A Pena Longa en San Xoán de Fecha. Novo petróglifo en Compostela


Achegámonos ata San Xoán de Fecha acompañados por Marisa Gil, Yolanda Prego e Hermosinda Piñeiro, compoñentes da Asociación A Pedra que Fala, para coñecer os lugares polos que discorre o Roteiro Rupestre Sonoro, unha actividade guiada polo Clube Espeleolóxico O Mauxo e que forma parte do Festival Rupestre e de Proximidade “O Fechiño”.

O Fechiño, organizado pola aCentral Folque, o Concello de Santiago e a propia Asociación A Pedra que Fala, este pasado ano celebrou a súa segunda edición, é unha proposta multicultural no que a arte rupestre xoga un destacado papel, ademais de servir como escenario para distintos espectáculos e propostas lúdicas.

O Casarello

O punto de partida do roteiro é a estación da Pedra que Fala para, a continuación, achegarse ata o Casarello, A Pedra Cabalgada e o Aguillón, formacións xeolóxicas de gran beleza desde as que se domina visualmente a ampla volta que fai o Tambre no entorno do Vachao.

O castelo de Portomeiro desde o Casarello

A Pena Longa

No camiño ao Casarello amosáronnos unha curiosa pedra ergueita situada ao pé do sendeiro. A superficie da cara que mira cara o paso está dividida por unhas rechamantes bandas/ondas horizontais. Estas formas e os seus máis de tres metros de altura chaman a atención dos camiñantes que pasan ao seu carón.

Pena Longa 2. Cruciformes

Coordenadas xeográficas: 42°58’16.4″N 8°34’59.7″W

Foron os propios veciños os que informaron do nome do xacemento como a Pena Longa, nome que nos pareceu acaido, e que ademais, corresponde a denominación da parcela empregada polo catastro.

Pena Longa, imaxe xeral desde o camiño

Situada nun mesto eucalital é unha laxe de granito de forma piramidal irregular, lisos tres dos seus lados e un cuarto que está dividido en ondas. O granito é de gran fino, con características adecuadas para ter sido gravada, polo que procedemos a analizar as superficies máis susceptibles de conservar gravados, as superficies máis lisas.

Vista xeral da Pena Longa con indicación da localización dos gravados

A nosa procura tivo resultado. No cumio, no lateral que mira cara o leste, identificamos un conxunto de 8 coviñas e sucos rectos uníndoas. Resultaron ser dous cruciformes cos extremos marcados por coviñas e formadas por uns sucos apenas perceptibles, moi superficiais e cunha sección con un perfil con forma de U aberta.

Pena Longa 1. Cruciformes superiores

Localizamos unha terceira cruz das mesmas características que as anteriores na superficie máis irregular, no seu borde dereito. É a cruz mellor conservada do conxunto.

Cruciforme da Pena Longa1 e a Pena Longa 2 en segundo plano

Reconstruíndo os feitos

Unha vez analizado o afloramento rochoso deducimos que a superficie co patrón de bandas/ondas é o resultado da fractura en dúas partes do afloramento orixinario.

Pena Longa 2. Superficie de fractura

Na outra metade da peneda situada uns metros por enriba da pedra ergueita aprécianse as mesmas ondas, pero neste caso dispostas en posición vertical. As bandas son as superficies resultado da fractura da peneda orixinaria por mor da labor de extracción interrompida dos canteiros.

Nesta parte superior da rocha orixinaria consérvanse na súa superficie horizontal da cima ata cinco cruces de pequenas dimensións e mala feitura apenas perceptibles. Denominamos a este panel Pena Longa 2.

Reconstrución fotogramétrica dos cruciformes da Pena Longa 1

Semella que por algunha causa os traballos de extracción detiveronse. Contan que foron os veciños os que pararon aos canteiros e lles impediron que levasen a pedra. Non sabemos cando sucedeu nin a causa que motivou aos veciños. Pero moi posiblemente a causa fose que as cruces gravadas nela seguirían a cumprir nese momento a súa función, quizais delimitadora.

Pena Longa 2. Fotogrametría con indicación dos cruciformes

Que a cruz mellor conservada se sitúe sobre a superficie de ruptura da peneda evidencia que foi gravada con posterioridade á fractura da rocha. Ademais, pensamos que a “nova” disposición en vertical (antes estaba en horizontal) de esta metade inferior da pena, poidera ter certa intencionalidade a hora de potenciar a súa función como marco delimitador.

Reconstrucción fotogramétrica dun dos cruciformes da Pena Longa

Os cruciformes no entorno da Pedra que Fala

Non debemos pensar no azar cando son xa tres as estacións próximas a Santa Cristina de Fecha que teñen cruciformes no seu repertorio de motivos. Cruces de diferentes tipoloxías están presentes na Pedra que Fala, nun dos paneis do petróglifo de Miralles e agora tamén nesta Pena Longa que acabamos de presentar.

Cruciformes na Pedra Miralles

Algunhas das cruces da Pedra que Fala son doadamente adscribibles a unha cronoloxía histórica, xa que presentan sucos con sección con perfil en V, con arestas vivas que testemuñan o emprego de ferramenta metálica para a súa elaboración. Pero tanto na Pedra que Fala como no panel da Pedra Miralles, como nesta Pena Longa tamén hai cruciformes con sucos moi esvaídos con perfís con sección en U aberta aos que non é tan doado otorgarlle unha cronoloxía. A este conxunto de cruciformes con sucos esvaídos podemos engadir outros como os cruciformes do tamén próximo petróglifo dos Gorgulliños, ou algúns dos cruciformes inéditos do petróglifo de Capeáns. Compre afondar no seu estudo.

Petróglifo dos Gorgulliños. Coviñas e cruces

Rematando

Incorpórase unha nova estación rupestre ao catálogo do concello e comarca de Santiago e a ese lento proxecto que é Compostela Rupestre. E, tamén, unha manifestación rupestre máis en Fecha, un territorio que está a amosar un interese especial no coñecemento da nosa arte rupestre. Coas descubertas dos petróglifos de Fonte Matanzas, a do petróglifo de Miralles, o do Roxido e esta última de Pena Longa coñecemos xa un nutrido conxunto de xacementos que pensamos aínda se incrementará máis nos vindeiros anos se continúa a aumentar o interese pola nosa arte rupestre.

Procedemos a debida comunicación desta nova estación a Dirección Xeral de Patrimonio e ao Concello de Santiago  solicitándolles a súa valoración e catalogación, co obxecto de garantir a súa conservación.

Queremos rematar agradecendo a Marisa, Yolanda e Hermisinda ter sido as nosas inmellorables guías nesta visita e desexámoslles tódolos éxitos nas súas sempre interesantes propostas.

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.