Os petróglifos do Outeiro do Recosto en Boallo


En lembranza de todos aqueles, que como Roberto Mouzo, loitaron e loitan por defender, protexer e divulgar o patrimonio cultural da Costa da Morte

O Colectivo A Rula regresa a Vimianzo nunha nova xeira nocturna polos petróglifos deste termo municipal que terá lugar o vindeiro sábado 14 de xullo. Non podiamos desaproveitar a ocasión de dar a coñecer á veciñanza e aos curiosos que se acheguen a Vimianzo estas interesantes mostras da nosa arte rupestre atlántica que, por desgraza, aínda seguen a ser moi descoñecidas.

E podemos facelo grazas ó convite do Concello de Vimianzo que segue a dar mostras do interese pola recuperación e divulgación do seu relevante patrimonio cultural. Nos últimos anos feitos como a posta en valor do Castro das Barreiras en Ogas, a recente adquisición do dolmen da Pedra Cuberta, as limpezas periódicas na contorna dos petróglifos ou dólmenes, ou as reunións e acordos cos propietarios que facilitaron a valorización destes bens culturais a través dos técnicos municipais, son boas mostras disto.

Plano de situación. Os petróglifos preto do linde municipal con Muxía.

Si o ano pasado visitamos os petróglifos de Pedrouzos en Berdoias, nesta ocasión cruzamos á outra beira do río Castro para achegarmos ós petróglifos do Outeiro de Recosto no lugar de Boallo.

Boallo, terras dos Lema

Na aldea de Boallo destaca a presenza dos restos do antigo Pazo de Boallo, adquirido recentemente polo arquitecto Julio Vázquez, o que ocasionou unha polémica confrontación co propio Concello que aínda se mantén na actualidade.

Hoxe só permanecen as ruínas do que foi unha das casas señoriais máis antigas da Costa da Morte, ligada á liñaxe dos Lema. Xa subliñamos nun post anterior, dedicado ós petróglifos de Berdoias, a relevancia e protagonismo desta liñaxe, e principalmente da figura de Alonso de Lema II, na historia de Soneira.

Pazo de Boallo

Persoeiros desta familia fidalga inspiraron a varios protagonistas da novela “A Costa do Solpor” do profesor e historiador vimiancés X.M. Lema Suárez, que tamén recompila datos e feitos históricos desta familia en varios dos seus ensaios.

Nesta ocasión foi o seu fillo, Martiño de Castiñeira, o promotor deste segundo inmoble situado no lugar de Boallo no ano 1637. Esta secular construción civil pacega fica na actualidade en estado ruinoso e en completo abandono, pero aínda conserva importantes vestixios que revelan a súa grandeza noutrora.

Entre toxos, silveiras, xestas e hedras pódense ollar importantes elementos da fábrica primitiva, como a súa solaina cuberta cara o nacente, a escaleira de pedra con patín que daba acceso ó sobrado ou a lareira coa súa impoñente cheminea.

Alén do pazo o conxunto patrimonial complétase con dous hórreos de estilo fisterrá, un lavadoiro, un cruceiro (que xa perdeu a cruz) e unha capeliña baixo advocación de San Roque, hoxe convertida en corte para as ovellas que campan pola horta e manteñen a raia a vexetación na contorna do pazo.

Non podemos tampouco esquecer o pombal no linde da antiga propiedade do pazo e que hoxe pertence a outra familia da aldea.

Os petróglifos do Outeiro do Recosto

Localización

No linde do antigo Couto de Berdoias e Boallo localízase o Outeiro de Recosto onde se conservan dúas estacións de arte rupestre prehistórico de inicios da Idade do Bronce.

Trátase dun outeiro conformado por un afloramento granítico de grandes dimensións rodeado por explotacións forestais de eucalipto. A parte alta rochosa do outeiro impide o uso forestal do terreo e constitúe un magnífico miradoiro das veigas situadas a rentes do río Castro que transcorre paseniño a uns centos de metros do Outeiro.

Ás beiras do río consérvase unha interesante fraga coas características especies de ribeira e atravesada por vellos camiños de acceso ó pazo, hoxe recuperados como senda alternativa da variante do camiño xacobeo cara Muxía, que conecta os lugares de Boallo e Berdoias.

A descuberta

As primeiras novas dos petróglifos do Outeiro do Recosto datan do ano 1997. A edición local da Voz de Galicia do 9 de novembro abría dando conta do achado da estación 1 por parte do veciño da zona, Manuel Soto Caamaño, durante unha xornada de caza. Un feito que constituíu a localización da primeira gran manifestación artística desta tipoloxía nas terras vimianceiras, onde os grandes megalíticos neolíticos copaban as principais referencias á prehistoria deste concello.

O achado suscitou rapidamente a atención e interese dos investigadores locais e afeccionados á arqueoloxía como o edil, Moncho Gándara, e o malogrado investigador e perito agrícola, Roberto Mouzo, autor do primeiro informe e único deseño realizado ata agora para tentar reproducir e rexistrar os diferentes motivos insculturados.

A nova xornalística tamén recolle as primeiras valoracións do arqueólogo Xosé María Bello Diéguez que confirma a importancia da descuberta e data os gravados na Idade do Bronce. Finalmente, o artigo pecha cunha interesante reflexión do propio xornalista asinante, X. Ameixeiras, e que podemos extrapolar os nosos días (pois segue moi vixente)

“El estado de los petroglifos de Boallo demuestra dos cosas. La primera es que el yacimiento, al igual que muchos otros, se salvo de puro milagro porque muy cerca se perciben las huellas de la extracción de roca para obras de cantería. La segunda es que un cazador puede hacer tanto por la conservación del patrimonio histórico artístico como el mejor arqueólogo, que suele estar a la espera de que lleguen las noticias de los hallazgos”

A descuberta da segunda estación denominada “Pedra Mosqueira”, localizada no lado oposto do Outeiro, débese tamén ó investigador Roberto Mouzo pouco tempo despois do achado da estación principal, outra mostra do relevante papel exercido por este enxeñeiro agrónomo na divulgación da cultura das terras de Soneira e que acertadamente recoñeceu o actual equipo de goberno de Vimianzo na homenaxe organizada o pasado ano.

Pedra Mosqueira. Foto Manuel Rial

Descricións dos gravados

Como ben recolle Roberto Mouzo no seu informe inicial, trátase de gravados de temática xeométrica ou abstracta que caracterizan ás estacións prehistóricas de arte rupestre de estilo atlántico e que podemos datar entre o Neolítico Final e o Bronce Inicial (uns 4500 anos de antigüidade).

Deseño dos petróglifos de Boallo por Roberto Mouzo

Estación 1 – Petróglifo do Outeiro

No cumio do afloramento granítico,  nunha laxe lixeiramente inclinada (Coordenadas: 29 T 491984 4768351), ó abrigo doutra laxe de maiores dimensións, que a cobre parcialmente, figura nun único panel de pouco máis dun metro cadrado de superficie. Nel consérvanse ata 9 combinacións de círculos concéntricos con coviña central con diámetros comprendidos entre os 44 e os 10 centímetros. Son gravados realizados coa técnica tradicional, mediante percusión e abrasión con instrumentos de pedra, posiblemente seixo.

Na parte inferior do panel figuran as combinacións circulares de maior tamaño que posúen 5 e 4 aneis respectivamente. Catro das combinacións circulares presentan un radio de saída que parte da coviña central. A combinación circular de maiores dimensións presenta dous sucos de saída, un orientado ó leste e outro ó sur que enlaza cunha figura de difícil descrición debido ó enorme desgaste que presenta na zona máis próxima ó chan.

Fotogrametría

No extremo oeste, e tamén ó carón do chan, os modelos 3d realizados permítenos rexistrar un conxunto inédito dunhas 15 coviñas e restos doutras combinacións case imperceptibles. O desgaste do suco é maior nesta parte do panel pois é por onde descende a auga. A pesar da antigüidade do petróglifo e ós efectos erosivos produto da acción continuada dos axentes naturais sobre os gravados, o seu estado xeral é bastante bo, con gravados que presentan uns 2 centímetros de profundidade media.

Estación 2 – Pedra Mosqueira

Situado no lado oposto do outeiro e na parte oriental deste afloramento granítico (Coordenadas: 29 T 492015 4768378) figura unha laxe con características moi diferentes, unha rocha horizontal que apenas sobresae do chan e que conta cunha soa combinación circular de 3 aneis e coviña central duns 30 centímetros de diámetro.

Pedra Mosqueira

Atópase na parte central do panel aproveitando a protuberancia natural do penedo e posúe dous sucos de saída que parten da coviña central cara o NE e L e conectan con dous pequenos grupos de coviñas moi erosionadas. Completan o panel outras coviñas illadas e distribuídas sen orde aparente pola rocha.

Fotogrametría

Debido ao elevado grado de erosión dos gravados non desbotamos a posible existencia doutros motivos practicamente imperceptibles que puideran rexistrarse con diferentes metodoloxías no futuro.

Debuxo de Rubén Rial do Petróglifo do Outeiro do Recosto (libro “unha historia de Vimianzo”)

O estado de conservación desta segunda estación é bastante malo e a súa visualización polo día é complicada polo que acostuma pasar desapercibida ós visitantes que se achegan ó Outeiro de Recosto.

Rematamos incidindo no noso agradecemento ó Concello de Vimianzo polo seu convite e as xestións realizadas polo seu técnico Manuel Rial que permitiron a realización desta nova xeira nocturna pola arte rupestre prehistórica de Vimianzo.

Bibliografía.

Lema Suárez, X.Mª: A Terra de Soneira: no corazón da Costa da Morte. Ed.Xerais, Vigo, 2010
Mouzo, R. & Xoubanova, F.: Inventario do Patrimonio Arqueolóxico do Concello de Vimianzo. Vimianzo, 1987 (inédito).
Rial, Manuel & Rial Rubén: Unha historia de Vimianzo, A Coruña, 2018