Asociación cultural de divulgación e protección de arte rupestre
As primeiras letras teenses
No ano 1988 máis de catro mil persoas participaron en Lampai na “I Festa da Cultura de Teo”. O pregoeiro daquela multitudinaria festividade foi o profesor e arqueólogo Fernando Acuña Castroviejo. Na súa intervención resaltou o importante pasado histórico desta parroquia do suroeste teense, fronteira natural coas Terras de Iria. Os acontecementos presentes fixeron que as entidades asociativas e o tecido cultural teense volvan a unirse para celebrar unha “I Festa virtual das letras teenses” na que “homenaxear e valorizar as letras de Teo”. Queremos aproveitar o convite para reivindicar os “primeiros escritos teenses” e outros vestixios culturais desta parroquia de Santa María de Lampai, tal como antes fixera o desaparecido e admirado profesor vedrés afincado en Teo.
Marco de Porto, Lampai
Dende a súa orixe, as terras que actualmente forman o concello de Teo estiveron ligadas á historia da cidade de Compostela e a súa mitra, sendo protagonistas de antigas crónicas e lendas xacobeas. Foron escenarios de batallas contra os viquingos, acubillo para raíñas e relixiosos e encrucillada de antiquísimos camiños que recollen os trobadores composteláns nas súas cantigas (Cancioneiro de Joan Airas).
Porén, a parroquia de Lampai como a revista “Unión de Teo y Vedra” (UTV) sinalaba hai xa case un século
“es la feligresía de Teo de más tradiciones históricas que pueden contribuir al esclarecimiento del pretérito de Galicia”.
Boa mostra da fonda pegada que deixou o Medievo nesta parroquia son algunhas construcións espalladas polo seu territorio: a fermosa igrexa románica e mosteiro agostiño de Santa María de Lampai, construídos en tempos de Xelmírez; a residencia dos arcebispos composteláns no lugar de “Vilar do Bispo” nomeada nas memorias do Cardenal del Hoyo (1609); ou o desaparecido convento de San Paio na aba do Monte Beitureira, no que os Condes de Altamira recadaron os seus impostos ata ben entrado o século XVIII.
Vista aérea da aldea de Mosteiro en Lampai_AMT_F. UAVGalicia
Entre os primeiros escritos teenses destacamos, con “letras maiúsculas”, os caracteres gravados nos marcos da antiga “villae” de Pedrouso – Lampai, que delimitaban os terreos doados en 1156 polo monarca Afonso VII (1105 – 1157) ao seu vasalo Sancho Eanes en agradecemento aos seus servizos. Esta doazón foi confirmada nun documento do 29 de novembro dese mesmo ano incluído no Tombo B (folio 222) que conserva o Arquivo – Biblioteca da Catedral de Santiago de Compostela.
O marco 1 do Couto de Lampai é o máis representativo deste excepcional acoutamento medieval. É o único dos catro coñecidos que está gravado por tres das súas caras. Foi a principios deste século cando varios investigadores deron a coñecer estes marcos no ámbito académico, mais as “excursións” ás beiras do Rego do Tarrío e dos seus muíños da veciñanza de Lampai para visitar esta pedrafita xa se documentan nos anos vinte e trinta do pasado século. Non coñecían o seu verdadeiro significado pero eran fitos importantes na paisaxe da parroquia
“hay vestigios de que por esta feligresía atravesaba una importante vía romana, en la línea divisoria del ayuntamiento de Teo con el de Padrón existe un miliar con inscripciones al parecer, visigóticas, que dan fe de esta vía” (UTV 1935, núm. 300)
A veciñanza de Lampai nunha excursión ao marco de Lampai, 1935. UTV, núm. 300
O ano pasado o goberno municipal de Teo conectou nunha ruta arqueolóxica os principais elementos patrimoniais das parroquias de Calo e Luou. Agora propoñémoslles a creación dunha nova ruta que conserve, recupere e dea coñecer o importante legado medieval que atesouran estas cinco aldeas de Lampai.
Alédanos poder participar neste programa que recoñece a obra dos escritores teenses e lembrar estes primeiros textos teenses do marco de Lampai, herdanza dun monarca galego (Compostela, 1111) e posterior “imperator totius Hispaniae” (León, 1154).
[…] A Rula, “As primeiras letras teénses”, […]