Viaxamos ata o extremo norte do país, chamados polo amigo Xosé González e, movidos polo desexo de coñecer unha rocha con gravados descuberta polo seu veciño Vítor Manuel Lamelas Ferreiro, no lugar do Mosteiro, parroquia das Negradas. no lucense concello do Vicedo, nun pequeno outeiro granítico ao carón do cemiterio parroquial.
A excepcionalidade da descuberta, no extremo norte do territorio, dunha penela con posibles gravados prehistóricos foi un bo estímulo para desprazarnos ata a Mariña Occidental lucense e, podemos afirmar que, a traballosa viaxe ben mereceu o esforzo.

O norte da parroquia das Negradas preséntase ao visitante como un completo e autosuficiente hábitat conformado por unha orografía singular e caprichosa pero, ao seu xeito, proporcionada. En cada volta da estrada aparece unha pequena bocarribeira ocupada por pequenas concentracións de vivendas e construcións auxiliares que semellan penduradas en estreitos balcóns de terreo que comparten coas leiras e terreos de labranza.
Estes lugares habitados concéntranse no val conformado polo rego de San Miguel, orientado en dirección leste – oeste, abríndose cara ao leste onde discorre sinuoso o río Sor e nel a sempre presente e enigmática illa de San Martiño. Ao redor destes espazos habitados hai mestos eucaliptais que non logran ocultar a beleza desta paisaxe.

Un destes núcleos habitados é o do Mosteiro, no que se localiza a igrexa parroquial de San Miguel e, no extremo noroeste do barrio, o cemiterio parroquial. Ao carón do muro de peche do lado norte do cemiterio sitúase a superficie gravada que motivou a nosa visita.
Os gravados das Penelas. Situación.
A rocha que conserva os gravados localízase no cumio do outeiro, na zona máis horizontal non ocupada polo cemiterio xa que o terreo descende inmediatamente a partir de aí cara ao norte. O lugar é chamado As Penelas debido a presenza dunha boa cantidade de penelas (penas/rochas de pequenas dimensións). Coordenadas xeográficas: 43°42’46.4″N 7°40’31.9″W

Descrición
A superficie con gravados forma parte dun afloramento granítico de considerables dimensións que, na actualidade, está cuberto, case na súa totalidade, por unha estreita capa de terra vexetal, sendo escasas as superficies rochosas á vista.
A superficie da rocha con gravados é a de maiores dimensións, mide uns 260 cm de longo (N/S) por 140 cm de ancho (E/O). Ten unha superficie regular e lixeiramente convexa alterada pola presenza de numerosos sucos rectilíneos anchos e paralelos que coidamos son rabuñadas producidas polas uñas metálicas dunha pa retroescavadora, posiblemente empregada para regularizar o terreo durante a construción do cemiterio. Estas marcas afectan a boa parte da zona gravada e pode que tamén sexan as culpables do desprendemento parcial da superficie apreciable na zona inferior das representacións.

Os gravados ocupan a zona da superficie máis homoxénea e horizontal. A primeira vista, apréciase un conxunto formado por coviñas de diversas dimensións e uns poucos sucos que unen algunhas das coviñas entre si. Unha observación máis detida facilita a identificación de posibles patróns na disposición dos motivos, observándose varias aliñacións posibles.

Analizados os motivos, e a pesar da dificultade que supón a fractura da superficie no espazo inferior, observamos a existencia de dous “motivos complexos” feitos a partir da ordenación dos motivos simples, coviñas e sucos:
1- O “motivo complexo” A de maiores dimensións é unha cruz formada por dúas aliñacións de coviñas (5 x 3) que se cruzan e semellan apoiarse nunha peaña semicircular, moi estragada por ser a zona onde a superficie presenta unha fractura e onde comparte espazo co segundo motivo complexo. Esta peaña delimita a súa base cunha aliñación de pequenas coviñas. Cómpre salientar que esta cruz orienta os seus extremos cara aos puntos cardinais.

2- O segundo “motivo complexo” B está formado por unha aliñación de coviñas paralela a aliñación do brazo curto do motivo A eestá situado por debaixo deste. Algunhas destas coviñas entrelázanse entre sí, formando unha figura parcialmente conservada e coroada por unha cruz. Semella que este segundo motivo complexo pretende completar a mensaxe do primeiro, ou máis ben repetila xa que ambos son representacións dunha cruz sobre un pedestal ou especie de soporte.

Por debaixo deste motivo B sitúase unha coviña, a de maiores dimensións do conxunto, ocupando parte do espazo da peaña, nunha superficie que muda de horizontal para pendente. Da coviña parten dous sucos: un moi alongado e o outro que coidamos é parte da peaña mal conservada.

Atendendo á técnica de elaboración apreciamos que moitas das coviñas e sucos presentan evidencias de ser elaborados con ferramentas metálicas. Os sucos teñen certa profundidade, con seccións transversais en forma de V e bordes angulosos e, algunhas coviñas, no canto da habitual forma hemiesférica, teñen formas máis próximas á dun cono cun fondo máis estreito que a boca, características que consideramos son evidencia do emprego para a súa elaboración dun punteiro ou ferramenta metálica similar.

A elaboración das cruces e o emprego de ferramentas metálicas evidencian unha cronoloxía histórica, pero non tódalas coviñas presentan estas evidencias polo que non debemos rexeitar a posibilidade da existencia de coviñas anteriores ao momento de elaboración con ferramentas metálicas da cruz, sucos e as restantes coviñas con forma cónica, e que van a reinterpretar os antigos gravados.
Rematamos este escrito agradecendo a súa hospitalidade a Xosé e Vítor e procedemos a comunicar a nova estación rupestre á Dirección Xeral de Patrimonio, solicitándolles a súa catalogación co obxecto de garantir a súa conservación.