O Petróglifo do Agro do Sal, arte rupestre á beira dos megálitos teenses


Hai só uns anos a arte rupestre teense localizábase, esencialmente, nas parroquias de Calo e Luou, especialmente nesta última e, coa única excepción dos petróglifos da Fraga de Mallos na parroquia de Teo. Alén de factores socioeconómicos, ambientais, culturais, xeolóxicos, e do propio impacto antrópico sobre determinadas zonas do concello, un dos factores que explicaba, en boa medida, a distribución xeográfica destes bens culturais era a maior intensidade dos traballos de campo realizados ata ese momento nestas parroquias.

Porén, a recente descuberta de novas estacións en Cacheiras e nos Tilos está a mudar a imaxe que tiñamos da arte rupestre teense abrindo novas liñas de investigación na distribución destas manifestacións artísticas na comarca de Compostela. Certo é que son estacións de menor tamaño, con menor número de motivos e unicamente con gravados de tipoloxía abstracta ou xeométrica pero a súa localización na paisaxe en enclaves de grande valor histórico, antigos lindes territoriais, á beira de antigos camiños tradicionais ou en relación con necrópoles megalíticas, suscitan grande interese.

Neste último caso debemos engadir este novo xacemento rupestre situado á beira dunha das áreas arqueolóxicas máis importantes do concello, a necrópole megalítica que se estende entre o Monte de Busía e o Monte da Peña da Póboa con continuidade nas mámoas de Montouto, a maioría actualmente desaparecidas, seguiría na zona do Monte da Pena (2 mámoas inéditas) no linde entre Santiago e Teo e chegaría ata as parcelas de monte na cima da aldea do Outeiro (Santiago de Compostela) onde hai uns anos localizamos a que sería a mámoa máis ó Norte deste antigo camposanto prehistórico. Unha penichaira situada entre os 250 e 350 m de altura con importantes mananciais na súa contorna pero lamentablemente moi afectada polas continuas repoboacións de eucaliptos e o desleixo xeral no coidado desta zona atravesada por ducias de pistas da concentración parcelaria que substituíron ós antigos camiños. Mámoas que presentan un diferente estado de conservación e tamaño, oscilan entre os 12 e 25 m de diámetro e entre 1-2 m de altura.

Mapa de situación das mámoas e petróglifos da necrópole megalítica do Monte de Busía – Pena da Póboa (Calo – Cacheiras).

Nunha revisión recente puidemos ollar, non sen dificultade, todas as catalogadas no seu día polo arqueólogo Manuel Lestón (2001 e 2006) da empresa Arkaios redactora do inventario do Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado en 2010. Non obstante, podemos imaxinar que orixinalmente o seu número era maior.

A descuberta

Debemos o achado desta nova estación á colaboración e información facilitada por Jesús Manuel García Gasamáns. Ó remate dunha das visitas guiadas ós petróglifos de Cornide e Regoufe, neste caso organizada pola ANPA do Instituto de Cacheiras, Jesús falounos dunha peneda con posibles gravados nesta zona da Póboa (parroquia de San Simón de Ons de Cacheiras) que descubrira hai uns 20 anos. Nas últimas visitas pola zona, por onde acostuma a camiñar e andar coa bicicleta, tentara sen éxito localizala de novo. O abandono xeral deste monte dificultaba a súa procura. Malia todo, indicounos nun plano unha situación aproximada da peneda.

Pouco tempo despois nunha das saídas periódicas que realizamos para visitar as mámoas desta área arqueolóxica aproveitamos a ocasión para pescudar na zona sinalada por Jesús e localizamos de novo a peneda. Curiosamente Jesús só lembraba un dos paneis con coviñas e cazoletas e aledouse moito, non só ó ver de novo a lembrada peneda senón tamén ó comprobar que posuía moitos máis motivos dos que pensaba.

Situación e descrición do soporte e os motivos

Trátase dun afloramento granítico de gran moi groso de 5,10 m no eixe N-S por 2,90 m no E-0, moi irregular con varias alturas e múltiples ocos e superficies que apenas sobresaen medio metro sobre o nivel do chan na zona máis elevada. Atópase na parte central dunha parcela de uso agrario con eucaliptos (R.C. 15083A514027620000KQ) a 340 m.s.n.m na zona alta desta área do Monte de Busía xusto antes de que o terreo comece a descender bruscamente cara a aldea de Vilar de Calo, coordenadas UTM: 29 T 535447 4743045 (Datum: WGS84). Maps: 42.83915, -8.56624 (Vilar de Calo – Teo).

Modelo fotogramétrico dos 3 paneis do petroglifo do Agro do Sal (Vilar de Calo)

Sitúase a tan só 150 m da Mámoa 2 de Vilar de Calo  (GA15082027) e a escasos 80 m do manancial da Fonte do Agro do Sal. Estaría por tanto dentro da zona de protección que engloba as 8 mámoas da citada necrópole do Monte da Busía (Calo) – Pena da Póboa (Cacheiras). Próximo ó petróglifo existen outros topónimos como “Mámoa da Cavada” na parcela lindeira ó oeste que semellan evidenciar que no pasado houbo outros túmulos funerarios xa desaparecidos.

Mámoa 2 do Monte da Pena (Sen catalogar). Santiago de Compostela.
 Coordenadas Maps:  42.84533, -8.54872

O repertorio de gravados atinxe exclusivamente coviñas e cazoletas de diferentes tamaños distribuídas en tres paneis situados en tres zonas claramente diferenciadas da laxe e dispostas nunha estrutura de puntos agrupados en formacións en segmentos alongados con certa homoxeneidade, non están distribuídas de xeito anárquico. O gran groso que presenta o soporte elixido dificultaría o gravado doutros motivos.

Panel 1-  Agrupación de 16 coviñas/cazoletas nun panel de 60 x 56 cm no bordo situado máis ó norte da rocha. É o panel con maior número de gravados e coas cazoletas de maiores dimensións, a de maior tamaño mide 16 cm de diámetro por 6 cm de profundidade.

Panel 2- Situado na parte máis baixa da rocha a uns 40 cm do anterior, conta cunha pequena agrupación de 8 coviñas de pequenas dimensións (5-8 cm x 2 de profundidade) e dúas máis illadas de semellante proporción, moi regulares. Panel cunha superficie case plana de 80 x 39 cm.

Panel 3 – Situado na parte máis elevada e central da rocha nun panel de 96 x 60 cm no que os gravados tamén se agrupan na parte superior, 13 coviñas de formas regulares, de 8 a 12 cm.

En resumo, unhas 40 coviñas / cazoletas de formas redondeadas, agás un par de cazoletas de deseño alongado no panel 1, que se adaptan e aproveitan os tres espazos máis chairos dunha rocha de boas dimensións pero moi irregular. Poderíamos dicir que é un soporte pouco habitual dentro da arte rupestre galaica.

A importancia das coviñas

A descuberta deste petróglifo do Agro do Sal supón a segunda estación rupestre localizada nesta área arqueolóxica ó norte do concello que se estende dende o linde entre as parroquias de Calo e Cacheiras e chega á zona do Montouto xa na estrema con Compostela.

Previamente, no ano 2007, Fernando Hermida, veciño de Cacheiras, descubrira o petróglifo da Estivada do Vilar – Montouto (GA15082109) con gravados prehistóricos de coviñas e cruciformes históricos. Ambos petróglifos semellan delimitar a necrópole megalítica, por unha banda o petróglifo do agro do Sal situaríase na parte NW mentres que o petróglifo da Estivada do Vilar ó SE, o primeiro na parte máis alta e o segundo case na aba do monte.

Hai pouco tempo, o proceso de rexistro destas estacións mudou de xeito significativo ó ser consideralas simples referencias (RE) e non como xacementos (GA). Os técnicos e arqueólogos, seguindo novas directrices dende a Consellería de Cultura e máis concretamente dende a D.X. de Patrimonio Cultural, rexistran estas estacións rupestres como simples referencias polo que carecen dun ámbito de protección como acontecía previamente. É certo que en ocasións figuran nos inventarios patrimoniais e, con posterioridade no Plan Básico Autonómico, estacións rupestres illadas formadas simplemente con dúas ou tres coviñas, mesmo dubidosas, establecendo un ámbito de protección como a calquera outro petróglifo coas conseguintes restricións que supón nos PXOM municipais. Porén, non parece a mellor solución para evitar este problema quitarlle a protección a xacementos tan relevantes como o analizado neste artigo. É evidente que o máis lóxico sería que os propios técnicos responsables destes traballos realicen unha ponderación do valor destas estacións baseado en criterios como a súa relación con outros xacementos, a súa situación na paisaxe, número de gravados, etc.

Petróglifo do Agro do Sal ó solpor

Asemade, cómpre subliñar a relevancia destas manifestacións simbólicas asociadas con espazos sagrados e contextos megalíticos tal como recollen diferentes autores, “rochas gravadas, maioritariamente con coviñas poderían delimitar áreas de recursos naturais sensibles, ou sinalar zonas de paso” (Bradley et al., 1994). Esta vinculación das cazoletas e coviñas con espazos visuais e liñas de tránsito onde se sitúan as diferentes mámoas da necrópole do Monte de Monte de Busía – Monte da Peña da Póboa testemuñan a relevancia destas estacións que non podemos analizar dun xeito illado senón dentro dun contexto xeral coa paisaxe e xacementos da súa redonda e tratar de analizar as causas da elección concreta destes enclaves.

Epílogo final

Somos conscientes de que cazoletas e coviñas son a representación máis simple do amplo repertorio iconográfico do Grupo Galaico da Arte Rupestre e que foron empregadas dende a Prehistoria Recente ata épocas modernas con diferentes e múltiples significacións, pero, malia todo, o petróglifo do Agro do Sal é un bo exemplo da importancia destas estacións que pese a súa simpleza son esenciais na interpretación destas áreas arqueolóxicas e contribúen a achegar sólidas evidencias para poder falar da súa orixe neolítica e da súa probable vinculación coas necrópoles megalíticas.

Como é habitual, procedemos a comunicar á Dirección Xeral de Patrimonio a descuberta desta nova estación rupestre que é froito do interese que a propia veciñanza comeza outorgar ó coñecemento e protección deste patrimonio ata hai pouco tempo pouco valorado e moi descoñecido.

Rematamos agradecendo a Jesús Manuel García a súa inestimable colaboración. Mil grazas de novo a todos/as veciños/as que, como Jesús, compartides con nós os vosos coñecementos e historias pois contribuídes paso a paso, elo a elo, a afondar nas nosas orixes e a enriquecer o noso patrimonio cultural.

BIBLIOGRAFÍA

Lestón, M.: “Catálogo de Xacementos Arqueolóxicos do Concello de Teo, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, 2001 e revisión de 2006

VV.AA (OLLARTE) “Os petróglifos do Concello de Teo”. Ollarte: unha mirada ao patrimonio. Ed. Concello de Teo. 2008

Fernández- Pintos, Julio: Introducción a los petroglifos de coviñas en el Arte Rupestre Gallego. Edición en liña. Feb. 2022

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.