Este ano celébrase o centenario do nacemento de don Ramón Sobrino Lorenzo Ruza (1915-1959), ante tal efeméride o noso colectivo non pode desaproveitar a oportunidade de renderlle unha merecida homenaxe a un dos grandes referentes no estudo da arte rupestre en Galicia, continuador do labor iniciado polo sei pai, Ramón Sobrino Buhigas, autor do famoso “Corpus Petroglyphorum Gallaeciae”, o primeiro gran inventario da arte rupestre do noso país.

Ramón Sobrino L. foi un home do Renacemento que alumeou as tenebrosas décadas da posguerra galega coa súa paixón por recuperar, divulgar e transmitir o legado que os nosos devanceiros nos deixaron nesas laxes cheas de gravados cuxo significado segue a ser na actualidade todo un misterio sen resolver e que cada día atrae a máis investigadores e afeccionados.

A súa vida profesional como mestre de debuxo na escola de Artes e Oficios “Mestre Mateo” e como aparellador municipal no Concello de Santiago vincularíao para sempre ás terras e xentes de Compostela. Non obstante, foi o estudo dos nosos xacementos arqueolóxicos, primordialmente dos petróglifos e xacementos megalíticos, o que o unirían sentimentalmente e para sempre á nosa comarca. Lembremos que Ramón Sobrino Lorenzo foi o descubridor ou divulgador de xacementos tan relevantes como o petróglifo do Castriño de Conxo, e o do Monte Pedroso en Santiago de Compostela, dos gravados de Oca en Ames ou dos petróglifos de Mallos, Outeiro do Corno ou da Pena Bicuda de Regoufe en Teo. Tamén no concello teense foi o primeiro en subliñar a relevancia dunha das áreas arqueolóxicas máis importantes da comarca, a necrópole megalítica do Monte Piquiño.

Como arqueólogo foi comisario local das escavacións arqueolóxicas en Compostela e membro da Real Academia Galega polo que percorreu a pé as nosas vilas e pequenas aldeas para acceder ós xacementos arqueolóxicos acompañado de veciños e amigos que foi coñecendo durante o seu periplo vital. Óscar Lojo – Batalla Sampedro, alcalde republicano en Ames, Gustavo Varela Gutiérrez de Caviedes, catedrático de Ciencias Naturais no Instituto Cervantes e mestre na Universidade de Santiago de Compostela, Juan Pérez Millán, profesor e coengo-arquiveiro da catedral, Adolfo Calvo, practicante municipal de Teo, etc, son algúns exemplos deste abano de curiosos persoeiros da bisbarra compostelá que cómpre significar, pois foron eles os que en moitas ocasións achegaron a Sobrino Lorenzo a estas paraxes recónditas na busca dos antigos vestixios destes primeiros poboadores do noso país. Exercían como anfitrións, amigos, confidentes e mesmo guías nas expedicións que Ramón Sobrino Lorenzo repetía polos nosos montes sempre co seu equipo ás costas, composto –como reflicten as vellas instantáneas- pola súa cámara Kodak Retina, un catalexe, o seu fotómetro, as cintas métricas, a carteira de cartafoles de coiro e os cadernos e lapis. Con estes aparellos logrou deixar testemuño perdurable destes novos xacementos que logo publicaría nos xornais e revistas científicas máis prestixiosas da época.

A súa meticulosidade e rigorosidade no estudo e análise dos xacementos contribuíu a mudar a visión da arqueoloxía galega para convertela nunha verdadeira disciplina científica. Mestre do debuxo arqueolóxico como os seus predecesores na Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra (E.Campo, Castelao, Feijo Alfaya, E. Mayer, Souto Cuero…) logra nos seus deseños unha gran plasticidade sen esquecer a precisión na súa execución técnica, o que proporciona fermosas obras artísticas e incuestionables documentos científicos.
Ramón Sobrino Lorenzo participa do espírito renovador e multidisciplinar da Xeración Nós e representa certa continuidade co traballo, estilo e metodoloxía dos eruditos do Seminario de Estudos Galegos, institución erradicada polo fascismo. Como sinala outro dos grandes investigadores actuais neste eido, Antonio de la Peña:
“Sobrino Lorenzo, la figura más brillante en la historia de la investigación de los grabados rupestres galaicos […] alcanzó el nivel más alto […], su amplio dominio bibliográfico (herdanza do seu pai), su profundo conocimiento del terreno en el que se movía – no en vano conocía de primera mano la práctica totalidad de los complejos rupestres conocidos entonces – y su aparente alejamiento de condicionamientos ideológicos, dan a su obra una extraordinaria coherencia”


O seu legado, conservado grazas ó inestimable labor do mestre e investigador, Ángel Núñez Sobrino, constitúe un verdadeiro tesouro documental que aínda non foi debidamente tratado e valorado. Preto de 2.500 documentos gráficos e documentais entre negativos, positivos, debuxos e anotacións nas súas axendas persoais constitúen un fito de referencia fundamental para abordar o estudo do megalitismo e do chamado “Grupo Galaico de Arte Rupestre” en Galicia en xeral e na nosa comarca en particular.
Nestas últimas semanas o noso colectivo tivo o privilexio de achegarse por primeira vez a unha pequena parte deste fondo grazas a amabilidade e facilidades dadas por Ángel Núñez Sobrino, feito que dificilmente poderemos agradecer.
A análise de todo este material xerou de inmediato novas liñas de investigación para o futuro, como o estudo da evolución da paisaxe destas paraxes durante a segunda metade do século XX, facilitounos novos indicios para tentar localizar xacementos arestora en paradoiro descoñecido (Liñaredo, Labanquiños ou Troitosende en Ames ou o petróglifo do Agro da Cacharroa en Teo), permitiunos comparar o estado actual destes bens arqueolóxicos coa súa situación hai máis de medio século, certificar grazas as súas fotografías de que xa era coñecedor de moitas estacións de arte rupestre que pensabamos que foran descubertas nos últimos anos como o petróglifo do Outeiro do Corno en Regoufe (Teo) ou o Petróglifo de Monte Grande en Piñeiro (Ames).
Son tamén materiais fundamentais para continuar coa nosa misión principal, a divulgación. Documentos que debidamente seleccionados e tratados enriquecerán calquera actividade sobre o patrimonio cultural na nosa comarca, proporcionarán novos recursos para a elaboración de materiais pedagóxicos e mellorarán a posta en valor dos nosos bens patrimoniais.

Para render esta pequena homenaxe co gallo do centenario do seu nacemento proxectaremos, durante a charla previa á visita nocturna ós petróglifos teense dos días 19 e 26 de setembro organizada en colaboración co Concello de Teo, unha escolma destas imaxes inéditas do arquivo Sobrino – Nuñez do patrimonio teense e da comarca datadas a finais dos anos corenta e na década dos cincuenta. Tamén contaremos coa presenza de Ángel Núñez que nos falará do seu labor como custodio e divulgador deste interesante arquivo familiar.
E todo nun inmellorable escenario como é a Casa Grande de Cornide, cuxos propietarios e actuais xestores mantiveron con acerto a esencia da vella residencia de matices indianos do que foi o seu propietario o libreiro republicano Manuel Tarrio Meldi, que para salvar a vida tivo que abandonar o seu fogar e regresar a Arxentina despois do golpe de estado franquista. Tras máis de corenta anos a vivenda foi reformada en 1976 polos seus actuais propietarios que decidiron abrir en 1992 un dos primeiros aloxamentos de turismo rural da comarca, labor continuado polo actual xerente, Carlos Feal.
Podedes visualizar aquí o tríptico que elaboramos para a ocasión: http://www.calameo.com/read/002506678da246c9f0fd1
Todas as imaxes utilizadas nesta entrada forman parte do fondo “Ángel Núñez Sobrino , orixe: Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza (1915-1959)” do Arquivo Municipal de Teo. O Colectivo A Rula actuou como intermediario nesta importante achega documental ó Concello de Teo
BIBLIOGRAFÍA:
- Núñez Sobrino, Ángel: “Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza (1915-1959) : El trayecto vocacional de un arqueólogo”, En: Pontevedra: Revista de Estudios Provinciais, 2006. Núm. 21. Páx. 11-34
- Núñez Sobrino, Ángel: “A dimensión científica e humanística do arqueólogo R. Sobrino Lorenzo – Ruza”, En: Boletín Auriense, 2008-2009. Núm. 38-39. páx. 345-384.
- Núñez Sobrino, Ángel: “Correspondencia europea a un arqueólogo galego: Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza (1915-1959)”, En: Revista Gallaecia, 2012, núm. 31. páx 182-199
- Núñez Sobrino, Ángel: “Ramón Sobrino Lorenzo Ruza (1915-1959), un modelo de arqueólogo de Galicia“, En: Grial. Revista Galega de Cultura, núm. 193, 2012 p. 135-145
- Núñez Sobrino, Ángel: “Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, eximio arqueólogo”, En: El Correo Gallego del 22/03/2015
- Méndez Ferrín, X.L.: “No Labirinto”, En: Faro de Vigo del 02/05/2015
[…] o ilustre arqueólogo, Ramón Sobrino Lorenzo Ruza, recollía nos seus manuscritos dos anos cincuenta mostras da destrución dos petróglifos por […]