A Pedra da Patada da Mula e a Mámoa da Moa do Zapateiro de Coristanco


No Colectivo A Rula sentimos especial devoción polos espazos onde os patrimonios inmaterial e material conflúen. As lendas e tradicións que preservan as penedas, os ríos, as pozas, as fontes, os montes…, son referentes esenciais que conectan a diferentes xeracións dunha mesma comunidade, conformando unha memoria colectiva, a da transmisión oral de coñecementos, valores culturais, prácticas e saberes de pais a fillos, que contribúen a valorizar estes bens culturais, alén do seu valor material.

Facer dunha peneda un patrimonio vivo que involucre a unha comunidade na súa valorización é o mellor xeito de garantir a súa conservación futura.

A Pedra da Peneda da Mula. Modelo fotogramétrico

Hai uns dez anos, logo dun roteiro cultural pola contorna da mina de Varilongo (antigo “Val Longo” dos documentos medievais) organizada pola Asociación Pedra Vixía da Costa da Morte, tivemos a ocasión de degustar no Restaurante Casa Pastoriza de Cuns o seu prato estrela, o cocido. Toda unha experiencia culinaria que recomendamos, unha sinfonía de sabores que con mestría partían dos fogóns que dirixía a cociñeira Placeres Álvarez.

Nas charlas da sobremesa, familiares dos propietarios e varios/as veciños/as, que compartían mesas no mesmo comedor, faláronnos por primeira vez da peneda da Patada da Mula. Chamounos tanto a atención a súa historia que quixemos ir vela e, Guiados por Manuel Mourelle e os seus fillos, achegámonos e conseguimos ver os restos da antiga corredoira da Santa, pero o mato impediunos acceder ata a “peneda da Patada”.

Hai tan só unhas semanas, Estefania Mourelle García, filla de Manuel, chamounos para avisarnos de que os accesos ata a peneda estaban limpos e, deste xeito puidemos retomar a vella historia que xa case tiñamos esquecida.

Pedra da Patada da Mula e vista da Mámoa da Moa do Zapateiro

A lenda

 

“Na parroquia de Cuns, concello de Coristanco, está a corredoira da Santa. No seu día, pasaron por este camiño 3 arrieiros con 3 mulas cargadas con sacos de millo que ían a aldea de Grixoa de Esternande. Esta aldea era moi pobre porque tiña poucos terreos para cultivar, era todo monte, por iso precisaban millo para facer broa, non tiñan para outro tipo de pan.
A mula máis pequena, que apenas podía coa carga, deu unha forte “patada” e deixou a marca dunha  ferradura sobre unha das penedas que hai na Corredoira da Santa.
Chámase así, porque por esta corredoira os veciños de Grixoa traían en profesión á Santa, a virxe do Portal, dende a igrexa e agardaban na peneda ós/ás veciños/as de Cuns que traían ó seu encontro a súa virxe, a Santa Margarida. Eran irmáns e atopábanse nesta peneda. Cando chovía moito ían a Grixoa para que escampara pero en épocas de forte seca acontecía o contrario, ían á igrexa de Cuns para que chovera. Dende aquela sempre tivo moito fama en Cuns a Corredoira da Santa e a peneda da Patada da Mula”.
Corredoira / Camiño da Santa. Mapa IGN (1940)

Así contou Digna Amado, avoa de Estefanía, a lenda da Patada da Mula. É unha historia que nos lembra as doutros sitios visitados noutras xeiras da Rula, como, na nosa comarca, a das Pegadas de San Simón de Cacheiras. Como sinala o etnógrafo X. M. González Reboredo,

“Estas manifestacións lendarias con referentes físicos na fronteira parroquial reforzan a idea de que ambas entidades manteñen a súa diferenza orixinaria”.

Hoxe en día a peneda segue a marcar o linde entre as dúas parroquias (Cuns Couso), á beira da desaparecida corredoira que unía o Vilar e Cuns. Sitúase na parte máis alta do monte cun amplo horizonte visual sobre a súa contorna.

Logo de procurar nas redes e nas bibliotecas só demos cunha referencia sobre esta antiga lenda. O mestre, xeógrafo e investigador salense, Evaristo Domínguez, recolle nunha das súas publicacións o referido relato e o relaciona co culto mariano. Achéganos estas dúas novas versións:

“O folclore fálanos de dúas virxes que eran irmás e que estaban nas parroquias de Esternande e de Cuns e que se levaban ata ese punto (a pedra da patada da Mula) para atrae-las chuvias ou para pedir que viñese o bo tempo, no punto de encontro das dúas imaxes que eran levadas alí en mulas quedou a marca da ferradura do animal. Outra versión fala de que Xesucristo ía coa Virxe e San Xosé e detrás deles os mouros perseguíndoos. Cambiáronlle as ferraduras ós cabalos, que quedaron alí debuxadas para despistar ós perseguidores”.

No mesmo traballo, o profesor Domínguez sinala a existencia dun antigo petróglifo de posible orixe medieval, relacionado coa lenda, formado orixinalmente por dúas ferraduras pero que os mineiros que traballaron na explotación do volframio gravaran algunhas máis. Porén, sinala que lamentablemente a pedra desaparecera a causa dos labores na mina.

A Romaría das Virxes de Cuns e Esternande de Grixoa deixou de celebrarse hai máis de 40 anos e só queda constancia da antiga Corredoira da Santa nos primeiros planos topográficos da comarca. As novas pistas da Concentración Parcelaria e os viais do Parque Eólico substituíron ós vellos camiños. Porén, permanece nun recuncho do Alto da Chousa dos Toxos esta Peneda na que se xuntaban os veciños de Cuns e Esternande para mudalo tempo.

Fogueteiros de Cuns na procesión da Santa. Arquivo Casa Pastoriza.Ca. 1960

Os gravados da Pedra da Mula

Guiados unha vez máis por Manuel Mourelle e os seus fillos Estefanía e Andrés accedemos polos viais do Parque Eólico Fontesilva ata unha parcela cunha recente plantación de eucaliptos. A pouco máis de 20 metros, á dereita do camiño, demos coa “Pedra da Patada da Mula”. Ó contemplala o primeiro que chamou a nosa atención era a grande cantidade de cascallos que había ó redor dela, froito das actividades dos mineiros, e os evidentes danos sufridos polos lumes e polo paso das cadeas nos traballos de reforestación. Se isto non fora suficiente alguén recentemente tivo a mala idea de gravar na peneda dous nomes “Mario & Nieves”.

Pensamos que poucos veciños/as lembrarán o emprazamento da pedra, polo que imaxinamos que ninguén tivo intención de protexela e menos os propietarios actuais do terreo que posiblemente descoñecen a súa presenza.

Situación

Coordenadas xeográficas: N43 07 25.5 W8 48 38.6

UTM: 29 T 515398 4774575

Maps: 43.12375, -8.81071

Altitude: 455 m.s.n.m

Descrición

É unha laxe situada a rentes do chan que apenas sobresae uns 20 cm de alto, cunhas dimensión xerais de 410 x 125 cm. Está dividida en dúas partes por unha diáclase. Destaca tamén unha curiosa veta de seixo branco no fondo da fenda que relucía co sol durante a nosa visita e. que, quizais no seu día, tamén chamou a atención dos gravadores e mediou na súa escolla. É unha rocha de granito de gran moi groso de rápida meteorización que resultaría, a priori, difícil de gravar. Os lumes forestais, as actividades mineiras e repoboacións forestais producidas nos últimos anos, poden explicar a situación actual da peneda, inxustamente maltratada. Isto explica que apenas sexan perceptibles os gravados dos que nos falaran os/as veciños/as relacionados coa lenda da Patada da Mula.

Plano de situación dos bens cos lindes parroquiais e municipiais

Tivemos, unha vez máis, que recorrer ás novas tecnoloxías para poder rexistrar os últimos restos dos gravados. As reconstrucións fotogramétricas e as fotografías con luz artificial si deixan constancia da presenza de polo menos media ducia de ferraduras, unha de maior tamaño cas outras, no medio de dous rebaixes cuadrangulares situados na parte central e máis prominente da peneda, na metade oriental da rocha (240 x 125 cm).

Fotogrametría onde se evidencian os rebaixes

Observamos que, posiblemente, no seu día os gravadores realizasen estes dous rebaixes previos para acondicionar un espazo plano axeitado para a gravación das diferentes ferraduras que están distribuídas no interior destas dúas “cubetas”, principalmente na situada na zona central da rocha. As imaxes obtidas ca luz rasante reflicten a presenza dun motivo en forma de U, unha posible ferradura, duns 20 cm que imaxinamos foi regravada en múltiples ocasións para facilitar a súa lectura. Ó seu carón, tanto á esquerda, na parte inferior, como sobre o citado gravado figuran os restos de polo menos cinco ferraduras máis, todas elas de menores dimensións (8-12 cm) e factura semellante.

Todos os motivos foron gravados con ferramentas metálicas e posúen suco con perfil en “V” de 2 cm de ancho e apenas 1 cm de fondo, no caso das mellor conservadas. É unha mágoa que o maltrato á laxe nestes últimos anos dificulte a visión dos gravados e súa posible valorización. O mal estado de conservación tamén complica a súa posible adscrición cultural mais a súa localización no linde entre as parroquias lévanos a sospeitar de que se trataría de gravados de termo posiblemente de época medieval que foron “reavivados” ata tempos recentes. Gravados históricos reintepretados polo maxín popular.

Completa o repertorio de motivos da laxe unha fileira de pequenas coviñas ordenadas de maior a menor tamaño na cimeira central da peneda e unha grande cazoleta na parte inferior da diáclase que divide as dúas partes da rocha. Esta cazola ten forma alongada duns 20 x 15 cm e case 10 cm de fondo. As marcas do desbastado co cicel para darlle forma son perfectamente recoñecibles e confirman a súa factura antrópica. Pensamos que a intención dos seus autores era simplemente funcional, posiblemente servir de soporte ou base para encaixar ou apoiar unha cruz profesional ou estandarte ou calquera outro obxecto que pousaran sobre a peneda o día da procesión.

A Mámoa da Moa do Zapateiro

Durante a visita a Pedra da Patada da Mula chamounos tamén a atención unha gran mámoa que ollamos ó SE. As súas enormes dimensións fíxonos dubidar se realmente sería un túmulo ou unha pequena elevación natural ou afloramento na chaira da Camposa, concretamente na zona da Camposa da Lagoa (O Vilar  – Coristanco) por onde transcorría o desaparecido camiño de Grixoa ó Vilar que reflicten os primeiros planos topográficos do IGN. A pesar da distancia, algo máis dun quilómetro, a pedra da Patada constitúe un magnífico miradoiro natural sobre esta zona que preside a chamada Mámoa da “Moa do Zapateiro” ou “Moa Zapateira” (GA15029043) que é a mellor conservada da necrópole megalítica de Monte das Medoñas que integran outras 4 mámoas máis e outra posible sen catalogar.  

Vista da Mámoa da Moa da Zapateira dende a Pedra da Patada da Mula

Porén, non é o único xacemento catalogado na contorna da peneda da Patada Mula, o elemento patrimonial máis próximo é outra mámoa, a Mámoa da Fonte da Cova (GA15029052), a pouco máis de 600 metros ó leste do outeiro. É un túmulo duns 20 m de diámetro con cono de violación de 2 m e 1/2 m de fondo moi afectado pola plantación de eucaliptos que non respectou a súa área de protección.

Mámoa da Fonte da Cova

Logo de visitar esta segunda mámoa regresamos ós coches para tentar visitar a necrópole do Monte das Medoñas. As novas pistas de concentración en bo estado permiten transitar cos vehículos ata as proximidades da Moa do Zapateiro. Se xa resultaba sorprendente ó lonxe, desde cerca a mámoa é aínda máis abraiante, tanto polo seu tamaño como pola súa boa conservación.

É un túmulo, que lembra a forma dunha “moa”, de máis 30 metros de diámetro e máis de 3 de alto. A pesar da abundante vexetación existente logramos acceder á cima e ollar o cono de violación dunhas dimensións de aproximadamente 2,5 m de diámetro e 1 de fondo. Os toxos impedíronos poder ver os posibles esteos da cámara que figuran referidos nun recente traballo asinado polos arqueólogos Lino Gorgoso e Fátima Sánchez sobre as Mámoas e Medoñas do Concello de Santa Comba.

O tamaño da Moa do Zapateiro contrasta co tamaño medio e pequeno da meirande das mámoas catalogadas nesta zona lindeira entre os concellos de Santa Comba e Coristanco, todas elas moi maltratas polo nulo respecto dos mineiros no seu día e pola actividade forestal na actualidade. A maquinaria pesada empregada na repoboación de eucalipto, e pino en menor medida, están a afectar enormemente ó estado destes bens patrimoniais. Os procesos de concentración parcelarias temperás, sen estudos de impacto arqueolóxico nese tempo, tampouco axudaron a preservar estes camposantos neolíticos e soterraron para sempre ós antigos camiños e corredoiras preexistentes. 

A Moa do Zapateiro, un elemento tan significativo na paisaxe, debía contar tamén con tradición oral asociada e localizamos no blog “Ventevindo” a seguinte lenda:

 

Conta unha señora da aldea do Vilar, de 98 anos que “disque alí había un zapateiro que compoñía zapatos (de aí o nome), Cando ela era nena, a rapazada que ía coas vacas para o monte, abrigábanse no burato do interior da medoña”.

Situación da Mámoa da Moa do Zapateiro

Coordenadas xeográficas: N43 07 11.4 W8 48 27.9

UTM: 29 T 515639 4774139

Maps: 43.11982, -8.80775

Altitude: 448 m.s.n.m

Datum: WGS 84

Panel explicativo coas características da Mámoa da Moa do Zapateiro. Imaxes Lidar e Arquivo Colectivo a Rula

Unha lenda peninsular

Esta lenda da Pedra da Patada da Mula relacionada coas marcas ou pegadas que deixou a mula ou o cabalo da virxe, dos mouros, dun/ha determinado/a santo/a padroeiro/a, do apóstolo Santiago… repítese con pequenas variantes por moitos enclaves da península ibérica. Son interpretacións lendarias, a maioría de orixe medieval, asociadas a un xeito de interpretación da relixiosidade popular católica que chegou ós nosos días de xeito oral e transmitido de xeracións en xeracións na memoria popular. En moitos casos son lendas marianas que tratan de explicar marcas ben visibles na paisaxe pero de inexplicable factura para aquelas comunidades que as reinterpretan asignándolle unha procedencia mítica.

En Galicia hai ferraduras do apóstolo Santiago espalladas por diferentes lugares da nosa xeografía que marcan lugares cun significado especial. A lenda da pegada do cabalo do apóstolo en Cee analizada no noso blog, As ferraduras de Santa Cruz do Oural no Incio, a Pedra dos Mouros no Monte da Alén (Beariz) ou o Coto das Ferraduras en San Bieto de Rabiño (Cortegada) son algúns exemplos destas pegadas lendarias.

Estas gravuras de ferraduras non son moi frecuentes na comarca de Compostela, só subliñar a súa presenza nun dos paneis da Pedra que Fala en San Xoán de Fecha (Santiago de Compostela), así como na próxima estación rupestre da Pedra dos Miralles que recentemente publicamos.

Porén, tamén hai algún enclave relacionado con este tipo de folclore, é o caso da “Pedra da Ferradura” do Castro de Mouromorto da que o historiador Carlos García Martínez recolle o seguinte

 

“Evidencia a existencia en plena ocupación do recinto castrexo de ritos relixiosos sobor de ela.  Aínda garda hoxe vestixios da súa sacralización. Refiren os lugareños que na media noite de San Xoán sae do seu fondo unha galiña con pitos de ouro e quen puidera ollar este encanto faríase co tesouro que alí hai soterrado. Outros veciños vinculan a Pedra da Ferradura ás pegadas do cabalo do apóstolo Santiago”.

Unha variante desta mesma lenda recóllea a profesora Josefa Rey Castiñeira no traballo de “Estudio y catalogación de castros de la provincia de la Coruña”. Por certo, unha laxe con cruces e pías á beira da muralla do castro aínda pendente de catalogación.

Ferraduras na Pedra que Fala (Santiago de Compostela)

En Asturias e Castela, atopamos varias “pisadas de moros y moras” con formas de podomorfos e ferraduras. Bos exemplos son a Pedra das Ferraduras de San Ciprián de Hermisende ou as pisadas del moro y de la mora (Castrillos de la Valduerna) que recolle no seu blog e libros o investigador Juan Carlos Campos.

No Libro Sacra Saxa II, coordinado por Martín Almagro e Ángel Gari, os investigadores Jesús  Caballero e María Mariné refiren outras interesantes mostras destas penedas con “huellas de herradura explicadas mediante mitos o leyendas”, en Ávila: La Herradura del Caballo de Santiago en Muñogalindo (Ávila), La Pisá de la Cabra en Amavida – El Risco, La Pisá de la Mula de San Vicente de Ávila, La Pisada del Caballo de Santiago en Navamoral de la Sierra, etc.

En Portugal ata as icnitas (pegadas ou sinais da actividade dos dinasaurios) do Cabo Espichel, a chamada pedra da Múa da Praia dos Lagosteiros no extremo sudoeste da Península de Setúbal, son interpretadas polo ascenso da Virxe María ó lombo dunha mula xigantesca. Porén, estas lendas de tradición mariana asociadas a ferraduras ou podomorfos son frecuentes tamén no Gerês, Trás-os-Montes e Alto Douro.

Rematamos esta pequena relación coa achega dun dos nosos máis queridos colaboradores, o historiador e profesor Fernando Alonso Romero, que nos fala sobre lendas neste tipo de gravados de ferraduras en Extremadura:

 

En Extremadura también se conoce la leyenda sobre las huellas de las herraduras que dejó grabados en las piedras el burro en el que iba montada la virgen o la sagrada familia durante su huida a Egipto. Suelen encontrarse estas improntas de las herraduras en los aledaños de algunas ermitas extremeñas. La cristianización de estos signos rupestres se extendió incluso a los pilos rocosos en los que antiguamente debía de celebrarse alguna tradición cristiana. En la localidad extremeña de Garrovillas, frente al santuario de Nuestra Señora de Altagracia, hay una pila de estas características”, excavada en un canchal a flor de tierra en donde se dice que bebió la errática burra cuando sobre sus lomos conducía a San José, a la Virgen y el niño”.

En el trabajo de J.M. Domínguez Moreno, “animales guía en Extremadura” (Revista de Folkore, núm. 300, 2008), se citan varias piedras extremeñas en los que los devotos del apóstol Santiago creen ver las pisadas de su caballo blanco que dejó como testimonio de su paso después de ayudar a los cristianos en sus enfrentamientos con los moros. En algunas leyendas, al igual que en Galicia, la figura de este mítico jinete es sustituida por las del caballero Roldán, sobre todo en la comarca de las Hurdes.

Conclusión

Agardamos que esta pequena entrada no noso blog contribúa a dar coñecemento dunha pequena e case esquecida laxe que no seu día foi moi especial para a veciñanza destas parroquias que unen Santa Comba e Coristanco así como doutros interesantes elementos patrimoniais da redonda.

Fragmentos de volframio, o ouro negro que procuraron os nazis e transformaron a paisaxe desta zona.

Será difícil que as virxes de Cuns e Grixoa se reencontren na peneda onde as mulas dos arrieiros deixaron testemuña do seu paso e, que os romeiros divisen de novo aquel horizonte marcado pola silueta da Moa do Zapateiro, pero para nós foi toda unha experiencia imaxinar aqueles feitos. Oxalá estas verbas axuden a preservar este derradeiro vestixio nunha paisaxe marcada pola actividade mineira doutros tempos.  

Veciños de Cuns lavando os minerais. Ca. 1950. Arquivo Casa Pastoriza

Agradecementos

Queremos agradecer á grande familia da Casa Pastoriza de Cuns o ternos contado as historias ligadas ás antigas minas, da “roubeta” e do contrabando, e algunhas tradicións que aínda conservan na parroquia. E, por suposto, este artigo non sería posible sen a colaboración de Fani, Manuel e Andrés. Grazas por guiarnos polos montes de Cuns e por relatarnos con tanta emoción e paixón esta historia da vosa aldea que agora e, co voso permiso, tamén é un chisco da Rula.

Andrés, Manuel e Fani na Pedra da Patada da Mula

Bibliografía

Domínguez Rial, Evaristo: “Andando por Bergantiños: parroquia de Couso e Cuns”. Deputación da Coruña e Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. N.7 -2004

Domínguez Rial, Evaristo: ”Coristanco.As súas parroquias”. Embora edicións, 2015

Gorgoso López, Lino & Sánchez Blanco, Fátima: “As tumbas dos nosos antergos: as mámoas e medoñas do Concello de Santa Comba”.(2020). Blog: O son da Coruxa. https://osondacoruxa.wordpress.com/2020/06/03/as-tumbas-dos-nosos-antergos/Consulta 15/02/2023

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.