O conxunto rupestre de Seselle. Novos petróglifos no concello de Oza-Cesuras, A Coruña


A contorna dos lugares do Freixo, Mundín, Penabelá e A Campiña están na mira dos intereses eólicos. Pese a súa intensidade a apetencia e atención das compañías enerxéticas sobre este territorio pasou por alto a unha ducia de resilientes que o habitan e, cuxa iniciativa está a descubrir nos últimos meses un conxunto de estacións rupestres de gran interese localizadas nas terras escollidas para levantar o parque eólico.

Estes pequenos lugares, pertencentes a parroquia de Santa María de Regueira, concello de Oza-Cesuras, por causa da dispersión das súas vivendas, non teñen, a efectos de protección, a consideración administrativa de núcleos habitados, o que produce que as proxectadas estruturas eólicas poidan situarse ata un límite de só 200 metros coas vivendas, a diferenza do límite de 500 metros establecidos para os que teñen a consideración de núcleos habitados.

Revolta da Camposa. Imaxe con iluminación artificial

Ata o momento, a descuberta de varias estacións rupestres por Bruno Prada e Santiago Seoane obrigou ás empresas promotoras do “Parque eólico Seselle”, Galenergy e Greenalia, a modificar o proxecto para adecualo á lexislación que protexe estes valiosos elementos patrimoniais e, coidamos que, dada a importancia das descubertas, tamén debera servir para promover a prospección minuciosa dunha zona que está a amosar unha destacada concentración de xacementos rupestres.

Pena da Cerva. Panel 1. Imaxe con iluminación artificial

Cando estabamos elaborando este estudo publicouse no Diario Oficial de Galicia a aprobación do DIA deste parque, no que se inclúen medidas compensatorias para a protección e valorización destes xacementos, ademais da supresión dun muíño e a consabida repotenciación dos restantes.

Facemos unha primeira descrición destas estacións co obxecto de que se coñeza o valor que atesouran e anime a un estudo máis ambicioso do territorio que sirva para salvagardar os xacementos, coñecidos e descoñecidos, das infraestruturas deseñadas para o futuro parque eólico. E, tamén, co obxecto de obter a catalogación das 5 estacións que non foron recollidas no informe de impacto realizado polas arqueólogas contratadas pola promotora eólica, así como os novos paneis rexistrados nos conxuntos xa catalogados.

Monte das Penas 2. Reconstrución fotogramétrica do panel E

O conxunto de petróglifos de Seselle

Ata hoxe a investigación de Bruno tivo como resultado a localización de 10 estacións rupestres que comparten varias características comúns:

En primeiro lugar, o soporte escollido para gravar, que en todas elas é unha dura ortogneis, de grans finos e cor moi escura, a rocha dispoñible na contorna.

En segundo lugar, os afloramentos escollidos para gravar destacan polas súas dimensións no territorio inmediato no que se localizan. Grávanse amplas superficies horizontais de penedas que superan os 2 metros de altura na maioría dos casos.

Monte das Penas 2. Panel E. Imaxe con iluminación con luz artificial

En terceiro lugar, os motivos representados en todas elas pertencen ao coñecido como grupo xeométrico, tendo os círculos concéntricos o papel protagonista, presentes en boa parte delas.

Os elementos catalogados máis próximos a estas estacións son dous castros, ao norte o castro de Bandoxa/Monte do Castro (GA15063004), e o castro de Cabreira  (GA15026001) ao sur. Xa máis afastada, en dirección sueste, localízase a gran necrópole megalítica de Seselle/Brueiro formada por 7 mámoas. Tamén próximos se localizan os posibles restos do que algúns identifican co castelo de Teodomiro., no veciño concello de Aranga.

Monte das Penas 1

Localízase na parroquia de San Martiño de Brandoxa, Coordenadas UTM 29 T 570163 4781967, a escasos metros en dirección oeste dunha pista de terra, nun terreo chan de monte de mestas silvas que dificultan o acceso aos afloramentos e a súa visualización. Son varios penedos agrupados que acadan alturas de algo máis de 2 metros.

Monte das Penas 2. Panel A. Imaxe con iluminación artificial

Dividimos as superficies gravadas en 4 grupos para facilitar a súa descrición. A diferenza do noso actuar habitual, nesta ocasión, optamos por unha denominación na que incorporamos unha letra ao número co obxecto de que as nosas denominacións se adapten as xa empregadas previamente pola equipa de arqueólogas que realizou o Estudo de Impacto Arqueolóxico do proxectado parque eólico. Así, diferenciamos Monte das Penas 1A, 1B, 1C e 1D como superficies gravadas claramente diferenciables, e que se distribúen do xeito que pode verse na seguinte imaxe aérea:

Vista aérea das estacións rupestres do Monte das Penas

Monte das Penas 1A

É a superficie situada máis ao leste e máis próxima á pista. É un afloramento duns 3 metros de alto. Mide 433 cm no seu eixo Norte Sur, e 106 cm no eixo Leste Oeste. Os gravados concéntranse na superficie máis elevada onde a rocha adquire unha forma marcadamente convexa.

Monte das Penas 1A. Reconstrución fotogramétrica sinalando os motivos conservados

Localizamos 5 motivos circulares, 4 deles de pequeno tamaño e moi erosionados polo que só son visibles empregando a fotogrametría ou parcialmente con moi boas condicións lumínicas, a diferenza do que sucede co motivo principal (A), de maiores dimensións (ten un diámetro de 26 cm e un radio de 16 cm), que presenta sucos anchos e profundos facilmente perceptibles, toda vez que tamén se sitúa no lugar máis prominente da rocha. Esta formado por 3 círculos concéntricos e un radio de saída, e un semicírculo a modo de apéndice, que rodea o radio fora dos círculos. O círculo exterior aproveita parte dunha fenda natural. Ao seu carón un círculo simple (B) con varios trazos rectos no seu interior. Ao seu lado un círculo simple con coviña interior que se conserva incompleto (C).

Monte das Penas 1A. Motivo A. Imaxe con iluminación artificial

Ao outro lado da combinación A, unha combinación de dous círculos apenas perceptible (E). Ao seu lado unha pequena combinación formada por dous círculos concéntricos e coviña central (D).

Aprécianse restos doutros motivos ao redor destes 5 motivos, mais a pouca profundidade que presentan impide identificalos con certeza.

Monte das Penas 1A. Combinacións de círculos concéntricos
Monte das Penas 1A. Combinacións de círculos concéntricos. Imaxe con luz natural

Monte das Penas 1B

É unha superficie de 740 cm de longo por 280 cm de ancho separada de Monte das Penas 1A por unha profunda fenda duns 20 cms de ancho.

Monte das Penas 1B. Reconstrución fotogramétrica con indicación dos motivos

Conserva 4 combinacións de círculos concéntricos. A de maior tamaño (A) ten un diámetro de 34 cm e está formada por tres círculos concéntricos e coviña central. Da coviña e do círculo exterior desta combinación parten dous sucos paralelos que recorren boa parte do longo da laxe. Esta combinación consérvase en boas condicións. Non así as restantes combinacións de menor tamaño que apenas son perceptibles coa axuda da fotogrametría. A B é unha combinación de dous círculos concéntricos e coviña central, de dimensións similares á A, e que ten acaroada a ela un circulo simple con coviña no centro. A C é de pequeno tamaño e ten dous círculos concéntricos e coviña central. A D está formada por dous círculos e coviña central con radio.

Monte das Penas 1B. Motivo A. Imaxe con iluminación artificial

Non é fácil percibir onde rematan as interesantes liñas paralelas, semella que nunhas rugosidades da superficie. Parten, unha do centro da combinación A e, a outra do seu círculo exterior. Esta última liña tamén pasa por enriba do círculo exterior da combinación D.

Monte das Penas 1C

É un penedo situado a uns 10 metros ao oeste do 1B. Ten unha altura similar a das anteriores, forma alongada e unha superficie horizontal máis estreita. A superficie mide uns 11,5 metros de longo por 3,50 m de ancho.

Monte das Penas 1C. Motivo A.

Conserva tres motivos circulares apenas perceptibles. Un deles (A), o mellor conservado, sitúase no extremo máis elevado da superficie. Está formado por tres círculos concéntricos e coviña central. O segundo sitúase na zona inferior a carón duna diáclase que divide a superficie. Está formado por dous círculos concéntricos con coviña central. Un pouco ao sur desta restos doutro motivo composto por círculo simple incompleto e coviña.

Monte das Penas 1C. Motivos da zona inferior

Monte das Penas 1D

É unha superficie de pequenas dimensións situada boa altura o que dificulta a visualización dos gravados, agravado pola irregularidade da superficie. Mide 140 cm de longo por 100 cm de ancho.

Monte das Penas 1D. Imaxe con luz artificial

Conserva dous motivos circulares, un formado por coviña central e dous círculos concéntricos e un segundo, moi próximo ao primeiro, formado por un círculo incompleto e coviña central. Son de dimensións parellas e sitúanse no centro da superficie.

Monte das Penas 1D. Fotogrametría

Monte das Penas 2

Localízase na parroquia de San Martiño de Bandoxa, preto do linde coa parroquia de Santa María de Rodeiro, e a uns 30 metros ao sur das penedas de Monte das Penas 1. Coordenadas UTM 29T 70137,40 81921,10.

É unha peneda de características morfolóxicas semellantes ás das anteriores. Dividimos a súa irregular superficie en cinco seccións individualizadas por diáclases e fracturas da superficie rochosa.

Monte das Penas 2. Distribución dos paneis

A superficie A é a situada a maior altura. É unha superficie convexa de pequenas dimensións gravada case na súa totalidade. Dous dos seus bordos, os máis irregulares son produto da extracción de pedra.

Monte das Penas 2. Panel A. Imaxe con iluminación artificial

Conserva 5 combinacións de círculos concéntricos. A de maior dimensións (A) ocupa un lugar central, está formada por 5 círculos concéntricos e unha coviña central da que parte un radio de entrada/saída. Acaroada a esta combinación outra combinación de círculos concéntricos mellor conservada (B) formada por 5 círculos, o último incompleto, coviña central e un radio que parte do centro cara a 1º combinación e na dirección oposta. Ao redor da combinación central outras dúas combinacións de menores dimensións (C e D), formadas por dous círculos e coviña central. Ambas presentan 1 radio que parte da coviña central cara ao exterior. Na esquina superior dereita unha combinación incompleta moi esvaída (E) formada por coviña central e dous círculos concéntricos. Na zona superior gran cantidade de coviñas situadas entre as combinacións circulares e distribuidas sen unha orde aparente. Ao seu carón un posible cruciforme con coviñas nos extremos dos seus brazos.

Monte das Penas 2. Panel A. Reconstrución fotogramétrica

A superficie B sitúase ao carón da anterior a menor altura. Conserva dúas combinacións circulares incompletas (A e B) de pequenas dimensións de dous círculos concéntricos e coviña central. Comunícanse entre si por medio de 3 sucos que parten das coviñas e dos extremos dos círculos incompletos, e que destacan pola súa lonxitude e por superar un borde irregular da superficie no seu recorrido.

Monte das Penas 2. Panel B. Imaxe con iluminación artificial

Completa o conxunto unha terceira combinación (C) situada a pouca distancia da B. Está formada por dous círculos concéntricos e coviña central. Por encima desta varias coviñas illadas.

Monte das Penas 2. Panel B. Reconstrución fotogramétrica

A superficie C é a que peor estado de conservación presenta, xa que boa parte dela presenta procesos activos de meteorización. Nela só logramos identificar un bo número de coviñas e restos de sucos doutros posibles motivos máis complexos non conservados.

Monte das Penas 2. Superficies C e D. Reconstrución fotogramétrica.

A superficie D presenta unha forma alongada que recorre un suco sinuoso que organiza a composición. Parte dunha coviña nun dos extremos desdobrándose en ocasións para comunicar con pequenos motivos circulares (a, b, c, e d) e algunhas das múltiples coviñas que semellan organizarse ao redor do suco central. Este suco, de formas irregulares, remata nunha combinación irregular formada por un círculo e unha coviña central (a). Inmediato a esta un suco recto corta transversalmente o suco principal.

Monte das Penas 2. Paneis C e D. Imaxe con luz artificial

Ocupando unha posición central outra figura cruciforme semella apoiarse sobre o suco central. A pouca nitidez que presentan impide unha identificación clara dos motivos. Se analizamos o conxunto de trazos lineais, a pesares da súa irregularidade semella que están a conformar unha figura barquiforme.

Monte das Penas 2. Panel D. Reconstrución fotogramétrica con indicación dos motivos

A superficie E é a que conserva os gravados con sucos máis profundos, máis visibles. Ocupan outra das superficies situadas a maior altitude e forma máis convexa.

En posición central 3 motivos circulares, A e B de círculos simples incompletos e coviña central da que parten sucos que comunican os tres motivos, o C de 2 círculos, o exterior incompleto, e coviña central, tamén con suco de saída. Por encima destes os motivos D, E, F e G de menores dimensións e sucos máis superficiais e estreitos. O D é un círculo simple con coviña central, o E está formado por tres círculos concéntricos e coviña central e o G é por dous círculos concéntricos, coviña central e suco de saída. O círculo exterior deste último comparte espazo co círculo exterior do motivo B.

Monte das Penas 2. Panel E. Imaxe con luz artificial

Un último motivo circular moi erosionado é o H, acaroada á combinación C está formado por un círculo e coviña central. Tamén próxima unha combinación de pequenas dimensións (I) formada por dous círculos concéntricos e coviña central. Por debaixo dos motivos centrais parten varios sucos que conforman unha complexa figura indefinida. Algúns destes sucos semellan ter continuidade ata o extremo inferior do panel onde se conservan dous pequenos motivos formados por círculo simple e coviña central, L e M.

Monte das Penas 2. Panel E. Reconstrución fotogramétrica

Pena da Cerva

Localízase na parroquia de Santa María de Regueira. Coordenadas UTM 29 T 569937 4781481. Empregamos a denominación escollida polas arqueólogas que realizaron o informe de impacto do parque eólico. No interior dun mesto eucaliptal sitúase unha acumulación de enormes bolos de escuro ortogneis de formas redondeadas. Presenta tres superficies horizontais gravadas.

Pena da Cerva. Vista xeral con indicación dos paneis con gravados

Panel 1

Na superficie de maiores dimensións, situada na cima da peneda máis elevada, consérvanse a maioría dos motivos gravados. Contabilizamos un total de 16 motivos circulares, tratándose do panel máis complexo dos localizados ata o de agora.

Pena da Cerva. Panel 1. Imaxe con iluminación artificial

En conxunto presentan un estado de conservación bo, mais tódolos motivos teñen sucos moi superficiais o que dificulta a súa visualización.

Algúns dos numerosos motivos forman composicións máis complexas uníndose a outros motivos e/ou sucos. En ocasións o resultado é o que semellan esquemáticas representacións antropomorfas (g, i). Ocupando unha posición central un motivo complexo de difícil definición (n). Un último motivo de interese é unha forma rectangular incompleta (só ten tres dos catro lados) con dúas coviñas no seu interior. esta figura presenta sucos anchos e profundos que contrastan cos dos restantes motivos.

Pena da Cerva. Reconstrución fotogramétrica do Panel 1 con indicación dos motivos

Panel 2

É unha superficie horizontal situada a menor altura, baixo unha pequena viseira que conforma o afloramento nun dos seus extremos. Trátase dunha única combinación de círculos concéntricos de boas dimensións formada por 4 círculos concéntricos de boa feitura e xeometría e un longo radio de saída que parte cara o exterior desde o círculo máis interior.

Pena da Cerva. Panel 2. Combinación circular. Fotografía con iluminación artificial

Panel 3

Un terceiro panel foi identificado con posterioridade por Bruno inmediato ao panel 1. Co emprego da fotogrametría identificamos escasos sucos rectos conformando un rectángulo alongado e dos que non poidemos identificar o motivo representado.

Pena da Cerva. Panel 3. Reconstrución fotogramétrica

Monte das Mercedes 1

A escasos metros da Pena das Mercedes localízase na senda de acceso unha pequena pedra con dúas coviñas gravadas na súa superficie, unha de boa profundidade e a outra pouco profunda.

Monte das Mercedes 1

Pena das Mercedes / Pena de Mende

Sitúase a uns 20 metros ao sur da Pena da Cerva nun terreo con pronunciada pendente cara o suroeste. Empregamos a denominación escollida polas arqueólogas que realizaron o informe de impacto do parque eólico. Coordenadas 43.18270712134991, -8.139303239757323. É unha peneda de grandes dimensións elevada sobre o terreo máis de dous metros. Na superficie horizontal do seu cumio consérvanse gran cantidade de coviñas, algunhas delas rodeadas con restos de aneis. O estado de conservación dos motivos non é moi bo.

Pena das Mercedes/Pena de Mende. Imaxe con luz natural. Foto. Bruno Prada

Ocupa unha posición central unha combinación circular formada por 4 círculos concéntricos coviña central e varias coviñas entre os seus sucos. Unha segunda coviña conserva un círculo concéntrico exterior.

Pena das Mercedes/Pena de Mende. Reconstrución fotogramétrica

Revolta da Camposa / Pedra Escripta

É un afloramento de pequenas dimensións pouco destacada en altura, apenas medio metro sobre o nivel do chan. Coordenadas 43.18442884821946, -8.139658797955631. Sitúase nun eucaliptal con terreos en moderada pendente en dirección suroeste. A pedra ten unha superficie horizontal regular de 160 cm E/W por 180 cm N/S. Conserva numerosos gravados, algúns ben conservados con sucos anchos e profundos.

O motivo de maiores dimensións ocupa un lugar central e é unha combinación circular formada por unha coviña central e tres círculos concéntricos. Ten un diámetro de 45 cm, uns sucos de 6 cm de ancho e 4 cm de profundidade. Acaroada a ela, unha combinación de 3 semicírculos (os seus sucos parten do segundo círculo da 1ª combinación que interrompe o seu círculo exterior para deixar espazo a esta combinación). Por debaixo da 1ª combinación unha combinación de dous círculos concéntricos dividida polo medio por un suco recto que a atravesa e continúa por fora desta.

Revolta da Camposa. Imaxe con iluminación artificial

Por debaixo desta combinación unha combinación de 2 círculos concéntricos de menores dimensións. A esquerda destas combinacións unha cruz latina de 20 x 10 cm elaborada cun suco de arestas vivas e sección en V de 2 cm de ancho po 2 cm de profundidade, que denota a súa feitura con ferramentas metálicas.

Revolta da Camposa. Reconstrución fotogramétrica

Por enriba do cruciforme unha forma como de cuarto crecente de lúa e, por debaixo desta, unha coviña de boa profundidade. Ao redor do cruciforme outras tes coviñas de menor profundidade e diámetro. O resultado é un conxunto complexo que transmite a idea de unidade no deseño agás a posterior inclusión do cruciforme.

Recollen as arqueólogas no informe de impacto que

“Este afloramento constitúe o marco límite entre as parroquias de Bandoxa, Regueira e Rodeiro. Posiblemente sexa a rocha mencionada no catrastro do Marqués da Ensenada a mediados do século XVIII, que aparece como un dos marcos que sinala os limites territoriais e no que se reseñan dúas rochas, a Pena Escrita e a Pena da Cerva. Agradecemos a información ao descubridor dos xacementos, Bruno Prada Fernández que seguindo indicacións doutro veciño, Santiago Seoane Couceiro, segue na procura doutros petróglifos na zona”.

Fichas de rexistro elaboradas por Ana Isabel Tembra Piñeiro e Sofia Baqueiro Vidal
Revolta da Camposa. Reconstrución fotogramétrica

Cruz de Termo no Monte das Mercedes (Parroquia de Santa María da Regueira)

Coordenadas UTM: 29 T 574987 4785726. Datum: ERTS89. Altitude: 541 m

Antigo linde parroquial. Nun pequeno bolo dun metro de altura aproximado ten gravada na súa cima unha cruz grega, feita con sucos profundos e co perfil en forma de V con arestas vivas que denotan o uso de ferramenta metálica para a súa elaboración.

Cruz de Termo do Monte das Mercedes. Fotografía con iluminación artificial.

Fonte Seca

Parroquia de Santa María de Regueira, Coordenadas UTM: 29 N 570217 4781601. Datum: ERTS89. Altitude: 472 m

Trátase dunha das últimas estacións localizadas por Bruno. Localízase próxima a estrada, nunha laxe de pequenas dimensións pouco destacada sobre o terreo, apenas acada unha altura dun metro, e con evidentes alteracións produto de actividades de cantaría.

Petróglifo da Fonte Seca. Reconstrución fotogramétrica

Conserva nunha posición central nunha pequena superficie inclinada uniforme unha combinación circular formada por 4 círculos concéntricos, unha coviña central e un suco de saída que sae da combinación ata o bordo inferior da superficie. Está gravada con boa xeometría e sucos de pouca profundidade, os habituais no conxunto de Seselle.

Petróglifo da Fonte Seca. Fotografía con iluminación artificial

O Campón

Parroquia de Santa María de Regueira. Coordenadas UTM 29 T 570078 4781441. Datum: ERTS89. Altitude: 472 m

Situada ao borde do actual camiño e tamén inmediata ao vello camiño cuxo trazado aínda se pode percibir que discorre paralelo ao carón do actual. É unha pedra de pequenas dimensións apenas destacada uns poucos centímetros sobre o nivel do chan. A súa superficie superior é moi homoxénea e mide 1,20 metros no seu eixo N/S e 1,35 metros no E/W. Conserva un total de 12 coviñas de diferentes diámetros e profundidades. O seu estado de conservación é bo.

Petróglifo do Cambón. Fotografía con iluminación artificial

Mundín

Parroquia de Santa María de Regueira. Coordenadas UTM: 29 T 570083 4781428. Datum: ERTS89

Nun penedo destacado localizado nunha lixeira pendente en dirección sur desde a que se domina a pequena valga onde se asenta o núcleo habitado de Mundín. O penedo elévase máis de tres metros sobre o nivel do terreo. A superficie gravada é a superior horizontal e ten unhas dimensións de 3,20 metros no seu eixo E/W e de 1,50 metros no N/S. Multitude de coviñas de diferentes tamaños e formas ocupan boa parte da superficie distribuídas sen aparente orde.

Petróglifo de Mundín. Imaxe con iluminación artificial

Rematando

Os intereses eólicos levaron a Bruno Prada a prestar atención aos espazos ameazados e no seu camiño deu co seu patrimonio. Desde aquela non ten parado na promoción das súas descubertas e o seu territorio organizando numerosas visitas e actividades divulgativas coa axuda do Concello, así como a creación das Brigadas da Paisaxe.

Grazas por todo e sorte en tódalas vosas iniciativas Bruno.

Procedemos a comunicar á Dirección Xeral de Patrimonio este pequeno estudo co obxecto de completar a información xa aportada polas arqueólogas encargadas do informe de impacto arqueolóxico para a promotora eólica no que rexistraron 5 das 10 estacións, polo que solicitamos a valoración e catalogación das 5 restantes.

Bibliografía

  • Fichas de Rexistro elaboradas polas arqueólogas Ana Isabel Tembra Piñeiro e Sofia Baqueiro Vidal

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.