo Taleiriña / Tallariña / Telleiriña S. Miguel de Catoira – AragundeGA36010002

Os petróglifos de Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza

O petróglifo da Tallariña de Aragunde

A visita ós gravados comezou en Aragunde onde María Luisa Riveiro permitiunos acceder a súa propiedade e contemplar nunha das paredes laterais da súa vivenda os gravados que 67 anos antes documentara Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza. O seu pai, Jesús Riveiro, indicou ó arqueólogo a procedencia da pedra cos gravados dunha finca situada a “uns 200 ou 300 metros” da casa. O metódico arqueólogo anotou os datos achegados e realizou as correspondentes medicións e debuxos do gravado para proceder ó seu rexistro.

Fotogrametría da inscrición do muro oriental que rodea a vivenda

Na actualidade, a casa experimentou moitas reformas mais aínda conserva o gravado na mesma localización e unha inscrición na portada de acceso que lembra o seu antigo propietario “Jesús Riveiro”. No muro oriental que bordea a casa está, reempregado como material construtivo, un perpiaño irregular que puido formar parte do lintel da entrada á antiga casa, posúe gravados unha cruz con peaña e a data “1953”.

A Tallariña na actualidade

O gravado, que podemos ollar dende a eira que da acceso ó interior da vivenda, atópase bastante erosionado polo que só nas horas centrais do día e en xornadas solleiras podemos visualizar correctamente as gravuras na parte inferior do muro do inmoble, sitúanse nun panel vertical. Un curioso deseño formado por dúas combinacións de círculos concéntricos con coviñas no interior, integrados nunha composición maior en forma de “8” con sucos exteriores ó redor que inclúen os diferentes motivos. No exterior da composición figuran varias coviñas illadas. Un motivo que lembra outras figuras localizadas no petróglifo das Lombas 1 tamén no lugar de Aragunde.

Unha vez máis queremos agradecer a María Luísa a súa amabilidade, simpatía e acollida. No seu día, permitiunos publicar no Libro “Memoria e Legado dos Petróglifos” os documentos do Arquivo de Sobrino Lorenzo sobre o referido petróglifo e arestora visitalo.

Fotogrametría do gravado de Aragunde

Os petróglifos de Barral

No Outeiro do Barral, consérvanse ata cinco laxes con gravados de coviñas e cazoletas que tamén visitou, fotografou e documentou R. Sobrino Lorenzo. Son gravados moi sinxelos distribuídos sen orde aparente nos diferentes paneis insculturados. Só localizamos nunha das penedas un pequeno anel que semella de época histórica pola feitura do suco en V.

Trátase dunha zona bastante alterada pola actividade dos canteiros e situada a pouco máis de 100 m dos restos da Torre de Barral cuxos cimentos oculta a vexetación á entrada da aldea. Diversas fontes falan dunha segunda estación situada a uns 30 metros ó nordés, a rentes do camiño que segue cara Aragunde. Esta segunda estación, que figura tamén referida no Plan Básico Autonómico, consta unicamente dunha inscrición, segundo recolle unha ficha do catálogo da Dirección Xeral de Patrimonio asinada por Caramés e Moreira. Porén, na actualidade, non logramos localizar a citada inscrición epigráfica que os catalogadores transcribiron deste xeito:  …AVSS (T)DV(NoM) II II

Lugar no que se localizan as ruinas da Torre de Barral

Esta estación xunto coa Pedra das Tixolas en Abalo son as únicas sinalizadas, aínda que sería interesante un novo proxecto de valorización que incluira unha escavación e consolidación da Torre de Barral e tentar a recuperación da segunda estación que permanece en paradoiro descoñecido.

Petróglifo das Lombas / Pinar do Rei

No lugar do Progreso, a 150 metros ó leste do Campo de Fútbol das Lombas, tal como recollen os escritos de Sobrino Lorenzo, atópanse o petróglifo catalogado co nome de Pinar do Rei. É posible que o topónimo do sitio faga referencia a unha antiga parcela dedicada á produción de madeira como acontece con outros lugares nomeados Pinal ou Pinar do Rei, Carballeira Real ou Devesa Real, terreos acoutados para abastecer de madeira á marina de Ferrol no século XVIII. O transporte desta madeira ata Ferrol realizábase vía fluvial ata o mar e dende alí ata o porto ferrolá.

Panel 1 do petróglifo das Lombas por RSLR

O arqueólogo pontevedrés rexistrou con meticulosidade as dúas estacións rupestres que forman este conxunto. Os seus debuxos a lapis e posterior acabado en tinta e as diferentes fotografías realizadas deixan constancia das dimensións de cada motivo, a disposición dos gravados nos diferentes paneis e a distancia entre eles. Por desgraza, só logramos atopar a primeira estación formada por unha combinación de dobre anel con oito coviñas no interior e cova central da que parte un suco radial que ten acaroados varios aneis con coviña central. Ó seu carón figuran outro círculo simple e un anel que bordea un pequeno grupo de catro coviñas.

Petróglifo das Lombas. Panel 1, na actualidade

O segundo panel estaría, segundo sinala Sobrino Lorenzo, a uns 7 metros, formado por unha espiral e varias cazoletas e coviñas.

Consideramos esencial a limpeza de toda a contorna e o establecemento dunha franxa de protección axeitada que garanta a preservación dos gravados. De igual xeito, sería tamén preciso unha pequena escavación no entorno inmediato da peneda insculturada que posibilitara a localización do segundo grupo de gravados que sospeitamos fica soterrado ou tapado pola vexetación. Os restos da actividade dos canteiros, evidente en toda a zona, son antigos. O arqueólogo deixa constancia dos cascallos que rodeaban ambos grupos de gravados en 1955, polo que temos moitas esperanzas de poder atopar esa espiral.

Petróglifo das Torres de Oeste

A nosa ruta finalizou ó carón das dúas últimas torres que aínda conserva o antigo “Castellum Honesti” da Historia Compostelana. A só 50 m ó E da capela figuran dúas pequenas laxes con motivos xeométricos. A laxe principal ten unhas 30 coviñas de pequenas dimensións, a maioría agrupadas na zona central e máis prominente da rocha. Como sinalan Antonio de la Peña Santos e A. García Alén no catálogo dos “Grabados rupestres de la Provincia de Pontevedra”, editado en 1980 pola Fundación Barrie de la Maza, en Santa Baia de Oeste hai “tres grupos de petróglifos según referencia verbal de su hallador Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza”. Petróglifo incluído previamente nas adicións á “Carta Arqueológica de Pontevedra” (Filgueira Valverde & García Alén, 1956).

Os achados descubertos na contorna das Torres de Oeste testemuñan que este lugar foi un punto de paso de grande relevancia dende o Bronce Final. O petróglifo é unha mostra máis da presenza humana neste sitio dende a Prehistoria.

Petróglifo das Torres de Oeste

Malia estar catalogados e incluídos na lista de BICs non contan con ningún tipo de sinalización nin se adoptan as medidas oportunas cada vez que se procede á limpeza do seu entorno. É una mágoa que centos de visitantes e turistas que cada ano pasan por este emblemático lugar descoñezan a existencia destes gravados. A súa posta en valor contribuiría a enriquecer o conxunto xeral das Torres de Oeste e a Capela de Santiago. Tampouco existe ningunha alusión ós gravados no recentemente inaugurado CACTO que só nun dos paneis fala do petróglifo das Tixolas situado en Abalo.

Fin de ruta xogando ó Muíño

A nosa xeira remataba ó carón da musealización que o arqueólogo Francisco Hervés dirixiu no ano 2014 dunhas estruturas descubertas previamente durante as campañas de escavación realizadas por Juan Naveiro no ano 1989. Procedeuse a recolocar dúas pilastras que consideraban que sostiñan una estrutura de madeira, unha especie de pequena pontella que comunicaba a beira cunha especie de zona portuaria. Porén, entre estas pezas procedentes da antiga intervención había tamén un perpiaño que recolocaron na base das pilastras sobre o xeotéxtil que protexía a zona escavada e que facilitaría retomar os traballos en sucesivas campañas. Non repararon que o perpiaño conservaba un gravado dun alquerque de 9, semellante a moitos outros taboleiros de xogo localizados en castelos e mosteiros medievais en Galiza, na Península e en moitos países europeos e do Mediterráneo. Coñecido dende os tempos de Grecia, atribúeselle ós comerciantes fenicios a súa difusión polo Mediterráneo (Hidalgo Cuñarro, 2009). Emprégase durante todo o Medievo, posiblemente polo influxo dos musulmáns (alquerque / el-quirkat, significa xogo) instalados na península.

Alquerque do 9 nas Torres de Oeste

É coñecido por varios nomes: Muíño en España, Moinho en Portugal, Mil ou Morris no Reino Unido, Merelles en Francia, Mülhe en Alemania, Molle en Noruega, ou o xenérico “alquerque de 9” para diferencialo das outras variantes, o alquerque de 3 e de 12.

Un deseño formado por tres cadrados ou rectángulos concéntricos subdivididos por medio de liñas que marcan as diferentes zonas de colocación das pezas. As regras de xogo aparecen recollidas no famoso libro dos xogos (ou Xogos diversos de Xadrez, dados e táboas) encargado por Alfonso X O Sabio a mediados do S. XIII. O actual xogo das damas é unha variante do Alquerque e nace como resultado de xogar ó muíño sobre un taboleiro de xadrez.

Amosamos ós participantes da ruta o alquerque e posteriormente entregamos un pequeno taboleiro en papel coas 9 fichas necesarias para que puideran experimentar e xogar unhas partidiñas deste entretido xogo de estratexia ou igual que o fixeron os soldados que gornecían a fortificación do Oeste no medievo.

Esperamos que o perpiaño gravado co alquerque sexa catalogado e protexido. É un elemento que non se atopa na súa posición orixinal polo que o máis axeitado sería trasladalo ó CACTO (Centro de Activación Cultural Torres de Oeste) para a súa axeitada mostra mediante unha iluminación axeitada que permita a súa visualización acompañado dun pequeno cartel explicativo.

Lamentablemente está moi erosionado e non é doado de ollar, se cadra por iso pasou desapercibido ata a actualidade.

Conclusións

Catoira, a pesar de ser un concello pequeno en extensión, conta con un grande repertorio iconográfico de gravados rupestres. Os sinalados petróglifos dos Campiños, As Lagoas 1, Busta, Redondiña na aba do Xiabre son conxuntos excepcionais con motivos singulares e de grande porte, ben conservados e, por tanto, de boa visualización moi axeitados para a súa posta en valor. Sería prioritario establecer franxas de protección para evitar os danos polos lumes forestais que periodicamente afectaron e afectan esta zona e no futuro deseñar unha pequena ruta para podelos contemplar comodamente co atractivo engadido das vistas á ría.  

Porén, os gravados visitados nesta primeira xeira catoirense, ogallá haxa máis, constitúen referencias chaves na historia dos estudos do chamado Grupo Galaico da Arte Rupestre, froito do traballo e divulgación dun dos grandes investigadores da arte rupestre, “o home que máis sabía dos petróglifos” como cualificaba Carlos Alonso del Real a Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza.

Petróglifo das Lagoas 1

Agardemos que esa “inxección” de 300.000 dos fondos Next Generation para Bens de Interese Cultural, prometida pola Xunta para as Torres de Oeste tamén teña en conta unha pequena partida para estas primeiras mostras artísticas ó carón da antiga fortaleza das Terras de Compostela, cómpre lembrarlles que os petróglifos tamén son BICs.

Na actualidade a divulgación dos petróglifos de Catoira é froito do traballo puntual do tecido asociativo e veciñal. É significativa tamén a difusión deste patrimonio a través de webs ou plataformas na rede como megaliticia ou baixoulla.gal que realizan un grande labor para dar a coñecer á cidadanía en xeral e a veciñanza en particular estes destacados elementos patrimoniais. Malia todo, xa é hora de que as institucións públicas competentes da súa xestión emprendan o proceso de valorización destes elementos culturais e aposten con decisión pola súa transformación en recursos turísticos de calidade que dinamicen e enriquezan a oferta cultural deste municipio.

Imaxe de grupo d@s participantes na ruta

Rematar agradecendo novamente á ANPA As Lombas o convite e animalos a seguir con este tipo de iniciativas para formar á rapazada, son o futuro deste concello e deste país.

Finalizar cun último agradecemento especial á persoa que coordinou todo esta xeira e que leva meses tratando de darlle luz ó patrimonio na sombra de Catoira, a nosa amiga Cristina “A Vikinga”.

Bibliografía

Colectivo A Rula: “Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza. Memoria e Legado dos Petróglifos”. Compostela, 2020

Compostela Rupestre. Breve resumo de resultados


A principios deste mes un comunicado de prensa, asinado polas asociacións Umia Vivo, A Forneiriña, Irmandade illa de Tambo e o Colectivo para a defensa do territorio Anovaterra, recollía unha valoración non moi positiva do acadado, ata o momento, no marco do Proxecto Compostela Rupestre. Somos da opinión de que toda crítica razoada e construtiva é benvida e moi necesaria nestes tempos nos que a exclusión da participación cidadá na xestión dos asuntos públicos é a práctica máis habitual, polo que agradecemos enormemente a implicación destes colectivos no control da xestión das nosas administracións

Neste comunicado sinálase a falta de actuacións encamiñadas a garantir a conservación deste bens tan vulnerables, fundamentalmente a súa sinalización e limpeza e, cualifican o realizado ata o de agora como “catro anos perdidos” e “120.000 euros gastados en burocracia e propaganda” e, en resumo, dunha “política errada da Deputación da Coruña limitada á propaganda virtual”.

Ruta dos petróglifos de Teo. Edición do 2019

Como promotores desta iniciativa e membros do órgano asesor deste proxecto cremos de interese facer pública a nosa valoración do realizado no marco deste proxecto. Pensamos que a principal diferenza entre o recollido no comunicado de prensa e a nosa valoración estriba na diferenza de obxecto analizado, xa que para nós Compostela Rupestre non é algo que se inicia no 2018 senón cando menos 4 anos antes.

A finais do ano 2014 realizamos unha exposición fotográfica do mesmo nome para o Concello de Santiago sobre os petróglifos do concello. Pouco despois, no ano 2015, presentamos un amplo documento no que presentamos unha proposta de traballo conxunto a prol da conservación e promoción da arte rupestre da comarca de Santiago por parte das administracións con competencias na materia. Ese mesmo ano presentamos a nosa proposta aos concellos de Santiago, Ames e Teo, á Dirección Xeral de Patrimonio e á Deputación da Coruña.

Analicemos agora brevemente que é o que se ten feito ata o momento en canto á limpeza e a conservación dos xacementos rupestres na nosa comarca:

Para a nosa sorpresa o primeiro destinatario que promoveu algunha das iniciativas incluídas na nosa proposta foi a Dirección Xeral de Patrimonio que no ano 2016 a través do Servizo de Arqueoloxía da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais executou, en colaboración co Concello de Ames, traballos de limpeza, retirada de vexetación e documentación dos petróglifos da Peneda Negra e Monte Castelo. Estes traballos, reforzados con limpezas puntuais posteriores (Concello de Ames en 2018 e 2020), teñen garantido o acceso a estes bens nos últimos anos (No ano 2020 o concello de Ames procedeu á sinalización preventiva dos accesos a ambos petróglifos coa finalidade de evitar a realización de actividades na súa contorna que poñan en perigo estes bens patrimoniais).

Devesa da Rula trala limpeza de 2018

A finais do ano 2018 o Concello de Santiago de Compostela executou a primeira limpeza na súa historia realizada sobre a arte rupestre do concello. En total limpáronse un total de 29 paneis gravados así como os seus accesos e contornas. O esforzo para levalo a cabo do por entón concelleiro Jorge Duarte garantiu o acceso a estes bens nestes últimos anos.

Desde o ano 2013 o Concello de Teo ven realizando anualmente a limpeza e mantemento dos accesos e a contorna dun bo número das súas estacións rupestres. No ano 2018 inaugurou a súa exitosa ruta dos petróglifos PR-G 238, un importante avance para a promoción e conservación dos petróglifos da comarca, converténdose na primeira homologada de carácter arqueolóxico da comarca de Compostela. Na última reunión de Compostela Rupestre aprobouse a limpeza e adquisición dos terreos que permitirán continuar coa valorización do patrimonio cultural deste ruta.

En novembro de 2021 a Consellería de Cultura encargou a prospección, estudo e documentación da ruína da Capela de Novais no concello de Val do Dubra que publicaramos dous meses antes.

No que respecta á divulgación son ben coñecidas as rutas que realizamos tódolos anos en colaboración co concello de Teo desde o ano 2013 e nas que xa teñen participado máis dun milleiro de persoas. Algo menos coñecidas son as visitas que realizamos tamén con este concello cos alumnos dos centros escolares e que só a Covid ten limitados nos últimos anos.

Cartel da primeira visita aos petróglifos de Monte Castelo en Ames

Tamén en colaboración co Concello de Ames realizamos varias visitas guiadas aos seus petróglifos (2016, 2018 e 2020), así como co Concello de Santiago realizamos xa hai uns anos visitas ao Castriño de Conxo (2018), a Devesa da Rula co FICRURAL e aos taboleiros de xogo co FICRURAL, o programa Boas Noites 2018 e os centros socioculturais.

Este é un resumo apresurado das principais accións desenvolvidas a prol da arte rupestre da nosa comarca nas que participaron as administracións públicas e que non están recollidas nese documento económico de execución do Proxecto Compostela Rupestre incluído na nota de prensa.

No referente á catalogación das estacións rupestres localizadas nestes anos de funcionamento de Compostela Rupestre só queremos indicar que o corpus de xacementos catalogados acadou a cifra de 150 elemento fronte a media centena inicial.

Todos estes datos que aquí expoñemos non implican que consideremos que a actual situación de conservación e divulgación da arte rupestre da comarca sexa a desexada, a óptima. Cando somos convidados a participar no órgano consultivo incidimos na necesidade de garantir a conservación dos petróglifos realizando unha primeira limpeza xeral da contorna de tódolos xacementos e os seus accesos, o que facilitaría a execución de traballos posteriores, así como a elaboración dun protocolo e un calendario periódico de limpezas. Desde o inicio insistimos na necesidade de promover desde o proxecto unha labor investigadora multidisciplinar con continuidade no tempo co obxectivo de acadar un mellor coñecemento do fenómeno rupestre na nosa comarca.

Recentemente o Consello de Compostela Rupestre informou dunha asignación orzamentaria para a limpeza dos xacementos. Esperamos que a execución destes traballos non se dilaten no tempo e sirvan tamén para establecer as pautas e tempos para un mantemento eficiente dos petróglifos a longo prazo.

En resumo, aínda que compartimos certas inquedanzas sobre o desenvolvido e acadado ata o de agora polo proxecto Compostela Rupestre quixemos expor brevemente que, na nosa opinión, tense avanzado algo máis que o recollido na nota de prensa referida e, queremos confiar en que este ano se acaden algúns dos obxectivos prioritarios que nos marcamos cando no ano 2014 discutimos, acordamos e redactamos unha ambiciosa proposta de traballo chamada Compostela Rupestre.

O petróglifo de Labanquiños en Ames 74 anos despois


Cando o ano pasado publicamos o libro – catálogo dos fondos do Arquivo gráfico de Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza, agardabamos que puidera abrir novas liñas de investigación e, incluso, facilitar importantes pistas para a recuperación dalgunha das estacións de arte rupestre estudadas por este grande persoeiro da arqueoloxía galega, estacións que, a día de hoxe, seguen en paradoiro descoñecido. O enorme esforzo que supuxo para a nosa pequena entidade sacar adiante este proxecto de recuperación do seu legado comeza a dar os resultados desexados.

Grazas ás antigas fotografías do libro o historiador da arte e grande investigador dos petróglifos das comarcas de Compostela e o Barbanza Xoán Guitián Rivera identificou os antigos gravados estudados por Sobrino Lorenzo Ruza cunha estación que hai máis dunha década localizara despois de producirse un incendio nos Montes de Tapia. Daquela, diferentes circunstancias persoais impedíronlle regresar á zona e proseguir co seu estudo. Non obstante, agora, ó ver as fotos de Sobrino Lorenzo púxose en contacto con nós e facilitounos non só os datos que recompilara do seu arquivo persoal senón que, ademais, se ofreceu a guiarnos ata a zona, coñecida como os Chaos do Norte, preto da estrada que dende a igrexa de San Cristovo de Tapia ascende cara ó Chan do Monte e conduce a diferentes aldeas da parroquia de Santa María de Ameixenda.

Petróglifo de Labanquiños. Ramón sobrino Lorenzo Ruza

Na actualidade, a zona está abandonada e cuberta pola vexetación, con toxos de máis de dous metros de altura e eucaliptos ventureiros espallados por toda a parcela, xa que dende o incendio que lle permitira a Xoán localizar os gravados non houbo ningún tipo de actuación ou actividade forestal nesta parte dos Montes de Tapia.

Non sen dificultade, logramos abrir un pequeno carreiro dende a estrada ata a peneda para, finalmente, volver observar os gravados que descubrira hai máis de oitenta anos Oscar Lojo Batalla – Sampedro, que posteriormente, no ano 1948, visitara e estudara o arqueólogo Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza (1948) e que dende entón só vira de novo o noso guía.

Vista aérea da estación, a carón da estrada

Podedes imaxinar a emoción ó ollar in situ esas gravuras e poder comparar o seu estado de conservación coas antigas fotografías de Sobrino. Só por iso as moitas horas investidas no labor de clasificación, organización e divulgación do Arquivo da familia Nuñez Sobrino xa mereceron a pena, acadamos un dos grandes obxectivos do libro.

Os “ruleiros” participantes nesta xeira por Tapia recordaremos no futuro esta xornada que compartimos con Xoán e co profesor Fernando Alonso Romero, outro vello “roqueiro” que non quixo perderse a visita e redescuberta desta xoia rupestre de Ames.

Labanquiños na Historia. Óscar Lojo – Batalla

Os petróglifos de Labanquiños foron descubertos por un dos persoeiros da historia amesá, Oscar Lojo – Batalla Sampedro (1873 – 1963), sobriño de Casto Sampedro Folgar, o primeiro presidente da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra.

Naceu nunha casa da aldea de Vilouta (parroquia de San Cristovo de Tapia – Ames) onde o seu pai, o médico Batalla, atendía á veciñanza. Emigrou moi novo a Bos Aires onde traballou en varias actividades comerciais para regresar a Galiza na década de 1920, para facerse cargo e xestionar a herdanza familiar. Nomeado alcalde de Ames o 16 de setembro de 1930 mantivo o seu cargo durante a Segunda República ata a súa destitución polo réxime franquista o 11 de xullo de 1936, segundo recollen os libros das actas plenarias que custodia o Arquivo Municipal de Ames.

Durante o seu goberno realizou melloras nas infraestruturas municipais e no sistema educativo. Arranxou e abriu novas estradas, fundou varias escolas, mesmo costeou do seu peto a de Tapia, e participou activamente promovendo a creación en Barouta dunha feira de gando e produtos agrícolas de proximidade. Foi un alcalde moi querido polo pobo, segundo conta Maximino Viaño García (cronista oficial de Ames), moi próximo á cidadanía e sempre disposto a facer favores,

“Ía camiñando ó concello e a ida recollía os encargos que lle facían os veciños. Cando viña de volta repartíalles as resolucións”.

Isto pode explicar que sexa un dos poucos alcaldes republicanos que foi homenaxeado aínda en tempos franquistas. As actas municipais do 23/12/1964 e 26/09/1969 dan conta do expediente da súa homenaxe así como da constitución da “Comisión para o desenvolvemento dos actos e o seu patrocinio”.

Imaxe da inauguración do busto en homenaxe a Óscar Lojo Batalla no ano 1969

Durante o acto de homenaxe inaugurouse o monumento erixido na súa honra ó carón da escola de Tapia que el mesmo sufragou. O busto é obra do escultor Andrés Barbazán, o último grande escultor da Barcala, que tiña o seu obradoiro en Logrosa. Neste acto participaron o propio Maximino Viaño, que realizou un emotivo discurso ó homenaxeado, a súa sobriña a poeta Lili Batalla, o alcalde Lorenzo Puente en representación municipal e o alcumado “cura poeta”, Casimiro Cubela, entre outras personalidades e veciños/as que coñeceron ó seu querido veciño de Vilouta. Xa en maio de 2014, o grupo político municipal “Ames Novo” celebrou, ó carón do busto de don Óscar, unha homenaxe á corporación republicana, que presidiu ata o seu cesamento en xullo de 1936.

Busto adicado a Óscar Lojo Batalla en Tapia

Óscar Lojo tamén colaborou con Cruz Gallástegui na Misión Biolóxica de Salcedo e foi moi afeccionado á arqueoloxía. Non só descubriu os grandes petróglifos amesáns senón tamén realizou importantes achados de lápidas e sartegos en Troitosende e na contorna da capela da Magdalena.

En 1908, no lugar da Eira de Vilacoba (Troitosende, A Baña), atopou unha interesante estela anepigráfica descontextualizada de 1,42 m de altura e 0,40 m de ancho. Presenta gravados só por unha das súas caras. O extremo superior ten forma discoide cunha cabeza inscrita en dous círculos concéntricos e unha representación moi basta dos ollos, nariz e boca. A parte central e inferior está decorada a base de formas xeométricas: aspas, triángulos e barras horizontais.

Estela de Troitosende (M. Boga).

A estela foi estudada por numerosos investigadores, españois e extranxeiros, que achegaron diferentes interpretacións: Cabré (1915), Frankowski (1920), Octobon (1931), H.Breuil (1935), Filgueira Valverde & Dors (1955), Anati (1968), Cuevillas (1973), J.Arnal (1976), Landau (1977), Jordá (1978), Vázquez Varela (1980), Rodríguez Álvarez (1981), Pereira Menaut & Caamaño García (1993), Alonso Braña (1996), Maya González & Ramón Álvarez (2001), Bueno Ramírez (2009), etc. Inicialmente adscribiuse a un período comprendido entre o Neolítico e a Idade do Ferro, pero a interpretación cronolóxica muda a partir das consideracións publicadas por Vázquez Varela en 1980, que a adscribe á época romana.

Na actualidade, existe un certo consenso e a maioría dos estudosos dátana entorno ó s. IV, polas súas similitudes con outras lápidas / estelas semellantes como as de Mixós (Monterrei), Ouzande (A Estrada), Seira (Rois), As Coroas de Reigosa (A Pastoriza), Tines (Vimianzo) ou Tarañes (Asturias), que tamén presentan as características aspas como elemento decorativo. Esta peza e outros achados cedeunos ó Museo de Pontevedra onde se custodian na actualidade. En 1979 localizouse unha segunda estela romana no lugar de Vilacoba tamén en Troitosende (Caamaño Gesto, 1981).

As xeiras arqueolóxicas de Ramón Sobrino Lorenzo

Sobrino Lorenzo enumera as descubertas rupestres da comarca realizadas por Óscar Lojo nunha das “papeletas” publicadas no Noticiario Arqueológico Hispánico (1952):

“Laxe Negra, el de Laxe de Monte de Pedras (frente al castro de Ventosa), el de Liñaredo, el de los montes de Tapia (Labanquiños) y el de Penedo do Toutón en Monte Pedroso (actualmente Correxíns en Figueiras), cerca de Santiago, fueron todos ellos descubiertos por D. Oscar Lojo Batalla, quien nos acompañó y nos dio las referencias para su localización”.

Estoxo das fotografías de Labanquiños de RSLR

Tamén coñecemos, polas súas axendas persoais, a data exacta desa primeira visita a Labanquiños con don Óscar, concretamente o 15 de setembro de 1948:

Vamos a las 2 de la tarde a comer a Tapia con D.Óscar Lojo Batalla. Después con él a Labanquiños (monte de Tapia) y Liñaredo (monte de Ames), a ver dos petroglifos.”

Polas súas anotacións no estoxo das fotografías sabemos que tamén estivo presente o naturalista e profesor da USC Gustavo Varela – Radío Gutiérrez de Caviedes (1908-2003), veciño de Lens, o outro colaborador habitual do arqueólogo por terras amesás.  Foi unha longa xeira de 25 quilómetros polos montes de Tapia e Cortegada nos que tamén visitaron os petróglifos de Liñaredo que, por desgraza, aínda seguen en paradoiro descoñecido.

Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza no petróglifo de Labanquiños

Durante a xornada Sobrino tomou 4 fotografías de Labanquiños e realizou dous bosquexos a lapis que finalizou posteriormente no seu gabinete. Recollemos estes pequenos pormenores daquela expedición pois reflicten moi ben como eran aqueles traballos de rexistro arqueolóxico do investigador pontevedrés e amosan a súa paixón pola nosa arte rupestre.

Daquela non había estradas, sinala Maximino Viaño, empregaron o “camiño da vila” de Tapia ao Mercuto (Ameixenda) “que arranxaron os propios veciños”.

Deseño de RSLR do petróglifo de Labanquiños
Anotación de RSLR

Localización do petróglifo

Plano de localización do petróglifo de Labanquiños
Plano de localización. Pormenor do mapa arqueoloxico da comarca de Santiago elaborado por RSLR. 1953

Concello: Ames

Parroquia: San Cristovo de Tapia

Lugar: Mámoa / Vilouta

Sitio: Chaos do Monte / Labanquiños / Lavanquiños

Coordenadas Xeográficas: 42°55’30.71″N – 8°38’39.99″W

Proxección UTM: 29 T 529127 4752786 (Datum: WGS 84)

R.C.: 15002A513001480000BK

Acceso: Dende a igrexa parroquial de San Cristovo de Tapia subimos uns 900 metros pola estrada que conduce a Ameixenda e Cortegada. O petróglifo atópase preto dun cruce cunha pista forestal e a só 15 metros á esquerda da estrada.

Referencia código Patrimonio: Petróglifo sen Catalogar. Os bens arqueolóxicos máis próximos son as catro mámoas que compoñen a necrópole megalítica das Madorras a uns 750 m ó leste,  pertencentes xa á parroquia da Ameixenda.

Descrición dos gravados

Petróglifo situado nun afloramento granítico de bo porte (540 x 340 x 160 cm) con tres paneis con gravados.  

Vista cenital da estación con indicación dos paneis e as súas dimensións

Panel 1

Na parte central e máis elevada da rocha figura o panel 1, o panel principal, con dúas combinacións de círculos concéntricos. A combinación (A) mellor conservada, de 40 cm de diámetro, presenta 5 aneis, os dous últimos incompletos, con dous sucos de saída que parten da coviña central, un cara o N e outro ó SE. A 60 cm ó SO hai unha segunda combinación (B) moito máis erosionada, de 42 cm, que conta con 6 aneis e dous sucos de saída, ambos finalizan nunha coviña (C), rodeada por un anel duns 8 cm, situados no bordo inferior da laxe, ó SE.

Do último círculo da combinación A sae un suco cara a un pequeno círculo con coviña no seu interior (D).

Panel 1. Fotogrametría

No mesmo borde inferior da superficie próxima ó motivo C consérvase un círculo con coviñas no seu interior (E), alterado por unha fisura da rocha. Un círculo con coviñas similar (F) tamén se localiza no bordo inferior da superficie, por debaixo dos alfabetiformes.

Fotogrametría do panel 1 con indicación dos motivos

Na parte oeste do panel constan tres alfabetiformes separados con puntos, realizados a cicel, “A.B.R.”, imaxinamos que se trata das iniciais dalgún veciño que hai unhas cantas décadas quixo deixar a súa pegada ó carón das gravuras prehistóricas. Tamén observamos restos doutras posibles iniciais case imperceptibles por encima. Por debaixo distinguimos as letras 1 P S E.

Alfabetiformes do panel 1. Fotografía con iluminación artificial

Panel 2

Nun chanzo inferior a rentes do chan e aproveitando unha superficie case plana (230 x 195 cm) figuran preto de 40 coviñas e cazoletas de diferentes tamaños, as máis grandes de 12 cm de diámetro por catro de profundidade e as máis pequenas de apenas 3 cm x 0,5 cm. A maioría concéntranse agrupadas na parte superior do panel (zona N – NW) e algúns destes furados están unidos entre si por sucos. Al menos unha das coviñas presenta un anel moi erosionado ó seu redor.

Alén desta agrupación de coviñas, podemos ollar un par de coviñas illadas no extremo oriental da rocha, separadas do grupo anterior por unha fenda que divide o panel en dúas partes, esta segunda parte a menor altura.

Panel 3

Finalmente, no canto superior do afloramento granítico, cara o N, consérvanse moi deteriorado un círculo con coviñas no seu interior (A) que se acomoda á forma dunha protuberancia da rocha, Ó seu carón dous círculos concéntricos de formas irregulares (B). Un suco semella conformar un círculo incompleto (D). Unha última combinación circular de cando menos dous círculos concéntricos consérvase moi deteriorada. Todos estes motivos son practicamente imperceptibles con luz diúrna. Próximos a estes motivos observamos uns rebaixes na superficie de posible orixe antrópica.

Fotogrametría do panel 3 con indicación dos motivos

Recuperación dunha alfaia rupestre

Como acontecera co petróglifo do Monte das Pedras ou Monte Castelo o arquivo de R. Sobrino Lorenzo – Ruza, facilitounos a recuperación doutra das grandes xoias rupestres do municipio de Ames. Neste sentido, co obxecto de evitar que volva a caer no esquecemento, remitimos solicitude as autoridades competentes para que procedan a súa urxente catalogación e así evitar calquera posible dano asociado ás actividades forestais ou ós incendios forestais que periodicamente afectan a esta zona.

Asemade, solicitamos a súa inclusión no Plan Director de Compostela Rupestre, a súa limpeza e a súa posterior valorización e socialización. Unha vez recibidos eses coidados agardamos que este singular ben cultural sexa un novo recurso turístico de grande valor.

Como sinala o artigo 7 da Carta internacional para a xestión do patrimonio arqueolóxico do ICOMOS (1990):

“a difusión do patrimonio arqueolóxico é o medio máis eficaz para acadar a súa protección e conservación”.

Ao mesmo tempo, deberiamos engadir que non podemos valorar o que descoñecemos. Neste sentido, A Rula seguirá loitando pola recuperación deste legado cultural único que R. Sobrino Lorenzo – Ruza dignificou no seu tempo e que o desleixo posterior ocultou. Recuperados Monte Castelo e Labanquiños, quedan agora Liñaredo (Ames) e o Agro da Cacharroa (Teo), por localizar na nosa comarca, seguiremos na súa procura. 

Xoán Guitián e Fernando Alonso no petróglifo de Labanquiños

Agradecementos

Queremos agradecer novamente a Xoán Guitián a súa inestimable colaboración, que nos permitiu dar con este xacemento arqueolóxico tan especial. Ó noso estimado compañeiro de aventuras, Fernando Alonso Romero, por achegarnos a súa sabia visión e interpretación deste e doutros bens culturais do noso país, as súas ensinanzas sempre alumean o camiño da Rula. A Maximino Viaño, por contarnos como era don Óscar Lojo e por promover a recuperación da súa figura. Agradecerlle tamén as súas inestimables colaboracións na procura destes bens esquecidos das terras da Maia. Finalmente, grazas ós socios do noso Colectivo por manter vivas as ansias por coñecer esta e outras historias relacionadas co noso patrimonio cultural.

Maximino Viaño nunha das procuras do petróglifo de Labanquiños co Colectivo A Rula en 2016

Bibliografía

Alonso Braña, Juan José, Contribución al estudio del fenómeno tumular y megalítico en el Bajo Tambre. Tese de Licenciatura. USC. 1996

Boga, M. “Estatua-menhir de Troitosende. A Baña, A Coruña”.  O blog do megalitismo de Galicia: antas-dolmenes, pedrafitas-menhires e círculos de pedra.(2012)

Cabré, J. Losas funerarias de ¿túmulos? de Troitosende, Baña, orilla del río Tambre (La Coruña): Dos semi – esculturas humanas, existentes en el Museo Arqueológico de Pontevedra. 1915

Cabré, Juan: “El Arte Rupestre en España”. MNCN. Madrid, 1915

Colectivo A Rula: “A Redescuberta do Monte Castelo. Unha excursión ó ano 1909”. Blog Colectivo A Rula (2015)

Colectivo A Rula: “Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza: memoria e legado dos petroglifos”. Colectivo A Rula. Santiago de Compostela, 2020

Landau, J. “Les representations anthropomorphes megalitiques de la region mediterraneé (3 au 1 millenaire) CNRS, Paris 1977

Maya González, J.L., álvarez Arza, R. “La estatua-pilar de Santa María de Tarañes (Ponga-Asturias) y su relación con la de Troitosende”. Complutum, 12. 2001.

Vázquez Varela, J.M. “La estela de Troitosende: uso y abuso de paralelismos en el Arte Prehistórico” Brigantium, núm 1. p. 83 -91. 1980.

Viaño, Maximino: Faceta humana de Oscar Lojo Batalla -Sampedro y otros (Perfil Facebook).

Viaño, Maximino: “Breve Biografía de Óscar Lojo Batalla – Sampedro”. Praza de Ames, 8 maio de 2014

DOCUMENTACIÓN ARQUIVO

Aquivo Núñez Sobrino, Fondo dixital de Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza

Arquivo Municipal de Ames

Actas Plenarias de 1930 – 1936

Actas Plenarias de 1967 – 1969

(Agradecementos a Guadulpe Rendal Pampín, técnica do Arquivo, pola súa colaboración)

Os petróglifos da Pedra dos Miralles ao carón da Pedra que Fala en San Xoán de Fecha, Compostela


A monumental Pedra que Fala é, hoxe en día, unha estación rupestre coñecida, en boa medida grazas á publicación, no ano 1968, do excelente estudo monográfico de Carlos García Martínez. Foi o intelectual compostelán un destacado investigador da nosa arte rupestre, cun dilatado número de publicacións sobre a materia no seu haber, felizmente recollidas na súa coidada Obra Completa, editada no ano 2020 polo seu querido Museo do Pobo Galego.

No seu artigo, García Martínez sinala a riqueza de xacementos arqueolóxicos conservados na súa contorna, de gran interese, como o castro/castelo de Portomeiro ou o Castromaior, coa súa enigmática Pedra do Parágoas. Nos últimos anos incorporouse a este grupo o petróglifo de San Xoán de Fecha, un cruciforme localizado polo equipo encargado dos traballos de catalogación do ano 2016 para o proxecto Compostela Rupestre. E por último, no ano 2019, publicamos o conxunto rupestre de Fonte Matanzas, na aba sur do Monte Espiñeira.

Petróglifo de San Xoán de Fecha

Pero tamén chegou, por desgraza, a ameaza na intención de transformar as canteiras abandonadas próximas, as concesións mineiras Blanquita 1 e 2, nun vertedoiro de lixo, intención contra a que están a mobilizarse os veciños afectados, organizados na Asociación A Pedra que Fala, aos que, desde aquí, desexamos éxito no seu empeño. As canteiras localízanse a poucos metros ao oeste do castro de Castromaior.

Plano de localización dos petróglifos da Pedra dos Miralles (en vermello) e dos bens culturais catalogados máis próximos. Fonte Visor PBA

No ano 2018, sufragados pola Xunta de Galicia, realizáronse por todo o país traballos de actualización e corrección das fichas de rexistro dos bens patrimoniais recollidos no “Catálogo” da Dirección Xeral de Patrimonio. Lamentablemente, o resultado destes esperados traballos non se incorporaron ao visor web do Plan Básico Autonómico e, tan só figuran as súas áreas de protección no visor web de aproveitamentos forestais, sen máis información.

Un dos froitos destes traballos na nosa comarca foi a incorporación ao catálogo dunha nova estación rupestre, o petróglifo de Pedra dos Miralles (GA15078197), localizada a escasos 200 metros ao leste da Pedra que Fala. Esta nova estación ten acaroada no seu lado este outra explotación mineira, a Concesión Fecha – Pedra dos Miralles, a uns escasos 100 metros de distancia, que aproveita o mesmo campo filoniano de Fecha que desde Portomeiro chega ata Miramontes.

A paisaxe na que se integra está formada por pequenas veigas, terras chas e montes rochosos de mediana altura ocupados por eucaliptos e monte baixo de toxos e breixos.

Trátase dun afloramento granítico que ocupa o cumio dun outeiro que domina as terras máis chairas da contorna. É un conxunto de rochas de superficies irregulares que alcanzan alturas de máis de 3 metros nos seus lados norte, sur e oeste, sendo menor as alturas acadas no lado leste. Nestas superficies destaca a presenza de numerosas pías naturais de formas diversas, boa parte delas conectadas entre si por medio de pequenas canles.

Pedra dos Miralles 1

Nunha das pequenas superficies horizontais do cumio, que ocupa unha posición central no lado oeste, localízase o panel catalogado cunha pequena combinación de dous círculos concéntricos incompletos e coviña central. Ten un diámetro de 22 cm. A escasa distancia deste motivo un pequeno suco recto e unha coviña. A superficie ten unhas dimensións de 240 por 180 cm.

Pedra dos Miralles 1. Fotografía con iluminación artificial

A combinación ten unha feitura irregular e está incompleta. A superficie gravada presenta un suave rebaixe en forma de rectángulo coas esquinas redondeadas, quizais realizado polo gravador quizais para acadar unha superficie máis homoxénea na que gravar os motivos.

Pedra dos Miralles 1. Fotogrametría

Pedra dos Miralles 2

Na nosa visita á estación recentemente catalogada localizamos unha segunda superficie con gravados a poucos metros da primeira, no lado sur da cima rochosa do outeiro. ten unhas dimensións de 400 por 130 cm. É unha superficie regular inclinada cara o sur/suroeste, cruzada por unha diáclase que a divide en dous. Conserva un conxunto de motivos moi erosionados que dificulta a súa visualización.

Pedra dos Miralles 2. Fotogrametría

Contabilizamos 23 cruciformes de diferentes tipoloxías, catro ferraduras, unha coviña e algún suco indeterminado. Unha das ferraduras (F2) prolonga un dos seus brazos chegando a conectar cunha cruz grega potenzada (C6).

Pedra dos Miralles 2. Extremo norte

Os sucos destas figuras, que tipoloxicamente fainos pensar en datas históricas, curiosamente non difire moito das características dos sucos da combinación circular de Pedra dos Miralles 1, de clara adscrición prehistórica, todas elas presentan sucos estreitos e pouco profundos que dificultan a súa visualización.

Pedra dos Miralles 2. Extremo sur

A tipoloxía máis repetida nestes cruciformes é a de cruz de brazos iguais, as máis delas con remates potenzados.

O conxunto rupestre Pedra que Fala – Pedra dos Miralles

Estas dúas estacións rupestres teñen varias características en común. A máis evidente a súa localización en posicións dominantes sobre un cruce de camiños, elemento que vertebra as comunicacións deste territorio. Desde ambas, o control visual do cruce e a súa contorna é total, só limitado cara o oeste polo Castromaior.

Por outra banda, tanto as cruces e ferraduras como as combinacións circulares están presentes en ambas estacións. Na Pedra dos Miralles a superficie coa combinación circular está orientada cara o oeste, cara a Pedra que Fala.

A Pedra que Fala. Cruz e ferraduras

A riqueza patrimonial da contorna do Castromaior faise máis evidente con esta nova estación. Malia todo, o estado de conservación destes bens é regular, con gravuras moi desgastadas pola erosión e a actividade antrópica. Ningún dos bens teñen accesos habilitados para a súa visita.

A Pedra que Fala. Cruciformes

No caso da Pedra que Fala, o recentemente elaborado Plan Director de Compostela Rupestre propón unha serie de intervencións tendentes a garantir a súa boa conservación e a facilitar a súa visita. Esperamos que non se dilate no tempo polo menos a limpeza de eucaliptos que enchen as proximidades da peneda gravada e impiden a súa correcta visualización, e quen sabe se con bos coidados a peneda recupera co tempo a voz perdida.

Procedemos a notificar á Dirección Xeral de Patrimonio os datos desta segunda superficie con gravados, así como a solicitarlles a súa valoración e catalogación.

O petróglifo do Gavis. A primeira estación de arte Atlántica do concello de Val do Dubra e o proxecto do parque eólico de Vilartoxo


O pasado mes de abril os técnicos da empresa Zeta Arqueoloxía, S.L., encargados do Informe de impacto sobre o patrimonio dun dos parques eólicos proxectados no concello de Val do Dubra, o do parque eólico de Vilartoxo, localizaron na parroquia de San Román, no lugar de Xermil, a primeira estación de arte rupestre prehistórica do concello, ademais de dúas mámoas denominadas Fondo do Val 1 e 2.

Petróglifo do Gavis, fotografía con iluminación artificial

A pesar da proximidade do municipio con algúns dos conxuntos rupestres máis destacados da comarca, ata o de agora, só coñecíamos unha estación de gravados rupestres no concello de Val do Dubra, o petróglifo do Castro de Portomouro (GA15088030), un panel formado por motivos de clara adscrición histórica, cruces e coviñas. Recentemente demos conta destes gravados no noso blog, concretamente o pasado mes de setembro.

Os elementos patrimoniais catalogados máis próximos a esta nova estación son as mámoas de Porto Rabeiro 1 (GA15088003) e Porto Rabeiro 2 (GA15088004). A primeira delas presenta un gran cono de violación e na memoria dos veciños consérvase o recordo da existencia, ata non hai moito, de ortostatos da súa cámara dolménica. A mámoa núm. 2 destaca polas súas grandes dimensións e o seu aparente bo estado de conservación. Ambos xacementos están plantados con eucaliptos que non respectan as disposicións legais aplicables á protección destes bens patrimoniais.

Plano de localización do petróglifo do Gavis e as mámoas de Porto Rabeiro 1 e 2

Cara o sur localízanse as necrópoles megalíticas de Bugalleira (GA15088020 e GA15088029) e de Monte da Medorra (GA150070703 e GA150070704) no veciño concello da Baña, así como o xacemento romano de Bugalleira (GA15007007). Ó norte localízase o castro de Paramos (GA15088024).

O petróglifo do Gavis atópase a escasos metros do límite parroquial e no linde co concello da Baña, nun piñeiral de superficie chan sementada por pequenos afloramentos rochosos de xisto pouco destacados sobre o terreo. Coordenadas WGS84 N 42 58.464, W 8 41.255, altitude 358 m, a 500 metros ao suroeste do lugar de Xermil.

O afloramento escollido polo gravador non é o habitual de granito. A escolla dun soporte de xisto probablemente fose motivada pola escaseza no lugar de afloramentos graníticos máis apropiados. A rocha é de pequenas dimensións e superficies moi irregulares. Na súa parte máis longa alcanza os 5,40 metros, sendo o ancho de 2,15 metros e alcanza un alto de 93 cm. Apenas presenta superficies horizontais, a escollida polo gravador está inclinada e orientada ao oeste, e mide 2,15 metros de largo, 95 cm de ancho e 60 cm de alto.

Petróglifo do Gavis, fotografía con luz natural e superficie mollada

Nela consérvase un único motivo, unha combinación circular composta por unha coviña central, 5 círculos concéntricos, o último incompleto, así como un radio sinuoso que cruza o motivo. A superficie gravada segue unha inclinación descendente E-O. A figura ten un diámetro de 60 cm ata o círculo exterior incompleto, e 50 cm ata o último completo.

Plano de localización dos bens patrimoniais e as infraestruturas proxectadas

En resumo, trátase dunha sinxela estación, pero non por iso carente de interese, tendo en conta as súas particularidades, como son o soporte elixido para gravar, así como o de ser o primeiro xacemento rupestre prehistórico coñecido no concello de Val do Dubra, co que se van completando os baleiros do mapa de distribución dos petróglifos da nosa comarca. Outro aspecto de interese e merecente dun estudo en profundidade é a proximidade do gravado ás 4 mámoas.

Petróglifo do Gavis, fotogrametría

O futuro da estación. O parque eólico proxectado

O conxunto de bens arqueolóxicos afectados por este proxecto e recollidos no seu estudo de impacto sobre o patrimonio son os seguintes:

• GA 15088020: Mámoa de Bugalleiras 1
• GA 15007007: Xacemento de Bugalleiras
• GA 15007070: Petróglifo de Pena Furada
• GA 15007071: Petróglifo do Monte da Calexa
• GA 15007003: Mámoa do Monte da Medorra 1
• GA 15007004: Mámoa do Monte da Medorra 2
• GA 15088003: Mámoa do Ponte Rabeiro 1
• GA 15088004: Mámoa do Ponte Rabeiro 2
• GA 15007002: Mámoa de Salgueiráns 1
• GA 15007009: Mámoa de Salgueiráns 2
• GA 15088029: Mámoa de Bugalleiras 2
• GA 15007066: Mámoa de Turrisqueira
• GA 15007015: Castro de Lañas
• Túmulo 01: Mámoa de Fondo de Val 1
• Túmulo 02: Mámoa de Fondo de Val 2
• Petroglifo 01: Petroglifo do Gavis

Plano de situación cos 5 dos bens patrimoniais e as infraestruturas proxectadas

Entre estes bens son 7 os que, segundo o informe, reciben impactos moderados:

Mámoa do Monte da Medorra 1, atravesada por un camiño polo que pasaría a pista de acceso e unha gabia de cableado.

Mámoa do Monte da Medorra 2, xa afectado por unha pista forestal por onde iría a pista de acceso e gabia de cableado.

Mámoa de Porto Rabeiro 1, o acceso e a gabia de cableado irían a 14 metros do elemento patrimonial, por unha pista forestal xa existente.

Mámoa de Porto Rabeiro 2, o acceso e a gabia de cableado irían a 30 metros do elemento patrimonial, por unha pista forestal xa existente.

Petróglifo do Gavis, o acceso e a gabia de cableado irían a uns 27 metros do elemento patrimonial, por unha pista forestal xa existente.

Mámoa do Fondo do Val 1, con estruturas deseñadas a 50 metros do ben.

Mámoa do Fondo do Val 2, con estruturas deseñadas a 50 metros do ben.

Plano de localización das mámoas do Monte da Medorra 1 e 2 e as infraestruturas proxectadas

Na avaliación de impacto dos 5 primeiros bens repítese, semella que a modo de invocación, o seguinte:

“El vial del parque se ha diseñado de tal manera que no ocupa superficies no afectadas previamente en esta zona, y las ampliaciones, al igual que la zanja, se ejecutan hacia el lado opuesto del elemento”.

Afirmacións que non se axustan á realidade xa que na maioría dos casos trátase de impactos directos sobre os bens ou sobre as súas contornas, alteracións irreversibles que en ningún caso deberían ter a valoración de moderados. Por outra parte a existencia de alteracións previas non debe servir, en ningún caso, como elemento xustificante dunha afectación directa sen volta atrás sobre un ben patrimonial.

É evidente que as pistas de acceso e gabias necesarias para dar servizo ao parque requiren uns anchos maiores que o das pistas existentes (como se pode apreciar nas imaxes que acompañan ao informe), e que a execución destas ampliacións implicaría, nalgúns casos, a destrución ou desaparición case total destes bens patrimoniais, polo que semella que en realidade se está a pedir unha autorización para realizar unha destrución controlada.

Confiamos en que a Dirección Xeral de Patrimonio comparta estas opinións e que, como garante da legalidade, emita o informe correspondente que corrixa estas valoracións.

Non queremos rematar esta entrada sen apoiar publicamente os esforzos que están a realizar os veciños e a Asociación Vento Libre de San Román Val do Dubra para que este proxecto eólico non altere irremediablemente o seu territorio. Grazas polo vosa loita e traballo.

Non ao parque eólico no Monte Piquiño


Hai pouco máis dun mes mostrábamos a nosa preocupación ante as primeiras novas que chegaban dende o goberno teense en relación á posible construción dun parque eólico na área do Monte Piquiño.

Outeiros do Monte Piquiño entre a néboa do val do Ulla. Fotografía Noel Feáns.

En 2012 xa loitamos para evitar a construción dun proxecto promovido pola empresa Beltaine que tentaba realizar un parque eólico nos concellos de Teo e Padrón. Daquela, a oposición municipal, o traballo dos técnicos municipais e o rexeitamento de boa parte do tecido asociativo, favorecidos por diversas circunstancias conxunturais, lograron frear aquel proxecto irracional. Isto permitiu que hoxe o Plan Director do Proxecto de Compostela Rupestre planee deseñar neste mítico espazo do Monte Piquiño un dos parques arqueolóxicos que serán piares vertebrais deste ambicioso proxecto cultural e turístico.

Hai só uns días tivemos coñecemento de que os nosos peores presaxios ficaron curtos. Nunca chegaríamos a imaxinar o que a empresa “Green Capital Development 117, S.L” pretende acometer en Teo. Esta entidade está a tramitar ante a área de Industria e Enerxía da Delegación de Goberno da Coruña un proxecto que afecta a cinco parroquias teenses e ó monte da Pena das Cruces / Pena Angueira na parroquia padronesa de Santa María das Cruces.

Lembrade que no seu día “Beltaine” proxectaba un parque cunha potencia de 27 (N)MW, agora pretenden obter xusto o dobre, é dicir, 54 (N)MW. Son tamén 9 aeroxeneradores, mais multiplicarán o seu tamaño para acadar esa potencia.

Se antes o proxecto afectaba esencialmente a dúas parroquias agora afecta a medio concello. Concretamente ás parroquias do S e O do municipio, entre a Maía e a Ribeira do Ulla. As novas normativas que afectan ao sector e os tamaños destes monstros da enxeñaría eólica obrigaron á empresa a espallar no territorio este proxecto que transformará os nosos montes nun gran parque industrial. Á marxe do citado muíño en Padrón, figuran 2 en Lampai, 1 en Rarís, 3 en Luou e 2 en Reis.

Eira dos Mouros da Lagoa. Ortofoto de 2006

Alén diso, cómpre ter en conta ao resto de infraestruturas asociadas ao parque, como as súas liñas da evacuación, que afectarán, asemade, á parroquia de Calo.

Estamos a falar das principais áreas naturais, históricas, patrimoniais e turísticas do noso concello. Para que teñades unha referencia, a propia poligonal do parque inclúe 68 bens patrimoniais catalogados (petróglifos, mámoas, fortificacións altomedievais, eiras dos mouros, cruceiros, conxuntos e vivendas tradicionais, hórreos, pontellas, muíños..), á marxe dos que fican sen catalogar e os que poidan aparecer baixo o mato. Só con referir este dato en ningún país minimamente civilizado a ninguén se lle ocorrería propor instalar un proxecto destas características neste espazo. Mesmo dirán que é compatible coa súa valorización social.

Fotografía do Petróglifo do Trono da Raíña (Loureiro – Luou).
A “Eira dos Mouros” do Monte Piquiño daba nome á revista escolar do CEIP da Ramallosa (1998). Seguimos a defender os mesmos valores daquela rapazada teense?. Farán o propio os nosos gobernantes?

Como podedes apreciar no plano que achegamos, sitúan os muíños xusto no bordo das áreas arqueolóxicas que recolle o Plan Básico Autonómico da Xunta de Galiza (PBA), mais as gabias que conectan os diferentes muíños non só atravesan estas áreas afectando gravemente a moitos dos bens arqueolóxicos, senón que tamén aproveitarían o trazado de camiños históricos, destruíndoos para sempre, e que hoxe forman parte de rutas homologadas como a GR-94 (Andaina Rural de Galicia) ou a PRG 238 (Ruta dos petróglifos de Teo), incluso da propia ruta xacobea do Camiño Portugués e do Mar de Arousa. Mesmo algunha das gabias atravesarían as propias aldeas coma no caso de Rial do Mato (Rarís).

Tamén cómpre incluír a maiores os bens afectados pola liña de evacuación do parque, un tendido aéreo coas súas torres, que marcan os diferentes cambios de trazado, e que pasa á rentes de bens culturais tan relevantes como o Pazo do Faramello, o Castro Lupario, o petróglifo do Faramello e a pontella de Paradela, á parte do efecto visual que suporía para o camiño portugués (que o atravesa) ou lugares tan emblemáticos como a carballeira de Francos.

Plano da Poligonal do Parque eólico de Green Capital con representación dos muíños, gabias e liña de evacuación, inclúe relación de bens patrimoniais e rutas homologadas afectadas.

Non tivemos acceso ó estudo de impacto ambiental, polo que descoñecemos datos aproximados sobre a desfeita na fauna e flora da zona, pero a perda da biodiversidade será significativa. Dende os espectaculares miradoiros naturais da Grela (Lampai) e Cabanelas (Reis) albiscaremos un Teo moi diferente.

Simulación do impacto visual dos muíños dende A Igrexa (Luou). Ortofotografía do google earth

Malia todo, a maior incidencia será para a veciñanza de aldeas como Veitureira, A Grela, Rial do Mato, Loureiro, Regoufe, Coira….Todas elas a pouco máis de cincocentos metros deses xigantescos viraventos. Aldeas desa “Galiza profunda” que defendemos cando nos convén e ficamos mudos cando máis precisan da nosa axuda e solidariedade.

Este novo escenario abrirá unha fenda estrutural que irá medrando paulatinamente, pronto esqueceremos como eran os montes que coidaron os nosos avós, escenarios míticos das nosas tradicións e aqueles sitios que nos conectan con noso pasado como os petróglifos e mámoas do Piquiño.

A perda progresiva do benestar destes veciños/as acentuará o despoboamento duns territorios que lamentablemente xa sofren o esquecemento dos nosos gobernantes. Non vos deixedes enganar por falsas enerxías verdes, o futuro é negro para estas aldeas teenses. Os eólicos non son tan inocuos como os pintan e implicarán enormes impactos negativos ao medio.

Enerxías renovables si pero non así

Cómpre unha profunda revisión do actual plan sectorial da Xunta que vulnera os dereitos fundamentais destas comunidades rurais. Realmente pensades que os parques eólicos mitigaron o esmorecemento progresivo do rural?

Contribuíron a xerar emprego?

Axudaron a baixar o prezo da electricidade?

Estas megaestruturas non mellorarán a vida cotiá da veciñanza.

Hai ducias de argumentos para facer fronte ao proxecto, e xa estamos a traballar para facer as oportunas alegacións, mais todo depende das sinerxías que logremos para facer fronte a unha empresa como Green Capital. As empresas eólicas con intereses comúns na mesma área xeográfica tamén xeran alianzas e chegan a acordos para deseñar proxectos en común, este é un bo exemplo, como evidencia o emprego da mesma liña de evacuación que usarán tamén outros parques.

A pasada semana, atendendo á convocatoria da asociación veciñal de Lampai, mantivemos unha primeira xuntanza con outros colectivos e asociacións teenses preocupados pola situación e para ver o xeito de facerlle fronte conxuntamente. A principal conclusión foi o descoñecemento xeral da cidadanía do impacto e consecuencias que tería este proxecto. Agardamos que esta primeira achega no blog sirva para ter unha primeira visión da súa magnitude e das implicacións futuras deste parque eólico proxectado por Green Capital.

Simulación do impacto visual dos muíños dende a Ponte Medieval de Pontevea

Por outra banda, somos coñecedores da oposición do grupo municipal do BNG que, a través de varios actos públicos na Ramallosa e Lampai, deixaron claro non só o rexeitamento ao proxecto teense senón tamén ao actual plan sectorial da Xunta.

É esencial votar abaixo o citado plan para evitar no futuro proxectos como o actual. Esperamos que o resto de formacións políticas teenses tamén manifesten o seu rexeitamento, pois sería un avance significativo cara a meta de defender conxuntamente o noso territorio.

Arestora a poboación de Teo loita para evitar que a antiga canteira sexa un vertedoiro, agora debe pelexar do mesmo xeito para facer fronte á invasión dos eólicos que se apropiarán dos nosos montes e hipotecarán o noso futuro.

Ímosllo permitir?

Depende de nós.

Só así poderemos ver os parrulos na lagoa da canteira ou a rapazada brincando entre os penedos do Piquiño.

Polo norte compostelán. A Pedra do Paraugas ou a Corte das Cabras, o Grisario, o petróglifo do Castro de Portomouro e a intrigante capela de Novais


Unha nova proposta de Fernando Alonso Romero levounos ata o castro de Castromaior en San Xoán de Fecha na procura dunha pedra con forma de fungo e coñecida desde antigo.

Fernando Alonso Romero no Castro Maior

Lamascal, Castro Maior e a Pedra do Paragoas ou a Corte das Cabras

O noso punto de partida foi unha publicación do ano 1897 titulada “The dolmens of Ireland”, obra de William Copeland Borlase, un anticuario e político liberal inglés que, curiosidade, rematou os seus días completamente arruinado:

At Fecha in the Castro Grande is a rock called the Piedra del Paraguas, or Umbrella Stone. It is surrounded by a ditch and counter ditch on an ancient fortified height, within the circumvallation of which are numerous partition walls. The rock is in the form of a mushroom, flat and smooth on its under face, but rough on the top. It rest on a small stone, which, again, rest on the natural rock. It seems to be comparable to such natural formations as the Cheese-Wring, in Cornwall (which is also surrounded by an entrenchment), the “Cloch Morhit,” in the county of Sligo, and the Carrig-a-Choppeen, in that of Cork. All these were venerated sites.

Corte das Cabras. A posible Pedra do Paraugas

En Fecha no Castro Grande hai unha rocha chamada Pedra do Paraugas. Está rodeada por un foso e un contra foso nun antigo castro fortificado, en cuxa circunvalación atópanse numerosos muros medianeiros. A rocha ten a forma dun fungo, plana e lisa na súa cara inferior, pero rugosa na parte superior. Descansa sobre unha pequena pedra, que, novamente, descansa sobre a rocha natural. Parece comparable a formacións naturais como o Cheese-Wring, en Cornualles (que tamén está rodeado por fosos), o “Cloch Morhit”, no condado de Sligo, e o Carrig-a-Choppeen, no de Cork. Todos estes foron lugares venerados.

Castro Maior

Onde obtivo esta información Borlase? Atopamos posibles respostas no artigo de Carlos García Martínez “A pedra que fala con piletas y petroglifos”, do ano 1968.

La zona presenta cercanos a la estación, los castros de Portomeiro y el llamado <<Castromaior>>, de Fecha, situando en este último Murguía, Barros Sibelo y Saralegui, un supuesto menhir en forma de hongo, por lo que los lugareños la denominan <<A Pedra do Paragoas>>, dato que no pudo ser confirmado por nosotros en el estudio y catalogación que se efectuó de dicho castro, a no ser que tal noticia se refiera a alguna de las piedras de formas singulares, aunque naturales, que jalonan la elevación castreña.

Imaxe aérea da croa do Castro Maior

Consultada a obra “Estudios sobre la época céltica en Galicia” de Leandro Saralegui, nela só atopamos dúas mencións simples indicando a existencia dun menhir e un dolmen en Fecha (páx. 239 e 249). Algo semellante aconteceu cando consultamos a obra “Antigüedades de Galicia” de Ramón Barros Sivelo, onde só atopamos unha referencia simple á existencia dun menhir en Fecha (páx. 74). Pola contra, na “Historia de Galicia” de Murguía si atopamos máis información:

No solamente algunos dólmenes que se ven dentro de los túmulus, presentan trabajada la cara interna de la gran tabla de piedra que los cubre, sino que puede ver el curioso en el Castro Grande, parroquia de Fecha, á legua y media de Santiago, la gran piedra denominada la piedra del paraguas, que no es más que un dolmen, y cuya cara inferior está perfectamente trabajada. (Nota ao pé na páxina 396)

El castro grande de Fecha, es curiosísimo. Se levanta sobre una colina natural que aprovecharon al intento. Presenta grandes restos de murallas y divisiones, foso y contra foso, estando cubierto de infinitos peñascos naturales. Entre ellos se encuentra uno, que puede tenerse por un dolmen: afecta la figura de un hongo, es liso y trabajado por su cara inferior, bruto por la superior. Está sentado sobre una pequeña piedra, sostenido contra un peñasco natural pegado contra otro que á su vez está debajo de un nuevo peñasco redondo. en el país le llaman la piedra del paraguas. Mide de largo 4m,20 y de ancho 3m,68- Debemos advertir aquí, que, según los inteligentes, los dolmenes tumulares de Jallas, están hechos con piedra sacada de Fecha y demás parroquias cercanas. No tendría nada de extraño, que este dolmen fuese una cubierta preparada para cubrir un dolmen compuesto, que haya quedado allí abandonado. (Nota ao pé na páxina 498)

Uns dias antes de achegarnos ao lugar recibimos novas de Iván, o noso home no terreo. Informounos da localización  dunha posible candidata. A súa familia, natural de Fecha, nunca oíra falar da tal Pedra do Paraugas no Castromaior pero si que sabían dunha coñecida por toda a xente do lugar como Corte das Cabras, con características coincidentes coas da descrición desa outra mencionada polo autor inglés. Esta Corte das Cabras é coñecida desde antigo e foi tradicionalmente empregada como acubillo fronte a chuvia para os que subían ó monte e tiñan conta do gando.

Con estes datos chegamos a Lamascal para visitar o castro, que se sitúa no lugar de Vilar de Rei, ao carón do río Tambre. Ocupa o castro o alto dun monte de 523 metros de altura que domina a contorna. No seu cumio consérvanse 3 liñas defensivas concéntricas, formadas por murallas pétreas e fosos, que rodean unha cativa e accidentada croa. Desde aquí pode verse o Castro/Castelo de Portomeiro no outro lado do Tambre e que está a ser estudado nestes días.

Capela de Lamascal

En Lamascal obtivemos unha primeira vista do impresionante castro e aproveitamos a ocasión para visitar a capela, edificio cuxa peculiar orientación fálanos sobre as súas remotas orixes. E é que habitualmente os templos cristiáns orientan a súa cabeceira cara o leste pero esta capela de planta rectangular coa súa alta espadana orientase cara o noroeste na procura do nacemento do sol no solsticio de inverno. Ocupa o alto dun outeiro que na década dos anos setenta do século pasado foi achandado perdendo a súa fisionomía orixinaria.

Contáronnos os veciños que un filón de cuarzo cruza polo medio do terreo onde se asenta o templo e aínda se poden ver na cabeceira algúns fragmentos incrustados na súa base. Este filón, que continúa polas ladeiras do monte de Fontoade, foi explotada por unha empresa nórdica na segunda metade do século pasado. No cumio de Fontoade sitúase un castro do que os veciños contan que oculta tesouros dos mouros. 

Símbolos lapidarios da Capela de Lamascal

A modesta construción garda pequenos vestixios do seu longo pasado en forma de símbolos lapidarios conservados nalgúns dos seus perpiaños, marcas dos antigos canteiros que a levantaron. Outros elementos son máis enigmáticos, como as aliñacións de coviñas conservadas na base do muro lateral sur do templo.

Aliñacións de coviñas na Capela de Lamascal

Xa chegados á cima do monte comprobamos a idoneidade da Corte das Cabras coa descrición coñecida da Pedra do Paragoas, admiramos a monumentalidade das defensas do castro e divagamos sobre os posibles porques que puideron levar a Murguía a cambiarlle o nome á popular Corte das Cabras.

O Grisario

Colmada a nosa curiosidade dirixímonos ata a parroquia de Santa Cristina, o lugar de O Grisario, un anaco de monte de frondosas autóctonas no camiño cara o Vachao, e onde se localizaba a antiga igrexa parroquial de Santa Cristina ata que foi trasladada ao lugar que ocupa na actualidade. Este microtopónimo posiblemente deriva de “O Igrexario”, é dicir, as propiedades anexas á igrexa das que obtiñan ingresos os párrocos.

51095990779_89deef7b81_k

Lugar que ocupaba o templo

Alén dos alicerces do templo, apenas apreciamos no lugar outros vestixios da antiga construción. Só fica algún perpiaño ben labrado que testemuña a súa existencia.

Petróglifo histórico do Castro de Portomouro / Fontaiña

O noso seguinte obxectivo é unha laxe con gravados situada nas inmediacións do castro de Portomouro

Situación

É ina panel con gravados históricos situado a uns cen metros do Castro de Portomouro  (GA15088030). Coordenadas (42.96087, -8.64139), Altitude: 243 m.s.n.m. Atópase incluído na aba do outeiro onde se sitúa este interesante xacemento da Idade do Ferro e preto do sitio da Fontaíña na bacía o Río Tambre. A súa localización foi facilitada ó Colectivo por dous veciños da zona, Iván Barcia e Antón Jucal que tamén nos acompañaron durante unha xeira para visitar os gravados e o referido castro. Queremos agradecer a ambos os datos facilitados e a súa inestimable colaboración como guías e anfitrións nesta xornada.51496071538_71be3a7bd6_c

Plano de situación do petroglifo do Castro

Descrición dos motivos

Nunha laxe de 277 cm de N-S x 263  cm L-O, practicamente plana cunha lixeira inclinación cara o S e situada a rentes do chan, podemos ollar ata 6 cruces latinas, 5 delas gravadas con dobre suco e 1 en baixo relevo. Cruciformes históricos de diversas formas realizados con ferramentas metálicas e coas seguintes medidas: 16 x 10 cm; 18 x 8 cm; 20 x 9 cm; 11 x 6 cm;  16 x 10 cm e 26 x 8 cm.  Tres delas, situadas na parte superior do panel, e nunha mesma disposición poderían representar un calvario. Ó seu carón consta a única cruz en baixo relevo e un suco que podería ser doutra cruz sen rematar. Baixo estas catro na parte central da rocha figuran outras dúas, unha debaixo da outra.51496563409_1645eaf4f5_k

Vista xeral do Petróglifo do Castro de Portomouro

A rocha presenta por case toda a superficie evidentes marcas da actividade dos canteiros, con máis de 30 furados, “tanteos” que denominaban os antigos arxinas, e 2 grilos para introducir as cuñas. A uns metros da rocha atópanse os restos dunha pequena canteira abandona hai xa décadas e abundantes cascallos que reflicten que foi unha zona moi empregada polos antigas brigadas de pedreiros. Por todo isto, é probable que estes deseños estean realizados co actividade deste antigos artesáns da pedra.

Este xacemento está sen catalogar, non figura no PBA nin no inventario municipal , pero foi incluído no plan director de Compostela Rupestre.51495849516_4721ca35d6_h

Pormenor dos diferentes cruciformes

A Capela de Novais en Portomouro

A nosa última parada foi unha pequena construción arruinada situada no abandonado casal de Novais, á beira do Tambre, na parroquia de San Cristovo de Portomouro no concello de Val do Dubra.

51161958559_4c46895f3c_k

A súa proximidade ao Castelo de Portomeiro e a suxerinte toponimia avisa da súa vinculación. Xa Manuel Gago advertira do interese de estudar a existencia no lugar dunha granxa relacionada coa fortificación altomedieval. A proximidade dos sartegos da Pedra do Home é tamén un dato de gran interese.

Vista aérea do abandonado casal de Novais

É unha pequena construción de titularidade privada que forma parte dunha explotación agrícola composta por diferentes inmobles que lles serviron de vivenda e alpendres ós seus últimos propietarios. Leva máis dunha década en total abandono e chegou ós nosos días en estado ruinoso.

Hai uns meses a Asociación cultural Larada púxose en contacto con nós para facer unha visita guiada pola zona e observar os restos do templo situado á beira do antigo camiño que descende ata a ribeira do río e chega ata a antiga fábrica da luz de Remuíño.

51106084992_71ca425af0_k

Vista xeral da cabeceira da capela

O edificio actual semella un puzzle, froito de múltiples reformas e de diferentes usos ó longo da súa dilatada historia. Malia todo, parece que permanece a súa estrutura orixinal con múltiples elementos arquitectónicos e decorativos que nos falan dun templo milenario que podería datar entre os séculos X-XI.

51096694575_128414c313_k

Vista xeral dunha das paredes laterais

A actual igrexa é o último vestixio dun mosteiro que cita un documento do ano 1108 da Historia Compostelana que sinala que

“Didacum Viliulfidem” donou a terceira parte “in ripa Tamaris de Monasterio Novallis” á igrexa compostelana.

Imaxinamos que se trataría orixinalmente dunha pequena comunidade monacal, se cadra de orixe eremita, instalada nunha propiedade afastada na ribeira do Tambre que posteriormente no século XII pasaría a converterse nunha granxa dependente da igrexa compostelá en tempos do bispo Diego Xelmírez. De feito, aínda hoxe o regato que atravesa a aldea e un sitio próximo denomínanse “A Granxa”. Un sistema de explotacións que se mantiñan esencialmente a través da esixencia de prestacións agrícolas ós campesiños dependentes.

51231115417_987f3fc255_kXa no século XVII, Novais figura nunha das extremas do Coto de Cernadas que permanecía baixo o dominio dos monxes bieitos de San Martiño Pinario dende o s. XVI. Era unha grande extensión de terreo cercada a ambas marxes do Tambre que chegou ós nosos días. Segundo os antigos documentos notariais, en Novais

“tiñan os monxes ata tres caseiros e destacaban os seus extensos prados”.

A igrexa actual é unha nave e ábsida rectangular con cuberta a dúas augas en madeira hoxe desaparecida. Mide aproximadamente 13 metros de longo por 4 de ancho. A ábsida non se diferencia no exterior e é case cadrada (aprox. 3,50 x 4 m). A fábrica é de cantería con bloques moi desiguais e os muros evidencian as diferentes fases reconstrutivas.

51232594609_45b230a1aa_k

Arco triunfal e muro de separación

O interior é moi sinxelo, destaca o arco triunfal de medio punto que divide a nave principal da capela maior. Arestora existe parte dun muro baixo o arco de feitura moderna empregado para tapiar o espazo da nave e reconvertelo nunha corte para o gando. Ademais, no sitio hai varias pías que serviron de bebedoiros.

51232594174_6dd5e03bd9_k (1)

Porta de entrada desde o interior

A única porta do templo, na fachada principal, presenta unha importante elevación con respecto ó chan da planta da nave polo que o acceso ó interior realízase a través dunhas escaleiras de pedra. No lateral dereito, á entrada do templo, unha base circular de pedra lembra a localización dunha desaparecida pía bautismal.

51095969994_bc7c3f9ffc_k

Perpiaños labrados

No interior consérvanse, reaproveitados como material de construción, varios elementos da primitiva fábrica con varios modillóns de decoración xeométrica e pequenos arcos, posiblemente das antigas seteiras do templo orixinal.

51095887566_41b405e010_k

Modillón

Tamén se localizou un modillón exento na vivenda principal da explotación.

51232029038_4c72f0b8d6_k

Modillón localizado na vivenda

Como elementos decorativos cómpre destacar cinco cruces patadas de clara tradición visigótica de brazos case iguales realizadas en baixo relevo e distribuídas nos muros exteriores do templo, tres delas nos cantos da igrexa, outra na parte inferior e central da ábsida e a última xusto na parte superior do arco da pequena fiestra situada tamén na ábsida. A colocación e a súa forma permítennos especular que se tratarían das cruces da consagración do templo e asemade conxecturar que estes perpiaños permanecen na súa posición orixinal, a pesar das reformas que sufriu o edificio.

Tamén é significativo un relevo con decoración xeométrica a base de rombos que figura xusto no limiar da entrada do templo.

51095908639_e5383fca0e_k

Perpiaño labrado da entrada

En resumo, trátase dun edificio moi interesante cuxo estudo podería aportar información sobre ela mesma e sobre o Castelo de Portomeiro e os sartegos da Pedra do Home. Procedemos a solicitarlle á administración a súa valoración e catalogación 

Bibliografía:

Barros Sivelo, R. “Antigüedades de Galicia”, A Coruña, 1875

Borlase, W.C. “The dolmens of Ireland”, London: Chapman and Hall, 1897

García Martínez, C. “A Pedra que Fala con piletas y petroglifos”, Cuadernos de Estudios Gallegos, T23, núm. 71, 1968

Murguía, M. “Historia de Galicia”. Tomo 1. Lugo, 1865

Pontes García, M. “Santa Cristina de Fecha y Capilla de Belén”, 2011

Saralegui y Medina, L. “Estudios sobre la época céltica en Galicia”, Ferrol, 1867

Suárez Golán, F. e Lago Almeida, H. “Cernadas y la Fundación San Castor y Santa Adelaida. De priorato benedictino a centro terapéutico de Proxecto Home Galicia (siglos X-XXI). Fundación Asilo San Castor y Santa Adelaida, 2013

O petróglifo da Costa en Mallos, Teo. Un novo petróglifo na ribeira do Ulla


Contexto xeral

A comezos da década de 1930, Juan Pérez Millán, o cóengo arquiveiro da catedral compostelá, comunica ó seu amigo o arqueólogo Ramón Sobrino Buhígas a presenza de gravados na Laxe da Estivada de Abaixo na contorna da aldea teense de Mallos.   E así é que o citado arqueólogo inclúe unha pequena referencia a estes gravados prehistóricos no primeiro grande inventario dos petróglifos galegos, o seu “Corpus Petroglyphorum Gallaeciae” (1935) publicado polo Seminario de Estudos Galegos. Posteriormente o seu fillo, o tamén arqueólogo, Ramón Sobrino Lorenzo  – Ruza, visitaría e rexistraría con maior precisión os gravados desta laxe de Mallos, presentándoa á comunidade científica nun artigo publicado no Boletín da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo en 1947.

Máis de noventa anos despois, seguimos a descubrir excepcionais mostras da arte rupestre na ribeira do Ulla nun dos espazos arbóreos máis singulares do concello de Teo. Nesta ocasión achegámonos á denominada paraxe da Costa / Castelo da Costa para visitar un novo petróglifo situado a menos de 100 metros da ribeira do Ulla e a 60 metros do petróglifo do Pouso localizado en 2016 por Manuel Campos, un veciño da aldea de Mallos, e que deramos a coñecer nunha entrada do noso blog e nun dos artigos do libro A Espiral do Círculos concéntricos: o Colectivo A Rula, un vínculo social co patrimonio rupestre” (2019).

Hai só uns meses, nunha das visitas a esta fermosa fraga de Mallos e Agromaior descubrimos esta nova laxe insculturada. Coordenadas UTM: X: 539614 Y: 4733603 (Datum: ERTS 89), Altitude: 89 m.s.n.m.

51432370886_d4ba22b204_k

Plano de situación dos petróglifos de Mallos

Nesta zona o Ulla encaixase formando un pequeno canón. A laxe fica xusto nunha pequena chaira no chanzo superior antes da pronunciada baixada á ribeira, de aí o nome do enclave, preto dun antigo camiño de carros que descende cara o río, lugar no que, ata a década de 1970, traballaba o último barqueiro de Teo, Xosé Salgueiro, que posuía dúas barcas que permitían o paso de persoas, gando e mercadorías á beira da Estrada. A veciñanza lembra ben a barca de Mallos pois permitíalle chegar en menos de 10 minutos á aldea estradense de Cora sen ter que desprazarse ata Pontevea ou recorrer ó barqueiro da Dorna que era “máis caro”.

Os usos agropecuarios tradicionais deron paso nas últimas décadas á explotación forestal, esencialmente piñeiros. As súas especiais condicións climáticas explican a presenza de importantes especies submediterráneas como as sobreiras e os erbedeiros. As carballeiras que dominaban a franxa da ribeira tamén foron ocupando a aba do monte formando, na actualidade, un dos espazos forestais máis relevantes do concello teense, protexido en parte polo actual plan xeral de ordenación municipal (ficha A-60, carballeira de Agromaior / Mallos).

Así describía Indalecio Fernández Quevedo as terras de Mallos e Agromaior en 1861 (Galicia: Revista Universal de este reino).

“La vista de estas tierras (Mallos y Agromaior) es amenísima pues no se vén mas que viñedos, frutales y seculares castaños….[…] La parroquia que más frutas conduce a Padrón y Santiago es esta de Teo (Santa María de Teo) pues se halla a una temperatura tal que las primeras cerezas que se presentan en la Quintana de Santiago son de la amena aldea de Agromayor.  Agromayor es, sin disputa alguna, la aldea más florida de toda la Ulla alta y baja, pues hasta entre las mismas peñas y terrenos al parecer incultivables, se encuentran los buenos gilmendros, peladillos, albérchigos y otra porción de castas y clases que sería prolijo enumerar”.

No ano 2000 a subzona “Ribeira do Ulla” incorporouse á denominación de orixe Rías Baixas. A parroquia de Teo forma parte desta subzona sendo evidente a expansión das cepas de albariño pola zona que comezaron a mudar novamente a paisaxe desta bacía do Ulla. Tamén cómpre lembrar que o sistema fluvial Ulla – Deza é lugar de importancia comunitaria (LIC) e forma parte da rede natura 2000.

51432610553_6c06550907_k

Plano catastral coa localización dos petróglifos

Os gravados do petróglifo da Costa (Mallos 3)

Descrición

Os gravados sitúanse nunha laxe granítica a rentes do chan, ó carón dun pequeno carballo que serve de referencia para a súa localización. A rocha mide 2,65 m no eixe N-S por 2 m de E-O, cunha suave inclinación N-S.

Posúe un amplo repertorio de gravados de tipoloxía xeométrica que cobren a práctica totalidade da laxe agás no lateral occidental, debido probablemente a extracción de pedra dos canteiros nesta parte da rocha. Coviñas, cazoletas, formas reticuladas, rebaixes ovalados e cuadrangulares illados ou unidos por canles que forman un panel de grande plasticidade.

51015317447_f17d71e8a0_k

Petróglifo da Costa. Vista xeral

Hai coviñas e cazoletas espalladas por todo o panel mais destaca unha dobre aliñación con furados de pequenas dimensións no extremo NL. En canto as formas rebaixadas, algunha delas podería interpretarse como paletas ou podomorfos. Este tipo de motivos recordan á decoración presente no petróglifo do Pouso (Mallos 2) e, en menor medida, o panel superior do petróglifo da Estivada de Abaixo (Mallos 1). A proximidade e similitude formal entre ambas lévanos a falar da probable execución pola mesma comunidade e tamén á posible sincronía dos diferentes gravados de Mallos 2 e 3. Este tipo de formas alongadas e rectangulares rebaixadas con vertedoiros suscita o posible emprego destas buratas para moer minerais ou cereais. Gravados para un uso ritual ou cerimonial pero se cadra tamén funcional.

51015227071_adb2dfcbc3_k

Petróglifo da Costa. Cruciformes

Este tipo de figuras afástanse do repertorio máis tradicional da Arte Atlántica, habitual nas laxes do Monte Piquiño (Luou – Rarís) e na área de Regoufe – Cornide – Mouromorto (Luou – Calo), as dúas grandes zonas de arte rupestre teense. Neste senso, podemos falar de certo estilo propio das gravuras da fraga de Mallos.

Alén destes motivos xeométricos, cómpre destacar a presenza dunha figura antropomorfa no bordo inferior da laxe cunha representación estilizada tipo tridente con grande esquematismo das extremidades superiores e inferiores. Un deseño que lembra ás figuras humanas da arte esquemática pintada. Trátase dun motivo secundario no panel, illado e único. Este tipo de figuras humanas esquemáticas son pouco habituais na arte rupestre da nosa comarca e, en xeral, tamén de escasa presenza na arte rupestre galaica.

Entre as coviñas localízanse varios cruciformes de formas variadas, elaborados con sucos pouco profundos e perfís en V que fan que os adscribamos a períodos históricos. Unha destas cruces, a máis próxima á figura antropomorfa aparece inscrita nun cadrado.

51014501248_86c4e5d422_k

Petrófglido da Costa. Antropomorfo

En proceso de catalogación

Os petróglifos de Mallos marcan o linde Sur do grupo de arte rupestre das terras de Compostela. Esta terceira estación localizada no interior da fraga de Mallos confirma a relevancia desta área arqueolóxica. Os dous primeiros petróglifos localizados xa están catalogados e cada un deles ten a súa correspondente área de protección integral e de amortecemento.

51326318148_d6e1c0e526_h

Petróglifo da Costa. Fotogrametría

O petróglifo da Costa aínda non está rexistrado, non consta nin no inventario patrimonial teense nin tampouco no PBA (Plan Básico Autonómico) da Xunta.  Porén, a proximidade co petróglifo do Pouso (GA15082112) fai que este novo petróglifo esté dentro da súa zona de protección.

Malia todo, hai unhas semanas demos conta do gravado á empresa Trivium, responsable do Plan director do proxecto do Compostela Rupestre, que xa nos confirmou a súa inclusión no parque e a súa inminente catalogación. Ó noso parecer o ideal sería establecer unha área arqueolóxica xeral na que se inclúan os tres gravados.

Visita guiada

Co gallo da oitava edición do programa de “Andainas ós petróglifos teenses” que organiza o Departamento de Cultura municipal e no que colaboramos, pensamos que sería unha boa ocasión para amosar esta nova xoia rupestre á veciñanza. É por iso que este ano engadimos ás rutas tradicionais polo Monte Piquiño e da Ribeira do Angueira esta terceira xeira que inauguramos o vindeiro venres día 10 de setembro, con saída ás 21.00 h dende o igrexario de Santa María de Teo.51015316557_a329121e64_k

Agardamos que a proposta para visitar os petróglifos de Mallos, nun dos espazos naturais mellor conservados do territorio teense, suscite o interese dos participantes. Para nós é unha das zonas privilexiadas e máis fermosas deste municipio.

Acceso ó track da ruta no maps: https://cutt.ly/QWI73WC

Ramón Sobrino Lorenzo- Ruza. Memoria e legado dos petróglifos. Presentación


O pasado 1 de xullo comezamos no Museo do Pobo Galego a presentación do resultado dun traballo do que nos sentimos orgullosos.

Presentación no Museo do Pobo Galego. Lolo Santos Estévez, Xosé Regueira, Ángel Núñez e Pablo Sanmartín

Con este proxecto queremos achegar unha mostra fundamental da riqueza da nosa arte rupestre, dende a “óptica” dun dos grandes arqueólogos do século XX, Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza, que dedicou boa parte da súa vida a documentar de forma gráfica o noso pasado dun xeito rigoroso pero tamén pasional.

Castriño de Conxo – Compostela. Abril de 1951. Fotografía de RSLR

Trátase dun libro – catálogo no que colaboraron 10 grandes persoeiros da nosa cultura: o recentemente falecido Franco Grande, Miro Villar, X.L. Méndez Ferrín, Manuel Rivas, Ángel Núñez, José Manuel Vázquez Varela, Antonio de la Peña, Manuel Santos Estévez, Xosé Souto Blanco e Xosé Regueira que aportaron dun xeito altruísta os textos que conforman o material crítico do libro e que aportan luz a esta ampla escolma do material gráfico do insigne arqueólogo.

Presentación no Museo do Pobo Galego

A obra recolle unha ampla selección de imaxes do Arquivo Sobrino Lorenzo Ruza seguindo un criterio xeográfico. Figuran referidos 103 conxuntos arqueolóxicos de 31 concellos (9 da provincia da Coruña e 22 de Pontevedra).

6 textos introdutorios e varios apéndices documentais (índices, bibliografía, escolma de noticias e apuntamentos arqueolóxicos do autor que axudarán a contextualizar as diferentes fotografías e imaxes), e unha exposición complementaria.

En total: 460 fotos e 132 documentos (contando debuxos, deseños, planos, cartas, etc)

Un libro de 565 páxinas con encadernación en cartoné e edición de luxo numerada de 500 exemplares.

O arquivo actual, pois seguen aparecendo novos materiais, está integrado por máis de 2300 imaxes, das cales mais do 90% son fotografías pero tamén hai outros materiais como sinalabamos, debuxos, cartas, mapas e apuntamentos diversos. Tamén cómpre destacar a inclusión no catálogo de imaxes e documentos doutros arquivos (Museo de Pontevedra, Arquivo Leisner de Lisboa, Arquivo da Fundación Luis Monteagudo, do Arquivo Municipal de Teo ou da Biblioteca Municipal Torre de Moncorvo, entre outros).

Presentación no Museo do Pobo Galego

O traballo que presentamos aporta luz a unha das coleccións de fotografía antiga de temática arqueolóxica máis importantes do país que permanecía practicamente inédita.

Liñaredo – Ames. Actualmente desaparecido. Fotografía de RSLR

Son materiais que proporcionan unha testemuña directa do estado destes xacementos hai máis de sesenta anos así coma da paisaxe da súa contorna, un feito de valor extraordinario pois, por desgraza, en moitos casos constitúen o único e derradeiro vestixio de xacementos xa desaparecidos ou evidencian as graves alteracións sufridas polos axentes naturais e pola actividade humana nestas últimas décadas.

Carantoña – Vimianzo

En cifras redondas esta edición é o resultado duns 5 anos de traballos e uns 40.000 € de orzamento, repartidos como segue, cremos que a publicidade cando se empregan cartos públicos nunca sobra: Uns 18.000 € os gastamos no deseño, dixitalización e restauración fotográfica, dos que aportou a Deputación unha axuda duns 7000 €, uns 12.000 custou a impresión sufragada cos fondos asociativos e os restantes 10.000 € das tarefas e traballos foron asumidos con recursos propios dos asociados.

Correxíns – Compostela

E, en resumo, isto é o que permitiu que agora presentemos esta edición e esta pequena exposición que desexamos que dignifique o legado de Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza que é, por dereito propio, patrimonio de todos nós.

Pedra do Encanto. Vilagarcía. Fotografía RSLR

Esperamos que este froito da xenerosidade de moitos multiplique o seu valor chegando a cantos máis ollos interesados no noso patrimonio sexa posible.

Presentación no Museo do Pobo Galego

Aproveitamos para convidarvos á seguinte presentación que terá lugar este xoves 15 de xullo as 20 horas no Auditorio Constante Liste de Teo onde poderedes adquirilo cun pequeno desconto promocional.
O libro está dispoñible en:
Librería Follas Novas
Libraría Couceiro

Librería Lenda

Libraría Pedreira

 

A Pena de Alde. Arte rupestre do concello da Baña I


“Algunos tenemos fe y hacemos memoria en favor de la historia que nos queremos creer”. Algunos tenemos fe. Viva Suecia

Proseguimos no concello da Baña coa revisión que estamos a facer da arte rupestre dos concellos limítrofes coa comarca de Santiago. Nesta ocasión, ocupámonos dos 9 xacementos arqueolóxicos da Baña recollidos no Plan Básico Autonómico que consideramos teñen probabilidades de tratarse xacementos arqueolóxicos con arte rupestre prehistórica.

Falamos tan só de probabilidades xa que a indeterminación xeral das ferramentas legais que deben garantir a correcta catalogación dos bens patrimoniais impídenos unha maior precisión. O visor do Plan Básico apenas recolle na clasificación do “tipo de ben” a denominación xenérica de “ben arqueolóxico” polo que para ampliar está escasa información é preciso a consulta física do catálogo da Dirección Xeral de Patrimonio.

Ademais, pese a que algunhas destas referencias tamén teñen a súa correspondente ficha no Catálogo de Bens do PXOM do concello da Baña, aprobado no ano 2011, e que nestas si aparecen claramente determinados os “gravados ó ar libre” no campo da “adscrición tipolóxica”, porén, no campo da “adscrición cultural” a maioría deles teñen a clasificación de “indeterminada”.

Nestas fichas tamén se recollen algúns xacementos como non localizados. Son 4, os petróglifos da Lagoa 1 e 2, o petróglifo do Cruceiro Vello e a Pena de Alde,  que incluíron no catálogo en fichas cun código de Referencia.

50015670991_41375dafeb_k

Pena de Alde. Panel superior, cruz e alfabetiformes

Por último, incluímos o petróglifo da Mourela, unha pequena pedra localizada na parroquia de San Pedro de Fiopáns a principios dos anos 50 do século pasado e, cremos, na actualidade conservada ou ben no Pazo de Lens, Ames ou no Museo do Castelo de San Antón na cidade da Coruña.

A Pena de Alde (RE15007003)

A Pena de Aldea foi catalogada no ano 1995 ca seguinte descrición:

“Un grupo de afloracións graníticas sobre as que habería gravadas varias cazoletas de aproximadamente 1 cm de fondo e ó redor de 5 cm de diámetro”.

No catálogo do PXOM da Baña do ano 2011 só aparece como unha referencia. Recollen a descrición do ano 95 e indican:

“Na prospección levada ao cabo para o presente traballo non foi posible localizar ningunha das cazoletas anteriormente descritas, e asemade tampouco se observou sobre a súa superficie ningunha destrución recente que puidera ser a causante da súa desaparición.

Por tal motivo, neste momento optouse por realizárselle unha ficha de referencia, esperando que en futuras intervencións arqueolóxicas se poida dilucidar definitivamente o seu carácter”.

50015932582_99dab2b4c0_k (1)

Pena de Alde. Panel inferior

A peneda localízase a 400 metros ao noroeste do lugar da Estibadiña, na parroquia de San Pedro de Fiopáns, nun terreo de monte dedicado na actualidade ao cultivo de eucalipto. Coordenadas xeográficas 523.795, -4.753.020. Altitude 384 msnm. Datum WGS84.

Pedra de Alde

Plano do PBA coa localización dos bens patrimoniais próximos á Pedra de Alde

Para chegar ata ela collemos un camiño de terra que parte do lugar de Agrocovo (ao sur de Vilar de Suso) en dirección sur. Camiñados uns 500 metros atoparemos a peneda a uns 20 metros á esquerda do camiño.

O xacemento sitúase nun límite de propiedades. A 800 metros ao sur localízase o petróglifo da Pedra Capela e o petróglifo de Lagarteiras (GA15056083) e as mámoas de Picotos (GA15056059), Agro do Monte (GA15056062) e Agro do Pouleiro (GA15056081). A uns 900 metros ao surleste a mámoa de Purrubelo (GA15007025) e a de Chamiseiras (GA15007026). A 1300 metros ao leste o río Tambre.

50015932372_ed157ffd75_k (1)

Pena de Alde. Panel superior

Trátase dun afloramento rochoso destacado sobre o terreo, de boas dimensións e formas irregulares cunha parte destacada sobre o terreo e outra a rentes do Chan. Na superficie máis alta, que alcanza uns dous metros de altura, varias pías naturais presentan canles de evacuación, algunhas delas posiblemente modificadas antropicamente. Destaca pola posición central que ocupa e a regularidade das súas formas unha pía rectangular cunha canle de desaugue. No extremo superior desta zona, nunha posición central, hai, de posible orixe natural, varias coviñas de varios centímetros de profundidade comunicadas entre sí, que con canles de desaugue comunican as de niveis superiores coas de niveis inferiores.

alde-2

Pena de Alde. Panel 2. Fotogrametría

Ao redor destas pías e coviñas hai gravadas dúas cruces de distinta tipoloxía e varios alfabetiformes, que ocupan o espazo entre elas formando 3 grupos. No grupo central identificamos unha cruz latina  e as letras “SOJ”. No grupo da esquerda de novo “SOJ” e outra cruz latina, e no da dereita as letras “S P? C”. Ao carón da inscrición central unha cruz latina patada e unha aliñación de 3 coviñas. No extremo superior dereito tres coviñas profundas de distintas dimensións aliñadas ordenadas de maior a menor gravadas no final da crista. No extremo superior esquerdo, acaroada a unha pía unha combinación de dous círculos incompletos do que parte un radio cara o exterior. A esquerda deste sucos rectos de difícil lectura.

50015933682_7cc4498eab_k

Pena de Alde, panel inferior, vista con luz natural

Nunha segunda zona situada a menor altura hai gravadas varias superficies horizontais bastante regulares divididas por diáclasas. Nelas consérvanse gran cantidade de coviñas de pouca profundidade. As coviñas ocupan case a totalidade dalgúns destes espazos entre diáclasas. Boa parte do afloramento non é visible na actualidade por estar cuberto de vexetación e terra, polo que esta descrición é sabidamente incompleta.

Polish_20210511_114025676

Pena de Alde. Panel 1. Fotogrametría

En resumo, é esta unha sinxela pero interesante estación onde se evidencia a presenza de motivos gravados en dous momentos diferentes, uns motivos claramente elaborados en época histórica (cruces e alfabetiformes) e outros posiblemente prehistóricos  como son as coviñas. A presenza dunha pequena combinación de círculos concéntricos moi erosionada no panel con motivos históricos fai máis plausible unha adscrición prehistórica para estes motivos xeométricos.

Obsérvase o aproveitamento de elementos naturais, como as pías, para, con leves alteracións antrópicas, dotalas de significado. O emprego de elementos naturais tamén se rexistra noutras estacións da comarca de Santiago como nos petróglifos de Capeáns ou o da Pena Estivada en Ames, por poñer algún exemplo. Nestas ocasións semella que estes elementos son determinantes para a elección do soporte por parte do gravador.

Así é que pensamos que a Pena de Alde é unha estación rupestre de arte prehistórica alterada xa en períodos históricos coa adhesión de cruces e alfabetiformes na parte máis alta do afloramento.

Os montes de interese patrimonial e ambiental: atrancos e tendencias na súa ordenación multifuncional


1) Enfocando ás Terras de Compostela

O monte de Villestro-Ventosa, nos concellos de Ames e Santiago, acolle unha destacable concentración de arte rupestre prehistórica, constituíndo un dos núcleos rupestres das terras de Compostela, xunto a outra área similar no concello de Teo, no Monte Piquiño – Rio Loureiro.

Nos montes con arte rupestre destes concellos non existen apenas repoboacións forestais plantadas e xestionadas axeitadamente, sendo na súa inmensa maioría matogueiras inzadas de eucaliptos descontrolados tras incendios recorrentes. Non existe aquí monte comunal xa que toda a superficie forestal está en mans de pequenos propietarios. A actividade agro-gandeira é residual e practicamente inexistente e os propietarios das pequenas parcelas de monte están maiormente desincentivados, cando non simplemente ausentes, cesantes ou desaparecidos. O territorio caracterízase por un carácter eminentemente rururbano e periurbano no que os ingresos, as actividades económicas e as expectativas cidadáns están moi afastadas dunha xestión eficaz e sustentable dos montes, vivindo na práctica de costas a eles.

Cando ardeu a Devesa da Rula no ano 2016, afectando a varios gravados, denunciamos o seu abandono e solicitamos amparo ás distintas administracións sen obter resultado ningún (quen o diría?).

Os Cortellos 4 – Villestro – Compostela. Petróglifos e eucaliptos

Ninguén dos distintos departamentos e servizos consultados asumiu responsabilidades no asunto, chegando a Dirección Xeral de Montes a alegar que non se trataba dun “monte” senón de parcelas separadas pertencentes a diferentes propietarios individuais. Medio ambiente tampouco se sentiu aludida, pois a zona non queda baixo amparo de figura de protección ningunha (parque, rede natura ou similar). Pola súa parte Patrimonio atende exclusivamente ás pedras, sen preocuparse da súa contorna inmediata. Por último, os concellos semella que non teñen competencias nin capacidades neste ámbito.

En definitiva, ninguén asume responsabilidades e parece non existiren alternativas para afrontar esta problemática.

Con posterioridade, asumindo as demandas e traballo do noso colectivo, no ano 2018 os concellos de Ames, Santiago e Teo impulsaron xunto coa Deputación da Coruña o proxecto Compostela Rupestre. Cun orzamento de ata 500.000 € anuais durante dous períodos lexislativos preténdese recuperar, conservar e divulgar a arte rupestre da comarca de Compostela. Tras 4 anos as inversións e resultados realizados están aínda baixo mínimos, centrados polo de agora en obxectivos maiormente teóricos ou virtuais, e limitando a acción directa no mellor dos casos á contorna inmediata das “pedras”. Á falta de resultados finais, ata o de agora cremos que está a seguirse un enfoque que podería cualificarse como “arqueolóxico-turístico”, cun evidente risco de renuncia a incidir con mínima efectividade sobre estes espazos de xeito integral.

Sabedores de que o reto é considerable cremos necesaria a revisión de toda unha serie de condicionantes primarios que deben formar parte dunha reflexión inicial pausada, necesaria para poder asentar unhas bases sólidas para o futuro.

2) Subsistencia e ruína ecolóxica dos montes

Na mentalidade galega o monte, por definición, é “aquelo que está a monte”, ou sexa a parte do territorio non sometida a un manexo directo, interpretándose por tanto que está abandonado.

Na nosa sociedade tradicional, o monte cumpría unha función de complementariedade do sistema agrario: pasto para a gandaría extensiva, a oportunidade de colleitas ocasionais de cereais nas estivadas (para os labregos máis desposuídos), e, sobre todo, subministrando os estrumes imprescindibles para a fertilidade dos labradíos, para o que se precisaba dispor da biomasa de dúas a cinco veces da superficie cultivada. É este un dos motivos polos que, historicamente en Galicia, a superficie agraria útil nunca sobrepasou porcentaxes moi superiores ao 30%.

Fronte a idea habitual de que “antes non había incendios” o monte neste sistema tradicional manexábase fundamentalmente por medio do lume, pois xunto coas rozas, sementeiras e pastoreos, este gran espazo territorial só podía controlarse axeitadamente co seu emprego. Mercede a súa vizosa produtividade as matogueiras sementábanse e abandonábanse para logo medrar “a monte” en curtos ciclos de menos de dez anos, o que impedía o crecemento dos bosques.

O crecemento demográfico, que en Galicia supuxo triplicar a poboación entre finais do século XVI e finais do XIX, sostívose pola expansión dos cultivos e a mellora da produtividade agraria, como consecuencia da adopción dos cultivos do millo e a pataca. Unha vez acadados os límites de capacidade de carga humana do ecosistema este boom demográfico desembocou nunha “crise malthusiana”, que aquí non chegou ao dramatismo da “Gran fame irlandesa” de mediados do século XIX, grazas á maior variedade do policultivo galego, cunha menor dependencia exclusiva na pataca. Porén, desencadeáronse vagas de fame e calamidades, denunciadas e retratadas na literatura por autores como Rosalía e Valle-Inclán.

De non ser polas emigracións e a revolución industrial a poboación tería quedado “ecoloxicamente cercada”, no final do ciclo de expansión, intensificación e rendementos decrecentes, que desemboca irremediablemente en dúas alternativas: colapso ou a substitución no sistema de produción.

A natureza fragosa de Galicia foi recollida por numerosas testemuñas. Paulo Orosio (c. 383- c. 420) definíaa como “montibus silvisque”, e aínda no século XII o Codex Calixtinus describíaa:

“pasada a terra de León e os portos do monte Irago e monte Cebreiro atópase a terra dos galegos. Abunda en bosques, é agradable polos seus ríos, os seus prados e os seus riquísimos pomares, as súas boas froitas e as súas clarísimas fontes…”.

Os bosques nativos que xa sufriran o impacto antrópico da neolitización, maiormente nas partes altas das serras, mantiveron a súa preponderancia ata aproximadamente o século IX (nos inicios da era Compostelana), ocupando máis da metade do territorio. De aí en adiante os rexistros polínicos reflicten un predominio do pole de especies propias de espazos abertos (matogueiras, pastos e cereais), paralelamente á crecente adecuación do terreo en socalcos e bancais como resposta á expansión dos cultivos e a conseguinte necesidade de control da erosión.

No século XVI os relatos de viaxes amosan, aínda, a presenza de áreas ben provistas de arborado (o licenciado Molina, Fernando Colón, etc), pero na Idade Moderna xa se fala de comarcas onde o monte pelado é dominante, o que explica a profusión de medidas de protección de determinadas especies e paraxes. No XVII a deforestación e peches de anacos de monte para ampliar a superficie das explotacións, en especial no litoral e vales prelitorais, reduciu os compoñentes silvo-pastorais da paisaxe. A incesante demanda de madeiras (entre outras cousas para a construción naval), xunto ao incremento demográfico, conduciron. na segunda metade do século XVIII. a que o monte deixara de estar arborizado. O crego J.A. Posse plasmou nesa época o contraste entre a súa terra galega e León:

“En lugar de que en mi país los montes son calvos, sin árboles, éste abundaba de robles, manzanos, perales y cerezos silvestres, de matas espesas, de avellanos; abunda de torcaces y aves monteses de todo género; jabalíes, lobos, osos, corzos”.

E a  principios do XVIII o Marqués de Sargadelos denunciaba que por todas partes houbera “valles talados y montañas decepadas”, concluíndo de isto a ruína dos portos cantábricos debido á erosión dos solos que “atoraban las rías”. Situación que concorda co acontecido en tódolos portos históricos do fondo das rías galegas, como Viveiro, Noia, Pontevedra, etc.

A crecente e constante demanda de terras e recursos desembocou no mínimo da ocupación dos bosques a comezos do século XX. Previamente, no século anterior, extinguiríase a gran fauna bioindicadora de bosques autóctonos galegos, desaparecendo os cervos, os últimos osos da Dorsal galega e outros grandes mamíferos como a cabra montesa no Xurés.

A mediados do século XX xa non quedaba practicamente nada das ricaces comunidades animais e vexetais dos antigos bosques galegos, quedando substituídas pola paisaxe que lembran os nosos maiores, unha vexetación arbustiva de toxeiras e breixos que era controlada mediante rozas e pequenos lumes recorrentes.

Unha característica propia do noroeste peninsular é que o abandono do sistema agrario tradicional sucedeu máis tarde que no resto da Europa atlántica. Co colapso deste sistema nos anos 60 do século pasado os montes pasaron a cumprir unha función case que exclusiva como produtora de madeiras de especies pirófitas e invasoras, fundamentalmente pinos e eucaliptos. Como é ben sabido, este proceso de abandono e expulsión dos usos e actividades tradicionais nos montes foi impulsado con métodos coercitivos durante o franquismo.

3) A responsabilidade forestal

Co cambio de milenio ata hoxe foi consumándose outra nova fase, aínda en curso, de degradación ecolóxica da paisaxe e o territorio galego. Os bosques nativos e moitas terras agrarias afrontan agora unha nova expansión e intensificación da eucaliptización produto tanto da masiva reforestación deste monocultivo, coa introdución de novas especies de eucaliptos, como do seu indiscutible carácter invasor.

Como poden explicarse os datos dos inventarios forestais que indican que cando menos un terzo da superficie ocupada polos eucaliptais aparece en formacións mixtas con outras especies?

Non existe repoboación forestal de eucalipto que non sexa planificada como monocultivo polo que a súa aparición fora de masas xestionadas para a produción de madeira demostra o seu carácter invasor. Por lóxica isto conduce a unha pregunta pertinente: a quen debería atribuírse a responsabilidade de indemnización polos gastos derivados da custosa necesidade de deseucaliptizar os montes inzados de eucaliptos ventureiros? Á industria, ao goberno ou aos propietarios das terras abandonadas? En calquera caso, está ben probado que ademais de prosperar cos incendios os eucaliptos reducen a dispoñibilidade hídrica e afectan á biodiversidade das terras onde se instalan.

Dolmen de Zarramacedo en Bando. Compostela. É o único dolmen coñecido no concello de Santiago. Nesta parcela realízanse labores de corta e replantación de eucalipto sen ningún tipo de control, a última no ano 2014

Sen afondar polo miúdo na nefasta política forestal galega compre lembrar que máis de dous terzos do noso territorio (os nosos montes) están fundamentalmente orientados á produción de madeira barata, aportando só o 0,5% do P.I.B. Galego, ou sexa 300 millóns de €. Aínda que producimos o 51% do volume de madeira do estado, isto só aporta o 35% do valor total da madeira cortada no total español, pois segundo o anuario de estatística forestal do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), o valor total das cortas de madeira en España no ano 2018 estímase en 852,8 millóns de euros, o que evidencia o baixo prezo da madeira producida en Galicia. Esta especialización en madeira barata, fundamentalmente piñeiro e eucalipto, responde á elevada produtividade dos montes da Cornixa Cantábrica. Aquí con taxas de 12 a 24 metros cúbicos/hectárea/ano, sen parangón no continente europeo, e o 15% da superficie arborizada, prodúcese o 70% da madeira española.

Deste xeito, o vizoso e produtivo carácter de estes ecosistemas oriéntase normativa e case exclusivamente a este tipo de produción.

Desafortunadamente, o feito é que o modelo forestal vixente apenas considera a produción de madeiras de calidade con árbores autóctonas, nin suficientemente outros tipos de aproveitamentos non madeirables, como os cogomelos, a gandería extensiva, etc., Nin moito menos a multifuncionalidade dos montes, que implicaría atender tamén ás funcións ecolóxicas e sociais, ademais das produtivas. Entre elas estaría a protección do patrimonio arqueolóxico e cultural, xunto co lecer cidadán e a calidade de vida, paralelamente coa conservación da biodiversidade, a protección do ciclo hidrolóxico (coidando das brañas, regatos e cabeceiras das cuncas hidrográficas) a prevención dos incendios e a loita contra o cambio climático.

Non obstante, o custe do noso dispositivo autonómico de loita contra o lume ascende á dous terzos do valor da madeira cortada anualmente en Galicia, con 200 millóns de € anuais, que en definitiva serven para manter a viabilidade dun modelo forestal notoriamente disfuncional.

A combinación da maior produtividade forestal de Europa xunto á existencia dunha seca estival de entre un e tres meses (establecida nun gradiente norte-sur) produce a acumulación de biocombustibles durante o ano, que logo seca estacionalmente, para arder ciclicamente cada 6 ou 7 anos ciclicamente. Non asumir este cóctel explosivo sen parangón noutras terras, atlánticas, nórdicas ou mediterráneas, resulta irresponsable.

Pedra da Nave de Mourigade – Ames. Petróglifos, agro e monte

Para cando entón a heteroxeneización e diversificación da paisaxe intercalando, mantendo e respectando formacións pouco incendiables de bosques autóctonos, brañas, regatos e pasteiros? Pero polo visto aquí todo é susceptible de eucaliptización.

A externalización dos custes ambientais e sociais do modelo forestal vixente non é o único factor que incide na problemática dos nosos montes. O monte galego presenta, ademais, outros graves problemas de raíz histórica. A estrutura da propiedade é un factor ben coñecido que repercute non só na capacidade de produción senón tamén nas posibilidades de ordenación multifuncional dos montes. En realidade apenas existen datos e estudos específicos sobre isto. Se cadra porque nas últimas décadas interesara esta situación que, en definitiva, contribuíu a manter a situación e as perspectivas inalterables. Como podería explicarse se non tan pouco interese institucional?

4) O inaxeitado marco vixente

Os datos dispoñibles informan que en Galicia o 68% da superficie dos montes pertence a aproximadamente dous terzos de millón de propietarios individuais, posuidores de entre dúas e unha hectárea e media repartidas en pequenas parcelas dun tamaño medio de 2.300 m2, superficie completamente insuficiente para unha explotación forestal racional (danse casos de parcelas menores a 2.000 m2 nos que o propietario chega a ter que pagar para que lle corten as árbores).

Ademais, estímase que ata un 20 ao 30% de propietarios son absentistas ou “desaparecidos en combate”, sen poder coñecerse a propiedade real. O resto da superficie forestal repártese entre comunidades de montes veciñais en man común, que ocupan un 30%, xunto a un insignificante 2% de montes públicos sobre a superficie total.

Neste panorama, bótanse en falta estudos pormenorizados por comarcas, concellos e parroquias, que permitan coñecer a situación local, diferenciando aos propietarios habitantes de zonas urbanas dos rurais, aos que realizan actividades agrarias dos que non, e incluso saber das súas capacidades, perspectivas e intencións produtivas, de conaservacióm ou asociativas.

A solución non pasa por acometer masivas campañas de concentración parcelaria nos montes galegos, xa que este caro e radical instrumento, con nidias repercusións ambientais, resérvase prioritariamente para promover explotacións rendibles nas terras agrarias, condición necesaria que os montes non cumpren. Antes ben, a alternativa pasaría por facilitar a colaboración e asociación, paralelamente ao desenvolvemento dun rexistro efectivo de propietarios.

Ambos obxectivos son practicamente inabordables baixo a normativa actual. Neste senso as vixentes Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) demostráronse claramente desapropiadas para a maioría dos casos, debido ao seu carácter societario mercantil. Isto maniféstase no feito de que, tras máis dunha década desde a súa creación, estas sociedades abranguen menos do 1% da superficie do monte galego. Por outra banda a recente exixencia, derivada do artigo 77 da Lei 7/2012, que obriga aos propietarios de montes menores de 15 ha (en couto redondo), a adherirse a un determinado tipo de modelo silvícola para poder realizar aproveitamentos comerciais no seu monte (en vigor desde o inicios deste ano), poderá ir creando co tempo un rexistro efectivo de ditos propietarios, aínda que non producirá efectos directos sobre as parcelas abandonadas (as maiores de 15 ha requiriran da elaboración de plans de ordenación forestal a partires de 2028) nin obrigará a transparencia ao comezo do aproveitamento outorgando, de feito, décadas de opacidade.

A normativa actual carece incluso de instrumentos operativos que faciliten xestionar axeitadamente as exixencias impostas polas faixas de control de biomasa e exclusión de pirófitas na interface urbano-forestal, vías e outras infraestruturas. Deste xeito, os propietarios e administracións locais atópanse coa responsabilidade traspasada, sen dispoñer de ferramentas e alternativas efectivas de xestión. Menos aínda se afonda na necesidade de protexer e garantir a integridade do patrimonio histórico e arqueolóxico dos montes, que requiriría tamén do establecemento de faixas similares para a protección de petróglifos, mámoas, castros e outros elementos. Con todo resulta imposible conservarse axeitadamente estas “pedras”, se non se conserva e xestiona a contorna natural onde se atopan, particularmente naqueles lugares de especial valor, concentración e/ou dimensións, onde estas “faixas de protección” non abondan para preservar coherentemente estas paisaxes culturais.

Localización do petróglifo de Areosa. Continuidade de plantacións de eucalipto no entorno de Montouto – Teo

Noutro senso, as novas normativas transversais derivadas de instrumentos como a nova Lei da paisaxe ou a vindeira de recuperación de terras agrarias e forestais semellan insuficientes. Lamentablemente, a estratexia galega da paisaxe (coas súas directrices, normativas e planificación) non considera específicamente este tipo de espazos que conxugan o interese patrimonial, ambiental e social (pese a que no seu día participamos en mais dunha convocatoria da fase do “pretendido” debate e participación pública establecidos no desenvolvemento da propia lei (outra sorpresa?). En canto á recuperación de terras está por ver a súa concreción final, aínda que polos antecedentes non poden albergarse moitas esperanzas, cun risco evidente de obviar ou deturpar as necesidades de ordenación multifuncional dos montes.

Vistas as nulas ou escasas posibilidades de abordar a multifuncionalidade que requirirían os montes de interese ambiental e/ou patrimonial resulta patente o atranco da súa non consideración como bens públicos ou comunais. Os montes veciñais en man común representarían en Galicia unha das escasas oportunidades de ordenación multifuncional. Circunstancia que comezou xa a materializarse nalgunhas comunidades comprometidas, tendencia que foi impulsada tras a vaga de lumes de 2017 con algúns exemplos sobranceiros na provincia de Pontevedra, particularmente nas áreas mais poboadas. Convén entón reflexionar para coñecer un pouco polo miúdo as orixes da propiedade nos montes galegos. A continuación. A continuación centrarémonos nisto nos tres seguintes apartados.

5) As raíces inmemoriais do procomún

Procomún é un concepto derivado de “proveito” e “común”, sinónimo de “ben comunal”, que atribúe a propiedade dun lugar as persoas que o habitan. Os montes veciñais en man común derivan dun tipo de propiedade “xermánica” e están presentes aínda en Galicia en 2.835 comunidades cunha extensión media de 237,5 ha. Por superficie estas comunidades distribúense cun 6,5% na provincia da Coruña, 31,7% na de Lugo, 41,8% Ourense e 20,0 % Pontevedra. Este modelo de titularidade indivisible, inalienable, imprescritible e inembargable resulta característico do noroeste peninsular, aínda que con diferenzas debidas á diverxencia dos procesos históricos, a propiedade comunal dos montes tamén está estendida por outras áreas xeográficas.

Para os romanos a propiedade derivaba da ocupación ou “tenza” das cousas, mediante o “usu fructus”, ou sexa o dereito de usalas e desfrutalas, que non equivalía exactamente a un dereito de propiedade sobre a súa “esencia”. Así, os membros dunha familia tiñan dereito a gozar da propiedade familiar, pero estaban obrigados, mesmo o Pater familias, de mantela para as futuras xeracións. Isto constituía o “patrimonio”, termo que provén de “patri” (pai) e “monium” (recibido), co significado do “recibido por liña paterna”. Segundo o tipo da propiedade os romanos distinguían entre as cousas sagradas, “res sacrae” (de aí os “loca sacra”, ou lugares sagrados propiedade dos deuses); as cousas públicas, “res publica”, pertencentes ao estado ou á “civitas” (a cidadanía); as cousas comúns ”res communis”, non susceptibles de apropiación individual porque que o seu uso pertence a todos; e finalmente as cousas privadas dos individuos “en familia”. Para aquelo non posuído por ninguén falábase de “res nullius”: as augas correntes, os animais salvaxes, os peixes no mar, etc., diferenciándose das cousas que foran abandonadas polos seus donos: “res derelicta”, aínda que ámbalas dúas categorías podían ser apropiadas sen máis requisito que a vontade e e a posesión.

A aldea de Loureiro en Teo rodeada de eucaliptos

En España na Alta Idade Media a propiedade común das terras foi establecida sobre as bases do dereito xermánico. No feudalismo, no que a terra era propiedade da realeza, os bens comunais eran concedidos polo señorío para a súa explotación a través dos feudos, o contrato de vasalaxe que outorgaba a terra aos vasallos. No século XIII a codificación do común cristalizou nas Sete partidas do rei Afonso X o Sabio, que clasificaba diferentes categorías: as cousas que comunalmente pertencen a tódalas criaturas do mundo (o ar, as augas de chuvia, e o mar e a súa ribeira); as cousas que pertencen a tódolos homes comunalmente (ríos, camiños públicos, portos); e as cousas que pertencen comunalmente a unha cidade ou vila (fontes de auga, prazas onde se fan os mercados, lugares de reunións de concellos, areais dos ríos…, e os:

«montes et las dehesas et todos los otros logares semejantes destos que son establecidos para pro comunal de cada una cibtat, o villa, o castielo o otro logar»

6) O desartellamento do comunal

Tras a progresiva desaparición do feudalismo os bens comunais quedaron regulados por foros, quedando unha parte en propiedade exclusiva dos antigos señores e o resto como patrimonio común da poboación. Posteriormente desenvolveuse un proceso de desmantelamento que os levou á privatización, provocando que en Galicia se pasara da existencia de practicamente un 100% de montes veciñais en 1800 ata o 30 % actual. Este proceso, impulsado coa instauración do liberalismo e a xeneralización do sistema capitalista en España, comparte similitudes co acontecido nas illas Británicas ata o século XVII coas “enclosure acts”, ou sexa actas de cerramento que significaron a abolición do sistema de campos abertos e o desposuimento dos aldeáns que accedían ao uso da terra subsistindo grazas aos “dereitos consuetudinarios” sobre as terras comúns. Neste proceso coñecido como “gentrificación” a aristocracia terratenente (“gentry”) arrebatou ás comunidades locais os seus escasos recursos a fin de implantar novos modos de produción mediante a mercantilización, o que máis adiante favoreceu a mecanización tras a revolución industrial.

Mámoa de Agro de Calvos en Teo alterada por traballos forestais realizados sen tela en conta en 2020

En Galicia o desmantelamento dos comúns foi un proceso de ruptura do comunal no que as dúas maiores forzas impulsoras foron a administración e o sistema de mercado, que buscaban o aproveitamento económico dos recursos pasando por alto a función dos montes no sistema agrario tradicional. A liberalización e privatización dos montes foi artellada polas desamortizacións do XIX, baixo o paradigma da instauración do estado liberal no que a administración (sempre necesitada de recadación) consideraba estes montes como susceptibles de ser vendidos, de xeito que entendéndoos como públicos (ou sexa, pertencentes ao Estado) facilitaba a posibilidade da intervención administrativa.

A desamortización formou parte desta reforma agraria liberal vinculada a supresión dos señoríos, do “diezmo” eclesiástico, do paso das augas ó dominio público, e parcialmente do libre uso da propiedade. Porén, non cumpriu co obxectivo de transformar a natureza da propiedade e os foros sobreviviron aos procesos de desamortización eclesiástica.

Paralelamente, da segunda metade do século XIX en adiante, a consolidación do municipalismo implantado polo estado liberal fixo derivar o proceso cara dúas direccións diverxentes e paralelas. Por unha banda un modelo “castelán”, no que parte destes montes quedaron absorbidos no patrimonio municipal orixinando aos actuais montes comunais municipais, e pola outra un modelo galego diferente. Aquí a falta de identificación coa nova estrutura municipal liberal percibida como allea pola dispersa poboación rural impediu, na maioría dos casos, que os concellos chegaran a controlar estes montes, prevalecendo polo contrario o vínculo veciñal parroquial.

7) A privatización dos montes

A individualización da propiedade veciñal foi un longo proceso que, primeiramente, consumou a desnaturalización xurídica dos montes veciñais en 1848, e logo desencadeou unha privatización auspiciada pola lei xeral de desamortización de 1855, que afectaba a tódolos montes públicos e por conseguinte tamén aos legalmente inexistentes. Con todo o fracaso en Galicia desta estratexia reflectiuse no feito de que os catálogos de montes imprescindibles para as vendas indican que a administración só chegou a coñecer unha fracción da súa totalidade (304.980 ha, cando en realidade eran uns 2 millóns), e que tan so o 1% da superficie chegara a venderse. Isto non só foi consecuencia da ineficacia administrativa senón tamén ao desinterese dos posibles compradores por unha terras marxinais de escasa produtividade agraria (agás aquelas poucas arboradas, que podían cortarse para o retorno do capital), e aínda moi por riba de todo á oposición unánime da sociedade galega, incluídos concellos e deputacións.

En 1862 un informe da Deputación de Lugo afirmaba en defensa dos labregos:

¿Es esta la ocasión oportuna para desposeer al primero de la única propiedad que le cupo en suerte, de esa propiedad consagrada, a la vez, por el respeto de todos los gobiernos, por el asentimiento de cien generaciones, y por el transcurso de los siglos?… No se harán nuestros labradores propietarios … sino proletarios, como ha sucedido en Inglaterra …

Pois tal como explican Balboa & Artiaga:

“Os poderes locais galegos, representantes maioritariamente dos sectores rentistas, fan causa común coas comunidades rurais na defensa dos montes; para eles significaba a continuidade do sistema que permitía detraer en forma de renda parte da produción agraria. Para os campesiños, simplemente supoñía defender a súa propia reprodución”.

As vendas foron por tanto ben escasas e, incluso, as que se levaron a cabo atopáronse coa resistencia das comunidades que impediron en moitas ocasións que os compradores exercesen a posesión efectiva das leiras adquiridas. Deste xeito, a única posibilidade viable foi a individualización do desfrute e, ao cabo, da propiedade do monte veciñal. A individualización comezou a xeneralizarse como alternativa tras a elaboración do Catálogo de 1862 que impoñía novas condicións para que un monte fora exceptuado da venda. Así, a partir dese momento aceleráronse os acoutamentos individuais. As reparticións estendéronse desde finais do século XIX e xa durante as tres primeiras décadas do XX consumouse a desaparición da meirande parte das terras colectivas, proceso que foi paralelo á supresión dos foros, atendendo ás demandas históricas do campesiñado galego. En definitiva, a fin de garantir a continuidade do sistema de agrario tradicional, dentro do posible, os labregos fixéronse coa propiedade de múltiples pequenas parcelas dos seus montes inmemoriais. Nesta estratexia de defensa, mantívose o acceso de cadaquén aos diferentes tipos de zonas de monte subministradores de estrumes, pasteiros, e tódolos tipos de vocacións e recursos, algo que por definición só pode facerse dispoñendo de diversas pequenas leiras espalladas polo mesmo monte.

Eucaliptos ventureiros na Devesa da Rula , Compostela, 2019

O resto é historia máis ou menos coñecida: a intervención do estado franquista, o colapso e estertores do sistema agrario tradicional (ata a década dos 60 do pasado século), o posterior abandono masivo do rural, coa eucaliptización aínda en curso. Como dixo unha vez un reputado arqueólogo galego: ”asistimos ao final da prehistoria”.

Por múltiples razóns, algunhas explicadas previamente e outras que non teñen aquí cabida, a alternativa ao final do sistema milenario de aproveitamento dos montes non debería recaer no monocultivo de especies pirófitas e invasoras. Nin tampouco pretenderse a práctica agrícola en terreos non aptos ou pensar que resulta viable económica e ecoloxicamente “limpar todo o monte” controlando a biomasa con rozas xeneralizadas. A medio e longo prazo a única alternativa sostible é a multifuncionalidade, que require da ordenación dos montes e, por conseguinte, resolver previamente o problema da estrutura da propiedade.

8) Hai outros mundos, pero non aquí

Lamentablemente, catro décadas de democracia apenas serviron para avanzar na ordenación multifuncional e a conservación dos montes, máis ben ao contrario. Polo tanto deberíase ollar por riba das estreitas miras e fronteiras actuais por ver de atopar algúns exemplos inspiradores. Neste sentido unha pregunta elemental sería: como adaptar, reformular ou xestionar unha estrutura da propiedade dos montes herdada dunha lóxica e funcionalidade obsoleta que só resposta a necesidades xa inexistentes e dificulta abordar á problemática actual, Prevención de megaincendios de quinta e sexta xeneración, cambio climático e crise ambiental planetaria incluídos xa que vai nelo a nosa supervivencia?

Aínda que semelle o contrario e pese as nosas propias particularidades, na realidade, non temos problemas tan diferentes aos que xa outros veciños máis avanzados afrontaron antes que nós. Afondando en como resolveron o dobre reto da xestión do territorio tras o abandono do sistema de vida tradicional e a instauración dunha silvicultura racional poden atoparse situacións que nos resulten máis ou menos familiares. Aínda que con condicións ambientais e sociais diferentes, países menos montañosos, con menor seca estival, maior superficie agraria, maior industrialización, diferente modelo de asentamento poboacional, etc., tiveron que asumir o mesmo problema básico. Por cuestións de espazo revisaremos aquí brevemente só dous exemplos: os modelos sueco e o francés.

O chamado modelo sueco de Silvicultura sustentable partiu, a finais do século XIX, dun estado de extrema degradación das áreas forestais. En 1903 promulgouse a que se considera unha das primeiras lei modernas de “forest mangement” que obrigaba a replantar o que se cortaba estipulando a súa porcentaxe. Instaurouse tamén unha administración forestal efectiva no cumprimento das regulacións, inventariado e asesoramento. O obxectivo a longo prazo foi dispoñer de amplos bosques con árbores de tódalas clases de idade en quendas de rotación de ata 100 anos. Posteriormente, nos pasados anos 70, este modelo produtivista foi cuestionado polas reclamacións ambientais da sociedade civil, orientándose a normativa dos 90 en adiante cara unha planificación máis multifuncional. A superficie forestal sueca cobre actualmente o 70% do territorio e conta cuns 300.000 propietarios privados individuais , que posúen o 50% da mesma, repartíndose o resto entre un 25% propiedade de empresas e outro 25% publico. A tódolos propietarios destes espazos requíreselles a planificación e formación para a posesión das terras e a súa explotación e xunto coa obriga de reforestar o cortado considerando tamén aspectos como o lecer, o turismo, a preservación dos bens patrimoniais existentes e a conservación ambiental. Con todo, nesta potencia mundial en produción forestal, a sociedade civil segue a demandar máis biodiversidade e bosques protectores cuestionando a preponderancia produtiva que ameaza a conservación do bosque boreal. Como vemos, aparte dun clima moito mais severo que impide o cultivo de especies exóticas invasoras como o eucalipto e dilata as quendas, outra gran diferencia é a maior dimensión das propiedades, como mínimo dunha orde 10 ou máis veces superior.

Val de Figueiras desde Os Cortellos, Villestro. O eucalipto xa case é a única especie arbórea

Nunha situación máis achegada a nosa e cun punto de partida aínda máis semellante o modelo francés resulta interesante na medida en que os problemas e a estrutura da propiedade da terra resultan máis similares. A maior diferenza reside en que alí a transformación cara unha sociedade urbana e industrializada comezou moitas décadas antes. En Francia, xunto a un sector agro-alimentario considerado un dos mais robustos do mundo, o forestal oriéntase pola súa propia conta dun xeito máis estruturado que transversal que o noso.

Aínda que tamén aquí existan demandas ecoloxistas, repararemos unicamente nun par de diferenzas significativas. Primeiramente, a existencia do Centro Nacional da Propiedade Forestal (CNPF), un organismo público exclusivamente dedicado a xestionar o 74% de bosques e montes da Francia metropolitana ,que están en mans privadas con preto de 11 millóns de hectáreas sobre un total de 15 millóns en toda Francia. Contabilízanse neles 3,5 millóns de propietarios privados, repartidos nun 96% de persoas físicas, dous terzos dos cales posúen menos dunha hectárea. A propiedade das terras derívase nas súas 3/4 partes de herdanzas, das que só o 12% son agricultores en activo. As funcións principais deste organismo son tres: 1) orientar e planificar o manexo dos bosques privados, 2) asesorar e capacitar para elo e 3) Agrupar a propiedade privada para o desenvolvemento de proxectos de servizos, mobilización de montes, agrupación por sitios de talla, mancomunar custes, etc.

Como mostra do marco legal, o Art. L112-1 du Code Forestier establece que:

“Os montes, bosques e árbores colócanse baixo a protección da nación, sen prexuízo dos títulos, dereitos e usos colectivos e individuais. A protección e valorización dos bosques e montes, así como a reforestación no marco da xestión sostible, son recoñecidas como de interese xeral … “.

E a lei de orientación forestal de 2001 consagra a multifuncionalidade establecendo que:

“a xestión sostible dos montes e bosques baséase en tres compoñentes interdependentes: a dimensión económica, ambiental e social …./… Ademais, …a integración destes temas na xestión de bosques e montes deberá considerarse a diferentes escalas, espaciais e temporal, tomándose en conta con igual importancia en asuntos de ordenamento territorial”

9) Conservación e auténticos conservadores

Con calquera matización ou atranco que poda sinalarse nos exemplos anteriores resulta evidente que a normativa e xestión dos montes galegos está moi lonxe de corresponderse cao de países máis avanzados. O mesmo acontece no que a estrita política de conservación se refire. O territorio declarado protexido apenas chega ao 12% da superficie galega, incluindo a Rede galega de espazos protexidos (integrado por parques naturais, paisaxes protexidas e outras figuras de protección) xunto coas zonas pertencentes á Rede europea natura 2000 (LICs e ZEPAs). Esta porcentaxe déixanos moi por baixo do 18% da superficie total española, e convértenos na comunidade autónoma con menor porcentaxe de territorio protexido. Respecto de Francia (24%), Alemaña (31%) e Reino unido (36%) a comparación resulta aínda mais desfavorable.

Polo demais, nin sequera podemos dicir que a efectividade real das políticas de protección específicas ou sectoriais sexa algo comparable con outras latitudes, como resulta público e notorio nas continuas ameazas, agresións e deterioro dos enclaves supostamente protexidos. Abonda comprobar as eucaliptizacións, os parques eólicos e outras intervencións planificadas, toleradas, ou executadas acotío. Aquí o listado sería tan interminable como desmoralizador. Comezando pola ineficacia da planificación, control e protección das áreas de respecto do patrimonio arqueolóxico podería citarse casos recentes como a Serra do Iribio (zona oseira, Camiño de Santiago, candidata a reserva da biosfera Ribeira Sacra-O Courel, e futuro parque natural da montaña lucense Ancares-Cebreiro-Courel), ou os Penedos de Pasarela e Traba, onde se proxecta un parque eólico nunha zona declarada paisaxe protexida.

Visto o desleixo das administracións estatal e a autonómica, as locais tamén levan a súa parte de responsabilidade. Máis alá dos plans xerais de ordenación municipal (PXOM), a figura existente dos Espazos naturais de interese local (ENIL) resultaría axeitada para a consolidación efectiva dunha auténtica ordenación territorial. Os ENILs, malia non estar considerados por lei como integrantes da “Rede galega de espazos protexidos” (outra eiva máis derivada dunha estratexia de traspaso de responsabilidades), teñen que ser promovidos polos concellos, aprobados pola Xunta de Galicia e contar cuns mínimos requisitos e planificacións de declaración e xestión. Non obstante, a día de hoxe en Galicia, os ENILs existentes non chegan á decena cando, en realidade, unha estratexia racional de ordenación territorial debería aspirar a un mínimo dun 10 a un 20 % deste tipo de espazos en calquera concello ou incluso parroquia.

Petróglifos de Gargamala tras o lume de 2018

Resta por comprobar a capacidade de compromiso e participación cidadán. As iniciativas de custodia do territorio representan outra alternativa, malia que en Galicia son aínda proxectos incipientes e minoritarios, salvando os sobranceiros casos de pioneiros como “Ridimoas” en Ourense e outros máis novos como a “Agrupación Galega de Entidades de Custodia do Territorio”. Este tipo de iniciativas están moito máis desenvolvidas noutros territorios, como por exemplo comunidades autónomas como Cataluña ou Andalucía. A parte do maior dinamismo social noutras comunidades estes dous casos exemplifican tamén a confluencia e sinerxías que poden establecerse entre a cidadanía e as administracións. En Andalucía, que conta coa maior extensión estatal de superficie baixo custodia do territorio, o maior impulsor é a propia Junta de Andalucía, que aquí conta coa vantaxe comparativa da existencia de grandes propietarios cos que consorciarse. En Cataluña pola súa parte, moitos concellos sosteñen iniciativas de custodia aproveitando que alí a propiedade dos montes é preferentemente municipal.

Outros países como o Reino Unido resultan paradigmáticos. Alí, aínda que existan moitas outras organizacións ambientalistas ou culturais implicadas nisto, abonda reparar no “National Trust” (National Trust for Places of Historic Interest or Natural Beauty) como referencia abraiante. Fundado en 1895, esta ONG promove a preservación e acceso público a sitios de carácter histórico, arquitectónico e natural en Inglaterra, Gales e Irlanda do Norte (en 1931 fundouse a organización paralela National Trust for Scotland.) Con 5,6 millóns de socios, 65.000 traballadores voluntarios e 4,8 millóns de horas de traballo anual xestiona máis de 500 enclaves e espazos, constituíndo un dos maiores propietarios de terras do Reino Unido, con máis de 248.000 hectáreas de terra e 1.255 km de costa (datos de 2019).

Aplicada aos montes galegos a estratexia da custodia do territorio podería ou debería ir máis alá dunha simple e habitual adquisición ou alugueiro de fincas nos enclaves máis estratéxicos. A constitución dun modelo de “Asociación cidadán de xestión do monte” resultaría idónea para favorecer a multifuncionalidade. Con diferentes tipos de membros individuais (propietarios e non propietarios) e colectivos (outras asociacións, institucións públicas e privadas, empresas, patrocinadores…), unha asociación deste tipo podería mediar entre propietarios e administración, xestionando paralelamente diferentes tipos de situacións segundo os casos e circunstancias (unha xestión máis directa nas zonas estratéxicas de conservación combinada co mero consorcio nas reservadas para produción). Semellante a como fai en Galicia a industria papeleira que consorcia con propietarios privados a posta en explotación de eucaliptais asumindo as inversións e o manexo a cambio dunha porcentaxe dos beneficios. Deste xeito facilitaríase a agrupación de superficies para poder apoiar, tutelar e financiar os traballos precisos, dando como resultado unha mediación efectiva entre propietarios e administracións. Isto, en definitiva, representaría a reconstrución das comunidades de montes veciñais perdidas que proporcionarían uns beneficios lexítimos a tódalas partes: ambientais e sociais á cidadanía habitante en cada concello ou parroquia e económicos e de seguridade xurídica aos propietarios.

10) Abrindo unha porta de exemplo

O feito de estar a día de hoxe tan lonxe de calquera posibilidade factible (por mínima que sexa) de reconciliar o pasado, o presente e o futuro dos nosos montes non implica abdicar da procura de ferramentas de xestión operativas. Nisto, como en calquera outro asunto importante, o principal trunfo dun sistema que esnaquiza a terra, compromete a supervivencia, e deturpa as identidades é facer pensar que non existen alternativas.

Ata aquí pretendeuse expoñer minimamente o marco de referencia dos principais procesos históricos, ecolóxicos e socio-económicos que conflúen na problemática dos nosos montes. Contribuír a remediar en parte a ruína do noso patrimonio natural e cultural pasa primeiramente pola reflexión e o coñecemento. As opcións de cadaquén na súa xestión poden ser holísticas e comprometidas ou ben basearse na ignorancia, o descoñecemento, o fatalismo, o desinterese, a irresponsabilidade, a hipocrisía ou a cobiza.

Queremos aportar en positivo e por iso compartimos finalmente un exemplo de ordenación multifuncional nun monte de carácter peri-rur-urbano de interese patrimonial na comarca de Compostela. O Monte de Villestro- Ventosa, no límite municipal entre Santiago e Ames, por onde pasa o camiño de Santiago a Fisterra, pletórico dunha das mellores mostras de arte rupestre galaica por estas terras. Este exemplo, que podería tamén ser aplicado noutros moitos lugares, é provisional. Precisaríanse estudos e planificacións máis pormenorizadas para a ordenación e planificación axeitada de espazos coma este, en función da existencia dos elementos arqueolóxicos, a conexión ecolóxica e a produtividade segundo a calidade dos solos e a cuberta vexetal existente.

Neste exemplo resérvase un 55% da superficie do espazo para a produción de madeira, con castiñeiros nas mellores zonas e unha mestura de pino do país e bidueiro nos sitios con condicións máis limitantes. As áreas de interese natural con mellores solos dedícanse á restauración ecolóxica de devesas con diferentes especies autóctonas (carballos, castiñeiros, pradairos, cerdeiras, etc.). Nas patrimoniais, polo xeral con solos que presentan limitacións, restrinxiríase a diversidade de especies ás máis tolerantes (como son os carballos e bidueiros). A súa vez o obxectivo de manter estes espazos abertos para a protección dos elementos arqueolóxicos aprovéitase para a plantación de árbores e arbustos produtores de froitos silvestres (como son espiños brancos, acivros e outros) a fin de favorecer a fauna silvestre.

A Penichaira superior dedicaríase a corredor ecolóxico de conexión de tódalas áreas de conservación natural e patrimonial, circunstancia que se aproveita para o establecemento dun itinerario de conexión de todo o espazo onde desfrutar das magníficas vistas e miradoiros dispoñibles. Aquí as especies son elixidas en función de criterios paisaxísticos e de promoción da fauna silvestre.

Finalmente, na conexión entre as dúas vertentes do monte, no límite entre os dous concellos, proponse a modo de exemplo unha intervención paisaxística que articule todo o espazo, que en todo caso podería ser calquera outra alternativa. Para elo, e aproveitando a particular estrutura vertical de faias e sequoias, deséñase unha catedral arbórea orientada cara o Pico Sagro, que aquí coincide co solsticio de inverno. Trátase da paganización dunha simboloxía que evoca un templo natural nunha tentativa de reconexión coa antiga sacralidade que se oculta nos petróglifos de Ventosa e Villestro.

Porque, cal outra sería a razón da existencia de toda esta concentración de arte rupestre, con representacións abstractas de posibles divindades femininas? A beira do camiño de Santiago a Fisterra, con vistas ao pazo da Raiña Lupa no cumio do Pico Sagro, a señora e soberana do territorio nas Terras de Compostela…

11) Afondando

11.1) Bibliografía

BALBOA LÓPEZ X.L. & ARTIAGA REGO M.A. 1992. “La individualización de la propiedad colectiva: aproximación e interpretación del proceso en los montes vecinales de Galicia”. Agricultura y sociedad, Nº 65. ISSN: 0211-8394. pp 101-120

BELAND LINDAHL, KARIN & STÉNS, ANNA & SANDSTRÖM, CAMILLA & JOHANSSON, JOHANNA & LIDSKOG, ROLF & RANIUS, THOMAS & ROBERGE, JEAN-MICHEL. 2015. “The Swedish forestry model: More of everything?”. Forest Policy and Economics. 77. 10.1016/j.forpol.2015.10.012.

CORBELLE RICO E. & CRECENTE MASEDA R. 2009. “Evolución histórica de la Superficie Agrícola Utilizada en Galicia (1962-2006). Integración de fuentes estadísticas y cartográfica”. Economía Agraria y Recursos Naturales. ISSN: 1578-0732. Vol. 9, 2. pp. 183-192

GARCÍA QUIROGA F. 2013. “Desde la desarticulación al presente de los montes vecinales en mano común en Galicia”. Teknokultura, Vol. 10, Nº. 1 ISSN-e: 1549-2230, pp155-176

GRUPO DE MONTES VECINALES EN MANO COMÚN DEL INSTITUTO UNIVERSITARIO DE ESTUDOS E DESENVOLVEMENTO DE GALICIA (IDEGA). 2013. “La política forestal gallega en los montes vecinales en mano común”. Ambienta: La revista del Ministerio de Medio Ambiente. ISSN: 1577-9491, Nº. 104, pp 114-125

HARRIS M. 2011. “Caníbales y reyes”. Alianza editorial. ISBN: 9788420674315. 368 pp

MANUEL VALDÉS C.M. & GIL SÁNCHEZ, L. 2002. “La transformación histórica del paisaje forestal en Galicia”. Ed. Icona (Organismo autonomo parques nacionales. ISBN: 788480144308. 473 pp.

MARTÍNEZ-CORTIZAS A. & COSTA-CASAIS M. 2016.“A paisaxe: síntese da historia ambiental e cultural “. (Capítulo 2, Atlas arqueolóxico da paisaxe galega). Ed. Xerais. ISBN: 9788491210481 336 pp.

O´FLANAGAN P. 1995. “Xeografia histórica de Galicia”. Ed. Xerais. ISBN: 9788475079691. 220 pp.

PIÑEIRO MACÍAS J. 2013. “Las últimas noticias de los osos galaico-portugueses. Argutorio: revista de la Asociación Cultural “Monte Irago”, ISSN: 1575-801X, Año 16, Nº. 30, pp 25-32

11.2) Ligazóns forestais

CENTRE NATIONAL DE LA PROPRIÉTÉ FORESTIÈRE (CNPF):

https://www.cnpf.fr/

https://www.foretpriveefrancaise.com/n/observatoire-de-la-foret-privee/n:29

CONFEMADERA GALICIA (CONFEDERACIÓN GALLEGA DE EMPRESARIOS DE LA MADERA. 2015. “Informe resultados Confemadera Galicia –Universidade de Vigo”

http://maderasdegalicia.com/wp-content/uploads/2018/11/Informe-de-resultados-Confemadera-Galicia-2015-1.pdf

MINISTERIO DE AGRICULTURA, PESCA Y ALIMENTACIÓN. 2018. <“Anuario de Estadística Forestal”

https://www.mapa.gob.es/es/desarrollo-rural/estadisticas/forestal_anuario_2018.aspx

11.3) Ligazóns custodia

HERITAGE PROTECTION GUIDE:

https://historicengland.org.uk/advice/hpg/

THE NATIONAL TRUST:

https://historicengland.org.uk/advice/hpg/publicandheritagebodies/NT/

PLATAFORMA CUSTODIA DEL TERRITORIO (Ministerio transición ecológica y reto demográfico):

https://custodia-territorio.es/

REDE GALEGA DE CUSTODIA DO TERRITORIO:

https://www.custodiadoterritorio.org/agect

Os Cortellos 4. Unha nova estación na Portela de Villestro – Compostela


O Monte San Miguel é vizoso en toxo, eucaliptos e petróglifos, unha mestura de difícil equilibrio. O actual abandono, case xeneralizado das pequenas parcelas de propiedade privada nas que se divide, dificulta moito a conservación e investigación da súa arte rupestre.

Así é que, despois de case 10 anos das primeiras estacións descubertas no lugar, continuamos cunha lenta e custosa prospección que segue a dar interesantes resultados, como é a descuberta desta nova estación que agora presentamos e que localizamos o pasado mes de setembro.

Mapa de localización da nova estación dos Cortellos 4

A nova estación que denominamos Cortellos 4 sitúase no alto dunha ladeira orientada ao oeste, ao sur-sur leste concéntranse boa parte das laxes gravadas do conxunto da Devesa da Rula.

Está próxima ás estacións xa coñecidas dos Cortellos, a tan só 84 m ao norte da estación da Pedra da Loba – Cortellos 3 (14 no mapa) e a apenas 70 m ao oeste do panel dos Cortellos 1 (12 no mapa).

As coordenadas da nova estación son: N 42 53.108, W 8 37.174 (WGS84) e unha altura de 266 m.

Os Cortellos 4. Panel 3. Combinacións circulares

Como chegar

Para chegar ata ela podemos ascender polo sendeiro que cruza a Devesa da Rula en dirección norte. Ao chegar ao alto dos Cortellos collemos á esquerda, avanzamos uns 15 metros para, a continuación, coller á dereita e seguilo en dirección norte. Cando cheguemos á altura dunha pedra cabalgada visible a man dereita colleremos á nosa esquerda monte a través, desde o camiño a estación hai uns 35 metros. Camiñados uns metros chegaremos ata un primeiro afloramento sen gravados. Continuamos na mesma dirección uns metros máis ata chegar á rocha onde se conservan os petróglifos.

Os Cortellos 4. Vista cenital do afloramento

Descrición

Os petróglifos localízanse nun gran afloramento granítico de formas irregulares que na cima, onde se sitúan os gravados, adopta forma de crista cunha aliñación norte-sur. Presenta múltiples alteracións produto da extracción tradicional de cantaría.

Chegando desde a Devesa da Rula, o afloramento ocupa un lugar destacado e visible preto do final da pendente ascendente. Desde a estación, seguindo cara o norte, a pendente vaise suavizando e, a uns 280 m, chégase a unha zona máis chaira, o Chao do Penedo Branco.

Vista aérea dos Cortellos 4 e ao fondo o val de Roxos

A pedra presenta poucas superficies homoxéneas e con certa horizontalidade, que son as elixidas habitualmente polos gravadores de petróglifos. Esta escaseza vese acentuada pola extracción tradicional de pedra para cantaría que neste tipo de afloramentos macizos adoita aproveitar só os saíntes por seren os máis fáciles de traballar, o que lles permitía economizar e optimizar os seus esforzos.

Cara o oeste as paredes rochosas gañan en verticalidade chegando ata os case 10 metros de caída nesta zona.

Os Cortellos 4. Vista do afloramento desde o oeste

O gravador aproveitou as escasas superficies máis homoxéneas e horizontais para realizar os petróglifos. Localizamos ata 6 pequenas superficies con gravados, o que fai que, co obxecto de facilitar a súa descrición, dividamos a estación en 6 paneis.

Os Cortellos 4. Vista cenital da zona con gravados e identificación dos distintos paneis

Panel 1

Sitúase no cumio do afloramento, no extremo norte da crista, nunha superficie horizontal regular. A pesares de ser unha das superficies gravadas de maiores dimensións (145 cm x 72 cm), nela só se conserva unha única coviña ao carón dun rebaixe alongado de posible orixe antrópica. A coviña ten un diámetro de 7 cm.

Os Cortellos 4. Panel 1. Coviña

Panel 2

Localízase na parte máis alta do afloramento, no extremo norte da crista da cima, a uns tres metros ao sur do panel 1. Ocupa unha pequena e estreita superficie horizontal (190 x 50 cm) orientada en dirección norte – sur.

Os Cortellos 4. Panel 2. Coviñas

Conserva un conxunto de 6 coviñas dispostas nunha agrupación de forma irregular. Ao sur desta 2 coviñas menos profundas. Ao outro lado da agrupación central vemos unha coviña illada nunha parte da rocha con certa concavidade. O diámetro medio das coviñas é de 4 cm. O seu estado de conservación é bo.

Os Cortellos 4. Panel 2. Fotogrametría

Panel 3

Nunha superficie inmediata, ao leste do panel 1, e nunha superficie de características similares ao anterior consérvanse ata 3 combinacións circulares.

Os Cortellos 4. Panel 3. Combinacións circulares

Dúas destas combinacións conforman unha “figura”. Son unha combinación formada por dous aneis e coviña central de 14 cm de diámetro, e acaroada a ela un círculo con coviña central, cun diámetro de 10 cm. Ambas comparten parte do suco dos seus círculos exteriores, algo que non é a relación máis habitual entre os motivos do grupo xeométrico da nosa arte rupestre, na que a relación maioritaria entre os distintos motivos é o da xustaposición, entendida como a disposición das formas ou figuras unhas xunto a outras, sen superposición, de modo que unhas non ocultan parcialmente as outras.

Cortellos 4. Panel 2. Fotogrametría

Ao norte desta figura consérvase unha combinación circular incompleta, composta por ata 4 aneis e coviña central, mais moi erosionada polo que só é perceptible con certa claridade empregando a fotogrametría ou a fotografía nocturna. Ten uns 14 cm de diámetro.

Os Cortellos 4. Paneis 2 e 3

Panel 4

A escasos metros, ao sur do panel 3, nunha pequena superficie horizontal de 205 x 120 cm situada a menor altura, consérvase un zoomorfo moi erosionado de 30 cm de alto por 38 cm de longo.

Os Cortellos 4. Panel 4. Zoomorfo

Na fotogrametría apréciase con dificultade uns trazos e unha coviña sobre o lombo do animal que poderían representar un xinete.

Cortellos 4. Panel 4. Fotogrametría

O animal semella ter sido elaborado con dobre trazo, mais o deficiente estado de conservación impide aseveralo con rotundidade, polo que non descartamos que fose elaborado mediante o baleirado do interior do corpo.

Panel 5

Atópase na superficie horizontal de maiores dimensións do conxunto situada a carón do panel 4, pero nun nivel inferior. Ten unhas dimensións de 300 x 150 cm.

Os Cortellos 4. Panel 5

Conserva un bo número de motivos mais nun pésimo estado de conservación que dificulta a súa interpretación.

Os Cortellos 4. Panel 5. Fotogrametría

Non sen dificultade identificamos unha pequena combinación dun círculo con coviña central e ata 13 coviñas distribuídas no centro da laxe sen orde aparente.

Panel 6

Situada uns 2 metros ao leste do panel 5, na parte alta do afloramento. É unha pequena superficie de 90 x 30 cm na que se conservan, no seu extremo norte, un par de combinacións circulares moi erosionadas e apenas perceptibles. A de menores dimensións é dun só círculo e coviña central e, acaroada temos a de maiores dimensións, esta incompleta sitúase no borde da superficie e conserva polo menos dous aneis.

Os Cortellos 4. Panel 6. Fotogrametría

Conclusións

Sumamos esta nova e peculiar estación ao rico conxunto rupestre da Portela de Villestro. Peculiar principalmente pola súa localización nunha rocha moi destacada e irregular.

Procedemos, como é habitual, a comunicarlle esta nova localización á Dirección Xeral de Patrimonio e ó Concello de Santiago, ao tempo que lles solicitamos a súa pronta catalogación, e que esta permita a súa conservación e promova o seu coñecemento. Ao mesmo tempo solicitarémoslles tamén a catalogación daqueles bens comunicados con anterioridade dos que non obtivemos resposta.

Os Cortellos 4. Panel 2

 

Novas estacións rupestres en Montouto, Teo


Comeza o ano 2021 e queremos facelo con renovadas arelas e ganas de mudar as cousas. E non concibimos mellor maneira que achegando información sobre estes novos petróglifos localizados na comarca compostelá, descuberta que nos enche de ledicia.

Petróglifo de Agro Grande. Fotografía nocturna

O alto de Montouto, enclave paisaxístico e histórico

O alto de Montouto e a súa aba constitúen un dos enclaves históricos e paisaxísticos máis relevantes do concello de Teo. Este cumio situado a unha altitude de 339 m.s.n.m. é un dos miradoiros naturais do municipio teense desde o que se pode contemplar unha das mellores panorámicas do sur da capital compostelá e do val do Santa Lucía, co grande faro da xomarca, o Pico Sacro, como protagonista. Nos días claros pódense divisar cara o leste os principais picos das serras centrais galegas os Carrio, Farelo, Candán, Chamor ou San Sebastián e, ollando cara poñente e ó sur, os cumes do Xesteiras, Meda, A Grela, Castelo Redondo, Xiabre …

Panorámica de Compostela dende o Alto de Montouto

É tamén un enclave histórico de referencia pois foi un dos escenarios dunha batalla que mudou a nosa historia, a Batalla de Cacheiras do 23 de abril de 1846, o penúltimo episodio dunha fracasada revolución que, porén, permitiu dar paso á Galiza contemporánea.

Esta zona norte da parroquia de Cacheiras é un lugar de paso e encrucillada de camiños á entrada da capital xacobea. Dende o medievo os peregrinos que accedían as terras de Compostela polo camiño de Pontevea divisaban por primeira vez a catedral Compostelá á beira da desaparecida Capela de San Sadurniño, que cristianizaba este antigo milladoiro no linde do Xiro da Cidade. No sitio de “A Tenencia”, entre Montouto, Penelas e Cobas o Cabido Catedralicio contou con importantes posesións durante o Antigo Réxime e mantívoas ata ben entrado o século XX.

Vértice xeodésico do alto de Montouto

Novas descubertas de petróglifos en Montouto

Neste rico contexto cultural, as recentes descubertas evidencian agora que tamén foi unha zona de certa importancia na Prehistoria. Ós xacementos xa documentados nos anos cincuenta do pasado século, como as mámoas da necrópole megalítica do alto de Montouto, da que hoxe só se conserva a chamada Mámoa da Cova da Pereira / Mámoa 4 do Montouto (GA15082001) e da que falamos nunha entrada previa neste blog, temos que engadir agora varias estacións de petróglifos.

Mapa de localizacións dos petróglifos e mámoas de Montouto, da Pena Escorredía e do trazado da ruta da Batalla de Cacheiras

O primeiro deles, o petróglifo da Estivada do Vilar, localizouno no ano 2007 Fernando Hermida, veciño da parroquia de Cacheiras, e catalogouse a finais de 2016 (GA15082109). Localízase ó oeste da estrada AC-841, entre as aldeas da Póboa ó norte e Pedrousos ó sur. Conta con varios paneis con agrupacións de coviñas, cazoletas e media ducia de cruces, probablemente medievais, situadas na parte superior da “Peneda da Estivada do Vilar”.

Petróglifo da Estivada do Vilar. Cruciformes

Hai só unhas semanas, Tamara Sánchez, veciña dos Tilos, localizaba dúas novas estacións ao leste da estrada AC-841, na aba do cumio de Montouto na pendente orientada ó sur, a que mira ó Pico Sacro. Mentres apañaba cogomelos preto da súa vivenda, daba coas dúas primeiras estacións de arte rupestre na faldra da Pena Escorredía, situadas ó carón de antigos camiños, hoxe convertidos en pistas da concentración parcelaria polas que transcorre a ruta da Batalla de Cacheiras sinalazadas polo Concello en 2008.

Mapa IGN coas localizacións dos petróglifos e mámoas de Montouto e Os Tilos

Varias circunstancias propiciaron estes novos achados. En primeiro lugar, nas dúas parcelas onde se sitúan os gravados realizáronse recentemente traballos de roza. Na parcela de Agro Grande realizáronse traballos de eliminación de eucaliptos e limpeza do mato. No segundo predio, no sitio da Areosa, realizouse unha replantación de eucaliptos. En segundo lugar, Tamara non só é afeccionada a micoloxía senón que posúe estudos de Historia da Arte e tamén é boa coñecedora do patrimonio teense, polo que logo se decatou da excepcionalidade destes gravados.

Localización dos petróglifos de Montouto

Logo de realizar varias visitas puidemos confirmar os dous novos conxuntos arqueolóxicos.

Días despois a propia Tamara identificou dúas novas estacións de coviñas na contorna da urbanización dos Tilos onde reside. A primeira delas na aldea de Cobas, moi preto do linde coa urbanización dos Tilos, e a segunda nun espazo público á beira das escaleiras que comunican dúas rúas desta urbanización.

Petróglifo de Agro Grande

Localízase nunha parcela de piñeiros situada á beira dunha das pistas de concentración parcelaria que substituíron ó antigo camiño tradicional que baixaba en dirección a aldea de Penelas. Coordenadas N 42 49.767, W 8 32.292 (Datum WGS84) e a unha altitude de 290 m.s.n.m.

Petróglifo de Agro Grande. Vista cenital do conxunto

O panel con gravados atópase a rentes do chan, nunha grande peneda que presenta evidentes marcas da actividade dos canteiros nesta zona. A rocha sitúase na parte central e inferior dunha parcela onde existen numerosos afloramentos graníticos empregados tradicionalmente para a extracción de pedra para as aldeas da parroquia de Cacheiras e o val de Santa Lucía: Penelas, Tras do Eixo e Cobas.

Tornarratos sen extraer nunha das laxes de Agro Grande

De feito, moitas delas presentan marcas de extracción e pegadas desta actividade. Nunha das laxes aínda se aprecia unha forma circular duns 58 cm de diámetro, posiblemente traballada para unha capa ou tornarratos dun hórreo, que por algunha razón non se chegou a extraer. Curiosamente noutras rochas quedaron as pegadas da extracción de elementos semellantes que si foron rematados. Todas elas son de diámetros similares, polo que pensamos que foron arrincadas nun mesmo momento e empregadas para a mesma finalidade.

Petróglifo de Agro Grande. Pegadas de extracción

O panel insculturado mide 4,35 x 1,96 m e localízase no lateral sur da rocha. Os motivos representados son 24 coviñas de diferentes dimensións, a maior de 9 cm de diámetro e 3 cm de profundidade, e a máis pequena de 3 cm diámetro e 1 cm de profundidade. Distribúense de xeito irregular pola parte central do panel que ten unha disposición E-O.

Petróglifo de Agro Grande. Vista cenital

Figura tamén unha combinación circular incompleta composta por 3 aneis e coviña central. Ten 33 cm de diámetro.

Petróglifo de Agro Grande. Detalle con luz natural

Logo da realización de diferentes modelos fotogramétricos e fotografías nocturnas con luz rasante, apreciamos restos moi erosionados de ata dúas combinacións máis (unha delas de ata 3 aneis), outros sucos indefinidos e posibles aneis con coviñas centrais distribuídos por todo o panel.

Petróglifo de Agro Grande. Fotogrametría

Os motivos foron gravados nun soporte pouco habitual pois trátase dun granito de gran moi groso que dificulta os traballos de tallado das diferentes figuras. Asemade, é habitual que os gravados neste soporte presenten maior degradación. Non obstante, tendo en conta a situación das laxes da contorna e a intensa actividade dos canteiros podemos dicir que o estado de conservación dos gravados é boa.

Petróglifo de Agro Grande. Interpretación

Petróglifo de Areosa

Sitúase no bordo exterior dunha parcela de monte cunha plantación de eucaliptos, a rentes da ruta da Batalla de Cacheiras. É esta unha zona chaira antes do ascenso ó alto de Montouto. Coordenadas N 42 49.753, W 8 32.533 (Datum WGS84), altitude de 260 m.s.n.m. Atópase a 480 m ó sur da emblemática “Pena Escorredía” no cumio de Montouto e a uns 350 m ó oeste do petróglifo de Agro Grande.

Petróglifo de Areosa. Panel 1. Detalle

Distinguimos dous paneis insculturados. O principal sitúase na parte superior dunha peneda moi alterada pola actividade dos canteiros, que sufriu enormes fracturas pola extracción de pedra nos laterais, sobre todo ó norte, sur e parte do bordo que dá ó camiño. O panel gravado consérvase, case milagrosamente, na parte central da peneda, a única zona que non sufriu o abate dos canteiros.

Petróglifo de Areosa. Localización dos paneis

Mide 3,30 x 3,70 m e está dividida por unha grande diáclase central. A ambos lados desta fenda natural distribúense un total de 23 coviñas / cazoletas, a maior delas de 10 cm de diámetro e a máis pequena de 2 cm, en xeral, bastante fondas e visibles.

Petróglifo de Areosa. Fotogrametría indicando os motivos

Na parte superior, a máis prominente do panel aproveitando a protuberancia natural da laxe figura unha combinación circular (1) de 20 cm de diámetro formada por 3 aneis con coviña central, ó seu carón dous aneis simples unidos (2), formando unha especie de 8 con coviña central, de 14 e 12 cm de diámetro cada un.

Na parte central, a carón da cazoleta de maior tamaño, obsérvanse restos dunha combinación de dous ou tres aneis con coviña central de 16 cm de diámetro (3).

Petróglifo de Areosa. Interpretación

Pegada á fenda, na parte sur do panel, hai tamén un segundo “petón” con unha combinación circular moi erosionada de dobre anel e adaptada á morfoloxía da rocha, ten uns 15 de diámetro (4), a carón apreciase outro anel con coviña central tamén moi degradado (5).

Petróglifo de Areosa. Panel 1. Fotografía nocturna

Como aconteceu co petróglifo do Agro Grande, nos modelos fotogramétricos apreciamos restos doutras combinacións ou círculos simples, imperceptibles a simple vista polo seu mal estado de conservación. Entre elas destaca unha combinación circular incompleta de dous aneis e coviña central (6).

Petróglifo de Areosa. Panel 1. Fotogrametría parcial

Na parte inferior do afloramento, case a rentes do chan localizamos un segundo panel formado por dúas cazoletas aliñadas en dirección O-E de 6 cm de diámetro e 3 de profundidade, e 7 cm de diámetro e 4 de profundidade, respectivamente.

Petróglifo de Areosa. Panel 2

A extracción de bloques da peneda por parte dos canteiros impídenos saber se este petróglifo posuía máis figuras pero sería bastante probable.

O soporte empregado é, como no caso anterior, un granito de gran groso. O estado de conservación dos gravados é regular. Os diferentes motivos presentan maior deterioro que os localizados no petróglifo do Agro Grande.

Petróglifo de Areosa. Fotogrametría

Petróglifo da Leira da Viña

Este petróglifo atópase detrás do pavillón da urbanización Os Tilos, nun afloramento de xisto situada na parte sur-leste dunha parcela dedicada a prado que linda coa coñecida Casa da “Leira da Viña” da aldea de Cobas. Coordenadas N 42 50.464, W 8 32.285 (Datum WGS85), altitude 209 m.s.n.m.

Petróglifo da Leira da Viña. Localización

Nunha rocha de xisto de forma alongada, de 3,50 x 1,10 m, no seu extremo sur figura un panel composto por 5 coviñas agrupadas ó carón dunha pía natural. As coviñas son fondas e posúen diferentes tamaños entre os 10 e 6 cm. Na parte inferior da laxe hai outra coviña illada de 8 cm.

Petróglifo da Leira da Viña. Vista xeral

Petróglifo dos Tilos

Trátase de tres coviñas localizadas no extremo dunha peneda de xisto moi alterada polas actividades antrópicas na zona e que arestora fica nunha zona pública, ó carón da escaleira que comunica as rúas Loureiro e Ameneiro desta urbanización teense. Coordendas N 42 50.599, W 8 32.479 (Datum WGS84), altitude 262 m.s.n.m.

Petróglifo dos Tilos. Localización

Dende a laxe temos unha vista privilexiada do Pico Sacro case en liña recta mirando en dirección sur. O petróglifo conta con tres únicas coviñas, de 8 cm de diámetro e 4 de profundidade, de 5 cm e 1,5 a mediana e unha terceira de 4 cm de diámetro e 1 cm de profundidade.

Petróglifo dos Tilos

Consideracións xerais

Estes novos petróglifos presentan características semellantes a outras estacións de arte rupestre xa catalogadas en Teo. Un conxunto de estacións con gravados de tipo xeométrico, localizados a unha altitude entorno ós 250 m.s.n.m, nunha zona media – alta do val, sitios chans con fácil acceso a mananciais de auga, ó carón de antigos camiños e de grande visibilidade sobre a súa contorna próxima.

Porén, o aspecto máis significativo destas novas estacións é a súa localización nunha zona onde non se tiñan documentado ningún tipo de xacementos con arte rupestre que, probablemente, daten de inicios da Idade do Bronce. Estes petróglifos testemuñan a ocupación dende a Prehistoria desta área da aba da Pena Escorredía / Montouto que dá acceso ó val do Santa Lucía.

Alto de Montouto

De igual xeito, cómpre sinalar que, a diferenza da maioría dos petróglifos teenses, estes gravados empregan soportes pouco habituais, o granito de gran moi groso no caso dos petróglifos de Montouto e o xisto nas dúas estacións na redonda dos Tilos. Soportes que dificultan a súa conservación ó longo do tempo e aumentan a singularidade destes petróglifos. De feito, as dúas estacións dos Tilos son as primeiras que temos rexistradas na comarca que empregan este tipo de soporte.

A nova área arqueolóxica da Pena Escorredía

Estas novas descubertas testemuñan a ocupación destas chairas, previas ó alto de Montouto, polas primeiras sociedades prehistóricas que habitaron esta zona do concello de Teo. Gravados relacionados con actividades de carácter ritual, relixioso ou se cadra simples fitos espaciais en lugares de tránsito empregados dende a Prehistoria ata os nosos días.

Martín Almagro na Pena Escorredía, Xuño de 2019

Esta zona é coñecida pola súa famosa pena escorregadiza chamada a “Pena Escorredía”, un enorme macizo granítico que presenta unha forte pendente nun dos laterais que foi empregada como tobogán dende tempos inmemoriais pola veciñanza da contorna. Esta curiosa formación natural foi examinada o pasado ano polo estudoso Martín Almagro Gorbea que a incluíu nun inventario das grandes rochas, que el designa como “peñas sacras”, realizado en diferentes rexións españolas.

Pena escorredía de Montouto. Vista aérea

Segundo estes investigadores estas laxes espalladas por toda a xeografía penínsular con diferentes denominacións, arrastraculos en Toledo, “resbalinas” ou “resbaladeras” en Zamora, “pandero de las mozas” en Ávila, etc, están asociadas a antigos rituais de fertilidade dende a Prehistoria.

Nalgúns casos ó valor etnográfico e antropolóxico destas penedas hai que engadir a presenza de gravados prehistóricos como acontece noutras “Penas Escorredías” teenses: o petróglifo da Laxe da Estivada de Mallos na parroquia de Teo e o petróglifo do Chan do Pouso ou Pena Escorredía na área arqueolóxica do Monte Piquiño (Luou – Rarís), en ambas existen gravados de tipo xeométrico. Todas elas presentan unha importante zona desgastada e case lisa polo rozamento das miles de persoas que teñen descendido por esta superficie.

Pena escorredía de Montouto

No caso da Pena Escorredía de Montouto consérvanse fotografías antigas da rapazada deslizándose pola peneda pero tamén xente adulta, que se achegaba a ela logo de asistir á romaría das Cabezas do Raxó. Durante a visita en 2019, Martín Almagro prognosticounos a máis que probable aparición de laxes gravadas na contorna da Pena Escorredía, tal como acontecería só un ano despois. Probablemente no futuro debamos procurar maior atención a esta zona teense que ata agora tiñamos bastante esquecida.

Pena Escorredía de Montouto. Revista Unión de Teo y Vedra. 1965

Como é costume, o Colectivo A Rula achegará un informe detallado á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e ó Concello de Teo que agardemos marque o inicio dos trámites precisos para a catalogación destas xoias do noso patrimonio.

Agardamos que os datos facilitados sirvan para a inclusión destes e todos os petróglifos que seguen sen catalogar no desenvolvemento práctico do Plan Director de Compostela Rupestre. Só a catalogación de todos os petróglifos permitirá achegar unha visión xeral e real de conxunto deste importante foco do Grupo Galaico da arte rupestre que arestora integran máis de 150 estacións, máis de 30 delas pendentes de catalogación.

Dende o Colectivo A Rula pensamos no interesante que sería incluír a posta en valor destes novos elementos patrimoniais conxuntamente co resto de bens da ruta da Batalla de Cacheiras. A Pena Escorredía e os novos petróglifos enriquecerán este vieiro que vertebra unha área emblemática na historia teense. Se é así, contarán coma sempre, coa nosa colaboración.

Petróglifo de Agro Grande

Rematamos agradecendo a Tamara a súa paixón, descubertas e confianza en nós. Tamén temos que dar as grazas a José e Elena, propietarios da parcela do petróglifo do Agro Grande, pola súa colaboración e amabilidade para acceder ó petróglifo, pero sobre todo polo seu interese en coñecer mellor este interesante ben cultural. O seu traballo nesta parcela exemplifica como se pode coidar o monte e, á vez, o noso patrimonio en perfecta harmonía.

Arte esquemática no monte Xiabre – Vilagarcía de Arousa


A localización nos últimos anos de novos gravados zoomorfos de carácter esquemático apartados do canon tradicional dos petróglifos galaicos, mais convivindo con eles e, incluso, compartindo os mesmos paneis cos gravados de estilos clásicos, lévanos a desbotar vellas teorías de fronteiras de estilos, que se esvaecen coa localización de novos motivos esquemáticos ó norte da Provincia de Pontevedra e, tamén, na comarca de Compostela.

Son motivos localizados recentemente en laxes rexistradas deficientemente ou en novas estacións. Moitos deles seguen inéditos polo escaso interese que amosan as administracións públicas e posiblemente tamén polo desinterese dende o ámbito profesional e académico por afondar no seu estudo, mentres seguen a defender postulados e interpretacións que as novas descubertas deixan en evidencia.

O petróglifo de Xiabre II

Foi precisamente trala vaga de lumes do ano 2006 cando se produciu a descuberta da maioría das estacións que atinxen á chamada área arqueolóxica da bacía do río Salgueiro integrada por 14 estacións protexidas nunha mesma área e outras 17 en diferentes sitios arqueolóxicos na súa contorna inmediata (Ver Plan Básico Autonómico).

Xiabre II. Pormenor das combinacións circulares e serpentiforme

O achado destes petróglifos xorde a raíz dos labores de prospección, control e seguimento da zona afectada pola ampliación do parque eólico do Xiabre desenvolvida polas arqueólogas Rocío Varela Pouca e Elena Cabrejas Domínguez. Posteriormente, os traballos de seguimento das obras produciron novas descubertas que implicaron medidas de corrección específicas que fixeran compatible a protección da área arqueolóxica co proxecto técnico, feito que se logrou grazas á aprobación dun trazado alternativo.

A documentación e rexistro final das rochas en 2007 deuse a coñecer nun artigo titulado “A descuberta dos petróglifos da bacía do Río Salgueiro no Monte Xiabre” asinado por Elena Cabrejas, Yolanda Seone e Rocío Varela publicado na revista do Museo de Pontevedra do ano 2008.

Plano de situación dos petróglifos da Bacía do Río Salgueiro no Xiabre

Non obstante, o chamado petróglifo do Monte Xiabre II era un dos poucos que xa figuraban no arquivo de xacementos arqueolóxicos de Galicia da DXPC co código GA36060037. Coordenadas UTM: X: 523400,8107 Y:4719172,1759 (Datum ETRS 89), incluído no PBA o 26/07/2018 (Obj: 53266).

Achegamos a descrición que recolle o citado artigo:

Trátase dunha rocha granítica cunha das súas caras horizontal e con superficie irregular. De E a W aparecen moi preto do borde da rocha unha combinación circular e unha espiral. A espiral (33 cm) componse de 5 círculos (algún incompleto por causa de escunchados) e coviña central (5 cm). A combinación (30 cm) presenta tres aneis e coviña central (3 cm ). Ao W destas últimas aparece un círculo (11 cm ) con coviña central (2,5 cm Ø).

A 20 cm ao W aparece outro círculo (10 cm ) cunha coviña central (2,5 cm) e apéndice de 13 cm de lonxitude. Cara ó SW atópamos unha combinación con dous aneis (30 cm), un deles completo e os outros afectados pola erosión e por placas. Presenta coviña central (2,5 cm). Cara ao N sae un suco que arranca do primeiro anel e remata no último, que mide 11, 5 cm de lonxitude. Ao NE aparecen dúas posibles coviñas moi alteradas debido ás placas (3,5 cm e 4 cm). Ao SE da anterior combinación, aparece un suco semicircular, e preto deste outra combinación de dous círculos (18 cm) e coviña central, cuxos dous aneis están unidos mediante un suco. Os motivos poden continuar debaixo do sedimento da zona N.

Xiabre 2. Calco de Cabrejas, Seoane e Varela

A descrición remata falando da súa delicada situación nese intre (2008) e da necesidade de adoptar medidas urxentes para a súa preservación.

“O seu acusado estado de deterioro fixo inescusable o seu relevamento, pois as placas que presenta o soporte poden provocar en pouco tempo a perda de parte das figuras, en concreto dunha espiral e unha combinación circular”.

A visita desta estación en maio de 2018 veu motivada polo convite ó Colectivo a unha xeira polo Xiabre que guiaron as arqueólogas Elena Cabrejas e Beatriz Comendador. A actividade foi organizada polo grupo das Mareas de Vilagarcía e resultou moi interesante polas explicacións das guías mais, tamén, foi evidente certo desencanto entre os asistentes pola imposibilidade de contemplar moitas das estacións debido ó estado de abandono no que se atopaban. Non obstante, aproveitamos a viaxe para nesa mesma tarde, e non sen dificultade, contemplar varios dos petróglifos desta ladeira do Xiabre vilagarcián, algúns deles xa coñecidos por varios dos nosos socios.

Xiabre 2. Reconstrución fotogramétrica do petróglifo do Monte Xiabre 2 onde se aprecian novos motivos non rexistrados como un cuadrúpede e un serpentiforme. Alex Negreira, 2018.

A realización dos modelos fotogramétricos e fotografías con luz rasante permitiunos comprobar a presenza de novos motivos que non figuraban nas descricións dos rexistros oficiais. Entre eles cómpre destacar por unha banda, un curioso deseño serpentiforme pegado á combinación circular de maior tamaño formada por 5 aneis e coviña central, situada no bordo da rocha. E, por outra banda, tamén resultou sorprendente a presenza dun cuadrúpede esquemático na parte central da laxe.

A diferenza dos zoomorfos localizados noutras laxes desta área realizados coa tradicional técnica do dobre suco nesta ocasión emprégase unha simple liña para a cabeza, corpo e cola á que se engaden pequenos trazos verticais para as extremidades, orellas / cornos e posiblemente o falo. As dúas patas dianteiras están lixeiramente adiantadas o que proporciona certa sensación de movemento. É esta unha forma de representación de cuadrúpedes que pasou desapercibido nesta zona mais que con certeza atoparemos en máis laxes despois dun estudo e rexistro máis detido destas estacións.

Cuadrúpede na Peneda Negra – Ames

Arte esquemático no grupo galaico

Este tipo de gravados naturalistas esquemáticos foron localizados en laxes do Sur de Galicia coma nos petróglifos do Outeiro dos Lameiros en Sabarís (Baiona), Baixada da Barca (Arbo), A Coutada en Taboexa (As Neves), O Sobral (Gondomar), A Tomada da Regueira dos Barreiros en Couso (Gondomar), Portaxes (Tomiño), etc. E tamén do Norte de Portugal como A Pedra Escorrega, A Telheira ou na Fonte Formosa na Freguesía de Verdoejo (Valença do Minho), na Praia de Fornelos en Carreço (Viana de Castelo), no Petróglifo da Breia 1 en Cardielos (Viana do Castelo), por citar algúns dos máis representativos.

Fonte Formosa – Verdoejo – Valença do Minho

Porén, e mentres que certos investigadores seguen a subliñar a presenza deste tipo de representacións esquemáticas de zoomorfos, principalmente équidos, exclusivamente no Sur da Provincia de Pontevedra e norte de Portugal cada vez é maior o número de laxes con gravados realizados con esta técnica localizados noutras áreas do país. Nestes últimos anos temos rexistrado só na comarca de Compostela a presenza deste tipo de cuadrúpedes naturalistas en laxes como a Peneda Negra (Ames), Río Angueira 2 (Teo), Casa do Frade 1 e Os Gorgulliños (Santiago de Compostela). Todos eles moi lonxe desa fronteira galaico – portuguesa e, especialmente, desa área do Baixo Miño, onde se teñen efectuado interesantes achados nestes últimos anos, máis non podemos esquecer que non foron os únicos.

Cuadrúpedes do Río Angueira – Teo

Como sinalamos, estes motivos de tradición esquemática destacan pola súa enorme sinxeleza, un simple trazo define a liña cérvico – dorsal do animal á que se engaden pequenos sucos para definir as extremidades. Presentan, por tanto, un aspecto moi semellante ós chamados pectiniformes (en forma de peite) que caracterizan á arte esquemática peninsular, moitos deles pintados. Todas estas novas descubertas reflicten o posible achegamento e presenza de ambos grupos artísticos na arte rupestre galaica.

Baixada da Barca – Arbo

Tampouco consideramos que o emprego deste tipo iconográfico teña relación co emprazamento destas estacións na paisaxe ou de determinadas formas de asentamento do territorio destas comunidades pois estes motivos figuran en laxes de diferentes formas, pequenas e grandes, tanto en paneis verticais como horizontais, en laxes situadas na cima de outeiros como a media ladeira con amplos horizontes de visualización.

A modo de exemplo podemos sinalar que o zoomorfo desta estación do Xiabre 2 presenta grandes similitudes estilísticas co cuadrúpede do petróglifo dos Gorgulliños (Compostela) pero o zoomorfo do Xiabre fica nun panel horizontal e nunha rocha de tamaño medio a rentes do chan mentres que o cuadrúpede dos Gorgulliños localízase nun panel moi inclinado dunha enorme peneda que salienta sobre a paisaxe da súa contorna.

Fonte Formosa 2 – Verdoejo – Valença do Minho

É hora de rachar vellas crenzas e reformular cuestións que xa dabamos por sentadas para iniciar novos estudos que permitan afondar no coñecemento destes gravados esquemáticos espallados por boa parte da fachada atlántica das provincias da Coruña e Pontevedra, así coma no Norte de Portugal.

As novas técnicas de rexistro co emprego dos modelos fotogramétricos facilitan arestora a súa localización, pois na maioría dos casos son moi difíciles de ollar a simple vista debido as súas condicións de conservación.

A falta de investimentos para estudos pormenorizados en determinadas áreas explica que a maioría destas descubertas sexan obra de asociacións ou grupos de afeccionados. A experiencia nestes anos demostrounos que cómpre coidarnos de aseveracións categóricas no tocante ós petróglifos galegos, xa que nunca deixan de sorprendernos.

Os Gorgulliños. Compostela

 

Vista previa(abre en una nueva pestaña)

A Devesa da Rula. No camiño cara a destrucción


A descuberta da área arqueolóxica da Devesa da Rula tivo lugar cando este colectivo daba os seus primeiros pasos. Daquela pareceunos oportuno adoptar o nome daquela ladeira do monte San Miguel na Portela de Villestro como un xeito de reivindicar a súa relevancia no contexto da arte rupestre da nosa comarca.

Convencidos da necesidade de conservar esta área arqueolóxica xorde un colectivo que reunía a vontade dun grupo de persoas que procuraban un xeito novo de concibir a relación co noso patrimonio rupestre en harmonía co medio natural da súa contorna.   Cando comezamos confiábamos nas posibilidades reais de erradicar, coa axuda das administracións competentes, os elementos que facían perigar a súa conservación e impedían o adecuado acceso ás estacións con gravados

Devesa da Rula. Onde se xuntan os camiños. Dentro do triángulo a estación 4

Oito anos despois tivemos experiencias dabondo para decatarnos de que o camiño que escollemos é máis difícil do que imaxinábamos. Porén, non fomos quen de sospeitar que, a día de hoxe, seguiríamos a camiñar como o caranguexo.

Para explicarvos mellor a situación empregaremos unhas imaxes PNOA da zona dispoñibles en liña na cartografía da Xunta de Galicia nas que poderedes ver a evolución da zona desde o ano 2002 ata o 2017.

(Ver a pantalla completa). Fonte: http://mapas.xunta.gal

Nestas imaxes (recomendamos abrilas en máxima resolución para unha mellor visualización) podemos ver como desde o voo americano do ano 1954-55 ata o PNOA do ano 2010-1 non se observa a existencia de ningún camiño que cruzase pola zona da Devesa da Rula onde se sitúan as estacións rupestres, existindo só un camiño ao sur que discorre en dirección leste – oeste, e outro camiño que discorre en dirección norte – sur situado ao oeste da zona con gravados.

No PNOA do ano 2014 pode verse xa a consolidación dun estreito sendeiro que cruza a zona de gravados en dirección norte – sur, e que é a senda que tradicionalmente empregamos nas nosas visitas e actividades divulgativas.

A finais dese ano e principios do ano seguinte comezaron a circular por este sendeiro bicicletas o que provocou o paulatino deterioro do firme, e se chegou incluso a organizar unha ruta btt na zona con numerosos participantes que conseguimos non se celebrase máis.

No PNOA do ano 2017 faise evidente que o sendeiro xa non é tal, senón que xa ten o ancho dun vehículo de catro rodas e se evidencia un uso cada vez máis asiduo por vehículos motorizados, o que producíu un aceleramento do deterioro do chan, do entorno e dos xacementos.

Durante todos estes anos instamos en múltiples ocasións ao Concello de Santiago e a Dirección Xeral de Patrimonio para que tomasen medidas axeitadas para corrixir esta mala utilización da Devesa da Rula que está a deteriorar sensiblemente o xacemento e as estacións rupestres que alberga. Recibimos comprensión e atención mais, en todo este tempo, non se adoptou ningunha medida efectiva que paliase os efectos nocivos destes usos de xeito descontrolado.

Estas foron as nosas loitas ata o de agora, xa que este aciago ano 2020 tíñanos reservado outra mala nova. Nunha data indeterminada deste verán alguén abriu un camiño novo desde o primeiro treito do camiño tradicional que discorre dirección N/S ao oeste da zona con gravados, e comunica co camiño “novo” N/S da Devesa cruzando a zona dos gravados.

PNOA do 2017 co trazado dos novos camiños, laranxa o de 2020 e vermello o de 2013-20

Este novo camiño abriuse pasando por enriba da estación Devesa da Rula 5 e pasa a carón da estación da Devesa da Rula 4 antes de comunicar co camiño da Devesa. Un pouco máis adiante, seguindo a senda da Devesa abriron un camiño que parte á dereita e se bifurca en varias rúas que adoitan empregar os cazadores para disparar ás pezas.

Devesa da Rula. Imaxe do último tramo do novo camiño ao seu paso pola Devesa da Rula

Semella que o lugar elixido para dar a volta os vehículos é a propia Devesa da Rula conformándose un trazado en forma de triángulo no interior do cal quedou a estación da Devesa 4

Descoñecemos quen está detrás da apertura deste novo camiño. O evidente é que foron abertos sen empregar ningún tipo de criterio racional toda vez que o camiño pasa por enriba da estación 5 e invade as zonas de protección máis inmediatas doutras dúas estacións.

Devesa da Rula. O novo camiño. En primeiro plano a estación 5, no medio do trazado

O pasado 22 de outubro comunicamos estes feitos a David Santomil que ostenta a Presidencia de Compostela Rupestre que llo comunicou á concelleira compostelá Mercedes Rosón. Mercedes comunicoullo á súa vez á Dirección Xeral de Patrimonio. Uns días máis tarde acompañamos a un técnico enviado pola Dirección Xeral de Patrimonio ata o lugar co obxecto de que recompilase información para elaborar un informe.

Devesa da Rula. Vista cenital da estación 4 na encrucillada de camiños e a estación 5 á esquerda no medio do trazado do novo camiño

O deterioro acelerado que está a sufrir a zona está a vista de todos. Se non se toman medidas que o corrixan estamos convencidos que o deterioro da zona vaise acelerar moito máis toda vez que o paso de vehículos a motor é, na actualidade, habitual.

Devesa da Rula. Trazado do novo camiño

Xa temos dúas estacións na zona atravesadas por un camiño Agro do Campo 1 (danada pola maquinaria de extinción do lume do ano 2015) e agora a da Devesa da Rula 5, e unha boa parte dos afloramentos próximos amosan pequenas fracturas producidas polo paso de vehículos.

No Colectivo A Rula traballamos en prol da multifuncionalidade dos nosos montes, así como pola accesibilidade dos xacementos rupestres, claro que nunca imaxinamos esta multifuncionalidade nin esta rede de accesos.

Nas conversas mantidas estes días tanto con Rosón como con Santomil indicaron a súa intención de esperar á contratación e elaboración do plan director de Compostela Rupestre para adoptar as medidas que este indique.  Mercedes tamén nos informou da súa intención de enviar as fins de semana unha patrulla ao lugar para controlar a actividade de cicloturistas e motoristas. De verdade que é preciso un plan director para actuar nestes casos? 

Cústanos asumir que a realización dun camiño cruzando unha zona inzada de xacementos catalogados e coa máxima protección legal contemplada para o patrimonio vaia a quedar impune.

Moi ao noso pesar RECOMENDAMOS por MOTIVOS DE SEGURIDADE NON VISITAR OS PETRÓGLIFOS DA DEVESA DA RULA OS DÍAS HÁBILES DE CAZA (XOVES, DOMINGOS e FESTIVOS) dada a proximidade das rúas de disparo cos xacementos.

Unha inscrición do século XVI en Seráns – Porto do Son


“Na miña vida tal vin

Nesa aldea de Seráns:

Unha cadela con pitos,

Unha galiña con cans”.

Cantiga recollida por Fermín Bouza Brey no ano 1929

Seráns dende a escola

O pasado mes de agosto achegámonos xunto co amigo e colaborador, o infatigábel investigador, Henrique Neira ata Seráns, lugar da parroquia de San Pedro de Muro, no sur do concello coruñés de Porto do Son, onde nos recibiron Sofía e Manuel Riveiro.

Hórreo de Chacín en Seráns

Asentada nunha empinada pendente ao carón do mar, esta pequena aldea é un lugar cun indubidábel atractivo, un núcleo tradicional do rural galego que conserva unha sinxela fermosura e interesantes elementos patrimoniais, a pesar de sufrir perdas e graves alteracións nas últimas décadas, sobre todo a raíz da construcción da estrada DP 7103 a finais dos anos setenta do pasado século.

Localización dos principais bens culturais da aldea no google maps:

A casa de Riveiro e a estrada

Contáronnos Sofía e Manuel que a construción da estrada paralizouse aquí durante varios anos, interrompido o seu trazado polos fortes muros que pechaban os terreos dunha das casas grandes do lugar, a de Chacín, pola negativa do seu propietario, nova da que se fixo eco a prensa da época e que, malia a súa lonxitude, non nos resistimos a traer aquí:

“El Pueblo Gallego. 3 de xuño de 1971. “Carreteras en ciernes”

De nuestro corresponsal, J. Bautista M. Lemiña. “No hay nada como la experiencia, cuando para informar de la verdad se dan los pasos precisos sobre el terreno y se protagoniza una odisea que debieran vivir los directamente responsables. Si, señores; porque creyendo que se nos exageraba con respecto a la pseudo carretera que desde Oliveira se inició para llegar a Serans, decidimos comprobar por nosotros mismos lo que de cierto podrían tener los informes que nos dieron varios vecinos, afectaron por el desastre de esa ruta, y la fe de valientes, que lo comprobamos con riesgo de tener que sacar el coche del atolladero con la ayuda de una yunta de vacas, o en el mejor de los casos, exponernos a que por los efectos de un patinazo se fuera el vehículo contra los muros que bordean dicha carretera.

Nuestra audacia no pudo llegar más allá del lugar denominado Braña do Camiño, cerca, o mejor dicho, en frente de la casa de Riveiro. Y allí fue Troya. Gracias a la ayuda de un simpático labrador que con su esposa y una hija pasaban en aquellos momentos de agobio que estábamos pasando, con un carro del país que ayudándonos a empujar – porque éramos tres los que corrimos la aventura conseguimos cambiarle la dirección al coche y a base de fuertes empujones, amén de la pericia del conductor, volando más que rodando sobre la máxima aceleración que daba la marcha corta, pudimos respirar.

Aquello no es carretera ni siquiera trazado de carretera. Aquello es un arenal entre prados, brañas y pinares, sin base de encajonamiento, pero que se hizo para prestar un valioso servicio y no lo presta. ¿De quien es la culpa? Unos nos dijeron que era de Pepe de Chacín, que se negaba a ceder terreno de una finca de su propiedad, por la cual estaba previsto el trazado de dicha vía, pero que ahora accedía a que la carretera tuviese continuidad. Otros opinan que la culpa es de los municipios de Riveira y Puerto del Son, por pertenecer a ambos la zona del recorrido sobre la que fue proyectada esta carretera en ciernes y no quieren saber nada de ella. Pero sea como fuese responsables los hay y esos responsables son los que tienen que solucionar el problema, porque es necesario para toda una comunidad labradora.

Y por si todo esto que decimos fuera poco, en esa amplia y productiva zona rural persiste el también agudo problema de la carretera que une Riveira con Corrubedo por Artes y Bretal. Esa vía de comunicación importantísima, tal vez más importante que las que están siendo cuidadas y mimadas en zonas capitalicias, está hecha un verdadero desastre. Y lo está desde ignorados tiempos, sin que nadie, que nosotros sepamos, se haya preocupado de velar por ella. ¿Es que estos contribuyentes tienen que seguir sometidos siempre a la abulia y el abandono? ¿Es qué no son seres humanos con los mismos derechos que los de la capital?

Esperemos que estas llamadas de socorro – porque de socorro son si se analizan en el fondo – tengan eco en el ánimo de las autoridades responsables. Y en esta esperanza, confiemos a ver si por fin los derechos humanos tienes carta de naturaleza con la dignidad y el decoro que exigen los tiempos que vivimos”.

Na actualidade, a casa presenta un bo estado de conservación pese as alteracións sufridas ao longo dos anos parcialmente visibles nos seus muros exteriores. No segundo andar da fachada norte, no lintel dunha porta, actualmente clausurada, consérvase unha inscrición coa data: “MDCCLXXXIII”, 1783, que posiblemente indique o ano de construción ou ben a data dalgunha posible reforma de certa importancia.

Inscrición na casa de Chacín

A casa de Chacín conserva un ornamentado hórreo barroco de boa feitura coroado por robustos pináculos, que nos últimos anos converteuse nun símbolo local, motivo de orgullo para os veciños.

Completan o conxunto unha sinxela fonte, trasladada desde a súa localización orixinaria cando se viu afectada pola construción da estrada. De sinxela feitura consérvase nela unha inscrición coa data: “ANO DE 1808”. Tamén formaba parte deste grupo de bens un lavadoiro gravemente alterado e groseiramente reconstruído ao pé da estrada a escasos metros da fonte.

Fonte de Seráns de 1808

Unha “enigmática” inscrición

Mais non son estes elementos patrimoniais ben merecentes de seren visitados e estudados os que nos levaron ata alí. En realidade, acudíramos a chamada de Henrique co obxecto de coñecer de primeira man unha inscrición composta por “estraños” caracteres conservada nunha casa de aparencia moderna situada inmediata ao sur da vivenda de Chacín.

Na súa fachada leste localízase un perpiaño de granito, empregado como lintel dunha porta, no que se conserva unha inscrición de difícil lectura, de caracteres irregulares, e da que propomos a seguinte transcrición:

“Foi feita/ era de mill e quine/ntos e vinte e seis”

Unha inscrición da primeira metade do século XVI ou finais do XV escrita en galego?

Non é doado atopar inscricións de carácter civil deste período no rural galego, e menos na nosa lingua. Tamén resulta curioso o emprego para a datación da fórmula “era” nun momento tan tardío. O uso da “era hispánica” desaparece a finais do s. XIV na coroa de Castela e no reino de Portugal en 1422 por decreto do monarca Xoán I. Non obstante, na vila de Olivenza consérvase unha lauda funeraria no “Museo Etnográfico Extremeño González Santana” dun familiar do célebre navegante portugués Vasco de Gama e na que figura o seguinte “na era de mil quinhentos e vinte e tres anos”, sendo datada en 1485 polo que os investigadores lusos. Un caso que presenta evidentes semellanzas coa inscrición epigráfica de Seráns e reflicte que a distancia entre o galego e o portugués naquela altura era mínima. Xa no ámbito galego, localizamos tamén outra inscrición data en 1480 na que tamén se emprega a era hispánica. Trátase dunha inscrición na capela de San Marcos de Muros (datos achegados por Henrique Neira). É significativo que tanto esta capela como o lintel gravado de Seráns fiquen a ambos lados da ría de Muros e Noia polo que é posible que nesta área xeográfica o uso da era hispánica mantivérase  ata finais do s. XV. Por tanto, a data máis probable da inscrición de Seráns sexa o ano 1488 (restando os 38 anos para obter a datación no calendario actual).

A inscrición figura así no Catálogo de Bens Culturais do Plan Xeral do concello:

Seráns. Vivenda tradicional catalogada co Código A-047

“A carón da casa localízase unha vivenda, recentemente restaurada, que posúe un lintel epigrafiado inintelixible, É posible que neste lugar se levantase unha casa grande ou pazo ao que pertenceron todos estes elementos nobres propios dunha arquitectura civil culta”.

A probable procedencia deste lintel con inscrición epigráfica podemos rastrexala no catálogo do PXOM na ficha doutro elemento catalogado próximo. Trátase dunha casa situada inmediata ao leste, que conserva varios elementos ornamentais visibles desde o exterior, entre os que destacan un arco conopial cunha flor que decora o lintel dunha ventá que mira ao oeste, un beiril moldurado que percorre case toda a cornixa, ou os restos de decoración vexetal doutro vano, cegado na actualidade, situado na fachada sur, na que se poden ver outras modificacións que alteraron o aspecto orixinal da construción. Na parte exterior do peitoril da ventá do oeste unha inscrición moderna: “JULIETA”. Estes elementos arquitectónicos, como os arcos conopiais, son característicos da arquitectura gótica tardía polo que coinciden coa datación da inscrición do lintel.

Ventá con arco conopial e decoración vexetal

Catalogada co Código A-047 na súa ficha faise unha concisa descrición:

“Vivenda tradicional de planta irregular de base rectangular con dúas alturas e cuberta a dúas augas. Nos seus muros altérnanse a cantaría coa cachotaría. Destaca a presenza dun beiril moldurado labrado en pedra que se fai visible ao longo dos seus muros costais, así como dunha fiestra que da ao camiño – localizada no alzado penal – cuberta cun arco conopial labrado en baixorrelevo”.

Restos de decoracións dunha ventá tapada na actualidade

Nas observacións  a referencia a inscrición xa transcrita.

San Bieito do Monte

Outro lugar destacado desta pequena poboación é a Capela de San Bieito do Monte ou de Fóra, lugar onde se celebra unha, en tempos, multitudinaria romaría anual dúplice na honra do santo avogoso das doenzas cutáneas. Próxima a capela consérvase a Fonte Santa onde aínda hoxe celebran os romeiros os tradicionais ritos purificadores.

Capela de San Bieito

A capela ten o código de catálogo A-045 e na súa ficha di:

“Construción de arredores do ano 1700. Fábrica de perpiaño de granito, de unha soa nave con coro e sancristía. Posúe dúas espadanas, unha na fachada principal de dous vans e outra no lateral esquerdo de un só. Situada na beira dun monte presenta un desnivel, que tamén podemos observar no interior. Cuberta a dúas augas, con tella árabe e interiormente presenta unha bóveda de canón. Fiestras cadradas e tres portas: a principal e dúas laterais. A espadana principal accesible dende a cuberta. Fiestra na fachada principal para alumear o coro.

Esta capela, popularmente chamada igrexa de San Bieito, ten planta rectangular cunha única nave e muros de cantaría de granito nos que descarga a cuberta da bóveda de canón. A capela maior, na cabeceira, é algo máis estreita que a nave e tamén ten cuberta de bóveda de canón. Accédese a ela por debaixo dun arco de medio punto. Engadida a continuación está a sancristía que só destaca do resto por ter menor altura e ancho. O exterior destaca pola súa grande sinxeleza volumétrica e ornamental. A cuberta é de tella a dúas augas e no vértice da súa fachada destaca a espadana de dous arcos de medio punto e coroadas con pináculos. Outro elemento a destacar é o frontón lobulado situado no muro lateral da sancristía.

Completa o conxunto a “Casa de misar”, edificio de planta regular e cuberta a dúas augas e pórtico alongado a continuación.  O recinto está pechado cun murete de cachotería. Na parte máis baixa atópase a Fonte de San Bieito”.

A Escola Unitaria

Coroando o lugar está a sinxela escola unitaria, orgullo da iniciativa comunitaria, pois o modesto edificio foi sufragado e levantado polos propios veciños a principios dos anos 30 do século pasado. Por desgraza, é esta unha das poucas escolas unitarias que na actualidade permanecen en uso, memoria resiliente dunha idea de facer país que está a esmorecer.

“El Ideal Gallego. 31 de maio de 1929”:

“Complicado decreto de la Dirección general pasa a la Inspección provincial para que se complete el expediente y se informe la solicitud de los vecinos de Serans, en la parroquia de San Pedro del Muro, Ayuntamiento del Puerto del Son, en pretensión de que se cree una escuela”.

No seu sobrio exterior, na fachada que mira cara o leste, consérvanse dúas alvarizas de lacena.

Alvarizas de lacena na vella escola

As coviñas da Escola ou Coviñas de Seráns (GA15071106)

Un último elemento ao que prestamos atención é unha estación rupestre que  aparece no Catálogo de Bens Culturais do PXOM coa denominación de “Coviñas de Seráns”. A peneda onde se localiza esta estación está moi alterada por traballos de cantaría. Eses traballos son os que cremos foron os causantes destas supostas coviñas. As súas formas de cono invertido, máis estreitas no fondo que na boca indican que foron feitas cun útil metálico, e fai que as consideremos “picadas de canteiro” e non coviñas de posible orixe prehistórica.

Supostas coviñas de Seráns

O día non deu para máis e quedamos sen tempo para coñecer outros elementos etnográficos e construcións de interese dos que nos falaron Sofía e Manuel, como o arruinado muíño de vento produto do enxeño e iniciativa dun veciño na primeira metade do século pasado, e que na actualidade descansa entre as silvas nun terreo inmediato á escola, unha boa escusa para regresar.

Seráns. Alvariza de lacena

Como é o noso costume, procedemos a solicitar a Dirección Xeral de Patrimonio que valoren a catalogación da inscrición así como tamén a descatalogación da estación das Coviñas de Seráns.

Rematamos agradecendo a Henrique Neira o convite e os nosos anfitrións e guías Sofía e Manuel por este interesante percorrido que nos permitíu descubrir esta histórica aldea da península do Barbanza.

Biografía

Gil, Juan. “El exilio portugués en Sevilla de los Braganza a Magallanes”. Fundación Cajasol, 2009

O derrubo do Marco da Eira de Mouros en Cenlle


Hai tan só uns meses, o 13 de marzo, publicamos un artigo no noso blog onde dabamos conta do perigo que entendíamos corría o Marco da Eira de Mouros, xacemento non catalogado situado no concello ourensán de Cenlle, así como das comunicacións que realizabamos tanto ao concello como á Dirección Xeral de Patrimonio pedindo a súa catalogación así como a súa protección.

Estado no que se atopaba o Marco da Eira de Mouros – Cenlle hai 15 días


Hai 15 días recibimos imaxes do marco derrubado, presuntamente durante os traballos de limpeza desa parcela de monte. Unha semana máis tarde procederon a erguela de novo mais no proceso comprobamos a perda definitiva de boa parte da espiral de maiores dimensións.

Fotogrametría do Marco da Eira de Mouros antes e despois do seu derrubo onde se aprecia a perda de boa parte da espiral inferior

O acontecido superou as nosas peores previsións. Nestes últimos días son numerosas as noticias sobre desfeitas patrimoniais e as consecuencias do incumprimento constante da lexislación vixente por parte das administracións públicas.

Marco da Eira de Mouros. Fotografía: Megaliticia. 2017

Un camiño tradicional arrasado en Teo, 2 mámoas no concello de Teo repoboadas con eucaliptos, 1 mámoa tamén “eucaliptizada” no concello de Santiago, o petróglifo da Revolta da Palla en Villestro danado por maquinaria pesada e de novo o Castriño de Conxo agredido por indesexables visitantes (no mes de xuño pasado), son probas moi próximas a nós que amosan o intenso proceso de destrución do patrimonio que está a producirse en todo o país ante a inacción e desleixo das incompetentes administracións.

Castriño de Conxo. Danos en maio de 2019

Ante o silencio destas administracións procedemos a denunciar os feitos ante a Brigada de Patrimonio Histórico da Policia Nacional así como ao Servizo de Protección da Natureza da Guardia Civil.

Castriño de Conxo. Danos en xuño 2020. Foto: María Soledad Pintos Peñaranda

 

Impotencia!

Os danos ao patrimonio galego repítense xornada tras xornada, e, case sen decatarnos cada día somos un país máis pobre. O patrimonio galego é, sen dúbida, o activo económico, cultural e social máis importante do país. Moitos países europeos saben ben o valor do seu patrimonio, pois conseguiron saír de fondas crises ao potencialo. Porén, que acontece neste recuncho da vella Europa?. Semella que só unha pequena parte da cidadanía e algúns colectivos sociais son conscientes da importancia de preservar un legado cultural que nos identifica como pobo e nos singulariza co resto da Península e da Europa. A lingua e o patrimonio cultural, alicerces de calquera nación, son inxustamente os máis esquecidos.

Revolta da Palla – Villestro – Compostela. Perda de superficie rochosa presumiblemente sucedido durante a última limpeza da liña eléctrica inmediata

As administracións e entidades públicas responsables do noso patrimonio semellan só lembrar e investir en certos monumentos destinados ao turismo de masas, cando a lóxica actual nos indica que debe primar o contrario, a diversificación, a desestacionalización e a desconcentración do turismo. Pero semella que só o interese económico rexe as políticas de xestión patrimoniais.

E ante isto…impotencia.

Os colectivos sociais denunciamos os feitos, pero pouco máis podemos facer sen medios e sen capacidades legais. A lei que debe “protexer, conservar, acrecentar, difundir e fomentar o patrimonio cultural” incúmprese e non se aplican as disposicións sancionadoras que deberían frear esta situación. É todo un paradoxo o desleixo que amosan as administracións cara ao seu propio ordenamento xurídico e que sexa a propia cidadanía a que solicite e demande o seu cumprimento.

Marco da Eira de Mouros. Detalle dos gravados antes da perda de boa parte da espiral inferior

Xa é hora de erradicar dos titulares da prensa galega os verbos arrasar, danar, “vandalizar”, agredir, lixar, estragar, roubar, etc. Desexamos louvar calquera acción das entidades públicas en prol dos nosos bens patrimoniais que son os piares da nosa cultura e da nosa historia. É bo momento para lembrar ao noso persoal político que o patrimonio de todas as persoas debe prevalecer ao interese económico dunhas poucas. 

 

A derradeira mámoa do Montouto – Teo


No termo municipal de Teo existen máis de 75 mámoas catalogadas, destacando a grande necrópole megalítica do Monte Piquiño que integra 33 túmulos, ou mámoas como a de Trasellas que constitúen elementos de referencia na paisaxe emocional teense. Porén, nesta ocasión, imos falarvos dunha mámoa “case urbana”, moito menos coñecida e que segue resistindo á presión urbanística da súa contorna.

Mámoa núm 4 de Montouto

Falamos de “urbana”, pois sitúase nunha rúa e non, como é habitual, no medio dunha parcela de monte, concretamente no que sería o número 6 da rúa do Camiño da Cova da Pereira no lugar da Póboa, parroquia de Cacheiras. Inventariada no catálogo patrimonial municipal como a “Mámoa 4 do Montouto” (GA15082001), está nunha parcela (R.C. 15083A515002830000KY) á beira do Camiño Xacobeo dos Arrieiros, fronte a unha das naves industriais do polígono da Póboa – Montouto e a escasos metros da urbanización de San Sadurniño. Coordenadas UTM: X: 536747 Y: 4742955

Plano de situación da mámoa núm 4

É case un milagre poder ollala no medio dunha pequena carballeira illada entre naves industriais, eucaliptais e parcelas de montes abandonadas.

Plano de situación da necrópole

Esta “mámoa 4” é o último túmulo desta chaira situada na zona alta do Montouto – A Póboa – San Sadurniño que ten continuidade na necrópole do Monte da Busía polo SO, xa pertencente ó lugar de Vilar de Calo composta por 8 mámoas máis.

Recentemente localizamos outro novo túmulo, aínda non catalogado, na zona do Outeiro (xa na parroquia do Castiñeiro no termo municipal de Santiago), bastante alterado polas continuas repoboacións forestais e tamén ó pé do chamado Camiño dos Arrieiros e da Geira. Esta última descuberta permítenos aventurar a expansión da necrópole de Montouto ata esta área ó NE, unha zona aínda máis alterada pola actividade humana.

Mámoa núm 4 de Montouto. Cono de violación

Regresamos ó Montouto, pois preto desta mámoa 4, existiron ata finais da década dos setenta do século pasado outros tres túmulos (GA15082031; GA15082032 e GA15082033) intervidos no ano 1966 polos tres discípulos do académico e xurista Fermín Bouza Brey que coordinaba o traballo que realizaron os daquela investigadores mozos José Manuel González Reboredo, Manuel Carlos García Martínez e Fernando Acuña Castroviejo, integrantes da chamada “Sección de prospecciones antropológicas, etnográficas y prehistóricas” adscrita ó Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento (IEGPS). Tamén participaron neste proxecto varios alumnos da Universidade.

As primeiras referencias á necrópole do Montouto datan dos anos trinta, L. Pericot (1934) e F. López CuevillasF- Bouza Brey (1931), efiguran no plano arqueolóxico da comarca de Compostela realizado por Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza no ano 1953 co gallo do Congreso Nacional de Arqueoloxía (Arquivo Sobrino – Núñez e Arquivo do IEGPS). Hoxe só fica como lembranza de tempos pasados o nome da Rúa “Mámoas de Montouto” no lugar onde estiveron aqueles xacementos megalíticos xa desaparecidos.  Lamentablemente tamén desapareceu unha “cruz de pedra” situada ó outro lado da estrada C-541 que constituía un bo fito de referencia para localizar a necrópole do Montouto. Esta cruz perdeuse no ano 1983 segundo recolle unha nova de prensa da Voz de Galicia (10/02/1984).

Segundo o artigo publicado polos citados investigadores no Cuaderno de Estudios Gallegos (1968, t. XXIII) durante as intervencións realizadas na mámoa 1 e 3 do Montouto atopáronse numerosos fragmentos cerámicos que permitiron deducir a presenza de dous “cacharros” na mámoa 1 e outro “maior e máis perfecto” na mámoa 3. Dous “tipos cerámicos diferentes”, o primeiro moi habitual nos enxovais de moitos enterramentos megalíticos (citan como exemplo os restos cerámicos atopados nas mámoas da Mourela nas Pontes de García Rodríguez) e un segundo máis groso, de cor vermella na cara exterior e negro na externa que presentaba o vaso localizado na mámoa 3. Os investigadores destacaban que as tres mámoas foran espoliadas e non localizaron restos do dolmen.

Polas dimensións dos túmulos sinalan a hipótese de que foran enterramentos directos baixo o túmulo ou nunha pequena cista da que non se conservaban os esteos. En canto á súa cronoloxía propoñen unha datación no Bronce final. As 3 mámoas desaparecidas posuían menor tamaño e altura ca única mámoa que conservamos na actualidade, situada a uns 400 m ó NO do grupo anterior. O diámetro deste trío de túmulos oscilaban entre os 11 e 14 m, todos con furado central e apenas chegaban ó metro de altura.

Porén, a mámoa que chegou ata os nosos días mide uns 26 metros de diámetro e supera ós 2 metros de altura. O seu aspecto máis significativo é, sen dúbida, o gran furado central de 1,5 m de fondo e 6 metros de diámetro aberto nunha gabia cara o leste. Imaxinamos que nesta ocasión o túmulo si debeu contar cun dolmen no seu interior. Polas dimensións do túmulo poderiamos encadralo na fase de apoxeo dos grandes túmulos megalíticos do NO peninsular entre o 3500 e 2700 a.C.

O seu estado de conservación é moi bo tendo en conta a súa localización nunha zona intensamente antropizada e coñecendo a sorte que tiveron as outras mámoas.

Na súa contorna, a uns 500 m ó SO, figura tamén outro interesante elemento patrimonial, o petróglifo da Estivada do Vilar (GA15082109) (Coordenadas UTM: X: 536450 – Y: 4742454) localizado en 2007 por Fernando Hermida e catalogado en 2017 durante os traballos de catalogación das localizacións rupestres da comarca recollidas polo colectivo e realizados pola empresa de arqueoloxía Horizonte Norte. Presenta un gran panel de 7,60 m no eixe N-S por 8,90 no eixe E-W con posibles gravados prehistóricos, varias agrupacións de coviñas – cazoletas, e motivos históricos, media ducia de cruciformes de diferentes tamaños que poderían estar relacionados co paso de persoas viaxeiras e peregrinas, pois están a rentes do camiño que conducía á desaparecida Ermida no Alto de San Sadurniño, punto onde divisaban por primeira vez a catedral compostelá.

Estivada do Vilar. Cruciformes

Arestora nin o petróglifo, nin a mámoa, nin o camiño xacobeo están valorizados como merecen, xa que son ao noso entender un dos enclaves patrimoniais de maior interese da zona norte do municipio, totalmente descoñecido pola cidadanía e ignorado polas administracións públicas que  o deberían protexer e dar a coñecer.

Estivada do Vilar. Coviñas

Por que non comezar a facelo con esta derradeira mámoa do Montouto? De seguro sería un bo destino para a numerosa veciñanza da zona nos seus “paseos desconfinados”.

Arte rupestre do concello de Negreira. A localización do petróglifo da Pedra Capela


Non é o de Negreira un concello no que se coñezan moitas mostras de arte rupestre prehistórica. Así, no catálogo do Plan Básico Autonómico só atopamos unha referencia na parroquia de Santa María de Portor, no seu límite norte co concello da Baña, o denominado petróglifo de Lagarteiras.

Camiño tradicional de Auga Levada

E ata alí nos achegamos co ánimo de incrementar o noso limitado coñecemento da arte rupestre dos concellos limítrofes coa comarca de Santiago.

Plano de situación dos xacementos arqueolóxicos

Para chegar ata o xacemento podemos empregar o camiño que parte desde Fontemirón en dirección oeste internándose no monte. Pouco antes de chegar ata a mámoa do Agro do Monte desviarémonos á esquerda polo fermoso e ben conservado camiño tradicional de Auga Levada, onde poderemos pararnos un momento a contemplar as profundas rodeiras que o paso dos carros deixaron nas pedras.

Camiño tradicional de Auga Levada. Rodeiras

O petróglifo de Lagarteiras (GA15056083)

Localízase ao oeste da aldea de Fontemirón, parroquia de Santa María de Portor, próxima aos límites coas parroquias de Sanamede do Monte e a de San Pedro de Fiopáns, no veciño concello da Baña (o límite está a uns 200 metros). Sitúase nunha zona chan, no medio dunha mesta plantación de eucalipto. Coordenadas UTM: 29 T X 523.959 Y 4.752.171, altitude: 340 m.s.n.m. (Datum WGS84).

Petróglifo de Lagarteiras. Panel 1

É un afloramento granítico apenas destacado sobre o terreo e no que poucas e pequenas superficies pétreas son actualmente visibles. A presenza de grande cantidade de pequenos cascallos lle da ao lugar a aparencia de pedreira, resultado de antigos traballos de cantaría. A maioría dos gravados concéntranse en dúas superficies algo máis grandes, mais tamén se conservan coviñas illadas nas outras superficies.

O panel que podemos considerar principal (panel 1) (polas dimensións e motivos conservados) sitúase na zona leste do afloramento. Ten unha superficie horizontal bastante regular na que se conservan coviñas de distintas dimensións distribuídas sen orde aparente e, polo menos, unha combinación de círculos concéntricos cunha pequena coviña central. A desgastada combinación semella estar composta por dous círculos concéntricos, mais o mal estado de conservación que presenta impide afirmalo con seguridade.

Petróglifo de Lagarteiras. Panel 1. Detalle da combinación circular

A segunda superficie (panel 2) na que se conservan maior número de motivos ten forma alongada e destaca uns 20 cm sobre o terreo. Distribuídas sobre toda a súa superficie consérvanse coviñas de distintas formas e dimensións.

Como noutras ocasións esta descrición debe entenderse como provisional debido a imposibilidade de visualizar todas as superficies do afloramento susceptibles de conservar gravados.

Petróglifo de Lagarteiras. Panel 2

A área arqueolóxica na que se localiza o xacemento e moi rica en enterramentos megalíticos. A menos de 100 metros ao norte localízase a moi ben conservada  mámoa do Agro do Monte (GA15056062) (a pesares de ter unha boa cantidade de eucaliptos medrando enriba dela), así como a mámoa do Agro do Pouleiro (GA15056081). Un pouco máis afastada, na mesma dirección, a mámoa de Picotos (GA15056059). 750 metros ao oeste sitúase a mámoa de Purrubelo (GA15007025), e a uns 40 metros desta a mámoa de Chamiseiras (GA15007026). A 900 metros ao norte localízase a Pena do Alde (RE15007003), unha interesante estación con gravados rupestres no veciño concello da Baña.

Petróglifo de Lagarteiras. Panel 2. Detalle

O petróglifo da Pedra Capela

Localizamos esta nova estación a escasos 100 metros do catalogado petróglifo de Lagarteiras cando o visitábamos. Para chegar ata el temos que refacer o camiño ata a mámoa do Agro do Monte. Desde alí seguiremos o camiño uns 100 metros en dirección oeste. Unha vez vexamos un pequeno muro á nosa dereita seguirémolo uns 15 metros en dirección norte ata dar coa pedra. Coordenadas UTM: 29 T X 523717 Y 4752327, altitude: 350 m.s.n.m.

Petróglifo da Pedra Capela. Vista xeral

Trátase dun pequeno afloramento granítico, de gran fino, apenas destacado sobre o terreo e situado nunha pequena pendente que descende cara ao sur. Nunha esquina do afloramento (de 166 cm de longo por 120 cm de ancho), a tan só uns 2 metros ao sur dun muro que o cruza, consérvanse un total de 15 coviñas de diferentes formas e dimensións. A forma triangular desta parte da rocha semella que é produto da extracción parcial do afloramento por parte dos canteiros.

A pesares da simplicidade dos motivos representados destaca unha canle que divide en dúas a  superficie gravada. Esta canle mide 28 cm de longo por 4 cm de ancho. O diámetro medio das coviñas é de 2,5 cm e 2 cm de profundidade. Varias coviñas teñen formas alongadas chegando algunha delas a medir ata 13 cm de lonxitude.

Petróglifo da Pedra Capela

O petróglifo de Camporrubín 

Soubemos da súa existencia a través do portal patrimoniogalego.net e do seu catalogador Elixio Vieites. Localízase na parroquia de Santa Baia de Lueiro, no lugar de Forniños, ao pé da estrada de acceso á capela de San Xoán de Carballoso, na súa beira esquerda, a uns 300 metros do templo. Coordenadas UTM: 29 T X 512697 Y 4745079.

Nun penedo granítico que semella fragmentado por labores de cantaría consérvanse un total de 5 coviñas de 5 cm de diámetro aproximado e varios centímetros de profundidade.  Indica Elixio que posiblemente a pedra fose movida de lugar cando se deseñou a actual pista.

Procedemos como de costume a notificar a nova localización á Dirección Xeral de Patrimonio, así como a localización desta estación de Camporrubín e a pedirlles que realicen as accións necesarias para valoralas, catalogalas e conservalas.

A igrexa de Santa María de Portor

Non podemos rematar esta entrada sen recomendar encarecidamente aproveitar a visita a estos petróglifos para achegarse ata a fermosa igrexa románica de Santa María de Portor, unha das mellor conservadas no seu estilo no concello de Negreira.

Santa María de Portor. Debuxo de Pedro Nolasco Gaite

É unha construcción levantada no século XII que formaba parte dun priorado bieito. Destaca pola súa delicada decoración a cornixa con arquiños apoiados en canzorros xeométricos e figurados.

Santa María de Portor. Canzorros e arquiños

O Marco da Eira de Mouros no concello ourensán de Cenlle en PERIGO


Non é a comarca do Ribeiro especialmente rica en arte rupestre prehistórica, pero algúns gravados si que son coñecidos desde hai certo tempo.

O primeiro xacemento deste tipo coñecido foi o gravado de Vide cuxo debuxo remite á Real Academia de la Historia o seu correspondente Ramón Barros Sibelo nun comunicado de 11 de maio de 1868.

O autor sitúao no concello de Castrelo de Miño, mais, actualmente ignórase a súa localización exacta e, incluso, se ten chegado ata os nosos días. Se atendemos a este debuxo deducimos que, probablemente, se tratase dun gravado realizado en época histórica, dada a presenza de algúns motivos identificables como alfabetiformes entre os representados.

Ademais desta referencia, na actualidade, na comarca do Ribeiro coñécense xacementos con arte rupestre nos concellos de Melón, O Souto, Cortegada, Monte Picoñas e Coto da Ferradura, Castrelo de Miño, O Reigoso, Prado de Miño e Veiga de Arriba, e Avión, Castro de San Vicenzo, Laxa da Nosa Señora, Porto da Arca e Torre de Mourelle. Os elementos representados neles son, na súa maioría, coviñas.

Entre estes xacementos destacamos os petróglifos do conxunto do Monte Picoñas (GA32027002), na parroquia de Valongo (Cortegada). Foron descubertos no ano 2007 e son un grupo de varias rochas graníticas gravadas con motivos xeométricos, combinacións circulares e coviñas que, en xeral, presentan un bo estado de conservación, o que facilita unha boa visualización a distintas horas do día.

Monte Picoñas, Cortegada

Esperamos que se materialicen axiña as recentes novas de prensa, que falan da intención do concello de acometer a súa sinalización e agardamos que esta iniciativa sirva para facelos visibles e accesibles a todos aqueles interesados en coñecer estes paneis, sen dubida, ben merecentes de seren contemplados.

Arte rupestre no Concello de Cenlle

No concello de Cenlle, ata non hai moito tempo, non se coñecían xacementos de arte rupestre e/ou da Idade do Bronce, pero pouco a pouco foron localizándose algúns exemplos que presentamos a continuación.

Existen referencias do achado de varios machados de talón bifaciais con aneis datados a finais da Idade do Bronce. Foron atopados a principios do século pasado nunha carballeira da parroquia de Vilar de Rei e dos que, na actualidade, só se conserva un único exemplar custodiado no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. A data de ingreso nos fondos museográficos é de 1913.

Machado de Vilar de Rei, conservado no Museo Arqueolóxico de Ourense (Fotografía: Ana María Veiga Romero)

Outro importante xacemento deste concello, e un dos máis importantes de todo o noroeste na súa tipoloxía, é o do castro do Castelo de Laias (GA32025008). Está situado na beira dereita do río Miño e, a finais do século pasado, a construción da autovía, lamentablemente, destruíuno case na súa totalidade. Trátase dun poboado no que se constata un amplo período de ocupación, que abrangue desde o Bronce Final ata a época romana, na que funcionou como un importante centro mineiro.

Machado de cubo atopado no Castelo de Laias. (Fotografía. Yolanda  Álvarez González)

Para os seus investigadores, a ocupación máis antiga, segundo as datacións de carbono 14, correspondería aos séculos X-VIII a.n.e., polo que ilustraría o remate do Bronce Final e o inicio da Idade do Ferro, a época de formación dos primeiros castros.

Castelo de Laias. Escavacións do ano 1997

Deste primeiro período de ocupación atopouse abondoso material, entre o que destaca un machado de cubo cun anel, unha pequena punta de lanza, unhas pinzas e unha fíbula de cóbado, todos eles elaborados en bronce, ademais dun coitelo de ferro de dorso curvo.

Castelo de Laias. Posible templo. Fotografías: Manuel Chamoso Lamas. Noticiario Arqueológico Hispánico 1954-55

Ao redor destes  lugares de ocupación inicial, documentáronse ata 8 pedras con conxuntos de coviñas gravadas nas súas superficies, todas elas situadas fóra do recinto amurallado. Con respecto á  súa datación Álvarez González estima que poden ser coetáneas á primeira ocupación, indicando que:

Algúns dos paneis con coviñas localizados nas escavacións de 1997 no Castelo de Laias. Fotografías: Yolanda Álvarez González

“En algunos castros de Portugal se piensa que los grabados eran contemporáneos de los primeros poblados en alto, como por ejemplo, los de S. Juliao, también formados por cazoletas y situados al exterior de la puerta de la zona amurallada. Incluso se propone la existencia de un poblamiento jerarquizado en el Bronce Final, en el que los yacimientos en altura funcionarían como sitios de poder a los que estarían asociados los petroglifos” (Álvarez González, . “El poblamiento castreño en la cuenca media del Miño: una visión diacrónica y territorial en la cuenca del Barbantiño”. 2019. pp. 187).

Tamén en Laias, preto do actual balneario, apareceron a finais do século pasado silos, de posible orixe prehistórica, e abondoso material lítico asociado, segundo a información do arqueólogo José Manuel González Carballo.

Felisindo González Iglesias fai outra referencia a incluír nesta relación, son as posibles coviñas na pedra sobre a que se ergue o Cruceiro do Monte do Chao, na parroquia de Vilar de Rei, pero que nós consideramos que son formacións de orixe natural.

Recóllese na Internet a existencia de coviñas e outros gravados nunha pedra situada no lugar da Saínza, no límite entre os concellos de Cenlle e San Amaro.

Un último xacemento a ter en conta, é o do Coto do Castro de Esposende (GA32025001) e a súa cadeira da Raíña Moura, estudada e publicada por Florentino López Cuevillas nos anos 50 do pasado século.

Segundo o catálogo do PXOM do concello é un xacemento fortificado da Idade do Ferro situado nun outeiro

“… nas proximidades do Avia, con organización espacial aterrazada e muros de defensa. Castro en espigón con acceso polo foso. Consta de coroa e recinto inferior. Muros e terrapléns de defensa. Acceso pola vertente norte, as outras vertentes defendidas naturalmente por escarpes rochosos. Domina unha ampla chaira de espacio cultivable. Sofriu expolios constantes de pedra para os muros de peche das fincas próximas pero non hai graves alteracións polo complicado do acceso e por ser terras non aptas para aproveitamento agrícola. Nas proximidades hai foxos de vellas carboeiras (abundancia de uces)”

Nos afloramentos do alto do coto hai unha gran pía rectangular e outras tres pías ovais máis pequenas, con desaugues. Cuevillas considerouno un lugar empregado para a celebración de rituais e/ou sacrificios. Accédese ao lugar a través dunha escaleira de 60 chanzos tallados parcialmente na rocha.

O marco da Eira de Mouros

Do Marco da Eira de Mouros soubemos a través do mestre Clodio González Pérez, que o cita por primeira vez na súa obra “Cenlle, Historia e Patrimonio”.

Marco da Eira de Mouros

Nel Clodio recolle que na doazón da parroquia de Santo André de Camporredondo ao mosteiro compostelán de San Paio Antealtares dos reis de Galicia Sancho Ordóñez e Dona Goto, no primeiro terzo do século X, di que:

… na estrema coa de San Paio de Ventosela que chegaba – inde ad illa mamula ubi iacet petra scripta, et linde in directo ad montem de Rege et inde área de Maurus…. – a mámoa onde está a pedra escrita, e dereito ao Monte do Rei (coto de San Cibrao, antigamente denominado Monterrei) e Eira de Mouros.

Marco da Eira de Mouros. Fotogrametría

Esta “pedra escrita”, sinala Clodio, que debe ser a que aínda se conserva na actualidade, que “ata poido ser un menhir ou pedrafita”. Trátase dunha pedra de xisto, de tamaño medio e forma de cubo irregular, que lle da a aparencia dunha pedra fincada, pero para poder comprobar este extremo sería preciso realizar unha escavación arqueolóxica.

Cruceiro do Alto de Santa Bárbara, Ribadavia

Localízase no lugar da Eira dos Mouros, moi próxima á divisoria entre os concellos de Cenlle e Ribadavia (a escasos 40 metros ao oeste do límite actual), á beira da estrada que comunica Santa María de Cenlle con Valdepereira, na aba sur do Alto de Santa Bárbara, nun terreo en pendente ateigado de mimosas. Coordenadas xeográficas 42.325620, -8.096133. Datum WGS84.

Os elementos patrimoniais máis próximos recollidos no Plan Básico Autonómico son ao norte o cruceiro de Santa Bárbara, no alto (onde, ata non hai moito tempo, se celebraba unha concorrida romaría); a Eira dos Mouros (GA32069014), adxacente polo sur e, finalmente, o Túmulo da Eira dos Mouros (GA32025REF1) a uns 400 metros ao norte.

Marco da Eira de Mouros. Coviñas

As dimensións do marco son 1,60 metros de alto por 1,05 metros de ancho. Na superficie máis regular, a que mira cara o suroeste é onde se localizan todos os gravados. Son un total de ata 9 coviñas e 2 espirais. As coviñas son de dimensións (desde 7 cm de diámetro ata 2,5) e profundidades diferentes e distribúense nas zonas centrais e inferiores da superficie, ao lado contrario, a esquerda das espirais. Dúas das coviñas son máis profundas e de maior tamaño. As dúas espirais son dextroxiras. A de menores dimensións (de 12 cm de diámetro) ten dúas voltas fronte as tres voltas da máis grande, de 18,5 cm de diámetro.

Marco da Eira de Mouros. Detalle

De moitas das coviñas parten sucos irregulares descendentes que son difíciles de apreciar pois se confunden parcialmente coas formas naturais da pedra. É posible que parte destes sucos continúen pola parte inferior soterrada da rocha. Un último motivo é una posible combinación de dous círculos concéntricos situada á esquerda da espiral inferior e que só é visible en parte na fotogrametría e na fotografía con luz artificial. Esta semella comunicarse coa espiral máis próxima.

Marco da Eira de Mouros. Contorna

Son varios os motivos polos que debemos considerar esta pedrafita excepcional:

En primeiro lugar, sitúase nunha comarca con poucos exemplos de arte rupestre e escasa variedade nos motivos representados.

Polo tipo de pedra elixida para gravar o xisto, fronte ao maioritario granito. A causa desta elección pode estar nas características da maior parte dos granitos do concello de Cenlle, que non os fan moi atractivos para gravar. Son granitos de grans grosos e grandes cristais de seixo sometidos a procesos de meteorizacións evidentes, o que fai que teñan superficies moi febles que facilmente se desgastan.

Marco da Eira de Mouros. Fotografía: Megaliticia. 2017

Pola forma da pedra, unha pedra fita, menhir, que sobresae no terreo como se fose  escollida e gravada para ser vista a certa distancia. Outra posibilidade que formulamos é que se trate dun ortostato que formase parte da cámara dolménica dalgún enterramento megalítico desaparecido na actualidade, e reaproveitado como marco en épocas posteriores. Non debemos esquecer que o documento de doazón medieval a cita como a mámoa na que se localiza a pedra escrita. De confirmarse abriría una vía de investigación de moitísimo interese.

Pola localización dos gravados, nunha das caras verticais da rocha fronte as horizontais ou inclinadas, as máis habituais.  Un exemplo semellante témolo preto, no petróglifo do Coto ou da Bouza (GA32054061) na parroquia de Santa Cruz do Arrabaldo, no concello de Ourense, pero nesta ocasión sobre granito, tamén con gravados na súa superficie máis vertical, aínda que, nesta ocasión, non sabemos se esta sería a posición orixinal, xa que a pedra non se atopa no lugar orixinario senón que foi desprazada e acomodada na localización actual.

Petróglifo do Coto. Santa Cruz de Arrabaldo. Ourense

E por último tamén polos motivos escollidos para gravar, as espirais, que son uns motivos presentes no corpus da nosa arte prehistórica, pero minoritarios en relación aos numerosos círculos concéntricos.

Por todas estas razóns consideramos que esta pedra debe ser estudada en profundidade, divulgada e ser obxecto de todas aquelas medidas que garantan a súa boa conservación e accesibilidade. Sabemos do interese do alcalde de Cenlle Gabriel Alén en acondicionar o entorno inmediato da pedra e sinalizala. Esperamos que estas medidas se fagan efectivas nun prazo breve de tempo.

Marco da Eira de Mouros

  • O marco en perigo. O seu  avanzado deterioro

  • Durante as visitas que realizamos ao marco detectamos a existencia dunha fenda nunha esquina da pedra. Esta atravesa a espiral inferior, a de maiores dimensións, e pon en grave perigo a súa conservación. Cremos que é unha delaminación produto da erosión natural e debida ás características propias deste tipo de pedra. Urxe a rápida intervención de especialistas en conservación que estabilicen a fenda e impidan dese xeito a  inminente perda de boa parte do motivo.

    Marco da Eira de Mouros. Detalle da espiral de maiores dimensións e o seu deterioro

  • É, polo que remitimos con celeridade esta información á Dirección Xeral de Patrimonio solicitándolle a súa valoración e catalogación, así como a súa inclusión no Plan Básico Autonómico como primeiro paso necesario para garantir a súa conservación en óptimas condicións, así como para solicitarlles unha pronta intervención eficaz que impida a perda irreparable de parte dos gravados.

    Marco da Eira de Mouros. Detalle da espiral de maiores dimensións e o seu deterioro

    Bibliografía

     

     

A estación do Monte San Lois e o “banco panorámico”. Primeiro petróglifo localizado no concello de Noia


Dedicado ás mulleres da Barquiña, núcleo orixinario de Noia, visible desde este lugar

Diferentes formas de descubrir o Monte San Lois

Nunha visita ao Monte San Lois, emblemático monte na ría de Noia, na procura de conexións visuais entre este monte e o Monte Louro, atopamos uns gravados prehistóricos ata o de agora non catalogados.

Como xa comprobaramos noutras ocasións, a visión do Monte Louro é unha constante desde os grandes complexos de gravados prehistóricos desta ladeira do Barbanza (A Rastra, Pedra da Gurita, Pena Bicuda, etc), e neste lugar, cunha vista tan espectacular da ría de Noia, a visión do Monte Louro tampouco podía faltar.

No monte San Lois xa existían, a principios deste século, referencias da existencia dun petróglifo, que consistía nunha suposta espiral, e que un afeccionado ao sendeirismo, Tucho Villares, retratou nunha fotografía. Non obstante, non se volveu ver máis, xa que, ao parecer, un día foi destruído polas máquinas que traballaban ampliando as marxes da estrada.

O gravado, segundo indicacións dos técnicos municipais que examinaron as fotografías, podería ser de feitura moderna.  Porén, o grupo municipal do BNG de Noia reclamou no seu día que se tomasen medidas para lograr a súa recuperación e a súa inclusión no inventario patrimonial do PXOM noiés. Segundo a prensa, o caso rematou no xulgado sen que coñezamos o sentido da resolución xudicial.

Imaxe do suposto petróglifo atopado e desaparecido no ano 2010 no Monte San Lois. Fonte: Xabier Moure

No mes de marzo do ano pasado (2019), chegou a Noia unha desas “febres colectivas” que capturan as almas dos responsables, paradoxalmente, do medio ambiente dos nosos concellos, a moda de instalar bancos en lugares “con vistas panorámicas”, para “sinalar” o sitio exacto onde a xente poida facerse fotos para subir ás redes sociais, ou aqueloutra de colocar o “o banco máis bonito do mundo” etc, e anunciariono na prensa, cun orgullo que, a pesar de estarmos inmersos na voráxine das redes sociais do século XXI, é un sentimento tan anticuado, que nos fai lembrar aos vellos tempos do NODO.

Monte San Lois 1. Detalle

A instalación do banco con vistas é visible desde unha das curvas de acceso ao cumio do monte. O Concello decidiu limpar a zona e literalmente “cravar” un destes bancos nunha rocha no chan. Lamentablemente situaron o banco xunto enriba dunha pía natural nun afloramento que conserva uns gravados que descubrimos, ironicamente, mentres contemplabamos o Monte Louro.

O banco panorámico sobre o petróglifo

A visión desde este lugar do Monte Louro, marcando o extremo final da ría, fai que o monte pareza xurdir do mar entre a néboa da ría. O impresionante Monte Tremuzo, xusto enfronte de nós, do outro lado da ría, parece que faga de vixía xemelgo da entrada á enseada de Noia, xunto co Monte San Lois.

O monte Tremuzo e Serantes desde o petróglifo no outro lado da ría

O petróglifo do Monte San Lois 1

Os gravados están moi erosionados polo que só son visibles durante o día coa luz rasante do solpor. As Coordenadas xeográficas son: N 42 46.726, W 8 54.823  (datum WGS84)

Monte San Lois 1. Fotogrametría

O afloramento onde se atopa o petróglifo é unha rocha granitoide de, aproximadamente, dous metros de longo por un de ancho, de gran groso, o que dificulta tanto o gravado como a súa conservación, así como a visión actual do petróglifo. A rocha sitúase a ras de chan e posiblemente non sexa o único complexo rupestre nesta ladeira do monte San Lois. Unha limpeza da vexetación da contorna e unha prospección da zona podería axudar no estudo do patrimonio arqueolóxico nas proximidades deste impoñente monte.

Monte San Lois 1. Calco dixital a partir da fotogrametría

Este novo petróglifo convértese no primeiro petróglifo coñecido do Concello de Noia, xa que, ata o de agora, a mostra de arte rupestre prehistórica coñecida situada máis preto da vila de Noia era o petróglifo da Picota, nas inmediacións da poboación de Portosín, xa no termo municipal de Porto do Son.

A Picota

A parte máis visible do petróglifo do Monte San Lois 1 consiste nunha combinación duns 50 cm de diámetro composta por 5 círculos concéntricos, coviña central e dous sucos radiais que saen do circulo interior en direccións NW e S.

Monte San Lois 1. Vista xeral

Un estudo posterior coa axuda da fotogrametría revelou a presenza de dúas combinacións (non visibles a simple vista) case pegadas á combinación de maior tamaño, e outras dúas combinacións máis formadas por coviña e círculo simple  máis afastadas. Completan a composición varias coviñas que aparecen espalladas polo panel, incluíndo una vistosa agrupación en forma de roseta situada a pouca distancia do motivo principal.

Nunha segunda rocha situada uns dous metros cara ao NW consérvanse máis coviñas distribuídas pola superficie sen ningunha orde aparente.

Monte San Lois 1

O petróglifo do Monte San Lois 2

No extremo oposto do monte, unha vez pasada a zona de asadores, existe un segundo banco, situado detrás das enormes antenas de telecomunicacións, e que o concello colocou “para admirar as vistas” cara o extremo oeste da ría.

Uns metros cara ao sur, existe un marco xeodésico, onde atopamos un gravado moderno, Monte San Lois 2, que consiste nunha forma que semella un corazón cunha pequena cruz enriba. Do outro lado aparecen as iniciais “RMB” con letras grandes. Quizais foi que alguén quixo deixar para sempre gravada a súa eterna historia de amor… ou a súa eterna decepción. Coordenadas xeográficas N 42 46.294, W 8 54.874 (datum WGS84)

Monte San Lois 2

A Cova da Moura

 O testemuño mais antigo coñecido da Prehistoria dos arredores de Noia é A Cova da Moura, un dos dolmens máis coñecidos de Galicia. Situado nunha ladeira do Monte Tállara, na zona de tránsito de Noia á serra do Barbanza, posúe os elementos clásicos do dolmen galego: sete ortostatos que conforman a cámara (a lousa de cobertura non está, aínda que dise que “debe estar agochada nos arredores”), un pequeno corredor de acceso, e todo recuberto dunha impoñente mámoa.

Cova de Argalo

Narran as lendas que unha moura habitaba nesta anta, en cuxo interior hai un pozo cun túnel que comunica cos lugares onde aparece un encanto. Como é habitual na literatura popular, tampouco falta a referencia á existencia á trabe de ouro soterrada. Tamén se di que “desde a Cova da Moura á ponte de Argalo, hai os saberes de sete reinados”.

Ídolos da Cova de Argalo, na actualidade no Hospital de San Roq