Nestes estraños días que estamos a vivir un dos nosos socios localizou nun dos seus desprazamentos laborais habituais unha mámoa situada no sitio nomeado da Cruz de Angueira, na parroquia de Lucí (concello de Teo), unha vez que os seus propietarios fixeron tarefas de limpeza e roza deste terreo de monte de 24.288 m2

Datos de localización da mámoa e descrición somera
Coordenadas UTM: 29 T 535979 4738821 (Datum: WGS 84)
Parcela: R.C. 15083A515017600000KH – Polígono 515 P.1760
Descrición
Logo da limpeza deste terreo chairo de monte situado á beira da estrada CP-0205 (Ramallosa – Luou) a visualización da mámoa é sinxela. O túmulo, na zona central e leste da parcela, ten uns 26 m de diámetro, cunha elevación dun metro e medio e con cono de profanación moi colmatado. Non observamos restos de coira visibles nin estruturas pétreas.

Logo de revisar o inventario patrimonial do pxom teense e a planimetría do PBA (Plan Básico Autónomico) comprobamos que este elemento patrimonial non figura catalogado e, aínda que moi próximo, figura tamén fóra da área de protección e amortecemento doutros elementos patrimoniais situados na contorna, concretamente dos xacementos do Monte do Pego 1 e 2 ó leste e do xacemento da mámoa da Lagoa e mámoa do Agro do Muiño ó oeste. A mámoa localizada estaría situada xusto no centro desta área arqueolóxica, mais non consta nas fichas nin nos planos consultados.
É significativa a súa proximidade co xacemento do Monte Pego 1 que foi localizado durante os traballos de sondaxes previos ó inventario patrimonial teense (2006). Os técnicos da empresa Adobriga localizaron nesta área ata 85 fragmentos de cerámica de clara adscrición prehistórica, probablemente da Idade do Bronce. Este xacemento localizado como consecuencia da apertura dunha pista de concentración parcelaria esténdese a ambas marxes da sinalada pista durante más de 150 metros do punto establecido na actual planimetría do inventario patrimonial do PXOM e PBA (Plan Básico Autonómico). Neste sentido, cremos que podería haber unha relación entre ambos xacementos.
Achegamos este informe urxente á Dirección Xeral de Patrimonio e ó concello de Teo para que procedan a súa pronta valoración para a súa inclusión no inventario patrimonial, o mesmo tempo que ordenen a paralización preventiva das obras de repoboación forestal iniciadas esta semana en canto non se estremen as medidas de cautela necesarias e se garanta o seguimento dos citados traballos por parte dun técnico cualificado.
porque non hay unha foto da mamoa? so fotos dende o lonxe
A mámoa é o que se ve. Non ten restos de cámara dolménica á vista, e non tódalas mámoas teñen cámaras pétreas no seu interior. Sen unha escavación arqueolóxica pouco máis se percibe que o túmulo.