Carroucheiros de Villestro
Carroucheiros de Villestro
Vintecinco carroucheiros
Caben debaixo dun cesto
Recollida por Clodio González Pérez (Irimia, 593)
Os valores e singularidades que atesoura o pequeno territorio do Souto da Silvouta son sobradamente coñecidos polos membros da Plataforma pola Recuperación do Sar. Foi precisamente esta convicción a que os levou a perseverar na defensa da súa conservación opoñéndose á grave ameaza que supuña a iniciativa da administración de construír unha nova depuradora de augas neste espazo de alto valor natural.
O proxecto inicial apostaba por esa nova infraestrutura fronte á alternativa máis lóxica e eficiente de ampliar a depuradora xa existente na Silvouta, opción que a Plataforma demostrou ser a máis axeitada tanto desde o punto de vista ambiental como técnico.
Finalmente, impúxose a razón e esta última opción foi a solución adoptada, en boa medida grazas ao labor altruísta desenvolvido por esta plataforma ecoloxista.

Tamén lle debemos ao traballo da Plataforma o aumento significativo das estacións rupestres coñecidas así como o coñecemento doutros bens patrimoniais de diversas tipoloxías conservados no Souto da Silvouta. Entre as súas descubertas destaca a do denominado petróglifo do Souto, unha estación rupestre de círculos concéntricos situada nas proximidades da Ponte Cabirta e da súa antiga vía empedrada, nun entorno de grande valor natural e cultural.

A estas descubertas súmanse agora dúas novas estacións rupestres que, ao igual que a do Souto, foron localizadas por Suso Noya, “Suso o Muiñeiro”. Queremos deixar constancia do noso máis sincero agradecemento pola súa valiosa e desinteresada labor coa que continúa a enriquecer o patrimonio cultural deste espazo.

O Souto da Silvouta abrangue unha superficie aproximada de 1,42 km². Situado a uns tres quilómetros ao oeste da cidade de Compostela, no límite da parroquia de Villestro coas amienses de Bugallido e Ortoño, é un pequeno territorio delimitado polo rego de Roxos ao oeste, o río Sar ao sur, o rego de Silvouta ou do Souto ao leste e a actual estrada de Noia ao norte. Estes límites confírenlle unha marcada individualidade reforzada polos seus salientables valores paisaxísticos, ecolóxicos e patrimoniais.

Os xacementos arqueolóxicos catalogados máis próximos a estas novas estacións localízanse no propio espazo do Souto da Silvouta. Ao norte atópase o petróglifo de Presanseira / Monte da Silvouta (GA15078091), os petróglifos de Vilastrexe 1 e 2 (GA15078184), o petróglifo do Monte de Vilastrexe (GA15078003), o petróglifo de Monte Aberto / Monte da Silvouta VI (GA15078171) e a monumental mámoa de Vilastrexe (GA15078012); ao oeste, o petróglifo de Monte Aberto / Monte da Silvouta (GA15078092), xunto co xacemento da Silvouta (GA15078102) e á Ponte Cabirta (que non figura no visor do PBA); e ao suroeste, o petróglifo do Souto (GA15078174).

No límite co Souto son numerosos os xacementos arqueolóxicos catalogados: a Pedra da Legua (GA15078175), o petróglifo de Piñeiro (GA15078176), o petróglifo da Barrosa (GA15078006), o xacemento de Sabacháns (GA15078134), o petróglifo da Requenlla (GA15078149), o petróglifo dos Batáns (GA15002054), o petróglifo da Pedra Estivada (GA15002060), o Castro de Mirás (GA15002017) e o xacemento de Mirás (GA15002016), A uns 1200 metros en dirección norte localízase o conxunto rupestre da Portela de Villestro/Monte de San Miguel, que é unha das maiores concentración de gravados da comarca de Santiago.

O petróglifo do Sobreosouto
O primeiro aspecto no que centramos a atención foi na localización desta nova estación rupestre. O afloramento sitúase nun cambio de pendente do terreo, punto a partir do cal descende cara ao pequeno rego do Souto. Esta ubicación responde a un patrón recorrente que tamén temos identificado noutras estacións rupestres próximas, como na recentemente publicada Rego do Porto Marelo 2 (no rego de Porto Marelo), no val de Figueiras, ou na do Valado 1 (no rego de Roxos), na Portela de Villestro. Todas elas comparten unha disposición que lles permite dominar visualmente os pequenos regos de percorridos curtos e orientación norte-sur que conforman os vales do oeste compostelán, un espazo de transición cara ao val da Maía.

Coordenadas xeográficas: N 42º 52.320 W 8º 36.408
É un afloramento granitoide de gran medio (segundo o mapa do IGME está nunha zona de granitoides migmatíticos) que, a pesar das súas considerables dimensións, apenas sobresae sobre o nivel do terreo no seu extremo oeste, o punto máis elevado, xa que a súa forma segue a pendente natural do terreo. Na súa superficie son visibles numerosas evidencias de procesos tradicionais de extracción de pedra, actividades que modificaron de maneira significativa a súa morfoloxía. A pegada máis evidente é a ringleira de buratos rectangulares do extremo surleste do panel 1 realizados para introducir as cuñas empregadas para o corte da pedra, corte que neste caso foi interrompido por algunha causa que descoñecemos.
Só se conservan as superficies “orixinais” do extremo superior do afloramento, que son as máis horizontais e apenas elevadas sobre o terreo e nas que se preserva unha boa concentración de gravados, maioritariamente motivos de tipo xeométrico.

A localización da estación nun lugar asombrado e a pouca profundidade de moitos dos seus sucos dificultan a observación dos gravados polo que, para a súa correcta lectura, faise preciso o emprego de iluminación artificial e o auxilio da técnica fotogramétrica, ferramentas que permiten identificar un interesante conxunto de motivos.

O afloramento ten unhas dimensións aproximadas de 7 metros no seu eixo leste-oeste por 4,5 metros no eixo norte-sur. Para o seu estudo dividimos a súa superficie en 3 paneis delimitados por diáclases ou gretas existentes na rocha. Esta superficie ten unha inclinación media de 12 grados. Os dous paneis de maiores dimensións están separados por unha greta que percorre a rocha en dirección leste-oeste na súa totalidade. O terceiro panel é unha pequena superficie situada no extremo nordés do afloramento, e que é a superficie máis elevada do conxunto, sobresaindo uns 20 cm sobre o chan.

Os motivos organízanse en cinco pequenos grupos, nos que se combinan combinacións circulares de gran tamaño con outros motivos unidos entre si dando lugar a deseños máis complexos. A case totalidade dos gravados está realizada con sucos pouco profundos que, na actualidade, se presentan moi esvaídos. As combinacións circulares constitúen a tipoloxía maioritaria, con diámetros que varían entre os 17 e os 35 cm.

Son frecuentes as superposicións de motivos e o emprego de sucos compartidos para dous motivos simultaneamente.

Petróglifo do Sobresouto. Paneis 1 e 2 con indicación das distintas agrupacións e dos motivos
Panel 1. Grupo 1
Está formado por unha combinación circular (A) de catro círculos concéntricos, cun diámetro total de 33 cm. Os dous círculos exteriores están incompletos, interrompéndose ante a presenza doutro motivo (E) e no extremo oposto o círculo máis exterior péchase cun suco en forma de S sobre o terceiro círculo, o único completo. Ocupa unha superficie máis convexa, unha protuberancia mamilar pouco destacada.
Do centro da combinación parte un pequeno radio que se detén no primeiro círculo concéntrico (tamén incompleto), mentres que outro radio parte do círculo interior e interrómpese ao chegar ao círculo exterior. Do segundo círculo parte outro pequeno radio paralelo ao anterior e que tamén remata no círculo exterior.

Do círculo exterior da combinación circular parten dous motivos de forma similar de tipo rectangular coas esquinas redondeadas, un deles divido en dous (C) e dúas pequenas coviñas moi irregulares no seu interior, e o outro cunha forma de L (D). Acaroado ao motivo C apréciase un pequeno motivo de coviña central e anel (B) moi esvaido. Completan o grupo dous círculos con coviña central (E) que se superpoñen entre sí e que, a súa vez, conforman unha aliñación cunha terceira coviña que interrompe os círculos exteriores da combinación circular; dun destes círculos parte un pequeno suco de saída. Ao redor destes motivos obsérvanse varios sucos, restos de motivos de difícil identificación.

Entre os motivos deste grupo atopamos unha gran semellanza entre o motivo rectangular (C) co motivo representado na estación da Pedra Mencía, Cortellos 2, localizada na próxima Devesa da Rula.

Coidamos que detrás destes motivos pode estar a intención de representar figuras antropoides moi esquemáticas, similares ás observadas nas estacións amienses de Peneda Negra e Monte Castelo, estacións moi próximas nas que estas representacións son frecuentes. O seu alto esquematismo, a falta de detalle e a deficiente conservación impiden afirmalo con rotundidade. Aínda así, coidamos de interese indicar esta posible interpretación.

Analizando as relacións entre os distintos motivos propoñemos a seguinte hipótese do proceso de gravación na que identificamos ata tres posibles fases de gravación diferenciadas:

1ª fase: Na que se elaborarían as combinacións de círculos concéntricos A e B.
2ª fase: Na que se gravarían os motivos C e D, acaroados a combinación e empregando os seus sucos para o seu deseño. A idea que pensamos que pode estar detrás desta fase de gravación é a intención de reinterpretar a combinación circular A como unha figura antropoide.
3ª fase: Na que posiblemente se altera a combinación A con reavivados selectivos e o que parece o “borrado” de boa parte dos círculos exteriores así como o peche dos seus extremos. Elabórase a aliñación de circulos e coviñas que se superpoñen parcialmente á combinación A.

Panel 1. Grupo 2
Está formado por unha combinación circular (F) de tres círculos concéntricos incompletos, cun diámetro total de 35 cm. Os dous círculos exteriores péchanse entre sí ao encontrarse co motivo (G) que se superpón parcialmente á combinación. O lixeiro engrosamento na parte final do espazo entre as dúas liñas dos sucos exteriores da combinación xunto coa forma en punta lanceolada coa que se rematan ao encontrarse co motivo G suxiren que sexan o resultado dunha modificación posterior da combinación circular con fins reinterpretativos. Neste sentido, pódese entender que a combinación foi reinterpretada como unha serpe.

O motivo (G) é un dos máis interesantes desta estación por tratarse dun zoomorfo que superpón as súas patas traseiras á combinación circular F. Está realizado por medio de tres trazos que semellan non pecharse nas extremidades, un estilo habitual de representación de zoomorfos tanto na comarca de Santiago como na do Barbanza. Non conserva boa parte das súas extremidades dianteiras. Os ángulos rectos conformados polas extremidades e o corpo son propios da denominada por algúns autores representación estática dos zoomorfos
Algunhas das súas características, como a cabeza representada con dúas liñas moi curvas ou as pequenas orellas en forma de L invertida son de especial interese. Son evidentes os parecidos no deseño destas orellas coas do cabalo conservado na estación da Pedreira en Redondela, coa que tamén comparte a forma da cabeza aínda que difiren na forma dos seus corpos. Tamén se observan semellanzas evidentes na composición da cabeza e corpo con algúns dos zoomorfos representados na Pedra da Loba, na Devesa da Rula, moi próxima a esta nova estación.

No extremo do panel consérvase parcialmente a metade dunha combinación circular (H) de dous círculos concéntricos. Ao seu carón obsérvanse dúas coviñas. Ao redor destes motivos identifícanse restos de sucos.
As características dalgúns destes sucos e motivos fan que sexan difíciles de observar, polo que valoramos a posibilidade de que se trate de modificacións posteriores, nas que novos gravadores alteraron os motivos orixinais mediante o borrado e a superposición de sucos ou incluso de motivos completos, cunha intención que parece reinterpretativa, e levada a cabo cando xa se esquecera o significado orixinal da representación.

De novo, analizando a relación entre os distintos motivos propoñemos a seguinte hipótese da secuencia de gravación deste panel:
Fase 1: Na que se elaborarían as combinacións circulares F e H.
Fase 2: Na que se modificaría a combinación circular F mediante reavivados selectivos e o gravado do zoomorfo G que se superpón sobre a combinación.
Fase 3: A súa vez o remate da combinación circular G vaise a superpoñer parcialmente sobre o zoomorfo.
Consideramos que non é excesivamente atrevido propoñer a interpretación dos motivos F e G como a representación dunha serpe atacando a un cuadrúpede, sendo a escena o resultado dun proceso de reinterpretación dunha combinación circular preexistente mediante un reavivado selectivo dos círculos exteriores e pequenas alteracións xunto coa adición do zoomorfo.

Panel 2. Grupo 3
O grupo está formado por unha combinación de 3 círculos concéntricos (I) cun diámetro total de 28 cm. Do seu último círculo parten dous sucos paralelos irregulares (K) (de 54 cm de longo) que se prolongan cara ao exterior do panel e que están pechados por liñas perpendiculares de 16 cm, conformando no espazo interior ata dous rectángulos irregulares.

A combinación circular atópase incompleta, alterada por unha pequena extracción que deixou unha pegada visible na superficie rochosa en forma de depresión irregular lanceolada que coidamos pode ser entendida tamén como unha nova intervención deliberada, reinterpretativa.

Acaroados ao círculo exterior da combinación obsérvanse dous pequenos deseños cuadrangulares (L) de 17 cm de lonxitude. Ao seu lado consérvase unha coviña de boa profundidade e tamaño (7 cm de diámetro) que remata un dos extremos dunha greta natural do afloramento, greta que semella actuar como límite do deseño.

Así neste panel podemos apreciar ata tres posibles momentos diferenciados de gravación.
Fase 1: Unha primeira fase na que se grava a combinación circular de catro círculos concéntricos e posiblemente a coviña que remata a greta natural.
Fase 2: Na que se gravan os apéndices rectangulares e os cadrados acaroados ao círculo exterior da combinación circular. Nesta fase a intención semella ser a de representar un deseño antropoide.
Fase 3: Na que se altera a combinación circular borrando parte e deixando unha pegada irregular de forma lanceolada. Nesta fase a intención pode ser a de reinterpretar a combinación como unha serpe.

Consideramos pois que detrás desta disposición novamente pode existir a intencionalidade de producir un deseño antropoide, resultado da unión da combinación circular cos deseños rectangulares, nun proceso similar ao observado no panel 1, ainda que nesta ocasión a escolla da superficie a gravar semella determinante para a obtención dunha figura de aires antropoides, nun proceso similar ao que podemos observar na “moura” do Rexio ou na tamén veciña estación de Agro do Chan, nas que se escollen superficies estreitas, alongadas e convexas que destacan en altura con respecto ao resto do afloramento. Neste grupo tamén poderíamos incluir un dos motivos da estación teense de Mouromorto 2.

Panel 2. Grupo 4
Está formado por unha combinación de círculos concéntricos de gran tamaño (M), a de maiores dimensións da estación, cun diámetro de 39 cm e composta por 5 círculos concéntricos sen coviña central. O círculo exterior está incompleto, algo habitual nesta estación, xa que remata nun suco groso que parte do grupo 3. Esta combinación ocupa un mamilo convexo da superficie.

Ao redor desta combinación obsérvanse sucos moi esvaidos, o que dificulta a súa interpretación. Rexistramos unha pequena combinación de círculos concéntricos (N) de 17 cm de diámetro, con coviña central de 7 cm de diámetro. Aproveitando parte do círculo exterior desta combinación identificamos un motivo (O) de tendencia oval formado por dous sucos círculares paralelos, dos cales o exterior se atopa incompleto.

Panel 3. Grupo 5
Está formado por unha combinación de 5 círculos concéntricos todos eles incompletos. Como ocorre cas 5 combinacións circulares de maior tamaño desta estación tamén carece de coviña/s centrais. O engrosamento co que se pechan os dous círculos máis exteriores e unha pequena greta podería interpretarse como a representación dun ofidio.

Nestes últimos anos a democratización do uso das técnicas fotogramétricas ten permitido un avance significativo no rexistro da nosa arte rupestre. Pero este avance tamén trouxo consigo un aumento na complexidade do proceso interpretativo como consecuencia do incremento da información dispoñible.

A pesares disto, na actualidade, en moitas descricións realízase unha simplificación deliberada escollendo só aqueles motivos e sucos máis perceptibles deixando o restante nun grupo caracterizado pola indeterminación (partindo da base de que existen varias fases de gravación, o que se evidencia nas superposicións, nas diferentes porfundidades dos sucos e da distribución das diferentes figuras nas rochas). A nosa intención nesta publicación foi a de tratar de describir todo aquelo que visualizamos nos paneis incluindo os sucos e motivos máis superficiais e menos perceptibles, prestando especial atención as relacións entre os distintos motivos, ás posibles adicións, superposicións e erosionados/borrados,… co obxecto de avanzar na comprensión das distintas fases da secuencia de gravación.
Sabemos que adoptar esta decisión incrementa as posibilidades de cometer erros pero entendemos que é un risco que é necesario asumir se queremos avanzar na identificación de posibles patróns, de repeticións que confirmen as distintas fases gravatorias presentes nos paneis, debendo entenderse ata entón estas propostas interpretativas / explicativas e secuencias como hipóteses a demostrar.

O petróglifo da Pedra Cinceira/Sinceira 2
Ao petróglifo da Pedra Cinceira dámoslle o numeral 2 xa que comparte nome co xacemento catalogado como petróglifo de Presanseira (GA15078091). Para determinar a denominación máis correcta para estes xacementos entre as diferentes variantes documentadas —Prisanseira, Presanseira ou Pedra Sinceira— consultamos ao estudoso da toponimia Xosé González cuxas conclusións permiten aclarar a orixe e evolución do topónimo. A súa investigación suxire que a denominación máis correcta sería Pedra Sinceira, baseada na documentación histórica consultada. No catastro actual predomina a denominación Pedra Sinceira para as parcelas situadas no espazo da Prisanseira.
No Catastro da Ensenada tamén atopamos referencias a este espazo. Este catastro foi unha das iniciativas máis ambiciosas do século XVIII en España, co obxectivo de establecer unha contribución única e equitativa baseada na riqueza de cada veciño. A información recollida neste catastro abrangue a xeografía, a estrutura económica e fiscal, e os bens inmobles de aproximadamente 15.000 localidades da Corona de Castela.

O Catastro da Ensenada (séc. XVIII, PARES: 139) recolle o seguinte rexistro:
“Dehesa
Una Dehesa del Rey en el Lugar de Silbouta cavida cien ferrados monte L[evante] monte de campiños P[oniente] monte de caxade N[orte] Monte del Lugar de Rojo. M monte de pedra de agua
Declaran los peritos que dicha dehesa lleva solamente en sembradura ……….
En el mismo sitio está el sincero, cavida Seis ferrados circundado.
Declaran los peritos que d[ic]ho sincero lleva solamente quatro ferrados en sembradura y en lo demás …” (cf. PARES: 139)

As conclusións extraídas deste documento, de gran interese histórico e toponímico, son as seguintes:
“Microtopónimo situado en Villestro (Santiago de Compostela). O chamado Real de Leigos do Catastro de Ensenada para Villestro (1764) recolle o topónimo “el sincero“ (cf. PARES: 139). Polas referencias que dá, ao pé da Devesa do Rei e preto do lugar de Silvouta, ambos existentes na actualidade, encaixa coa situación real de Presanseira.
A transcrición indicada do séc. XVIII como “el sincero” será a castelanización de “o cinceiro” (con pronuncia local /o sinseiro/), e terá relación coas actividades de queima para roza (análogo a topónimos como O Borralleiro, O Cernado), ou talvez remita á existencia dalgún oco que se interpretase como cinceiro.
O topónimo A Pedra Sinceira explícase, xa que logo, como unha pedra (penedo) que está situada no lugar do Cinceiro, e de aí “Pedra do Cinceiro” → “Pedra Cinceira” (paso moi común na toponimia). Noutras palabras, Pedra Cinceira, pronunciado /pedra sinseira/ sería, por “etimoloxía popular”, reinterpretado e transcrito no catastro como Pedra Sinceira.”
https://www.academia.edu/90017101/O_nome_Pero_na_micro_toponimia
Así, ao seu entender a evolución do nome da área desde Prisanseira ou Presanseira a Pedra Sinceira reflicte un proceso de simplificación e adaptación fonética común en moitos topónimos galegos. Este fenómeno débese a factores como a pronunciación popular, a transcrición en documentos oficiais ou a influencia doutras linguas ou dialectos.

Trátase dun afloramento granítico, de gran medio/fino, unha laxe de dimensións medias elevada sobre o terreo aproximadamente 30 cm. Na súa superficie horizontal e bastante homoxénea consérvanse motivos xeométricos cas coviñas como motivo máis representado. Ten unha forma alongada e estreita, (medidas).

Localízase próxima a valados de pedra seca que delimitan as parcelas forestais e tamén próxima a camiños.
Coordenadas xeográficas: 42.872292, -8.607926

Identificamos un total de 18 coviñas de formas e profundidades diversas que se distribúen sen un orde aparente, a pesares de que algunhas se ordean en pequenas aliñacións. No centro da superficie destaca unha pía de forma circular irregular e pola que pasa a aliñación de coviñas de maiores dimensións (A). De algunhas das coviñas parten sucos, que nunha ocasión comunica con outra coviña.
Procedemos a comunicar a localización destas novas estacións a Dirección Xeral de Patrimonio, ao Concello de Santiago e a Compostela Rupestre solicitándolles que procedan a súa avaliación e catalogación