Gargamala, continúa imparable a destrución do noso patrimonio arqueolóxico


Contexto xeral

Estamos perante unha das áreas arqueolóxicas con arte rupestre de maiores dimensións do interior de Galicia. Medio cento de petróglifos e unha necrópole megalítica situada nos montes da parroquia de Santa María de Gargamala na zona norte do concello de Mondariz, linde natural coa Serra do Suído.

Presentan un amplo repertorio de motivos abstractos ou xeométricos, mais tamén puidemos  constatar a presenza de novos motivos naturalistas ata agora pouco estudados en polo menos tres estacións.

Zoomorfos de pequenas dimensións, representados de dúas maneiras ben diferentes, por unha parte dúas laxes con deseños de cuadrúpedes moi esquemáticos, realizados con apenas uns simples trazos para representar corpo, cabeza e extremidades e, por outro, un cervo con gran detalle (fundamentalmente na representación da súa cornamenta) localizado recentemente nunha das laxes situadas a maior altitude. 

Entre as rochas con motivos naturalistas destacan polo seu amplo número de gravuras e polas dimensións das figuras as Laxes do Esperón, O Campado 2 e 3 e os Rochos 1, por citar só as máis coñecidas.


Vista xeral da paraxe do Campado (Gargamala – Mondariz)

A localización das diferentes estacións segue a tendencia doutras áreas arqueolóxicas do grupo galaico pois, salvo pequenas excepcións, sitúanse a media ladeira. A pesar da aparente dispersión na paisaxe si semellan seguir unha aliñación NO-SE delimitando a vía de tránsito natural a media altura do val, distribuíndose fundamentalmente en pequenas chairas na contorna de abundantes mananciais.

Salienta a intervisibilidade das diferentes laxes aínda que non dos gravados pois dominan os paneis insculturados á rentes de chan. O último incendio forestal que arrasou a vexetación da zona facilita esta identificación visual dos diferentes afloramentos graníticos con insculturas.

Un lume que como acostuma xogou un dobre papel, por unha banda provocou importantes danos e alteracións en diferentes grados na gran maioría dos petróglifos, sendo claramente visibles os efectos da termoclastia en moitas delas, e, por outro lado, facilitou a descuberta de novos petróglifos e novos paneis en laxes xa rexistradas. Na propia visita localizáronse novas estacións, como unha curiosa laxe exenta volteada que presenta varios aneis insculturados nun petón.

Laxe exenta con aneis e coviñas

Crónica dunha xeira polos montes de Gargamala

A pesar de ‘musealizacións puntuais’ realizadas nas últimas décadas nalgúns puntos do territorio galego  (p.ex. A Caeira, Campo Lameiro ou Tourón), a crúa realidade con que nos atopamos é que moitos dos grandes núcleos de arte rupestre do país seguen a ser irremediablemente danados, e moitos petróglifos seguen a desaparecer sen que, a miúdo, nin sequera saibamos da súa existencia.

 Foi nun día chuvioso e frío de finais do pasado mes de novembro cando nos diriximos a un dos grandes sitios de Galicia en canto a arte rupestre se refire, Gargamala. Nos seus montes agóchanse ducias de laxes, pedras e bloques decorados, nunha contorna moi afectada polos lumes nos últimos anos.

Dous dos grandes (e pouco recoñecidos, todo sexa dito) descubridores de arte rupestre do noso país, Pepe Buraco e José Cándido, fixéronnos saber da existencia de novas laxes insculturadas nun dos extremos da extensa área de monte que contén os famosos e xa catalogados (pero moi descoidados) petróglifos de Gargamala.

O labor en pro da investigación da arte rupestre galega e portuguesa destes homes é inmenso, xa que son eles os que atoparon moitos dos gravados ata agora descoñecidos polos investigadores ou redescubriron aqueles que ficaban perdidos.

Un dos poucos cuadrúpedes recoñecibles en Gargamala           

Velos subir con asombrosa axilidade polos numerosos cumios para atopar, sen a axuda técnica de GPS, os recunchos de pedras ennegrecidas polo lume que aínda manteñen restos de gravados, é algo que debería inspirar o resto dos cidadáns e que ennobrece unha tarefa, que eles fan, na nosa opinión, por ‘amor á arte’ (literalmente).

Iamos con cautela, pois sabiamos que era unha zona moi castigada polos lumes acontecidos no verán. Para entrar no recinto abrimos con coidado a cancela que pecha o monte e un dos mastíns que coida o gando, desde o alto, xa parecía mirarnos con cara triste e desesperada.

A case totalidade do monte onde se sitúan os petróglifos de Gargamala está cuberto de cinzas e de lama negras, xunto con miles de esqueletos de árbores queimadas.

Unha paisaxe apocalíptica que tamén revela, de forma vergoñenta, o pouco respecto que lle teñen ao monte algúns dos seus usuarios.

É ben sabido que os lumes que tanto tempo levan asolando o territorio galego e portugués nos últimos anos, e que se van volvendo cada vez máis brutais e mortíferos debido as alteracións climáticas, teñen efectos devastadores non soamente para a flora e fauna senón tamén para todo o que o lume se atopa diante, no noso caso, os petróglifos.

Moitas das laxes, por non dicir a práctica totalidade das que visitamos, están ennegrecidas polo lume; algunhas (incluíndo os paneis grandes e máis coñecidos) xa amosan desconchados moi serios que, en pouco tempo, quizais nun par de anos, se desprenderán, facendo desaparecer uns gravados que, ata agora e desde hai posiblemente 4000 anos ou máis, estaban relativamente ‘seguros’ no seu emprazamento e eran ben visibles para o visitante e para os afortunados habitantes das aldeas de Gargamala a arredores.

Os petroglifos danados xa nunca se volven a recuperar
Evidencia clara de desprendemento e perda de gravados pola termoclastia

Cómpre que fagamos, unha vez mais, un chamamento á poboación en xeral e ás autoridades para que non deixemos que o noso patrimonio desapareza en poucos anos debido a indiferenza dalgúns e o descoñecemento doutros.

Belos motivos cobren unha rocha que parece resistirse a desaparecer nun entorno salvaxemente devastado
Fantásticas combinacións circulares de 1 m 20 de diámetro nunha paisaxe ennegrecida recentemente

Como indican os numerosos paneis dos montes de Gargamala (máis de 30, en todo tipo de rochas, algunhas moi pequenas), a beleza da arte rupestre galega é un patrimonio material que debe ser respectado e coidado.

Paisaxe apocalíptica nunha terra rica nun patrimonio que esmorece lentamente

É así que para a súa preservación, faise necesario advertir á poboación da súa fraxilidade e concienciala das consecuencias que provocan os lumes forestais, a erosión do gravado.  

Ao estaren estes petróglifos en territorio altamente inflamable, é necesario tomar unha serie de medidas preventivas (mediante rozas antes do verán ou a eliminación de plantas arbustivas e de árbores pirófitas, por exemplo) para que non deixemos que os lumes futuros acaben destruíndo os petróglifos ‘menos célebres’ que están espallados polo territorio e que, lembremos que están xa catalogados e son coñecidos polas autoridades.

O maior panel de combinacións en Gargamala tampouco escapou aos danos e mostra desconchamentos en varios motivos.

Unhas medidas mínimas que non son custosas nin complicadas, que son de sentido común, e que, sen dúbida, toda a sociedade agradeceriamos.    

Outro dos grandes paneis que, semi-soterrado, aínda sobrevive…pero ata cando?        

Colectivo A Rula, nadal 2018

Para saber máis:

Bibliografía:

  • Costas Goberna,F.J; Novoa Álvarez, P & Albo Morán, J.M. “Los grabados rupestres de Gargamala (Mondariz) y el grupo IV del Monte Tetón en Tebra (Tomiño), provincia de Pontevedra. Castrelos 3-4, de la Revista Museo Municipal “Quiñones de León”. Vigo, España, 1991
  • Van Hoek, M. “Arte rupestre en Gargamala (Mondariz)”.  Castrelos 11,de la Revista Museo Municipal “Quiñones de León”. Vigo, España, 1998.
  • Galería de imaxes dos petróglifos de Gargamala:
  • Modelos 3d dalgúns dos petróglifos visitados en nadal de 2018

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.