Os Petróglifos de Mallos en Santa María de Teo


Situación

A estación de arte rupestre coñecida baixo as denominacións de “Laxe da Estivada de Abaixo”, “Laxe da Estivada de Mallos”, “Laxe de Abaixo” ou simplemente “Petróglifo de Mallos”, emprázase no lugar de Mallos na parroquia de Santa María de Teo, coordenadas UTM: 29 T 539261 4733831 [1] e a unha altura de 83 m.s.n.m.

Figura no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia co código GA15082071 e está incluída na relación de bens patrimoniais protexidos polo actual inventario do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Teo.

Localízase nunha ladeira de suave pendente orientada ao sur/surleste e agochada no medio dun piñeiral do monte de Mallos, moi preto do río Ulla, nas terras máis baixas do val de uso tradicionalmente agrícola na contorna inmediata da aldea.

É esta unha situación pouco habitual entre os petróglifos do Grupo Galaico de Arte Rupestre da Comarca de Santiago, tanto pola súa localización a baixa altitude como pola súa proximidade ao río Ulla (a menos de 500 metros), e tamén pola ampla distancia que o separa das outras estacións rupestres do Concello de Teo coñecidas (as máis próximas atópanse a máis de 5 quilómetros no Monte Piquiño en Luou).

Plano de situación dos petróglifos do concello de Teo

Agás da nova estación localizada na paraxe do Pouso (que analizaremos na segunda parte da entrada), non temos coñecemento doutros xacementos ou achados arqueolóxicos catalogados na súa contorna inmediata nesta ribeira teense.

Plano de situación na ficha do PXOM de Teo do ano 2010

A ruta aos dous petroglifos no noso wikiloc: https://es.wikiloc.com/rutas-a-pie/petroglifos-de-mallos-24290095

1. A Laxe da Estivada de Mallos no tempo

A estación rupestre da “Estivada de Abaixo” é, despois dos gravados de Ventosa en Ames [2] (debuxados polo magnífico Henrique Campo Sobrino no ano 1909) un dos primeiros petróglifos estudados na comarca de Santiago, sendo publicada por vez primeira no ano 1947[3] polo arqueólogo Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza.

Ramón sobrino Lorenzo-Ruza. Localización descoñecida. Fondo Núñez-Sobrino (Arquivo Municipal de Teo).

Mais, como o propio autor sinala na súa publicación[4], en realidade as primeiras referencias relativas á laxe datan do ano 1930 cando o arquiveiro da Catedral de Santiago, Juan Pérez Millán, comunica ao pai do autor, o tamén arqueólogo Ramón Sobrino Buhigas a existencia desta estación. De feito, compre indicar que a estación de Mallos xa figura citada no Corpus Petroglyphorum Gallaeciae no epígrafe introdutorio onde sinala:

“el doctor Pérez Millán, profesor de Filosofía y letras en esta ciudad de Santiago, nos comunicó, el día tres de agosto de este año, el descubrimiento de otras estaciones de petroglifos en la parroquia de Teo, cerca de Pontevea”.

Desta cita debemos subliñar o feito de que fala de varias estacións cando posteriormente só figura unha no artigo de Sobrino Lorenzo, a Laxe da Estivada de Abaixo. Curiosamente, e por atoparse ao sur da provincia da Coruña, son os únicos gravados desta provincia que figuran no plano de situación que inclúe a última lámina do famoso Corpus. [5]

1935. R. Sobrino Buhigas. Plano de situación dos gravados do Corpus.

Foi deste xeito como J. Pérez Millán, con lazos familiares na parroquia de Santa María de Teo, posibilitou este primeiro achegamento á laxe de Mallos. Tratábase dun dos ilustres persoeiros da Compostela do momento que figuraban entre o amplo elenco de amizades da familia Sobrino.

Mestre na Universidade de Santiago e do tamén compostelán Colexio Manuel Peleteiro foi un dos chamados “custodios do Códice Calixtino” e considerado, xa no seu tempo, unha eminencia no campo da paleografía e da arquivística. Prolixo conferenciante e experto en temas tan “particulares” como a historia do calendario ou a figura do faraón exipcio Tutankhamon rematou a súa vida profesional afectado por unha grave enfermidade mental que o levou a considerar o Arquivo da Catedral como da súa propiedade, chegando mesmo a subliñar e comentar a lapis o propio Códice Calixtino e outros códices medievais.

Fotografía aérea do voo americano do ano 1956.

Só uns meses despois do achado do Petróglifo do Castriño de Conxo, Sobrino Lorenzo realiza, seguindo as suxestións do seu pai, a súa primeira visita a Mallos. Na compaña do seu incansable colega e guía de expedicións polos montes de Teo, Adolfo Calvo (practicante municipal e veciño de Luou) achéganse ese ano por primeira vez ó petróglifo da Laxe da Estivada de Abaixo, visita que repetiran asiduamente en sucesivos anos, tal é como reflicten as notas do seu interesante diario persoal publicadas por Ángel Núñez Sobrino. [6]

1947. Adolfo Calvo en Mallos. Fotografía de Ramón Sobrino Lorenzo. Fondo Núñez-Sobrino (Arquivo Municipal de Teo).

Na súa publicación, Sobrino Lorenzo sinala a presenza de:

“círculos concéntricos con cazoletas y líneas radiales, puntos y cruciformes”. Gravados realizados con “surcos, obtenidos por frotamiento continuo sobre el granito, con forma en U muy abierta, de fondo y bordes redondeados”.

O estudo inclúe dúas fotografías da laxe e un interesante deseño das formas e distribución dos motivos nos distintos paneis do petroglifo:

“después de dibujados con signos con tiza, con objeto de hacerlos patentes, obtuvimos, mediante un cuadriculado hecho directamente sobre la misma peña y en papel milimetrado, un dibujo a escala de los grabados, obteniendo a continuación las dos fotografías que publicamos, en una de las cuales se ve este cuadriculado, ilustrándose también en este artículo con el dibujo a escala obtenido”.

1947. R.Sobrino Lorenzo-Ruza. Deseño inicial a lapis dos motivos da Laxe da Estivada. Fondo Núñez-Sobrino (Arquivo Municipal de Teo).

O arquivo familiar Sobrino – Núñez que custodia o seu sobriño, Ángel Núñez Sobrino, conserva estes e outros debuxos e fotografías realizados polo arqueólogo nas diferentes visitas, nas que quedan patentes o rigor e meticulosidade do autor no proceso de documentación e rexistro dos gravados, dende o inicial traballo de campo ata o posterior estudo no seu gabinete.

1947. R.Sobrino Lorenzo-Ruza. Deseño final a tinta dos motivos da Laxe da Estivada. Fondo Núñez-Sobrino (Arquivo Municipal de Teo).

Sobrino Lorenzo subliña as similitudes existentes entre estes gravados de Mallos e os petróglifos do occidente europeo, máis concretamente da Europa atlántica (Irlanda, Escocia, Escandinavia e Inglaterra principalmente). Por outra banda indica a realización con ferramentas metálicas e xa en época histórica dunha das cruces da laxe, a situada sobre a combinación circular de maior tamaño e destaca o feito de que:

“estos cruciformes […] son hechos en épocas antiguas, pero ya históricas, con un fin de cristianización de lugares considerados como de cultos paganos”.

Remata a descrición da laxe aludindo á curiosa disposición das coviñas da zona superior (ao que nós denominamos panel 1) que, ao seu parecer, semellan representar algunha forma antropomorfa, idea que finalmente desbota, facendo unha interesante crítica aos perigos que poden producir o feito de achegarse a estas manifestacións artísticas con ideas preconcibidas dende o presente.

1947. R. Sobrino Lorenzo. Panel 1. Fondo Núñez-Sobrino (Arquivo Municipal de Teo).

Despois da atención prestada por estes autores ó xacemento, incomprensiblemente durante un prolongado período de tempo a estación permaneceu oculta pola densa vexetación ficando case esquecida para a comunidade científica, e incluso levou a algúns investigadores a considerala desaparecida, como así o recolle María Jesús Soto Barreiro na súa tese doutoral do ano 1986 onde sinala:

“R. Sobrino Lorenzo – Ruza dará a conocer en 1947 un estudio parcial sobre los petróglifos de los Mallos con una sucinta reseña que caerá en el olvido no pudiendo ser localizado posteriormente”. [7]

1947. R. Sobrino Lorenzo. Panel 2. Fondo Núñez-Sobrino (Arquivo Municipal de Teo).

A seguinte referencia á laxe é a sinalada polo arqueólogo Manuel Lestón, quen para a elaboración do catálogo arqueolóxico do PXOM de Teo [8], no ano 2001, localiza só unha parte da laxe entre a vexetación e realiza unha pequena descrición apoiándose no sinalado por Sobrino Lorenzo.

Lestón describe os motivos do seguinte xeito:

“na parte superior da laxe pode observarse unha combinación circular composta por 2 círculos concéntricos con cazoleta central, de aproximadamente 22 cm. de diámetro, e ó sueste desta hai 8 cazoletas de pequenas dimensións. Na parte inferior da laxe obsérvase unha gran combinación circular, moi mal conservada debido a que se encontra na zona empregada polos rapaces para escorregar, e nas súas proximidades 2 pequenas cazoletas, e 2 cruces modernas”.

Camiño de acceso á fraga

Xa no ano 2008 edítase a primeira guía dos petróglifos do Concello de Teo elaborada polo grupo Ollarte, un grupo de mozos e mozas de posgrao da Universidade de Santiago, que realizou unha completa labor de baleirado das fontes e do inventario dos petróglifos coñecidos ata ese momento. Na ficha dedicada ao petróglifo de Mallos seguen a descrición anteriormente citada de Manuel Lestón.

Non foi ata o ano 2012 cando o Concello de Teo, con motivo da realización dunha andaina pola beira do río Ulla [9], limpa e acondiciona o acceso á laxe logo de permanecer varias décadas entre os toxos e as matogueiras. Preto de 60 participantes [10] asistiron á primeira visita guiada a estación realizada polos técnicos municipais e membros que hoxe integran o Colectivo A Rula.

Visita ó xacemento na ruta Goza do Ulla 2012. Arquivo Municipal de Teo

Esta iniciativa permitiu que na actualidade a laxe poida ser visitada con certa comodidade pois o concello realiza limpezas periódicas na súa contorna e no camiño de acceso. Agardemos tamén que en breve se instalen carteis de sinalización e informativos na zona para facilitar á localización e interpretación dos gravados ós visitantes.

1.1 O interese suscitado no Colectivo

O interese que suscitou o petróglifo no Colectivo da Rula, logo da ruta realizada polo Concello, animounos a realizar varias visitas ao petróglifo para seguir indagando sobre esta interesante estación da beira teense do Ulla e iniciar deste modo o seu estudo. O obxectivo final era analizar ó pormenor o grao de conservación dos gravados xa estudados previamente, así como o de achegar unha descrición o máis completa posible dos novos motivos localizados.

Mapa localización dos xacementos de Mallos

1.2 Mallos, un enclave histórico á beira do Ulla

Iniciamos a análise histórica destas paraxes da bacía do Ulla baleirando as vellas fontes bibliográficas e documentais para deste modo tratar de coñecer un pouco mellor a historia e contexto do lugar onde se atopa o petróglifo. Curiosamente volvémonos atopar con outro ilustre arquiveiro da Catedral, Antonio López Ferreiro, quen na súa “Historia de la Santa Apostólica Metropolitana Iglesia de Santiago de Compostela” do ano 1899 sinala que:

“en los confínes de la parroquia de Trobe con la de Teo, en el lugar de Mallos, hubo una iglesia dedicada a San Paio, que a principios del siglo XIV aún era parroquial. Es probable que esta iglesia date de los tiempos próximos al martirio de San Payo”. [11]

Localización das estacións e camiños antigos. IGN – ca.1940

Segundo os nosos informantes de Mallos, nos anos cincuenta do pasado século aínda quedaban restos desta antiga igrexa, hoxe desaparecida, nun lugar próximo situado a tan só 200 metros ao suroeste da Estivada de Mallos. Segundo Antonio Maceira Gago [12], foi neste lugar de Mallos onde residiron, a principios do século X, os pais do neno Paio, sobriños do Bispo Nausto que vivía á súa vez no veciño lugar de Trobe. O propio López Ferreiro sinala na súa obra como algúns dos bispos que tiñan:

“sus sedes en países dominados por los árabes, se refugiaron en la diócesis compostelana”.

Mais estes bispos refuxiados na diocese compostelá non se detiveron en Iria, senón que se asentaron en varias “granxas ou distritos” do interior do val na procura de maior seguridade. Nausto fica deste xeito en Trobe (no actual concello de Vedra), nun dos pequenos cenobios que existían na bacía do Ulla.

Na igrexa parroquial de Santo André de Trobe, situada a quilómetro e medio de Mallos, aínda hoxe se conserva a súa lauda sepulcral encaixada nunha parede interior da igrexa, e onde se pode ler unha inscrición [13] na que se eloxian as virtudes do prelado ao longo do seu periplo vital e que Fermín Bouza Brey considera

“por su ornamentación y sus caracteres epigráficos como la que mejor acusa el mozarabismo en Galicia bajo la influencia de lo mozárabe leones”. [14]

Sartego do bispo Nausto

Segundo López Ferreiro é de supoñer:

“que asistiesen a los funerales de su entierro [15] en Trobe, sus sobrinos Hemogio, que al poco tiempo fue Obispo en Tuy, y los padres del santo niño Pelayo (que lembremos residían en Mallos), mártir en Córdoba, que a la sazón contaría cinco ó seis años”. [16]

Ficha do sartego na Biblioteca Dixital Cervantes

Por outra banda, esta zona foi tamén un enclave relevante e estratéxico para o control do río Ulla para os Arcebispos de Compostela. Varios investigadores [17] (Antonio López Ferreiro, Pedro Varela Castro, Manuel Reimóndez Portela, Henrique Neira, Andrés Tarrío Barreiro, Manuel Gago, etc) sitúan na marxe estradense do Ulla, ó carón da Carballeira do Vao no lugar de Cora, o coñecido “Castelo da Insua” ou “Torre da Insua de Vea”. Trátase dunha fortificación documentada xa no século XIV que pertenceu á Mitra Compostelá mais foi cedida em varias ocasións, ao longo do tempo, a diferentes casas nobiliarias do val da Ulla.

Formaba parte dun antigo sistema de defensa e control do río (no que tamén figuraban outras casas – fortes como a Torre da Barreira ou a Torre do Maíndo), no que

“os sucesivos arcebispos nomeaban os casteleiros da torre, que directamente eles mesmos ou indirectamente a través dun terceiro se deberían dedicar, xunto cos homes baixo o seu mando, a garanti-la seguridade da zona de influencia da torre e en especial dos camiños e pontes máis próximos a ela, facilitando a circulación de persoas e bens cara a Santiago e dende alá cara a outros lugares e protexéndoos de eventuais bandidos”,

segundo nos relatan os investigadores Henrique Neira o e o finado Andrés Tarrío nun artigo publicado na revista “A Estrada. Miscelánea Histórica e Cultural“. É iste un  interesante estudo que da conta dos diferentes enfrontamentos e litixios entre os nobres que exercían de “casteleiros” do señorío da Torre da Insúa e os Arcebispos de Compostela polo control da mesma.

Imos só destacar o primeiro dos enfrontamentos no que o propio arcebispo Santiago Lope de Mendoza achégase á casa forte da Insua para recuperar a autoridade sobre a mesma, enfrontándose ós Núñez de Isorna que desobedeceran as súas ordes. O arcebispo aproxímase co seu exército precisamente dende os campos de Mallos, onde lembremos estaría a antiga igrexa parroquial situada a escasos metros ó norte da Insua. Iníciase entón a dura loita no que as “hostes” do arcebispo son atacadas con artillería “con tronos et con bonbardos et con uiratones” dende a Torre.

Estes enfrontamentos repetiranse ó longo do s. XV ata a destrución do castelo polos irmandiños, logo de resistir un heroico asedio durante varias semanas.
A última referencia ao Castelo procede do romántico e misterioso relato do escritor Barcia Caballero que recolle o xornal “El Heraldo Gallego” o 30 de abril de 1879,

“corrían acerca de esta torre los más estraños relatos; haciendo subir su antigüedad a una fecha fabulosa y atribuyéndole extravagantes orígenes”.

Na actualidade esta ribeira teense conta cun importante arboredo protexido entre as aldeas de Agromaior e a contorna de Mallos, conformando un espazo natural privilexiado que comeza no linde mesmo do Concello de Vedra na foz do río Pereiro no Ulla logo de pasar pola ponte da Dorna, un enclave onde aínda hoxe se conservan as ruínas de centenarios muíños na paraxe que foi escenario das vivencias do último barqueiro teense, José Rial, veciño de Mallos.

2. Descrición da estación

E é aquí, neste importante enclave histórico e natural, onde se localiza esta interesante estación de arte rupestre ó ar libre. O seu estudo permitiunos constatar que se trata dun dos petróglifos máis interesantes e con maior número de motivos insculturados do Concello de Teo, xunto ós xacementos xa máis coñecidos da Pedra Bicuda de Loureiro (na parroquia de Luou) e Río Angueira en Cornide (na parroquia de Calo).

É un pequeno milagre que na actualidade se conserve este conxunto se temos en conta a súa situación, moi preto da aldea e rodeado de terras de intensa actividade agrícola [18], gandeira e forestal (nas últimas décadas), que veñen soportando unha forte presión antrópica sobre o medio natural nunha zona moi afectada polo minifundismo que caracteriza estas paraxes da ribeira teense.

Plano da división parcelaria e localización dos xacementos

Descrición do soporte

O afloramento rochoso no que se atopan os gravados sitúase nun suave desnivel orientado cara ao surleste, nunha zona inicial da pendente que progresivamente descende cara o Ulla.

Ao carón da laxe situábase, ata hai uns anos, un enorme piñeiro manso que empregaban os veciños como referencia para a súa localización. Unha gran tormenta derrubouno hai uns doce anos e hoxe aínda permanecen no lugar os restos da súa gran “cachopa”.

Trátase dunha laxe granítica de boas dimensións, de gran fino que presenta unha forma bastante irregular que se adapta á pendente do terreo, apenas sobresaíndo sobre o nivel do chan no seu extremo sur e algo máis no extremo noroeste onde chega a alcanzar case un metro de altura (0,93 cm). Conta cunhas dimensións de 8,08 x 4,98 m.

A parte inferior da laxe semella ter continuidade baixo a camada de terra vexetal polo que non podemos desbotar a posible presenza doutros motivos aínda soterrados.

Co obxecto de facilitar a descrición do conxunto e seguindo as características morfolóxicas da laxe e a propia descrición xa realizada por Sobrino Lorenzo, dividiremos o afloramento en dous paneis principais. O Panel 1 na zona NO, e o Panel 2 na S – SL.

Panel 1. O situado máis ao norte é a parte do afloramento que máis sobresae sobre o nivel do terreo. Pese a súa irregularidade presenta superficies con tendencia á horizontalidade, mais pouco uniformes, divididas en tres partes por diáclases de considerable profundidade e largura. De estas superficies divididas por tres fracturas naturais a situada máis ó sur presenta unha superficie máis convexa, característica esta que aproveitou o gravador. As outras dúas superficies son de menores dimensións e maior horizontalidade. As superficies máis verticais orientadas cara o leste tamén foron utilizadas para gravar algúns motivos.

Mallos, panel 1

Panel 2. Presenta unha superficie máis regular e menor altura que a do panel anterior, e unha moderada inclinación seguindo o sentido do terreo. A zona central, onde se atopa o motivo principal, é a superficie mais regular, en tanto que nos bordes oeste, norte e leste a superficie tórnase máis irregular.

As superficies máis erosionadas, en boa medida por procesos de meteorización, son precisamente as pequenas protuberancias que se concentran nos bordos laterais en ambos paneis e tamén no sector central do afloramento.

Estes sectores teñen tamén unha cor moi clara, case branca, que posiblemente está indicando unha maior presenza de seixo. Nestas superficies hai pouca presenza de liques e musgos, ó contrario do que sucede coas superficies máis regulares, como son a parte superior do panel 1 e o sector central do panel 2 inclinado, que presentan cores máis escuras e abondosos liques e musgos.

Panel 2. Sector central

2.1 Descrición dos motivos

A observación do afloramento baixo diferentes condicións, con luz natural e artificial, en mollado e en seco, a distintas horas do día e tamén de noite, e a través dos diferentes modelos de fotogrametría dixital realizados, revelounos a presenza de numerosos gravados en boa parte da superficie da laxe, na súa maior parte motivos de tipo xeométrico con sucos abertos en U e bordes redondeados, xunto á presenza de cruciformes e outros motivos con sucos en V con bordes de arestas vivas.

Panel 1

Na parte superior, a zona máis ó norte, figura un conxunto de coviñas de diferentes formas e tamaños, un total de 14 (12 de forma circular e 2 de forma alongada), agrupadas entorno a un cazoleta de maior tamaño e de forma elíptica (18 cm de longo). Unha agrupación de coviñas que se estenden o longo duns 80 cm de longo por 60 cm de ancho.

Fotogrametría do panel 1 con lenda

As coviñas de forma circular oscilan dos 14 ós 5 cm. de diámetro cunha profundidade media duns 2 cm. Existen outras 5 coviñas illadas fora desta agrupación e unha pequena cruz (18 x 16 cm) ó norte situada á rentes do chan de suco ancho con 3 coviñas nos extremos de 3 dos seus brazos.

Varias coviñas do grupo sinalado comunícanse entre si por medio de pequenos sucos lineais, destacando unha pequena agrupación de catro coviñas unidas formando unha pequena cruz. Esta zona do panel 1 foi na que Sobrino Lorenzo comentaba, de xeito xocoso, que lle lembraba á forma dun rostro ou cara

“con ojos, naríz, patilla en lado derecho y un adorno como un sombrero, con dos palos o plumas salientes”.

Pormenor do Panel 1

Á marxe das coviñas e cazoletas completan este primeiro panel 6 combinacións de círculos concéntricos, varias situadas nos “petóns” ou protuberancias da laxe. Dúas delas situadas na zona máis elevada do panel foran xa identificadas no seu día por Sobrino Lorenzo e son as que teñen un mellor estado de conservación. Trátase dunha primeira combinación de 30 cm. con 3 aneis e coviña central con radio de saída cara o sur (número 1) e unha segunda combinación circular de 14 cm. formada por dous aneis e coviña central (número 2) de onde parte outro suco que enlaza co radio de saída da primeira combinación.

Panel 1. Combinación número 5

Unha diáclase que percorre esta parte central do panel divide esta zona coa parte leste da rocha onde figuran tres novas combinacións de pequeno tamaño (12, 10 e 9 cm. de diametro respectivamente) formadas unicamente por dous aneis e coviña central (números 3 e 4(2)). Dúas das combinacións figuran unidas por un suco. Finalmente no eixo central entre dúas liñas de fractura figuran 3 cazoletas illadas, unha pequena combinación de dobre anel (número 5) e coviña central situada o carón da diáclase (8 cm), e posibles restos doutras combinacións incompletas (número 6) practicamente inapreciables polo elevado grado de erosión que presenta esta parte do penedo.

Panel 1. Fotogrametría

Panel 2

No segundo panel rexistramos ata 6 combinacións moi erosionadas ó localizarse na zona empregada polos rapaces da aldea para escorregar a xeito de tobogán e nos petóns laterais tamén moi degradados a causa da erosión natural. Tamén figuran varias cruces e outros motivos históricos de difícil interpretación.

Panel 2. Fotogrametría con lendas

Preside este panel a combinación de círculos concéntricos (número 1) emprazada na parte central que é a de maior tamaño de todo o xacemento (50 cm.), posúe 5 aneis moi erosionados (os dous exteriores incompletos) con coviña central. Un motivo que figura tamén nos diferentes deseños realizados por Sobrino Lorenzo.

Panel 2. Vista xeral

No bordo superior da combinación aparece unha cruz histórica (letra A) e unha aspa (X) sobreposta no centro, ambas realizadas cunha ferramenta metálica e insculturadas sobre o motivo prehistórico. Xusto encima da cruz e baixo tres coviñas que forman un triangulo contemplamos outros símbolos de reducido tamaño (letra C), un pequeno rombo (◊) e unha posible cruz grega.

Panel 2. Detalle do cruciforme central

Na parte superior do Panel, ó norte, figuran restos de tres combinacións (números 2, 3 e 4) practicamente imperceptibles pola forte degradación que sofre a rocha. Están situadas case nunha disposición horizontal e en paralelo sendo a de maior tamaño a situada no centro duns 35 cm de diámetro e 2 aneis. As outras combinacións de 11 e 10 cm (tamén moi deterioradas) sitúanse á esquerda e dereita da combinación de maior tamaño e posúen 2 e 3 aneis respectivamente, ambas con coviña central.

Panel 2. Zona superior

Os modelos fotogramétricos confirmaron a existencia dos gravados que logramos localizar nunha das visitas nocturnas ó xacemento. Xusto na parte inferior desta combinación central figuran dúas cruces (B) tamén históricas (unha delas moi parecida a cruz do sector central) e media ducia de pequenas coviñas sen orde aparente. O repertorio de motivos históricos complétase cunha nova cruz aillada (17 x 19 cm) na zona lateral ó NO deste segundo panel (foto).

Panel 2. Pormenor

No bordo leste da rocha existen dous círculos (número 5) formando una especie de oito (∞), elaboradas cun suco fino, probablemente sexan coetáneos os outros gravados históricos. No interior dun deles hai gravada outra pequena cruz. (Ver foto)

Finalmente no extremo inferior da rocha, ó Sur, consérvase un anel circular duns 20 cm de diámetro (restos dunha combinación?) e, no lateral oeste, unha última combinación (número 6) conformada por 3 aneis. Ambas foron gravadas aproveitando as protuberancias naturais de dous petóns da laxe.

Panel 2. Petón (número 6)

2.2 Tipoloxía dos motivos

Motivos xeométricos ou abstractos

Combinacións circulares. En canto ás combinacións circulares das 3 combinacións xa sinaladas por Sobrino e Lestón pasariamos a falar de 12 combinacións circulares de diferente tamaño e tipoloxía, que van dende os círculos simples ata as combinacións de cinco aneis concéntricos, con coviña central na maioría dos casos.

Panel 1.

Unha das características de boa parte destas combinacións circulares é a da súa adaptación á morfoloxía da laxe, as combinacións circulares acomódanse ás protuberancias naturais do afloramento granítico.

Panel 2. Zona inferior

É este un aspecto que tamén caracteriza a outros petróglifos da comarca, como acontece nos petróglifos da Pedra da Nave de Mourigade en Ames, Bouza Abadín en Dodro ou O Valado 1 na Portela de Villestro en Compostela. Esta característica prodúcese en catro das combinacións circulares que son as de maior tamaño a excepción da gran combinación central situada no panel inferior inclinado da rocha, que está gravada nunha superficie máis lisa e regular.

Panel 2. Combinación moi erosionada

Lamentablemente algunhas das combinacións atópanse moi erosionadas e son case imperceptibles nunha visita diurna ó petróglifo, incluso contando con boa luminosidade como acontece ó abrente ou no solpor.

Panel 1. Combinacións circulares con luz natural

Coviñas. Á marxe das combinacións circulares aprécianse tamén, como sinala Sobrino Lourenzo, coviñas e outros sucos e trazos moi erosionados. As coviñas ou cazoletas son de diferentes dimensións e formas, e localízanse por toda a superficie da laxe, aínda que sobresaen polo seu número as situadas na parte superior do panel 1 e na zona central do panel 2, xusto encima da combinación de maior tamaño. No panel 1 destacan as dúas cazoletas ovaladas rodeadas por un pequeno grupo de coviñas irregulares pero xa cunha tendencia máis circular. Os diámetros oscilan entre os 18 e 2 cm, e a profundidade entre os 5 e 2 cm, sendo a maioría de dimensións medias ou pequenas.

Panel 2, extremo inferior

Motivos históricos

Cruces e outros. Motivos que podemos relacionar coa “cristianización da laxe” como sinalaba no seu día Sobrino Lorenzo, gravados elaborados cunha ferramenta metálica. Entre eles destaca unha cruz cunha aspa superposta (X) que figura ben representada no deseño do ilustre arqueólogo. É posible que se trate dunha representación arcaica dun crismón ou lábaro coa representación do monograma de cristo XP. A súa vez figuran próximos outros símbolos de pequeno tamaño de difícil interpretación (varias cruces, rombos, círculos rebaixados, etc…).

R. Sobrino Lorenzo-Ruza. Motivos do Panel 2. Cruciforme e combinación circular

Podemos constatar tamén a presenza de polo menos 4 cruces de época histórica máis  distribuídas pola superficie da rocha, e unha quinta na bordo superior da rocha, mais neste caso con sucos máis abertos e rematada en tres dos seus apéndices con pequenas coviñas. A súa localización, factura e relación con outros motivos prehistóricos dificultan a súa adscrición cronolóxica.

Panel 2. Cruciforme, coviñas e aneis

Esta tipoloxía de gravados históricos podería estar relacionada coa existencia da antiga igrexa parroquial de Mallos (situada a pouco máis de 200 m) e mesmo co xa referido pasado histórico deste enclave.

Superposición dos motivos históricos sobre os prehistóricos
Pode constatarse en polo menos dous casos que dúas cruces se superpoñen parcialmente ás combinacións de círculos concéntricos no panel 2. O resto de motivos que pola súa factura poden ser considerados realizados en épocas históricas foron gravados en superficies “secundarias”, nos laterais dos paneis, superficies non empregadas aparentemente en época prehistórica.

2.3 Grao de conservación

Á erosión producida polos axentes natural únese a xerada pola acción antrópica continuada ó longo do tempo. Neste senso debemos recordar que, como sinala Sobrino Lorenzo, Manolo Lestón e lembran os veciños de Mallos, a superficie da laxe foi empregada polos mozos como “pedra escorregadoira” a modo de tobogán.

Mallos. Panel 1

No Concello teense é bastante habitual atoparnos con este tipo de laxes ao longo da súa xeografía, hai laxes “escorredías, escorrédeas ou escorregadoiras” moi coñecidas polos seus veciños en Cacheiras, Luou e Teo. Laxes que constitúen todo unha referencia na paisaxe dende antigo. Incluso no propio Monte Piquiño en Luou existe na paraxe do Chan do Pouso un interesante petróglifo con interesantes aliñamentos de coviñas que os veciños denominan “A Laxe da Pena Escorredía”.

3. O petróglifo do Pouso. Unha nova estación en Mallos

Durante o proceso de estudo do petróglifo de Mallos o pasado verán chegou ata nós a nova da posible existencia doutra estación con gravados rupestres localizada a tan só uns centos de metros de distancia da xa coñecida.

Petróglifo do Pouso. Vista xeral

Dende a vella cita de Sobrino Buhígas no corpus, que daba a entender a posible presenza de varias estacións, sospeitabamos que podería haber outras estacións en Mallos. E efectivamente, un grupo de mozos de Mallos localizou ao pé do vello camiño que dende a aldea de Mallos conducía ao río unha segunda laxe con gravados. Foi o seu propio descubridor Manuel Campos, veciño de Mallos, quen nos guiou por primeira vez ata a paraxe do Pouso, nunha primeira visita que contaba tamén coa presenza do concelleiro teense, Xurxo Francos e do técnico municipal de deportes Gonzalo Carrillo.

Logo do rexistro dos gravados procedeuse a súa catalogación realizada en colaboración coa empresa Horizonte Norte que en decembro de 2016 realizou a ficha estándar correspondente figurando con código GA15082112, agardando tamén que en breve se sume á relación de xacementos xa protexidos polo actual PXOM do Concello aprobado no ano 2010.

O Pouso. Vista xeral da laxe.

3.1 Localización e descrición do soporte

Sitúase no medio dun camiño que atravesa o monte de Mallos non lonxe da encrucillada que conforma co sendeiro que leva á gran fraga de Agromaior. De feito unha antiga e desgastada rodeira de carro atravesa a laxe e divide en tres paneis ou sectores os diferentes gravados. O petróglifo figura na chamada paraxe do Pouso situada a uns 400 metros ao SE da Laxe da Estivada, coordenadas UTM 29 T 539614 4733603.

O Pouso, Fotogrametría

Tratase dunha laxe de gran fino de pequenas dimensións (4,16 x 1,80 m) case a rentes do chan. A súa altura máxima é 0,60 cm. Ten forma alongada no eixe leste/oeste, con unhas dimensións de 9,4 m no eixe NW-SE por 3,3 m. no eixo SW-NE. A superficie presenta unha forma irregular con tendencia á horizontalidade. Non podemos desbotar a posible continuidade do afloramento granítico por debaixo do terra, sendo posible a presenza de novos gravados aínda descoñecidos.

3.2 Descrición dos motivos

A superficie atópase profusamente gravada concentrándose os motivos presentes en determinados sectores. Estes motivos son na súa totalidade coviñas de diferentes dimensións e formas. Contabilízanse un total de 44 coviñas (5 no sector este, 36 na zona central e 3 máis no sector oeste). As dimensións das coviñas oscilan entre os 20 cm. de diámetro da máis grande aos 3 cm. da máis pequena. En canto á profundidade varía entre os 6 e 1 cm. Presentan unha pátina regular e uniforme con bordes redondeados e moi suavizados. Completan o repertorio de gravados algúns sucos lineais (algúns con trazos perpendiculares) moi erosionados no bordo superior da laxe.

Vista xeral cenital

A distribución dos motivos transmite no espectador unha sensación de desorde, acumulándose as diferentes figuras sen orde aparente ou perceptible. Algunhas delas case unidas con escasa separación (horror vacui).

É interesante sinalar a presenza, ao igual que ocorre na estación de Mallos 1, de coviñas alongadas con forma elíptica. Feito que se repite tamén noutras estacións de arte rupestre da comarca como os petróglifos do Vilar en Ames ou Monte de San Miguel en Compostela.
Nesta laxe figuran un total de 4 coviñas ovais presentando formas bastante irregulares algunha de elas, especialmente dúas que poderían chegar a interpretarse como posibles podomorfos.

Detalle posibles podomorfos

3.3. Grao de conservación

Podemos sinalar que, en termos xerais, o grado de conservación dos motivos é boa. Pode que a simplicidade dos motivos, que se reducen a coviñas de distintas formas, permitiu que soportaran ben os efectos erosivos dos distintos axentes presentes.

4. Cronoloxía

Atendendo á análise xeral dos motivos insculturados en ambas laxes obxecto de estudo podemos inscribilas dentro do denominado Estilo Atlántico datable temporalmente na Idade do Bronce, e polo tanto como pertencentes ao coñecido como Grupo Galaico de Arte Rupestre.

Petróglifo do Pouso

Non obstante, segundo a técnica de realización dos gravados temos que falar por unha banda de gravados prehistóricos que poderían terse realizados nun só momento ou ben en diversos períodos da prehistoria (sendo gravados inicialmente as combinacións que se adaptan á forma das diferentes protuberancias da laxe e posteriormente as combinacións que figuran na superficie máis lisa e regular). A diferenza doutros petróglifos da comarca non se aprecian procesos de reavivado destes motivos prehistóricos.

Por outra banda, estarían os diferentes motivos históricos (cruces de diferente formas, aspas, círculos…) realizados con ferramentas metálicas e que poderiamos datar no medievo ou xa en época Moderna, relacionados posiblemente co proceso de “cristianización” dun lugar de culto previo aínda que non podemos desbotar vinculación dalgunha cruz coa marcación de antigos lindes parroquiais ou de propiedade.

5. Conclusións

Agardamos que ese pequeno estudo das laxes de Mallos contribúa a conservación e difusión entre a cidadanía desta importante mostra de arte rupestre prehistórico ó ar libre que presenta unhas características singulares, tanto polos diferentes gravados insculturados como pola súa situación xeográfica. Dúas laxes con morfolóxicas diferentes aínda que posúen gravados coas mesmas características.

Agradecemos finalmente aos veciños de Mallos (en especial a Manuel Campos e os propietarios da parcela da Estivada de Abaixo)e a Ramiro Viqueira (veciño de Calo) os datos achegados ó Colectivo, a súa colaboración e o interese que amosaron en manter e protexer estes interesantes bens patrimoniais ata agora case esquecidos deste recuncho da beira do Ulla, ao Concello de Teo polo labor de difusión desta importante paraxe a través das rutas realizadas e a Guillermo González Raviña por facilitarnos datos sobre a personalidade de quen foi o seu mestre, don Juan Pérez Millán.

Bibliografía

  • Bouza Brey, Fermín. “Lauda sepulcral de Nausto Obispo de Coimbra”. Estudios sobre la monarquía asturiana, Oviedo 1971.
  • Lestón, Manuel. “Catálogo de Xacementos Arqueolóxicos do Concello de Teo”, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Xuño – Xullo, 2001 (Revisado no ano 2006). Código no catálogo: GA15082079
  • Lombao Vázquez, Diego. “Petróglifos da Comarca de Santiago”. Santiago de Compostela. 2014. Proxecto fin de Grao Inédito. Universidade de Santiago de Compostela.
  • López Ferreiro, Antonio. “Historia de la Santa Apostólica Metropolitana Iglesia de Santiago de Compostela. Santiago”, 1898-1909. Imprenta y Encuadernación del Seminario Conciliar Central. Tomos I a XI.
  • Maceira Gago, Antonio M. “O Arciprestado de Ribadulla”. Fundación Caixa Galicia. A Coruña. 2001
  • Neira Pereira, Henrique. “Vedra da prehistoria ós inicios do século XX”. Departamento de Cultura do Concello de Vedra. 2006.
  • Neira, Pereira, Henrique, “Sobre a Torre da Ínsua de Cora”, in A Estrada. Miscelánea histórica e cultural. Número 10. 2007.
  • Nota con la copia del texto de la inscrición funeraria del obispo Nausto, que fue enterrado en la iglesia de San Andrés de Trobe. Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes.17??. Consulta do 28 de maio de 2013.
    http://213.0.4.19/FichaObra.html?portal=111&Ref=306614
  • Núñez Sobrino, Ángel. “Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza (1915-1959): El trayecto vocacional de un arqueólogo”, En Pontevedra: Revista de estudos provinciais. N. 21. Deputación de Pontevedra. 2006
  • Sobrino Buhígas, Ramón. “Corpus petroglyphorum Gallaeciae”, Seminario de Estudos Galegos. 1935. Edicións do Castro. Edición facsimilar 2000.
  • Sobrino Lorenzo – Ruza. Ramón. “Un petróglifo en Mallos, Ayuntamiento de Teo (A Coruña)”. En Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo. III, p. 23-24 (1947); pp.61-64.
  • Sobrino Lorenzo – Ruza. Ramón. “Bronce Mediterráneo y Atlántico. Noticias 134, 136”. Noticiario Arqueológico Hispánico 1 (1953). p. 193-194.
  • Soto Barreiro, María José. “Los petroglifos prehistóricos de la comarca compostelana”. Santiago (tese de licenciatura inédita). Universidade de Santiago de Compostela, 1986
  • VV.AA (OLLARTE). “Os petróglifos do Concello de Teo”. Ollarte: unha mirada ao patrimonio. Ed. Concello de Teo. 2008
  • VVAA. “El municipio de Teo en Unión de Teo y Vedra”. En: Revista Unión de Teo y Vedra. Órgano oficial de las Sociedades Agrarias de Teo y Vedra (1935). N.300. p.5-30

Notas:

[1] Datum: WGS 84.
[2] Petroglifos da Peneda Negra e as Laxes do Monte Castelo.
[3] Sobrino Lorenzo – Ruza, R. “Un petroglifo en Mallos,  Ayuntamiento de Teo (La Coruña)”. Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo. III, pp. 23-24 (1947): pp. 61-64.
[4] Sobrino Lorenzo – Ruza, R. (1947). p. 61.
[5] Neste plano de situación aparece sinalizadas con tres puntos as localizacións da zona de Mallos.
[6] Núñez sobriño, Ángel. “Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza (1915-1959): El trayecto vocacional de un arqueólogo”. Pontevedra: Revista de estudos provinciais, nº 21. (2006).  “29 de Febrero de 1948 – Estuve en Mallos (Teo) viendo nuevamente los petroglifos que conocía”.
[7] Soto Barreiro, M.J. “Los petroglifos prehistóricos de la comarca compostelana”, Universidade de Santiago de Compostela , Tese de Licenciatura inédita. 1986.
[8] Lestón, M. “Catálogo de Xacementos arqueolóxicos do Concello de Teo“. Dirección Xeral de Patrimonio, Xuño – xullo 2001 (Revisado no ano 2006). Código no Catálogo: ga15082079
[9] http://es.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=3242458
[10] Entre os participantes figuran varios membros da familia propietaria da parcela onde fica o petroglifo.
[11] López Ferreiro, Antonio. “Historia de la Santa Apostólica Metropolitana Iglesia de Santiago de Compostela”. Santiago, 1898-1909. Imprenta y Encuadernación del Seminario Conciliar Central. Tomos I a XI.
[12 Maceira Gago, Antonio M. “O Arciprestado de Ribadulla”. Fundación Caixa Galicia. A Coruña. 2001
[13] http://www.cervantesvirtual.com/obra/nota-con-la-copia-del-texto-de-la-inscripcion-funeraria-del-obispo-nausto-que-fue-enterrado-en-la-iglesia-de-san-andres-de-trobe/
[14] Bouza Brey, Fermín. “Lauda sepulcral de Nausto Obispo de Coimbra”. Estudios sobre la monarquía asturiana, Oviedo 1971.
[15]Nausto finou o 21 de decembro do ano 912.
[16]Sucedeu o martírio en Córdoba o 26 de xuño do ano 925.
[17]Outros autores a sitúan no lugar da Insua en Luou.
[18]O topónimo “estivada” fai alusión o proceso que consiste na roza, queimado e a posterior preparación dun anaco de monte para ser cultivado con trigo ou centeo. As ortofotos do vó americano de 1956 amósanos a parcela nunha zona adicada a este tipo de produción agrícola.

4 pensamentos sobre “Os Petróglifos de Mallos en Santa María de Teo

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.