O pasado sábado 14 de decembro algúns membros do noso colectivo achegámonos ata a Área Arqueolóxica da Caeira no pontevedrés concello de Poio. A proposta da empresa Galipat consistía nunha visita guiada ás laxes máis senlleiras deste moi interesante conxunto guiados polas explicacións do arqueólogo Manuel Santos Estévez. A actividade non defraudou ás máis de trinta persoas que acudiron e puideron escoitar interesantes hipóteses interpretativas e conversar co especialista.
Desde aquí queremos felicitar aos organizadores por esta proposta de difusión e aproveitamento económico da nosa arte rupestre, proposta cun valor engadido xa que chega desde o ámbito privado e que consideramos moi necesaria e enriquecedora.
Cando a noite comezou a facer acto de presenza aproveitamos para cumprir unha débeda que tiñamos pendente varios de nós e achegámonos ata o “enigmático” petróglifo de Pozo Ventura1 situado a poucos quilómetros desta área arqueolóxica no mesmo Monte da Tomba.
É Pozo Ventura unha estación con gran profusión de motivos mais, no canto de atoparnos coas omnipresentes combinacións de círculos concéntricos, nesta laxe os motivos representados maioritariamente son as formas en U o que fixo que os autores procurasen paralelismos na arte megalítica da Bretaña francesa, como o xacemento da Illa de Gavrinis, ou a arte megalítica irlandesa, con xacementos como os do Val do Boyne, tanto no seu estilo oficial como no de Loughtcrew. Por último non debemos esquecer que tamén existen semellanzas con outras laxes da nosa comunidade autónoma como o petróglifo da Gándara III, en Chaín, Gondomar.
Na actualidade a laxe sitúase nun eucaliptal e carece de calquera tipo de sinalización. Isto contrasta coa existencia dunha reprodución desta laxe no Centro arqueolóxico da Caeira o que fai que nos preguntemos se é esta unha correcta política de xestión patrimonial: unha forte inversión nun centro de interpretación e na realización dunha reprodución a tamaño real da laxe e, ao mesmo tempo, o total abandono do elemento orixinal.
Para saber mais:
- Ruta en wikiloc para achegarse a Pozo Ventura.
- Tríptico informativo sobre a Área arqueolóxica da Caeira.
- Sartal Lorenzo, Miguel Anxo, (1999), “El petroglifo Pozo Ventura (Poio, Pontevedra)”. Gallaecia.
1 Coordenadas UTM 29 T 0527287 4699148