Artigo publicado orixinalmente no A Estrada Miscelánea histórica e cultural, nº XXVII, 2024
Resumo. Realizamos a revisión e estudo dos xacementos rupestres da Costa dos Cabalos e da Pedra dos Cabalos localizados na parroquia de San Xurxo de Vea, no concello pontevedrés da Estrada. Asemade, achegamos datos de dous novos xacementos rupestres próximos ós xa catalogados, que denominamos Costa dos Cabalos 2 e Pedra dos Cabalos 2.
Abstract
Review and study of the rock sites of Costa dos Cabalos and Pedra dos Cabalos located in the parish of San Xurxo de Vea, in the municipality of Pontevedra of Estrada. Data on new nearby rock sites and a new description, which aims to be more complete, of the already known rock sites are provided.
Introdución

As novas sobre o primeiro achado da primeira estación de arte rupestre no Concello da Estrada datan do ano 1938, cando un veciño das Quintas, Jesús Romar Castro, localizou na croa do Castro das Quintas (ou de Codeseda) un pequeno gravado exento, hoxe depositado no Museo Arqueolóxico de Pontevedra. Deste achado deron conta ilustres persoeiros da nosa cultura coma Federico Maciñeira e posteriormente Fermín Bouza Brey, nun artigo publicado no Boletín da Real Academia Gallega (1942)
Tiveron que pasar cincuenta anos máis ata a descuberta de novos petróglifos estradenses, concretamente na parroquia de San Xurxo de Vea. En abril de 1988 o investigador e escritor, Juan Andrés Fernández Castro, na compaña do seu fillo, localizaban os gravados da Costa dos Cabalos que publicarían vinte anos despois nun interesante artigo na Revista Miscelanea (núm. 11, Ano 2008), intitulado: “Gravados rupestres na Estrada: da Idade do Bronce aos nosos días”. Neste mesmo traballo, o autor resume as estacións rupestres coñecidas ata ese momento no termo municipal da Estrada. Entre as estacións referidas cita tamén a denominada Quenlla dos Castiñeiros ou Quenlla dos Carballos, unha estación de gran interese da que publicamos, en colaboración con Juan Manuel Abascal Palazón un estudo detallado no ano 2021, “A estación da Quenlla dos Carballos na Estrada. Un santuario rupestre cunha dedicatoria a Diana na ribeira do Ulla”, publicado na Revista Miscelánea A Estrada, número 24.
Desde ese ano 2008, a reducida lista de estacións rupestres coñecidas no concello da Estrada foi aumentado de xeito substancial, principalmente grazas ao intenso labor investigador de Jorge Fernández Guerra, membroda Asociación Cultural Codeseda Viva.
No ano 2018 tivemos a sorte de colaborar con Jorge no estudo do fermoso petróglifo de Chan de Lamas, que destaca pola representación dunha gran cerva, un panel de temática naturalista que enriqueceu notablemente o corpus dos petróglifos estradenses. O estudo foi recollido nunha publicación do noso blog “Chan de Lamas. O primeiro gran cervo da Estrada” e no libro “Na espiral dos círculos concéntricos: un vínculo social do patrimonio rupestre”(Colectivo A Rula, 2019)
Nese mesmo ano, Jorge publica tamén na Revista Miscelánea A Estrada, número 21 o artigo “Novos petróglifos do grupo galaico da arte rupestre no concello da Estrada“ , no que tamén tivemos a honra de colaborar. Nel presenta 40 novos petróglifos localizados no sur do concello (Chan de Lamas entre eles) e outros 19 máis situados nos límites cos concello de Cuntis, Campo Lameiro, Forcarei e Cerdedo-Cotobade. Feito que supuxo unha considerable ampliación do catálogo rupestre precedente.
Non queremos esquecernos do labor desenvolta polo imprescindible Colectivo Capitán Gosende que teñen na Terra de Montes o escenario das súas pesquisas. Nestes anos foron moitas as súas descubertas. No concello da Estrada salientan os petróglifos do Outeiro da Pena I, II e III e a Ventá do Areal na parroquia de Sabucedo e, a Bighoia na parroquia de Codeseda
E ata aquí a síntese xeral sobre os petróglifos coñecidos no concello da Estrada. Con esta nova publicación queremos completar algo máis este catálogo de petróglifos estradenses afondando no estudo das xa coñecidas estacións da Costa dos Cabalos e da Pedra dos Cabalos, situadas preto do santuario da Quenlla dos Carballos, e dar a coñecer dous novos xacementos rupestres próximos ós citados que nomearemos Costa dos Cabalos 2 e Pedra dos Cabalos 2.
As novas tecnoloxías aplicadas ó estudo da arte rupestre permítennos arestora lograr unha maior precisión no rexistro destes paneis e recoller pormenores e figuras que polo desgaste e erosión destes deseños milenarios non figuraban nas antigas fichas de catalogación.
Situación xeral
As estacións rupestres da Pedra / Costa dos Cabalos localízanse nunha pequena cordal pouco elevada con cumios que circundan os 400 m.s.n.m. no linde natural de catro parroquias estradenses, San Xurxo de Vea ó NE, San Miguel de Barcala ó NO, Frades ó sur e Santa Mariña de Barcala ó oeste.

Esta cordal forma parte das pequenas elevacións que pechan polo leste a Depresión Meridiana e van dar paso cara o leste ás terras máis chans do concello da Estrada. Nela abrollan numerosos regos que discorren en tódalas direccións (Rego da Lagoa, Rego das Mulleres, Rego do Pumariño,…).
Tal como recolle o inventario patrimonial da Estrada e o actual Plan Básico Autonómico da Xunta de Galicia os petróglifos figuran na mesma área arqueolóxica, na parroquia de San Xurxo de Vea. Debido á proximidade das dúas estacións novas ós xacementos xa coñecidos, estes inclúense na mesma área de protección xa establecida, só ampliarían uns metros a área actual.
Os xacementos arqueolóxicos máis próximos a área arqueolóxica da Pedra ou Costa dos Cabalos serían o citado Petróglifo da Quenlla dos Carballos a 1,5 km ó N e a Pedra Santeira a 1,65 ó NE. O río Ulla discorre a menos de 2 km en dirección norte. Tamén cómpre salientar a proximidade a outros bens culturais como a igrexa románica de Santa María de Frades a 900 m ó sur deste emprazamento e do igrexario de San Xurxo de Vea á 650 m ó NE.
O petróglifo da Costa dos Cabalos (GA36017211)
(Coordenadas Maps: 42.7260279749 -8.5683089867)
Trátase dun afloramento granítico de gran groso moi irregular lixeiramente orientado ó oeste, seguindo a pendente natural do terreo que descende paseniño en dirección ó linde coa parroquia de Santa Mariña da Barcala. Son superficies apenas destacadas sobre o terreo, agás no seu extremo nordés onde acada unha altura de case 1 metro. Cabe destacar a escaseza doutros afloramentos pétreos na contorna inmediata do petróglifo polo que este salienta na paisaxe ó situarse na zona máis elevada e antes do declive do terreo, máis pronunciado cara o S, especialmente se ollamos a laxe dende esta parte sur do xacemento.

As superficies situadas máis a rentes do chan do afloramento son as máis regulares e nas que atopamos os diferentes paneis gravados. En liñas xerais, son superficies horizontais lixeiramente convexas con suaves pendentes, superficies moi erosionadas e con procesos activos de meteorización, probablemente a consecuencia dos numerosos incendios sufridos nas últimas décadas. Tamén destaca a numerosa presenza de cuarzo e feldespatos brancos que lle confiren á superficie unha tonalidade esbrancuxada que, en boa medida, dificulta a observación dos gravados. Tamén ollamos fenómenos de termoclastia que afectaron gravemente a algúns dos motivos.
Descrición
O nivel de desgaste dos motivos gravados é desigual, pero en xeral é alto, o que xunto ós tons claros da pedra dificulta a súa visualización, incluso en boas condicións de luz natural.
Para o seu estudo e descrición dividimos a estación en tres paneis con superficies definidas e delimitadas por elementos naturais (diáclases) e, que denominamos, seguindo a división proposta no seu momento por Juan Andrés: Superior, Central e Inferior.
Nos tres paneis consérvanse só motivos xeométricos, basicamente combinacións de círculos concéntricos algunhas delas unidas entre si por sucos lineais ou curvos, conformando pequenas aliñacións de ata 3 círculos concéntricos.


Observamos un total de 16 combinacións circulares, a figura máis emblemática do denominado Grupo Galaico da Arte Rupestre e da Arte Atlántica Europea.
Panel Superior
No bordo superior da laxe, na parte máis occidental do afloramento, atopamos un panel de 302 x 210 cm cun claro alombamento na parte central onde se localizan os gravados. Represéntase unha combinación circular, duns 40 cm de diámetro (1), formada por catro aneis da que parte dende o bordo do primeiro deles, o central, un suco de saída que descende cara a parte inferior da laxe, ó S, duns 25 cm de longo. A ambos lados deste radio de saída e acaroados a parte inferior da primeira combinación figuran os restos dunha segunda combinación (2) con dobre anel que non chegan a pechar e coviña central sobre o propio radio que une ambos motivos. Ó seu carón figuran restos de liñas curvas que semellan abrazar a composición, moi erosionados. A pesar do grande desgaste que presenta é un motivo cun deseño moi interesante que lembra outras composicións que poderían representar unha figura/ deidade feminina.


Panel central e inferior
Dous paneis, na zona central, ó norte do afloramento, o panel central de 300 x 345 cm de tamaño e no extremo oriental do afloramento, o panel inferior de 280 x 170 cm. Entre ambos paneis figuran ata 13 combinacións de círculos concéntricos de diferentes tamaños, que posúen de 4 a 1 só anel, a maioría deles con coviña central. As dimensións oscilan entre os 35 e 12 cm de diámetro. O estado de conservación dos diferentes motivos é moi desigual o que explica que moitas das figuras non aparezan rexistradas nas fichas e sexan moi difíciles de ver coa luz natural.
No panel central destacan tres combinacións unidas (6, 7 e 8) por un suco no bordo superior da laxe que son as que se conservan en mellor estado. A maior conta con catro aneis, a central tres e a situada ó leste só un. Na parte central á esquerda figura unha combinación (9) moi erosionada da que parte un suco curvo que a une con outra combinación tamén moi degradada (10). Completan o panel tres combinacións máis illadas (11, 12 e 13) situadas no centro e parte inferior do panel. Acaroada ao círculo exterior da nº 11 consérvase un pequeno motivo formado por círculo e coviña central. Unha das combinacións (13) só conserva o anel exterior debido os “descunchados” da pátina superior da laxe, afectada polos lumes que periodicamente afectaron esta área.

No panel inferior localízanse outras 5 combinacións seguindo unha mesma aliñación e situadas na zona central e inferior do panel. A superior é a mellor conservada (5) e a de maior tamaño con 3 aneis, ten acorado ó anel externo na parte inferior outra combinación de pequeno tamaño (4). A seguir, dúas combinacións máis de dobre anel e pequeno tamaño na mesma liña (1 e 3). Completa o panel, á dereita e na parte inferior, unha última combinación mais grande, tamén de dobre anel, pero moi degradada e case imperceptible a simple vista (2).





Pedra dos Cabalos (GA36017090)
- (Coordenadas Maps: 42.72511, -8.57129)
Sitúase a tan só 267 metros ó suroeste do conxunto da Costa dos Cabalos. Conserva gravados en dous paneis ben diferenciados. Un primeiro panel nunha superficie vertical e un segundo panel nunha superficie horizontal.
Panel vertical
Nunha parede vertical de superficie irregular con máis de 2 metros de altura consérvanse un amplo repertorio de motivos históricos entre os que destacan os cruciformes de diferentes tamaños e formas (latinos e gregos). Algunhas cruces represéntanse inscritas en cadrados e outros con dobre trazo tanto nos brazos coma nos cabos. Tamén figuran posibles alfabetiformes moi erosionados. Son motivos tallados con sucos de certa profundidade e de arestas vivas que evidencian a súa elaboración con ferramentas metálicas.
Destaca a presenza dunha fileira de pedras chantadas ou colocadas á beira da laxe que semellan reforzar a grande pedra vertical.



Panel horizontal
A metro e medio ó sur do panel vertical, localízase unha laxe de forma cadrada de 152 x 210 cm de diámetro que apenas sobresae do chan. Case a práctica totalidade da súa superficie figura gravada con coviñas e cazoletas, máis de medio cento de diferentes tamaños e formas (circulares, alongadas, ovoides), e profundidades (2 a 14 cm). No bordo superior ó norte, ollamos tres coviñas con separación case equidistante e na mesma aliñación, motivos que tampouco aparecen rexistrados nas fichas de catalogación antigas.
Chama a atención o contraste entre estas 3 coviñas illadas coa agrupación e profusión dos motivos distribuídos pola parte central do panel. O conxunto resultante produce no espectador unha sensación de “horror vacui”.
Pese a aparente distribución caótica, moitas das coviñas están aliñadas ou agrupadas con outras e algunhas delas están unidas por sucos curvos.
Fixar unha cronoloxía a este tipo de paneis, asignalos a un grupo cultural ou coñecer a súa significación e o papel que xogaban dentro das comunidades que os crearon e utilizaron, son cuestións abertas ó debate dende hai moito tempo entre os investigadores neste campo. En xeral, asignáselles unha cronoloxía prehistórica cando comparten paneis con combinacións de círculos concéntricos mentres que somos más cautos cando aparecen en paneis, como neste caso, no que só atopamos este tipo de gravados.
Investigadores, como F. J. Costas Goberna, sinala nun dos seus traballo sobre a catalogación dos petróglifos do Sur da Ría de Vigo (1984), que estes paneis illados con coviñas en laxes prominentes e destacadas na paisaxe e que se divisan dende certa distancia, como é o caso da Pedra dos Cabalos (panel vertical), poderían ser fitos de delimitación de territorios e, por tanto, de época histórica. Podería ser este ó caso, se temos en conta a proximidade ó panel vertical e a estación 2 da Pedra dos cabalos con gravados que podemos interpretar como marcas de termo. Deixamos aberta a súa interpretación, só temos claro que este tipo de manifestacións artísticas poden ter varias significacións en función do lugar e contexto onde se localizan.

Cómpre sinalar que este panel sufriu danos importantes a finais do ano 2016, posiblemente polo paso de maquinaria pesada, que danaron gravemente o lateral oriental da estación o que provocou a perda irreversible dos gravados nese ángulo, segundo recolle un informe redactado polos técnicos Mario Cesar Vila & Marta Martínez Parada dentro dos traballos de catalogación do proxecto de Compostela Rupestre.



As novas estacións
Estas estacións foron localizadas polo Colectivo A Rula a escasa distancia das estacións rupestres xa coñecidas e catalogadas.
Petróglifo da Costa dos Cabalos 2
- Coordenadas Maps: 42.72511, -8.57129
Localízase a 9 metros ó NE da estación núm. 1. É un bolo granítico de formas redondeadas que destaca sobre o terreo da súa contorna inmediata.
Ten na zona superior unha superficie que tende a horizontalidade pero é moi irregular, cun tamaño de 280 x 160 x 175 cm. Ocupando un lugar central hai unha pía natural irregular de 16 x 21 cm comunicada a través dunha pequena canle cunha segunda pía de menores dimensións (pías endorreicas).
Nas zonas máis regulares da rocha localízanse un total de 7 coviñas. Unha delas (5) conserva ó seu redor parte dun círculo. Outras atópanse ó redor da grande pía natural (3,4,) no centro do panel. A Laxe presenta numerosas pías naturais de menor tamaño sobre todo ó carón das coviñas do bordo inferior (1 e 2) que semellan integrarse no propio panel para conxugar os elementos antrópicos cos naturais.



Pedra dos Cabalos 2
- Coordenadas Maps: 42.72521, -8.57143

Localízase no extremo noroeste dunha rocha que mantén a mesma liña do afloramento rochoso da Pedra dos Cabalos 1, situada a 15 m ó NO desta segunda estación. Trátase tamén dunha laxe vertical de fisionomía e composición semellante á da estación 1 pero de dimensións máis reducidas e menor altura (ca. 170 cm) aínda que foi seccionada, posiblemente polos canteiros, pola parte superior aínda que non danaron a cruz.
Posúe como único motivo gravado unha cruz na parte central de boa factura e dimensións, uns 50 cm de diámetro, e inscrita nunha forma oval algo irregular. Trátase dunha cruz grega potenzada coa particularidade de que os brazos prolónganse máis alá dos remates horizontais e verticais da potenza. Ten sucos profundos e con arestas vivas que evidencian a súa elaboración cun útil metálico e a súa pátina revela unha clara adscrición histórica.

É evidente que a cruz sitúase nunha situación propicia e ten un tamaño suficiente para poder divisarse a certa distancia. Pola posición e tipoloxía do gravado pensamos que se trata dunha cruz de termo realizada en época histórica para marcar o linde parroquial. Na actualidade está na parroquia de San Xurxo de Vea pero a só 128 m do linde coa parroquia de San Miguel de Barcala ó Norte e a 107 m do linde coa parroquia de Santa María de Frades ó Sur. Tampouco queda lonxe a fronteira parroquial de Santa Mariña de Barcala, a só 338 m ó oeste.
Consideramos que tanto a Pedra dos Cabalos 1 como esta segunda estación situadas na mesma dirección seguindo o mesmo afloramento, e visibles dende certa distancia pola súa altura, puideron empregarse noutros tempos como fitos lindeiros parroquiais situados ó carón dun antigo camiño, recollido nos planos topográficos antigos do IGE (ca.1940) e que atravesaba a parte máis elevada da cordal, sendo substituído polas actuais pistas.
A cruz de termo da Pedra dos Cabalos lémbranos outras cruces de tipoloxía semellante, como é o caso da cruz grega tamén potenzada no chamado Marco do Vento no Monte do Seixo, antigo linde dos concellos de Cerdedo (N), A Lama (S), Forcarei (L) e Cotobade (O), por citar outro exemplo na mesma comarca.



Conclusións:
Agardarmos que este pequeno estudo poida contribuír á valorización desta interesante área arqueolóxica. A localización de novos motivos nos petróglifos xa coñecidos previamente e a descuberta de dúas novas estacións poñen de manifesto o grande interese desta zona de tránsito natural, desta cordal montañosa na estrema de catro parroquias estradenses.
O estudo revela a importancia que ten o feito de revisar periodicamente os xacementos rupestres para actualizar as fichas descritivas e referir o seu estado de conservación. Alén das novas estacións referidas, grazas a fotogrametría e as visitas realizadas a distintas horas do día e da noite puidemos documentar ata 16 combinacións de círculos concéntricos no Petróglifo da Costa dos Cabalos 1 cando na ficha actual do inventario patrimonial do PXOM só constan 6. Estamos a falar dunha grande estación de arte rupestre, posiblemente da Idade do Bronce ou finais do Neolítico, que cómpre destacar polo seu grande valor patrimonial.
Por outra banda, lamentamos o feito de que estas laxes non conten con ningún tipo de franxa de protección ó seu redor, polo que periodicamente víronse afectadas polos lumes forestais e en perigo pola actividade antrópica desenvolvida na súa redonda, como lamentablemente mostran os danos no panel horizontal da Pedra dos Cabalos.
Esperamos que esta publicación contribúa a concienciar ás entidades públicas responsables da conservación do noso patrimonio a establecer as medidas oportunas para garantir a súa protección no futuro e abran a posibilidade de deseñar roteiros interpretativos que poñan en valor esta zona que salienta polo seu valor patrimonial e paisaxístico. Sería sinxelo o deseño dunha ruta que partise do igrexario de San Xurxo de Vea ou da igrexa de Santa María de Frades e dar a coñecer estes bens arqueolóxicos con outros interesantes elementos do patrimonio etnográfico e relixioso desta zona.
Rematamos agradecendo a Juan Andrés Fernández a cesión dos documentos gráficos do seu arquivo particular, que resultaron de grande interese, xa que foron unha boa referencia para analizar a evolución destes gravados nos últimos trinta anos.
Bibliografía:
- Blog Megaliticia: https://megaliticia.blogspot.com/2017/07/petroglifos-da-costa-dos-cabalos.html
- Colectivo A Rula, “Chan de Lamas. O primeiro gran cervo da Estrada”, En: Na Espiral dos Círculos Concéntricos: O Colectivo A Rula un vínculo social co patrimonio rupestre. Editorial EspacioCultura, 2019. P.235-249
- Colectivo A Rula. 2021.Blog: “A estación da Quenlla dos Carballos na Estrada. Un santuario rupestre cunha dedicatoria a Diana na ribeira do Ulla”
- Fernández Castro, Juan Andrés. “Gravados rupestres na Estrada: da Idade do Bronce aos nosos días”. Miscelánea A Estrada. XI. 2008. P. 209-230.
- Fernández Guerra, Jorge. “Novos petróglifos do grupo galaico da arte rupestre no concello da Estrada“. Miscelánea A Estrada. XXI. 2018. P. 181-218
