A Devesa da Rula. No camiño cara a destrucción


A descuberta da área arqueolóxica da Devesa da Rula tivo lugar cando este colectivo daba os seus primeiros pasos. Daquela pareceunos oportuno adoptar o nome daquela ladeira do monte San Miguel na Portela de Villestro como un xeito de reivindicar a súa relevancia no contexto da arte rupestre da nosa comarca.

Convencidos da necesidade de conservar esta área arqueolóxica xorde un colectivo que reunía a vontade dun grupo de persoas que procuraban un xeito novo de concibir a relación co noso patrimonio rupestre en harmonía co medio natural da súa contorna.   Cando comezamos confiábamos nas posibilidades reais de erradicar, coa axuda das administracións competentes, os elementos que facían perigar a súa conservación e impedían o adecuado acceso ás estacións con gravados

Devesa da Rula. Onde se xuntan os camiños. Dentro do triángulo a estación 4

Oito anos despois tivemos experiencias dabondo para decatarnos de que o camiño que escollemos é máis difícil do que imaxinábamos. Porén, non fomos quen de sospeitar que, a día de hoxe, seguiríamos a camiñar como o caranguexo.

Para explicarvos mellor a situación empregaremos unhas imaxes PNOA da zona dispoñibles en liña na cartografía da Xunta de Galicia nas que poderedes ver a evolución da zona desde o ano 2002 ata o 2017.

(Ver a pantalla completa). Fonte: http://mapas.xunta.gal

Nestas imaxes (recomendamos abrilas en máxima resolución para unha mellor visualización) podemos ver como desde o voo americano do ano 1954-55 ata o PNOA do ano 2010-1 non se observa a existencia de ningún camiño que cruzase pola zona da Devesa da Rula onde se sitúan as estacións rupestres, existindo só un camiño ao sur que discorre en dirección leste – oeste, e outro camiño que discorre en dirección norte – sur situado ao oeste da zona con gravados.

No PNOA do ano 2014 pode verse xa a consolidación dun estreito sendeiro que cruza a zona de gravados en dirección norte – sur, e que é a senda que tradicionalmente empregamos nas nosas visitas e actividades divulgativas.

A finais dese ano e principios do ano seguinte comezaron a circular por este sendeiro bicicletas o que provocou o paulatino deterioro do firme, e se chegou incluso a organizar unha ruta btt na zona con numerosos participantes que conseguimos non se celebrase máis.

No PNOA do ano 2017 faise evidente que o sendeiro xa non é tal, senón que xa ten o ancho dun vehículo de catro rodas e se evidencia un uso cada vez máis asiduo por vehículos motorizados, o que producíu un aceleramento do deterioro do chan, do entorno e dos xacementos.

Durante todos estes anos instamos en múltiples ocasións ao Concello de Santiago e a Dirección Xeral de Patrimonio para que tomasen medidas axeitadas para corrixir esta mala utilización da Devesa da Rula que está a deteriorar sensiblemente o xacemento e as estacións rupestres que alberga. Recibimos comprensión e atención mais, en todo este tempo, non se adoptou ningunha medida efectiva que paliase os efectos nocivos destes usos de xeito descontrolado.

Estas foron as nosas loitas ata o de agora, xa que este aciago ano 2020 tíñanos reservado outra mala nova. Nunha data indeterminada deste verán alguén abriu un camiño novo desde o primeiro treito do camiño tradicional que discorre dirección N/S ao oeste da zona con gravados, e comunica co camiño “novo” N/S da Devesa cruzando a zona dos gravados.

PNOA do 2017 co trazado dos novos camiños, laranxa o de 2020 e vermello o de 2013-20

Este novo camiño abriuse pasando por enriba da estación Devesa da Rula 5 e pasa a carón da estación da Devesa da Rula 4 antes de comunicar co camiño da Devesa. Un pouco máis adiante, seguindo a senda da Devesa abriron un camiño que parte á dereita e se bifurca en varias rúas que adoitan empregar os cazadores para disparar ás pezas.

Devesa da Rula. Imaxe do último tramo do novo camiño ao seu paso pola Devesa da Rula

Semella que o lugar elixido para dar a volta os vehículos é a propia Devesa da Rula conformándose un trazado en forma de triángulo no interior do cal quedou a estación da Devesa 4

Descoñecemos quen está detrás da apertura deste novo camiño. O evidente é que foron abertos sen empregar ningún tipo de criterio racional toda vez que o camiño pasa por enriba da estación 5 e invade as zonas de protección máis inmediatas doutras dúas estacións.

Devesa da Rula. O novo camiño. En primeiro plano a estación 5, no medio do trazado

O pasado 22 de outubro comunicamos estes feitos a David Santomil que ostenta a Presidencia de Compostela Rupestre que llo comunicou á concelleira compostelá Mercedes Rosón. Mercedes comunicoullo á súa vez á Dirección Xeral de Patrimonio. Uns días máis tarde acompañamos a un técnico enviado pola Dirección Xeral de Patrimonio ata o lugar co obxecto de que recompilase información para elaborar un informe.

Devesa da Rula. Vista cenital da estación 4 na encrucillada de camiños e a estación 5 á esquerda no medio do trazado do novo camiño

O deterioro acelerado que está a sufrir a zona está a vista de todos. Se non se toman medidas que o corrixan estamos convencidos que o deterioro da zona vaise acelerar moito máis toda vez que o paso de vehículos a motor é, na actualidade, habitual.

Devesa da Rula. Trazado do novo camiño

Xa temos dúas estacións na zona atravesadas por un camiño Agro do Campo 1 (danada pola maquinaria de extinción do lume do ano 2015) e agora a da Devesa da Rula 5, e unha boa parte dos afloramentos próximos amosan pequenas fracturas producidas polo paso de vehículos.

No Colectivo A Rula traballamos en prol da multifuncionalidade dos nosos montes, así como pola accesibilidade dos xacementos rupestres, claro que nunca imaxinamos esta multifuncionalidade nin esta rede de accesos.

Nas conversas mantidas estes días tanto con Rosón como con Santomil indicaron a súa intención de esperar á contratación e elaboración do plan director de Compostela Rupestre para adoptar as medidas que este indique.  Mercedes tamén nos informou da súa intención de enviar as fins de semana unha patrulla ao lugar para controlar a actividade de cicloturistas e motoristas. De verdade que é preciso un plan director para actuar nestes casos? 

Cústanos asumir que a realización dun camiño cruzando unha zona inzada de xacementos catalogados e coa máxima protección legal contemplada para o patrimonio vaia a quedar impune.

Moi ao noso pesar RECOMENDAMOS por MOTIVOS DE SEGURIDADE NON VISITAR OS PETRÓGLIFOS DA DEVESA DA RULA OS DÍAS HÁBILES DE CAZA (XOVES, DOMINGOS e FESTIVOS) dada a proximidade das rúas de disparo cos xacementos.