O petróglifo de Regalados. Un novo petróglifo no concello de Aranga


Santiago Sas é o descubridor deste novo xacemento rupestre. A el debémoslle o pequeno, pero valioso, avance que implica o coñecemento dunha nova pedra gravada. A descuberta foi casual. A finais de febreiro, Santiago estaba traballando coa súa brigada forestal nun monte queimado moi cerca do inicio da coñecida Costa do Sal, no norte do concello de Aranga. Algo espertou a súa curiosidade cando puxo atención nunha pequena laxe.

“As miñas inquedanzas e respecto polo noso patrimonio”, nas súas palabras, fixeron o resto. Comunicoulle a descuberta ao seu superior pero, non lle pareceu suficiente e tamén se puxo en contacto con nós.

A continuación, facemos unha primeira aproximación a este xacemento de arte rupestre prehistórica de motivos propios da nosa Arte Atlántica.

Petróglifo de Regalados. Imaxe con luz artificial dunha das combinacións centrais (A)

O petróglifo de Regalados

Localízase o xacemento nun monte queimado de superficies chans situado no extremo oeste da parroquia de San Pedro de Feás, a menos de 350 metros ao leste do límite coa parroquia de Santa María de Ois, no veciño concello de Coirós. Coordenadas WGS84 N43 13.237, W 8 04.603 / UTM 29N 574987 4785727.

Petróglifo de Regalados. Vista xeral da laxe

Os xacementos arqueolóxicos coñecidos máis próximos están a pouco máis dun quilómetro en dirección suroeste atópase a grande necrópole megalítica do Monte da Retorta (GA 15027016-24) no concello de Coirós, con 14 mámoas catalogadas, ou 15 se contamos a próxima mámoa da Costa do Sal (GA15027015). A un quilómetro e medio en dirección norte están os petróglifos de Cruz de Curra e de Rivadevila. En dirección surleste, a 2,5 km, localízase a mámoa da Carpaceira e ao seu carón a mámoa da Pedra Chantada. Na mesma dirección, máis ao sur, a mámoa das Trapelas.

Petróglifo de Regalados. Imaxe con luz artificial dunha das combinacións centrais (B)

É unha laxe de granito de gran fino, de forma alongada, apenas destacada sobre o terreo uns 35 centímetros na parte máis alta cunha superficie irregular, aparentemente pouco axeitada para acoller gravados. A superficie, debido aos lumes forestais, está afectada pola meteorización que produciu múltiples desprendementos de minerais da rocha que alteraron gravemente os gravados.

Petróglifo de Regalados. Reconstrución por fotogrametría con indicación dos motivos identificados

A pesar de todo isto identificamos 8 motivos circulares. Todos presentan sucos moi esvaídos. Os tres mellor conservados sitúanse na zona central (A, B e C), a máis elevada da laxe. O situado máis ao leste (A) ten dous círculos concéntricos, coviña central e un radio que o atravesa. Os outros dous (B e C) son de maior tamaño pero neles só se distinguen os seus círculos exteriores e as coviñas centrais. Destes dous últimos parten catro e dous sucos rectos respectivamente que conforman figuras máis complexas que non conseguimos identificar. Ao carón do motivo A apréciase unha pequena combinación (F) formada por círculo, coviña central e longo radio de saída en dirección leste. Ao lado do motivo C vese outro motivo circular (D) de dimensións similares do que só se aprecia o círculo exterior.

Dos restantes motivos (E, G e H) só se conservan as coviñas centrais e pequenos restos dos seus aneis.

A modo de conclusión

Nun principio, a descuberta de Santiago semellaba un sinxelo panel con só dous motivos conservados pero grazas a unha análise en detalle e ao emprego da fotogrametría conseguimos identificar, a pesar do deficiente estado de conservación que presentan, un complexo panel con motivos que ocupan boa parte da súa superficie.

Procedemos a comunicar e solicitar á Dirección Xeral de Patrimonio a súa valoración e inclusión no Catálogo de Patrimonio Cultural como paso necesario para garantir a súa conservación.

Parabéns a Santiago Sas polo seu bo ollo, e grazas pola achega da información que nos permitiu facer este primeiro estudo desta nova laxe que incrementa o coñecemento da arte rupestre no noroeste da provincia da Coruña e o catálogo patrimonial do concello de Aranga.

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.