Cumpriranse o próximo mes de abril os dous anos dende que iniciáramos a nosa constitución como asociación. O último empurrón que nos axudou a tomar esta decisión foi o propiciado pola “descuberta” da estación de arte rupestre de As Pedragueiras no concello de Muros.
Foi tamén a nosa primeira comunicación realizada tanto á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia como ó Concello de Muros informando deste novo Ben de Interese Cultural e solicitando a súa catalogación.

Do Concello de Muros , a día de hoxe, non recibimos ningunha resposta. Si contestou a Dirección Xeral de Patrimonio aínda que a resposta é certo que non cumpriu coas nosas expectativas. Nela indicaban que procedían a comunicar ó Concello de Muros a información que lles facilitaramos para que procedesen a súa inclusión no Catálogo de Bens Patrimoniais do PXOM muradano.
Unha vez realizadas as notificacións pertinentes ás administracións públicas con obrigas na xestión e conservación do patrimonio só nos quedaba pola nosa parte tratar de publicar un breve artigo sobre este conxunto arqueolóxico. Deste xeito achegamos, case dous anos despois, a nosa primeira publicación en soporte convencional, un sinxelo apuntamento sobre o xacemento das Pedragueiras no número 7-8 da revista Estrat Critic, da Universitat Autònoma de Barcelona que saíu do prelo o pasado mes de decembro.
Lamentablemente non podemos dicir que a situación de desleixo descrita no artigo teña mudado e as laxes das Pedragueiras seguen ocultas entre o mato e os toxos, complicando achegarse ós petroglifos.
Rematamos agradecendo de novo a Domingo Rama e ó resto de veciños de Muros ternos amosado esta fermosa paraxe. Pola nosa parte só sinalar que continuaremos a instar ás administracións públicas a cumprir as súas obrigas en relación co patrimonio de todos nós.
Por se a alguén lle pode interesar deixamos aquí as comunicacións e unha ligazón ó artigo en PDF: Pedragueiras Estrat Critic 2014
Achegamos ademais unha ligazón ó artigo na nosa conta de Calameo coas imaxes en cor.



[…] outra banda, os petróglifos localizados nos últimos anos como o petróglifo das Pedragueiras no Monte Areal con diversas publicacións especializadas que dan contan das súas características, ou o […]