Novas achegas ó inventario de arte rupestre nas terras de Trasdeza


1- Introdución

O elevado número de estacións rexistradas e a diversidade dos motivos insculturados conservados nelas fan da terra de Trasdeza un enclave de referencia para os estudos da arte rupestre na Galiza interior, só comparable á zona do Farelo no linde entre as provincias de Lugo (Antas de Ulla) e Pontevedra (Agolada).

Dende a catalogación das primeiras estacións na década dos cincuenta do pasado século ata as últimas descubertas que hoxe presentamos, o catálogo patrimonial do termo municipal de Silleda non deixou de aumentar e, con certeza, seguirá a facelo no futuro próximo.

Na actualidade contabilizamos preto de corenta estacións de arte rupestre espalladas por 7 das 33 parroquias nas que se divide o concello. Porén, é preciso salientar, polo elevado número de petróglifos, ás parroquias de San Salvador de Laro, San Xoán de Saídres, San Miguel de Oleiros, San Miguel de Siador e Santa María de Cortegada.

Mapa de situación

É, precisamente, nesta última parroquia onde se sitúan estas últimas oito estacións localizadas, concretamente na contorna das aldeas de Xubín e Framiñán.

 Localización dos gravados no google mapshttps://bit.ly/2GS5CLD

 2- A descuberta

A principios do mes de agosto do pasado ano, Iria Méndez e Inácio Pavón, puxéronse en contacto con nós para informarnos dunha posible nova estación de arte rupestre e dunhas curiosas construcións para o refuxio de pastores e cuberto do gando preto da aldea de Xubín.

Precisamente este lugar foi unha das zonas máis danadas polo incendio forestal de outubro de 2017 que afectou a máis de 170 ha. nas parroquias de Refoxos, Siador e Cortegada.

Pola experiencia destes últimos anos sabemos que o lume é o gran inimigo deste tipo de conxuntos arqueolóxicos mais tamén que, paradoxalmente, abre a porta a novas descubertas.

Petróglifo da Espiñeira 1. Fotografía nocturna

Descoñecedores destas terras contactamos co noso amigo o incansable camiñante da comarca Dezá, o cronista Daniel González Alén, co que mantemos amizade e colaboracións periódicas dende a fundación do Colectivo no 2013.

Así, organizamos unha primeira xeira conxunta por esta área da contorna do Monte Chamor onde o lume arrasou coa vexetación que anos atrás dificultaba o acceso ós outeiros graníticos e agochaba entre o mato e os toxos as penedas insculturadas.

Nesta primeira visita localizamos varios gravados, mais serían sucesivas expedicións (logo de realizar varias visitas en diferentes momentos do día para observar as laxes coa luz do abrente e do solpor), e sempre coa inestimable colaboración de Daniel, as que nos permitiron localizar ata oito novos petróglifos e novos paneis con gravados na única das laxes que xa figuraba catalogada.

Petróglifo de Espiñeira 1. Detalle. Fotografía nocturna

Logo do traballo de campo, xeoreferenciación das estacións, localización planimétrica e a edición das fotografías e modelos 3d achegamos unha primeira descrición das diferentes estacións.

 3. Os petróglifos de Espiñeira

 3.1 Espiñeira 1

A laxe que nos mostraron Iria e Inácio era precisamente a única rexistrada da zona, o chamado petróglifo de Espiñeira que figuraba catalogado co código GA3605213 no inventario patrimonial que acompaña ó PXOM silledense, aínda sen aprobación definitiva (aprobado provisionalmente na acta plenaria do 18/03/2016).

Os gravados sitúanse nunha peneda que destaca nun relanzo elevado  do terreo, preto dun manancial natural e dunha encrucillada de camiños que ascenden dende a aldea de Xubín e da paraxe dos Chaos, dominando un val que descende en dirección norleste.  A laxe mide 10,10 m de longo x 6,30 de ancho e ten case 2 metros de altura.

Coordenadas UTM: 29 T 561971 4722488, altitude: 641 msnm.

Petróglifo de Espiñeira 1. Panel central

3.1.1 Panel Central – Inferior.

Como recolle a ficha do inventario, presenta un amplo repertorio de gravados xeométricos situados na súa maioría ó redor dunha pía natural (45 x 37 cm.) na zona central e inferior da rocha.

Destaca unha combinación de 46 cm. de diámetro (1) formada por tres círculos concéntricos sen rematar, con cazoleta central de 17 cm. de diámetro e 5 de profundidade, e un apéndice de saída cara o SO duns 50 cm. Ó lado dereito deste radio de saída figuran os restos doutra combinación incompleta.

O N da anterior unha segunda combinación (2) de 28 cm. de diámetro formada por dous aneis con coviña central de 5 cm.

A terceira combinación (3) (22 cm. de diámetro) figura ó carón da pía e conta tamén con dobre anel e coviña central. Este motivo ten acaroado un pequeno anel (12 cm) con coviña central (3b).

Outra combinación consérvase (4) máis desgastada formada por dous aneis (o exterior incompleto) de 25 cm. de diámetro, tamén con coviña central.

Completa o repertorio unha última combinación (5) formada por un anel e unha coviña central.

Reconstrucción fotogramétrica do panel Central do petróglifo de Espiñeira 1

Nos modelos 3d realizados deste panel central aprécianse restos moi erosionados (pouco perceptibles) doutras combinacións así como doutros deseños de difícil interpretación.

Ademais deste panel puidemos comprobar a existencia de dous novos paneis non documentados previamente.

 3.1.2 Panel Superior

Na parte superior da laxe, enriba da pía natural, figura un anel simple (1) duns 16 cm. de diámetro con coviña central de 9 cm. e 2 de profundidade.

Só 15 centímetros ó sur deste motivo, apréciase os restos dunha segunda combinación (2) duns 20 cm. de diámetro formada por dous círculos.

Pormenor do panel superior do petróglifo de Espiñeira 1

 3.1.3 Panel suroeste

Finalmente na parte máis inclinada da laxe orientada ó SO localizamos dúas novas combinacións circulares adaptadas á propia morfoloxía da laxe que forman dous “petóns”.

Pormenor do panel suroeste do petróglifo de Espiñeira 1

A primeira (A) posúe de 25 cm. de diámetro con 3 aneis e coviña central e o seu carón unha segunda (B) máis erosionada con dobre anel (21 cm.).

Non desbotamos a posible existencia dunha terceira combinación moi erosionada situada noutro dos petóns da parte inferior e máis vertical da rocha.

Pormenor dos paneis superior e suroeste do petróglifo de Espiñeira 1

En total a laxe conta con polo menos 8 combinacións de círculos concéntricos sendo a máis importante das localizadas en relación ó número de gravados documentados nesta área arqueolóxica.

OS NOVOS GRAVADOS

 3.2 Espiñeira 2

Localízase moi próxima á estación principal, a só 30 m ó NO, e no mesmo outeiro granítico.

Trátase dunha combinación de 22 cm. de diámetro e dobre anel situada na parte máis elevada dunha peneda. A pesar do elevado grado de erosión que sofre produto da acción continuada dos axentes naturais e o lume sorprende a anchura do suco do gravado de case 5 cm. o que facilita a súa visualización. Tamén cómpre sinalar a presenza de vetas de seixo situadas próximas á combinación.

Pormenor do petróglifo de Espiñeira 2

Coordenadas UTM: 29 T 561949 4722507, altitude: 648 msnm.

3.3 Espiñeira 3

Nun outeiro a 460 m o NO do anterior localizamos 3 pequenas estacións.

Nunha rocha case plana (205 x 200cm.) que sobresae do chan uns 50 cm., situada próxima ó camiño e preto dun dos “chouzos” que aínda se conservan na zona, figura un anel simple de 12 cm. de diámetro con coviña central de 7 cm. e 2 de profundidade.

Pormenor do petróglifo de Espiñeira 3

Coordenadas UTM: 29 T 561684 4722895, altitude: 664 msnm.

3.4 Espiñeira 4

Esta estación localízase nunha rocha (110 x 71 cm.) a 19 m ó NO da anterior e componse dunha única combinación de dobre anel de 20 cm. de diámetro con coviña central de 9 cm. de diámetro por 3 de profundidade.

É unha das estacións máis afectadas polo lume do ano 2017, con descoloracións e pequenas fragmentacións na capa superficial da laxe.

Coordenadas UTM: 29 T 561674 4722912, altitude: 663 msnm.

Pormenor do petróglifo de Espiñeira 4

3.5 Espiñeira 5

O último petróglifo localizado neste outeiro figura nunha laxe exenta ó carón da anterior e que grazas á experiencia e bo ollo de Daniel fomos quen de identificar pois figura volteada cos gravados cara o chan.

Nesta laxe seccionada e esquecida polos canteiros de 340 x 207 cm. observamos unha única combinación de dobre anel (24 cm. de diámetro) e cazoleta central de 8 cm. de diámetro e 1 de profundidade. Os sucos son anchos duns 3 cm. e o seu estado de conservación é bo aínda que está moi denegrida polo lume.

Coordenadas UTM: 29 T 561679 4722915, altitude: 662 msnm.

Pormenor do petróglifo de Espiñeira 5

Os petróglifos de Castelao

Na paraxe denominada Castelao situada a uns 220 m. o SO da estación central dos petróglifos de Espiñeira localizamos tres novas estacións case contiguas. Localízanse no cumio dun outeiro granítico desde o que se ten un amplo dominio visual sobre os agros de Xubín e Os Chaos e coa silueta do Monte do Carrio e do Farelo ó fondo.

Panorámica dos montes do Deza dende o Outeiro de Castelao

4.1 Castelao 1

Nunha laxe a rentes do chan de 3,50 m de longo e 92 cm. de ancho localizamos un único motivo, posiblemente unha alabarda cunha folla triangular ancha con crista central duns 40 cm. de longo por 13 de ancho que presenta un mango curto realizado con dobre suco duns 17cm. Tamén salienta a zona de suxeición entre o mango e a folla representada cun anel ovalado dividido á metade por un suco vertical.

Petróglifo de Castelao 1

A presenza desta posible arma do Bronce Inicial ten gran relevancia pola súa singularidade pois só atopamos armas en dúas laxes máis no Trasdeza, concretamente no Petróglifo de Primadorno 1, no linde entre as parroquias de Breixa e Saídres, e no petróglifo de Tras da Costeira 1 na Pena do Camiño en Oleiros. Porén, debemos sinalar que o deseño desta posible alabarda de Castelao presenta diferenzas notables cos deseños dos citados petróglifos.

Reconstrucción fotogramétrica da alabarda do Petróglifo de Castelao 1

Coordenadas UTM: 29 T 562171 4722393, altitude: 643 msnm.

4.2 Castelao 2

A 14 m ó E desta primeira estación localízase unha laxe cun único gravado, un cruciforme histórico de 14 cm. nos cabos por 11 cm. nos brazos de clara factura histórica realizada cunha ferramenta metálica, presenta un suco fino duns 2 cm. de ancho e 1 cm. de profundidade. Probablemente unha cruz de termo pois localízase na parte superior e máis visible do penedo.

Petróglifo de Castelao 2. Cruciforme

Coordenadas UTM: 29 T 562185 4722393, altitude: 644 msnm.

4.3 Castelao 3

A escasos 5 m da anterior atopamos a última estación localizada neste outeiro.

No extremo S deste afloramento granítico figura un panel insculturado con máis de 20 coviñas distribuídas sen orde aparente por boa parte da superficie da laxe. A máis grande é de 16 cm. de diámetro e 4 de profundidade e a máis pequena non chega os 5 cm. de diámetro por 0,5 cm. de profundidade.

Petróglifo de Castelao 3

Na segunda visita ó petróglifo identificamos na parte central do panel un círculo moi erosionado duns 20 cm. con coviña central de 3 cm.

Coordenadas UTM: 29 T 562188 4722388, altitude: 643 msnm.

5- O petróglifo de Barazal ou do Alto da Costa

Localización dos Petróglifos de Espiñeira e Alto da Costa

Situado a uns 950 m ó N do segundo grupo de petróglifos de Espiñeira, xusto no perímetro de protección da necrópole megalítica denominada “Costa de Laro” que integran catro mámoas e preto do camiño, localízase unha pequena laxe á rentes do chan cunha única combinación circular moi irregular de dobre anel duns 20 cm. de diámetro e coviña central de 2 cm. Presenta un elevado desgaste.

Coordenadas UTM: 29 T 561667 4723881.

Petróglifos de Barazal ou Alto da Costa

6- Conclusión e agradecementos

A descuberta destas novas estacións permítenos seguir afondando no estudo e distribución dos petróglifos nas terras de Trasdeza.

Chouzo 1 de Espiñeira. Foto, Iria Méndez

Esta nova área arqueolóxica é clave para analizar as liñas de tránsito destes poboadores da Idade do Bronce en relación con outras áreas próximas xa coñecidas de gran relevancia como a contorna do Castro Montaz ó SE, os petróglifos de Pena Longa, Gorgullós e A Brea ó NE ou coas estacións rupestres da paraxe de Tras da Costeira ó leste.

O baleiro que existía só era explicable á falta de sondaxes intensivas nesta zona e o estado de abandono destes montes que dificultaba a realización destes traballos. 

Queremos agradecer a información facilitada por Iria Méndez e Inácio Pavón que nos permitiu achegarnos a un novo enclave arqueolóxico de gran interese. Un sitio que cómpre valorizar conxuntamente cos interesantes bens etnográficos desta área, os dous antigos “chouzos” relacionados coas actividades pastorís ou os antigos camiños que conservan aínda as pegadas do paso dos carros, mais tamén cos recursos naturais como fontes e mananciais da zona e mesmo as vistas panorámicas únicas das terras do Deza.

Daniel González Alén no petróglifo da Espiñeira 1

Este traballo foi realizado conxuntamente co cronista oficial do Deza, Daniel González Alén, incansable estudoso e divulgador do patrimonio material e inmaterial da súa querida comarca dezá.

 7- Bibliografía e documentación:

  • Carballo Arceo, L.X: “Novas estacións de Arte Rupestre en Trasdeza: Pena das Cazolas e Pena Longa”. Revista Brigantium do Museo Arqueolóxico de Coruña. A Coruña, 1983
  • Carballo Arceo L.X. e Fuente, A.: “Os petróglifos da Peneda do Encanto en Siador (tradeza). Museo de Pontevedra, XXXVI, 1982
  • González Alén, Daniel: “Arte rupestre en Silleda”. Anuario de Esudios e investigado de Deza, núm. 12, 2013
  • García Alén, A  e Peña Santos, A.: “Grabados rupestres de la provincia de Pontevedra. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña,1981.
  • Núñez Sobrino A: “Ramón Sobrino – Lorenzo Ruza (1915-1959): trayecto vocacional de un arqueólogo”. Deputación de Pontevedra, 2006
  • Sobrino Lorenzo – Ruza R. e Martínez López, J.: “Petróglifos de la comarca de Lalín. Cuadernos de Estudios Gallegos, XII (1957) & XIII (1958).
  • “Inventario arqueolóxico do PXOM de Silleda”. Eptisa (2015)
  • “Plano arqueolóxico do Concello de Silleda”. A Citania, Arqueoloxía e Xestión do Patrimonio (2015).

Visita ao petróglifo de Primadorno


Entorno onde se ubica o petróglifo

O sábado 26 de outubro o colectivo fixo unha escapadiña a terras do concello de Silleda, para visitar unha das súas mais afamadas mostras de arte rupestre, a estación de Primadorno. A estación foi publicada por Martínez López e Sobrino Lorenzo-Ruza na década dos 50 do século pasado, sendo revisitado por outros autores como De la Peña Santos.

Entre os motivos destacan as representacións de armas, dúas alabardas e ata cinco puñais. Unha combinación de círculos concéntricos foi interpretada por algúns autores como un escudo. Xunto a este motivos prehistóricos aparecen gran cantidade de ferraduras, un cruciforme e outros motivos considerados como medievais.

Achegámosvos unhas imaxes da laxe número un:

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Cruz e outros suxestivos motivos indeterminados

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Ferraduras e outros motivos na parte inferior da rocha

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
A alabarda de menores dimensións

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
A gran alabarda, a combinación circular e os puñais

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
A gran alabarda, a combinación circular e os puñais

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Cruz e outros suxestivos motivos indeterminados

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Ferraduras e outros motivos na parte superior da laxe

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Agrupación de coviñas

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Ferraduras na parte superior non incluidos no calco


A posible espada medieval