De descubertas e outras debilidades. A voltas co Castriño de Conxo


Non hai moito tempo, concretamente o 31 de outubro do pasado ano, publicou o Correo Gallego a seguinte nova “Encuentran un nuevo grabado rupestre en el Castriño de Conxo”. Tratábase da suposta descuberta por parte de Jose Barral dunha nova espada no impresionante petróglifo. Nun primeiro momento a nova xerounos certas dúbidas pero logo da visita ao lugar fixemos unha entrada no noso blog informando do novo motivo xunto cun segundo motivo que conseguiramos fotografar.

Conxo rula 3

Ao mesmo tempo aproveitábamos para amosar outros motivos non recollidos en calcos anteriores e insistimos na necesidade dun estudo mais meticuloso da laxe.

A cousa íase a enredar mais,  e o pasado 3 de xaneiro de novo o Correo Gallego recolleu unha nova sobre o Castriño, La asociación Rocha Forte señala que descubrieron en 2012 el petroglifo de Conxo. Detrás deste mal titular recóllese a pretensión da Asociación Cultural Rocha Forte de reclamar a descuberta como propia. Esta supostamente fora realizada con motivo duns traballos de fotogrametría 3D realizada pola empresa Topterra en xaneiro de 2012.

Todo isto levounos a facer unha revisión minuciosa da bibliografía existente sobre o Castriño de Conxo e nesta ocasión si atopamos unha imaxe das dúas espadas descubertas no ano 1986 pola estudosa María José Soto Barreiro. Con esta imaxe si podemos confirmar que nin foi Jose Barral nin a Asociación Cultural Rocha Forte os primeiros en rexistrar documentalmente estes dous motivos e podemos afirmar que foi a especialista e unha das mellores coñecedoras dos petróglifos da comarca de Santiago, aos que lle dedicou a súa tese doutoral,  María José Soto Barreiro, a primeira en facelo. É unha mágoa que o seu traballo, o máis completo a día de hoxe sobre os petróglifos da nosa comarca permaneza inédito, o cal dificulta o seu coñecemento os investigadores interesados.

Na súa tese recolle:

Los grabados están repartidos en tres agrupaciones, con frecuencia de la zona más plana, excepción hecha de las dos espadas nuevas (Dichas espadas fueron descubiertas por la autora de esta Memoria de Licenciatura, mientras realizaba los correspondientes trabajos de limpieza.) que se encuentran en una pendiente fuertemente inclinada.1

E prosegue:

Mención aparte merecen las dos espadas que se encontraban bajo el parapeto defensivo, previamente se habían observado tres pequeños trazos convergentes, que corresponderían a la punta de la más grande.

E na descrición dos motivos, onde lles da os números 8 e 9 engade:

Espada nº 8: Semejante a las primeramente descritas, muy deteriorada presenta restos de acanaladuras laterales y empuñaduras.

Espada nº 9: Similar a las primeras descritas con nervio central y acanaladuras laterales.

Debe sinalarse que no calco da rocha que acompaña a esta descrición non se inclúen estes dous motivos.

De novo no ano 1987 a mesma autora recollerá a descrición destes motivos no Catálogo de xacementos prerromanos do concello de Santiago elaborado polo Departamento de Historia I da Universidade de Santiago de Compostela, acompañando á descrición a seguinte fotografía dos motivos.2

espadas novas do castriño de conxo atopadas por M.J.Soto Barreiro no 1986

A partires desta publicación os gravados desaparecen das posteriores publicacións e calcos realizados por distintos autores sobre o petróglifo do Castriño de Conxo.

Polo que respecta á nova alabarda comentada na anterior entrada non temos información relativa a súa presenza en estudos anteriores. O mesmo ocorre coas imaxes do escutiforme completo, mais cremos que o petróglifo do Castriño de Conxo necesita dun estudo completo de todos os seus motivos que permita dar unha imaxe o máis completa e actualizada posible de todos os motivos que contén.

Quixemos facer esta entrada para que servise como advertencia para nós mesmos e para outros dos perigos que pode producir o facerse eco de novidades sen realizar unha concienciuda comprobación previa. Esperamos que nos teña servido de lección e no futuro non volver a cometer o mesmo erro.

_____________________________________________________________

1 Soto Barreiro, M. J. “Los petroglifos prehistóricos de la Comarca de Santiago”. (1986).  Tese de Licenciatura inédita. Páx. 105 a 128.
2 VVAA. Catalogación de yacimientos prerromanos del ayuntamiento de Santiago”. (1987). Arqueoloxía / Investigación 3. Xunta de Galicia. Páx. 64 a 69. 

Un petróglifo con vistas


Santa Tegra

O castro de Santa Trega encabeza todos os anos a lista dos lugares arqueolóxicos máis visitados do noso rico patrimonio, mais pode que pola beleza do enclave natural no que se asenta  ou pola  súa monumentalidade os numerosos e moi interesantes petróglifos existentes tanto no seu interior como na contorna inmediata adoitan ser esquecidos polos visitantes que se achegan a desfrutar de este fermoso lugar.

Pola contra os estudosos e afeccionados a nosa arte rupestre si lle prestaron atención a estes gravados desde tempo atrás (Calvo, 1924; Jalhay, 1934; Mergelina, 1944), principalmente por tres motivos: por tratarse do entorno castrexo de Galiza con maior número de grabados rupestres documentados, pola inusual presenza de gran cantidade de espirais e finalmente por ter sido utilizados como referentes para situar o límite cronolóxico da arte rupestre galega (Peña Santos, 1986; Costas Goberna, 1988), conclusión extraída polos estudosos da aparente falta de interese cara esta manifestación por parte dos habitantes do castro o teren construido sobre varias das rochas con motivos insculturados.

Os membros do Colectivo A Rula pese a non poderen presumir de moita máis evolución que os habitantes do Trega si amosamos  un maior interese cara os nosos petróglifos polo que levamos feito algunha que outra escapadiña para visitalos. Nunha destas visitas, o noso secretario localizou unha nova laxe inédita, e non catalogada ata o momento, que na actualidade forma parte do vestíbulo dunha das cabanas reconstruídas nos anos 1965 e 1972.

Santa Tegra cabana

Cabana en cuxo interior atópase o gravado

A laxe presenta dous sinxelos motivos cun suco en U moi erosionado. Trátase dunha combinación de dous círculos concéntricos con coviña central e un segundo círculo simple máis erosionado case imperceptible con luz natural. Ambos motivos son de pequenas dimensións e a maior presenta unha “especie” de posible apéndice configurado máis por medio do volume que por medio de sucos.

A pedra na que se sitúan semella ter sido reutilizada para a construcción ou posterior reconstrucción da cabana descoñecéndose a súa orixe, mais non semella moi arriscado propor un lugar próximo vista a similitude estilística con outros motivos coñecidos do interior do castro.

Xa para rematar compre sinalar as fermosas vistas das ruínas das construcións castrexas que se poden contemplar desde a actual ubicación da gravura recollidas nas seguintes imaxes producto do bo facer da nosa fichaxe do sur.

Santa Tegra-2

Santa Tegra-3

Coordenadas UTM (Datum WGS84): 29 T 510839 4637870

Para saber mais: