“Cando chegue a inspiración, que me atope traballando”. P. Picasso
Hai uns días o xornal La Voz de Galicia achegaba os primeiros datos sobre a descuberta dunha nova estación de arte rupestre na Terra de Soneira. Logo dunha primeira valoración do petróglifo e da realización de novas fotografías e fotogrametrías dos diferentes paneis, facilitamos unha primeira descrición dos diferentes motivos representados.

Introdución
Deixando á marxe os petróglifos desaparecidos, referidos por Ramón Barros Sivelo en Carnés (1875) e Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza en Carantoña (1952), a primeira referencia ó primeiro petróglifo rexistrado en Vimianzo data de 1997 cando un cazador localizaba de xeito casual a primeira das dúas estacións rupestres da parroquia de Berdoias. Dende aquela, e grazas ó labor de investigadores como Roberto Mouzo ou veciños como David Roget, Vimianzo converteuse no concello con máis estacións de arte rupestre de toda a Costa da Morte ascendendo, na actualidade, a un total de 27.
Existe unha regra non escrita que di que unha estación de petróglifos non adoita atoparse soa. Regra confirmada o pasado 29 de agosto do presente 2025, coa descuberta deste novo petróglifo en Somontemío, monte do lugar de Trasouteiro. A nova estación localizouse a escasos metros da xa coñecida estación rupestre de Somontemío 1 durante a revisión da ruta “Noite de Petros”, organizada polo Concello e o Colectivo A Rula. Revisando a contorna decatámonos da existencia dunha antiga canle de rega que parte augas arriba do rego estacional e que discorre ao mesmo pé do panel coñecido. Seguindo o seu trazado demos con este novo achado.
Situación
O novo xacemento rupestre atópase a 216 m.s.n.m, coordenadas UTM: 29 T 498362 4772314 (Datum WGS 84), a media altura e unha orientación sur de 195°, nun outeiro enclavado nunha depresión pechada polo monte San Bartolo polo noreste, o monte Cornado cara o sureste, Monte Chan polo suroeste e a Cruz do Loureiro polo noroeste. Está a tan só 43 metros da estación de Somontemío 1 localizada no ano 2019 e da que xa informamos no seu día nesta entrada do noso blog.

Na contorna inmediata existen tres fontes que rematan confluíndo todas no rego de Trasouteiro, pequeno curso fluvial do que bebe tamén o fermoso castro homónimo. Cómpre destacar que a estrada que atravesa o Cornado é unha das principais vías de acceso dende o interior cara o val vimiancés, xa dende a época dos megálitos. Por exemplo, aos pés da entrada dende o interior, atopamos a Pedra Cuberta, a Pedra da Lebre ou a Pedra da Moura como as principais, xunto con media ducia máis de mámoas.

Xa no camiño cara o alto do Cornado, sitúanse outra media ducia de mámoas, mínimo dúas con restos do dolmen, Mámoa de Vacadelas e de Pedra Longa 1. Con todo, os xacementos catalogados máis próximos nun radio de 1 km son:
- Castro de Trasouteiro: 550 m
- Conxunto de Pazo, Capela, Cruceiro, Escola Pía e fonte de Trasouteiro: 600 m
- Petróglifo de Prado Vello de Arriba: 650 m
- Ermida de San Bartolo: 650 m
- Necrópole megalítica de Prado Garrido (5 mámoas): 650 m
- Petróglifo da Cruz do Loureiro: 670 m
- Petróglifos de Prado da Cruz: 800 m
- Mámoa de Vacadelas: 800 m

O soporte
Os diferentes paneis gravados localízanse nun afloramento granítico de gran moi groso. O granito é o soporte habitual da nosa arte rupestre mais non é habitual empregar rochas de gran tan groso pois dificulta enormemente o tallado dos diferentes deseños. Alén disto, os paneis principais contan cunha inclinación media de 25° sobre a horizontal, algo pouco común dentro do grupo de petróglifos con motivos xeométricos que acostuman a gravarse en superficies horizontais ou case planas. A rocha de Somontemío 2 semella seguir o propio desnivel do terreo cunha orientación N-S. Neste caso diferénciase do petróglifo de Somontemío 1, cun único panel nunha rocha lixeiramente alombada pero a rentes do chan.

En resumo, é evidente que os gravadores primaron a elección do sitio á calidade do soporte. Trátase dunha zona situada na contorna de varios mananciais, a beira dun antigo camiño e de fácil acceso dende a aba do outeiro.
Descrición dos motivos
Trátase dun petróglifo típico da arte atlántica con gravados de tipoloxía xeométrica, os clásicos “cups and rings” (coviñas e aneis) que caracterizan tamén unha boa parte dos gravados do Grupo Galaico da Arte Atlántica e dos petróglifos da Costa da Morte, coas notables excepcións do Petróglifo da Pedra Xestosa, en Laxe, con arte figurativo, e o Petróglifo da Pedra Ancha ou Pedra Longa, en Dumbría, cunha ampla panoplia de armas da Idade do Bronce/Calcolítico.

Entre o amplo repertorio de gravados conservados figura unha ducia de combinacións de círculos concéntricos, de entre 2 e 4 aneis, varias delas de bo porte alcanzando diámetros superiores ós 50 cm. Tal como acontece coa estación de Somontemío 1, posúen coviñas e cazoletas no interior que semellan unha das características que definen o estilo desta área arqueolóxica. Completan os paneis, gravados con aneis simples, a maioría con coviña central, coviñas e cazoletas de diferentes tamaños e profundidade.
Destaca unha espiral inscrita nun anel que sorprende por tratarse dun tipo de motivo con escasa presenza no corpus de petróglifos da Costa da Morte así como polo seu bo estado de conservación.
A unión de moitos dos motivos mediante sucos e ampla presenza de motivos agrupados na zona central da rocha con paneis de grande plasticidade, suscitou, ó iluminalos co foco, gran impacto nos asistentes á ruta nocturna. Outro dos aspectos que revelan as fotogrametrías realizadas é a superposición dalgúns motivos o que pon de manifesto a diacronía na súa elaboración. Denota a realización dos gravados en cando menos dúas fases.
Para facilitar a descrición dos diferentes paneis procedemos a súa numeración dende a parte superior da rocha á inferior deste xeito.

Cadro xeral:
| PANEL | MEDIDAS | MOTIVOS | ESTADO DE CONSERVACIÓN |
| 1 | 245 x 150 cm | 3 cazoletas e sucos de restos de aneis | REGULAR |
| 2 | 235 x 130 cm | Sucos de varias combinacións incompletas moi erosionadas | MALO |
| 3 | 170 x 60 cm | 1 combinación circular de 3 aneis con coviña central (29 cm) e dous sucos de saída, agrupación de 3 coviñas, 1 coviña illada e restos dun anel. (Dubidosos: restos doutras dúas combinacións de dobre anel e coviña central) | BO |
| 4 | 170 x 125 cm | 5 combinacións circulares (entre 4 e 2 aneis). Cando menos unha delas figura superposta a unha das combinacións de maior tamaño situada na zona central esquerda. Todas as combinacións posúen coviñas no interior, as dúas máis grandes (60 e 65 cm) teñen 7 (3 unidas, quizais no proceso de regravación) e 3 coviñas/cazoletas respectivamente. Completa o repertorio deste panel catro micro coviñas que semellan situarse nunha mesma liña e outros sucos de difícil interpretación | BO |
| 5 | 100 x 60 cm | Na parte central, sobre a diáclase, figura unha espiral duns 60 cm de diámetro dentro dun círculo moi irregular, cun anel acaroado no bordo superior unido por un suco a outra combinación de dous aneis e coviña central. No bordo superior figuran os restos dunha combinación (posiblemente 2 aneis) con coviña central superposta a anterior. Na parte inferior do panel, baixo a diáclase, aprécianse restos doutra posible combinación. Completan o panel dúas coviñas illadas e sucos moi esvaecidos de difícil interpretación | BO |
| 6 | 160 x 55 cm | 4 motivos en liña: anel con coviña central, combinación de 3 aneis, combinación incompleta de 3 aneis con catro coviñas no interior dispostas en rombo e outro anel simple. No bordo inferior pegado ó anel figura un suco lineal que remata nunha coviña. A combinación central está superposta á combinación de maior tamaño (55 cm). (Dubidosos: parte dun segundo anel no motivo superior, xunto con 3 raios de saída de incerta interpretación) | REGULAR |
| 7 | 35 x 20 cm | Combinación de dous aneis e 3 coviñas centrais (posiblemente eran 5 ou 7 orixinalmente) que foi seccionada polos canteiros. | MALO |
| 8 | 100 x 70 cm | 4 Cazoletas de bo porte (dúas delas unidas), 1 combinación de 2 círculos con adaptación morfolóxica á forma da rocha, con cazoleta central e suco de saída que a une con un anel de forma alongada no extremo inferior | BO |
| 9 | 40 x 30 cm | 1 coviña | BO |
MODELOS FOTOGRAMÉTRICOS






FOTOGRAFÍAS CON LUZ ARTIFICIAL


Estado de Conservación
Presenta un estado de conservación xeral bo, con gravados ben visibles nos paneis centrais que facilitaron a súa localización. Porén, hai paneis con gravados moi afectados pola actividade dos canteiros (panel 1, 2 e 7) que mesmo chegaron a seccionar algúns dos motivos como cazoletas (panel 1) ou a combinación presente no panel 7. Cómpre salientar que o panel 3 ten como soporte un bloque exento que cortaron os canteiros desbotaron e deixaron pousada sobre a peneda. Isto explica que algúns dos gravados fiquen no extremo da laxe. É moi probable que proceda da parte que falta do rocha que acolle o panel 2.

Os motivos mellor conservados atópanse na zona central e inferior dos paneis principais (4, 5 e 6) situándose as figuras máis erosionadas, debido a meteorización dos axentes naturais (auga, vento…), na parte superior. Hai varias combinacións que son difíciles de ollar coa luz natural. Ademais, a laxe está moi tapada pola vexetación da contorna o que dificulta a entrada da luz solar e, polo tanto, a correcta visualizacións dos motivos. Trátase dunha zona de monte a beira de varios regos con árbores típicas dos bosques de ribeira (ameneiros, freixos, carballos) mais coa presenza tamén de eucaliptos ventureiros polas numerosas plantacións da contorna.
Queremos destacar tamén os danos causados polo lume en varios paneis, o máis afectado é o panel 2, con diversas fracturas na capa superficial da rocha polos efectos da termoclastia.


Conclusións finais
Esta segunda estación da área arqueolóxica de Somontemío non é máis cun novo elo na historia da arte rupestre da Costa da Morte. O abandono dos nosos montes e a ausencia de traballos de prospección e estudos sistemáticos neste eido, explican a aparición casual destes novos xacementos que son claves para poder afondar nun estudo xeral da arte rupestre na Costa da Morte e, por extensión, do Grupo Galaico da Arte Rupestre.
Este novo achado, non será o último, xa constitúe un novo elemento de interese para a Ruta chamada “Os Segredos do Val de Vimianzo”, inaugurada no ano 2021, que percorre lugares de interese histórico e natural do Val de Vimianzo (A Coruña), entre os que destacan os petróglifos.
Logo de analizar o petróglifo, podemos dicir que Somontemío 1 e 2 forman un conxunto de elevado interese, tanto polo abundante número de gravados como polo grande tamaño dalgúns dos motivos representados. Ademais de moita información sobre esa segunda fase de regravación, reinterpretación ou reutilización dos motivos xeométricos clásicos, a través de superposicións, remarcado de sucos seleccionados… Un conxunto que presenta unha notoria beleza artística e posúe un enorme valor cultural.
Pouco a pouco, Vimianzo vai descubrindo que alén do castelo, dos seus castros, cruceiros, pazos, grandes megálitos e penedos de formas diversas, conta cun novo tesouro, estas alfaias de arte rupestre agochadas en lugares de grande beleza natural e paisaxística. Seguro que os antigos bardos louvarían tamén estas penedas máxicas pois os “petróglifos de Vimianzo”, tamén “molan” moito.
Como é habitual, procedemos a remitir o achado deste novo petróglifo á Dirección Xeral de Patrimonio e agardamos que procedan á súa pronta catalogación para garantir a protección xeral destes novos bens culturais do val de Vimianzo.
Queremos agradecer tamén ó concello, en especial ó seu técnico Víctor Santos, o convite e a colaboración na organización desta nova edición da ruta “noite de petróglifos” que agardemos teña continuidade. Alédanos comprobar, ano tras ano, o excelente coidado e mimo co que manteñen as rutas e sendeiros que permiten á veciñanza e visitantes acceder a estes lugares. Todo un exemplo que ogallá chegue a outros municipios da Costa da Morte.