A estación da Quenlla dos Carballos na Estrada. Un santuario rupestre cunha dedicatoria a Diana na ribeira do Ulla


As gratas sorpresas continúan no traballo de revisión que estamos a facer nos últimos meses dos xacementos rupestres da contorna inmediata da comarca de Santiago. Nesta ocasión cruzamos á outra beira do Ulla para achegármonos ata o veciño Concello da Estrada a visitar a estación catalogada co nome de “Quenlla dos Castiñeiros” e que, malia a información previa dispoñible, revelouse como un xacemento de altísimo interese para a investigación da nosa arte rupestre prehistórica.

Achegamos aquí un primeiro informe dando noticia das novas descubertas e do grande interese que presenta este ben cultural.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Deseño barquiforme

Presentación

Este artigo, en colaboración con Juan Manuel Abascal Palazón publicouse en papel no Volume 24 da revista “A Estrada: Miscelánea histórica e cultural”. Esta publicación está dispoñible nas librarías e papelarías da Estrada.

Neste estudo introdutorio achéganse datos de novos paneis gravados e unha nova interpretación do conxunto rupestre da Quenlla dos Carballos, ata o de agora considerado erroneamente como de época histórica.

Os traballos realizados permitíronnos identificar un espazo sacro cun uso moi prolongado ó longo do tempo, comezando no período Calcolítico ou Bronce Inicial, representado polas combinacións de círculos concéntricos propios da Arte Rupestre Atlántica, ata o século I da nosa era, segundo se desprende do exame dunha inscrición votiva dedicada á deusa Diana. Un enclave especial na paisaxe, cun uso continuo que perdurou ata épocas recentes, como reflicten a presenza de cruces cunha presumible intención de cristianización e como gravados de termo.

Alén disto, o emprazamento alíñase topoastronómicamente respecto do Pico Sacro no orto do lunasticio maior norte, o que evidencia a existencia no lugar dunha adoración a unha deidade indíxena lunar que o sincretismo romano converteu na deusa Diana. Outro elemento de especial interese é a presenza dun motivo barquiforme vinculado a un círculo con coviña central, que semella representar unha embarcación solar/lunar, representación sen paralelos coñecidos no Corpus de arte rupestre do Noroeste peninsular. É un xacemento excepcional ó combinar a presenza de arte atlántica galega nun lugar de culto precristián posteriormente cristianizado. A análise dos diferentes paneis gravados testemuñan a sacralización dun outeiro de grande simbolismo situado a rentes do Ulla.

Situación

O xacemento da Quenlla dos Carballos/O Viveiro sitúase na cima dun outeiro próximo á ribeira do Ulla, no lugar do Casal da parroquia de San Xurxo de Vea, no norte do Concello da Estrada. Coordenadas UTM: 29 T 535475 4732011, altitude: 182 m.s.n.m.

51366721856_d4362ccade_k
Plano de situación da estación da Quenlla dos Carballos

O conxunto patrimonial da Quenlla dos Carballos emprázase nun interesante entorno natural co bosque autóctono atlántico mais con certos matices de clima mediterráneo, no que destacan os numerosos exemplares de sobreiras, típicas da bacía do Ulla, mesturadas con carballos.

Este outeiro é un miradoiro natural sobre o río Ulla, a 450 m. de distancia, nunha zona de canón con pendentes superiores ó 30 %. Neste treito do río aínda poden verse antigas pesqueiras, como a de Bumio (Barcala), no concello da Estrada, ou a de Bustelo na ribeira teense, entre os Coutos de Couso e Sinde antes da zona chamada do Pozo Negro.

Asemade, dende este outeiro, dada a súa privilexiada situación no bordo da Depresión Meridiana, podemos albiscar as principais elevacións que conforman a paisaxe da bacía do Ulla: ó norte o Alto da Cruz de Cabanelas, o Monte da Cruz do Xastre, a aldea de Coira, na parroquia de Reis, e Rial do Mato, na de Rarís, todos no Concello de Teo. Tamén podemos divisar a estivada do desaparecido mosteiro de S. Bieito en Padrón.

default
Vista cara o noroeste desde a Quenlla dos Carballos

Cara o poñente divísanse as aldeas da parroquia de Carcacía, e nun segundo plano a cordal que forman o Monte Miranda e os cumios do Meda, Castelo de Roque, Castelo Redondo e Monte do Castelo (Padrón), e máis o SO o Castro Valente entre Padrón e A Estrada. Cara o leste, o Souto de Vea, Couso e as terras altas de Pontevea co Castro de Santa Marta en Teo, a aldea do Vilar en primeiro termo e, por detrás, o grande faro da comarca, o Pico Sacro.

A visión cara o Sur vese reducida pola maior elevación do veciño monte da Pedra Santeira que oculta a vista das aldeas da parroquia de San Xurxo de Vea.

default
Vista cara o leste desde o xacemento

Na súa contorna inmediata, a 700 metros ó leste, está catalogado un petróglifo histórico, a denominada Pedra Santeira, GA36017210, un pequeno panel a rentes do chan cun cruciforme e varios alfabetiformes realizados por un antigo propietario do monte canteiro de profesión (FERNÁNDEZ CASTRO:2008).  A 1500 metros ó sur localízase o petróglifo da Costa dos Cabalos, GA36017211, xacemento con catro interesantes paneis graníticos con motivos xeométricos característicos da Arte Atlántica e, a 200 metros deste, a Pedra dos Cabalos, GA36017090, que comprende dous paneis con coviñas, cruciformes e outros motivos de máis difícil interpretación.

santeira
Pedra Santeira

O petróglifo da Quenlla dos Carballos

Neste afloramento de xisto de considerables dimensións localízanse varios paneis gravados con motivos diversos que, inicialmente, podemos adscribir a varios períodos cronolóxicos, dende os máis antigos, da Idade do Bronce, ata os máis modernos, xa de época Medieval/Moderna. É un afloramento de penedas de formas irregulares e dimensións moderadas, rochas con formas de crista con superficies verticais irregulares que se apoian entre si formando pequenos abrigos ou agochos baixo elas.

A primeira referencia a este conxunto parece na publicación A Estrada. Miscelánea Histórica e Cultural do ano 2008, no artigo Gravados Rupestres da Estrada: da Idade do Bronce aos nosos días (páx. 217-218), do investigador estradense Juan Andrés Fernández Castro. O autor atopa moitas similitudes entre os soportes pétreos desta estación e a veciña Pedra dos Cabalos, coa que considera que tamén comparte unha cronoloxía histórica. Nunha sucinta descrición indica a presenza nela de cruciformes, circunferencias e curvas abertas.

Na actualidade, está catalogado no Plan Básico Autonómico da Xunta de Galicia e no Inventario patrimonial do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello da Estrada (páx. 65) do ano 2013 co código GA36017212 e a denominación de Quenlla dos Castiñeiros. Na correspondente ficha de inventario clasifícase como un gravado de época Medieval composto por 3 paneis con diversos cruciformes e cazoletas e unha “cartela” non lexible con luz natural.

51365960302_cc04f62091_k
Extracto da Ficha do Petróglifo da Quenlla dos Castiñeiros, catalogado como gravado “medieval” no inventario do PXOM da Estrada

Analizada a toponimia catastral e a recollida en antigos planos da zona optamos por denominar ó conxunto como A Quenlla dos Carballos ou O Viveiro, microtopónimos máis próximos que o escollido inicialmente polo catalogador para denominalo.

O outeiro, pese a súa reducida altura, destaca sobre o terreo inmediato, sendo de maior inclinación e lonxitude as pendentes que caen cara o sur e o oeste e máis suaves as que descenden cara o norte e o leste. Nestas pendentes abondan as penedas de dimensións e características similares ás do cumio, as únicas elixidas nesta ocasión polos gravadores.

Descrición. Os paneis prehistóricos

Nas visitas ó xacemento localizamos varias superficies non incluídas nas descricións anteriores. En total contabilizamos seis superficies con gravados prehistóricos característicos da arte atlántica e do nomeado Grupo Galaico da Arte Rupestre. Trátase de motivos de temática xeométrica cun amplo repertorio integrado por coviñas, combinacións circulares e sucos lineais.

51352330483_7531a3a1fa_o

Porén, cómpre salientar dúas figuras singulares, un motivo barquiforme e unha posible alabarda.

Alén dos gravados tamén debemos indicar a presenza dunha segunda estación, formada por un panel con un interesante epígrafe rupestre.

En xeral, tódolos gravados presentan fortes erosións que dificultan a súa interpretación, ó que se lle une a dificultade engadida que supón o soporte elixido, o xisto, con superficies irregulares de moita rugosidade e a presenza de numerosas diáclases.

Estación 1

Panel 1

É unha laxe de forma alongada e superficie horizontal lixeiramente inclinada cara o NE de 3,80 m de longo e 1,40 cm de ancho e 70 cm de alto na parte máis prominente. Está orientada ó nordés, cara o Pico Sacro co que ten unha visualización directa. Consérvanse nela ata 6 combinacións circulares de diferentes tamaños distribuídas por toda a superficie da laxe, mesmo unha delas gravada no canto superior oeste do panel con continuidade na superficie vertical lateral da laxe.

quenllacarballos-6
Panel 1. Combinacións circulares

A combinación de maiores dimensións ocupa unha posición central, lixeiramente desprazada ó oeste onde a superficie da rocha acada maior anchura. Está formada por 9 aneis, catro coviñas no centro e un suco de saída que parte do seu interior e chega ata o bordo inferior da rocha. Mide 98 cm de diámetro e, polo tanto, é unha das combinacións de maior tamaño das localizadas en Galiza elaboradas neste tipo de soporte pétreo.

quenllacarballos-4
Combinacións circulares do panel 1

Ó oeste desta combinación, case no bordo do panel, consérvase unha pequena combinación de dobre anel, moi erosionada e duns 25 cms de diámetro. O resto das combinacións sitúanse acaroadas á maior nos lados leste e nordés e, á vez entre si, case unidas pero sen chegar a tocarse, a relación máis habitual entre motivos da nosa arte rupestre, a xustaposición. Están formadas por entre 4 e 2 aneis e teñen diámetros que oscilan entre os 45 e os 20 cm. Algunhas foron feitas aproveitando as protuberancias naturais da propia rocha. A maioría teñen coviña central e, polo menos dúas delas, radio de saída que se prolonga dende o centro cara o bordo inferior da laxe. Noutros casos o suco de saída enlaza varios motivos. A combinación situada máis ó leste presenta dous apéndices no seu bordo nordés, tamén presentes en numerosas estacións do Grupo Galaico Rupestre como a de Narahio en Muros. Observamos tamén varios aneis ovalados con coviña central moi degradados e restos doutras combinacións case imperceptibles.

quenllacarballos-5
Gran combinación e pequenas combinacións acaroadas a ela

O conxunto configúrase como un verdadeiro monumento prehistórico ó ”horror vacui”, a superficie cóbrese case completamente mediante a acumulación de figuras entre as numerosas diáclases naturais da rocha que semellan integrarse na escenografía que procuraban plasmar estes gravadores de hai 4000 anos. Todo isto fai que a visualización dos motivos non sexa doada, pero si se observa con axuda de luz rasante artificial, ou con boas condicións de luz natural e a superficie mollada, pódese contemplar un panel dunha gran plasticidade.

51372997677_2abacc5736_o
Fotogrametría do panel 1

Panel 2

É unha pequena superficie situada a rentes do chan e inmediata ao borde sur/suroeste do panel 1 que se apoia nela parcialmente. Conserva 3 cazoletas.

Panel 3. A embarcación

Sitúase inmediato ó suroeste do panel 1. Trátase dunha parede vertical de máis de 5 metros de longo por case 3 de altura que presenta gravados de diferente tipoloxía. Como o panel número 1 está orientado cara o Pico Sacro, ao nordés.

No extremo leste do panel, a esquerda do espectador, dous cruciformes históricos, unha cruz latina de 27 x 12 cm e unha cruz grega potenzada de feitura moi irregular e erosionada duns 25 x 11 cm.

quenllacarballos
Vista xeral do panel 3

Á dereita destes motivos ocupa unha posición central unha combinación circular de 30 cm de diámetro formada por dous aneis e coviña central da que parte un trazo radial de saída que se prolonga fora da figura cara o borde inferior do panel. Trátase dun motivo clásico da arte atlántica coa particularidade de que, nesta ocasión, gravouse nun panel totalmente vertical, algo pouco habitual. Presenta un suco máis estreito e mellor conservado cós sucos dos motivos de maiores dimensións do mesmo panel.

quenllacarballos-2
Combinación circular do panel 3

Na metade oeste do panel, á dereita do observador, un círculo duns 50 cm de diámetro con coviña central. Está elaborado cun suco ancho (3 cm) que facilita a súa localización, e semella feito por piqueteado. Inmediato, por debaixo deste círculo, atópase un dos motivos máis singulares do xacemento, un deseño sinxelo de evidente forma barquiforme pero con detalles de difícil identificación/interpretación. Está elaborado cun trazo similar ó do círculo contiguo. Dous pequenos trazos curvos ó final desta liña de casco semellan representar o que sería a proa e a popa. No interior da embaración obsérvase outra figura de difícil interpretación elaborada con sucos máis finos.

Sobre a proa do barco outro interesante deseño, unha posible alabarda con mango largo e folla triangular con nervio central, aínda que tamén pode que estea a representar unha bandeirola ou algún tipo de estandarte. quenllacarballos-3

Deseño circular e barquiforme do panel 3

A pesar do regular estado de conservación xeral do panel, os motivos conservados son figuras ben definidas, de orixe claramente antrópico e de grande interese, tanto pola súa singularidade como polo soporte empregado. A alabarda sería a primeira representación desta tipoloxía no Concello da Estrada. Porén, a maior novidade, é o deseño barquiforme, gravado na peneda dun outeiro moi próximo ó Ulla, xa que cremos abre as portas a novas interpretacións e liñas de investigación. A relación entre un motivo barquiforme e un círculo tamén ofrece gran interese simbólico.

51372510033_09d9f67ca6_o
Fotogrametría do panel 3

Panel 4

É unha pequena superficie horizontal situada na base do panel 3, nun pequeno rechán que serve de chanzo para acceder ó cumio do penedo. Figuran dúas coviñas duns 5 cm por 2 de profundidade.

Panel 5

Sitúase no cumio do afloramento da cima do outeiro, inmediato ó oeste do panel 3. A superficie mide 245 x 220 cm e conserva numerosas coviñas de diferentes tamaños e, no lateral sur-leste, unha combinación circular de 50 cm de diámetro formada por 3 aneis e unha agrupación de pequenas coviñas no seu interior.

51364632523_187deda8d7_k
Combinación circular nun petón do bordo do panel 5

Panel 6

Sitúase no cumio do afloramento, inmediato ós paneis 3 e 6. Posúe forma alongada de 5 x 1,50 m. Os gravados consérvanse na parte máis prominente da rocha e os únicos motivos representados son coviñas e cazoletas, preto de vinte furados de diferentes tamaños e formas, uns redondeados de apenas 3 cm de diámetro e 1 de profundidade e outros alongados de 14 cm de ancho e 4 de profundidade.

51365147854_e7a64946db_c
Coviñas do panel 6


Estación 2. A inscrición romana

Incluímos o estudo elaborado polo especialista Juan Manuel Abascal Palazón que, xenerosa e meticulosamente, realizou en resposta a nosa petición e a quen dende aquí agradecemos de novo o seu traballo.

La inscripción rupestre para Diana en la Quenlla dos Carballos (San Xurxo de Vea, A Estrada, Pontevedra) (1)

Uno de los últimos testimonios incorporados al catálogo de inscripciones romanas de la provincia de Pontevedra es el texto rupestre situado en el paraje de A Quenlla dos Carballos, un promontorio boscoso cercano a la margen izquierda del río Ulla, unos 3 Km al suroeste de Pontevea y dentro de la jurisdicción administrativa de la parroquia de San Xurxo de Vea (concello de A Estrada, Pontevedra).

La revisión del texto objeto de estas líneas tuvo lugar el 24 de septiembre de 2021 en compañía de Martín Almagro Gorbea (Universidad Complutense), de los componentes del Colectivo A Rula, de Alberto López (Fundación Luis Monteagudo), de M.ª Pilar González-Conde (Universidad de Alicante), de Héitor Picallo y de otros amigos, a quienes agradezco la noticia sobre la existencia del texto y la ayuda para su documentación.

Abascal_1
Figura 1. Dedicación a Diana de la Quenlla dos Carballos (foto J. M. Abascal)

El texto está grabado sobre un gran bloque de esquisto que antiguamente estuvo protegido por una visera hoy perdida y que, gracias a ello, han llegado en un regular estado de conservación hasta nuestros días. La inscripción (Figuras 1 y 2) está formada por cuatro líneas grabadas con una cierta profundidad y en las tres superiores, las que contiene la dedicación propiamente dicha, los caracteres oscilan entre los 6 y los 9 cm. No hay evidencias de interpunciones. En el margen izquierdo superior se encuentra grabado un crismón, que fue añadido a posteriori varios siglos después de escribirse el texto.

Abascal_2
Figura 2. Transcripción de los trazos visibles en la dedicación a Diana de la Quenlla dos Carballos (dibujo: J. M. Abascal)

Los caracteres de la parte derecha del epígrafe están muy gastados y los de la última línea se han perdido en parte aunque permiten hacer una propuesta de lectura. La letra A carece de trazo horizontal en todos los casos y la E está escrita con dos astas verticales paralelas en un formato cursivo que es habitual en inscripciones antiguas de comienzos del Principado.

Con las salvedades propias derivadas del estado de la roca, el texto parece decir lo siguiente:

Abascal_3

Es decir:

Titus Aulius Arcisus realizó libremente esta dedicación para Diana como consecuencia de una visión (un sueño, algo revelado).

La dedicación a Diana en un contexto rupestre en ámbito boscoso no debe extrañar, puesto que con frecuencia se asoció en la antigüedad a este tipo de espacios e, incluso, se llegó a invocar mediante inscripciones para convertir en lugares de culto algunas canteras abandonadas. Un buen ejemplo de ello es el santuario de Diana de Segobriga (Saelices, Cuenca)(2), un espacio sacralizado en una antiguo centro de extracción de piedra. En Galicia hay varias dedicaciones a Diana, entre las que se pueden citar a modo de ejemplo las de San Lourenzo de Muimenta (conc. Lalín, Pontevedra)(3) o la de San Pedro de Baroña (conc. Porto do Son, Coruña). (4)

La fórmula «ex visu» (5) es corriente en la epigrafía votiva de Galicia, en donde conocemos ya un buen número de testimonios, entre los que se pueden citar el altar para Lahus Paraliomegus en Lugo (6), el de Verore de la misma localidad (7), otro a un Lar Pemaneiecus en la capilla de San Pedro (San Vicente de Reádegos, conc. Vilamarín, Ourense) (8), y más ejemplares en San Lourenzo de Muimenta (conc. Lalín, Pontevedra), San Xoán de Bardullas (conc. Muxía, A Coruña), etc.

El nombre céltico «Arcisus» aparece en Hispania en testimonios de La Aliseda (Cáceres) (9), de Conquista de la Sierra, también Cáceres (10) y, sobre todo, en un epígrafe descubierto cerca de Celanova (Ourense) (11) que es el más próximo a este nuevo testimonio. Lo mismo puede decirse del nombre latino «Aulius», del que conocemos otros ejemplos en la península Ibérica (12).

51768906175_6008cff28d_h
Fotogrametría de la inscripción votiva

La peculiaridad del nombre personal en esta pieza radica en la presencia del cognomen antes del nomen, un fenómeno ya identificado en ejemplos de São Salvador (Viseu) (13), en donde se lee Rufinus Rufi f. Aelatius, o Campillo de Altobuey (Cuenca) (14), en donde aparece un C. Vandus Aemilius, en Faro (15) con el testimonio de Spes Domitia, o en la propia Mérida (Badajoz) (16), en donde leemos el nombre de Fausta Coelia, lo que demuestra que no es un fenómeno restringido a zonas rurales.

Las características del texto, especialmente el modo de escribir la letra E, aconsejan una datación temprana en el siglo I de nuestra era, quizá en su primera mitad o a mediados de la centuria, teniendo en cuenta que el dedicante ya presenta tria nomina, es decir, ostenta la plena ciudadanía romana.

Análise xeoastronómica do emprazamento

Revisada a localización deste outeiro obsérvase o seu aliñamento xeoastronómico co Pico Sacro, na posición do lunasticio maior norte, nun azimut de 50,8º e 1,2º de elevación.

Isto significa que, vista desde este lugar neses momentos do seu ciclo, a lúa no seu nacemento excede grao e medio o cumio do monte pola súa esquerda, de modo que o seu disco pode apreciarse completamente libre cando ascende sobre o monte ó amencer.

Debe lembrarse que o disco da lúa ten un tamaño aparente de medio grao, e que en cada ano do seu ciclo de lunasticios a súa posición aparente desprázase unha media de grao e medio, precisamente o necesario para que só durante o ano do lunasticio maior poda contemplarse nacer a lúa á esquerda do Pico Sacro, mentres que no resto de anos do ciclo farao sempre á dereita do seu cumio.

51520744129_b7c5956f48_k

Esta medición topoastronómica é coherente coas posicións acadadas pola lúa nun rango entre o 2.500 a.C. e 500 d.C., xa que, debido ó fenómeno da precesión dos equinoccios, a variación é inferior a un terzo de grao, máis ou menos, segundo consideremos as últimas ou as primeiras datas referidas.

É, por iso, que pode dicirse que a Quenlla dos Carballos representa un marcador astronómico do horizonte ideal para monitorizar o rango de variación das posicións da lúa nas súas fases novas e cheas ó
longo de todo o ciclo de lunasticios de 18,6 anos de duración, xa que o Pico Sacro proporciona unha magnífica referencia para comprobar canto tempo falta para chegar ás principais datas sinaladas.

Para contextualizar este feito compre considerar o mapa de posicións xeoastronómicas que se acompaña, no que pode comprobarse que a posición relativa do Pico Sacro configura tamén outros relevantes marcadores astronómicos do horizonte respecto das localizacións doutros importantes petróglifos da idade do Bronce nas Terras de Compostela e arredores.

51768672729_535758b9a1_k
Imaxe con luz artificial da embarcación

Así, o petróglifo do Castriño de Conxo en Santiago de Compostela alíñase exactamente co Pico na posición acadada polo Sol durante o solsticio de inverno (Bouzas Sierra, A.; 2009). Paralelamente, o petróglifo de Bouza Badín marca no Pico exactamente a posición acadada polo Sol 40 días despois do solsticio de verán, o que se corresponde coa data da festividade céltica de media estación do Lugnasad (Colectivo A Rula, 2021).

Finalmente, respecto da posible interpretación da simboloxía dunha hipotética barca solar ou lunar, compre non esquecer que, xunto ó petróglifo do Castriño de Conxo atópase o lugar onde foi edificada a catedral de Santiago de Compostela, que representa outro punto ideal para a monitorización do ciclo de lunasticios. Esta última posición xeográfica alíñase perfectamente co Pico Sacro no lunasticio maior sur, dato obxectivo que apuntaría a unha continuidade e readaptación de crenzas ó longo dunha «longue durée» (Bouzas sierra, A.; 2013). cando menos en Galicia dende a Idade do Bronce ata a alta idade media, hipótese que xa foi anteriormente proposta para o fenómeno xacobeo (Bouzas Sierra, A.; 2015).

En resumidas contas, o aliñamento de Quenlla dos Carballos co Pico Sacro durante o lunasticio maior norte semella resultar particularmente esclarecedor por vincular un culto á deusa lunar Diana co mítico monte da Raíña Lupa, testemuñando unha continuidade cultural indubidable desde a Idade do Bronce (representada polas súas típicas combinacións circulares) e nos inicios da romanización ata chegar ás tradicións populares. A pervivencia do culto a Diana na Gallaecia do século vi, denunciada por San Martiño de Dumio, e a relación testemuñada desta deidade romana coa gran deusa galaica trifuncional Navia, así como a súa simboloxía lunar compartida (brañas abada, R.:2021) falan por si mesmas.

Isto podería vincularse tamén coa posible representación dunha nave solar da Idade do Bronce, que eventualmente constituiría un antecedente da milagreira «traslatio» da barca de pedra que trouxo ó apóstolo Santiago ata Galicia e Compostela, precisamente seguindo o eixe marcado pola ría de Arousa e o val do Ulla ata a cidade. Nesta perspectiva podería tratarse dunha navegación marabillosa en sentido oposto ó movemento natural dos astros, que no ceo se moven aparentemente de leste a oeste. Polo contrario, o que estaría aquí representado sería o tránsito nun sentido sobrenatural de oeste a leste, ou sexa un regreso triunfal atravesando as augas do inframundo para renacer no Pico Sacro ó día seguinte.

Panel 3. Proposta intepretativa

A navegación polo río Ulla

O río Ulla foi en tempos antigos moito máis navegable do que é na actualidade no que só se emprega o último treito, os últimos 15 km dende Pontecesures. As fontes clásicas xa documentan a navegación polo Ulla. Ptolomeo sinala a existencia do río “Via” (pronunciado Uia ou Ulla) e a incursión das naves río arriba chegadas dende o sur da Península, ata Iria Flavia, importante centro comercial próximo á foz do río.

51352356473_b5f62e973e_k
Panel 3 con luz natural

No Medievo as crónicas composteláns sinalan a chegada dos “sarracenos” a través do Ulla para saquear as terras de Santiago. No ano 858, durante o reinado de Ordoño I unha grande flota viquinga saquea a diocese de Iria. Segundo algúns historiadores, son estas expedicións as que provocan que a sede episcopal sexa trasladada a Santiago de Compostela.

No ano 968 o Cronicon iriense dá conta dun novo enfrontamento cos saqueadores nórdicos chegados pola ría de Arousa, a batalla de Fornelos (posiblemente no lugar de Rarís – Teo) onde o bispo de Iría, Sisnando Menéndez, trata sen éxito de defender o seu territorio e morre dun frechazo na contenda deixando vía libre a incursión viquinga que ocupa a cidade. Nesta data, o historiador Vicente Alamazán sinala:

 un diploma do arquivo catedralicio ourensán, redactado dez anos despois dos feitos (978), conta que o mosteiro de San Xoán da Cova, situado á beiriña do Ulla, sufriu tales horrores y ficou ‘ad nihilum reductus’, reducido á nada por causa de ‘gens pessima Lotomorum’

Arquivo da Catedral de Ourense, ‘Pergamiños monacais’: C 120

Esta invasión foi a causa de que este mosteiro tivese que ser restaurado, como sinala un documento do ano 978 que recolle o investigador Manuel Rubén García Álvarez na súa obra El monasterio de San Sebastian del Picosagro.

No século XVIII, troncos de carballos e piñeiros das numerosas «Dehesas Reais» da ribeira do Ulla, documentadas no Castastro de Ensenada, eran transportados polo río para subministrar á mariña de guerra, representada polo intendente do Departamento de Ferrol. Aínda no século xix varias novas de prensa dos xornais La Voz de Galicia e Gaceta de Galicia (1883) documentan o transporte de grandes troncos flotando polo río dende diferentes puntos da Vedra ata Pontecesures para logo seren embarcados e transportados ó seu destino final dende Carril.

Conclusións preliminares

Son varios os aspectos que fan excepcional a este conxunto de arte rupestre que, ata o de agora, ten pasado un tanto desapercibido, e que o fan merecente de maior atención. A continuación destacaremos algúns deles:

En primeiro lugar as evidencias que indican a existencia no lugar dun santuario de longa tradición. A presencia de gravados de tipoloxías e cronoloxías diversas, así como a presenza da inscrición romana, evidencian unha continuidade na presenza humana no lugar e lévanos a pensar nunha longa pervivencia no uso deste outeiro como espazo sacro e/ou ritual durante a Prehistoria recente e a Idade Antiga.

Imaxe de grupo da visita ó xacemento o 24 de setembro de 2021. De esquerda a dereita: Fernando Alonso Romero, Pablo Sanmartín, Martín Alamancos, Luis Leclere, Xosé Luis González, Tamara Sánchez, Antón Bouzas, Martín Almagro Gorbea, Alberto López, Héitor Picallo, M.ª Pilar González-Conde, Juan Manuel Abascal Palazón, Ramiro Viqueira e Eva R. Liñeira

A singularidade e diversidade dos gravados, xa que a pesar do esquematismo do seu deseño, a presenza do motivo barquiforme debe chamar a atención dos investigadores e abrir novas liñas de investigación. Alén dos barquiformes rexistrados no Norte de Portugal, en Galiza só temos novas de deseños de barcos en Borna (Meira), Rio Vilar (Oia) e Laxe Escrita (Carnota), territorios afastados deste promontorio da bacía do Ulla. De igual xeito, débese salientar a posible presenza dunha alabarda compartindo o mesmo panel con gravados atlánticos e co citado deseño barquiforme.

A elección dun soporte non moi habitual. A natureza do soporte empregado supón outra particularidade deste complexo rupestre, pois a diferenza da grande maioría dos petróglifos do Grupo Galaico da Arte Rupestre non se trata de granito senón dun afloramento de xisto, moi pouco habitual. Neste sentido, a diversidade e a presenza de motivos de grandes dimensións, cunha combinación de case un metro de diámetro, neste tipo de rocha incrementa o valor e a excepcionalidade do xacemento. Atopamos  afloramentos de rochas granitoides moi próximas ó lugar. A 200 metros na Pedra Santeira hai restos e memoria dunha canteira. Así, nesta ocasión, parece que primou a elección do lugar e a elección do soporte quedou supeditada a esta.

A inscrición dedicada á deusa Diana supón a constatación da continuidade dun culto vivo cando menos desde a Idade do Bronce ata tempos históricos e, ó mesmo tempo, aporta luz ó pechado significado do grupo xeométrico de motivos da nosa arte rupestre prehistórica, ou cando menos a súa utilización en espazos sacros.

A elección dun lugar aliñado topoastronómicamente co lunasticio maior norte no Pico Sacro ven a evidenciar a existencia dalgún tipo de élite con coñecementos astronómicos empíricos, cuxa obtención, adquisición e aprendizaxe require dunha transmisión entre varias xeracións con coñecementos especializados. A pesar dos moitos aspectos que fican sen pechar consideramos esencial dar xa a coñecer o valor deste xacemento ás autoridades para que garantan a súa protección, así como darlle difusión para que os especialistas poidan afondar no seu estudo. Agardamos que nun futuro próximo, unha limpeza e unha intervención arqueolóxica poidan dar respostas a moitas das interrogantes que hoxe permanecen abertas e presentamos aquí como hipóteses de traballo.

Agradecementos

Queremos agradecer ó propietario desta parcela, A.G., as facilidades outorgadas para o estudo deste excepcional ben cultural na bacía do Ulla e a todas as persoas que colaboraron co Colectivo A Rula nesta primeira aproximación ó conxunto rupestre da Quenlla dos Carballos, en especial, a Alberto López, M.ª Pilar González-Conde, Héitor Picallo, J. M. Abascal, Jorge Fernández, Juan Andrés Fernández, Damián Porto, Fernando Alonso Romero e Ana Ruiz Blanch.

Fotogrametría do panel 1

Bibliografía

Alonso Romero, Fernando, Hallazgo de un petroglifo con representaciones esquemáicas de embarcaciones de la Edad del Bronce, Zephyrus XXV, páxs. 295-308, 1974

Alonso Romero, Fernando, Las embarcaciones en el período germánico del arte rupestre de Carnota A Coruña, en Galicia, da Romanidade á xermanización, Museo do Pobo Galego, 1993

Alonso Romero, Fernando, La embarcación del petroglifo Laxe Auga dos Cebros (Pedornes, Santa María de Oia, Pontevedra, Actas del XXII Congreso Nacional de Arqueología 1993, Vigo, 1995

Alonso Romero, Fernando, Las embarcaciones prerromanas del área atlántica europea, en Brigantium núm. 34, páxs. 93-158, 2011

Bouzas Sierra, Antón, Aportaciones para una reinterpretación astronómica de Santiago de Compostela. El ladrón y el Libredón. Si te llamaras Pelagius o Teodomiro. Anuario Brigantino, 32, páxs. 47-92, 2009

Bouzas Sierra, Antón,  Espacios paganos y calendario céltico en los santuarios cristianos de Galicia. Anuario Brigantino, 36, páxs. 43-74, 2013

Bouzas Sierra, Antón, Etnoastronomía del calendario céltico en Galicia, Anuario Brigantino, 38, páxs. 67-90, 2015

Bouzas Sierra, Antón, Aliñamentos astronómicos nos petróglifos de armas da Idade do Bronce, Anuario Brigantino, 39, páxs. 45-72, 2016

Brañas Abad, Rosa, Navia, la gran diosa galaica, en Memoria del agua, la tradición y el imaginario galaicos. Editorial Andavira, ISBN 9788412365719. Páxs
133-220. 2021.

Castanheira Santos, Ana Filipa, A Laje da Churra, Paço, Carreço, Viana do Castelo, Estudo monografico de um lugar gravado, 2004

Colectivo A Rula, Os Xinetes de Bouza Badín. Arte rupestre no Concello de Dodro. Ed. Deputación da Coruña (Edición no venal) Depósito legal:
C-325-2021.
https://colectivoarula.com/2020/09/18/os-xinetes-de-bouza-badin-arte-rupestre-do-Ayuntamiento-de-dodro/

Costas Goberna, F.J., Novoa Álvarez, P.; Sanromán Veiga, J. Sta. Mª de Oia.- Sus grabados rupestres. Actas del XXII Congreso Nacional de Arqueología (Vigo 1993), ll. Vigo,1995

Costas Goberna e Peña Santos, Los barcos de los petroglifos de Oia. Los tesoros del hechicero y una nueva embarcación, Glaucopis, Boletín del Instituto de Estudios Vigueses, núm. 12, páxs. 277-292, 2006

Costas Goberna e Peña Santos, Los Barcos de los petroglifos de Oia. Embarcaciones en la Prehistoria reciente de Galicia, Autoridad Portuaria de Vigo, 2011

Fernández Castro, Juan Andrés, Gravados Rupestres da Estrada: da Idade do Bronce aos nosos días, páxs. 209-230, A Estrada Miscelánea histórica e cultural, volume 11, 2008

García Álvarez, Manuel R. El monasterio de San Sebastian del Picosagro, en: Compostellanun, Santiago, t. VI, vol. 2, pax. 181-224, vol.2, 1961

Mederos Martín, Alfredo, Chipiotras o micénicos. Naves y cargamentos mixtos en el Mediterráneo central (1300-1200 a.C.), Academia de España en Roma, páxs. 85-88, 2002

Mederos Martín, Alfredo, Auga dos Cebros (Pontevedra, Galicia): Un barco del Bronce Final II en la fachada atlántica de la Peníncula Ibérica (1325-1050 a. C.), Saguntum, 2019

Morgado, García Alfonso, García del Moral, Benavides, Rodríguez Tovar e Esquivel, Embarcaciones prehistóricas y representaciones rupestres, Nuevos datos del Abrigo de Laja Alta, Jimena de la Frontera, Cádiz, en Complutum 29, 2018

Pereira Menaut, G, Corpus de Inscricións romanas de Galicia, Volume 1. Provincia de A Coruña. Consello da cultura Galega, 1991.

Ruíz-Gálvez Priego, M., Representaciones de barcos en el arte rupestre: piratas y comerciantes en el tránsito de la Edad del Bronce a la Edad del Hierro, páxs. 307-339, 2005

Santos-Estévez, Manuel e Bettencourt, Ana, O conjunto de gravuras rupestres de Santo Adrião (Caminha, Portugal): embarcações, armas, cavalos e ex-votos, páxs. 1055-1070, 2017

Sims, L.D. Interpretation through emergence: reconstituting the lost complexity of the late Neolithic/Early Bronze Age cosmovision by multi-disciplinary method. PhD thesis, University of East London 266 pp. (http://hdl.handle.net/10552/1885), 2013.
Thom, A., Megalithic Lunar Observatories. Clarendon Press. ISBN-10: 0198581327 / ISBN-13: 9780198581321, 127 pp. 1971.

Notas

(1) Estas líneas se han escrito en el marco del proyecto de investigación «Poblamiento de época romana y evolución del hábito epigráfico en Hispania citerior y norte de Lusitania», PID2019-106169GB-I00 del Ministerio de Ciencia e Innovación del Gobierno de España.

(2) M. Almagro Basch, «El “Delubro” o Sacellum de Diana en Segobriga, Saelices (Cuenca)», Revista de Archivos, Bibliotecas y Museos 79, 1976, 187-214; G. Alföldy, Epigraphica Hispanica 6. Das Diana- Heiligtum von Segobriga, Zeitschrift für Papyrologie und Epigraphik 58, 1985, 139-159; M. Almagro Gorbea, El Lucus Dianae con inscripciones rupestres de Segobriga, en: A. Rodríguez Colmenero – L. Gasperini (Ed.), Saxa Scripta (inscripciones en roca). Actas del Simposio Internacional Ibero-Itálico sobre epigrafía rupestre. Santiago de Compostela y Norte de Portugal, 29 de junio a 4 de julio de 1992 (Anejos de Larouco 2), Coruña 1995, 61-96.

(3) G. Baños Rodríguez, Corpus de inscricións romanas de Galicia I. Provincia de Pontevedra, Santiago de Compostela 1994, 209-210 n.º 88.

(4) CIL II 5638.

(5) L. Fernández Fuster, «La fórmula ex-visu en la epigrafía hispánica», Archivo Español de Arqueología 23 n.º 80, 1950, 279-291; A. Balil Illana, «Otra inscripción con la fórmula “ex visu”», Archivo Español de Arqueología 26 n.º 87, 1953, 181-182; M. Vázquez Seijas, «Un ara más de la fórmula “ex visu”», Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo 36, 1951, 300-301; id. M. Vázquez Seijas, «Un ara más con la fórmula ex visu», Archivo Español de Arqueología 24, n.º 83–84, 1951, 236-237; A. M.ª Vázquez Hoys, «La estela de la confusión. CIL II 6338v y los fantasmas», Espacio, Tiempo y Forma (serie 2) n.º 25, 2012, 207-244; D. Serrano Ordozgoiti, «Sueños e incubatio en la epigrafía hispana: las fórmulas ex visu y ex iussu», en: S. Montero Herrero, J. García Cardiel (eds.), Santuarios oraculares, ritos y prácticas adivinatorias en la Hispania Antigua, Madrid 2019, 305-342.

(6) F. Arias Vilas – P. Le Roux – A. Tranoy, Inscriptions romaines de la province de Lugo, Paris 1979, 41 n.º 15.

(7) CIL II 2576.

(8) AE 1974, 409.

(9) CIL II 733.

(10) AE 1993, 942.

(11) CIL II 2520.

(12) W. Schulze, Zur Geschichte lateinischer Eigennamen (1904). Mit einer Berichtigungsliste zur Neuausgabe von O. Salomies, Zürich – Hildesheim 1991, 73; H. Solin – O. Salomies, Repertorium nominum gentilium et cognominum Latinorum, Hildesheim – Zürich – New York 1988, 28.

(13) AE 1990, 502.

(14) CIL II²/13, 1092.

(15) CIL II 5148.

Unha idea sobre “A estación da Quenlla dos Carballos na Estrada. Un santuario rupestre cunha dedicatoria a Diana na ribeira do Ulla

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.