Arte esquemática no monte Xiabre – Vilagarcía de Arousa


A localización nos últimos anos de novos gravados zoomorfos de carácter esquemático apartados do canon tradicional dos petróglifos galaicos, mais convivindo con eles e, incluso, compartindo os mesmos paneis cos gravados de estilos clásicos, lévanos a desbotar vellas teorías de fronteiras de estilos, que se esvaecen coa localización de novos motivos esquemáticos ó norte da Provincia de Pontevedra e, tamén, na comarca de Compostela.

Son motivos localizados recentemente en laxes rexistradas deficientemente ou en novas estacións. Moitos deles seguen inéditos polo escaso interese que amosan as administracións públicas e posiblemente tamén polo desinterese dende o ámbito profesional e académico por afondar no seu estudo, mentres seguen a defender postulados e interpretacións que as novas descubertas deixan en evidencia.

O petróglifo de Xiabre II

Foi precisamente trala vaga de lumes do ano 2006 cando se produciu a descuberta da maioría das estacións que atinxen á chamada área arqueolóxica da bacía do río Salgueiro integrada por 14 estacións protexidas nunha mesma área e outras 17 en diferentes sitios arqueolóxicos na súa contorna inmediata (Ver Plan Básico Autonómico).

Xiabre II. Pormenor das combinacións circulares e serpentiforme

O achado destes petróglifos xorde a raíz dos labores de prospección, control e seguimento da zona afectada pola ampliación do parque eólico do Xiabre desenvolvida polas arqueólogas Rocío Varela Pouca e Elena Cabrejas Domínguez. Posteriormente, os traballos de seguimento das obras produciron novas descubertas que implicaron medidas de corrección específicas que fixeran compatible a protección da área arqueolóxica co proxecto técnico, feito que se logrou grazas á aprobación dun trazado alternativo.

A documentación e rexistro final das rochas en 2007 deuse a coñecer nun artigo titulado “A descuberta dos petróglifos da bacía do Río Salgueiro no Monte Xiabre” asinado por Elena Cabrejas, Yolanda Seone e Rocío Varela publicado na revista do Museo de Pontevedra do ano 2008.

Plano de situación dos petróglifos da Bacía do Río Salgueiro no Xiabre

Non obstante, o chamado petróglifo do Monte Xiabre II era un dos poucos que xa figuraban no arquivo de xacementos arqueolóxicos de Galicia da DXPC co código GA36060037. Coordenadas UTM: X: 523400,8107 Y:4719172,1759 (Datum ETRS 89), incluído no PBA o 26/07/2018 (Obj: 53266).

Achegamos a descrición que recolle o citado artigo:

Trátase dunha rocha granítica cunha das súas caras horizontal e con superficie irregular. De E a W aparecen moi preto do borde da rocha unha combinación circular e unha espiral. A espiral (33 cm) componse de 5 círculos (algún incompleto por causa de escunchados) e coviña central (5 cm). A combinación (30 cm) presenta tres aneis e coviña central (3 cm ). Ao W destas últimas aparece un círculo (11 cm ) con coviña central (2,5 cm Ø).

A 20 cm ao W aparece outro círculo (10 cm ) cunha coviña central (2,5 cm) e apéndice de 13 cm de lonxitude. Cara ó SW atópamos unha combinación con dous aneis (30 cm), un deles completo e os outros afectados pola erosión e por placas. Presenta coviña central (2,5 cm). Cara ao N sae un suco que arranca do primeiro anel e remata no último, que mide 11, 5 cm de lonxitude. Ao NE aparecen dúas posibles coviñas moi alteradas debido ás placas (3,5 cm e 4 cm). Ao SE da anterior combinación, aparece un suco semicircular, e preto deste outra combinación de dous círculos (18 cm) e coviña central, cuxos dous aneis están unidos mediante un suco. Os motivos poden continuar debaixo do sedimento da zona N.

Xiabre 2. Calco de Cabrejas, Seoane e Varela

A descrición remata falando da súa delicada situación nese intre (2008) e da necesidade de adoptar medidas urxentes para a súa preservación.

“O seu acusado estado de deterioro fixo inescusable o seu relevamento, pois as placas que presenta o soporte poden provocar en pouco tempo a perda de parte das figuras, en concreto dunha espiral e unha combinación circular”.

A visita desta estación en maio de 2018 veu motivada polo convite ó Colectivo a unha xeira polo Xiabre que guiaron as arqueólogas Elena Cabrejas e Beatriz Comendador. A actividade foi organizada polo grupo das Mareas de Vilagarcía e resultou moi interesante polas explicacións das guías mais, tamén, foi evidente certo desencanto entre os asistentes pola imposibilidade de contemplar moitas das estacións debido ó estado de abandono no que se atopaban. Non obstante, aproveitamos a viaxe para nesa mesma tarde, e non sen dificultade, contemplar varios dos petróglifos desta ladeira do Xiabre vilagarcián, algúns deles xa coñecidos por varios dos nosos socios.

Xiabre 2. Reconstrución fotogramétrica do petróglifo do Monte Xiabre 2 onde se aprecian novos motivos non rexistrados como un cuadrúpede e un serpentiforme. Alex Negreira, 2018.

A realización dos modelos fotogramétricos e fotografías con luz rasante permitiunos comprobar a presenza de novos motivos que non figuraban nas descricións dos rexistros oficiais. Entre eles cómpre destacar por unha banda, un curioso deseño serpentiforme pegado á combinación circular de maior tamaño formada por 5 aneis e coviña central, situada no bordo da rocha. E, por outra banda, tamén resultou sorprendente a presenza dun cuadrúpede esquemático na parte central da laxe.

A diferenza dos zoomorfos localizados noutras laxes desta área realizados coa tradicional técnica do dobre suco nesta ocasión emprégase unha simple liña para a cabeza, corpo e cola á que se engaden pequenos trazos verticais para as extremidades, orellas / cornos e posiblemente o falo. As dúas patas dianteiras están lixeiramente adiantadas o que proporciona certa sensación de movemento. É esta unha forma de representación de cuadrúpedes que pasou desapercibido nesta zona mais que con certeza atoparemos en máis laxes despois dun estudo e rexistro máis detido destas estacións.

Cuadrúpede na Peneda Negra – Ames

Arte esquemático no grupo galaico

Este tipo de gravados naturalistas esquemáticos foron localizados en laxes do Sur de Galicia coma nos petróglifos do Outeiro dos Lameiros en Sabarís (Baiona), Baixada da Barca (Arbo), A Coutada en Taboexa (As Neves), O Sobral (Gondomar), A Tomada da Regueira dos Barreiros en Couso (Gondomar), Portaxes (Tomiño), etc. E tamén do Norte de Portugal como A Pedra Escorrega, A Telheira ou na Fonte Formosa na Freguesía de Verdoejo (Valença do Minho), na Praia de Fornelos en Carreço (Viana de Castelo), no Petróglifo da Breia 1 en Cardielos (Viana do Castelo), por citar algúns dos máis representativos.

Fonte Formosa – Verdoejo – Valença do Minho

Porén, e mentres que certos investigadores seguen a subliñar a presenza deste tipo de representacións esquemáticas de zoomorfos, principalmente équidos, exclusivamente no Sur da Provincia de Pontevedra e norte de Portugal cada vez é maior o número de laxes con gravados realizados con esta técnica localizados noutras áreas do país. Nestes últimos anos temos rexistrado só na comarca de Compostela a presenza deste tipo de cuadrúpedes naturalistas en laxes como a Peneda Negra (Ames), Río Angueira 2 (Teo), Casa do Frade 1 e Os Gorgulliños (Santiago de Compostela). Todos eles moi lonxe desa fronteira galaico – portuguesa e, especialmente, desa área do Baixo Miño, onde se teñen efectuado interesantes achados nestes últimos anos, máis non podemos esquecer que non foron os únicos.

Cuadrúpedes do Río Angueira – Teo

Como sinalamos, estes motivos de tradición esquemática destacan pola súa enorme sinxeleza, un simple trazo define a liña cérvico – dorsal do animal á que se engaden pequenos sucos para definir as extremidades. Presentan, por tanto, un aspecto moi semellante ós chamados pectiniformes (en forma de peite) que caracterizan á arte esquemática peninsular, moitos deles pintados. Todas estas novas descubertas reflicten o posible achegamento e presenza de ambos grupos artísticos na arte rupestre galaica.

Baixada da Barca – Arbo

Tampouco consideramos que o emprego deste tipo iconográfico teña relación co emprazamento destas estacións na paisaxe ou de determinadas formas de asentamento do territorio destas comunidades pois estes motivos figuran en laxes de diferentes formas, pequenas e grandes, tanto en paneis verticais como horizontais, en laxes situadas na cima de outeiros como a media ladeira con amplos horizontes de visualización.

A modo de exemplo podemos sinalar que o zoomorfo desta estación do Xiabre 2 presenta grandes similitudes estilísticas co cuadrúpede do petróglifo dos Gorgulliños (Compostela) pero o zoomorfo do Xiabre fica nun panel horizontal e nunha rocha de tamaño medio a rentes do chan mentres que o cuadrúpede dos Gorgulliños localízase nun panel moi inclinado dunha enorme peneda que salienta sobre a paisaxe da súa contorna.

Fonte Formosa 2 – Verdoejo – Valença do Minho

É hora de rachar vellas crenzas e reformular cuestións que xa dabamos por sentadas para iniciar novos estudos que permitan afondar no coñecemento destes gravados esquemáticos espallados por boa parte da fachada atlántica das provincias da Coruña e Pontevedra, así coma no Norte de Portugal.

As novas técnicas de rexistro co emprego dos modelos fotogramétricos facilitan arestora a súa localización, pois na maioría dos casos son moi difíciles de ollar a simple vista debido as súas condicións de conservación.

A falta de investimentos para estudos pormenorizados en determinadas áreas explica que a maioría destas descubertas sexan obra de asociacións ou grupos de afeccionados. A experiencia nestes anos demostrounos que cómpre coidarnos de aseveracións categóricas no tocante ós petróglifos galegos, xa que nunca deixan de sorprendernos.

Os Gorgulliños. Compostela

 

Vista previa(abre en una nueva pestaña)

A Devesa da Rula. No camiño cara a destrucción


A descuberta da área arqueolóxica da Devesa da Rula tivo lugar cando este colectivo daba os seus primeiros pasos. Daquela pareceunos oportuno adoptar o nome daquela ladeira do monte San Miguel na Portela de Villestro como un xeito de reivindicar a súa relevancia no contexto da arte rupestre da nosa comarca.

Convencidos da necesidade de conservar esta área arqueolóxica xorde un colectivo que reunía a vontade dun grupo de persoas que procuraban un xeito novo de concibir a relación co noso patrimonio rupestre en harmonía co medio natural da súa contorna.   Cando comezamos confiábamos nas posibilidades reais de erradicar, coa axuda das administracións competentes, os elementos que facían perigar a súa conservación e impedían o adecuado acceso ás estacións con gravados

Devesa da Rula. Onde se xuntan os camiños. Dentro do triángulo a estación 4

Oito anos despois tivemos experiencias dabondo para decatarnos de que o camiño que escollemos é máis difícil do que imaxinábamos. Porén, non fomos quen de sospeitar que, a día de hoxe, seguiríamos a camiñar como o caranguexo.

Para explicarvos mellor a situación empregaremos unhas imaxes PNOA da zona dispoñibles en liña na cartografía da Xunta de Galicia nas que poderedes ver a evolución da zona desde o ano 2002 ata o 2017.

(Ver a pantalla completa). Fonte: http://mapas.xunta.gal

Nestas imaxes (recomendamos abrilas en máxima resolución para unha mellor visualización) podemos ver como desde o voo americano do ano 1954-55 ata o PNOA do ano 2010-1 non se observa a existencia de ningún camiño que cruzase pola zona da Devesa da Rula onde se sitúan as estacións rupestres, existindo só un camiño ao sur que discorre en dirección leste – oeste, e outro camiño que discorre en dirección norte – sur situado ao oeste da zona con gravados.

No PNOA do ano 2014 pode verse xa a consolidación dun estreito sendeiro que cruza a zona de gravados en dirección norte – sur, e que é a senda que tradicionalmente empregamos nas nosas visitas e actividades divulgativas.

A finais dese ano e principios do ano seguinte comezaron a circular por este sendeiro bicicletas o que provocou o paulatino deterioro do firme, e se chegou incluso a organizar unha ruta btt na zona con numerosos participantes que conseguimos non se celebrase máis.

No PNOA do ano 2017 faise evidente que o sendeiro xa non é tal, senón que xa ten o ancho dun vehículo de catro rodas e se evidencia un uso cada vez máis asiduo por vehículos motorizados, o que producíu un aceleramento do deterioro do chan, do entorno e dos xacementos.

Durante todos estes anos instamos en múltiples ocasións ao Concello de Santiago e a Dirección Xeral de Patrimonio para que tomasen medidas axeitadas para corrixir esta mala utilización da Devesa da Rula que está a deteriorar sensiblemente o xacemento e as estacións rupestres que alberga. Recibimos comprensión e atención mais, en todo este tempo, non se adoptou ningunha medida efectiva que paliase os efectos nocivos destes usos de xeito descontrolado.

Estas foron as nosas loitas ata o de agora, xa que este aciago ano 2020 tíñanos reservado outra mala nova. Nunha data indeterminada deste verán alguén abriu un camiño novo desde o primeiro treito do camiño tradicional que discorre dirección N/S ao oeste da zona con gravados, e comunica co camiño “novo” N/S da Devesa cruzando a zona dos gravados.

PNOA do 2017 co trazado dos novos camiños, laranxa o de 2020 e vermello o de 2013-20

Este novo camiño abriuse pasando por enriba da estación Devesa da Rula 5 e pasa a carón da estación da Devesa da Rula 4 antes de comunicar co camiño da Devesa. Un pouco máis adiante, seguindo a senda da Devesa abriron un camiño que parte á dereita e se bifurca en varias rúas que adoitan empregar os cazadores para disparar ás pezas.

Devesa da Rula. Imaxe do último tramo do novo camiño ao seu paso pola Devesa da Rula

Semella que o lugar elixido para dar a volta os vehículos é a propia Devesa da Rula conformándose un trazado en forma de triángulo no interior do cal quedou a estación da Devesa 4

Descoñecemos quen está detrás da apertura deste novo camiño. O evidente é que foron abertos sen empregar ningún tipo de criterio racional toda vez que o camiño pasa por enriba da estación 5 e invade as zonas de protección máis inmediatas doutras dúas estacións.

Devesa da Rula. O novo camiño. En primeiro plano a estación 5, no medio do trazado

O pasado 22 de outubro comunicamos estes feitos a David Santomil que ostenta a Presidencia de Compostela Rupestre que llo comunicou á concelleira compostelá Mercedes Rosón. Mercedes comunicoullo á súa vez á Dirección Xeral de Patrimonio. Uns días máis tarde acompañamos a un técnico enviado pola Dirección Xeral de Patrimonio ata o lugar co obxecto de que recompilase información para elaborar un informe.

Devesa da Rula. Vista cenital da estación 4 na encrucillada de camiños e a estación 5 á esquerda no medio do trazado do novo camiño

O deterioro acelerado que está a sufrir a zona está a vista de todos. Se non se toman medidas que o corrixan estamos convencidos que o deterioro da zona vaise acelerar moito máis toda vez que o paso de vehículos a motor é, na actualidade, habitual.

Devesa da Rula. Trazado do novo camiño

Xa temos dúas estacións na zona atravesadas por un camiño Agro do Campo 1 (danada pola maquinaria de extinción do lume do ano 2015) e agora a da Devesa da Rula 5, e unha boa parte dos afloramentos próximos amosan pequenas fracturas producidas polo paso de vehículos.

No Colectivo A Rula traballamos en prol da multifuncionalidade dos nosos montes, así como pola accesibilidade dos xacementos rupestres, claro que nunca imaxinamos esta multifuncionalidade nin esta rede de accesos.

Nas conversas mantidas estes días tanto con Rosón como con Santomil indicaron a súa intención de esperar á contratación e elaboración do plan director de Compostela Rupestre para adoptar as medidas que este indique.  Mercedes tamén nos informou da súa intención de enviar as fins de semana unha patrulla ao lugar para controlar a actividade de cicloturistas e motoristas. De verdade que é preciso un plan director para actuar nestes casos? 

Cústanos asumir que a realización dun camiño cruzando unha zona inzada de xacementos catalogados e coa máxima protección legal contemplada para o patrimonio vaia a quedar impune.

Moi ao noso pesar RECOMENDAMOS por MOTIVOS DE SEGURIDADE NON VISITAR OS PETRÓGLIFOS DA DEVESA DA RULA OS DÍAS HÁBILES DE CAZA (XOVES, DOMINGOS e FESTIVOS) dada a proximidade das rúas de disparo cos xacementos.

Unha inscrición do século XVI en Seráns – Porto do Son


“Na miña vida tal vin

Nesa aldea de Seráns:

Unha cadela con pitos,

Unha galiña con cans”.

Cantiga recollida por Fermín Bouza Brey no ano 1929

Seráns dende a escola

O pasado mes de agosto achegámonos xunto co amigo e colaborador, o infatigábel investigador, Henrique Neira ata Seráns, lugar da parroquia de San Pedro de Muro, no sur do concello coruñés de Porto do Son, onde nos recibiron Sofía e Manuel Riveiro.

Hórreo de Chacín en Seráns

Asentada nunha empinada pendente ao carón do mar, esta pequena aldea é un lugar cun indubidábel atractivo, un núcleo tradicional do rural galego que conserva unha sinxela fermosura e interesantes elementos patrimoniais, a pesar de sufrir perdas e graves alteracións nas últimas décadas, sobre todo a raíz da construcción da estrada DP 7103 a finais dos anos setenta do pasado século.

Localización dos principais bens culturais da aldea no google maps:

A casa de Riveiro e a estrada

Contáronnos Sofía e Manuel que a construción da estrada paralizouse aquí durante varios anos, interrompido o seu trazado polos fortes muros que pechaban os terreos dunha das casas grandes do lugar, a de Chacín, pola negativa do seu propietario, nova da que se fixo eco a prensa da época e que, malia a súa lonxitude, non nos resistimos a traer aquí:

“El Pueblo Gallego. 3 de xuño de 1971. “Carreteras en ciernes”

De nuestro corresponsal, J. Bautista M. Lemiña. “No hay nada como la experiencia, cuando para informar de la verdad se dan los pasos precisos sobre el terreno y se protagoniza una odisea que debieran vivir los directamente responsables. Si, señores; porque creyendo que se nos exageraba con respecto a la pseudo carretera que desde Oliveira se inició para llegar a Serans, decidimos comprobar por nosotros mismos lo que de cierto podrían tener los informes que nos dieron varios vecinos, afectaron por el desastre de esa ruta, y la fe de valientes, que lo comprobamos con riesgo de tener que sacar el coche del atolladero con la ayuda de una yunta de vacas, o en el mejor de los casos, exponernos a que por los efectos de un patinazo se fuera el vehículo contra los muros que bordean dicha carretera.

Nuestra audacia no pudo llegar más allá del lugar denominado Braña do Camiño, cerca, o mejor dicho, en frente de la casa de Riveiro. Y allí fue Troya. Gracias a la ayuda de un simpático labrador que con su esposa y una hija pasaban en aquellos momentos de agobio que estábamos pasando, con un carro del país que ayudándonos a empujar – porque éramos tres los que corrimos la aventura conseguimos cambiarle la dirección al coche y a base de fuertes empujones, amén de la pericia del conductor, volando más que rodando sobre la máxima aceleración que daba la marcha corta, pudimos respirar.

Aquello no es carretera ni siquiera trazado de carretera. Aquello es un arenal entre prados, brañas y pinares, sin base de encajonamiento, pero que se hizo para prestar un valioso servicio y no lo presta. ¿De quien es la culpa? Unos nos dijeron que era de Pepe de Chacín, que se negaba a ceder terreno de una finca de su propiedad, por la cual estaba previsto el trazado de dicha vía, pero que ahora accedía a que la carretera tuviese continuidad. Otros opinan que la culpa es de los municipios de Riveira y Puerto del Son, por pertenecer a ambos la zona del recorrido sobre la que fue proyectada esta carretera en ciernes y no quieren saber nada de ella. Pero sea como fuese responsables los hay y esos responsables son los que tienen que solucionar el problema, porque es necesario para toda una comunidad labradora.

Y por si todo esto que decimos fuera poco, en esa amplia y productiva zona rural persiste el también agudo problema de la carretera que une Riveira con Corrubedo por Artes y Bretal. Esa vía de comunicación importantísima, tal vez más importante que las que están siendo cuidadas y mimadas en zonas capitalicias, está hecha un verdadero desastre. Y lo está desde ignorados tiempos, sin que nadie, que nosotros sepamos, se haya preocupado de velar por ella. ¿Es que estos contribuyentes tienen que seguir sometidos siempre a la abulia y el abandono? ¿Es qué no son seres humanos con los mismos derechos que los de la capital?

Esperemos que estas llamadas de socorro – porque de socorro son si se analizan en el fondo – tengan eco en el ánimo de las autoridades responsables. Y en esta esperanza, confiemos a ver si por fin los derechos humanos tienes carta de naturaleza con la dignidad y el decoro que exigen los tiempos que vivimos”.

Na actualidade, a casa presenta un bo estado de conservación pese as alteracións sufridas ao longo dos anos parcialmente visibles nos seus muros exteriores. No segundo andar da fachada norte, no lintel dunha porta, actualmente clausurada, consérvase unha inscrición coa data: “MDCCLXXXIII”, 1783, que posiblemente indique o ano de construción ou ben a data dalgunha posible reforma de certa importancia.

Inscrición na casa de Chacín

A casa de Chacín conserva un ornamentado hórreo barroco de boa feitura coroado por robustos pináculos, que nos últimos anos converteuse nun símbolo local, motivo de orgullo para os veciños.

Completan o conxunto unha sinxela fonte, trasladada desde a súa localización orixinaria cando se viu afectada pola construción da estrada. De sinxela feitura consérvase nela unha inscrición coa data: “ANO DE 1808”. Tamén formaba parte deste grupo de bens un lavadoiro gravemente alterado e groseiramente reconstruído ao pé da estrada a escasos metros da fonte.

Fonte de Seráns de 1808

Unha “enigmática” inscrición

Mais non son estes elementos patrimoniais ben merecentes de seren visitados e estudados os que nos levaron ata alí. En realidade, acudíramos a chamada de Henrique co obxecto de coñecer de primeira man unha inscrición composta por “estraños” caracteres conservada nunha casa de aparencia moderna situada inmediata ao sur da vivenda de Chacín.

Na súa fachada leste localízase un perpiaño de granito, empregado como lintel dunha porta, no que se conserva unha inscrición de difícil lectura, de caracteres irregulares, e da que propomos a seguinte transcrición:

“Foi feita/ era de mill e quine/ntos e vinte e seis”

Unha inscrición da primeira metade do século XVI ou finais do XV escrita en galego?

Non é doado atopar inscricións de carácter civil deste período no rural galego, e menos na nosa lingua. Tamén resulta curioso o emprego para a datación da fórmula “era” nun momento tan tardío. O uso da “era hispánica” desaparece a finais do s. XIV na coroa de Castela e no reino de Portugal en 1422 por decreto do monarca Xoán I. Non obstante, na vila de Olivenza consérvase unha lauda funeraria no “Museo Etnográfico Extremeño González Santana” dun familiar do célebre navegante portugués Vasco de Gama e na que figura o seguinte “na era de mil quinhentos e vinte e tres anos”, sendo datada en 1485 polo que os investigadores lusos. Un caso que presenta evidentes semellanzas coa inscrición epigráfica de Seráns e reflicte que a distancia entre o galego e o portugués naquela altura era mínima. Xa no ámbito galego, localizamos tamén outra inscrición data en 1480 na que tamén se emprega a era hispánica. Trátase dunha inscrición na capela de San Marcos de Muros (datos achegados por Henrique Neira). É significativo que tanto esta capela como o lintel gravado de Seráns fiquen a ambos lados da ría de Muros e Noia polo que é posible que nesta área xeográfica o uso da era hispánica mantivérase  ata finais do s. XV. Por tanto, a data máis probable da inscrición de Seráns sexa o ano 1488 (restando os 38 anos para obter a datación no calendario actual).

A inscrición figura así no Catálogo de Bens Culturais do Plan Xeral do concello:

Seráns. Vivenda tradicional catalogada co Código A-047

“A carón da casa localízase unha vivenda, recentemente restaurada, que posúe un lintel epigrafiado inintelixible, É posible que neste lugar se levantase unha casa grande ou pazo ao que pertenceron todos estes elementos nobres propios dunha arquitectura civil culta”.

A probable procedencia deste lintel con inscrición epigráfica podemos rastrexala no catálogo do PXOM na ficha doutro elemento catalogado próximo. Trátase dunha casa situada inmediata ao leste, que conserva varios elementos ornamentais visibles desde o exterior, entre os que destacan un arco conopial cunha flor que decora o lintel dunha ventá que mira ao oeste, un beiril moldurado que percorre case toda a cornixa, ou os restos de decoración vexetal doutro vano, cegado na actualidade, situado na fachada sur, na que se poden ver outras modificacións que alteraron o aspecto orixinal da construción. Na parte exterior do peitoril da ventá do oeste unha inscrición moderna: “JULIETA”. Estes elementos arquitectónicos, como os arcos conopiais, son característicos da arquitectura gótica tardía polo que coinciden coa datación da inscrición do lintel.

Ventá con arco conopial e decoración vexetal

Catalogada co Código A-047 na súa ficha faise unha concisa descrición:

“Vivenda tradicional de planta irregular de base rectangular con dúas alturas e cuberta a dúas augas. Nos seus muros altérnanse a cantaría coa cachotaría. Destaca a presenza dun beiril moldurado labrado en pedra que se fai visible ao longo dos seus muros costais, así como dunha fiestra que da ao camiño – localizada no alzado penal – cuberta cun arco conopial labrado en baixorrelevo”.

Restos de decoracións dunha ventá tapada na actualidade

Nas observacións  a referencia a inscrición xa transcrita.

San Bieito do Monte

Outro lugar destacado desta pequena poboación é a Capela de San Bieito do Monte ou de Fóra, lugar onde se celebra unha, en tempos, multitudinaria romaría anual dúplice na honra do santo avogoso das doenzas cutáneas. Próxima a capela consérvase a Fonte Santa onde aínda hoxe celebran os romeiros os tradicionais ritos purificadores.

Capela de San Bieito

A capela ten o código de catálogo A-045 e na súa ficha di:

“Construción de arredores do ano 1700. Fábrica de perpiaño de granito, de unha soa nave con coro e sancristía. Posúe dúas espadanas, unha na fachada principal de dous vans e outra no lateral esquerdo de un só. Situada na beira dun monte presenta un desnivel, que tamén podemos observar no interior. Cuberta a dúas augas, con tella árabe e interiormente presenta unha bóveda de canón. Fiestras cadradas e tres portas: a principal e dúas laterais. A espadana principal accesible dende a cuberta. Fiestra na fachada principal para alumear o coro.

Esta capela, popularmente chamada igrexa de San Bieito, ten planta rectangular cunha única nave e muros de cantaría de granito nos que descarga a cuberta da bóveda de canón. A capela maior, na cabeceira, é algo máis estreita que a nave e tamén ten cuberta de bóveda de canón. Accédese a ela por debaixo dun arco de medio punto. Engadida a continuación está a sancristía que só destaca do resto por ter menor altura e ancho. O exterior destaca pola súa grande sinxeleza volumétrica e ornamental. A cuberta é de tella a dúas augas e no vértice da súa fachada destaca a espadana de dous arcos de medio punto e coroadas con pináculos. Outro elemento a destacar é o frontón lobulado situado no muro lateral da sancristía.

Completa o conxunto a “Casa de misar”, edificio de planta regular e cuberta a dúas augas e pórtico alongado a continuación.  O recinto está pechado cun murete de cachotería. Na parte máis baixa atópase a Fonte de San Bieito”.

A Escola Unitaria

Coroando o lugar está a sinxela escola unitaria, orgullo da iniciativa comunitaria, pois o modesto edificio foi sufragado e levantado polos propios veciños a principios dos anos 30 do século pasado. Por desgraza, é esta unha das poucas escolas unitarias que na actualidade permanecen en uso, memoria resiliente dunha idea de facer país que está a esmorecer.

“El Ideal Gallego. 31 de maio de 1929”:

“Complicado decreto de la Dirección general pasa a la Inspección provincial para que se complete el expediente y se informe la solicitud de los vecinos de Serans, en la parroquia de San Pedro del Muro, Ayuntamiento del Puerto del Son, en pretensión de que se cree una escuela”.

No seu sobrio exterior, na fachada que mira cara o leste, consérvanse dúas alvarizas de lacena.

Alvarizas de lacena na vella escola

As coviñas da Escola ou Coviñas de Seráns (GA15071106)

Un último elemento ao que prestamos atención é unha estación rupestre que  aparece no Catálogo de Bens Culturais do PXOM coa denominación de “Coviñas de Seráns”. A peneda onde se localiza esta estación está moi alterada por traballos de cantaría. Eses traballos son os que cremos foron os causantes destas supostas coviñas. As súas formas de cono invertido, máis estreitas no fondo que na boca indican que foron feitas cun útil metálico, e fai que as consideremos “picadas de canteiro” e non coviñas de posible orixe prehistórica.

Supostas coviñas de Seráns

O día non deu para máis e quedamos sen tempo para coñecer outros elementos etnográficos e construcións de interese dos que nos falaron Sofía e Manuel, como o arruinado muíño de vento produto do enxeño e iniciativa dun veciño na primeira metade do século pasado, e que na actualidade descansa entre as silvas nun terreo inmediato á escola, unha boa escusa para regresar.

Seráns. Alvariza de lacena

Como é o noso costume, procedemos a solicitar a Dirección Xeral de Patrimonio que valoren a catalogación da inscrición así como tamén a descatalogación da estación das Coviñas de Seráns.

Rematamos agradecendo a Henrique Neira o convite e os nosos anfitrións e guías Sofía e Manuel por este interesante percorrido que nos permitíu descubrir esta histórica aldea da península do Barbanza.

Biografía

Gil, Juan. “El exilio portugués en Sevilla de los Braganza a Magallanes”. Fundación Cajasol, 2009

O derrubo do Marco da Eira de Mouros en Cenlle


Hai tan só uns meses, o 13 de marzo, publicamos un artigo no noso blog onde dabamos conta do perigo que entendíamos corría o Marco da Eira de Mouros, xacemento non catalogado situado no concello ourensán de Cenlle, así como das comunicacións que realizabamos tanto ao concello como á Dirección Xeral de Patrimonio pedindo a súa catalogación así como a súa protección.

Estado no que se atopaba o Marco da Eira de Mouros – Cenlle hai 15 días


Hai 15 días recibimos imaxes do marco derrubado, presuntamente durante os traballos de limpeza desa parcela de monte. Unha semana máis tarde procederon a erguela de novo mais no proceso comprobamos a perda definitiva de boa parte da espiral de maiores dimensións.

Fotogrametría do Marco da Eira de Mouros antes e despois do seu derrubo onde se aprecia a perda de boa parte da espiral inferior

O acontecido superou as nosas peores previsións. Nestes últimos días son numerosas as noticias sobre desfeitas patrimoniais e as consecuencias do incumprimento constante da lexislación vixente por parte das administracións públicas.

Marco da Eira de Mouros. Fotografía: Megaliticia. 2017

Un camiño tradicional arrasado en Teo, 2 mámoas no concello de Teo repoboadas con eucaliptos, 1 mámoa tamén “eucaliptizada” no concello de Santiago, o petróglifo da Revolta da Palla en Villestro danado por maquinaria pesada e de novo o Castriño de Conxo agredido por indesexables visitantes (no mes de xuño pasado), son probas moi próximas a nós que amosan o intenso proceso de destrución do patrimonio que está a producirse en todo o país ante a inacción e desleixo das incompetentes administracións.

Castriño de Conxo. Danos en maio de 2019

Ante o silencio destas administracións procedemos a denunciar os feitos ante a Brigada de Patrimonio Histórico da Policia Nacional así como ao Servizo de Protección da Natureza da Guardia Civil.

Castriño de Conxo. Danos en xuño 2020. Foto: María Soledad Pintos Peñaranda

 

Impotencia!

Os danos ao patrimonio galego repítense xornada tras xornada, e, case sen decatarnos cada día somos un país máis pobre. O patrimonio galego é, sen dúbida, o activo económico, cultural e social máis importante do país. Moitos países europeos saben ben o valor do seu patrimonio, pois conseguiron saír de fondas crises ao potencialo. Porén, que acontece neste recuncho da vella Europa?. Semella que só unha pequena parte da cidadanía e algúns colectivos sociais son conscientes da importancia de preservar un legado cultural que nos identifica como pobo e nos singulariza co resto da Península e da Europa. A lingua e o patrimonio cultural, alicerces de calquera nación, son inxustamente os máis esquecidos.

Revolta da Palla – Villestro – Compostela. Perda de superficie rochosa presumiblemente sucedido durante a última limpeza da liña eléctrica inmediata

As administracións e entidades públicas responsables do noso patrimonio semellan só lembrar e investir en certos monumentos destinados ao turismo de masas, cando a lóxica actual nos indica que debe primar o contrario, a diversificación, a desestacionalización e a desconcentración do turismo. Pero semella que só o interese económico rexe as políticas de xestión patrimoniais.

E ante isto…impotencia.

Os colectivos sociais denunciamos os feitos, pero pouco máis podemos facer sen medios e sen capacidades legais. A lei que debe “protexer, conservar, acrecentar, difundir e fomentar o patrimonio cultural” incúmprese e non se aplican as disposicións sancionadoras que deberían frear esta situación. É todo un paradoxo o desleixo que amosan as administracións cara ao seu propio ordenamento xurídico e que sexa a propia cidadanía a que solicite e demande o seu cumprimento.

Marco da Eira de Mouros. Detalle dos gravados antes da perda de boa parte da espiral inferior

Xa é hora de erradicar dos titulares da prensa galega os verbos arrasar, danar, “vandalizar”, agredir, lixar, estragar, roubar, etc. Desexamos louvar calquera acción das entidades públicas en prol dos nosos bens patrimoniais que son os piares da nosa cultura e da nosa historia. É bo momento para lembrar ao noso persoal político que o patrimonio de todas as persoas debe prevalecer ao interese económico dunhas poucas. 

 

Localizada unha nova mámoa no concello de Teo, a mámoa da Cruz de Angueira


Nestes estraños días que estamos a vivir un dos nosos socios localizou nun dos seus desprazamentos laborais habituais unha mámoa situada no sitio nomeado da Cruz de Angueira, na parroquia de Lucí (concello de Teo), unha vez que os seus propietarios fixeron tarefas de limpeza e roza deste terreo de monte de 24.288 m2

Mámoa da Cruz de Angueira. Plano de situación

Datos de localización da mámoa e descrición somera

Coordenadas UTM:  29 T 535979 4738821 (Datum: WGS 84)

Parcela: R.C. 15083A515017600000KH – Polígono 515 P.1760

Altitude: 169 m.s.n.m.

Descrición

Logo da limpeza deste terreo chairo de monte situado á beira da estrada CP-0205 (Ramallosa – Luou) a visualización da mámoa é sinxela. O túmulo, na zona central e leste da parcela, ten uns 26 m de diámetro, cunha elevación dun metro e medio e con cono de profanación moi colmatado. Non observamos restos de coira visibles nin estruturas pétreas.

Situación mámoa da Cruz de Angueira sobre planos catastrais e datos PBA

Logo de revisar o inventario patrimonial do pxom teense e a planimetría do PBA (Plan Básico Autónomico) comprobamos que este elemento patrimonial non figura catalogado e, aínda que moi próximo, figura tamén fóra da área de protección e amortecemento doutros elementos patrimoniais situados na contorna, concretamente dos xacementos do Monte do Pego 1 e 2 ó leste e do xacemento da mámoa da Lagoa e mámoa do Agro do Muiño ó oeste. A mámoa localizada estaría situada xusto no centro desta área arqueolóxica, mais non consta nas fichas nin nos planos consultados.

É significativa a súa proximidade co xacemento do Monte Pego 1 que foi localizado durante os traballos de sondaxes previos ó inventario patrimonial teense (2006).  Os técnicos da empresa Adobriga localizaron nesta área ata 85 fragmentos de cerámica de clara adscrición prehistórica, probablemente da Idade do Bronce. Este xacemento localizado como consecuencia da apertura dunha pista de concentración parcelaria esténdese a ambas marxes da sinalada pista durante más de 150 metros do punto establecido na actual planimetría do inventario patrimonial do PXOM e PBA (Plan Básico Autonómico). Neste sentido, cremos que podería haber unha relación entre ambos xacementos.

Achegamos este informe urxente á Dirección Xeral de Patrimonio e ó concello de Teo para que procedan a súa pronta valoración para a súa inclusión no inventario patrimonial, o mesmo tempo que ordenen a paralización preventiva das obras de repoboación forestal iniciadas esta semana en canto non se estremen as medidas de cautela necesarias e se garanta o seguimento dos citados traballos por parte dun técnico cualificado.

Arte rupestre do concello de Negreira. A localización do petróglifo da Pedra Capela


Non é o de Negreira un concello no que se coñezan moitas mostras de arte rupestre prehistórica. Así, no catálogo do Plan Básico Autonómico só atopamos unha referencia na parroquia de Santa María de Portor, no seu límite norte co concello da Baña, o denominado petróglifo de Lagarteiras.

Camiño tradicional de Auga Levada

E ata alí nos achegamos co ánimo de incrementar o noso limitado coñecemento da arte rupestre dos concellos limítrofes coa comarca de Santiago.

Plano de situación dos xacementos arqueolóxicos

Para chegar ata o xacemento podemos empregar o camiño que parte desde Fontemirón en dirección oeste internándose no monte. Pouco antes de chegar ata a mámoa do Agro do Monte desviarémonos á esquerda polo fermoso e ben conservado camiño tradicional de Auga Levada, onde poderemos pararnos un momento a contemplar as profundas rodeiras que o paso dos carros deixaron nas pedras.

Camiño tradicional de Auga Levada. Rodeiras

O petróglifo de Lagarteiras (GA15056083)

Localízase ao oeste da aldea de Fontemirón, parroquia de Santa María de Portor, próxima aos límites coas parroquias de Sanamede do Monte e a de San Pedro de Fiopáns, no veciño concello da Baña (o límite está a uns 200 metros). Sitúase nunha zona chan, no medio dunha mesta plantación de eucalipto. Coordenadas UTM: 29 T X 523.959 Y 4.752.171, altitude: 340 m.s.n.m. (Datum WGS84).

Petróglifo de Lagarteiras. Panel 1

É un afloramento granítico apenas destacado sobre o terreo e no que poucas e pequenas superficies pétreas son actualmente visibles. A presenza de grande cantidade de pequenos cascallos lle da ao lugar a aparencia de pedreira, resultado de antigos traballos de cantaría. A maioría dos gravados concéntranse en dúas superficies algo máis grandes, mais tamén se conservan coviñas illadas nas outras superficies.

O panel que podemos considerar principal (panel 1) (polas dimensións e motivos conservados) sitúase na zona leste do afloramento. Ten unha superficie horizontal bastante regular na que se conservan coviñas de distintas dimensións distribuídas sen orde aparente e, polo menos, unha combinación de círculos concéntricos cunha pequena coviña central. A desgastada combinación semella estar composta por dous círculos concéntricos, mais o mal estado de conservación que presenta impide afirmalo con seguridade.

Petróglifo de Lagarteiras. Panel 1. Detalle da combinación circular

A segunda superficie (panel 2) na que se conservan maior número de motivos ten forma alongada e destaca uns 20 cm sobre o terreo. Distribuídas sobre toda a súa superficie consérvanse coviñas de distintas formas e dimensións.

Como noutras ocasións esta descrición debe entenderse como provisional debido a imposibilidade de visualizar todas as superficies do afloramento susceptibles de conservar gravados.

Petróglifo de Lagarteiras. Panel 2

A área arqueolóxica na que se localiza o xacemento e moi rica en enterramentos megalíticos. A menos de 100 metros ao norte localízase a moi ben conservada  mámoa do Agro do Monte (GA15056062) (a pesares de ter unha boa cantidade de eucaliptos medrando enriba dela), así como a mámoa do Agro do Pouleiro (GA15056081). Un pouco máis afastada, na mesma dirección, a mámoa de Picotos (GA15056059). 750 metros ao oeste sitúase a mámoa de Purrubelo (GA15007025), e a uns 40 metros desta a mámoa de Chamiseiras (GA15007026). A 900 metros ao norte localízase a Pena do Alde (RE15007003), unha interesante estación con gravados rupestres no veciño concello da Baña.

Petróglifo de Lagarteiras. Panel 2. Detalle

O petróglifo da Pedra Capela

Localizamos esta nova estación a escasos 100 metros do catalogado petróglifo de Lagarteiras cando o visitábamos. Para chegar ata el temos que refacer o camiño ata a mámoa do Agro do Monte. Desde alí seguiremos o camiño uns 100 metros en dirección oeste. Unha vez vexamos un pequeno muro á nosa dereita seguirémolo uns 15 metros en dirección norte ata dar coa pedra. Coordenadas UTM: 29 T X 523717 Y 4752327, altitude: 350 m.s.n.m.

Petróglifo da Pedra Capela. Vista xeral

Trátase dun pequeno afloramento granítico, de gran fino, apenas destacado sobre o terreo e situado nunha pequena pendente que descende cara ao sur. Nunha esquina do afloramento (de 166 cm de longo por 120 cm de ancho), a tan só uns 2 metros ao sur dun muro que o cruza, consérvanse un total de 15 coviñas de diferentes formas e dimensións. A forma triangular desta parte da rocha semella que é produto da extracción parcial do afloramento por parte dos canteiros.

A pesares da simplicidade dos motivos representados destaca unha canle que divide en dúas a  superficie gravada. Esta canle mide 28 cm de longo por 4 cm de ancho. O diámetro medio das coviñas é de 2,5 cm e 2 cm de profundidade. Varias coviñas teñen formas alongadas chegando algunha delas a medir ata 13 cm de lonxitude.

Petróglifo da Pedra Capela

O petróglifo de Camporrubín 

Soubemos da súa existencia a través do portal patrimoniogalego.net e do seu catalogador Elixio Vieites. Localízase na parroquia de Santa Baia de Lueiro, no lugar de Forniños, ao pé da estrada de acceso á capela de San Xoán de Carballoso, na súa beira esquerda, a uns 300 metros do templo. Coordenadas UTM: 29 T X 512697 Y 4745079.

Nun penedo granítico que semella fragmentado por labores de cantaría consérvanse un total de 5 coviñas de 5 cm de diámetro aproximado e varios centímetros de profundidade.  Indica Elixio que posiblemente a pedra fose movida de lugar cando se deseñou a actual pista.

Procedemos como de costume a notificar a nova localización á Dirección Xeral de Patrimonio, así como a localización desta estación de Camporrubín e a pedirlles que realicen as accións necesarias para valoralas, catalogalas e conservalas.

A igrexa de Santa María de Portor

Non podemos rematar esta entrada sen recomendar encarecidamente aproveitar a visita a estos petróglifos para achegarse ata a fermosa igrexa románica de Santa María de Portor, unha das mellor conservadas no seu estilo no concello de Negreira.

Santa María de Portor. Debuxo de Pedro Nolasco Gaite

É unha construcción levantada no século XII que formaba parte dun priorado bieito. Destaca pola súa delicada decoración a cornixa con arquiños apoiados en canzorros xeométricos e figurados.

Santa María de Portor. Canzorros e arquiños

Novos taboleiros de xogo composteláns


Xa pasaron 2 anos dende que publicamos a nosa primeira aproximación ao interesante conxunto de taboleiros de xogo de época barroca que se conservan nas rúas e prazas de Compostela.

Durante este tempo organizamos un bo feixe de visitas dirixidas a todos aqueles interesados, que foron moitos, e os difundimos a través dos numerosos medios de comunicación que co seu bo quefacer incrementaron o interese neles. Moitos foron os que se achegaron a eles, en ocasións aportando pequenos datos e algunhas novas localizacións.

Fotogrametría de 3 dos taboleiros da Facultade de Historia

A continuación queremos facer unha pequena descrición destes novos taboleiros de xogo. E é que xunto ao bo recibimento ao noso primeiro artigo, este tamén contou coa habitual apatía das administracións con competencias na xestión do noso patrimonio, e así nestes dous anos non coñecemos de ningunha iniciativa promovida por estas administracións (Concello de Santiago e Xunta de Galicia) encamiñada a conservación ou divulgación destes elementos.

E é polo que apelamos a nosa sociedade como custodio dos vestixios da vida dos nosos devanceiros, que sexa quen de valorar na súa debida medida a singularidade destes taboleiros de xogo composteláns.

Os taboleiros na fachada oriental da Facultade de Historia

Na nosa primeira entrega contabilizáramos 4 taboleiros na fachada occidental á esquerda da porta principal de acceso ao edificio da actual Facultade de Historia. Pouco antes de que o publicásemos Fernando Alonso Romero xa nos advertira da existencia destes taboleiros existentes na fachada oposta, máis un erro noso na interpretación da información recibida levounos a confundilos cos da fachada principal.

Fotogrametría de 2 dos taboleiros da Facultade de Historia

Na soleira ou bancal corrido que recorre toda a fachada que mira cara o leste localízanse outros 7 exemplares. Sobre esta bancada instalouse unha canalización de aluminio, para a condución eléctrica, que está fixada        directamente na pedra e impide visualizar ben os taboleiros. Por iso é que para rexistralos recorremos á fotogrametría fronte á fotografía con luz artificial menos eficiente nesta ocasión.

Fotogrametría dun dos taboleiros da Facultade de Historia

Tódolos taboleiros presentan as tres aliñacións de tres coviñas conformando un cadrado habituais nos taboleiros composteláns, con algúns engadidos ao deseño básico, como sucos rectos de unión entre dúas coviñas. É posible que haxa máis taboleiros nesta bancada, algunhas zonas están moi cubertas pola sucidade e parte da fachada non é accesible pois unha reixa metálica impide o acceso.

Fotogrametría dun dos taboleiros da Facultade de Historia

O taboleiro da rúa de Vite de Abaixo, 34

Agradecemos a Miguel Ángel Trigo Amado a referencia deste fermoso taboleiro. Localízase nun pequeno espazo axardinado en fronte da casa núm. 34 da rúa de Vite de Abaixo. É, sen dúbida, o taboleiro de todo o conxunto compostelán que se localiza nun entorno máis rural. Tamén pode que sexa un dos poucos taboleiros que se poden ver desde a aplicación Google Street.

Localización do taboleiro de Vite de Abaixo, 34. Fonte Google Street

Consérvase na superficie dunha laxa de lousa situada no camiño de acceso á vivenda co habitual deseño de nove coviñas. É a lousa o elemento pétreo presente case de xeito uniforme nas construcións da contorna.

O taboleiro da rúa do Espíritu Santo, 30

O último en ser localizado, nesta ocasión por nós. Sitúase na soleira da ventá da casa número 30. Consérvanse parcialmente só 6 das nove coviñas habituais.

A excesiva substitución de pedra no pavimento desta rúa é un bo exemplo do que xa apuntabamos no artigo anterior, e que estamos convencidos foi o principal factor en contra para que máis taboleiros tivesen chegado ata os nosos días.

Taboleiro da rúa Espíritu Santo, 30

Queremos rematar agradecendo a Miguel e a Fernando a valiosa información que nos proporcionaron. Estamos convencidos de que quedan aínda moitos taboleiros por descubrir na cidade de Compostela. E, por iso, pedímosvos que prestedes atención nos vosos paseos, cando todo isto pase, e compartades con nós as vosas descubertas, seguros de que entre todos podemos ir completando o conxunto.

Consello das pedras, paciencia e resiliencia!!!

O Marco da Eira de Mouros no concello ourensán de Cenlle en PERIGO


Non é a comarca do Ribeiro especialmente rica en arte rupestre prehistórica, pero algúns gravados si que son coñecidos desde hai certo tempo.

O primeiro xacemento deste tipo coñecido foi o gravado de Vide cuxo debuxo remite á Real Academia de la Historia o seu correspondente Ramón Barros Sibelo nun comunicado de 11 de maio de 1868.

O autor sitúao no concello de Castrelo de Miño, mais, actualmente ignórase a súa localización exacta e, incluso, se ten chegado ata os nosos días. Se atendemos a este debuxo deducimos que, probablemente, se tratase dun gravado realizado en época histórica, dada a presenza de algúns motivos identificables como alfabetiformes entre os representados.

Ademais desta referencia, na actualidade, na comarca do Ribeiro coñécense xacementos con arte rupestre nos concellos de Melón, O Souto, Cortegada, Monte Picoñas e Coto da Ferradura, Castrelo de Miño, O Reigoso, Prado de Miño e Veiga de Arriba, e Avión, Castro de San Vicenzo, Laxa da Nosa Señora, Porto da Arca e Torre de Mourelle. Os elementos representados neles son, na súa maioría, coviñas.

Entre estes xacementos destacamos os petróglifos do conxunto do Monte Picoñas (GA32027002), na parroquia de Valongo (Cortegada). Foron descubertos no ano 2007 e son un grupo de varias rochas graníticas gravadas con motivos xeométricos, combinacións circulares e coviñas que, en xeral, presentan un bo estado de conservación, o que facilita unha boa visualización a distintas horas do día.

Monte Picoñas, Cortegada

Esperamos que se materialicen axiña as recentes novas de prensa, que falan da intención do concello de acometer a súa sinalización e agardamos que esta iniciativa sirva para facelos visibles e accesibles a todos aqueles interesados en coñecer estes paneis, sen dubida, ben merecentes de seren contemplados.

Arte rupestre no Concello de Cenlle

No concello de Cenlle, ata non hai moito tempo, non se coñecían xacementos de arte rupestre e/ou da Idade do Bronce, pero pouco a pouco foron localizándose algúns exemplos que presentamos a continuación.

Existen referencias do achado de varios machados de talón bifaciais con aneis datados a finais da Idade do Bronce. Foron atopados a principios do século pasado nunha carballeira da parroquia de Vilar de Rei e dos que, na actualidade, só se conserva un único exemplar custodiado no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. A data de ingreso nos fondos museográficos é de 1913.

Machado de Vilar de Rei, conservado no Museo Arqueolóxico de Ourense (Fotografía: Ana María Veiga Romero)

Outro importante xacemento deste concello, e un dos máis importantes de todo o noroeste na súa tipoloxía, é o do castro do Castelo de Laias (GA32025008). Está situado na beira dereita do río Miño e, a finais do século pasado, a construción da autovía, lamentablemente, destruíuno case na súa totalidade. Trátase dun poboado no que se constata un amplo período de ocupación, que abrangue desde o Bronce Final ata a época romana, na que funcionou como un importante centro mineiro.

Machado de cubo atopado no Castelo de Laias. (Fotografía. Yolanda  Álvarez González)

Para os seus investigadores, a ocupación máis antiga, segundo as datacións de carbono 14, correspondería aos séculos X-VIII a.n.e., polo que ilustraría o remate do Bronce Final e o inicio da Idade do Ferro, a época de formación dos primeiros castros.

Castelo de Laias. Escavacións do ano 1997

Deste primeiro período de ocupación atopouse abondoso material, entre o que destaca un machado de cubo cun anel, unha pequena punta de lanza, unhas pinzas e unha fíbula de cóbado, todos eles elaborados en bronce, ademais dun coitelo de ferro de dorso curvo.

Castelo de Laias. Posible templo. Fotografías: Manuel Chamoso Lamas. Noticiario Arqueológico Hispánico 1954-55

Ao redor destes  lugares de ocupación inicial, documentáronse ata 8 pedras con conxuntos de coviñas gravadas nas súas superficies, todas elas situadas fóra do recinto amurallado. Con respecto á  súa datación Álvarez González estima que poden ser coetáneas á primeira ocupación, indicando que:

Algúns dos paneis con coviñas localizados nas escavacións de 1997 no Castelo de Laias. Fotografías: Yolanda Álvarez González

“En algunos castros de Portugal se piensa que los grabados eran contemporáneos de los primeros poblados en alto, como por ejemplo, los de S. Juliao, también formados por cazoletas y situados al exterior de la puerta de la zona amurallada. Incluso se propone la existencia de un poblamiento jerarquizado en el Bronce Final, en el que los yacimientos en altura funcionarían como sitios de poder a los que estarían asociados los petroglifos” (Álvarez González, . “El poblamiento castreño en la cuenca media del Miño: una visión diacrónica y territorial en la cuenca del Barbantiño”. 2019. pp. 187).

Tamén en Laias, preto do actual balneario, apareceron a finais do século pasado silos, de posible orixe prehistórica, e abondoso material lítico asociado, segundo a información do arqueólogo José Manuel González Carballo.

Felisindo González Iglesias fai outra referencia a incluír nesta relación, son as posibles coviñas na pedra sobre a que se ergue o Cruceiro do Monte do Chao, na parroquia de Vilar de Rei, pero que nós consideramos que son formacións de orixe natural.

Recóllese na Internet a existencia de coviñas e outros gravados nunha pedra situada no lugar da Saínza, no límite entre os concellos de Cenlle e San Amaro.

Un último xacemento a ter en conta, é o do Coto do Castro de Esposende (GA32025001) e a súa cadeira da Raíña Moura, estudada e publicada por Florentino López Cuevillas nos anos 50 do pasado século.

Segundo o catálogo do PXOM do concello é un xacemento fortificado da Idade do Ferro situado nun outeiro

“… nas proximidades do Avia, con organización espacial aterrazada e muros de defensa. Castro en espigón con acceso polo foso. Consta de coroa e recinto inferior. Muros e terrapléns de defensa. Acceso pola vertente norte, as outras vertentes defendidas naturalmente por escarpes rochosos. Domina unha ampla chaira de espacio cultivable. Sofriu expolios constantes de pedra para os muros de peche das fincas próximas pero non hai graves alteracións polo complicado do acceso e por ser terras non aptas para aproveitamento agrícola. Nas proximidades hai foxos de vellas carboeiras (abundancia de uces)”

Nos afloramentos do alto do coto hai unha gran pía rectangular e outras tres pías ovais máis pequenas, con desaugues. Cuevillas considerouno un lugar empregado para a celebración de rituais e/ou sacrificios. Accédese ao lugar a través dunha escaleira de 60 chanzos tallados parcialmente na rocha.

O marco da Eira de Mouros

Do Marco da Eira de Mouros soubemos a través do mestre Clodio González Pérez, que o cita por primeira vez na súa obra “Cenlle, Historia e Patrimonio”.

Marco da Eira de Mouros

Nel Clodio recolle que na doazón da parroquia de Santo André de Camporredondo ao mosteiro compostelán de San Paio Antealtares dos reis de Galicia Sancho Ordóñez e Dona Goto, no primeiro terzo do século X, di que:

… na estrema coa de San Paio de Ventosela que chegaba – inde ad illa mamula ubi iacet petra scripta, et linde in directo ad montem de Rege et inde área de Maurus…. – a mámoa onde está a pedra escrita, e dereito ao Monte do Rei (coto de San Cibrao, antigamente denominado Monterrei) e Eira de Mouros.

Marco da Eira de Mouros. Fotogrametría

Esta “pedra escrita”, sinala Clodio, que debe ser a que aínda se conserva na actualidade, que “ata poido ser un menhir ou pedrafita”. Trátase dunha pedra de xisto, de tamaño medio e forma de cubo irregular, que lle da a aparencia dunha pedra fincada, pero para poder comprobar este extremo sería preciso realizar unha escavación arqueolóxica.

Cruceiro do Alto de Santa Bárbara, Ribadavia

Localízase no lugar da Eira dos Mouros, moi próxima á divisoria entre os concellos de Cenlle e Ribadavia (a escasos 40 metros ao oeste do límite actual), á beira da estrada que comunica Santa María de Cenlle con Valdepereira, na aba sur do Alto de Santa Bárbara, nun terreo en pendente ateigado de mimosas. Coordenadas xeográficas 42.325620, -8.096133. Datum WGS84.

Os elementos patrimoniais máis próximos recollidos no Plan Básico Autonómico son ao norte o cruceiro de Santa Bárbara, no alto (onde, ata non hai moito tempo, se celebraba unha concorrida romaría); a Eira dos Mouros (GA32069014), adxacente polo sur e, finalmente, o Túmulo da Eira dos Mouros (GA32025REF1) a uns 400 metros ao norte.

Marco da Eira de Mouros. Coviñas

As dimensións do marco son 1,60 metros de alto por 1,05 metros de ancho. Na superficie máis regular, a que mira cara o suroeste é onde se localizan todos os gravados. Son un total de ata 9 coviñas e 2 espirais. As coviñas son de dimensións (desde 7 cm de diámetro ata 2,5) e profundidades diferentes e distribúense nas zonas centrais e inferiores da superficie, ao lado contrario, a esquerda das espirais. Dúas das coviñas son máis profundas e de maior tamaño. As dúas espirais son dextroxiras. A de menores dimensións (de 12 cm de diámetro) ten dúas voltas fronte as tres voltas da máis grande, de 18,5 cm de diámetro.

Marco da Eira de Mouros. Detalle

De moitas das coviñas parten sucos irregulares descendentes que son difíciles de apreciar pois se confunden parcialmente coas formas naturais da pedra. É posible que parte destes sucos continúen pola parte inferior soterrada da rocha. Un último motivo é una posible combinación de dous círculos concéntricos situada á esquerda da espiral inferior e que só é visible en parte na fotogrametría e na fotografía con luz artificial. Esta semella comunicarse coa espiral máis próxima.

Marco da Eira de Mouros. Contorna

Son varios os motivos polos que debemos considerar esta pedrafita excepcional:

En primeiro lugar, sitúase nunha comarca con poucos exemplos de arte rupestre e escasa variedade nos motivos representados.

Polo tipo de pedra elixida para gravar o xisto, fronte ao maioritario granito. A causa desta elección pode estar nas características da maior parte dos granitos do concello de Cenlle, que non os fan moi atractivos para gravar. Son granitos de grans grosos e grandes cristais de seixo sometidos a procesos de meteorizacións evidentes, o que fai que teñan superficies moi febles que facilmente se desgastan.

Marco da Eira de Mouros. Fotografía: Megaliticia. 2017

Pola forma da pedra, unha pedra fita, menhir, que sobresae no terreo como se fose  escollida e gravada para ser vista a certa distancia. Outra posibilidade que formulamos é que se trate dun ortostato que formase parte da cámara dolménica dalgún enterramento megalítico desaparecido na actualidade, e reaproveitado como marco en épocas posteriores. Non debemos esquecer que o documento de doazón medieval a cita como a mámoa na que se localiza a pedra escrita. De confirmarse abriría una vía de investigación de moitísimo interese.

Pola localización dos gravados, nunha das caras verticais da rocha fronte as horizontais ou inclinadas, as máis habituais.  Un exemplo semellante témolo preto, no petróglifo do Coto ou da Bouza (GA32054061) na parroquia de Santa Cruz do Arrabaldo, no concello de Ourense, pero nesta ocasión sobre granito, tamén con gravados na súa superficie máis vertical, aínda que, nesta ocasión, non sabemos se esta sería a posición orixinal, xa que a pedra non se atopa no lugar orixinario senón que foi desprazada e acomodada na localización actual.

Petróglifo do Coto. Santa Cruz de Arrabaldo. Ourense

E por último tamén polos motivos escollidos para gravar, as espirais, que son uns motivos presentes no corpus da nosa arte prehistórica, pero minoritarios en relación aos numerosos círculos concéntricos.

Por todas estas razóns consideramos que esta pedra debe ser estudada en profundidade, divulgada e ser obxecto de todas aquelas medidas que garantan a súa boa conservación e accesibilidade. Sabemos do interese do alcalde de Cenlle Gabriel Alén en acondicionar o entorno inmediato da pedra e sinalizala. Esperamos que estas medidas se fagan efectivas nun prazo breve de tempo.

Marco da Eira de Mouros

  • O marco en perigo. O seu  avanzado deterioro

  • Durante as visitas que realizamos ao marco detectamos a existencia dunha fenda nunha esquina da pedra. Esta atravesa a espiral inferior, a de maiores dimensións, e pon en grave perigo a súa conservación. Cremos que é unha delaminación produto da erosión natural e debida ás características propias deste tipo de pedra. Urxe a rápida intervención de especialistas en conservación que estabilicen a fenda e impidan dese xeito a  inminente perda de boa parte do motivo.

    Marco da Eira de Mouros. Detalle da espiral de maiores dimensións e o seu deterioro

  • É, polo que remitimos con celeridade esta información á Dirección Xeral de Patrimonio solicitándolle a súa valoración e catalogación, así como a súa inclusión no Plan Básico Autonómico como primeiro paso necesario para garantir a súa conservación en óptimas condicións, así como para solicitarlles unha pronta intervención eficaz que impida a perda irreparable de parte dos gravados.

    Marco da Eira de Mouros. Detalle da espiral de maiores dimensións e o seu deterioro

    Bibliografía

     

     

O camiño tradicional de Santa Clara en Cornide parcialmente arrasado


Ó longo das dúas últimas décadas os camiños tradicionais teenses, e os de boa parte do noso país, foron desaparecendo lentamente por diferentes motivos. Primeiro a concentración de montes que trouxo consigo a substitución dos vellos sendeiros e corredoiras lousadas por pistas. Despois chegou a febre dos anos noventa e da primeira década do século XX por pavimentar canto camiño había, cando en moitas ocasións non era preciso. Arestora a megaindustria forestal comercial vai devagar arrasando con todos os bens que se atopan ó seu paso, e entre eles os camiños tradicionais.

Camiño do Alto de Santa Clara en 2018

Un destes camiños é o chamado “Camiño de Santa Clara” que atravesaba o monte do mesmo nome para enlazar as aldeas de CornideMouromorto coa Casalonga e Os Vilares de Francos na parroquia de Calo (Teo). Un vieiro documentado xa nos anos corenta como reflicten os planos do IGN e as fotografías do voo americano do 1956.

Situación do restos do camiño de Santa Clara sobre un plano catastral que inclúe a referencia ós bens patrimoniais, áreas de amortecemento do PBA (Plan Básico Autonómico) e cuadrante de concesión mineira

Lamentablemente a deforestación da contorna da canteira no último mes está a levar por diante non só piñeiros e eucaliptos, senón tamén os muros deste vello camiño de carro empregado para trasladar a pedra extraída das primeiras pedreiras deste monte que datan dos anos vinte. Construcións tradicionais integradas no medio natural que empregan materiais exclusivamente da contorna. Valados que foron levantados seguindo a técnica da pedra seca, recente patrimonio inmaterial da humanidade, que testemuñan a pericia dos antigos arguinas teenses.

Camiño tradicional e devasa da maquinaria forestal

Por desgraza, é só un máis dos camiños que vertebraron o territorio galego que están a piques de desaparecer polo abandono e transformación do rural.

1956 – Alto de Santa Clara, camiño

A pesar de localizarse ó carón dun dos sitios arqueolóxicos máis importantes do concello, a área da Costa – Agro Vello – Cabanelas – Cruceiro Vello, con varias mámoas e petróglifos catalogados e non catalogados, ata o de agora non se ten feito ningún tipo de seguimento destas cortas polo que é probable que non só fora danado o vello sendeiro senón tamén  calquera outro elemento localizado na zona.

1940 – Plano do IGN da zona

As nosas institucións públicas competentes na protección do noso patrimonio consideran que estes elementos carecen da suficiente “entidade” para a súa catalogación, e os novos elementos patrimoniais e correspondentes áreas de amortecemento non figuran no inventario patrimonial do pxom teense, outorgando vía libre ós madeireiros.

Restos do trazado do camiño tradicional que transcorre polo monte de Santa Clara

Consideramos que é preciso parar toda actividade na contorna da vella canteira de Casalonga ata cumprir co establecido na propia Lei de Patrimonio Cultural de Galicia que establece a necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Patrimonio ante o “posible risco de destrución de zonas ameazadas por actividades de carácter extractivo a ceo aberto con depósitos de cascallos ou instalacións de xestión e tratamentos de residuos”, que precisamente son os posibles usos futuros da antiga canteira, se as cousas non mudan.

Camiño de Santa Clara. Valados

Tanto pola densidade de bens culturais catalogados na contorna coma pola máis que probable aparición de novos elementos patrimoniais na zona é imprescindible afrontar un verdadeiro estudo de impacto arqueolóxico desta área antes de continuar con calquera actividade. De igual xeito é imprescindible a actualización dos inventarios patrimoniais para, no futuro, evitar casos semellantes.

Danos nos muros do camiño

Xa pouco fica do vello sendeiro de Santa Clara pero, se cadra, dando conta destes estragos poidamos evitar novos danos ó noso patrimonio.

Camiño tradicional de Santa Clara

A estación do Monte San Lois e o “banco panorámico”. Primeiro petróglifo localizado no concello de Noia


Dedicado ás mulleres da Barquiña, núcleo orixinario de Noia, visible desde este lugar

Diferentes formas de descubrir o Monte San Lois

Nunha visita ao Monte San Lois, emblemático monte na ría de Noia, na procura de conexións visuais entre este monte e o Monte Louro, atopamos uns gravados prehistóricos ata o de agora non catalogados.

Como xa comprobaramos noutras ocasións, a visión do Monte Louro é unha constante desde os grandes complexos de gravados prehistóricos desta ladeira do Barbanza (A Rastra, Pedra da Gurita, Pena Bicuda, etc), e neste lugar, cunha vista tan espectacular da ría de Noia, a visión do Monte Louro tampouco podía faltar.

No monte San Lois xa existían, a principios deste século, referencias da existencia dun petróglifo, que consistía nunha suposta espiral, e que un afeccionado ao sendeirismo, Tucho Villares, retratou nunha fotografía. Non obstante, non se volveu ver máis, xa que, ao parecer, un día foi destruído polas máquinas que traballaban ampliando as marxes da estrada.

O gravado, segundo indicacións dos técnicos municipais que examinaron as fotografías, podería ser de feitura moderna.  Porén, o grupo municipal do BNG de Noia reclamou no seu día que se tomasen medidas para lograr a súa recuperación e a súa inclusión no inventario patrimonial do PXOM noiés. Segundo a prensa, o caso rematou no xulgado sen que coñezamos o sentido da resolución xudicial.

Imaxe do suposto petróglifo atopado e desaparecido no ano 2010 no Monte San Lois. Fonte: Xabier Moure

No mes de marzo do ano pasado (2019), chegou a Noia unha desas “febres colectivas” que capturan as almas dos responsables, paradoxalmente, do medio ambiente dos nosos concellos, a moda de instalar bancos en lugares “con vistas panorámicas”, para “sinalar” o sitio exacto onde a xente poida facerse fotos para subir ás redes sociais, ou aqueloutra de colocar o “o banco máis bonito do mundo” etc, e anunciariono na prensa, cun orgullo que, a pesar de estarmos inmersos na voráxine das redes sociais do século XXI, é un sentimento tan anticuado, que nos fai lembrar aos vellos tempos do NODO.

Monte San Lois 1. Detalle

A instalación do banco con vistas é visible desde unha das curvas de acceso ao cumio do monte. O Concello decidiu limpar a zona e literalmente “cravar” un destes bancos nunha rocha no chan. Lamentablemente situaron o banco xunto enriba dunha pía natural nun afloramento que conserva uns gravados que descubrimos, ironicamente, mentres contemplabamos o Monte Louro.

O banco panorámico sobre o petróglifo

A visión desde este lugar do Monte Louro, marcando o extremo final da ría, fai que o monte pareza xurdir do mar entre a néboa da ría. O impresionante Monte Tremuzo, xusto enfronte de nós, do outro lado da ría, parece que faga de vixía xemelgo da entrada á enseada de Noia, xunto co Monte San Lois.

O monte Tremuzo e Serantes desde o petróglifo no outro lado da ría

O petróglifo do Monte San Lois 1

Os gravados están moi erosionados polo que só son visibles durante o día coa luz rasante do solpor. As Coordenadas xeográficas son: N 42 46.726, W 8 54.823  (datum WGS84)

Monte San Lois 1. Fotogrametría

O afloramento onde se atopa o petróglifo é unha rocha granitoide de, aproximadamente, dous metros de longo por un de ancho, de gran groso, o que dificulta tanto o gravado como a súa conservación, así como a visión actual do petróglifo. A rocha sitúase a ras de chan e posiblemente non sexa o único complexo rupestre nesta ladeira do monte San Lois. Unha limpeza da vexetación da contorna e unha prospección da zona podería axudar no estudo do patrimonio arqueolóxico nas proximidades deste impoñente monte.

Monte San Lois 1. Calco dixital a partir da fotogrametría

Este novo petróglifo convértese no primeiro petróglifo coñecido do Concello de Noia, xa que, ata o de agora, a mostra de arte rupestre prehistórica coñecida situada máis preto da vila de Noia era o petróglifo da Picota, nas inmediacións da poboación de Portosín, xa no termo municipal de Porto do Son.

A Picota

A parte máis visible do petróglifo do Monte San Lois 1 consiste nunha combinación duns 50 cm de diámetro composta por 5 círculos concéntricos, coviña central e dous sucos radiais que saen do circulo interior en direccións NW e S.

Monte San Lois 1. Vista xeral

Un estudo posterior coa axuda da fotogrametría revelou a presenza de dúas combinacións (non visibles a simple vista) case pegadas á combinación de maior tamaño, e outras dúas combinacións máis formadas por coviña e círculo simple  máis afastadas. Completan a composición varias coviñas que aparecen espalladas polo panel, incluíndo una vistosa agrupación en forma de roseta situada a pouca distancia do motivo principal.

Nunha segunda rocha situada uns dous metros cara ao NW consérvanse máis coviñas distribuídas pola superficie sen ningunha orde aparente.

Monte San Lois 1

O petróglifo do Monte San Lois 2

No extremo oposto do monte, unha vez pasada a zona de asadores, existe un segundo banco, situado detrás das enormes antenas de telecomunicacións, e que o concello colocou “para admirar as vistas” cara o extremo oeste da ría.

Uns metros cara ao sur, existe un marco xeodésico, onde atopamos un gravado moderno, Monte San Lois 2, que consiste nunha forma que semella un corazón cunha pequena cruz enriba. Do outro lado aparecen as iniciais “RMB” con letras grandes. Quizais foi que alguén quixo deixar para sempre gravada a súa eterna historia de amor… ou a súa eterna decepción. Coordenadas xeográficas N 42 46.294, W 8 54.874 (datum WGS84)

Monte San Lois 2

A Cova da Moura

 O testemuño mais antigo coñecido da Prehistoria dos arredores de Noia é A Cova da Moura, un dos dolmens máis coñecidos de Galicia. Situado nunha ladeira do Monte Tállara, na zona de tránsito de Noia á serra do Barbanza, posúe os elementos clásicos do dolmen galego: sete ortostatos que conforman a cámara (a lousa de cobertura non está, aínda que dise que “debe estar agochada nos arredores”), un pequeno corredor de acceso, e todo recuberto dunha impoñente mámoa.

Cova de Argalo

Narran as lendas que unha moura habitaba nesta anta, en cuxo interior hai un pozo cun túnel que comunica cos lugares onde aparece un encanto. Como é habitual na literatura popular, tampouco falta a referencia á existencia á trabe de ouro soterrada. Tamén se di que “desde a Cova da Moura á ponte de Argalo, hai os saberes de sete reinados”.

Ídolos da Cova de Argalo, na actualidade no Hospital de San Roque, Santiago de Compostela

Nunha recente visita un domingo deste pasado mes de xaneiro, varios individuos facían motocrós polas inmediacións da mámoa e dentro do recinto dos xardíns do cemiterio, situado a uns metros da zona de protección do monumento. Mesmo algún coche paraba ao lado, con alguén aburrido, para saír a contemplar ese “espectáculo” improvisado coas motos. Sorprende que xusto ao lado exista un antigo camiño sacramental por onde transportaban os defuntos á igrexa de Argalo. Hoxe en día, na idade da información, parece que nada é sagrado e o cinismo continúa a ser unha fácil escusa para todo.

Idolos da cova de Argalo, na actualidade no Hospital de San Roque, Santiago de Compostela

Reflexión final

Non queremos rematar sen insistir no que pensamos que é obvio, que o uso dun banco neste lugar é absolutamente innecesario, xa que os coches que paran á beira do banco non o fan máis que para admirar a vista (non para volver sentar) e practicamente ninguén fai a subida ao monte a pé (a maioría dos visitantes van directos á zona dos asadores) polo que o ‘descanso’ que proporciona o banco non ten ningún sentido práctico. Por iso pensamos que o seu valor só é propagandístico.

Alertamos con esta entrada ás autoridades da fraxilidade dos motivos gravados e da súa erosión e próxima desaparición, pois o petróglifo Monte San Lois 1 encóntrase xusto na zona da rocha pola que a xente accede ao banco e pisa directamente sobre os motivos.

Petróglifo do Monte San Lois 1

Esperamos que as administración  fagan o necesario para reverter esta situación ilegal que pon en perigo a conservación dun ben que goza da categoría de Ben de Interese Cultural (BIC), e polo tanto da máxima cobertura legal prevista. Procedemos, como adoitamos facer, a comunicar ao Concello de Noia e a Dirección Xeral de Patrimonio a localización e a solicitarlles a súa valoración e que tomen as medidas oportunas para a súa posterior catalogación.

Bibliografía:

  • Nogueira Santiago, Paulo, “Noia y su historia”. Editorial Toxosoutos. 2017
  • Agrafoxo Pérez, Xerardo, “Historia de Noia”. Deputación da Coruña. 2019
  • VVAA, “Do planalto ás terras baixas: novas achegas á ocupación da península do Barbanza dende a Prehistoria ata o Medievo”,  Gallaecia, 37. Universidade de Santiago de Compostela. 2018

A mámoa do Porto. Nova localización en Tordoia


No mes de agosto do ano pasado achegámonos ata as terras de Tordoia para botarlle unha ollada á Pedra Longa. O párroco Manuel Chouciño estivera días antes a pescudar nesta impresionante formación xeolóxica na procura de marcas, gravados dos que dan conta antigos escritos e ditos que se conservaron entre os veciños da parroquia de Cabaleiros.

A Pedra Longa

Situada no alto dun pequeno outeiro á beira do río da Pontepedra a Pedra Longa é unha mole granítica conformada por varias pedras de grandes dimensións, a maior das cales ten forma de cono invertido de uns trece metros de alto por sete de diámetro maior. A verticalidade e monumentalidade deste menhir natural ten chamado a atención dos habitantes deste territorio desde tempos inmemoriais:

“Su existencia ya llamó la atención de la Sociedad de Excursionistas de Órdenes, presidida por el notario Florencio Pol, que, según recogía La Voz de Galicia, en 1890 organizó una expedición de más de medio centenar de personas a caballo para llegar a aquel lugar. Decían que la Pedra Longa era para los campesinos de hace casi 130 años «un objeto de gran veneración y hasta de temor sagrado. Para muchos es un encanto». Ya aquel día, el secretario de los excursionistas, un tal Ruano, y otros, lograron subir a lo alto de la roca, tarea nada fácil, y en la cima vieron un grabado que no supieron identificar”.

Chouciño falounos doutra publicación do ano 1926 na que se daba conta da existencia de petróglifos na cima da peneda, mais non puidemos acceder ao seu contido.

No libro Olladas de Tordoia, do ano 2007, recóllese que nos anos cincuenta do pasado século convocaran un reto para ver quen podería subir á cima.  Os dous veciños que lograron a fazaña comentaron despois que viran unhas inscricións no cumio.

Tamén se ten recollido interesante folclore ao redor deste lugar:

Cóntase que o día de San Xoán, antes de raiar o sol, anda unha galiña con pitos de arredor destas pedras. Unha señora da zona comentou o seguinte:

“Para ir ao muíño eu tiña que pasar por estas pedras, e díxenlle a miña nai que o día de San Xoán,  ben cedo, me mandara á aceña  moer o millo,  para poder ver a galiña. Fun, pero non a vin”.

Tendo en conta todo isto puxémonos mans á obra. Por medio dun dron recollemos imaxes da superficie da cima coas que posteriormente elaboramos unha reconstrución fotogramétrica. As imaxes resultantes non foron nada concluíntes. A superficie da cima está tapada en boa parte por liques, musgos e folla seca, o que nos impediu unha boa visualización. A fotogrametría tampouco nos serviu nesta ocasión para aclararnos nada. Queda pois o enigma sen resolver.

A Casa dos Mouros de Cabaleiros. Adolf Mas Ginestà. 1919

A mámoa do Porto

Na mesma visita localizamos nas proximidades unha mámoa non incluída no Plan Básico Autonómico e que denominamos mámoa do Porto. Localízase a un quilómetro ao oeste da aldea de Seixán e a uns 300 metros ao sur da Pedra Longa e do río da Pontepedra, nun pequeno prado, feito que nos permitiu identificar facilmente a súa contorna. As coordenadas xeográficas son 43º 04.814, 08º 32.234. Datum WGS 84.

Mámoa do Porto

Sitúase nunha zona rica en enterramentos megalíticos, mais non coñecemos que se fixesen neles escavacións ou prospeccións arqueolóxicas. A escasos 500 metros ao oeste, localízase a mámoa de Revoltas e, próxima pero un pouco máis ao sur, a mámoa de Calzadiñas; a un quilómetro e medio ao oeste localízase a mámoa de Xenarde, na parroquia de Santaia de Gorgullos, e polo sur, a un quilómetro e medio, atópase a necrópole das Medorras de Guillulfe, composta por ata seis enterramentos na veciña parroquia de Castenda da Torre.

Próxima atópase a Casa dos Mouros ou dolmen de Cabaleiros, un magnífico xacemento megalítico que, a pesares de pertencer á Deputación da Coruña e ter sido declarada Ben de Interese Cultural nos anos 70 do século pasado, ata o de agora non ten sido obxecto de escavación arqueolóxica.

Plano de relevo (LiDAR) onde se aprecia claramente a mámoa

A mámoa do Porto apenas destaca sobre o terreo. Presenta unha altura máxima de 1 metro e un diámetro de aproximadamente 22 metros e conserva boa parte da súa forma e, na parte central, o característico cono de violación. En superficie non apreciamos material pétreo, nin da coiraza nin dunha posible cámara.

Procedemos como corresponde á notificación da súa localización á Dirección Xeral de Patrimonio.

Plano de desniveis onde se aprecia claramente a mámoa no extremo superior dereito

A cruz da Aceña de Estevo

Quixemos aproveitar tamén a nosa visita a Tordoia para visitar a Aceña de Estevo, na parroquia de Gorgullos, a uns centos de metros ao oeste da Pedra Longa, onde nun fermoso meandro do Pontepedra segue a traballar coa forza da auga un vello muiño fariñeiro entre as ruínas das antigas instalacións.

Aceña de Estevo

Ao pé do regato localizamos unha cruz con peaña de boa labra, posiblemente do século XVIII atendendo á súa tipoloxía. Os veciños do casar faláronnos da existencia doutro muiño, xa fai tempo arruinado, cuxa entrada se atopaba inmediata á pedra onde se gravou a cruz.

Cruz na Aceña de Estevo

Cruz na Aceña de Estevo

Probablemente a cruz fose elaborada na entrada dese muíño desaparecido como, protección fronte aos malos espíritus, o mal de ollo ou a mala sorte, e dos que temos multitude de exemplos nos muíños do noso país.

Bibliografía

O marco da Potra, un miliario romano entre Teo e Vedra


Unha vez máis, grazas ó mestre e investigador Guillermo Raviña, veciño da parroquia de Bamonde, descubrimos a existencia deste antigo marco situado na aldea de Lamas (Bamonde – Teo).

Segundo as fontes orais recompiladas un marco que existía “dende sempre”, sendo moi coñecido entre a veciñanza máis maior da contorna.

“Contan que levaban as vacas e as bestas ata o marco e rozaban os seus ubres e ventres nel pois existía a crenza de que isto aumentaba as probabilidades de xestación e cría do gando e mesmo aumentaba a produción de leite nas vacas.”

Primeira visita ó Marco da Potra co investigador Guillermo Raviña

O Marco da Potra (pola boa sorte) tamén está asociado a vellos rituais para sacar o “mal de ollo” e o “aire” aos meniños e, incluso, algúns sinalan as súas propiedades sandables fronte as doenzas mentais. Os propios veciños de Lamas sinalan que era habitual atopar ao carón deste antigo fito pequenos exvotos e incluso moedas.

A pesares disto o marco permaneceu oculto baixo unha silveira durante moitos anos. Logo da última concentración parcelaria a finca cambiou de titular e, hai só uns anos, os actuais propietarios limpárona deixando de novo á vista o marco e, posteriormente, desprazárono uns metros (cara un extremo da parcela) para que non entorpecese as tarefas agrícolas.

Marco da Potra. Lamas (Bamonde –Teo) en 2016
Coordenadas UTM: 29 T 0541209 4737139 (Datum: WGS 84)

Consultada a documentación conservada no Arquivo Municipal constatamos que este marco aparece referido nos planos catastrais de 1940 como un dos lindeiros que marcan a división dos concellos de Teo e Vedra. Figura coa referencia 151 = M45 (mojón 45). Na documentación antiga do “Servicio Topográfico Nacional de Madrid” aparece descrito como:

“marco cilíndrico, de 1.10 m de h. e 0,25 m. de diámetro”.

Trala visita que fixemos ao lugar para comprobar o seu estado de conservación podemos indicar que o marco coincide coa descrición e a localización recollidas no expediente do deslinde.

Descoñecemos a data na que foi elaborado pero, sen dúbida, cremos que é anterior ao ano 1940. O marco sinala o linde non só do concello senón tamén de catro parroquias, Santa María de Bamonde en Teo e as de Santo André de Illobre, San Fins de Sales e Santa Eulalia de Vedra no concello de Vedra.

Na súa superficie ten gravadas dúas letras, un T e un V (Teo e Vedra) que probablemente foron feitas polo Servizo Topográfico cando colocaron os outros fitos divisorios con Vedra. No traballo de campo realizado con Guillermo Raviña localizamos ata sete destes pequenos fitos, pequenos marcos de seixo ou granito duns 40 cm. que tamén teñen as iniciais gravadas pero que nada teñen que ver coa forma do marco da Potra. É probable que os fitos lindeiros entre concellos foran colocados no 1940 polo Servizo Topográfico, pero tamén o é que aproveitaran algúns marcos preexistentes dos lindes parroquiais, insculturando os T e os V en todos eles.

Plano do deslinde dos termos municipais de Teo e Vedra do IGN. 1940, Arquivo Municipal de Teo

O marco da Potra está tamén ao pé do antigo Camiño Real, chamado tamén “Camiño do Francés”.

O Arquivo Municipal custodia varios escritos dos anos trinta e corenta sobre varias reparacións feitas polo Concello, a solicitude dos veciños, neste antigo camiño que foi a vía principal de tránsito cara Vedra ata a construción da actual estrada.

Segundo algúns investigadores este camiño seguía o trazado da famosa Vía XIX do Itinerario de Antonino. Non lonxe do lugar atopouse no ano 1867 o miliario romano da Gándara na parroquia de San Fins de Sales, actualmente no Museo da Catedral de Santiago que formaba parte da IV vía militar romana que se cre rematada no ano 40 d.C. Outros achados como os tesouriños de Trobe e de Sarandón, con ducias de moedas romanas semellan confirmar esta hipótese.

Polo tanto, é factible que o marco da potra puidera ser algún miliario anepígrafe relacionado con algunha destas antigas vías romanas, tendo en conta estes vestixios do pasado romano localizados nestas paraxes da súa contorna. Mollóns viarios carentes de calquera tipo de inscrición pois é de supoñer que foran simplemente pintados.

Solicitudes de obras. Marcelino Vázquez no Camino Francés entre Santa María de Teo e Bamonde ó seu paso por Campos. 1940. Sig. AMT_217_17

Conclusión

En resumo, cómpre iniciar un labor de estudo deste marco e tamén doutros pequenos fitos dos lindes parroquiais e municipais co que evitar a súa perda. A realización dun estudo global da zona permitiranos contextualizar os diferentes achados e a súa posible conexión co marco da Potra, precisar a súa cronoloxía e recompilar o conxunto de crenzas de tradición oral ó redor deste interesante elemento patrimonial.

Miliarios anepígrafes da vía XIX no Museo Provincial de Lugo que presentan unha gran similitude co Marco da Potra

É evidente a relevancia histórica deste marco polo que debemos protexelo e solicitar que se adopten as medidas precisas que garantan a protección desta interesante mostra do patrimonio cultural teense aínda pendente de catalogación.

Rematamos esta breve entrada agradecendo a colaboración e datos achegados polos  historiadores Guillermo Gónzalez e Henrique Neira que guiaron as nosas pescudas e nos acompañaron durantes as visitas ó Marco da Potra.

O investigador Henrique Neira acompañounos na última visita ó Marco da Potra, onde permanece nun canto da parcela despois do seu traslado polos propietarios actuais do terreo

Os petróglifos da Fonte Matanzas no monte Espiñeira, Compostela


A miúdo ése inxusto por omisión, e non só por acción.
Marco Aurelio

Para a análise das novas estacións de arte rupestre é imprescindible a consulta de diversas fontes cartográficas. Neste senso, a capa WMS do Plan Básico Autonómico da Xunta permítenos analizar, a través de diversos sistemas de información xeográfica (XIG), a xeolocalización dos diferentes bens culturais catalogados, as súas áreas de protección e, asemade, comparalos coas referencias saídas dos traballos de campo realizados nestes últimos anos.

A pesar dos erros detectados, da ausencia de fichas descritivas dos bens patrimoniais e da omisión dos últimos elementos localizados, constitúe a ferramenta inicial de consulta para poder estudar as diferentes áreas antes de saír ao monte.

Plano de localización dos xacementos 1 e 2 coas curvas de nivel

Nestas revisións periódicas  que facemos das actualizacións do PBA, chamou a nosa atención a referencia ao petróglifo da Fonte Matanzas na aba do Monte Espiñeira, situado a uns trescentos metros ao noroeste da aldea de Camouzo.

Trátase dun petróglifo que non constaba na nosa documentación, polo que enseguida nos diriximos ata o lugar para saciar a nosa curiosidade.

Fonte Matanzas 1. Vista xeral con luz natural

O petróglifo de Fonte Matanzas 1

O xacemento localízase ao noroeste da aldea de Camouzo, (N 42 56.905, W 8 35.956, datum WGS84 e a unha altitude de 503 m) na parroquia compostelá de Santa Cristina de Fecha, na aba sueste do monte Espiñeira, desde a que se contempla todo o val do Sarela no seu nacemento na Peregrina, ao norte da cidade de Compostela. Sitúase aos clásicos dous terzos de altura da ladeira, a disposición máis habitual da nosa arte rupestre prehistórica.

Plano coa localización dos xacementos de Fonte Matanzas

Toda a cima do Espiñeira é rica en penedos graníticos. Os gravados foron realizados nun afloramento destacado sobre o terreo. O xacemento ocupa un lugar central na lomba sur do Espiñeira que permite ver un horizonte aberto de leste a oeste. Desde a peneda tamén se ten unha privilexiada vista do Pico Sacro e das máis achegadas cimas do Pedroso e do Fontecova.

O xacemento non está só, hai multitude de pequenos afloramentos pola aba que presentan moitas evidencias de antigos traballos de cantaría.

Horizonte visible desde Fonte Matanzas 1

O afloramento é de grandes dimensións e formas irregulares. As superficies horizontais cimeiras son moi irregulares, con evidentes procesos de meteorización activos e nelas non apreciamos ningún gravado.

Pola contra os motivos concéntranse nunha pequena superficie horizontal triangular situada no bordo suroeste da peneda, a menor altura mais, aínda así, destaca sobre o terreo aproximadamente un metro.  Mide 2,40 m de base por 2 metros de alto e está gravada case na súa totalidade. Todos os motivos pertencen ao grupo xeométrico do Grupo Galaico de Arte Rupestre e, en xeral, presentan un estado de conservación aceptable.

Fonte Matanzas 1. Vista ao atardecer co cumio do Espiñeira ao fondo

Como chegar?

Para achegarnos ata estes xacementos podemos escoller entre dúas vías. A primeira delas parte da aldea de Camouzo onde, por detrás das casas, tomaremos un camiño serpenteante que ascende cara o Espiñeira. Vainos levar ata unha devasa que colleremos a man esquerda e que nos achegará, só uns 30 metros despois, ata os pes do xacemento.

Vista de Fonte Matanzas 1 desde o camiño de Camouzo

A segunda vía de acceso é a que parte desde a pista que leva ao cumio do Espiñeira Na última curva, antes da rampla final que leva a antena de AENA, sae un camiño en bastante bo estado e que é chan, camiñamos uns 500 m e chegamos a onde o cruza a devasa, debemos coller á dereita, descendendo pola devasa uns 260m ata un camiño que, pola esquerda, nos leva en 40m ata o penedo.

Plano coas vías de acceso

Tendo en conta a situación da estación 1 recomendamos a súa visita despois das horas centrais do día, xa que ata o mediodía os motivos permanecen en sombra, o que dificulta moito unha boa visualización. No caso da segunda estación sucede xusto ao contrario, polo que aconsellamos visitalo en horario matinal.

Fonte Matanzas 1. Vista xeral coa superficie mollada

Descrición dos motivos

Nesta complexa estación predominan as combinacións de círculos concéntricos, acompañadas das tradicionais coviñas xunto con outros elementos, canles sinuosas, radios de saída, etc.

Vista cenital de Fonte Matanzas 1

Contamos 13 combinacións de círculos concéntricos distribuídas de xeito que case ocupan a totalidade do triángulo irregular que conforma a superficie do afloramento. Na esquina sur do triángulo hai unha pía natural de forma irregular.

Fonte Matanzas 1. Fotogrametría cos motivos identificados

No panel podemos apreciar facilmente dúas das combinacións circulares (A e B) que están compostas por tres círculos e candasúa con coviña central. En ambas o círculo exterior está incompleto. A ten un diámetro de 36 cm e B de 15 cm. Outras dúas combinacións de grandes dimensións (C e D) formadas por dous círculos concéntricos e coviña central de grandes dimensións. C ten un diámetro de 31 cm e D de 33 cm.

No extremo leste consérvase unha combinación (E) realizada cun suco máis estreito que as demais. Está composta por 4 círculos concéntricos e a pequena coviña central. Ten un diámetro de 24 cm. Elaborada cun suco similar tamén temos outra combinación (F) no bordo suroeste que está formada por dous círculos concéntricos, pequena coviña central e radio de saída. Ten un diámetro de 15 cm.

Fonte Matanzas 1. Combinación circular E da esquina leste

O resto de combinacións circulares son de pequeno tamaño e están feitas cun só círculo e coviña central. (G, H, I, L, M, N, O e P) Teñen uns diámetros de entre 12 e 15 cm.

Os motivos foron feitos con sucos anchos e pouco profundos. Teñen unha sección transversal en U moi aberta. Só dúas combinacións situadas no bordo sur están feitas cun suco máis estreito e menos profundo. Esta diferencia fainos pensar en que posiblemente fosen varias mans as que elaboraron os gravados e, polo tanto, é posible pensar nunha diacronía entre estes dous motivos e o resto.

Fonte Matanzas 1. Reconstrución fotogramétrica

Dúas das combinacións de maiores dimensións e mellor conservadas conforman figuras máis complexas froito da combinación de varios motivos. O conxunto situado máis ao norte está formado por dúas pequenas combinacións (O e P) dun círculo e coviña central, ambas acaroadas a unha combinación (D) de maiores dimensións e composta por dous círculos e coviña central. O conxunto lembra a forma dunha cara que o estudoso italiano Emmanuel Anati denominou face occuli.

Fonte Matanzas 1. Detalle do face occuli

Na situación central do panel temos outro conxunto que está formado por unha combinación (A) de tres círculos e coviña que comparte parte do círculo exterior con outra combinación acaroada a a ela (B) pero máis pequena e con dúas coviñas no seu interior. Da coviña central da combinación A sae outro suco curvo que remata noutra coviña e conforma o terceiro círculo da combinación B.

Completan estas figuras coviñas de distintas dimensións e formas. Teñen uns diámetros que varían desde os 12 cm da maior, ata os 2-3 cm das máis pequenas. Dunha das coviñas de maiores dimensións e forma alongada parte unha canle irregular (Q), ancha e profunda, que descende pola rocha en dirección sur.

Fonte Matanzas 1

Ao carón da pía natural dispóñense catro coviñas conformando un cadrado, motivo que tamén atopamos na estación da Devesa da Rula 4.

Por último destacamos a composición que forma a cazoleta de forma elíptica (R) de 18 cm de longo coas tres coviñas aliñadas lonxitudinalmente ao seu carón. Este motivo ten moitas similitudes cun do panel 1 do petróglifo de Mallos, no concello de Teo.

Horizonte co Fonte Matanzas 1 en primeiro plano

O petróglifo de Fonte Matanzas 2

Nas visitas que fixemos á estación número 1 de Fonte Matanzas non desaproveitamos a oportunidade de pescudar nas laxes da contorna ás que puidemos achegarnos. Nunha delas, situada a uns 100 metros ao sueste da 1, localizamos unha segunda estación con gravados, esta non catalogada.

Próximas a esta localizamos tamén as estacións 3, 4 e 5.

Fonte Matanzas 2. Panel 1. Combinacións de círculos concéntricos

Como chegar?

Para visitar a segunda estación baixaremos pola devasa, situada ao carón da estación 1, ata o camiño que leva á aldea de Camouzo. Viraremos á esquerda en dirección leste e poucos metros despois veremos, a uns 30 metros por debaixo do camiño, a rocha cos gravados. Para aproximarnos a ela teremos que camiñar monte a través a distancia que os separa do camiño.

Fonte Matanzas 2. Panel 2. Combinación e coviñas. O panel 1 ao fondo

Descrición dos motivos

Localízase nunha laxe de medianas dimensións destacada sobre o terreo. N 42 56.860, W 8 35.861, Datum WGS84, e unha altitude de 472 m.

Fonte Matanzas 2. Panel 1. Vista coa rocha mollada

A súa situación ao leste do afloramento fai que os gravados permanezan en sombra a partires do mediodía, a diferenza do que acontece na estación 1.

Dividimos a estación en dous paneis:

Panel 1

Localízase nunha pequena superficie regular situada a ras de chan. Ten forma triangular con 2,20 m de base por 2,20 m de alto.

Fonte Matanzas 2. Panel 1. Reconstrución fotogramétrica

Consérvanse dúas combinacións de círculos concéntricos e coviña central. A de maiores dimensións ten un diámetro de 32 cm e está conformada por catro círculos e coviña central e adáptase á morfoloxía convexa da superficie da pedra. A pequena ten un diámetro de 21 cm e dous círculos con coviña central da que parte un suco irregular de saída.

Fonte Matanzas 2. Vista xeral

Panel 2

Na superficie do cumio da rocha máis sobresaínte, localízase unha pequena combinación de dous círculos concéntricos, coviña central e radio de saída. Ademais, consérvase un conxunto de catro coviñas, dúas delas elípticas.

Fonte Matanzas 2. Panel 2. Combinación circular

O petróglifo de Fonte Matanzas 3

A menos de 20 metros da estación 2 en dirección sur, nunha laxe de medianas dimensións e situada a ras de chan, consérvase unha combinación de dous círculos concéntricos e coviña central.

Fonte Matanzas 3. Vista xeral

O seu estado de conservación é moi malo, o que dificulta unha boa visualización. (N 42 56.865, W 8 35.881).

Fonte Matanzas 3. Combinación circular

O petróglifo de Fonte Matanzas 4

A uns 30 metros ao sur da estación 2 localízase unha pequena rocha apenas destacada sobre o terreo e moi alterada, que contén dúas coviñas. (N 42 56.860, W 8 35.923 Datum WGS84).

Fonte Matanzas 4. Coviñas

O petróglifo de Fonte Matanzas 5

A uns 15 metros da estación 4 localízase unha rocha de pequenas dimensións e pouco destacada sobre o terreo na que se conservan 5 coviñas, dúas delas moi abertas e esvaídas. (N 42 56.841, W 8 35.894).

Fonte Matanzas 5

O petróglifo do Chan de Camouzo.

Ao carón dun camiño de terra, situado a uns 20 metros ao sueste da catalogada mámoa do Chan de Camouzo temos outro afloramento de boas dimensións que conserva nunha pequena superficie horizontal catro coviñas de distintos diámetros. (N 42 56.760, W 8 36.081 Datum WGS84). A rocha está moi alterada por labores extractivas de cantaría.

Petróglifo do Chan de Camouzo

Consideracións finais

Á agradable sorpresa da inclusión no Plan Básico Autonómico deste petróglifo catalogado de Fonte Matanzas, sumáselle agora a localización doutras cinco novas estacións na súa contorna.

Como é habitual procedemos coa súa notificación inmediata á Dirección Xeral de Patrimonio para a súa valoración e catalogación, tal e como levamos facendo dende que xurdiu este colectivo e que permitiu triplicar o número de estacións catalogadas con arte rupestre na nosa comarca.

Notificacións que realizamos cumprindo coas obrigas que establece a lei e agardando que os técnicos procedan coa súa valoración, catalogación e posterior inclusión no Plan Básico Autonómico para tentar garantir a súa protección.

Malia todo, son poucas as esperanzas que temos de obter unha resposta, o silencio administrativo é o habitual neste tipo de comunicacións.

 

Á procura dos petróglifos do Monte da Fontecova (Compostela) III. O petróglifo dos Gorgulliños


Hai certas regras informais, non escritas, en ocasións non facilmente demostrables pero que, a forza de repetirse, non deberían tomarse á lixeira. No eido dos petróglifos unha desas regras é a que di que onde hai un petróglifo adoita haber máis. Por iso, unha vez localizamos as estacións da Casa do Frade, non podíamos deixar a zona sen antes darlle unha boa ollada aos afloramentos graníticos máis próximos e accesibles.

Localización xeral dos petróglifos na contorna do Fontecova

Con anterioridade unha peneda xa nos tiña chamado a atención. Facíase apenas visible desde o casal de Pardaces de Abaixo no percorrido habitual ata os petróglifos da Casa do Frade.

Plano catastral coa localización do petróglifo dos Gorgulliños

Sitúase na aba dun outeiro por enriba das casas de Pardaces de Abaixo, a uns 50 metros ao oeste da estrada e a uns 600 metros ao norte do petróglifo de Casa do Frade 1 (Coordenadas UTM. 29 T 535705 4751103 Datum WGS84, e unha altitude de ). Achegámonos ata a peneda. Destaca sobre o terreo, unha costa de forte inclinación que cae en dirección leste cara o val. Ten unhas dimensións de 8 x 5,5 metros. Pero as formas irregulares e o deterioro das súas superficies inicialmente transmitíronnos malas sensacións. Observamos as superficies máis horizontais da cima da peneda e nelas non atopamos nada destacable. Son superficies moi irregulares con varias pías e con procesos de meteorización activos en boa parte delas.

Petróglifo dos Gorgulliños. Vista cenital

Como chegar

Para achegarnos ata este xacemento non dispomos de camiño de acceso propiamente dito, por isto, desde as casas de Pardaces de Abaixo, buscaremos coa mirada o afloramento e procederemos a achegarnos atravesando o monte, máis ou menos en liña recta conforme o permita a vexetación.

Petróglifo dos Gorgulliños. Cervos

O petróglifo dos Gorgulliños

Aplicando unha vez máis o recentemente aprendido, prestamos especial atención aos bordes do afloramento orientados cara o sur e o sueste e ao pouco tempo localizamos no centro dunha superficie inclinada un longo e profundo suco recto. Deseguida decatámonos de que formaba parte da figura dun gran cervo de longos cornos. A continuación, obviamente, procedemos a analizar en detalle a peneda.

Os Gorgulliños. Reconstrución fotogramétrica

Dividimos en tres paneis a estación para facilitar a súa descrición:

Panel 1

Correspóndese coa superficie inclinada orientada cara o sueste e nela consérvanse dous cervos de grandes dimensións. O situado no nivel superior ten o corpo elaborado cun só suco e conserva dous longos cornos. Represéntanse as extremidades con catros sucos simples e remata o seu corpo nunha prominente cola alongada e caída. Mide 31 cm de longo por 45 cm de alto.

Petróglifo dos Gorgulliños. Cervo

O cervo situado no nivel inferior é apenas perceptible con luz natural xa que presenta moi mal estado de conservación. O corpo, moi estreito, foi elaborado con dobre suco e conserva dous longos cornos con seis ramificacións cara o interior. Mide 22 cm de longo por 26 cm de alto.

Os Gorgulliños. Panel 1. Reconstrución fotogramétrica

A esquerda deste cervo consérvanse tres coviñas moi erosionadas que se atopan no borde do panel. A dereita do cervo visualízase unha pequena coviña cun suco recto.

Petróglifo dos Gorgulliños. Cervos

Panel 2

Nunha superficie moi irregular situada por enriba do panel 1, no borde sur do afloramento, consérvanse gran cantidade de motivos. Coviñas e cruces. Coviñas de moita profundidade e bo diámetro ocupan boa parte das estreitas superficies máis horizontais deste borde irregular. Inseridas entre elas e ao redor vense varias cruces de sucos profundos e sección transversal en V. A maioría das coviñas distribúense conformando unha aliñación irregular. Contabilizamos un total de 15 coviñas e ata 6 cruces. As coviñas oscilan entre os 5 e os 9 cm de diámetro e teñen unha profundidade media de 3 cm.

Petróglifo dos Gorgulliños. Coviñas e cruces

Panel 3

Nunha superficie inclinada orientada cara o sueste e situada acaroada á dereita do panel 1 localizamos 2 coviñas

Pouco despois de que localizásemos esta estación soubemos, por Fernando Alonso Romero, de referencias orais dos veciños de Pardaces de Abaixo que relataban que cando eran nenos empregaban esta peneda como escorregadoiro para os seus xogos.

Outros bens patrimoniais próximos

Antes da localización destes novos xacementos nesta zona, os elementos arqueolóxicos que destacaban polo seu número as mámoas. As importantes necrópoles como a das Laxas, a das Chans de Figueiras, a da Peregrina ou a da Canteira en Miramontes súmanselle outras mámoas que se distribúen por toda a contorna como as de Fontenla 1 e 2, as de Pardaces de Abaixo 1 e 2 (moi próximas aos xacementos apenas perceptibles dado o mal estado de conservación e situárense na beira dun camiño agrícola), a do Queiroal, a medorra de Penas Negras ou a mámoa do Chan de Camouzo. Entre os xacementos da Idade do Ferro os castros de Chan do Castro e o Castro de Fontoade son bos exemplos.

Por último destacan dous xacementos de especial interese para nós pola posible sincronía cos petróglifos. Son os xacementos  de Portabrins e o de Volta do Carballo, nas aforas do Mercuto, na parroquia amiense da Ameixenda. Neste último, a 1,5 km do petróglifo de Fonte Matanza, localizouse un depósito de dez machados de tope de bronce xunto con cerámica asociada, hoxe en día conservados no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón. Trátase de machados de talón, dous aneis e folla lisa. O peso total do depósito é de 10,9 kg. Son machados dunha tipoloxía denominada por Monteagudo como “tipo Coruña” e adscribibles cronoloxicamente ao Bronce Final (1100-700 a.C.).

Depósito de machados de bronce do Xacemento do Carballo. O Mercuto. Ameixenda. Ames

O de Portabríns localízase nas abas do monte Pedroso, foi localizado na última década do século pasado durante os traballos de seguimento e control arqueolóxico para a construción da Rede de Gasificación de Galicia. Sitúase  a 1 km dos petróglifos de Casa do Frade 1 e os Gorgulliños. Trátase dun xacemento doméstico, dun conxunto de habitación aberto, non visible en superficie e composto orixinalmente por estruturas non permanentes, elaboradas con materiais perecedoiros do que só se conservan aqueles elementos escavados no xabre e na rocha. Así, os elementos documentados son os habituais neste tipo de xacementos, fosas globulares e pseudoglobulares (7 exemplares), buracos de poste (4) e estruturas liñais (3) que se distribúen dispersas ao longo de 350 metros liñais da gabia aberta para a canalización do gas. Recolléronse un total de 18 pezas líticas e 191 fragmentos cerámicos, presentando tres deles decoración de tradición campaniforme (composición en bandas horizontais).

Os autores do estudo conclúen que se trata dun poboado máis ou menos estable situado ao carón dunha bacía húmida, con chans lixeiros e ben drenados e nunha zona próxima a un lugar de recollida de augas, conformada neste caso polo rego de Figueiras. Un xacemento prototípico da Idade do Bronce.

Materiais do xacemento de Portabríns. Fonte C. Parcero e I. Cobas

A modo de conclusión. O novo conxunto rupestre do Fontecova – Pardaces

Chegou o momento de que fagamos, cando menos, un pequeno balance de resultados. O máis obvio é que sumamos, ao catálogo do concello de Santiago e da comarca, catro novas estacións de arte rupestre prehistórica e unha estación con gravados históricos.

Ademais o valor destes xacementos tamén reside na luz que aportan sobre o baleiro que había en canto aos rexistros da arte rupestre ao norte da cidade de Compostela, pois, ata o de agora non se coñecían manifestacións de arte rupestre na área comprendida entre o petróglifo do Pedroso e o petróglifo da Pedra que Fala, xa na parroquia de San Xoán de Fecha.

Un dos aspectos que comparten os xacementos de Casa do Frade, Os Gorgulliños e Fonte Matanza é o de estar situados nas proximidades de fontes, mananciais ou recollidas de augas. Os penedos gravados de Casa do Frade dominan a bacía do rego de Fontecova. No de Pardaces de Abaixo o microtopónimo inmediato ao sur da peneda é o de Gorgulliños. No de Fonte Matanza recóllese na súa denominación o microtopónimo do manancial de augas situado ao seu carón.

Outra das características que comparten case a totalidade das estacións con petróglifos descubertas é a elección das marxes de afloramentos de grandes dimensións, aqueles bordos orientados ao sur e ao sueste para gravar os motivos. Ao tempo, elixen superficies pouco destacadas, situadas ao carón de grandes afloramentos sobresaíntes no terreo. Esta disposición é similar á doutras estacións da comarca, comezando pola máis próxima, o petróglifo do Pedroso, ou aos tamén próximos petróglifos de Fonte Matanza aos que dedicaremos unha próxima entrada no noso blog.

En resumo, catro novas estacións nas que se conservan motivos do grupo abstracto e motivos do grupo naturalista destacándose as catro representacións de cervos con cornos desenvolvidos.

Os Gorgulliños. Panel 2. Reconstrución fotogramétrica

Ao mesmo tempo, podemos afirmar que son estes cervos do petróglifo dos Gorgulliños os situados máis ao leste cando menos da comarca e posiblemente tamén o estean entre os de toda Galicia. Ademais tamén son os situados máis ao norte entre os da comarca, e tamén de toda Galicia se exceptuamos a excepcional Pedra Xestosa no concello de Laxe que supón un caso único.

Fronteira oriental e norte da arte rupestre figurativa

Tamén destacables son as dimensións do gran cervo do petróglifo dos Gorgulliños, que o sitúan entre os de maiores dimensións da comarca xunto cos da Pena Bicuda de Loureiro na área arqueolóxica do Monte Piquiño no concello de Teo, e algúns exemplares da Pedra da Loba na Devesa da Rula. Outra curiosidade desta estación é que desde ela pódese contemplar o Pico Sacro.

Petróglifo dos Gorgulliños. Cervos

Outro dos aspectos que máis chaman a atención deste cervo é ter sido elaborado cun estilo ultra esquemático non moi habitual, aínda que os cervos da Casa do Frade 1 e un dos 4 exemplares da Peneda Negra tamén foron elaborados no mesmo estilo.

A estación de Casa do Frade 2 constitúe o conxunto máis destacado tanto se temos en conta a calidade dos motivos así como o seu estado de conservación, como se atendemos á plasticidade das súas combinacións de grandes dimensións adaptadas á morfoloxía do afloramento.

A combinación de círculos concéntricos gravada na superficie vertical desta estación tamén espertou en nós gran interese e pon en relación esta estación co petróglifo da Peneda Branca.

Bibliografía

  • Parcero Oubiña, C. e Cobas Fernández, I. “La arqueología en la gasificacion de Galicia 17: Actuaciones en asentamientos prehistóricos en el entorno de Santiago de Compostela”. 2005. TAPA 35. Traballos de Arqueoloxía e Patrimonio. CSIC.

  • Monteagudo, L. “Die Beile auf der Iberischen Halbinsel”. 1977. C.H. Beck’sche Werlagsbuchhandlung

Á procura dos petróglifos do Monte da Fontecova (Compostela) II. Os cervos do Fontecova


“A imaxinación non sabería inventar tantas e tan variadas contradicións como existen naturalmente no corazón de cada un”. François de la Rochefocauld

Recuperadas as nosas forzas, días despois continuamos na procura dos gravados que hai máis de 25 anos visitaran Fernando Alonso en compaña de Luís Monteagudo, descubridor da laxe principal da área arqueolóxica de Fontecova e que nunca chegou a publicar.

Proseguimos as pescudas dende o inmenso penedo granítico que tan só unhas semanas antes denomináramos provisionalmente como Fontecova 2 e que despois de consultar os datos catastrais pasamos a denominar petróglifo da Casa do Frade 1.

Localización xeral dos petróglifos da contorna do Fontecova

Para poder acceder á laxe primeiro tivemos que despexar boa parte do camiño ata chegar á superficie oculta polo bravo toxo que a rodea. O certo é que se Fernando Alonso Romero non nos informara da posición dos motivos nunha das paredes verticais, na marxe dun afloramento da zona, non teriamos prestado tanta atención aos bordos desta peneda.

E é que na primeira observación que fixemos das superficies máis horizontais do afloramento, as escollidas habitualmente polas comunidades da nosa prehistoria recente para gravar, só identificamos a presenza dun par de coviñas ao carón de varias pías. Foi a información facilitada polo ilustre intelectual a que nos levou a insistir e, finalmente, permitiunos dar cos motivos gravados nas paredes da beira sur do afloramento.

Horizonte visible desde Casa do Frade 1

Como chegar

Para achegarnos aos petróglifos da Casa do Frade no Fontecova debemos coller o camiño que parte desde Pardaces de Abaixo en dirección sur, cara o popular pequeno santuario da Virxe de Fátima. Na primeira bifurcación tomaremos o camiño da dereita que percorreremos uns metros ata xirar de novo á dereita para subir pola devasa en forte pendente cara o cume do Fontecova,  un cento de metros máis adiante o sendeiro vira noventa graos á esquerda.

Despois de andar outros 50 metros vemos á esquerda un carreiro irregular que aproveita os pequenos claros abertos entre o toxo, adentrámonos e imos ao carón dos pequenos afloramentos ata chegar á primeira estación. Coordenadas UTM 29T 535584 4750535 e unha altitude de 402 m. Datum WGS84.

Muro tradicional no Fontecova

Para chegar á segunda estación empregaremos outro carreiro que parte desde a esquina suroeste da estación 1. Poucos metros despois chegaremos ata un alongado afloramento granítico. Por debaixo deste, a escasos 10 metros, atoparemos a segunda estación.

Tendo en conta o estado de total abandono destes montes, boa parte destes carreiros volverán a pecharse en pouco tempo e dificultará aínda máis o acceso a estas estacións, por isto recomendamos a aqueles interesados en coñecelos que non apracen moito a visita.

Plano catastral coa localización dos petróglifos

Os motivos do petróglifo da Casa do Frade 1

Xa na estación observamos que o extremo sur do afloramento remata formando dúas paredes verticais separadas por unha superficie horizontal pequena e estreita disposta a modo de escano.

Casa do Frade 1. Esquina suroeste onde se localizan os gravados

Nesta superficie intermedia foi na que localizamos a maior parte dos gravados, a pesares de que, en xeral, a maioría dos motivos deste xacemento son dificilmente perceptibles a causa da forte erosión que presentan.

Casa do Frade 1. Vista cenital do afloramento da Estación nº 1

A peneda ten unhas dimensións de 16,70 m. en dirección N-S por 11,80 m. en dirección W-E. En altura destaca ata 8 metros no seu punto máis alto porque está na pendente da aba.

Casa do Frade 1. Reconstrución fotogramétrica

Esta estación componse dos seguintes motivos:

Panel 1

Na superficie horizontal da cima da peneda, no sector nordés, nunha posición central e no interior dunha pía natural hemisférica consérvase unha coviña (A) de posible orixe antrópica.

Casa do Frade 1. Panel 1. Coviña (A) no interior dunha pía de pequenas dimensións

Na mesma superficie horizontal, no seu extremo sur, ao carón dunha pequena pía natural posiblemente “antropizada”, localizamos outra coviña, que comunica coa pía por medio dun pequeno desaugadoiro.

Casa do Frade 1. Panel 1. Coviña ao carón dunha pequena pía

A menos dun metro desta en dirección sur localízase outra pía pequena que comunica a través dunha pequena canle descendente cunha segunda de maiores dimensións e situada a menor altura.

Casa do Frade 1. Panel 1. Reconstitución fotogramétrica. Canles longas descendentes (H)

Esta segunda pía sitúase na marxe do afloramento e dela parte unha longa canle (H) (1,35 m.) que descende sinuosamente polas paredes verticais da beira e percorre a superficie horizontal intermedia, comunicando varias coviñas que se distribúen ao longo do seu percorrido. Unha segunda canle nace á dereita da pía de maiores dimensións e comunica coa primeira canle despois de dividirse en dúas.

Este é un elemento difícil de ver en condicións de luminosidade “normais” a pesares da súa evidente plasticidade e dimensións.

Casa do Frade 1. Panel 1. Longas canles (H) e pías

No estreito escano horizontal intermedio situado no borde sueste consérvanse, como xa dixemos, o maior número de motivos e de maior interese:

Casa do Frade 1. Panel 1. Reconstrución fotogramétrica. Combinacións circulares

Unha primeira pequena combinación  (D) de 15 cm. de diámetro composta por dous círculos concéntricos e coviña central. É a situada máis ao sur e presenta os sucos anchos e moi esvaecidos.

Casa do Frade 1. Panel 1. Combinación de dous círculos e coviña central (D)

A menos dun metro, ao leste desta, consérvase unha figura conformada por unha pequena combinación (E) dun só círculo con coviña central, cun diámetro de 12 cm., desta saen dous sucos, un deles en dirección a outra combinación (F) un pouco máis pequena, 9 cm. de diámetro, tamén dun só círculo e coviña central con radio de saída e un segundo radio que parte do círculo exterior.

Casa do Frade 1. Panel 1. Combinacións circulares D, E e F

Por encima destas na parede vertical localízanse dúas aliñacións de ata 8 coviñas irregulares (G) posiblemente de orixe antrópica.

Casa do Frade 1. Panel 1. Dúas pequenas combinacións circulares E e F

No canto leste desta superficie intermedia consérvase unha pequena combinación de 14 cm. de diámetro (I) que adapta a súa forma á convexidade natural da pedra nese extremo e presenta mal estado de conservación. Está formada por ata dous círculos concéntricos e unha coviña central.

Casa do Frade 1. Panel 1.  Combinación circular (I)

Despois de varias visitas e visualizacións en distintas condicións e empregando varios medios puidemos confirmar dous motivos ben interesantes que aumentan o interese nesta estación, xa de por si atractiva, porque estes motivos son representacións de zoomorfos.

O seu grado de conservación é regular o que fai bastante complicada a súa visualización en condicións lumínicas normais.

Casa do Frade 1. Panel 1. Os dous zoomorfos da esquina sueste. (B) (C)

Os cervos localízanse na esquina suroeste do afloramento. Represéntase un animal  (C) dirixindo a súa cabeza cara o sur coincidindo coa dirección na que se localiza, a escasos 100 metros, o rego que recolle a auga de chuvia desde a cima do Fontecova e que descende en dirección leste para desaugar no río Sarela, que a súa vez nace moi preto deste lugar en dirección sueste. O cervo foi elaborado cun só suco e, a pesares do mal estado de conservación, aprécianse as catro extremidades e os cornos. Ten unas dimensións de 21 cm. de longo por 16 cm. de alto.

Casa do Frade 1. Panel 1. Zoomorfo. (C)

No bordo suroeste consérvase unha segunda figura difícil de interpretar, aparentemente semella un círculo simple irregular e unido a unha coviña por medio dun pequeno suco recto. Despois de varias visualizacións pensamos que se trata doutro cervo con cornos (B) que ten diante súa un círculo simple e mira en sentido contrario ao primeiro, cara o norte. Mide 26 cm. de longo por 11 cm. de alto.

Casa do Frade 1. Panel 1. Reconstrución fotogramétrica. Cervos B e C

Ambos cuadrúpedes foron elaborados cun só trazo e rematan cunha cola grosa representada cunha pequena coviña.

Casa do Frade 1. Panel 1. Zoomorfo e círculo simple (B)

Panel 2

Inmediatamente ao sur desta peneda atopamos unha laxe máis pequena, de superficie bastante homoxénea e horizontal que apenas destaca sobre o terreo. Mide 3,10 m. x 2,20 m. A superficie da rocha atópase moi alterada e apenas conserva a pátina orixinal na zona superior.

Casa do Frade 1. Panel 2.Inscrición AÑO 1956″

Nela localizamos dúas inscricións nas que se le: AÑO 1956 (na superior) e o mesmo na inferior pero en escritura especular (como para ser lida no reflexo dun espello).

Casa do Frade 1. Panel 2. Inscrición

No extremo superior desta laxe consérvanse polo menos tres combinacións de círculos concéntricos moi erosionadas e de difícil identificación. A primeira combinación é de 12 cm. de diámetro, componse dunha coviña central de bo diámetro e profundidade e con un ou dous círculos concéntricos. Da coviña central parte un radio de saída cara o leste.

Casa do Frade 1. Panel 2. Combinacións circulares

Acaroada á primeira figura e compartindo parte dos sucos hai unha segunda combinación de un só círculo de forma irregular, coviña central e partindo desta un pequeno suco. Este segundo motivo comunica por medio dun suco irregular coa terceira combinación composta por tres círculos concéntricos e coviña central.

No extremo inferior norte consérvase un último motivo, trátase dunha pequena cruz irregular de basta factura.

Casa do Frade 1. Panel 2. Cruciforme

Debido á erosión e mala conservación da superficie desta laxe non identificamos con claridade máis motivos.

Casa do Frade 1. Panel 2. Vista cenital

O petróglifo da Casa do Frade 2

Damos por rematada esta valoración inicial do petróglifo da Casa do Frade 1 coa xa recorrente sospeita de estar a ver só unha parte dos gravados conservados neste afloramento, mais a comprobación disto requiriría duns traballos que superan as nosas posibilidades.

Vista aérea coa estación 2 de Casa do Frade no centro da imaxe

Coa confirmación de Fernando de que este non era o xacemento obxectivo das nosas procuras decidimos realizar unha segunda busca nos afloramentos máis próximos, aplicando desta vez os coñecementos recentemente adquiridos, concentrando os nosos esforzos na comprobación das superficies máis verticais e orientadas cara o sur das penedas visitadas.

Casa do Frade 2. Paneis 3 e 4

E así foi como localizamos a uns 50 metros ao sueste da estación anterior un afloramento cunha boa cantidade de gravados conservados, todos eles no extremo sur da peneda (Coordenadas UTM. 29 T 535630 4750487 e unha altitude de 398 m. Datum WGS84). A rocha mide 11, 30 m. en dirección W-E por 7,30 m. na N-S e unha altura máxima de 3 metros.

Casa do Frade 2. Vista cenital do afloramento

Os motivos distribúense polo extremo das superficies horizontais da cima da peneda, pero o maior número de motivos, os mellor conservados e de maiores dimensións, concéntranse en dúas superficies inferiores en altura respecto das anteriores pero cunha forma similar de bolo e presenta unha fenda en dirección norte-sur que divide a superficie en dúas zonas.

Dividimos a laxe en catro paneis para facilitar a descrición. Os dous primeiros corresponden cos extremos das superficies horizontais máis altas divididas por unha fenda.

Casa do Frade 2. Panel 1. Vista xeral

Panel 1. É a superficie situada a maior altura, no extremo suroeste. Nunha superficie bastante regular consérvanse na parte superior dúas coviñas de 6 cm. de diámetro e na inferior unha combinación de 21 cm. de diámetro (B), composta por 3 círculos concéntricos completos, coviña central, radio de saída e un círculo incompleto que se interrompe no radio de saída e no círculo exterior.

Casa do Frade 2. Panel 1. Combinación de círculos concéntricos B

Por encima deste motivo vese unha coviña de boas dimensións  e profundidade (8 cm. de diámetro) (A).

Casa do Frade 2. Panel 1. Coviña A

Panel 2. Nunha superficie irregular cruzada por varias diáclases destaca unha gran combinación composta por catro círculos concéntricos e coviña central, con varios sucos de saída e un diámetro de 47 cm (C). Esta combinación sitúase na parte máis alta da superficie e adapta a súa forma á convexidade desta. Acaroada a esta apréciase unha combinación de menor tamaño e composta por dous círculos concéntricos (D).

Casa do Frade 2. Paneis 1 e 2. Fotogrametría

Un dos sucos que parten da combinación de maiores dimensións é de boa anchura e conforma varias figuras circulares irregulares de grandes dimensións, a primeira delas está parcialmente superposta á gran combinación (E). Completa o panel unha coviña situada no parte inferior da superficie. (F)

Casa do Frade 2. Panel 2. Combinacións circulares C e D

Os paneis 3 e 4 sitúanse a menor altura dos primeiros e teñen unhas formas similares a estes, divídense en dúas superficies horizontais separadas por unha greta.

Panel 3. É a superficie de menores dimensións e nela consérvase unha combinación circular de pequenas dimensións (19 cm. de diámetro) e boa factura, formada por 3 círculos concéntricos, coviña central, e dous radios de saída, un deles interrómpese no primeiro círculo (G).

Casa do Frade 2. Panel 3. Combinacións de círculos concéntricos G e H

Acaroada a esta vese outra pequena combinación incompleta de 7 cm. de diámetro, ten coviña e dous círculos concéntricos que se interrompen no círculo exterior da combinación máis grande (H).

Por encima destes motivos unha coviña illada. (I)

Casa do Frade 2. Panel 3. Motivos G e H

Panel 4.  Nesta superficie horizontal dividida en 2 por unha diáclase consérvase o maior número de motivos da estación.

Sector A. Destaca unha gran combinación de 8 círculos concéntricos con unha gran coviña central. Ten dous radios de saída e foi elaborada adaptándose á morfoloxía convexa da superficie onde foi gravada polo que presenta un bo volume. Mide 57 cm. de diámetro. (J)

Casa do Frade 2. Panel 4. Grandes combinacións J e N

Pegada a esta, coa que comparte parte do trazo do último círculo, na esquina noroeste do afloramento, apréciase unha combinación de pequenas dimensións composta por 3 círculos concéntricos e coviña central. Ten un diámetro de 18 cm. (K)

Fontecova 3. Paneis 3 e 4. Reconstrución fotogramétrica

Cerca da gran combinación consérvase na esquina nordeste outra combinación de 18 cm. de diámetro, formada por un círculo concéntrico con coviña central e radio de saída. (L)

Casa do Frade 2. Panel 4. Combinación K no extremo noroeste

No extremo sur da gran combinación vese outro motivo formado por 3 sucos curvos en forma de U e coviña central que rematan no círculo exterior da gran combinación (M). Ten un diámetro de 11 cm. Dela parte un suco irregular.

Casa do Frade 2. Panel 4. Pequena combinación L na esquina nordeste

Sector B. A parte inferior do panel tamén conserva unha cantidade importante de motivos, pero en peor estado de conservación o que dificulta realizar a súa descrición, xa que boa parte dos motivos están moi fragmentados.

Ocupa o lugar central deste sector do panel unha figura de grandes dimensións composta por dúas figuras circulares concéntricas, incompletas nalgúns tramos e que se interrompen, rematan en dous círculos irregulares, candaseu con unha coviña no interior. Ten un diámetro de 36 cm. (N)

Casa do Frade 2. Panel 4. Combinación N

Casa do Frade 2. Panel 4. Combinación N

Desta gran combinación parte un suco irregular que a comunica con outro dos motivos mellor conservados, unha combinación de boa factura (O), de 11 cm. de diámetro, composta por tres círculos concéntricos, coviña central e suco de saída que a une con outro motivo, un círculo irregular (P) que aproveita parcialmente a propia diáclase. Ao carón deste aprécianse coviñas e restos doutros motivos apenas perceptibles polo seu mal estado de conservación.

Casa do Frade 2. Panel 4. Combinacións O e P

Varios sucos e ata 3 combinacións de pequenas dimensións e difícilmente distinguibles comunican este conxunto coa gran combinación do sector A. (Q)

Neste sector B atopamos, na superficie máis vertical do extremo leste, o motivo que nos levou a esta busca polas empinadas abas do Fontecova, unha combinación de factura moi irregular composta por 3 círculos concéntricos, coviña central e radio de saída. Ten un diámetro de 24 cm. (R)

Por debaixo desta, nunha pequena superficie horizontal dúas pequenas combinacións de dous círculos de 11 cm. de diámetro e coviña central. (S) (T)

Casa do Frade 2. Panel 4. Combinación R en superficie vertical e S e T no nivel inferior

Como é habitual queremos advertir que esta é unha descrición provisional, debido á limitada visibilidade que temos na actualidade das superficies deste afloramento.

A Fonte dos paxaros

Nunha das visitas que realizamos aos petróglifos localizamos preto do camiño de acceso unha curiosa mostra de “enxeño popular”. Ao carón dun depósito de auga localízase un afloramento granítico alongado, de medianas dimensións e que sobresae máis dun metro sobre o terreo.

Fonte dos paxaros. Cruz na cima do penedo

Chantada na súa cima unha elaborada cruz de ferro co crucificado. No lateral inferior un cano de auga. Un suco percorre parte da superficie da laxe como o recordo dunha tentativa fallada de introducir na pedra unha canalización para a auga. Nese lateral inferior destaca unha gran inscrición gravada e resaltada con pintura vermella.

Acompañan ás inscricións unha gran cruz da Orde de Santiago, e a ambos lados da cruz as letras S, á esquerda, e A, á dereita. Debaixo desta vese a figura dun ave na parte superior da rocha obsérvase un complexo gravado, sucos a modo de lazos que se entrelazan conformando unha imaxe unitaria.

Fonte dos paxaros. Detalle da inscrición

Os caracteres da inscrición son desiguais en tamaño e forma e parece que foron elaboradas dun xeito descoidado, sen un deseño previo ou por alguén sen moitos coñecementos técnicos nos traballos con pedra. Pódese ler:

MBL y MFP

¡18.11-1944!

FONTE DOS PAXAROS

Completan esta inscrición principal, á dereita do grupo de iniciais MFP, unha pequena cruz e un ano 2007.

Foi realizado en conmemoración dun casamento? Recolle tamén a data de falecemento dun dos cónxuxes? Esperamos poder chegar a coñecer algún día a particular historia que garda esta pedra.

Consideracións finais

A localización desta estación, tras varias décadas en paradoiro descoñecido, supón para nós un importante paso nos estudos da arte rupestre galaica e nomeadamente deste importante foco de arte rupestre da bisbarra compostelá que se estende de sur a norte entre o val do Ulla e do río Tambre.

Como acontecera no seu día coa redescuberta do petróglifo do Monte das Pedras ou Monte Castelo na area arqueolóxica de Ventosa (Ames), despois de máis de 60 anos desaparecido, a  recuperación desta nova área arqueolóxica de Fontecova debe ser un estímulo para seguir traballando na valorización da arte rupestre compostelá, ben no marco do Parque de Compostela Rupestre ou ben dende outros eidos tanto administrativos como académicos.

Trátase dunha zona que no seu día foi obxecto da atención de dous grandes investigadores Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza e Luís Monteagudo que constitúen, para o colectivo A Rula, dous grandes referentes, non só da arqueoloxía galega senón mesmo da nosa cultura xeral.

Fernando Alonso Romero e o noso compañeiro Antón na estación da Casa do Frade 2

Agradecemos o desafío que no seu día nos propuxo Fernando Alonso Romero, bo amigo de Luís Monteagudo e co que tivo a honra de visitar estas xoias patrimoniais esquecidas. As lembranzas de Fernando desas xornadas polos montes de Fontecova co seu antigo mestre, permitíronnos dar coa súa localización e achegarvos esta primeira análise das insculturas da estación redescuberta de Casa do Frade 2 e da nova estación de Casa do Frade 1. Agardemos que sexa só un primeiro paso para garantir a súa necesaria conservación e posterior valorización.

Grazas Fernando por confiar en nós, as xornadas de loita contra os toxos non son nada se finalmente acadas este enorme premio. Quen procura as cousas con ilusión sempre ten máis posibilidades de acadar o éxito, nesta ocasión sen as túas indicacións iniciais sería imposible reencontrarnos con este excepcional conxunto patrimonial oculto entre o mato, outra evidencia máis do lamentable estado de abandono no que se atopan os nosos montes.

(continuará…)

 

 

Á procura dos petróglifos do Monte da Fontecova (Compostela) I


Hai propostas que non se poden rexeitar, e máis se quen a fai é alguén como o profesor Fernando Alonso Romero. E si ademais, a proposta consiste na visita dun petróglifo compostelán descoñecido para nós, a obriga de atender á demanda é, si cabe, maior.

Compostela desde o Monte da Fontecova

Así, aceptamos sen pensalo moito e presentámonos puntuais á cita dominical co insigne historiador. Após un cafeliño rápido co que afrontar a nebulosa mañá fixemos unha rápida visita á ponte e Camiño Real  que cruzan o rego do Gatofero, no lugar do Bargo, parroquia de Santa María da Peregrina. A pesares do abandono ó que está entregado o lugar segue a transmitir unha beleza especial.

Este camiño e paso forman parte dun dos sete itinerarios medievais tradicionais polos que se chegaba a Compostela, en concreto do camiño que entraba pola Porta Subfratribus ou de San Francisco, e que comunicaba a cidade coa comarca de Bergantiños. Ademais, neste rego do Gatofero sitúase tamén o límite do Xiro da cidade, elemento fundamental para a xestión do seu couto xurisdicional.

Ponte do Gatofero

A sinxela ponte dun só arco parcialmente derruído, a medida calzada, a fermosa fervenza e os monumentais muíños conforman un conxunto de especial valor merecente dunha mellor consideración e trato por parte das administracións con competencias.

Muíños e fervenza do Gatofero

Tras esta primeira parada dirixímonos ó lugar de Pardaces de Arriba para, desde alí, ascender a pé un pequeño treito en dirección ó cumio do monte da Fontecova. Antes de iniciar o ascenso propiamente dito fixemos nova parada ante un vello coñecido, o petróglifo da Fontecova 1. Xa que ata o de agora non o tiñamos publicado aquí vai a súa descrición.

Camiño real ó seu paso polo Gatofero

O petróglifo da Fontecova 1.

Trátase dun xacemento do que tivemos coñecemento no ano 2015 grazas ó noso informante Marcos. Coordenadas UTM   29 T 535846 4750289. Datum WGS84.

Petróglifo da Fontecova 1. Panel 1.

Nunha pedra exenta de medianas dimensións situada á marxe do camiño e inmediata a un cruce se conserva na súa superficie un deseño irregular con forma de M realizado con un suco irregular e rematados con coviñas nos seus extremos. Pola forma en V da sección do suco faise evidente que foi elaborada, ou cando menos reavivada, con útiles metálicos. Ademais consérvanse varias coviñas de pequenas dimensións illadas distribuídas polo resto da superficie.

Petróglifo de Fontecova 1. Panel 1.

A menos de dous metros da pedra exenta localízase outra laxe con gravados. Sitúase no medio do camiño e, na actualidade, só unha pequena porcentaxe da súa superficie é visible. Nela consérvanse un total de 14 coviñas distribuídas sen unha orde aparente. Nunha ocasión máis debemos entender esta descrición como  provisional por incompleta, dada a porcentaxe de superficie que permanece oculta pola terra do camiño.

Petróglifo da Fontecova 1. Panel 2.

Engádese este xacemento á listaxe de laxes con arte rupestre da comarca alteradas por camiños ou outras obras civís, e, polo tanto, en continuo perigo. Entendemos que deberían, coa maior urxencia, ser obxecto das medidas que garantan a súa conservación.

Petróglifo da Fontecova 1. Panel 2.

O gravado histórico do cumio.

Deixamos atrás a nova descuberta e deseguido iniciamos o ascenso monte a través, en dirección a unha valga conformada por un pequeño regato e situada ao leste do cumio do monte, na que esperabamos atopar os gravados. Mais os sempre ameazadores toxos obrigáronnos a desviarnos cara a cima, e unha vez fomos conscientes de que non había volta atrás chegamos ata o recinto dos repetidores limpo de vexetación.

Deseño na cima da Fontecova

É o cumio da Fontecova rico en afloramentos graníticos, a maior parte deles moi alterados por actividades antrópicas diversas. Nun deles atopamos un estrano gravado histórico elaborado con útiles metálicos, se atendemos á sección en V do seu suco. Coordenadas UTM   29 T 535300 4750241. Datum WGS84.

O petróglifo da Fontecova 2.

Aventurarse a saír do camiño trazado nos nosos montes  é, con certeza, un dos deportes de máis alto risco que se poden practicar no país. A frondosidade extrema das toxeiras dificulta a orientación e a agresividade das súas espiñas retarda e fai moi penoso o avance. Mais nada novo que non saiba calquera que se dedique a coñecer o patrimonio localizado nos nosos montes.

Unha vez alcanzamos as antenas fuxindo dos toxos, procuramos un novo camiño polo que descender con menos esforzo na dirección desexada. Ao pouco tempo topamos cun novo muro verde que salvar para poder achegarnos ao primeiro dos afloramentos graníticos con posibilidades de ser o que andábamos a procurar. Trátase dunha peneda de grandes dimensións e destacada altura sobre a contorna inmediata. Nun extremo da superficie máis horizontal fomos quen de localizar ata catro coviñas.

Mais, pronto fomos conscientes de que non se trataba da laxe recordada por Fernando, polo que procedemos a documentala e démoslle a denominación de petróglifo da Fontecova 2. Quédanos pendente  o seu estudo detallado, xa que dadas as dimensións da peneda e que se atopa en boa parte tapado polo toxo foinos imposible realizar una primeira análise en boas condicións.

Coordenadas UTM 29 T 535587 4750529. Datum WGS84

Petróglifo da Fontecova 2. Detalle

Proseguimos a busca. A proximidade entre as distintas laxes permitíunos revisar boa parte delas antes de que a fame nos convencese de que xa eran horas de interromper temporalmente a pescuda. Volvemos ás nosas casas cansos, rabuñados e picados, mais coa reconfortante sensación de estar en marcha e máis preto do noso obxectivo.

Tocaba agora analizar de vagar o camiñado e fixar as novas zonas a escudriñar. Era o momento de contrastar a información recollida con aquela outra que xa posuíamos no noso arquivo. Durante a camiñata Fernando contou que a última vez que visitara o xacemento fora xa hai máis de 30 anos na compaña de Luis Monteagudo, falounos da súa localización nunha valga, ao carón dun pequeno rego, nunha laxe alongada que conservaba motivos tanto na superficie horizontal como na vertical (unha combinación circular) da peneda.

As fotografías do petróglifo da Fontecova de Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza.

Entre o grupo de  laxes da comarca coñecidas por Sobrino Lorenzo nos anos cincuenta do pasado século, figura unha referencia coa denominación de Monte da Cova, Figueiras.

Monte da Cova – Figueiras.  Fotografía de Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza. Arquivo Núñez – Sobrino.

A información que recollimos redúcese a 5 fotografías realizadas polo arqueólogo sobre o ano 1955 que esperamos poder comparar coa laxe que estamos a buscar.

Unhas semanas máis tarde, cando nolo permitiron os quefaceres diarios, retomamos a procura. E fixémolo dirixíndonos monte a través desde o sur cara o afloramento que denomináramos Fontecova 2, co fin de pesquisar os afloramentos de maiores dimensións visibles nos mapas aéreos situados ó sur deste. De novo abrímonos paso traballosamente entre a vexetación e fomos quen de alcanzalos, mais nunha primeira e rápida prospección non localizamos ninguna evidencia de arte rupestre.

Bibliografía e documentación.

  • Arquivo Nuñez – Sobrino.  Fotografías de Compostela (1939-1958), Ramón Sobrino Lorenzo.

O emblema da arte rupestre compostelá danado gravemente. Agresión aos gravados do Castriño de Conxo.


A primeira hora do pasado mércores 15 de maio recibimos unhas fotografías de varios gravados do Castriño de Conxo danados, algúns completamente riscados.

Esa mesma tarde non tardamos en achegarnos ata alí para facer unha primeira análise dos danos. A primeira vista observamos graves alteracións na pátina de catro figuras situadas no panel inferior da laxe, tres puñais e un escutiforme. Despois de observar detidamente as alteracións producidas observamos que empregaron algún elemento duro, posiblemente unha pedra, para riscar os motivos e, en varias figuras, tamén empregaron o mesmo elemento, ou outro similar, para remarcar o espazo entre os sucos. Como consecuencia da abrasión produciuse unha perda importante da pátina destas insculturas danando tamén as superficies internas das figuras. Nalgúns puntos concretos incluso observamos a perda de superficie pétrea.

Estamos ante unha agresión moi grave. Se tivésemos que escoller unha estación de arte rupestre para representar o conxunto das máis de 3500 pedras labradas na nosa prehistoria e espalladas por todo o territorio do país, a do Castriño de Conxo a ben seguro sería unha das principais candidatas. Se isto acontece nunha laxe tan emblemática e representativa do Grupo Galaico da Arte Rupestre imaxinade a situación na que se atopan a maioría destas manifestacións culturais que constitúen elementos fundamentais de calquera estudo que aborde a nosa Prehistoria.

Dende a súa descuberta, polos irrepetibles Ramón Sobrino Buhígas e o seu fillo Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza nos anos 30 do século pasado, a peneda da Cantaleta non ten deixado de proporcionarnos coñecementos fundamentais para o estudo da arte rupestre galaica e mesmo para o conxunto da Europa Atlántica.

Por desgraza, o  abandono que ten sufrido inmerecidamente todos estes anos, (reflexo do que acontece en xeral con estas manifestacións culturais) contribúe a “facilitar” estes actos incívicos e reprobables. O desleixo fomenta o vandalismo e as malas novas repítense a cotío.

Certo é, que os “vándalos” tamén atentan contra  elementos patrimoniais ben atendidos e coidados,  lembramos as recentes pintadas en varios elementos da Catedral, mais a resposta ós feitos foi, como corresponde, un rexeitamento social unánime e a rápida intervención das administracións competentes encamiñada a recuperar o danado.

Agardemos que polo menos esta desafortunada acción vandálica no petróglifo de Conxo sirva para sensibilizar ós nosos políticos e a cidadanía en xeral da urxente e necesaria actuación nesta área arqueoloxica, e que se faga coa mesma dilixencia que nos desafortunados “incidentes” na Catedral. Ambos elementos son pezas claves para preservar a nosa identidade, emblemas da nosa herdanza cultural e da nosa galeguidade. Son bens imprescindibles e insubstituíbles para a mellor comprensión do noso feito diferencial e merecen, por tanto, o mesmo tratamento.

Os continuos lumes devoran petróglifos que nin tan sequera chegamos a coñecer pero, para unha asociación como a nosa, os danos producidos polos “visitantes” son as máis dolorosas, pois contra iso debería haber remedio. Seguiremos tentando concienciar a cidadanía na importancia de preservar e valorizar este patrimonio. Non desistiremos no noso labor, e seguiremos coas visitas, coas exposicións, coas charlas nos coles… pois está claro que non podemos valorar o que descoñecemos. É o único xeito de acadar esa simbiose entre o patrimonio e a cidadanía que desexamos.

Acompañamos a esta publicación a denuncia formal que achegamos ao Servizo de Vixilancia e Inspección de Patrimonio Cultural da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Ao mesmo tempo, no mesmo día que tivemos coñecemento dos feitos, contactamos con Jorge Duarte, concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á vivenda, Mobilidade e Relacións veciñais do Concello de Santiago. que nos indicou a súa intención de desprazarse ata o lugar na maior brevidade para, a continuación, proceder a tomar as medidas pertinentes. No día de hoxe achegouse ata o xacemento xunto coa responsable do Servizo de arqueoloxía do concello. Esperamos que fagan o necesario para minimizar os danos e que isto non volva a suceder.

Ligazón á denuncia: https://drive.google.com/file/d/1WHuSWmt2iehyoeADatbTFzWPoJIMfzPx/view?usp=sharing

 

 

 

O Petróglifo das Forcadas en Corme, o valor da vontade


Unha vez máis achegámonos á Costa da Morte, á península de Corme, cultivando un saudable hábito que, para o Colectivo, estase a converter nun frutífero costume. Acudimos ao novo convite do concelleiro de Educación e Patrimonio do Concello de Ponteceso, Carlos Penedo. Visita que conta tamén, non podía ser doutro xeito, coa inestimable participación do inquedo Suso Lista.

Grazas ás vontades de Carlos e Suso logrouse artellar nos últimos anos un labor de divulgación e protección do patrimonio cormelán que ten xerado importantes logros, malia ás sempre presentes limitacións materiais e económicas. Boa mostra disto son os labores de limpeza e mantemento dos accesos e do contorno dos petróglifos da Fieiteira, Regadiña e do Petón da Campaíña realizadas periodicamente pola concellaría que dirixe Carlos, co obxectivo de garantir a boa conservación destes bens culturais. Asemade mellorou a súa accesibilidade co deseño, sinalización e difusión dunha ruta polos petróglifos de Corme, facilitando á veciñanza e cidadanía en xeral o seu desfrute, converténdoos nun recurso educativo, cultural e lúdico de gran valor e un elemento imprescindible para a comprensión da nosa prehistoria e a conformación da nosa identidade colectiva.

Panel 2. Pormenor

Estas accións complementanse con actividades encamiñadas a achegar á veciñanza estas mostras da arte rupestre cormelán, como a multitude de visitas organizadas por Suso en calquera momento do ano e abertas á participación de calquera persoa que teña interese.  Un bo xeito de continuar o traballo realizado coas xeiras nocturnas organizadas polo Concello e nas que tivemos a oportunidade de colaborar nestas tres últimas edicións.

Petróglifo das Forcadas. Vista cenital

Todos estes esforzos e outros moitos teñen servido para difundir o importante valor social, cultural e educativo destes petróglifos e para aumentar a apreciación polo seu patrimonio por parte dos habitantes de Ponteceso e os seus visitantes. Os resultados obtidos, nuns poucos anos por tan só estas dúas vontades, faise evidente e énchenos de optimismo animándonos a seguir no noso labor asociativo.

Quede aquí o noso agradecemento polo labor feito e por ternos permitido formar parte destes proxectos.

Congostra de acceso ao petróglifo

O petróglifo das Forcadas

Nesta ocasión, o noso primeiro destino, unha vez chegamos a Corme foi a estación rupestre localizada por Suso Lista que divulgou polas redes sociais o pasado 22 de marzo, e que el mesmo bautizou como petróglifo das Forcadas.

Mapa de situación dos principais petróglifos de Corme

Localízase no lugar das Forcadas, ao remate dos terreos máis pronunciados do Meixueiro (92 m),  (coordenadas UTM 29T 503922 4790990. Altitude 65 msnm. Datum WGS 84) polo que ten unha posición predominante sobre a súa contorna inmediata, os núcleos de Corme Porto e Corme Aldea, a pesar da pouca altitude na que se localiza.

Trátase dun afloramento granítico de boas dimensións que ocupa aproximadamente 10 m2 de superficie moi irregular e pouco destacada sobre o terreo. Presenta una boa cantidade de pías naturais producidas por procesos de meteorizacións químicas e físicas que co tempo produciron formas moi complexas e  plásticas, á imaxe da estación próxima da Fieiteira, a tan só 600 metros de distancia.

Petróglifo das Forcadas. Pía natural

Dada a irregularidade da superficie dividimos a estación en catro paneis para facilitar a súa descrición. Unha vez máis, debemos sinalar que a nosa descrición debe entenderse como provisional xa que boa parte do afloramento se encontra cuberto por terra e vexetación polo que estamos seguros que a súa limpeza  proporcionará a posibilidade de obter unha descrición máis completa con posibles novos motivos.

Panel 1. Nunha estreita laxe apenas destacada sobre o terreo consérvanse nunha superficie bastante regular un bo número de coviñas (16), un círculo con coviña central, así como outros sucos que poderían conformar outros deseños agora case irrecoñecibles  debida á erosión sufrida.

Panel 1

Panel 1. Reconstrución fotogramétrica

Panel 2. É a superficie de maiores dimensións do afloramento e a que máis motivos conserva. Comezamos a descrición desde o extremo oeste. Nesta zona o afloramento presenta a superficie máis elevada e cunha forma lixeiramente convexa que cae cara o norte. Presenta un conxunto de pías naturais encadeadas.

Panel 2, sección oeste

Os motivos conservados presentan unha forte erosión, o que fai moi difícil a súa visualización. O motivo principal é unha combinación circular conformada por dous círculos concéntricos e unha coviña central. Desta parte un suco de saída cara o norte que se completa con outras liñas conformando un rectángulo incompleto. Ó oeste desta combinación apreciamos outra posible combinación moi erosionada.

Panel 2. Sección oeste. Combinación circular e rectángulo

Esta sección sepárase por diáclases da zona leste que presenta una superficie máis horizontal e regular. Nela consérvanse unha serie de motivos que poñen esta estación en relación directa coas estacións da Fieiteira e a Regadiña, os escaleriformes (de ata 46 cm de largo), os cruciformes e os círculos simples con cruces inscritas.

Panel 2. Sector leste. recostrución fotogramétrica

Os cruciformes (de ata 32 cm de largo) presentan unha forma característica que recorda ao dunha forcada polo que podería deducirse que estamos ante a causa deste microtopónimo, As Forcadas, aplicado a toda esta paraxe.  Outros cruciformes presentan deseños máis complexos. Compleméntase este panel con coviñas (de ata 9 cm de diámetro), e círculos simples con cruz inscrita.

Panel 2. Sección leste. Detalle

Panel 3. Ocupa a parte central do afloramento unha laxe a rás de chán e superficie moi regular. Na parte visible deste panel consérvanse dúas cruces con coviña no extremo superior. Complétanse con coviñas illadas.

Panel 3

Panel 4. Localízase no extremo norte do afloramento e presenta a superficie máis irregular configurada por multitude de pías de diversos tamaños.

Panel 4. Vista xeral

Dada a súa forma faise moi difícil determinar que elementos son produto da erosión natural daqueles que son produto do labor antrópico, mais na superficie máis regular e horizontal no extremo norleste identificamos 3 coviñas.

A modo de resumo podemos indicar que se trata dunha estación moi interesante ao conservarse nela motivos típicos do grupo Galego de Arte Rupestre Prehistórica, por exemplo  a combinación de aneis concéntricos, xunto con otros máis atípicos pero común a outras estacións do promontorio de Corme, os escaleiriformes, cruciformes e círculos con cruces inscritas.

Ademais, se analizamos os sucos destes motivos podemos observar diferenzas evidentes entre o suco moi erosionado e sección en U moi aberta da combinación circular e os sucos menos erosionados dos escaleriformes, así como os sucos con sección en V dalgúns dos cruciformes. Isto podería indicar que foron elaborados con distintas técnicas, o que tamén podería estar a indicar unha feitura diacrónica entre eles.

Mapa cos límites parroquiais e a localización dos petróglifos

Outro elemento de interese que comparte coa estación da Fieiteira é que a situación de ambas coincide co límite entre as parroquias de Corme Porto e Corme Aldea.

Por último queremos indicar o erro existente na localización no visor do Plan Básico Autonómico da estación da Fieiteira. Esperamos que os recentes traballos de revisión do catálogo patrimonial promovido pola Dirección Xeral de Patrimonio sirva para correxir este e outros erros semellantes.

Panel 4. Coviñas

Unha inscrición con misterio

A seguinte parada sinalada no noso itinerario cormelán levounos ata a sinxela Capela de San Xosé e San Francisco. Trátase dunha pequena edificación relixiosa de carácter rural localizada no centro de Corme Aldea.

Poucos datos contrastables puidemos atopar sobre este templo. En distintos lugares de internet a describen como una capela barroca de tipoloxía rural, levantada no século XVII. As fontes consultadas sinalan que no interior se conserva o arco triunfal de orixe románica, mais nesta ocasión non puidemos acceder. Tamén se indica que conserva anacos dos muros románicos orixinais e dúas inscricións, unha delas supostamente do século VII (aínda que sospeitabamos que fora datada erroneamente). A capela formaría parte dun conxunto coa casa reitoral, agora en ruínas.

Ocupámonos nesta ocasión de dar luz á inscrición que nos amosou Suso Lista e da que achegamos a seguinte proposta de transcrición:

“OMNES MORIMUR IN DOMINO

TANQUAN AQUA DECURRENS PER

SUU CURSU MERGIBUS

ANNO A NOSTRUM DOMINI M

DCLXXXVI IESU KRISTO REGNANTE”

Reconstrucción fotogramétrica da inscrición

Trátase dun pensamento de carácter transcendente sobre a morte, de non doada tradución, que podería interpretarse, salvo mellor criterio como:

Todos morremos (corremos cara, imos, acabamos) no Señor, como levados (mergullados) na auga que flúe polo seu cauce. No ano do Noso Señor de 1686. Xesús Cristo Reinante“.

A transcrición complicouse por mor da erosión e, posiblemente, dunha limpeza agresiva e inadecuada que dificulta a lectura de varias grafías que se atopan moi esvaecidas. Sen os modelos fotogramétricos realizados dificilmente poderíamos facilitarvos a súa transcrición.

Queremos agradecer o esforzo realizado na transcrición e tradución por parte de Juan Andrés Fernández, que novamamente demostrou a súa mestría neste eido e a súa habilidade á hora de facilitarnos a lectura destas vellas inscricións epigráficas. Grazas tamén ás xestións realizadas por Jorge Fernández.

Segundo o citado investigador, esta inscrición de eminente carácter funerario, é posible que “formase parte da parede ou entrada dun camposanto, e, ó tempo de construción da capela se reutilizase nesta”.

Illa da Estrela dende a Praia da Ermida

Un capitel á deriva

Xa co sol rematando o seu camiñar diario chegamos á Praia da Ermida. Este fermoso paraxe natural sitúase fronte o centro urbano de Corme-Porto, ao surleste deste. Conforma unha pequena enseada, cunha praia metade área, metade coídos,  separada da veciña praia de Osmo ao norte pola Punta da Furna e que remata ao sur na Punta Sapeira e o coído que a une, en marea baixa, coa lendaria Illa da Estrela.

Véñennos á mente moitas razóns polas que visitar esta paraxe, mais nesta ocasión o obxecto do noso interese localizábase ao sur da praia. Entre os milleiros de pedras graníticas de tamaños e formas diversas destacaba unha pola súa forma regular, outra descuberta de Suso, un capitel granítico de boas dimensións que formaría parte dunha pilastra cunha columna acaroada. Presenta decoracións vexetais simples (follas lisas de grandes dimensións) nas tres caras esculpidas e na base conserva un colariño semicircular.

Capitel na praia da Estrela

A simplicidade do deseño complica o facer unha proposta cronolóxica. Deixamos aquí a teoría de Suso pola que “este capitel procedería da vella capela da Illa da Estrela e chegou á praia cando caeu do carro que o trasladaba a terra xunto a outras pedras do desmantelado templo“.

Na Illa da Estrela están catalogados un castro e as ruínas da ermida que lle da nome. Recolle M. Saralegui no 1918 na súa obra “Los monumentos megalíticos en España” a seguinte lenda:

“Alí pola Illa da Estrela e pola Praia vivían unhas xentes que tiñan un rei e un día viñeron os mouros e destruiron a súa ciudá, botándolle pedras dende o monte de enriba.”

Illa da Estrela, vista cenital

Monte Castelo 4. Un novo petróglifo na contorna do Castro de Monte Castelo, Ames


A localización de laxes con arte rupestre nos castros galegos non é, nin moito menos, un feito inusual. Tanto é así que uns dos petróglifos que primeiro chamaron a atención dos eruditos, a principios do século pasado, foron os localizados no castro de Santa Tegra [1], gravados que serviron de base para a elaboración de diferentes propostas cronolóxicas para esta manifestación cultural da nosa prehistoria por parte de distinguidos investigadores neste ámbito.

No heteroxéneo conxunto de petróglifos conservados en castros, ou no seu contorno inmediato, destaca cuantitativamente o  grupo de paneis compostos só por coviñas. A estes, en boa parte pola súa simplicidade, sempre lles acompaña unha indeterminación cronolóxica que levou ós especialistas a centrar a súa atención noutros conxuntos máis “académicos” para focalizar os seus estudos.

A imposibilidade de realizar sobre estes petróglifos de coviñas análises tipolóxicas complexas obriga a que o esforzo investigador se teña que concentrar no estudo de determinados aspectos tales como os soportes elixidos, a súa distribución territorial das laxes así como a distribución destas coviñas pola propia superficie das laxes. Porén, o valor achegado é, en moitas ocasións, de gran importancia pois permítenos afondar na  identificación de posibles patróns de comportamento, tanto no que se refire a elección dos soportes a gravar como na distribución interna dos motivos na superficie pétrea.

Monte Castelo 4. Detalle coa laxe mollada.

Consideramos que sería preciso avanzar unha necesaria terceira vía de investigación que aborde o estudo das posibles relacións entre os distintos soportes con motivos de distinta tipoloxía nos grupos rupestres conformados por varias laxes. Un bo exemplo é o do conxunto da Devesa da Rula en Villestro, onde, nun espazo moi reducido, atopamos laxes con motivos naturalistas, laxes con motivos xeométricos “complexos” e laxes só con coviñas producindo a sensación de estarmos diante dunha especie de “santuario” rupestre onde as distintas laxes teñen significados diferentes pero complementarios á súa vez.

Outro motivo polo que prestarlle a debida atención a laxes desta tipoloxía é que estamos a visibilizar só fragmentos, partes de afloramentos graníticos  como o que agora presentamos, no que boa parte da súa superficie permanece oculta. Deste xeito moitos petróglifos que inicialmente só rexistramos como “laxe con coviñas” (foi o caso do recentemente publicado petróglifo de Ventín,) posteriores traballos confirman a presenza dun repertorio maior de gravados. Debemos sinalar polo tanto que o feito de ter un coñecemento tan parcial de moitos dos petróglifos galegos catalogados fai que a clasificación tipolóxica dos motivos presentes nelas teña que ser aceptada só como provisoria e deba ser revisada.

Mais, para poder chegar a todo isto, é preciso comezar pola realización dunha descrición dos xacementos o máis detallada posible, notificar e solicitar a súa óptima valoración previa e posterior catalogación por parte da Dirección Xeral de Patrimonio e garantir a súa correcta conservación. Na procura do seu cumprimento é polo que agora presentamos unha nova laxe que localizamos hai uns días nas proximidades do castro de Monte Castelo, na parroquia amiense de Santo Estevo de Covas.

Localización

Coordenadas UTM 29 T 529888 4748608. Altitude 114 msnm. [2].

Sitúase no lugar de Castelo, na aba do monte onde se conserva o castro de Monte Castelo, na ladeira sur que descende cara o leste, ó encontro do Rego Luceiro, e a  escasos 200 metros da croa do xacemento.

Castro de Monte Castelo. Debuxo de Enrique Campo, xuño de 1909. Museo de Pontevedra.

Este poboado é un xacemento con características tipolóxicas propias da Idade do Ferro. Nunca foi obxecto de traballos arqueolóxicos, mais por desgraza sufriu graves alteracións polas obras de diversas construcións levantadas na segunda metade do século pasado (con posterioridade a 1957), concretamente varias vivendas con xardíns e edificacións auxiliares e ata un campo de fútbol, elementos que teñen modificado a súa fisionomía.

Plano Lidar no que destaca a presenza do castro. Sinalados o castro e os petroglifos de Monte Castelo 1 e a Peneda Negra

Na súa ficha de catalogación  faise a seguinte descrición:

Presenta una croa de forma tendente a circular situada  no punto de inflexión dun rechán bastante amplo, o que  ocasiona que aquela estea lixeiramente inclinada de norte a sur. O parapeto defensivo que delimita a croa amosa una altura máxima, na face interior, de 2 m na zona noroeste, onde presenta unas mellores condicións de conservación. No norte e nordés foi profundamente alterado por medios mecánicos no  transcurso dos traballos de planta de eucalipto, mentres que no sur padeceu o achandado nas obras de construcción dunha casa. Ao oeste da croa, e a uns 40  de distancia do parapeto delimitador, existe un terraplén de forma semicircular, disposto concéntricamente a ela, que constitúe unha superficie aterrazada que ben poidera  corresponder a un antecastro.

A pouco máis de 400 metros ó norte atópase o petróglifo de Monte Castelo 1.

O petroglifo localízase nun espazo de terreo ocupado por unha plantación de árbores froiteiras. Consultando os distintos mapas do PNOA vemos que ata a remoción de terra para realizar a plantación, executada entre os anos 2010 e 2011, o terreo estaba ocupado por un piñeiral. Nas imaxes do voo americano de 1956-57 podemos ver a zona era  monte baixo ou pradaría e preto una ampla zona de prados e terreos de labranza. Tamén se pode apreciar a croa do castro, moi ben conservado naqueles tempos.

Imaxe do voo aéreo americano de 1956 onde se ve a localización do petroglifo e a muralla da croa do castro

Na actualidade é un dos petróglifos, desta área, máis próximos ás terras baixas do val, a tan só 114 metros de altitude sobre o nivel do mar.

Descrición

Consérvanse nun afloramento granítico de grandes dimensións situado a ras de chan. Trátase dunha laxe de gran fino e superficie horizontal moi homoxénea que se atopa cuberta de terra en máis de dúas terceiras partes da súa superficie.

Monte Castelo. Reconstitución fotogramétrica

Nas poucas superficies visibles localizamos un total de máis de 40 coviñas de distintas dimensións e distribuídas sen orde aparente, aínda que unha observación máis detida permite adivinar varias posibles aliñacións. Algunhas destas coviñas ordéanse seguindo as diáclases naturais (tamén cabe a posibilidade de que se trate de sucos antrópicos  moi alterados pola erosión que as unían).

Monte Castelo 4. Imaxe aérea

Consideramos provisoria esta descrición posto que si analizamos a morfoloxía do afloramento pódese intuír que máis de dúas terceiras partes da laxe está tapada por unha fina capa de terra vexetal. Cremos que non é moi aventurado pensar que na superficie oculta se conserven máis motivos.

De todos modos esta apreciación debe ser collida coa debida cautela pola súa subxectividade, pois, por outra banda, a laxe presenta tamén evidentes danos que poden ser derivados dos subsolados executados con maquinaria pesada produto dos traballos de plantación das froiteiras.

Esperamos que no futuro os traballos de rexistro e posta en valor desta área arqueolóxica nos permitan saír de dúbidas.

Monte Castelo 2. Deseño de Enrique Campo no 1909.

Por que Monte Castelo 4?

Pois porque, como xa contamos noutra ocasión, na excursión que realizaron aló polo ano 1909 Henrique Campo Sobrino e Henrique Mayer guiados por Óscar Lojo Batalla o excelente debuxante da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra debuxou dúas laxes con gravados, a redescuberta no ano 2015 e unha segunda que segue a estar perdida a día de hoxe. Esta laxe desaparecida, á imaxe da descrita neste post, estaría composta só por coviñas.

Por último está catalogada Monte Castelo 3 (GA 15002065), localizada  no ano 2016 no contorno inmediato de Monte Castelo 1, durante as tarefas de limpeza e restauración da estación número 1. Conserva dúas coviñas.

Unha alternativa que valoramos para a identificación da laxe é a posibilidade de que estivésemos diante de Monte Castelo 2, ou o que é o mesmo, que a laxe agora presentada fose a mesma que localizaron naquela mítica expedición Campo e compaña a principios do século pasado. Mais polos datos que dispoñemos (debuxos e descricións antigas) pensamos que son dúas estacións diferentes.

Notas.

[1]  Calvo, 1924; Jalhay, 1934; Mergelina, 1944.

[2] Datum WGS1984. Segundo consta no catastro sitúase no denominado “Agro das Leiras”.

Bibliografía.

 

Os petróglifos do Outeiro do Recosto en Boallo


En lembranza de todos aqueles, que como Roberto Mouzo, loitaron e loitan por defender, protexer e divulgar o patrimonio cultural da Costa da Morte

O Colectivo A Rula regresa a Vimianzo nunha nova xeira nocturna polos petróglifos deste termo municipal que terá lugar o vindeiro sábado 14 de xullo. Non podiamos desaproveitar a ocasión de dar a coñecer á veciñanza e aos curiosos que se acheguen a Vimianzo estas interesantes mostras da nosa arte rupestre atlántica que, por desgraza, aínda seguen a ser moi descoñecidas.

E podemos facelo grazas ó convite do Concello de Vimianzo que segue a dar mostras do interese pola recuperación e divulgación do seu relevante patrimonio cultural. Nos últimos anos feitos como a posta en valor do Castro das Barreiras en Ogas, a recente adquisición do dolmen da Pedra Cuberta, as limpezas periódicas na contorna dos petróglifos ou dólmenes, ou as reunións e acordos cos propietarios que facilitaron a valorización destes bens culturais a través dos técnicos municipais, son boas mostras disto.

Plano de situación. Os petróglifos preto do linde municipal con Muxía.

Si o ano pasado visitamos os petróglifos de Pedrouzos en Berdoias, nesta ocasión cruzamos á outra beira do río Castro para achegarmos ós petróglifos do Outeiro de Recosto no lugar de Boallo.

Boallo, terras dos Lema

Na aldea de Boallo destaca a presenza dos restos do antigo Pazo de Boallo, adquirido recentemente polo arquitecto Julio Vázquez, o que ocasionou unha polémica confrontación co propio Concello que aínda se mantén na actualidade.

Hoxe só permanecen as ruínas do que foi unha das casas señoriais máis antigas da Costa da Morte, ligada á liñaxe dos Lema. Xa subliñamos nun post anterior, dedicado ós petróglifos de Berdoias, a relevancia e protagonismo desta liñaxe, e principalmente da figura de Alonso de Lema II, na historia de Soneira.

Pazo de Boallo

Persoeiros desta familia fidalga inspiraron a varios protagonistas da novela “A Costa do Solpor” do profesor e historiador vimiancés X.M. Lema Suárez, que tamén recompila datos e feitos históricos desta familia en varios dos seus ensaios.

Nesta ocasión foi o seu fillo, Martiño de Castiñeira, o promotor deste segundo inmoble situado no lugar de Boallo no ano 1637. Esta secular construción civil pacega fica na actualidade en estado ruinoso e en completo abandono, pero aínda conserva importantes vestixios que revelan a súa grandeza noutrora.

Entre toxos, silveiras, xestas e hedras pódense ollar importantes elementos da fábrica primitiva, como a súa solaina cuberta cara o nacente, a escaleira de pedra con patín que daba acceso ó sobrado ou a lareira coa súa impoñente cheminea.

Alén do pazo o conxunto patrimonial complétase con dous hórreos de estilo fisterrá, un lavadoiro, un cruceiro (que xa perdeu a cruz) e unha capeliña baixo advocación de San Roque, hoxe convertida en corte para as ovellas que campan pola horta e manteñen a raia a vexetación na contorna do pazo.

Non podemos tampouco esquecer o pombal no linde da antiga propiedade do pazo e que hoxe pertence a outra familia da aldea.

Os petróglifos do Outeiro do Recosto

Localización

No linde do antigo Couto de Berdoias e Boallo localízase o Outeiro de Recosto onde se conservan dúas estacións de arte rupestre prehistórico de inicios da Idade do Bronce.

Trátase dun outeiro conformado por un afloramento granítico de grandes dimensións rodeado por explotacións forestais de eucalipto. A parte alta rochosa do outeiro impide o uso forestal do terreo e constitúe un magnífico miradoiro das veigas situadas a rentes do río Castro que transcorre paseniño a uns centos de metros do Outeiro.

Ás beiras do río consérvase unha interesante fraga coas características especies de ribeira e atravesada por vellos camiños de acceso ó pazo, hoxe recuperados como senda alternativa da variante do camiño xacobeo cara Muxía, que conecta os lugares de Boallo e Berdoias.

A descuberta

As primeiras novas dos petróglifos do Outeiro do Recosto datan do ano 1997. A edición local da Voz de Galicia do 9 de novembro abría dando conta do achado da estación 1 por parte do veciño da zona, Manuel Soto Caamaño, durante unha xornada de caza. Un feito que constituíu a localización da primeira gran manifestación artística desta tipoloxía nas terras vimianceiras, onde os grandes megalíticos neolíticos copaban as principais referencias á prehistoria deste concello.

O achado suscitou rapidamente a atención e interese dos investigadores locais e afeccionados á arqueoloxía como o edil, Moncho Gándara, e o malogrado investigador e perito agrícola, Roberto Mouzo, autor do primeiro informe e único deseño realizado ata agora para tentar reproducir e rexistrar os diferentes motivos insculturados.

A nova xornalística tamén recolle as primeiras valoracións do arqueólogo Xosé María Bello Diéguez que confirma a importancia da descuberta e data os gravados na Idade do Bronce. Finalmente, o artigo pecha cunha interesante reflexión do propio xornalista asinante, X. Ameixeiras, e que podemos extrapolar os nosos días (pois segue moi vixente)

“El estado de los petroglifos de Boallo demuestra dos cosas. La primera es que el yacimiento, al igual que muchos otros, se salvo de puro milagro porque muy cerca se perciben las huellas de la extracción de roca para obras de cantería. La segunda es que un cazador puede hacer tanto por la conservación del patrimonio histórico artístico como el mejor arqueólogo, que suele estar a la espera de que lleguen las noticias de los hallazgos”

A descuberta da segunda estación denominada “Pedra Mosqueira”, localizada no lado oposto do Outeiro, débese tamén ó investigador Roberto Mouzo pouco tempo despois do achado da estación principal, outra mostra do relevante papel exercido por este enxeñeiro agrónomo na divulgación da cultura das terras de Soneira e que acertadamente recoñeceu o actual equipo de goberno de Vimianzo na homenaxe organizada o pasado ano.

Pedra Mosqueira. Foto Manuel Rial

Descricións dos gravados

Como ben recolle Roberto Mouzo no seu informe inicial, trátase de gravados de temática xeométrica ou abstracta que caracterizan ás estacións prehistóricas de arte rupestre de estilo atlántico e que podemos datar entre o Neolítico Final e o Bronce Inicial (uns 4500 anos de antigüidade).

Deseño dos petróglifos de Boallo por Roberto Mouzo

Estación 1 – Petróglifo do Outeiro

No cumio do afloramento granítico,  nunha laxe lixeiramente inclinada (Coordenadas: 29 T 491984 4768351), ó abrigo doutra laxe de maiores dimensións, que a cobre parcialmente, figura nun único panel de pouco máis dun metro cadrado de superficie. Nel consérvanse ata 9 combinacións de círculos concéntricos con coviña central con diámetros comprendidos entre os 44 e os 10 centímetros. Son gravados realizados coa técnica tradicional, mediante percusión e abrasión con instrumentos de pedra, posiblemente seixo.

Na parte inferior do panel figuran as combinacións circulares de maior tamaño que posúen 5 e 4 aneis respectivamente. Catro das combinacións circulares presentan un radio de saída que parte da coviña central. A combinación circular de maiores dimensións presenta dous sucos de saída, un orientado ó leste e outro ó sur que enlaza cunha figura de difícil descrición debido ó enorme desgaste que presenta na zona máis próxima ó chan.

Fotogrametría

No extremo oeste, e tamén ó carón do chan, os modelos 3d realizados permítenos rexistrar un conxunto inédito dunhas 15 coviñas e restos doutras combinacións case imperceptibles. O desgaste do suco é maior nesta parte do panel pois é por onde descende a auga. A pesar da antigüidade do petróglifo e ós efectos erosivos produto da acción continuada dos axentes naturais sobre os gravados, o seu estado xeral é bastante bo, con gravados que presentan uns 2 centímetros de profundidade media.

Estación 2 – Pedra Mosqueira

Situado no lado oposto do outeiro e na parte oriental deste afloramento granítico (Coordenadas: 29 T 492015 4768378) figura unha laxe con características moi diferentes, unha rocha horizontal que apenas sobresae do chan e que conta cunha soa combinación circular de 3 aneis e coviña central duns 30 centímetros de diámetro.

Pedra Mosqueira

Atópase na parte central do panel aproveitando a protuberancia natural do penedo e posúe dous sucos de saída que parten da coviña central cara o NE e L e conectan con dous pequenos grupos de coviñas moi erosionadas. Completan o panel outras coviñas illadas e distribuídas sen orde aparente pola rocha.

Fotogrametría

Debido ao elevado grado de erosión dos gravados non desbotamos a posible existencia doutros motivos practicamente imperceptibles que puideran rexistrarse con diferentes metodoloxías no futuro.

Debuxo de Rubén Rial do Petróglifo do Outeiro do Recosto (libro “unha historia de Vimianzo”)

O estado de conservación desta segunda estación é bastante malo e a súa visualización polo día é complicada polo que acostuma pasar desapercibida ós visitantes que se achegan ó Outeiro de Recosto.

Rematamos incidindo no noso agradecemento ó Concello de Vimianzo polo seu convite e as xestións realizadas polo seu técnico Manuel Rial que permitiron a realización desta nova xeira nocturna pola arte rupestre prehistórica de Vimianzo.

Bibliografía.

Lema Suárez, X.Mª: A Terra de Soneira: no corazón da Costa da Morte. Ed.Xerais, Vigo, 2010
Mouzo, R. & Xoubanova, F.: Inventario do Patrimonio Arqueolóxico do Concello de Vimianzo. Vimianzo, 1987 (inédito).
Rial, Manuel & Rial Rubén: Unha historia de Vimianzo, A Coruña, 2018

Chan de Lamas. O primeiro gran cervo da Estrada


Introdución

O excepcional petróglifo do Chan de Lamas convértese na última gran achega ao catálogo patrimonial do Concello da Estrada. Un termo municipal de enorme extensión no que se conservan centos de bens culturais. Como sinala a propia guía turística do Concello:

“a Estrada ofrece ao visitante con interese polo patrimonio tantas opcións que lle resultará imposible coñecelas nunha única visita”,

e subliña a presenza de ducias de igrexas románicas, castelos e torres medievais, máis de 120 mámoas, 22 castros, 3 asentamentos romanos e só 2 petróglifos.

Costa dos Cabalos. Estación 1

Estes 2 petróglifos, que recolle o actual inventario patrimonial do PXOM da Estrada (aprobado o 1 de outubro de 2013), están situados na paraxe da Costa dos Cabalos na parroquia de San Xurxo de Vea.

Costa dos Cabalos. Estación 1

Trátase de dous interesantes petróglifos compostos por gravados xeométricos que, lamentablemente a día de hoxe, seguen esquecidos entre o mato, e incluso un deles foi danado gravemente a finais do ano 2016, segundo recolle un informe redactado polo arqueólogo Mario Cesar Vila. [1]

Costa dos Cabalos. Estación 2

O achado da primeira estación de arte rupestre no Concello da Estrada data do ano 1938, cando un veciño das Quintas, Jesús Romar Castro, localizou na croa do Castro das Quintas (ou de Codeseda) un pequeno gravado exento, hoxe depositado no Museo Arqueolóxico de Pontevedra. Deste achado deron conta Federico Maciñeira e posteriormente Fermín Bouza Brey, nun artigo publicado no Boletín da Real Academia Gallega. [2]

Petróglifo de Codeseda. Imaxe e calco. Hoxe no Museo de Pontevedra

Oitenta anos despois, agardamos que a descuberta desta última gran estación sexa un acicate que abra a porta a novas liñas de investigación e traballos que con certeza incrementarán o anómalo número de xacementos con arte rupestre catalogados neste concello, tendo en conta o elevado número de petróglifos inventariados nos concellos limítrofes (Teo, Cerdedo – Cotobade, Silleda, Cuntis, etc).

Costa dos Cabalos. Pormenor da estación 2 (antes dos danos)

Esta falta de homoxeneidade na distribución espacial da arte rupestre cremos que se debe atribuír á falta de estudos sistemáticos e continuados neste Concello producto, en boa medida, do desleixo por parte das institucións e administracións competentes na conservación e protección do noso patrimonio, pois nestes últimos anos os xornais locais deron conta da descuberta de máis de trinta novas estacións no Concello da Estrada que a día de hoxe permanecen no esquecemento, pendentes da súa catalogación e inclusión no actual Plan Autonómico da Xunta en fase de exposición pública.

Costa dos Cabalos 2, antes dos danos

A gran maioría destes achados débense ao traballo da Asociación Codeseda Viva e principalmente ao do seu socio máis activo neste eido, Jorge Fernández. Tamén cómpre sinalar as recentes achegas doutro activo colectivo, o Colectivo Capitán Gosende, que nos últimos meses deron a coñecer novos xacementos nesta zona.[3]

Costa dos Cabalos. Estación 1

É o seu labor outra mostra máis da relevancia do papel destes colectivos sociais e afeccionados á arqueoloxía, que xogaron e están a xogar un importante papel para o coñecemento da arte rupestre, a pesar do escaso recoñecemento e axudas que recibimos por parte das diferentes administracións públicas.

A descuberta

Tal e como recolle a nova do xornal Faro de Vigo do pasado 28 de xuño, o petróglifo do Chan de Lamas (así bautizado polo seu descubridor) foi localizado hai só uns días polo estradense Jorge Fernández Guerra, membro da Asociación Codeseda Viva. A descuberta tivo lugar durante os traballos de recoñecemento e supervisión da ruta homologada recentemente polo Sur do Concello e impulsada pola propia asociación, PR-G 197 Codeseda – Rapa das Bestas.[4]

Jorge o descubridor na laxe

O propio Jorge Fernández, co que mantemos amizade e colaboracións permanentes, púxose en contacto co Colectivo A Rula para que puideramos valorar o seu achado. Deste xeito, e só uns días despois, tivemos a fortuna de que varios membros de Codeseda Viva nos guiaran ata o xacemento e nos amosaran o impresionante entorno natural desta serra, nunha xeira ao solpor que quedará na memoria dos membros do Colectivo e entrará na pequena historia que de vagar vai percorrendo A Rula.

Situación

O petróglifo do Chan de Lamas localízase no linde entre as parroquias de Codeseda e Souto, a menos de 200 metros do límite co Concello de Cerdedo – Cotobade (Coordenadas Utm: 29 T 544284 4714682). Trátase dun xacemento inédito que non figura no actual inventario patrimonial do PXOM estradense nin temos constancia da súa presenza no Catálogo do Patrimonio Galego da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Mapa de situación

Os bens catalogados máis próximos serían as dúas mámoas de Pena Redonda na parroquia de Quireza (Cerdedo – Campo Lameiro) a uns 650 metros. Porén, na Pena Cerval, outra das referencias espaciais destes Chans das Lamas, foi localizado outra estación inédita con coviñas situada a uns 500 metros do petróglifo. Tendo en conta os recentes achados, e si consideramos que non se teñen realizado traballos de campo sistemáticos nesta paraxe, é máis que probable a futura aparición de novas estacións.

A Laxe atópase a media altura no Outeiro do Couto das Ladras (689 m.).[5] que domina a extensa chaira coñecida como Chan de Lamas, que da nome ao petróglifo. É unha paisaxe virxe, sen arboreda, azoutada polo vento e só alterada pola actividade e tránsito das greas de cabalos salvaxes que a vindeira fin de semana, e como acontece anualmente, serán conducidos ao curro de Sabucedo onde serán rapados e os novos poldros marcados.

Vista xeral da chaira desde a estación

A laxe situada a 665 metros sobre o nivel do mar lémbranos pola súa localización a outras grandes estacións de arte rupestre con motivos naturalistas que, como neste caso, posúen un amplo dominio visual da súa contorna, zonas de pastos con brañas e mananciais ou pequenos regatos, como o Rego do Souto que nutre de vida a estes chans lamacentos situados ao pé e na redonda deste outeiro.

Descrición da Laxe e gravados do Petróglifo do Chan de Lamas

O petróglifo do Chan de Lamas conta con dous paneis insculturados de diferente factura, tipoloxía e pode que diferente cronoloxía. Están situados nunha gran peneda de 14 m de longo x 11,50 de ancho. Esta laxe inclinada está orientada ó leste con gran dominio visual á chaira da contorna e ó regato do Souto.

Vista xeral do afloramento desde a chaira

Panel 1

Na parte superior da laxe localízase o primeiro panel insculturado con motivos de tipoloxía xeométrica característicos da arte atlántica.

Na parte máis plana e elevada desta gran peneda salienta a presenza dunha combinación circular de 3 aneis e coviña central de 39 cm de diámetro.

Panel 1

Na parte superior da combinación e unida a ela por un pequeno trazo curvo figuran 18 coviñas aliñadas en 3 fileiras independentes que dende un punto central abrense en abano. Unha estraña disposición nun ángulo de 45º que lembra a cornamenta dos grandes cérvidos. Fóra destes aliñamentos aparecen illadas outras 5 coviñas sen orde aparente. Os diametros das coviñas oscilan entre os 4 e 7 cm cunha profundidade variable entre os 1 e 3 cm.

Panel 1. Fotogrametría.

O estado de conservación dos gravados é, en xeral, bastante bo. A combinación circular presenta un suco en “U” duns 2 cm e a súa observación é doada a calquera hora do día. Foi, precisamente, a súa fácil visualización o que permitiu a súa descuberta e a posterior localización do resto dos gravados de ambos paneis.

Panel 2

Locálizase na parte inferior e máis vertical da laxe, que mira ao leste. O panel ten como único motivo representado un gran cuadrúpede de 83 cm de longo (do fuciño á cola) por 40 cm de altura (da pezuña dianteira á testa) situado nunha posición central no panel. Trátase dun deseño elaborado coa técnica habitual de dobre suco sobre un soporte granítico de gran fino e nun panel vertical orientado ao pequeno val do Rego do Souto e os Chans de Lamas.

Panel 2

A pesar de carecer de falo e de gran cornamenta, consideramos que se trata dun cérvido polas súas características estilísticas, concretamente unha femia ou un exemplar novo con cornos aínda pouco desenvoltos.

O deseño do cervo coincide co denonimado “canon do Lérez medio” (Vázquez Rozas, 1997) ou “estilizado curvo” (Santos Estévez, 2008) cun tronco ancho e cuartos traseiros moi esaxerados. As proporcións do tronco, colo e extremidades gardan certa correspondencia coa realidade natural. O tronco é sempre máis ancho que o colo e as extremidades, ó mesmo tempo que os cuartos traseiros son máis voluminosos que os dianteiros. Porén, é a curva ondulante do lomo do animal, a chamada curva “cérvico – dorsal” (Vázquez Rozas), o trazo máis característico destes cuadrúpedes do val do Lérez, esencialmente en Campo Lameiro, Cotobade e Moraña e moi puntual noutras zonas. Comeza cunha curva ampla sobre os cuartos traseiros, baixa cara inflexión suave da base do colo e prolongase en arco ata a cabeza.

Panel 2. Fotogrametría

A diferenza doutros grandes cérvidos coñecidos, o cervo da laxe do Chan de Lamas carece de pormenores anatómicos, agás dous pequenos cornos na cabeza e un pequeno trazo que prolonga a liña dorsal e que puidera representar a orella. Tamén cabe destacar a característica cola deseñada cun simple apéndice curvo precedido dun trazo recto que caracteriza a esta tipoloxía formal dos cérvidos do val do Lérez.

É un deseño en perfil coas extremidades lixeiramente inclinadas cara adiante para potenciar a sensación de movemento que logra coa posición sobreelevada dos cuartos traseiros sobre os dianteiros. O artista tenta plasmar o cervo brincando e ascendendo pola ladeira do outeiro en dirección N-S, cara a esquerda do observador. Ambas extremidades dianteiras e traseiras rematan nunha mesma liña horizontal, se ben os sucos que conforman as patas dianteiras teñen diferente lonxitude e péchase cun pequeno trazo diagonal.

Conservación

O estado dos gravados de ambos paneis é moi bo o que permite a visualización dos diferentes motivos con luz diurna, a excepción de certos trazos como os cornos do cervo. Esta boa percepción facilitará o seu aproveitamento social.

Un petróglifo excepcional

Son moitas as razóns polas que o petróglifo do Chan de Lamas debe ser considerado como un xacemento de moito interese dentro do Grupo Galaico da Arte Rupestre. En primeiro lugar, subliñar que é a primeira gran estación de arte figurativa localizada no Concello da Estrada.

Polo grande porte do cervo debemos incluír esta nova estación no pequeno e selecto grupo de petróglifos con grandes cérvidos, a maioría deles moi coñecidos, como os petróglifos dos Carballos (Campo Lameiro), A Forneiriña (Campo Lameiro), Rotea do Mendo (Campo Lameiro), Campo das Cuñas (Ponte Caldelas), Coto das Sombriñas (Ponte Caldelas), Campo Grande (Porto do Son), Laxe da Sartaña (Porto do Son), Os Mouchos (Rianxo), Laxe dos Cebros (Oia), etc.

Grandes cervos de Campo Lameiro

Como indicabamos, o seu deseño remítenos á tipoloxía das coñecidas estacións do Lérez polo que a nova estación do Chan de Lamas amplía a área de extensión deste grupo de cérvidos estilizados e de gran tamaño ata a bacía do Umia.

Outro aspecto significativo é a presenza de dous paneis tan diferentes nunha mesma laxe. Un primer panel clásico da arte atlántica de tipo xeométrico con combinacións circulares e coviñas (aínda que estas última teñan unha estraña disposición), e outro panel de carácter figurativo, separados entre si só uns metros. Ambos comparten o mesmo afloramento granítico pero a disposición dos gravados, tipoloxía e soportes empregados son totalmente distintos o que nos leva a considerar a idea de diferentes autorías e incluso diferentes momentos cronolóxicos.

Pese a isto non debemos perder de vista o feito de que todos os motivos foron gravados no mesmo afloramento, sen que se observen procesos de solapamento, eliminación ou reinterpretación en ningún dos motivos. De pertenceren a momentos cronolóxicos distintos semella que os motivos máis antigos foron respetados, polo que non semella que teñan perdido o seu significado para a comunidade que grava os novos. Así  o “novo motivo” complementa ou completa o significado dos anteriores.

Chan da Carballeira. Calco de Antonio de la Peña Santos

Outra das características máis chamativas deste segundo panel é o feito de que posúa un gran cervo como único motivo, cando o normal noutras estacións coñecidas é que estes grandes cuadrúpedes aparezan representandos ao carón de outros zoomorfos de menores dimensións.

Tamén salienta o feito de que sexa un gran cervo con pequena cornamenta cando estes cuadrúpedes adoitan ser grandes cervos machos que posúen espectaculares e irreais cornamentas e un excesivo falo. Neste caso a vella interpretación dos investigadores clásicos de asociar as figuras destes grandes cérvidos adultos machos cunha representación metafórica e alegórica do universo masculino e das grandes castes de guerreiros non se cumpliría. Tampouco se trata dun animal cazado, habitual nos grandes cérvidos representados noutras laxes, e polo tanto non estariamos diante dunha escena de caza.

Localización da estación

Porén, quizais o aspecto máis interesante sexa a súa localización a grande altitude, a nada menos que 665 m.s.n.m. Aínda que figura nun emplazamento e disposición semellante a outras estacións de grandes cuadrúpedes é probablemente o cérvido de gran tamaño situado a maior altitude de todos os coñecidos. Un feito que racha coas teorías tradicionais e implica a revisión e estudo das chairas e brañas altas nas que normalmente non contabamos con localizar este tipo de representacións naturalistas. Estacións analizadas previamente como casos illados, por exemplo o petróglifo da Chan da Carballeira en Morillas (526 m), deberán ser reconsideradas coa localización de novos cérvidos de gran porte a gran altura nos últimos anos como o petróglifo da Pedra Follada no Barbanza (505 m) e a citada do Chan das Lamas (665 m).

Parecidos razoables

Como sinalamos o deseño estilístico do cervo remítenos ós petróglifos da bacía do Lérez e, como referimos anteriormente, principalmente os petróglifos dos Concellos de Cerdedo – Cotobade, Campo Lameiro e Moraña. Imos citar a modo de exemplo algúns deles.

Ardegán IV. Calco de Antonio de la Peña Santos

No Concello de Moraña destaca a estación IV do Monte Ardegán en San Martiño de Gargantáns, un clásico do noso repertorio que merecía maior atención e coidado. No panel principal deste petróglifo destacan tres cérvidos aliñados e orientados no mesmo sentido, de esquerda a dereita, quizáis representando as liñas de tránsito na paisaxe. Estes cervos, aínda que de menores dimensións, presentan grandes semellanzas formais co gran cuadrúpede da Estrada, con corpos estilizados, a característica curva dorsal, os cuartos traseiros sobredimensionados, a pequena cola e mesmo os seus pequenos cornos.

Ardegán. Panel IV.

No concello de Campo Lameiro podemos sinalar varias estacións, mais cómpre referirnos pola súa similitude formal e tamén pola súa situación a gran altitude á estación 2 da paraxe do Chan da Carballeira en Morillas. Aínda que menos coñecida que a estación 1 (a estación da escena de monta), nesta segunda estación figura un panel con tres cérvidos a diferente altura e tamén orientados de esquerda a dereita. Todos posúen características semellantes pero o cervo central conta cunhas dimensións e formas case idénticas ó cervo do Petróglifo do Chan das Lamas. A diferencia principal é que neste caso sí conta cunha gran cornamenta.

Chan da Carballeira. Imaxe e fotogrametría

Tamén neste concello de Campo Lameiro débese destacar o gran cervo das Pedreiras na parroquia de Paredes, ó Sul dos límites do PAAR, aínda que fora do itinerario visitable. As súas dimensións son case idénticas (85 cm de longo) e tamén figura como o único zoomorfo no panel. A forma voluminosa dos cuartos traseiros, con ese pequeno trazo recto antes da pequena cola, e a disposición adiantada das extremidades, coincide coa figura do Chan das Lamas aínda que neste caso volve a representarse un gran cervo macho lanzado.

Petróglifo das Pedreiras – Paredes

Unha factura tamén moi similar (quizais da mesma autoría) ao cervo da estación da Pedra Furada que sí figura no circuito da área arqueolóxica. Descoñecemos as causas polas que esta excepcional estación descuberta hai só uns anos carece das mesmas medidas de protección que o resto das estacións situadas na área visitable.

Petróglifo das Pedreiras. Fotogrametría

Interpretación

Desafortunadamente descoñecemos o significado real deste grande cérvido, máis consideramos evidente a súa interpretación en relación coa paisaxe da súa contorna e coas actividades das comunidades que o gravaron. O Chan de Lamas foi e segue sendo un espazo acaído para o tránsito natural e o agrupamento dos animais salvaxes, unha chaira ampla con mananciais e pasteiros fértiles idóneos para a cría dos animais. Sería lóxico que estes animais se concentraran nestas chairas altas. Podemos, por tanto, interpretar o gravado como un fito delimitador desta zona onde tería lugar o seguimento, caza ou agrupamento dos animais salvaxes.

Chan de Lamas desde o petróglifo da Pena do Cerval.

O arqueólogo M. Santos Estévez (2014), nun artigo que versa sobre a posible asociación entre os curros e os petróglifos, considera que nestas brañas superiores tería lugar o primeiro agrupamento das greas de cabalos salvaxes antes da súa condución cara unha segunda zona de brañas nunha cota inferior onde se separarían os machos antes de ser conducidos ós curros.

Chan de Lamas. Panel 1

A súa teoría apoiase na presenza de numerosos e relevantes petróglifos preto de diferentes curros tradicionais en distintas zonas do territorio galego. Neste sentido, o novo petróglifo do Chan de Lamas e o petróglifo da Pedra Follada no Barbanza, con características parellas en relación ao seu emprazamento e ambos en zonas de tradición de curros, avaliarían a súa hipótese.

Porén, é evidente que a principal diferenza entre os petróglifos e os curros son os animais que protagonizan as escenas. Neste sentido argumenta a posible substitución do cervo polo cabalo, “animais de gran afinidade semántica” un feito que segundo o autor caracteriza “ás artes plásticas da Idade do Ferro Europeo”. Ó respecto podemos engadir a curiosa aparición de certos cervos montados en diferentes estacións situados polo territorio galego como o Petróglifo do Río Angueira 2 (Teo), As Martizas (Campo Lameiro) e Nabal do Martiño (Pontecaldelas).

Solpor no Chan de Lamas

Unha teoría interesante, debemos tomala con cautela, e que podemos relacionar coa intensificación das actividades pastorís na transición da Idade do Bronce ó Ferro. Neste sentido, ábrese unha posible liña de investigación futura da probable relación entre os petróglifos do Chan de Lamas e a tradición do Curro de Sabucedo situado a menos de 4 quilómetros.

Agradecementos

O colectivo A Rula quere parabenizar á Asociación Codeseda Viva polo excepcional achado, en especial o seu descubridor Jorge Fernández, e agradecer a confianza depositada na Rula para a realización desta primeira análise do petróglifo do Chan de Lamas que agardemos desperte o interese das administracións públicas competentes e axilice os trámites para a súa catalogación e posterior valorización social.

Notas

[1] Informe realizado ao respecto dos traballos de “Inventario, catalogación e proposta de delimitación planimétrica dos petroglifos inéditos localizados na comarca de Santiago de Compostela” localizados polo Colectivo A Rula (Nov-Dec. 2016).

[2] Bouza Brey, F. “Grabado rupestre del Castro de Codeseda”. Boletín de la Real Academia Gallega. T. 23, núm. 265 (1942). P. 6-10.

[3] https://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2018/06/30/pedrafita-codeseda-e-petroglifo-quireza/1920486.html

[4] Concretamente polas parroquias de Codeseda, Souto, Ribela e Sabucedo. 

[5] Situado na parroquia de Souto.

Bibliografía.

  • Bouza Brey, F. “Grabado rupestre del Castro de Codeseda”. Boletín de la Real Academia Gallega. T. 23, núm. 265 (1942). P. 6-10.
  • Fernández Castro. J.A. “Gravados Rupestres na Estrada: da Idade do Bronce aos nosos días”. Revista Miscelanea, 2011. p. 211-232
  • Santos Estévez, M. “Curros na Idade do Ferro? Unha proposta etnoarqueolóxica”, Revista Fol de Veneno, 2014, p 135-145
  • Vázquez Varela, J.M. “A domesticación dende unha perspectiva etnoarqueolóxica: os cabalos de monte do curro de Sabucedo”. Revista Gallaecia núm. 25, 2005. USC. p. 445-455
  • Vila, M. C. et al. “Inventario, catalogación e proposta de delimitación planimétrica dos petróglifos inéditos na comarca de Compostela”. Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.Nov-Dec. 2016.
  • Catálogo de Bens Arqueolóxicos do PXOM da Estrada, Xullo 2013 (Visier Arquitectos, S.L.P.)

Visita á Devesa da Rula cos nenos de 3º do CEIP de Roxos. 2018


Convencidos de que o futuro está nas mans dos nenos, aceptamos un ano máis a petición dos profesores da Escola de Primaria de Roxos para acompañalos ao núcleo central da Arte Rupestre Compostelá: O Val de Villestro. e quedamos citados para a mañá do luns 18 de xullo.

Desprovistos do cinismo e desilusión que moitos adultos acumulamos ao longo dos anos, a totalidade dos 35 nenos dos dous grupos de 3º de primaria que nos acompañaron mostraron un interese, ilusión e, sobre todo, un espírito de aprender formidable, algo que nos debería inspirar a todos, ou, coma mínimo, facernos pensar.

En resposta ás grazas dos entusiastas profesores da escola que nos acompañaron na viaxe pola, segundo eles, ‘mostra desinteresada que lles ofrecemos’, debemos sempre insistir en algo que moitos educadores, titores e país aínda non teñen moi claro: que o que nós achegamos aos nenos é o de menos, e que o que máis importa é o que eles nos achegan a nós, o que eles sempre nos ensinan, todo aquilo que imos perdendo ao longo do tempo e, seguramente por debilidade, non sabemos, non podemos ou non queremos recuperar.

Esta excursión iniciámola ás portas do val, moi preto da escola de Roxos, que ten o privilexio de estar situada mirando cara montañas cheas de gravados rupestres que delimitan o val de Villestro. Importante era poñer en contexto a situación dentro do territorio, do país e do planeta.

Moitos nenos van de casa á escola en coche e non saben que o máis prezado e valioso que existe é todo aquilo que lles rodea, precisamente o que nunca se paran a ver porque sempre imos ‘sen tempo’. Non é misterio ningún que esta disociación entre o ser humano e a terra onde vive e que lle da sustento, é o cancro do noso tempo.

Provistos dun pequeno mapa do val, cada nena e neno, co mapa ben agarradiño nunha man, tivo que guiarse cara ó monte na procura deses misteriosos debuxos, círculos e marcas gravadas polos nosos antepasados na pedra hai moitos moitos anos…

O plan, orixinalmente, consistía en visitar 7 estacións de arte rupestre, por ser este un número clave na mitoloxía antiga, aínda que despois ampliamos a visita a algúns outros paneis próximos, en resposta ao interese que mostraron os nosos pequenos (pero moi grandes) acompañantes.