Un petróglifo reutilizado en Deiro, Vilanova de Arousa


A comarca do Salnés foi unha das áreas máis poboadas durante a nosa Prehistoria Recente, servindo de porta de entrada dende a costa ó interior como reflicten moitos dos seus xacementos rupestres. Porén, tamén é unha comarca marcada polo grande impacto antrópico sobre o territorio produto da especulación urbanística e a falta de iniciativas institucionais na valorización destes bens culturais o que provocou graves alteracións e a perda de numerosos bens culturais ó longo do século XX. Malia todo, a comarca aínda atesoura grandes mostras de arte rupestre, entre os que destacan as concentracións dos concellos de Vilagarcía de Arousa, Meaño ou Meis.

Nesta pequena publicación damos conta dun novo elemento cultural inédito descuberto grazas ó labor da veciñanza e dos afeccionados que, unha vez máis, amosan o papel esencial que xogan na localización destes bens, paso previo e esencial para a súa conservación e futura valorización social. Un labor que as administracións públicas responsables da protección, conservación e divulgación do noso patrimonio cultural deberían valorar máis e agradecer como merecen.

Foi un achado realizado por Manuel Santiago Brandón, membro da brigada forestal municipal que estaba a traballar na limpeza das beirarrúas da aldea. Logo da roza, descubriu os gravados e deunos aviso. Non só verificamos a presenza dos gravados senón que tamén comprobamos a beleza plástica desta pequena alfaia rupestre. Cómpre agradecer a Santi que confiara en nós para proceder ó recoñecemento da pedra. Alédanos que os nosos seguidores e participantes nas actividades e visitas que organizamos sexan tamén valiosos informantes. É o mellor agasallo que podedes facernos. Grazas Santi!

Trátase dun petróglifo fragmentado e reempregado como material de construción nun muro de peche no linde dunha propiedade no centro da parroquia de San Miguel de Deiro en Vilanova de Arousa.

Gravados xeométricos realizados nunha pedra granítica de forma rectangular de 120 cm de largo por 46 de ancho na parte máis ancha. Conserva unhas vinte coviñas / cazoletas de diferentes dimensións e distribuídas sen orde aparente por todo o panel. Os motivos principais son dúas combinacións de círculos concéntricos, os clásicos “cups and rings” como nomean os investigadores anglosaxóns a este tipo de petróglifos de estilo atlántico.

A primeira (A) atópase na zona central e case no bordo superior da pedra, cunha dimensión de 22 cm de diámetro e formado por 3 aneis, o exterior incompleto, e con coviña central. O seu estado de conservación é bo, sendo o deseño mellor conservado e o que permitiu a identificación do petróglifo por parte do seu descubridor.

Na nosa visita, e logo da realización de fotografías con luz rasante e diferentes modelos fotogramétricos, ollamos unha segunda combinación (B) moito máis erosionada no bordo inferior e nun dos extremos da rocha de 24 cm diámetro, con catro aneis, coviña central e suco de saída que se prolonga ata unha coviña case no bordo superior da rocha. Os sucos desta segunda combinación son máis irregulares, máis estreitos e menos profundos en comparación cos sucos da combinación (A).

Evidentemente, trátase dun petróglifo descontextualizado, mais o normal é que a pedra cos gravados proceda dalgunha canteira da zona onde posiblemente houbera máis gravados das mesmas características, polo que esta descuberta abre a porta a novos estudos e traballos de campo a realizar na súa contorna.

A disposición dos gravados nos bordos e extremos da pedra lévanos a sospeitar que só esteamos diante dun pequeno fragmento dun panel inicial que posuía máis gravados.

Nestes últimos anos demos conta de achados semellantes a este petróglifo reempregado na comarca de Compostela, como é o caso do petróglifo nunha casa en Vilar de Francos ou noutra preto da Igrexa de Santa Maria de Lampai en Teo, mais non deixa de ser feitos case testemuñais e pouco frecuentes en relación coas descubertas de petróglifos ó ar libre nos nosos montes.

Alquerque de 9 do Monte Lobeira

Alén do depósito de 72 machados de talón da Idade do Bronce localizados ó pé do Castro de Tremoedo e estudados por López Cuevillas e Bouza Brey a finais dos anos vinte do pasado século, non coñecemos outros xacementos importantes deste período no termo municipal de Vilanova de Arousa.

En relación coa arte rupestre, só figuran rexistrados nos inventarios e catálogos patrimoniais os gravados medievais localizados na fortificación do Monte Lobeira, 3 taboleiros de xogo (2 alquerques de 9 e un alquerque de 12). Un feito que dá maior dimensión ó achado do petróglifo de Deiro pois abre novas liñas de investigación ó proporcionar un elemento de referencia para seguir a afondar nos estudos da distribución espacial dos sitios arqueolóxicos da Prehistoria Recente na Ría de Arousa.

Como sempre, procedemos a comunicar á Dirección Xeral de Patrimonio o achado e a solicitarlle que proceda a súa catalogación para garantir a súa protección.

Bibliografía.

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.