Un novo alquerque de 9 nas Torres de Oeste, Catoira


Froito do labor pedagóxico

Tan só unhas semanas despois da visita guiada ós petróglifos da contorna da vila de Catoira, tras os pasos do seu descubridor Ramón Sobrino Lorenzo Ruza, chegou a boa nova da descuberta dun novo taboleiro de xogo medieval na contorna das torres de Oeste. Ó remate da ruta amosamos o primeiro dos alquerques de 9 localizado, hai xa uns anos, por un dos nosos socios. A pesar das nosas xestións non está catalogado e, por tanto, non conta con ningún tipo de protección.

Porén, unha das veciñas que participaron nesta actividade, Vanesa Pérez Lorenzo, informounos “doutro modelo semellante” e puidemos confirmar que se trataba doutro alquerque similar ó localizado na antiga zona portuaria.

Despois da visita a propia veciñanza consciente da relevancia e singularidade destes gravados iniciou unha campaña para sensibilizar ás institucións públicas e procurar a protección e valorización destas gravuras. Baixo o lema “salvemos ós alquerques das Torres de Oeste” recolleron centos de sinaturas nunha ducia de locais da vila e paralelamente déronlle a oportuna difusión nas redes sociais e nas plataformas dixitais comarcais como obaixoulla.gal, e mesmo chamou a atención á Televisión de Galicia que realizou unha reportaxe para dar a coñecer os alquerques e as demandas deste grupo de veciños/as catoirenses

O segundo alquerque

Este segundo alquerque localizado por Vanesa figura a uns 25 metros ó norte da capela de Santiago, no extremo dunha peneda situada preto do muro de pedra que delimita a área principal do conxunto arqueolóxico das Torres de Oeste. Está na zona máis regular e plana dunha rocha a rentes do chan, parcialmente soterrada.

Trátase dun alquerque de nove de 50 cm de diámetro que presenta o clásico deseño formado por tres recintos cadrados concéntricos con liñas na zona central e nalgún dos cantos para a colocación das pezas. Como singularidade posúe unha coviña no centro do primeiro recinto.

Este segundo alquerque presenta mellor estado de conservación que o anterior o que facilitaría a súa valorización social. A diferenza principal é que neste caso sabemos con seguridade que figura na súa posición orixinal e, por tanto, podemos estudar e analizar o seu contexto.

A relevancia destes taboleiros

Como xa sinalabamos na entrada anterior do noso blog este xogo recóllese no famoso libro dos xogos, encargado por Afonso X O Sabio a mediados do s. XIII, onde figuran as súas regras. Aínda que podemos datar o taboleiro en época medieval, entre os s. IX e XIII, cómpre destacar a súa presenza en numerosos conxuntos arqueolóxicos xa en época romana.

En Galiza atopamos modelos semellantes noutros castelos ou torres medievais, case todos en estado ruinoso, como o de Monte Lobeira (Vilanova de Arousa), Casaldourado (Pontevedra), Esteiro ou da Laxe (Outes – Muros),  Lobarzán (Oimbra), Raíña Loba (Os Blancos), Rocha Vella (Santiago de Compostela), Monte Castelo (Nigrán), etc.

Alquerque do Castelo da Rocha. Museo das Peregrinacións

Estes gravados, a maioría xa catalogados, testemuñan un aspecto pouco estudado na historia destas emblemáticas construcións como é a vida cotián nun castelo medieval, tamén había tempo para o lecer.  

Salvemos os alquerques de Oeste

Aproveitamos esta publicación para seguir demandando a protección destes singulares gravados de época medieval que enriquecerían un dos conxuntos históricos, patrimoniais e turísticos máis importantes de Catoira e da Ría de Arousa. Por tanto, non podía ser doutro xeito, apoiamos e valoramos moi positivamente a campaña veciñal en prol da súa protección e valorización social.

Resulta paradoxo que despois de tantas intervencións nas Torres de Oeste estas gravuras históricas sigan sen catalogar e, resulta aínda máis incrible o desleixo amosado polo concello ante as solicitudes presentadas polos veciños e os grupos da oposición, que demandan non só a súa protección senón a divulgación e conservación dos conxuntos con arte rupestre de Catoira.

A maioría dos gravados desta tipoloxía están catalogados e, no caso dos exentos, incorporados como pezas de referencia da época medieval nas exposicións permanentes dos Museos, como acontece co Alquerque de 9 do Castelo da Rocha no Museo das Peregrinacións e de Santiago. Descoñecemos e non entendemos porque non debería acontecer o mesmo neste caso, demandamos a catalogación de ambos gravados, a súa posta en valor e o traslado do alquerque exento a unha nova posición que free a súa constante degradación debido ó lugar onde se atopa pois non garante a súa protección. 

Queremos, por último, agradecer a Cristina Conde, a Vanesa Pérez, a ANPA As Lombas, a Ecoloxistas de Catoira e a todas as persoas que iniciaron esta campaña e, en xeral, a todas as persoas que loitan e loitaron por unha Catoira que non esquece a súa historia e o seu patrimonio cultural.

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.