Hai só uns días recibimos as malas novas dunha nova agresión en dúas das estacións de gravados rupestres máis relevantes do Concello de Teo, o petróglifo de Outeiro de Corno en Regoufe (Luou) e Río Angueira en Cornide (Calo). A través do noso correo, Javier C.F. remitiunos as fotos que acompañan esta pequena entrada no blog, que ogallá nunca tiveramos que facer.

Como reflicten as imaxes o autor ou autores dos danos non só riscaron co que semella xiz de cor branca a superficie dos gravados senón tamén que gravaron unha cruz ó carón do único zoomorfo do petróglifo de Outeiro de Corno situado na parte inferior do panel. Un acto vandálico que supón un dano irreparable neste singular xacemento.

Descoñecemos o fin exacto de tales actos, quizais simplemente fora por ignorancia pero de calquera xeito non hai ningún tipo de xustificación posible. Lamentablemente novas deste tipo repítense a cotío a pesar dos esforzos en concienciar e educar á cidadanía no respecto ó noso patrimonio, a realidade demostra que hai xente que descoñece que un petróglifo é unha obra de arte prehistórica ó ar libre da mesma importancia que poidan ter as pezas expostas en calquera dos nosos museos. A ninguén se lle ocorre ir a un exposición a pintar por riba dun cadro, pois de igual xeito deberiamos ser conscientes que non se pode tocar e moito menos gravar por riba destes gravados que forman parte do patrimonio cultural legado polos nosos devanceiros.
Queremos lembrar que remarcar os gravados con outra pedra, ou simplemente con xiz, para facilitar a súa visualización supón unha alteración do risco orixinal modificando para sempre a súa fisionomía. Os petróglifos son pezas artísticas milenarias que reflicten o paso do tempo polo que non podemos frustarnos se o visitalos non podemos apreciar con todo detalle os seus motivos. Como sinalamos nas nosas charlas e rutas se queremos contemplar en todo o seu explendor estas manisfestacións artísticas temos que visitalos á mañá cedo ou ó solpor, e senón pola noite cunha lanterna ou foco para poder admirar polo miúdo todos os deseños.

O Colectivo A Rula deu traslado destes feitos ó Concello de Teo que a súa vez deu parte ó Seprona para iniciar as dilixencias oportunas. O obxectivo é que este tipo de incidentes non se repitan máis. Recordar tamén que recentemente o Concello inicou os trámites para que ambos petróglifos, xunto co petróglifo da Pena Bicuda de Loureiro (Luou), reciban a declaración expresa como Bens de Interese Cultural (BIC).
A nova na web do Concello de Teo: http://teo.gal/actualidade/nova.php?id=1769&lg=gal
A nova na CRTVG: http://www.crtvg.es/informativos/danan-petroglifos-en-teo