Xa pasou un mes desde que o lume levou por diante máis de 55 hectáreas de monte na contorna do Castro de Mouromorto na parroquia de Calo, Concello de Teo.
Ás cuantiosas perdas na nosa masa vexetal uniuse o risco producido ás vivendas e leiras e os danos producidos a unha boa cantidade de xacementos arqueolóxicos de gran valor.
Uns días despois achegámonos xunto con un técnico da Dirección Xeral de Patrimonio ata algúns dos xacementos afectados co obxecto de realizar unha primeira análise dos danos producidos en dous xacementos con arte rupestre prehistórica catalogados e un terceiro pendente de catalogación. Alí puidemos observar que as labores de limpeza do entorno do xacemento do Cruceiro Vello I levadas a cabo polo concello serviron como eficaz defensa fronte as lapas.
Tamén aproveitamos a visita para comunicar ó Servizo de Arqueoloxía da DXP unha nova estación con arte rupestre nas proximidades e que afortunadamente non se viu afectada polo lume, a estación de Agro Vello, localizada por Patricia e Alberto, dous veciños de Texexe interesados polo patrimonio da súa parroquia.

Queremos ser cautos nas nosas impresións xa que os verdadeiros efectos do lume só se poderán avaliar pasado un tempo, pero o que xa é evidente é o resultado do lume no perímetro inmediato dos xacementos que ilustramos coa imaxe de cabeceira, o antes e o despois do Cruceiro Vello II.
Desde aquí queremos reprobar os actos delituosos que enchen de lapas os nosos montes tódolos anos e animar ás administracións competentes a tomar medidas preventivas de limpeza e conservación nos xacementos con arte rupestre espallados polos nosos montes, a medida máis eficaz para a súa salvagarda e conservación.