As pegadas de San Simón de Ons


Localización e descrición

Dende a aldea de Requián na parroquia de Cacheiras, Concello de Teo, parte un antigo camiño de terra que nos achega ata unha pequena pontella de pedra sobre o Rego das Laxes. (coordenadas Utm: 29 T 535534 4740800)

Localización da laxe

No medio deste regato, que sirve de linde entre as parroquias de Cacheiras e Recesende, atópase esta curiosa peneda con unhas dimensións de 6,7 m no eixo N-S por 2,8 m no eixo E-W. Trátase dun con granítico no que no verán se forman pequenos cadoiros nos extremos e fica case somerxido coas enchentes de inverno e primavera.

Localización no plano da concentración parcelaria

A rocha elévase sobre o seu contorno máis inmediato e presenta, como únicos motivos, dous rebaixes en forma de pé situados na zona central, xusto na superficie máis elevada e plana da laxe. As “pegadas” insculturadas en baixo relevo non parecen ser produto da natureza senón dun feito antrópico. Unha delas é un pouco maior ca outra, a maior mide uns 20 x 8 cm e a outra uns 16 x 7 cm, e teñen uns 3 cm de profundidade. Semellan representar dous pés, un pé esquerdo orientado ó NW e un pé dereito orientado ó N, que non presentan as dixitalizacións das dedas polo cal serían representacións de pés calzados.

Non é doado precisar a súa cronolóxica pois son os únicos motivos representados e dificilmente podemos establecer a súa periodización histórica. Porén, a súa forma os vincula ós chamados “petróglifos de podomorfos” que localizamos noutros puntos de Galicia e Portugal. Gravuras asociadas a importantes manifestacións de carácter socio – relixioso e as lendas e folclore local, sendo tamén importantes fitos delimitadores do territorio, tal como acontece nas Pegadas de “San Simón”, padroeiro da parroquia de Cacheiras. Outros investigadores os teñen relacionado con certos rituais de investiduras de xefes locais de tradición celta (García Quintela y Santos Estévez, 2001).

A redescuberta

A laxe era coñecida por algúns veciños/as das aldeas próximas de Casaldomiro e Requián, mais foi no ano 2012 cando un dos seus veciños, Tomás Seone, informou da súa localización á Concellería de Cultura que nese intre dirixía Carme Hermida.

 

Iniciouse entón un proceso de valorización deste ben cultural coa roza e limpeza da parcela que é de titularidade municipal. Nese intre o concello chegou a organizar varias visitas guiadas para dar a coñecer este enclave patrimonial ós veciños e incluso instalou un panel informativo. Lamentablemente as cousas mudaron e arestora a parcela está novamente oculta pola vexetación e os vándalos acabaron cos paneis. Segundo nos informaron os técnicos municipais semella que existe un novo proxecto para súa posta en valor que agardemos teña maior éxito e garanta a súa continuidade no futuro.

Imaxe da visita realizada polo Concello de Teo no ano 2102

O traballo de catalogación realizado pola empresa Horizonte Norte coa colaboración da Rula e co financiamento da Dirección Xeral de Patrimonio a finais do ano 2016 permitiu a súa catalogación (GA15082111) e inclusión no actual Plan Básico Autonómico a expensas da súa futura inclusión no inventario patrimonial do PXOM teense.

A lenda de San Simón

Como sinalamos esta paraxe é coñecida polos veciños/as máis vellos/as do lugar dende tempos inmemoriais que a relacionan con toda unha serie de lendas e rituais. Segundo nos contan, as pegadas gravadas pertencen unha a San Xoan e outra a San Simón, que chegaron xuntos ó lugar e alí separáronse quedando un pé de cada un gravado na rocha.

Unha lenda que, con diferentes matices, aparece recollida tamén en varias novas de prensa dos anos noventa.

Outra versión da lenda foi recollida pola concelleira de Cultura, Carme Hermida:

cando os santos andaban polo mundo en busca de parroquias ás que atender, un día chegou San Simón a este lugar. Mentres o seu cabalo bebía no río, el colocouse enriba dunha laxe para contemplar a paisaxe. San Simón deu en pensar que aquel era bo sitio para quedar, pero tiña un inconveniente: as parroquias da redonda xa estaban ocupadas, por San Xoán, a de Recesende, e por Santa Marta, a de Cacheiras. Finalmente, tanto lle gustou o lugar que non lle importou compartir a parroquia. E posto a elixir, optou por irlle facer compañía a Santa Marta, que lle pareceu máis agradable” (extraído do antigo cartel informativo desaparecido).

O propio párroco de Recesende e Cacheiras describíu o penedo nunha ficha do inventario de bens patrimoniais de 1980 que remite ó Concello e que o describe do seguinte xeito:

losa natural en Recesende, conocida con el nombre de los pasos de San Simón. Consiste en unas huellas parecidas a pasos humanos, de la que existe unha tradición – leyenda de que al venir los patronos de las parroquias de Cacheiras y Recesende, San Simón y San Juan Bautista, se separaron en ese lugar, cada uno a su lugar dejando allí las huellas de su separación”.

Esta referencia á laxe subliña a importancia que o propio crego outorga a este elemento patrimonial ó proporcionarlle o mesmo valor que ós cruceiros e petos de ánimas da parroquia.

Pola súa banda, o etnógrafo de X.M. González Reboredo[1] destaca que o penedo

serve para reforzar esa diferenciación Cacheiras / Recesende […] desta maneira, mediante esta manifestación lendaria da vontade dos propios santos titulares, con referente físico na mesma fronteira parroquial, refórzase a idea de que ambas entidades manteñen a súa diferenza orixinaria”.

Todo isto a pesar da reforma parroquial do ano 1867 que establecía a supresión da parroquia de San Xoán de Recesende, anexo de San Simón de Ons, ficando reducida a ermida. Como aconteceu noutras parroquias teenses esta supresión nunca chegou a producirse na práctica.

Outro feito curioso é que o “santo” titular da parroquia de Cacheiras, o abade San Simón de Ons, que dá nome á laxe e preside o retablo da igrexa, nada ten que ver co San Simón do santoral católico. Como recolle o cardeal Jerónimo del Hoyo nas súas memorias no ano 1607,

Este San Simón no es el apostol sino un confesor, cuya fiesta se celebra a veinte y nueve de Julio […], está en el altar mayor como abad, con hábito blanco y negro, como fraile dominico”.

A fonte de Ons

Moi cerca da pena (uns 5 metros ó S) atópase tamén unha mina da auga que agroma entre as rochas chamada a “fonte de Ons”. Segundo a tradición local de aí xurde o alcume da parroquia “San Simón de Ons”.

Fonte de Ons

Esta fonte, como acontece noutras partes de Galicia, esta relacionada coas lendas, supersticións e costumes da noite de San Xoán e concretamente con aquelas que falan de mouras, vellas e meigas que saen nesta noite máxica as beiras das pozas e ríos. Segundo narran os veciños/as de Requián as meigas lavábanse espidas en Ons polo San Xoán para renovar o seu poder. Nese momento non podían ser vistas por ninguén baixo pena dunha forte maldición. Segundo recolle tamén Carme Hermida:

parece ser algún veciño de Recesende armouse de valor e, sendo novo, tivo a ousadía de ir espreitar as meigas esa noite. No día seguinte apareceu cargado de piollos dos que moito lle custou desfacerse e nunca puido falar do que alí vira”.

As pegadas de San Simón, patrimonio material e inmaterial teense

Este pequeno enclave da parroquia de Cacheiras só permanecía na memoria dos nosos maiores, mais a súa recuperación permitiría poñer en valor un lugar cheo de encanto natural e tradición, boa mostra do rico patrimonio cultural teense que recrea a orixe mesma da parroquia de Cacheiras.

Cómo chegar no wikiloc:

https://es.wikiloc.com/rutas-a-pie/as-pegadas-de-san-simon-de-ons-cacheiras-teo-30716366


Notas:

[1] X.M.González Reboredo: “A parroquia en Galicia: unha ollada etnográfica dende as Festas”, En: A parroquia en Galicia, pasado, presente e Futuro. VVAA. Xunta de Galicia, 2009

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.