Unha nova ara romana ao deus Xúpiter e un entrelazado de nós castrexo en San Vicente de Fervenzas, Aranga, A Coruña


No lugar da Igrexa da parroquia de San Vicente de Fervenzas todo se ordena ao redor do seu templo parroquial e, para comprobar esta afirmación só se precisa atender ao seu topónimo, A Igrexa. Hoxe en día, o templo presenta unha sinxela fisionomía propia do noso barroco rural, pero que aínda conserva interesantes elementos arquitectónicos memoria de períodos anteriores, como son os casetóns renacentistas que decoran a súa portada, un canzorro con decoración xeométrica, a cruz cumial (cruz antefixa, de brazos con remates flordelisados) soportada por un curioso agnus dei e outros vestixios da construción románica orixinaria conservados na cabeceira. Unha destas estruturas conservadas da fábrica románica é o muro testeiro. Aberto por unha longa e estreita ventá seteira conserva ademais unha interesante peza dunha cronoloxía anterior na que non nos deteremos polo momento.

Imaxe da ara descuberta con iluminación artificial

As últimas reformas de importancia realizadas no templo desenvolvéronse no ano 1967. Durante estes traballos localizouse baixo o altar unha ara romana dedicada a Xúpiter que, na actualidade, se conserva no Museo das Mariñas de Betanzos. Esta descuberta serviu aos estudosos das vías romanas como a confirmación do paso dunha vía secundaria da Vía XX per Loca Maritima polo lugar da Igrexa de San Vicenzo de Fervenzas.

1ª Ara localizada en San Vicenzo de Fervenzas. Reconstrución fotogramétrica

A esta ara dedicada a Xúpiter únese agora a descuberta dunha segunda ara no entorno inmediato do templo. Soubemos dela grazas a propietaria da casa onde apareceu Beatriz Regueira, á que desde aquí agradecemos a súa amabilidade ao permitirnos estudala. Facemos, a continuación, unha primeira aproximación a esta interesante peza.

Imaxe da ara a carón do lugar no que foi atopado

A Ara de Severus a Iovi Optimo Maximo

A ara localizouse no interior da casa máis próxima á igrexa, unha construción tradicional en pedra que na actualidade está en situación ruinosa, a uns 70 metros ao norte do templo. Estaba colocada ca cara gravada cara arriba sobre o chan inmediato ao limiar da porta.

É unha pedra rectangular de granito de gran medio/groso. Os extremos teñen bordes irregulares que fan pensar en que a peza non se conserva enteira, sendo máis evidente no extremo inferior ao afectar á inscrición e presentar un borde moi irregular. Non se conserva o basamento, así como tampouco o habitual foculus na superficie superior. Só presenta unha das súas caras gravadas. Ten unhas dimensións de 62,5 cm de alto por 32,5 cm de ancho e 12 cm de profundidade.

Reconstrución fotogramétrica da ara romana

O campo epigráfico aparece delimitado por arriba cunha moldura marcada por dúas liñas horizontais que separan un espazo superior decorado do espazo epigráfico. Trátase dunha decoración en forma de V invertida de feitura irregular que semella formada por dous arcos conopiais que só puidemos confirmar ca axuda das técnicas de reconstrución fotogramétrica. Non conserva a moldura delimitadora inferior do campo epigráfico.

Consérvanse tres liñas epigráficas, a última delas incompleta por mor dunha fractura na esquina dereita. Os caracteres teñen unhas dimensións e feitura uniformes. Propomos a seguinte transcrición:

IOM

SEVER

VS A

Consérvase só o nome do oferente, SEVERUS, e o da divindade a que se lle dedica, IOVI OPTIMO MAXIMO, non conservándose a fórmula votiva ou cando menos incompleta. No que respecta ao nome Severus este repítese en ata 160 inscricións na Península Ibérica, documentándose ata en 11 ocasións en Galicia, segundo a base de datos de Hispania Epigraphica.

Reconstrucción fotogramétrica do entrelazado castrexo

O entrelazado de nós castrexo

Se o interese polo lugar da Igrexa de San Vicenzo de Fervenzas aumenta coa descuberta desta segunda ara temos, ademais, o interesante elemento reempregado conservado no muro testeiro da igrexa que identificamos cun fragmento de plástica castrexa, o primeiro exemplo deste tipo coñecido na provincia da Coruña.

Imaxe do entrelazado no muro testeiro da igrexa

Consiste nun entrelazado de nós da mesma tipoloxía que os localizados no sur de Galicia, norte de Portugal e Asturias, en Fontefría (Amoeiro), Castro de Rubiás (Bande), Castro de Medeiros (Monterrei), Santa Trega (A Guarda), Monte Castrelo de Pelóu, (Grandas de Salime, Asturias), Estela de Los Duesos (Caravia, Asturias), Castro de Corón de Valdemazán (Bierzo), Cividade de Âncora (Cividade de Afife ), Castelo de Vermoim (Famalicão) e tamén na ourivería, como na Diadema da Vega de Ribadeo, na Diadema/Cinturón do tesouro Bedoya ou no Torques de Vilas Boas (Vila Flor, Chaves), así como tamén atopamos motivos similares nun contexto cultural posterior, na arte románica.

Relevo do Castro de Rubiás. Actualmente no Museo Arqueolóxico de Ourense

As características deste entrelazado de Fervenzas garda un gran parecido co exemplar de Fontefría, tanto o deseño como o altorrelevo destacado de formas redondeadas. Tomando de base a forma de S como é habitual, confórmase unha estrutura de 3 x 3 círculos que se comunican entre si conformando unha figura romboidal un tanto redondeada no centro, a imaxe do deseño de Fontefría onde as figuras centrais son máis angulosas, sendo o exemplar de Fervenzas un modelo simplificado, toda vez que dos ángulos superior e inferior dos rombos centrais no exemplar de Fontefría “colgan” dous nús mentres que no de Fervenzas é só un.

Imaxe xeral da cabeceira da igrexa

O entrelazado está gravado sobre un perpiaño alongado de granito, ocupando unha posición desprazada cara un dos extremos, que presenta un borde irregular e no extremo esquerdo un rebaixe, que fai pensar na posibilidade de que se trate dunha xamba, correspondendo o rebaixe ao lugar de unión co lintel.

Relevo castrexo de Fontefría

O cruceiro gótico de San Vicenzo de Fervenzas

O último elemento do lugar que chamou a nosa atención foi o soberbio cruceiro gótico situado ao carón da “Casa da ara”. Pola súa antigüidade forma parte dun selecto grupo de cruceiros, en torno a uns vinte, considerados como os máis antigos do país. Ademais, polos seus valores estético artísticos ocupa un lugar destacado entre eles. O varal e plataforma son modernas. No varal está gravada unha data, 1863, data dunha posible reconstrución.

A Virxe co Neno no cruceiro de Fervenzas

É unha cruz latina cos brazos decorados con dentes de serra nos bordes e un nervio central liso, rematados nunha flor de catro pétalos cun botón central. Nun dos lados un Cristo de ollos amendoados e, a ambos lados, a Virxe, San Xoán e un penitente axeonllado. Enriba, un anxo portando unha coroa suspendida sobre a cabeza do crucificado. No outro lado, baixo unha umbela, a Virxe con coroa sentada e, no seu regazo, o neno Xesús. Na súa beira dereita aparece a pequena figura dun penitente. Descoñécese a orixe deste cruceiro, mais entre os veciños circula a historia da doazón dunha cruz por parte do Mosteiro de Sobrado a cambio dunha misteriosa pedra. Lamentablemente

San Vicenzo de Fervenzas na antigüidade

O río Fervenzas nace nas vertentes orientais do Monte do Gato e desemboca no río Mandeo, xa en terras do concello de Coirós, despois dun curto pero rápido percorrido en dirección noroeste con numerosos saltos de auga que lle dan o seu nome. Conforma un estreito val que foi empregado desde antigo como vía de tránsito. Especialistas como Rosa María Franco Maside sitúa alí o trazado dun ramal secundario da Vía XX Per Loca Maritima.

Claras evidencias da súa importancia loxística en época romana son o vestixios arqueolóxicos, as estelas e aras localizadas na actual comarca de Betanzos, as estelas funerarias de Fisteus en Curtis, a de Mazarelas en Oza-Cesuras, as de Recebés e Espenuca en Coirós, a de Grandar en Vilarmaior e as aras de Perbes en Miño, San Vicente de Présaras en Vilasantar, a da capela de San Salvador de Pereira.

Cruz cumial da igrexa de San Vicenzo de Fervenzas

E en San Vicenzo de Fervenzas? Pois cabe a posibilidade que tanto as dúas aras como o entrelazado proveñan do próximo castro das Cotorras, un castro de boas dimensións e impresionantes defensas, ou ben, que no lugar que na actualidade ocupa a igrexa parroquial existiu previamente un templo ou santuario cuxa existencia confirman estes elementos, opción pola que nos inclinamos, xa que se analizamos o xeito en que dúas destas pezas foron reutilizadas ocupando espazos cheos de significado, a ara como base do actual altar da igrexa e o entrelazado castrexo no muro testeiro da mesma, empregando elementos de tempos pretéritos a modo de estratexia de lexitimación, nun proceso de “invención da tradición” testemuñada en moitos templos cristiáns galegos.

É por isto que consideramos de gran interese un estudo en profundidade da contorna inmediata da igrexa de San Vicenzo que teña por obxecto determinar se no lugar houbo un asentamento de certa importancia no período da dominación romana. Ao carón da igrexa consérvase a cimentación da casa reitoral que arruinada aínda se conservaba non hai moitos anos e que, a pesares de ter protección legal foi case completamente desmantelada. Este podería ser un bo lugar para comezar este estudo que propoñemos.

Agradecementos

Na actualidade, Bea Regueira, a propietaria ten notificado a descuberta á Dirección Xeral de Patrimonio e está a espera do seu depósito no Museo das Mariñas de Betanzos. Desde aquí agradecémoslle a súa responsabilidade e xenerosidade ó recuperar un pequeno anaco da nosa memoria colectiva, e estar convencida de que se trata dun ben que pertence a todos nós. Esperamos que o seu actuar sexa recoñecido e, como indica a lei, reciba o seu merecido premio.

Tamén queremos agradecer a Aranza González Rodríguez a súa participación nesta descuberta e o feito de acordarse de nós para estudala.

Bibliografía

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.