Este pasado verán Juan Antonio Pisco Camino deu cunha laxe con gravados rupestres mentres paseaba pola contorna da súa casa familiar no pequeno núcleo habitado do Barro, aos pés do monte de Santa Mariña. Esta elevación, senlleira pola súa presenza na paisaxe e pola tradición popular que lle atribúe o poder de orientar os ventos e as chuvias, é tamén o escenario dunha afamada romaría. En tempos, contou cunha capela, derrubada en 1791 por orde dun visitador, debido ás dificultades para o seu mantemento e ás “inmoralidades” que, segundo as fontes, acontecían durante a romaría.
A escasos 90 metros da canle do rego de Failde Juan Antonio observou unha laxe oculta nas sombras dunha mesta plantación de abetos. Por sorte, decatouse do valor dos seus petróglifos e procurando axuda púxose en contacto con nós coa intención de que a súa descuberta non quedase no esquecemento. Así é que, grazas a Juan Antonio, presentamos o estudo desta nova laxe “insculturada” que, consideramos, de gran interese tanto polos motivos que conserva como pola súa localización no concello da Baña onde case non existen exemplos coñecidos de arte rupestre Atlántica. Ata o momento só se tiñan identificado dúas pedras exentas e unha estación cunha combinación de círculos concéntricos.
No ano 2021, iniciamos unha calmada revisión dos xacementos con arte rupestre catalogados no concello da Baña co obxectivo de coñecer a distribución cara o norte do conxunto rupestre da comarca de Santiago. No mes de maio dese ano publicamos a revisión da estación da Pena de Alde, unha estación con motivos posiblemente prehistóricos, coviñas, xunto con alfabetiformes de clara adscrición histórica e que só constaba no catálogo como unha mera referencia, ao non terse podido localizar na última actualización de bens patrimoniais do concello.
O noso seguinte obxectivo foi o Petróglifo do Libreiro (GA15007072) xa que, segundo os datos recollidos nas fichas patrimoniais, trátase dun dos dous xacementos con representacións de círculos concéntricos coñecidos no concello, sendo segundo estas fichas do PBA e o PXOM os motivos conservados nos restantes xacementos rupestres coviñas, cruciformes ou trazos liñais. A pesares dos nosos esforzos non fomos quen de localizar o petróglifo do Libreiro, como tampouco o conxunto dos petróglifos do Cruceiro Vello, pero durante as nosas pescudas si documentamos as graves alteracións producidas na mámoa de Campo Redondo polos traballos de subsolado do terreo para a plantación de eucaliptos.
Seguindo os catálogos oficiais o segundo xacemento con círculos concéntricos coñecido no concello da Baña é o petróglifo exento de Mourela – Fonte Piñeiro, localizado na parroquia de San Cibrán da Barcala e conservado na actualidade no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón. Ata os anos 90 conservábase incorporado á estrutura dunha fonte situada a uns 100 metros do lugar do seu achado, información que recollemos da Tese de Licenciatura de Juan José Alonso Braña, “Contribución al estudio del fenómeno tumular y megalítico en el bajo Tambre”.
É unha pequena pedra granítica exenta de pequenas dimensións e formas irregulares que ten gravada nunha das súas caras dúas combinacións circulares, a de maior tamaño formada por tres círculos concéntricos con coviña central e unha segunda de menores dimensións formada por dous círculos concéntricos e coviña central. Completan o conxunto varias coviñas.
A listaxe de estacións rupestres no concello con círculos concéntricos remata con outra pedra exenta, non recollida nos catálogos oficiais, a recuperada a finais da primeira metade do século pasado no camiño de Troitomil a Lañas, na parroquia de Fiopáns, polo ilustre arqueólogo Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza.
Deste petróglifo exento de Fiopáns só conservamos un feixe de fotografías e as notas manuscritas do diario do arqueólogo nas que deixa constancia da súa descuberta, do descubridor (Canedo) e un debuxo do motivo coas súas medidas. Na nota, datada no 19 de setembro de 1950, indica que o petróglifo se deposita na “finca de G. Varela”, presumible referencia ao Pazo de Lens, residencia do seu amigo Gustavo Varela Gutiérrez de Caviedes compañeiro nas numerosas procuras rupestres do investigador na comarca compostelá nas décadas dos 40 e 50 do pasado século.
Así é que, grazas a Juan Antonio Pisco, o novo petróglifo do Rego de Failde convértese na cuarta estación rupestre con Arte Atlántica descuberta no concello da Baña e, como trataremos de amosar a continuación, trátase do panel máis complexo de todos os descubertos ata o momento.
O petróglifo do Rego de Failde
Situación
A estación rupestre do Rego de Failde localízase no lugar de Sobre Pereira, a poucos metros ao noroeste do núcleo do Barro de Abaixo, no val conformado polos regos da Baña e de Failde que desembocan no río Albariña, que a súa vez morre no Barcala. Este val disponse en dirección norte-sur.
Coordenadas: N 42 58.460, W 8 44.701 WGS84 (EPSG: 4326) Altitude 336 metros
Sitúase a uns 80 metros ao leste da canle principal do rego de Failde que discorre en dirección norte-sur e tamén a uns 80 ao norte dun dos seus brazos, que discorre en dirección leste-oeste. O terreo no que se localiza ten unha lixeira pendente cara o oeste e, na actualidade, está ocupado por unha mesta plantación de coníferas.
Os xacementos arqueolóxicos máis próximos a esta estación son:
- Ao oeste, a 1,63 km, o Castelo da Carballa ou Castelo de Pilas (GA15007031), posible xacemento medieval, e o Castro de Liñares ou Castro Grande (GA15007029), a 2,1 Km;
- Ao norte, a 1,75 km, as sepulturas do xacemento do Campo da Billa (GA15007020) e a mámoa de Campo Redondo a 1,7 km;
- Ao nordés, a 1,5 km, a necrópole megalítica de Cotón Grande formada por catro mámoas catalogadas; ao leste, a 1,7 km, os restos da capela medieval de Santa Mariña (GA15007074) e
- Ao sudeste a necrópole da Revolta Vella, a 2 km.
Descrición
Trátase dunha rocha granítica (granitoide biotítico segundo o mapa xeolóxico do IGME). A laxe apenas sobresae sobre o terreo uns 40 cm. A parte visible do afloramento ten forma de améndoa e unha superficie bastante regular con forma de lombo de balea. Destaca a súa aparente dureza e a presenza na súa superficie dun amplo rebaixe de escasa profundidade. Boa parte da súa superficie presenta numerosas fendeduras rectilíneas e estreitas, posiblemente como resultado do uso de maquinaria sobre o soporte. Este tipo de estrías ou gretas paralelas podemos vinculalas ao emprego do arado ou á grade. Nas imaxes do voo americano de 1956-7 apréciase que nese momento a parcela empregábase como terreo de labranza.
Identificamos 7 combinacións de círculos concéntricos e multitude de coviñas, así como algúns trazos de difícil identificación e restos doutras posibles combinacións.
Ocupan unha posición central no panel as tres combinacións circulares de maiores dimensións. Dúas delas teñen un bo estado de conservación. A de maior tamaño é a combinación A que está formada por 5 círculos concéntricos e varias coviñas no espazo interior. Ten un diámetro de 52 cm. Destas coviñas parten dous sucos que a comunican coas outras dúas combinacións circulares B e D. Está parcialmente atravesada por unha fractura natural.
A segunda combinación B é de menores dimensións, ten un diámetro de 36 cm. Tamén está formada por 5 círculos concéntricos cunha soa coviña central, da que parte un suco que a comunica coa combinación D. Do círculo exterior tamén parte un suco que a comunica co centro da combinación A. Está “coroada” por un motivo con forma de M que non chega a pechar o espazo entre ela e a combinación.

A combinación C ten un diámetro de 38 cm e presenta un notable “desgaste”, aínda que se poden identificar 5 círculos concéntricos. Esta combinación aparece parcialmente superposta á combinación circular D.
A combinación circular D está “moi erosionada” polo que só é visible parcialmente e empregando a fotogrametría ou a iluminación artificial rasante. Está formada, polo menos, por 3 círculos concéntricos, deixando un amplo espazo central no que non se aprecia a presenza de coviñas.
Próxima a combinación B, ao sur, identificamos unha combinación circular moi esvaída E, só perceptible por medio da fotogrametría. Identificamos nela ata tres círculos concéntricos e varios radios de entrada/saída. Ten un diámetro de 25 cm.
Ocupando a mesma zona lateral podemos identificar outra combinación circular (G), tamén moi erosionada, e formada por cando menos un círculo e unha coviña central. Ten un diámetro de 19 cm. Nesa mesma zona lateral obsérvanse na fotogrametría restos do que poderían ter sido outras dúas combinacións circulares.
Na metade leste da superficie as coviñas distribúense por dentro e por fóra da superficie rebaixada sen unha orde aparente. Nela consérvase a última combinación circular (F), a de menores dimensións, con un diámetro de 17 cm. Está formada por dous círculos concéntricos e coviña central. Varias coviñas próximas a ela semellan conservar parcialmente aneis moi esvaídos.

Unha pequena análise
Son varias as características a destacar desta estación do Rego de Failde:
En primeiro lugar, resalta a forma amendoada do soporte que lle da unha aparencia similar a dun menhir caído. Neste aspecto, presenta un gran parecido coa estación rupestre de Pozo Ventura en Poio.
Outra característica de interese é a orientación do soporte, leste-oeste no seu eixo máis longo, aínda que descoñecemos se a elección do soporte para gravar procuraba esta característica ou só foi produto do azar.
Se analizamos ao detalle as características e as diferenzas existentes entre as distintas combinacións circulares tamén podemos extraer interesantes datos.
A maioría das combinacións caracterízanse por ter sido elaboradas cunha coidada xeometría e boas dimensións, destacando neste senso os motivos centrais (A, B e C). Só as reducidas dimensións da combinación F afástanse do grupo.
O principal elemento diferencial do conxunto é a diferente profundidade dos sucos que presentan os motivos, o que produce que estes se aprecien de xeito moi diferente. É demasiado habitual atribuír á erosión a diferente nitidez dos motivos dun mesmo panel, a pesar das advertencias dos xeólogos, que consideran o desgaste practicamente insignificante debido á alta resistencia do noso granito fronte á erosión ao longo de 4000 anos nos penedos graníticos. E son poucos os autores que lle dan a debida importancia a elección consciente dos gravadores de elaborar motivos con sucos de diferentes profundidades.
Neste panel son as figuras centrais as de elaboración máis coidada, as de maiores dimensións e as que teñen os sucos máis profundos. Estas diferenzas son algo habitual, observables en numerosos paneis da nosa arte rupestre, nos que maioritariamente os motivos de maiores dimensións están mellor elaborados e presentan sucos máis profundos ocupan as posicións centrais e máis destacadas dos paneis e debuxos, a modo de recurso para a “xerarquización dos motivos” por parte dos gravadores. (Vázquez Rozas).
Agora ben, compre tratar de determinar se esta “xerarquización dos motivos” é un recurso empregado polos gravadores ou é o resultado de procesos de reavivado, reempregro ou reinterpretacións posteriores, analizando os motivos de xeito individual.
Neste panel temos, por unha banda, as combinacións de sucos profundos A, B e F, que ocupan posicións centrais e, un segundo grupo formado polas combinacións de sucos pouco profundos C, D, E e G, entendendo que estas diferenzas son fundamentalmente consecuencia do emprego dunha técnica de elaboración diferente dando como resultado sucos menos profundos.
Neste segundo grupo existe unha superposición dos motivos C e D, na que semella que D está por enriba de C. Esta superposición está a indicar unha nova fase no proceso gravador. Esta apreciación refórzase cando observamos os sucos que unen as distintas combinacións. Curiosamente, os sucos parten das combinacións A e B e comunicaas coa combinación D, evitando no seu percorrido a combinación C máis próxima e de maiores dimensións.
En resumo, analizando as diferenzas existentes entre os diferentes motivos podemos propor varios momentos de gravación:
1- Elaboración dos motivos de sucos profundos A, B e F.
2- Elaboración dos motivos C, E e G de sucos pouco profundos.
3- Elaboración do motivo D e os sucos que o relacionan cos motivos A e B.
Como xa analizou Xulio Fernández Pintos en numerosos casos, moitos destes paneis de gravados son, en boa medida, o resultado de procesos de “concorrencia e emulación”. É dicir, a presenza de gravados nunha superficie propicia a adición de novos motivos que imitan ou reinterpretan os iniciais. Coiamos que o petróglifo do Rego de Failde é un exemplo destacado deste fenómeno.
Addenda O petróglifo do Libreiro (GA15007072)
Recentemente contactamos co investigador Juan José Alonso Braña, autor da tese de licenciatura Contribución al estudio del fenómeno tumular y megalítico en el bajo Tambre, na que documentou o petróglifo do Libreiro. Solicitámoslle axuda para localizar esta estación, e amablemente facilitounos as coordenadas. Grazas a esta información puidemos achegarnos ao lugar e levar a cabo un estudo que tiñamos pendente desta estación rupestre do concello da Baña, incluída no repertorio de Arte Atlántica. Porén, non atopamos nada relevante na superficie indicada, nin sequera empregando fotogrametría, polo que consideramos esta estación desaparecida ou inexistente.
Rematamos agradecendo de novo a Juan Antonio Pisco os seus esforzos para que a súa descuberta non caese no esquecemento e procedemos a notificar a Dirección Xeral de Patrimonio este novo xacemento rupestre para que procedan á súa valoración e catalogación.
Biografía.
- Alonso Braña, Juan José, “Contribución al estudio del fenómeno tumular y megalítico en el bajo Tambre”, 1996, Tese de Licenciatura.
- Alonso Braña, Juan José, “La forma de un contexto tumular. Resultados de una prospección arqueológica realizada en el concello de A Baña”, 1998, Gallaecia nº 17, páxs. 199 a 222.
- Colectivo A Rula: (2020).“ Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza. Memoria e Legado dos petróglifos”. Colectivo A Rula. Santiago de Compostela.
- Colectivo A Rula: (2019). “Na espiral dos Círculos Concéntricos: O Colectivo A Rula, un vínculo social co patrimonio rupestre”. EspacioCultura. Coruña.
- Fernández Pintos, Julio. (2015), “Concurrencia, emulación y tradición. La dinámica artística de los grabados rupestres gallegos”.
- Vázquez Rozas, Roberto. (1996). “Los petroglifos prehistóricos en las Rías Bajas gallegas. Estudio estilístico e iconográfico”. Tese de Doutoramento. USC.
- Vázquez Rozas, Roberto. (1997). “Petroglifos de las Rías Baixas gallegas. Análisis artístico de un arte prehistórico”. Deputación Provincial de Pontevedra.


