O Petróglifo das Forcadas en Corme, o valor da vontade


Unha vez máis achegámonos á Costa da Morte, á península de Corme, cultivando un saudable hábito que, para o Colectivo, estase a converter nun frutífero costume. Acudimos ao novo convite do concelleiro de Educación e Patrimonio do Concello de Ponteceso, Carlos Penedo. Visita que conta tamén, non podía ser doutro xeito, coa inestimable participación do inquedo Suso Lista.

Grazas ás vontades de Carlos e Suso logrouse artellar nos últimos anos un labor de divulgación e protección do patrimonio cormelán que ten xerado importantes logros, malia ás sempre presentes limitacións materiais e económicas. Boa mostra disto son os labores de limpeza e mantemento dos accesos e do contorno dos petróglifos da Fieiteira, Regadiña e do Petón da Campaíña realizadas periodicamente pola concellaría que dirixe Carlos, co obxectivo de garantir a boa conservación destes bens culturais. Asemade mellorou a súa accesibilidade co deseño, sinalización e difusión dunha ruta polos petróglifos de Corme, facilitando á veciñanza e cidadanía en xeral o seu desfrute, converténdoos nun recurso educativo, cultural e lúdico de gran valor e un elemento imprescindible para a comprensión da nosa prehistoria e a conformación da nosa identidade colectiva.

Panel 2. Pormenor

Estas accións complementanse con actividades encamiñadas a achegar á veciñanza estas mostras da arte rupestre cormelán, como a multitude de visitas organizadas por Suso en calquera momento do ano e abertas á participación de calquera persoa que teña interese.  Un bo xeito de continuar o traballo realizado coas xeiras nocturnas organizadas polo Concello e nas que tivemos a oportunidade de colaborar nestas tres últimas edicións.

Petróglifo das Forcadas. Vista cenital

Todos estes esforzos e outros moitos teñen servido para difundir o importante valor social, cultural e educativo destes petróglifos e para aumentar a apreciación polo seu patrimonio por parte dos habitantes de Ponteceso e os seus visitantes. Os resultados obtidos, nuns poucos anos por tan só estas dúas vontades, faise evidente e énchenos de optimismo animándonos a seguir no noso labor asociativo.

Quede aquí o noso agradecemento polo labor feito e por ternos permitido formar parte destes proxectos.

Congostra de acceso ao petróglifo

O petróglifo das Forcadas

Nesta ocasión, o noso primeiro destino, unha vez chegamos a Corme foi a estación rupestre localizada por Suso Lista que divulgou polas redes sociais o pasado 22 de marzo, e que el mesmo bautizou como petróglifo das Forcadas.

Mapa de situación dos principais petróglifos de Corme

Localízase no lugar das Forcadas, ao remate dos terreos máis pronunciados do Meixueiro (92 m),  (coordenadas UTM 29T 503922 4790990. Altitude 65 msnm. Datum WGS 84) polo que ten unha posición predominante sobre a súa contorna inmediata, os núcleos de Corme Porto e Corme Aldea, a pesar da pouca altitude na que se localiza.

Trátase dun afloramento granítico de boas dimensións que ocupa aproximadamente 10 m2 de superficie moi irregular e pouco destacada sobre o terreo. Presenta una boa cantidade de pías naturais producidas por procesos de meteorizacións químicas e físicas que co tempo produciron formas moi complexas e  plásticas, á imaxe da estación próxima da Fieiteira, a tan só 600 metros de distancia.

Petróglifo das Forcadas. Pía natural

Dada a irregularidade da superficie dividimos a estación en catro paneis para facilitar a súa descrición. Unha vez máis, debemos sinalar que a nosa descrición debe entenderse como provisional xa que boa parte do afloramento se encontra cuberto por terra e vexetación polo que estamos seguros que a súa limpeza  proporcionará a posibilidade de obter unha descrición máis completa con posibles novos motivos.

Panel 1. Nunha estreita laxe apenas destacada sobre o terreo consérvanse nunha superficie bastante regular un bo número de coviñas (16), un círculo con coviña central, así como outros sucos que poderían conformar outros deseños agora case irrecoñecibles  debida á erosión sufrida.

Panel 1

Panel 1. Reconstrución fotogramétrica

Panel 2. É a superficie de maiores dimensións do afloramento e a que máis motivos conserva. Comezamos a descrición desde o extremo oeste. Nesta zona o afloramento presenta a superficie máis elevada e cunha forma lixeiramente convexa que cae cara o norte. Presenta un conxunto de pías naturais encadeadas.

Panel 2, sección oeste

Os motivos conservados presentan unha forte erosión, o que fai moi difícil a súa visualización. O motivo principal é unha combinación circular conformada por dous círculos concéntricos e unha coviña central. Desta parte un suco de saída cara o norte que se completa con outras liñas conformando un rectángulo incompleto. Ó oeste desta combinación apreciamos outra posible combinación moi erosionada.

Panel 2. Sección oeste. Combinación circular e rectángulo

Esta sección sepárase por diáclases da zona leste que presenta una superficie máis horizontal e regular. Nela consérvanse unha serie de motivos que poñen esta estación en relación directa coas estacións da Fieiteira e a Regadiña, os escaleriformes (de ata 46 cm de largo), os cruciformes e os círculos simples con cruces inscritas.

Panel 2. Sector leste. recostrución fotogramétrica

Os cruciformes (de ata 32 cm de largo) presentan unha forma característica que recorda ao dunha forcada polo que podería deducirse que estamos ante a causa deste microtopónimo, As Forcadas, aplicado a toda esta paraxe.  Outros cruciformes presentan deseños máis complexos. Compleméntase este panel con coviñas (de ata 9 cm de diámetro), e círculos simples con cruz inscrita.

Panel 2. Sección leste. Detalle

Panel 3. Ocupa a parte central do afloramento unha laxe a rás de chán e superficie moi regular. Na parte visible deste panel consérvanse dúas cruces con coviña no extremo superior. Complétanse con coviñas illadas.

Panel 3

Panel 4. Localízase no extremo norte do afloramento e presenta a superficie máis irregular configurada por multitude de pías de diversos tamaños.

Panel 4. Vista xeral

Dada a súa forma faise moi difícil determinar que elementos son produto da erosión natural daqueles que son produto do labor antrópico, mais na superficie máis regular e horizontal no extremo norleste identificamos 3 coviñas.

A modo de resumo podemos indicar que se trata dunha estación moi interesante ao conservarse nela motivos típicos do grupo Galego de Arte Rupestre Prehistórica, por exemplo  a combinación de aneis concéntricos, xunto con otros máis atípicos pero común a outras estacións do promontorio de Corme, os escaleiriformes, cruciformes e círculos con cruces inscritas.

Ademais, se analizamos os sucos destes motivos podemos observar diferenzas evidentes entre o suco moi erosionado e sección en U moi aberta da combinación circular e os sucos menos erosionados dos escaleriformes, así como os sucos con sección en V dalgúns dos cruciformes. Isto podería indicar que foron elaborados con distintas técnicas, o que tamén podería estar a indicar unha feitura diacrónica entre eles.

Mapa cos límites parroquiais e a localización dos petróglifos

Outro elemento de interese que comparte coa estación da Fieiteira é que a situación de ambas coincide co límite entre as parroquias de Corme Porto e Corme Aldea.

Por último queremos indicar o erro existente na localización no visor do Plan Básico Autonómico da estación da Fieiteira. Esperamos que os recentes traballos de revisión do catálogo patrimonial promovido pola Dirección Xeral de Patrimonio sirva para correxir este e outros erros semellantes.

Panel 4. Coviñas

Unha inscrición con misterio

A seguinte parada sinalada no noso itinerario cormelán levounos ata a sinxela Capela de San Xosé e San Francisco. Trátase dunha pequena edificación relixiosa de carácter rural localizada no centro de Corme Aldea.

Poucos datos contrastables puidemos atopar sobre este templo. En distintos lugares de internet a describen como una capela barroca de tipoloxía rural, levantada no século XVII. As fontes consultadas sinalan que no interior se conserva o arco triunfal de orixe románica, mais nesta ocasión non puidemos acceder. Tamén se indica que conserva anacos dos muros románicos orixinais e dúas inscricións, unha delas supostamente do século VII (aínda que sospeitabamos que fora datada erroneamente). A capela formaría parte dun conxunto coa casa reitoral, agora en ruínas.

Ocupámonos nesta ocasión de dar luz á inscrición que nos amosou Suso Lista e da que achegamos a seguinte proposta de transcrición:

“OMNES MORIMUR IN DOMINO

TANQUAN AQUA DECURRENS PER

SUU CURSU MERGIBUS

ANNO A NOSTRUM DOMINI M

DCLXXXVI IESU KRISTO REGNANTE”

Reconstrucción fotogramétrica da inscrición

Trátase dun pensamento de carácter transcendente sobre a morte, de non doada tradución, que podería interpretarse, salvo mellor criterio como:

Todos morremos (corremos cara, imos, acabamos) no Señor, como levados (mergullados) na auga que flúe polo seu cauce. No ano do Noso Señor de 1686. Xesús Cristo Reinante“.

A transcrición complicouse por mor da erosión e, posiblemente, dunha limpeza agresiva e inadecuada que dificulta a lectura de varias grafías que se atopan moi esvaecidas. Sen os modelos fotogramétricos realizados dificilmente poderíamos facilitarvos a súa transcrición.

Queremos agradecer o esforzo realizado na transcrición e tradución por parte de Juan Andrés Fernández, que novamamente demostrou a súa mestría neste eido e a súa habilidade á hora de facilitarnos a lectura destas vellas inscricións epigráficas. Grazas tamén ás xestións realizadas por Jorge Fernández.

Segundo o citado investigador, esta inscrición de eminente carácter funerario, é posible que “formase parte da parede ou entrada dun camposanto, e, ó tempo de construción da capela se reutilizase nesta”.

Illa da Estrela dende a Praia da Ermida

Un capitel á deriva

Xa co sol rematando o seu camiñar diario chegamos á Praia da Ermida. Este fermoso paraxe natural sitúase fronte o centro urbano de Corme-Porto, ao surleste deste. Conforma unha pequena enseada, cunha praia metade área, metade coídos,  separada da veciña praia de Osmo ao norte pola Punta da Furna e que remata ao sur na Punta Sapeira e o coído que a une, en marea baixa, coa lendaria Illa da Estrela.

Véñennos á mente moitas razóns polas que visitar esta paraxe, mais nesta ocasión o obxecto do noso interese localizábase ao sur da praia. Entre os milleiros de pedras graníticas de tamaños e formas diversas destacaba unha pola súa forma regular, outra descuberta de Suso, un capitel granítico de boas dimensións que formaría parte dunha pilastra cunha columna acaroada. Presenta decoracións vexetais simples (follas lisas de grandes dimensións) nas tres caras esculpidas e na base conserva un colariño semicircular.

Capitel na praia da Estrela

A simplicidade do deseño complica o facer unha proposta cronolóxica. Deixamos aquí a teoría de Suso pola que “este capitel procedería da vella capela da Illa da Estrela e chegou á praia cando caeu do carro que o trasladaba a terra xunto a outras pedras do desmantelado templo“.

Na Illa da Estrela están catalogados un castro e as ruínas da ermida que lle da nome. Recolle M. Saralegui no 1918 na súa obra “Los monumentos megalíticos en España” a seguinte lenda:

“Alí pola Illa da Estrela e pola Praia vivían unhas xentes que tiñan un rei e un día viñeron os mouros e destruiron a súa ciudá, botándolle pedras dende o monte de enriba.”

Illa da Estrela, vista cenital

Ruta polos petróglifos da Fieiteira


28690090763_9df7a1f968_k

Preto de medio cento de persoas participaron na visita que comezou ó solpor do sábado e rematou ben pasada a media noite.

 

Na noite do pasado sábado tivo lugar a primeira ruta nocturna ós petróglifos do Outeiro da Fieiteira, organizada polo Concello de Ponteceso en colaboración coa asociación cultural Colectivo A Rula da comarca de Compostela, uns veteranos na realización destas longas noites de pedras á luz da lúa.

Preto de medio cento de persoas participaron na visita que comezou ó solpor e rematou ben pasada a media noite. A actividade iniciouse no local social de San Adrián de Corme cunha pequena charla sobre a arte rupestre na Costa da Morte, con especial atención -non podía ser doutro xeito- ós petróglifos e patrimonio cultural do Concello de Ponteceso.

Abriu o acto o concelleiro de Educación, Asociacionismo e Patrimonio, Carlos Penedo Casmartiño, que como bo anfitrión agradeceu a asistencia dos veciños e turistas e destacou o traballo de limpeza realizado na contorna dos petróglifos, comprometéndose tamén a seguir apostando pola súa protección e difusión coa sinalización da ruta e a instalación de paneis explicativos.

O polifacético Suso Lista achegou a súa peculiar visión dos gravados repasando a súa historia e as vicisitudes sufridas dende o seu descubrimento a principios dos anos noventa. Cerraron o coloquio os membros do Colectivo A Rula, que botaron man das novas tecnoloxías, como os modelos 3D, para explicar ós asistentes as características que fan tan singulares estes gravados do promontorio cormelán.

De seguido, iniciouse a bo ritmo o percorrido de dous quilómetros que separaba a casa veciñal das laxes da Chousa dos Pratos. A brigada da Rula dispuxo entón os equipos técnicos precisos para simular a luz máis axeitada e asombrar ós asistentes ó alumear os diferentes paneis insculturados das laxes da Fieiteira. A bruma do mar foi cubrindo lentamente o ceo, mais a temperatura era ideal e as conversas ó carón das laxes foron animadas e moi interesantes.

Os curiosos deseños xeométricos daban pé a múltiples interpretacións, por máis que os guías sinalaban a imposibilidade de saber con precisión o que aquelas comunidades nos quixeron transmitir. Os membros da Rula non deixaron de recalcar a importancia de non pisar ou riscar os gravados evitando o seu deterioro e animaron ós asistentes a visitar os petróglifos ó abrente ou ó solpor cando a súa visualización é máis propicia. Degustando un vaso de chocolate quente, unha sorpresa final do técnico de turismo Javier Couto, mentres contemplamos por última vez a estación principal da Fieiteira iluminada polos focos, remataba esta primeira xeira nocturna ós petróglifos de Ponteceso. A boa acollida entre os asistentes augura novas edicións destas máxicas noites de verán.

Ligazón ó álbum coas fotos da visita no flickr

Ligazón á nova en La Voz de Galicia

 

Ruta polos petróglifos do promontorio de Corme


Convidados pola Fundación Eduardo Pondal e o Concello de Ponteceso achegámonos a unha das zonas de arte rupestre máis singulares do país, o Promontorio de Corme, na zona máis oriental da Costa da Morte. Guiados polo polifacético Suso Lista, veciño e gran coñecedor da zona, e na compaña do alcalde, Xosé Lois García Carballido e o concelleiro de Cultura, Carlos Penedo Casmartiño, percorremos boa parte dos sitios con arte rupestre máis relevantes do municipio. Foi só unha primeira aproximación para coñecer a zona que será obxecto de novas achegas por parte do Colectivo.

24616801440_b3e2d6d385_k

Vista xeral do Petón da Campaíña

Boa parte dos xacementos foron localizados no ano 1997 durante os traballos de avaliación e seguimento de impacto arqueolóxico derivados da instalación do Parque Eólico de Ponteceso, aínda que cómpre destacar que xacementos como o Petón da Campaíña eran moi coñecidos con anterioridade polos veciños da contorna.

a feiteira Clase maxistral

Contemplando a laxe principal da Fieiteira

Posteriormente, no 2002, os arqueólogos Manuel Santos Estévez e Patricia Mañana Borrazas publicaron unha pequena síntese coas características principais destes xacementos na Revista Gallaecia da USC.

Malia todo, os petróglifos de Corme nunca obtiveron a atención merecida e boa parte das laxes permanecían esquecidas baixo os toxos e matogueiras. Un bo exemplo era o estado no que se atopan as laxes da Fieiteira que puidemos visitar grazas á limpeza previa dos accesos por parte das brigadas municipais. Desde aquí o noso agradecemento ó Concello.

A Fieiteira – Meixoeiro

Situado na zona central do promontorio e nun outeiro con boa visibilidade localízase o conxunto máis complexo e máis relevante do Concello. Na Fieiteira atopamos a maior concentración de gravados localizados ata agora na Costa da Morte. Ata 15 paneis insculturados situados entre dous grandes penedos graníticos. Destaca, polo seu tamaño e número de gravados, a laxe principal duns 6 metros de lonxitude (N-S) e 2,5 de ancho (E-O).

A fieiteira-6

A Fieiteira . Laxe central

Se temos en conta o tipo de soporte (granito de gran fino), a súa situación en laxes case planas a ras de chan e pouco visibles a certa distancia e a técnica dos gravados, poderíamos indicar que presenta similitudes coa arte rupestre atlántica, mais a tipoloxía dos gravados non son nada habituais: Cruces inscritas en círculos, escaleiriformes, ferraduras, círculos simples, “vermiformes” (óvalos alongados e divididos por liñas transversais), reticulados, etc. Curiosos deseños que forman conxuntos heteroxéneos que manteñen certos paralelismos con outros grupos focalizados do noso territorio como en Cequeril (Cuntis), nas estacións próximas ó Castro de Montaz na parroquia de Laro (Silleda), Lesende (Lousame), As Canles (Campo Lameiro), etc.

A fieiteira-3

A Fieiteira. Detalle dos reticulados nunha das laxes pequenas

A Regadiña

As Regadiñas

A Regadiña

No extremo meridional do Promontorio, e á beira da estrada que conduce de Corme ó Roncudo, localízase a estación da Regadiña. Os motivos figuran na parte superior e central dunha laxe de forte inclinación. Nela atopamos ata 19 motivos formados na súa totalidade por cruces inscritas en círculos e cadrados irregulares, en varios dos cadrados hai pequenas coviñas entre os brazos da cruz. A maioría dos círculos están na parte superior da laxe e, na parte inferior,  localízanse os deseños máis cadrados de esquinas redondeadas.

O Petón da Campaíña.

No extremo noroccidental do Parque Eólico de Corme, ó abrigo dunha gran rocha granítica, atópase un dos “santuarios” rupestres máis singulares do noso país, tanto polas súas características como pola súa peculiar localización nun punto privilexiado da paisaxe con vistas á ría.

Petón-3

Vista xeral do sector central

Os gravados distribúense aproveitando as propias irregularidades da rocha e presentan deseños variados e de difícil interpretación. Destacan as coviñas e cazoletas de distintos tamaños, os sucos de liñas entrecruzadas e ondulantes, ferraduras, círculos sinxelos, rebaixes, coviñas e unha curiosa figura humana en falso relevo duns 25 centímetros de alto situada na parte central e nunha posición privilexiada na parede do abrigo.

24616740050_25a93cfcd5_k

Vista xeral do abrigo

No chan figuran os gravados mellor conservados e tamén de tipoloxías máis tradicionais como varios círculos simples con coviña central. Tamén se poden apreciar na parte superior da parede de abrigo varios gravados, aínda que a maioría atópanse moi deteriorados pola erosión. Completa o repertorio de gravados unha cruz latina máis recente, cunha pátina máis viva e pouco erosionada.

Un grupo singular na arte rupestre atlántica

A visita ás laxes do Promontorio de Corme permitiunos admirar unha tipoloxía de gravados pouco comúns dentro do Grupo Galaico da Arte Rupestre e únicos na Costa da Morte. Á marxe dos motivos comúns a outras zonas do chamado Grupo Galaico da Arte Rupestre, como as coviñas e os círculos, identíficanse outros menos frecuentes como os óvalos, cruces inscritas en círculos e cadrados, reticulados e escaleiriformes, etc…

24842059981_5c14948c7d_k

Fotogrametría A Fieiteira

Estas características nos deseños así como as técnicas de gravado empregadas (uso pouco habitual de baixo relevo) levaron a algúns investigadores a falar dun “estilo propio de arte rupestre diferente do estilo clásico da Idade do Bronce coñecido noutras zonas de Galicia” (M. Santos Estevez & PM Borrazás, 2002).

a feiteira

A Fieiteira. Reticulados e cruces

Tampouco está clara a cronoloxía e a adscrición cultural dos gravados, aínda que parece claro que corresponden a diferentes períodos. Existen gravados prehistóricos e outros medievais e incluso modernos como as cruces realizadas con ferramentas metálicas como a presente no Petón da Campaíña ou as localizadas hai un par de anos en Brantuas.

Petón da Campaíña

Petón da Campaíña

Tamén, como acontece noutras zonas de Galicia, é evidente que moitas das figuras foron reavivadas ou regravadas durante moito tempo, como evidencia a estación da Regadiña. Un feito que poida derivar da propia necesidade de facilitar a “lectura” e interpretación duns gravados que hoxe en día seguen a ser un misterio.

Subliñar, por último, que á marxe das estacións ó ar libre, é moi significativa a localización de ata cinco abrigos naturais con gravados, sendo o Petón da Campaíña o máis relevante.

As demandas do Colectivo

Non podiamos desaproveitar esta oportunidade para demandar ós dirixentes locais presentes melloras no estado destes xacementos pois urxe adoptar medidas que garantan a súa protección e conservación.

24284081874_d87847bd5b_k

Detalle do antropomorfo

Entendemos que se debería comezar por inventariar todas as estacións, rexistrar correctamente todos os motivos insculturados e incluír no catálogo patrimonial do PXOM de recente aprobación todos os xacementos. Requisito fundamental para protexelos e evitar os feitos denunciados anos atrás como consecuencia das actividades forestais e industriais nas áreas arqueolóxicas sen ningún tipo de seguimento e control ou os danos evidentes que reflicten varias laxes da Fieiteira polas limpezas dos montes con tractores con cadeas.

Petón da Campaiña-2

Petón da Campaíña. Sector central

Cómpre tamén, a limpeza periódica dos xacementos e do seu perímetro para evitar que se vexan afectados polos incendios forestais, así como a localización dos propietarios das leiras cos que acadar acordos que permitan que as xeracións futuras poidan desfrutar destas mostras milenarias de arte rupestre.

Petón da Campaiña Conquista

Vista xeral do Petón da Campaíña

Os petróglifos son xacementos arqueolóxicos moi sensibles tanto ós factores ambientais como á propia acción do home que non só dana os xacementos senón tamén altera de xeito irreparable o seu contorno (véxase o Petón da Campaíña cun dos aeroxeneradores do Parque Eólico a escasos metros).

24842045871_c1e8b6df2a_k

Fotogrametría A Fieiteira

Divulgar implica concienciar á poboación da singularidade destes bens culturais con actividades educativas e pedagóxicas que sensibilicen á veciñanza da súa importancia, facéndoos participes na loita pola súa conservación e protección. Porén, a realización destas actividades debe adecuarse as características destes xacementos evitando, por exemplo, que centenares de persoas visiten ó tempo estes petróglifos.

24909028456_b83088aaaf_k

Fotogrametría A Fieiteira

A xestión correcta destes bens, seguir potenciando novos traballos de investigación e a súa posta en valor contribuirán positivamente no territorio. O importante patrimonio arqueolóxico da zona debe supor un elemento diferencial cun gran potencial turístico que cómpre aproveitar e que redundará tamén noutros sectores económicos deste recuncho da Costa da Morte.

Fotogrametría A Regadiña

Fotogrametría A Regadiña

Dende o Colectivo queremos agradecer a atención e boa acollida do equipo de goberno de Corme representado polo seu alcalde e o concelleiro de Cultura. Agardemos que a ilusión e boa vontade que nos transmitiron se plasme en feitos nun futuro próximo, o Colectivo A Rula estará para botar unha man.

Bibliografía:

Notas de Prensa


A Ruta no wikiloc do Colectivo: