O pasado sábado 3 de outubro tivo lugar no Parque de Arte Rupestre de Campo Lameiro o primeiro obradoiro de iniciación á fotografía de Petróglifos. Pouco tempo atrás, cando o equipo que dirixe o parque nos propuxera a súa realización, só intuímos as dificultades que entrañaba levalo a cabo pero tamén sabiamos que dun xeito ou outro tiñamos que facer todo o posible para realizalo. Tratábase da primeira vez que se desenvolvía unha proposta deste tipo en toda Galicia, e a isto témoslle que sumar que o feito de se realizar en Campo Lameiro implicaría, en moitos casos, maiores desprazamentos para os posibles participantes.
Queremos agradecer ós novos xestores do PAAR o esforzo que están a levar a cabo desenvolvendo o seu proxecto renovador no parque, tentando achegalo á idea orixinaria e a que moitos de nós temos sobre o que debe chegar a ser. E cremos certamente que a realización de actividades como este obradoiro fotográfico forma parte dese camiño a seguir.
E chegou o día, e comezamos de vagariño a ollar distintos exemplares de publicacións sobre arte rupestre galega e comentamos a ausencia case xeneralizada da fotografía de petróglifos nelas. E coa escusa entramos no tema…
Apoiados en multitude de imaxes dimos un repaso á fotografía de petróglifos ó longo do tempo, desde os pioneiros ata os autores actuais e á chegada das novas tecnoloxías. A continuación pasamos a tratar unha parte máis técnica, o equipo. Amosamos un equipo recomendable e Anxo de Prado rematou sabiamente este apartado concretando: ilusión, lanterna e cámara fotográfica son os únicos elementos realmente necesarios para iniciarse neste tipo de fotografía.
Seguidamente falamos das distintas técnicas de fotografado, das nosas experiencias, demos algúns consellos para aplicar na preparación da sesión, na iluminación e no postprocesado. E resoltas algunhas dúbidas procedemos a dirixirnos ó exterior a desenvolver a parte práctica.
Xa no parque achegámonos ata a Laxe dos Carballos e alí puidemos visualizar a Anxo de Prado en acción, un espectáculo xa de por si recomendable, que a continuación, os participantes picados pola curiosidade tentaron emulalo. Ó pouco tempo decatáronse de que seguindo as instrucións pódese tentar repetir o método, e a partires dese momento perseguiron incansables a foto perfecta.
Tiñamos pensado achegarnos a continuación ata Outeiro do Cogoludo pero déronnos as 12 en compaña do gran cervo e os 12 decidimos rematar a sesión con esta foto de grupo.
Só nos resta decir grazas e que esperamos que desfrutarades da actividade tanto coma nós levándoa a cabo.